Culturagalega.org tivo a feliz idea de acompañar a Marcos Calveiro no percorrido dos espazos composteláns de Festina lente. Un vídeo que moito recomendamos.
Archive for Xuño 2008
“Festina lente”, os espazos da novela
Xuño 30, 2008“Lía e as zapatillas de deporte”, segunda crítica
Xuño 29, 2008María Navarro publica no último número de Faro da cultura unha crítica de Lía e as zapatillas de deporte, o máis recente libro de María Reimóndez na colección Merlín.
Presentación en Noia
Xuño 29, 2008A edición do Barbanza de La Voz de Galicia faise eco do acto de presentación de Veleno tinto de Ramón Carredano e Cazaría salvaxe de Agustín Agra, celebrado o venres, 27 de xuño, nos locais do Liceo de Noia. Ao acto, conducido polo escritor Carlos Mosteiro, asistiron máis dun centenar de persoas.
“Outra Galiza”, roda de prensa
Xuño 29, 2008O luns, 30 de xuño, ás 12:30, no Club Internacional de Prensa de Santiago, presentarase en roda de prensa Outra Galiza de Suso de Toro. No acto intervirán o autor e Manuel Bragado.
Optativas de Bacharelato
Xuño 28, 2008Aquí pode descargarse o decreto que establece a relación de materias optativas de bacharelato, o seu currículum e regula a súa oferta. Como materias optativas de oferta obrigatoria en todas as modalidades de bacharelato aparecen Música (1º), Segunda lingua estranxeira (1º e 2º) e Tecnoloxías da información e comunicación (1º). Como outras optativas a ofertar, sempre que a organización e os recursos do centro o permitan, figuran: “Antropoloxía” (1º), “Ética e filosofía do dereito” (2º), “Filosofía da ciencia e tecnoloxía” (2º), “Métodos estatisticos e numéricos” (2º) e “Xeografía e historia de Galicia” (2º).
Con respecto ao regulamento anterior, desaparecen as materias de “Literatura galega do século XX” e “Introdución ás Ciencias Políticas e Socioloxía”. Así mesmo, pasan de 1º a 2º curso a “Ética e Filosofía do dereito” e os “Métodos estatísticos e numéricos”.
A orde tamén establece a posibilidade de cursar como optativa, unha materia propia de modalidade.
Estas materias optativas terán unha duración de catro horas semanais.
Marcos Calveiro, entrevista en «Luces»
Xuño 27, 2008A raíz da recente saída da súa novela Festina lente, Marcos Calveiro é entrevistado por Daniel Salgado para a sección «Luces» de El País. Reproducimos un breve fragmento:
A cidade [Santiago de Compostela] é protagonista da novela, unha cidade pechada, que aínda conserva as murallas. Cando hai un andazo, a muralla péchase; cando os lobos axexan a cidade, a muralla péchase. Santiago muda en caldo de cultivo para problemas, envexas, loitas de poderes, e iso funciona como férrea forma de control sobre os habitantes. E, alén do visual, interésame moito o olor: as rúas estaban, maioritariamente, sen lousar e a hixiene era a auga vai, tirábase todo pola fiestra… A cidade tiña que feder, e así a describían os viaxeiros do século XVII. A urbe determina a vida da súa poboación.
“PAlAbrAs brAncAs”, presentación en Pontevedra
Xuño 25, 2008Mañá, xoves, ás 20,00 presentarase na Galería Sargadelos de Pontevedra PAlAbrAs brAncAs o poemario de Elvira Riveiro, ilustrado por Fino Lorenzo e publicado na colección Merlín. O acto está organizado pola asociación Máislibros.
“Decálogo do galego” por Xosé Manuel Pereiro
Xuño 25, 2008Vodpod videos no longer available.
“Decálogo do galego” por Manuel Rivas
Xuño 25, 2008Vodpod videos no longer available.
“Decálogo do galego”, presentación “Os Grouchos”
Xuño 25, 2008Martín Pawley fixo unha interesantes gravacións en vídeo dos actos de presentación d’ Os Grouchos en Santa Comba. Un dos momentos máis interesantes foi a lectura do “Decálogo do galego” polo propio Manuel Rivas e polo presentador do libro, Xosé Manuel Pereiro.
Xerais na Feira do Libro de Vigo
Xuño 25, 2008Xerais realizará un importante número de actos na Feira do Libro de Vigo, que se celebrará na Alameda viguesa do 27 de xuño ao 6 de xullo.
- 30 luns, ás 19,00 h: Manuel Rivas asinará Os Grouchos.
- 1 martes, ás 20,30 h: presentación de Festina lente de Marcos S. Calveiro. No acto intervirán Óscar Sánchez, Fran Alonso e o autor.
- 2 mércores, ás 20,00 h: Agustín Fernández Paz asinará O único que queda é o amor.
- 3 xoves, ás 20,00 h: Manuel García Castro “Magar” asinará Vigo por Magar e Fernando Quesada Chispas de Quesada.
- 3 xoves, ás 20,30 h: presentación de A idade da auga de James Salter. Intervirán Gonzalo Navaza, Manuel Bragado e o autor.
- 4 venres, ás 20,00 h: Suso de Toro asinará Outra Galiza.
- 4 venres, ás 20,30 h: presentación d’ Os nomes do traidor de Xurxo Sierra Veloso. Intervirán: Belén López, Manuel Bragado e o autor.
- 5 sábado, ás 20,30 h: presentación de O profesor de vegliota de Manuel Veiga. Intervirán Manuel Bragado e o autor.
“Outra Galiza”, adianto
Xuño 25, 2008Aquí poden descargarse vinte páxinas do novo libro de xornalismo de Suso de Toro, Outra Galiza. Este documento pdf inclúe o limiar do libro e dous traballos correspondentes ás dúas partes da obra: “o traxe non vale” (primeiro traballo do capítulo “O tempo aberto”) e “Outras ideas, outro galeguismo” (un dos textos da segunda parte “Saíndo ao día”). Outra Galiza será presentada aos medios de comunicación o luns 30 de xuño, ás 12:00 horas, no Club Internacional de Prensa de Santiago e o autor asinará exemplares na Feira do Libro de Vigo no serán do venres 4 de xullo.
“As mellores intencións” dun tirón
Xuño 24, 2008O crítico Xosé Manuel Eyré confesa no seu blog que leu dun tirón As mellores intencións, a novela de Begoña Paz gañadora do premio Centenario do concello de Riveira. “De súpeto, atopeime lendo o capítulo 3, consciente de que a novela de Begoña Paz é desas que non deben pasar desapercibida. Que o formato breve encerra unha historia complexa, fonda, inversamente proporcional ao seu tamaño.”
Marcos Calveiro, entrevistado por Fervenzas
Xuño 24, 2008Fervenzas literarias publica unha longa e interesante entrevista con Marcos Calveiro a raíz da presentación en Compostela de Festina lente. Escollemos dous parágrafos significativos do texto.
“Esta novela trata de imprentas, de libros e tamén reflexa o proceso de creación do libro, festina lente, ese bule amodo. A súa primeira versión fíxena moi rápido e un amigo recomendoume ese bule amodo para darlle outra volta máis ao libro. O libro polo tanto ten esa dupla significativa: o proceso na escrita que lle din e por outra parte ten esa referencia á tipografía e a referencia que poñía Manucio aos libros.”
- “Cando eu teño unha historia tiro con ela cara adiante. Este é o meu primeiro libro para artellar unha novela, nace antes que calquera dos outros libros que teño publicado. Sen embargo, aquí hai moito do que aprendín escribindo para rapaces: o proceso de edición, corrección,… En todos eses libros para Tambre aprendín moitas das cousas que logo utilicei aquí. Ás veces penso que quizais, cando escribín aquela primeira versión de hai tres anos, non foi para adiante porque non era o escritor formado con eses libros de literatura xuvenil.”
“Os Grouchos”, adianto
Xuño 24, 2008Aquí poden descargarse as primeiras páxinas d’ Os Grouchos. O documento pdf inclúe a presentación do libro (“Ir de grouchos”) e o primeiro dos traballos xornalísticos (“Decálogo do galego”).
Programación de “Ética e educación para a cidadanía”
Xuño 24, 2008Aquí pode descargarse a programación didáctica de Ética e educación para a cidadanía de 4º de ESO.
Programación de “Ciencias para o Mundo Contemporáneo”
Xuño 24, 2008Aquí pode descargarse a programación didáctica de Ciencias para o Mundo Contemporáneo de 1º de BAC.
Manuel Rivas presentou “Os Grouchos”
Xuño 23, 2008Manuel Rivas presentou Os Grouchos nun acto celebrado na Libraría Ler de Santa Comba, no que estivo acompañado do xornalista Xosé Manuel Pereiro. Recollemos as primeiras referencias da presentación publicadas nos medios electrónicos:
- “Manuel Rivas reivindica o humor como ferramenta do xornalista” (Galiciae).
- “Manuel Rivas recopila en ‘Os Grouchos’ los artigos publicados en ‘El País'” (EFE).
- “Loitar contra o esquecemento” (Galicia hoxe).
- “Manuel Rivas eligió Santa Comba para presentar sua relatos cortos ‘Os Grouchos'” (El Correo Gallego).
- “Rivas busca sentido al ruido” (El País Galicia).
- “O ‘Rivas recompón as cachizas” (La Opinión da Coruña)
- “Santa Comba recibiu en primicia ós Grouchos de Manuel Rivas (Anosacosta).
- “274 quilómetros por un débeda con manuel rivas” (Cabaret Voltaire).
- “De Grouchos e Harpos” (Calidonia).
- “O decálogo do galego” (Días estranhos).
Currículum de Bacharelato
Xuño 23, 2008Hoxe saíu publicado no DOG o Decreto de currículum do Bacharelato LOE da Consellaría de Educación. Inclúe os currículums de todas as materias e o regulamento das ensinanzas desta etapa educativa. Pode descargarse en pdf aquí.
“Educación para a cidadanía”, “La Voz de Galicia”
Xuño 22, 2008La Voz de Galicia publica hoxe unha reportaxe sobre os manuais de Educación pra a cidadanía para 2º de ESO. O autor da reportaxe dedica un despece ao libro editado por Xerais.
Marcos Calveiro, entrevistas
Xuño 21, 2008Con motivo da presentación de Festina lente, celebrada onte na Libraría Couceiro de Santiago, Marcos Calveiro foi entrevistado por La Voz de Galicia, El País, AGN e Galicia hoxe.
Nestas entrevistas, Marcos Calveiro define Festina lente como “un relato sobre os libros como armas de coñecemento que poden amolar o poder”. “É unha novela na Compostela dos séculos XVI e XVII, que era moi rica en personaxes. Conta a vida dun encadernador de libros e o que hai arredor das primeiras impresións e tipografías. A historia xira arredor dun códice e do mundo dos canteiros. Reprodúcense verbas da linguaxe dos canteiros, arxinas. É un gran fresco histórico.”
Marcos Calveiro salienta nas entrevistas que na obra se fala dos libros como “fonte de coñecemento e liberación”, especialmente “nos tempos de intolerancia que vivimos, non só no mundo islámico, senón tamén no occidental”.
Calveiro tamén salientou o carácter compostelán da novela: “Consultei moitos libros na Fundación Penzol de Vigo. Nomes de arquitectos, impresores e tipógrafos que cito no libro son reais, como o son os nomes de moitos libros: títulos da biblioteca do Conde de Gondomar, ou que aparecen no Arquivo Xeral de Simancas como libros prohibidos… Tamén falo de feitos históricos como a derrota da Armada Invencible, o ataque de Drake á Coruña, a propia Inquisición… porque tiveron un reflexo real na vida da xente. E a novela é un gran fresco do Santiago da época, da vida cotiá”.
“Os Grouchos”, presentación en Santa Comba
Xuño 20, 2008Vieiros faise eco da convocatoria de presentación d’ Os Grouchos, o novo libro de xornalismo de Manuel Rivas, que se celebrará o vindeiro luns, 23 de xuño, na Librería Ler de Santa Comba. No acto participarán o autor, o xornalista Xosé Manuel Pereiro e Manuel Bragado.
Xerais na rede
Xuño 20, 2008Reproducimos a noticia aparecida no espazo web da AGE sobre a presenza de Xerais na rede:
Edicións Xerais de Galicia, en aras de favorecer unha mellor comunicación cos seus lectores e lectoras, vén de poñer en marcha nos últimos meses dous novos espazos na Rede, que se suman ao completo portal da editorial. Trátase dun blog xeral, http://www.xeraisblog.com, co que se pretende facilitar a participación dos lectores, e outro blog adicado en exclusiva á lingua e a literatura, http://xeraislingua.wordpress.com, con información actualizada sobor desta destacada materia educativa.
Xerais blog pretende ser un espazo onde os lectores poidan acceder a información de todo tipo: noticias, novidades, críticas aparecidas nos medios, presentacións, entrevistas, adiantos de obras de próxima aparición para descargar en pdf, presentacións de materiais didácticos, descarga de programacións, información sobre premios, etc. Todo un compendio, en resumo, da última hora editorial…
Para alumnos e profesores
A lingua e a literatura son as protagonistas de Xerais Lingua, con todos aqueles datos actualizados de interese para o profesorado e alumnado de Educación Primaria, Educación Secundaria Obrigatoria e Bacharelato. Isto inclúe a presentación de novos materiais didácticos, recursos didácticos para traballar na aula en distintos niveis educativos, e documentación sobre os libros de texto que Xerais publica.
Ámbalas dúas iniciativas se suman ao portal da editorial (http://www.xerais.es), onde se pode acceder a información sobre as últimas novidades, curriculums de autores/as, ilustradores/as, tradutores/as e lista de prezos actualizada, ademais da axenda de actos editoriais, adiantos de lectura, programacións didácticas e proxectos lectores.
“As mellores intencións”, primeira crítica
Xuño 19, 2008Montse Pena Presas publica en Faro da Cultura a primeira crítica d’ As mellores intencións, a novela de Begoña Paz.
Programación de “Matemáticas aplicadas ás Ciencias Sociais”
Xuño 19, 2008Dende hoxe pode baixarse aquí en pdf (61 páxinas) a programación didáctica de Matemáticas aplicadas ás Ciencias Sociais de 1º de Bacharelato.
«Hordas de escritura», nova crítica
Xuño 19, 2008María Xesús Nogueira publica en lg3 unha crítica de Hordas de escritura, o último poemario de Chus Pato. Recollemos un fragmento:
O poemario ten como eixe central a propia linguaxe poética. A reflexión levada a cabo sobre o discurso anticípase xa nun título onde se combina o salvaxe e o primitivo (as hordas) co código (a escritura). Hai polo tanto unha importante dimensión autopoética neste libro que se pregunta «que sorte de tecnoloxía é o poema» no que «o eu é un innumerábel que multiplica e se descentra».
“Renacer”, Xabier Paz
Xuño 18, 2008Renacer é a primeira novela de Xabier Paz, autor que publicou en Xerais o poemario Materia de Lucrecio e a crónica Follas do bacallao. Renacer será presentada na Feira do Libro de Vigo.
Despois da morte do pornógrafo Aretino, a súa filla Adria navega pola súa intimidade, esculca no seu interior na procura de verdade acerca do pai, amante, xuíz e verdugo que marcou a súa existencia dende o afastamento convertido en fantasía permanente. O canon da época, as diferentes concepcións pictóricas e literarias da Venecia do século XVI proxéctanse sobre os personaxes, interactúan con eles até crear unha amálgama onde as obras e autores son protagonistas. As páxinas de Renacer, a primeira novela de Xabier Paz, revelan unha vida marcada por un home contraditorio; distante e rexo na casa, mais promiscuo nas súas relacións sociais, a vida dunha muller obrigada a cumprir a vontade do pai, da que fose con nocturnidade para topar o bálsamo consolador en Carmina: amiga, amante e centro da súa vida clandestina.
“Os nomes do traidor” de Xurxo Sierra Veloso
Xuño 18, 2008Os nomes do traidor, é a primeira novela de Xurxo Sierra Veloso no catálogo de Xerais Narrativa. Reproducimos o texto da cuarta de cuberta:
Delanuit é acollido nun programa de protección a testemuñas tras delcrar en contra dun narcotraficante. Agachado nunha urbanización, o protagonista d’ Os nomes do traidor, a primeira novela de Xurxo Sierra Veloso en Xerais Narrativa, agarda o momento en que os seus inimigos por fin o atopen e o asasinen. Mentres agarda, o perseguido reflexiona sobre as distintas e sucesivas identidades que tivo na súa vida, ningunha delas tan satisfactoria como para que pagase a pena loitar por defendela. A través dunha multiplicidade de voces e rexistros expresivos (a do protagonista, a da súa muller, a dos sicarios, a da súa filla, a do narco que planea a vinganza…) vanse abrindo ao lector esta novela intrigante, que ofrece dous niveis de lectura. A medio camiño entre o xénero negro e o psicolóxico, Os nomes do traidor consegue crear unha tensión narrativa, ben dosificada, que preside a vida oculta do protagonista e nos remite a unha novela de extraordinaria expresión cinematográfica.
A novela de Xurxo Sierra será presentada na vindeira Feira do Libro de Vigo.
“So resta o Amor”, Agustín Fernández Paz
Xuño 17, 2008O vindeiro 26 de xuño chega ás librarías portuguesas So resta o Amor, a tradución ao portugués d’ O único que queda é o amor, o máis recente libro de Agustín Fernández Paz. O libro é a terceira entrega da colección “Mil horas de leitura” de Ediçoes Nelson de Matos, tras o Lavagante de Joe Cardoso Pires e Contos de Morte de Pepetela. Nelson de Matos presenta a Agustín Fernández Paz como “Um fascinante escritor galego”. Reproducimos a folla promocional do libro que remata de forma ben expresiva: “Com ele a literatura galega toma lugar na nossa colecçao. Uma literatura fascinante numa língua irma.”
“A nosa horta”
Xuño 17, 2008Acaba de entrar no almacén A nosa horta. Guía para a ordenación dos cultivos na horta familiar, unha edición otalmente renovada e actualizada do libro que publicaran hai dez anos Xesús Cordeiro Budiño, Mª Consuelo Davila Villar e Andrés Núñez Rajoy.
En Galicia é costume arraigado dispoñer dunha parte do terreo da casa para a horta familiar. A evolución da agricultura, que introduciu novas técnicas de cultivo, tamén trouxo consigo malas interpretacións acerca do que se debe e non se debe facer. A nosa horta é un manual encamiñado a corrixir, orientar e confirmar as boas prácticas agrícolas dentro das nosas casas e partindo da nosa realidade. O carácter didáctico do libro, con ilustracións, fotografías e debuxos, faino axeitado tanto para o agricultor profesional como para o afeccionado, pois aborda en profundidade os temas hortícolas de Galicia. A nosa horta trata todos os aspectos de solo, planta, clima, protección e ordenamento dos cultivos, así como a propia saúde das plantas, aplicados a máis de 40 cultivos.
O libro estará dispoñible para o público na Feira do Libro de Vigo.
“Outra Galiza”, novo libro de Suso de Toro
Xuño 17, 2008Outra Galiza, novo libro de xornalismo de Suso de Toro, aparecerá nas librarías coincidindo coa Feira do Libro de Vigo. Reproducimos o texto de cuarta de cuberta que preparamos:
As páxinas d’ Outra Galiza, escritas dende 2003 á primavera de 2008, naceron do diálogo do escritor Suso de Toro co seu país, nuns anos de tránsito, de cambio social e político nos que houbo momentos de grande conflitividade e dureza, nun tempo aberto no que apareceu a expectativa de que a sociedade galega abrollase máis anovada. Textos críticos e autocríticos, escritos coa convicción de que as palabras contribúen a cambiar o estado das cousas e ganduxados coa intención explícita de ir ofrecendo un programa para un novo galeguismo e tecer unha Galiza da cidadanía. Un libro de intervención onde latexa no fondo un optimismo razoable e a confianza na nosa sociedade e nas posibilidades deste tempo novo.
Outra Galiza será presentado a finais deste mes en Santiago.
“Os Grouchos”, novo libro de Manuel Rivas
Xuño 16, 2008Coincidindo coa feira do Libro de Vigo, que se celebrará na Alameda viguesa do 27 de xuño ao 6 de xullo, aparecerá nas librarías Os Grouchos, o novo libro de xornalismo de Manuel Rivas. Reproducimos o texto de presentación que preparamos.
Este libro convoca a unha odisea librepensadora, a unha ecoloxía da liberdade, que ten como porto de partida a Galicia de hoxe, entendida como un local universal, o país portátil, unha identidade sen paredes. Os Grouchos son un urdido de literatura e heterodoxia. Unha denuncia contra os vellos e novos muros de silencio, mais tamén unha viaxe á procura das “faíscas da esperanza” das que falou Walter Benjamín. Manuel O´Rivas reivindica, na modernidade, a ollada do “home rebelde” de Camus. E na tradición lendaria, o espírito dos trasnos “meniñeiros”, os seres invisíbeis que transmiten a herdanza do saber rir. O resultado é un libro que morde contra a estupidez, como pedía Kafka, e que abre os cadeados coa chave do humor. Ler Os Grouchos? O autor cita un proverbio popular: “Quen lle teña medo ao mar que non embarque!”
O vindeiro luns, 23 de xuño, presentarase esta edición na Librería Ler de Santa Comba, ás 18:00 horas.
“Incertos”, crítica
Xuño 16, 2008Ramón Nicolás publica no suplemento Culturas de La Voz de Galicia unha crítica sobre Incertos de Antón Dobao.
Pode lerse o texto clicando sobre a imaxe.
“Mil cretinos”, críticas
Xuño 15, 2008María Xesús Lama publica en Protexta unha crítica de Mil cretins, o libro de relatos de Quim Monzó que publicaremos en galego nos vindeiros meses, traducido pola profesora Helena González.
Premer na imaxe para ler o texto.
“O segundo sexo”, crítica
Xuño 15, 2008Helena Miguélez Carballeira publica en Protexta unha crítica da tradución galega, preparada por Marga Rodríguez Marcuño, do primeiro tomo d’ O segundo sexo de Simone de Beauvoir.
Entrevista a Jaureguizar
Xuño 15, 2008A Nosa Terra publica unha nova entrevista con Jaureguizar, a raíz da obtención do Premio Terra de Melide 2008 pola novela O Globo de Shakespeare, que editará Xerais no vindeiro mes de outubro.
“Cardume”, crítica
Xuño 14, 2008Xiana Arias Rego publica en Protexta unha crítica de Cardume, a novela de Rexina Vega, merecedora do Premio Xerais de novela 2007.
Premer na imaxe para ler a crítica.