Con motivo da publicación en España das edicións d’ A deleiba do mundo, o máis recente libro de ensaios de Amin Maalouf, hoxe son moi numerosas as entrevistas co grande autor franco-libanés. Europa Press, EFE, El País, ABC, El Mundo recollen as declaracións dun Maaoluf esperanzado que reivindica, como no seu ensaio, «o investimento en cultura como investimento en paz cívica».
Archive for the ‘Xerais_nos_medios’ Category
Maalouf: «investir en cultura é investir en paz cívica»
Setembro 29, 2009«Monte Louro»: obsesións e fuxidas
Setembro 24, 2009Laura Caveiro publica en «Faro da Cultura» unha crítica sobre Monte Louro, a novela de Luís Rey Núñez gañadora do Premio Blanco Amor de novela 2009. Baixo o título de «Obsesións e fuxidas» e o subtítulo «Do paraíso perdido», Caveiro comeza sinalando que «dende a primeira frase da novela, sabemos que o protagonista de Monte Louro tivo varias identidades na súa vida: deste xeito, a través das súas páxinas viaxamos ao carón de Delio Landeira, dende Muros, cara a distintos destinos, e tamén cara ao interior das súas obsesións máis íntimas, como é a de prosperar. Imos coñecendo, aos poucos, a quen despois será chamado Artemio Losada, en Barcelona, e, finalmente, Iago Formoso, en Bos Aires». Contínúa Caveiro salientando o a «feitura de novela río» da obra, «con suave ritmo acompasado ao xurdir e desaparecer dos personaxes diante dos nosos ollos», ademais da «feitura de novela ponte entre Galicia e Arxentina». Conclúe o texto Caveiro insistindo na mestría do autor para amosar límpida «unha visión amada, a de Monte Louro. O paraíso perdido».
O texto completo da crítica pode consultarse en pdf no suplemento «Faro da Cultura» do Faro de Vigo de 24 de stembro de 2009.
«Pirata»: intimismo e aventura
Setembro 24, 2009Dolores Martínez Torres publica hoxe en «Faro da Cultura» unha crítica sobre Pirata, a máis recente novela de María Reimóndez. Baixo o título de «Intimismo e aventura», Martínez Torres salienta que en Pirata se reinterpretan, cun discurso parello ao feminismo lésbico, as biografías de Anne Bonny e Mary Read, compoñentes da tripulación de Calico Jack, un dos piratas do século XVIII. A critica sinala, ademais, que a autora «resume na difícil viaxe de Mary e de todas as súas compañeiras, á procura dunha identidade propia, o conflito universal e atemporal que tortura a quen non responda ao papel que o grupo lle demanda en cuestión de sexo, xénero e orientación sexual». Concluíndo o seu texto lembrando que «nunca son imparciais as voces narradoras; moito menos nesta obra, onde o intimismo e a aventura actúan como vehículos para a ideoloxía, e que responde á intención manifesta de facer visibles outras realidades».
O texto completo pode consultarse en pdf no suplemento «Faro da Cultura» do Faro de Vigo de 24 de setembro de 2009.
«Lúa do Senegal», crítica en «lg3»
Setembro 23, 2009Isabel Soto publica en «lg3» a súa crítica de Lúa do Senegal, a máis recente novela de Agustín Fernández Paz, ilustrada por Marina Seoane. A autora salienta que neste novela protagonizada por unha rapaza de dez anos que ten a lúa como confidente Fernández Paz «plasma unha vez máis a súa visión do mundo e faino creando unha voz narrativa intensa, madura e reflexiva». Pagaa pena recoller un dos parágrafos dun texto que convida a unha lectura en profundidade da novela:
En Lúa do Senegal atoparemos moitas das claves recorrentes do autor, coma tal, unha voz feminina, a utilización da primeira persoa narrativa, un personaxe con devoción polos libros e a lectura, intratextualidades ou, sobre todo e unha vez máis, unha historia «de fronteira» que abre as fiestras cara ao mundo, ás películas, aos poetas doutras latitudes. O libro aborda un problema actual, a inmigración, e faino elixindo como eixe central a carga emotiva que a rodea, a expresión íntima das dificultades, do desarraigo, da tristura, do rexeitamento, mais tamén integrando o optimismo, o respecto, a convivencia de linguas e culturas. Fernández Paz plasma unha vez máis a súa visión do mundo e faino creando unha voz narrativa intensa, madura e reflexiva: a de Khoedi, unha nena de once anos –que axiña nos trae á cabeza o mundo senegalés de Binta, do conmovedor filme de Javier Fesser, un dos referentes do autor no seu proceso de documentación– que atopa na Lúa a súa confidente, o único elemento común entre o mundo que coñece e o estraño que a rodea agora, dúas realidades tan distintas que a fan sentirse cos pés no aire, coma se non pertencese a ningures.
Carlos Reigosa esta noite en «Libro aberto»
Setembro 22, 2009Carlos Reigosa visita esta noite o programa «Libro aberto» (TVG, 00,30 horas) para falar da súa novela máis recente, A vida do outro, premio Torrente Ballester 2008.
Irene Pérez Pintos, entrevista n’ «A Nosa Terra»
Setembro 20, 2009Irene Pérez Pintos, a autora de Etiqueta para tod@s, é entrevista por A Nosa Terra. Unha entrevista, preparada por Eva Estévez, na que se salienta que «saltarse algunhas normas non é pecado, tal e como se desprende da lectura de Etiqueta para tod@s (Xerais), un manual non de ‘boas’, senón de ‘regulares’ maneiras, no que Irene Pérez Pintos reflexiona en clave de humor, sobre a necesidade de ter un bo comportamento para gozar dunha ‘agradábel’ convivencia social».
«A deleiba do mundo», primeira crítica do ensaio de Maalouf
Setembro 19, 2009Martín Pawley publica hoxe nas páxinas do suplemento «Nós» de Xornal de Galicia a primeira crítica d’ A deleiba do mundo, o ensaio de Amin Maalouf que chega esta fin de semana ás librarías galegas. O fermosísimo texto do crítico salienta que o ensaio do autor d’ A viaxe de Baldassare é un «ollar perturbador sobre o desarranxo do capitalismo e un canto á esperanza, á contación emocionada que outro rumbo é posible». Recollemos varios parágrafos dun texto crítico moi recomendable:
«Entramos no novo milenio sen compás». Desde a primeira liña Amin Maalouf deixa ben claro o seu desacougo ante o estado actual do mundo. É o berro de desesperación dun intelectual apaixonado pola razón e o coñecemento, que ve coma estes conceptos son postos en cuestión en máis partes do planeta das que nos gustaría recoñecer. Dun amante da liberdade que mira con tristura como deixou de ser un valor indiscutíbel para ser cercenada aquí e acolá con argumentos falsarios. A deleiba do mundo é o relato perturbador e inquietante do desastre económico, político, ecolóxico e ético do tempo en que vivimos e de como chegamos a el, mais se tan só fose iso non serviría para moito. O que fai do maxistral ensaio do escritor libanés unha ferramenta imprescindíbel é a súa condición de canto de esperanza, a súa emocionada certeza de que é posíbel atoparmos un rumbo diferente.
[…]
Maalouf amósase especialmente horrorizado pola perda da diversidade, pola pasividade ante a extinción de comunidades milenarias. «Un mundo onde se respecta cada día un pouco mellor a diversidade humana, onde calquera pode expresarse na lingua da súa elección, profesar pacificamente as súas crenzas e asumir serenamente as súas orixes sen incorrer na hostilidade nin no denigramento, sexa por parte das autoridades ou da poboación, é un mundo que avanza, que progresa, que se eleva».
A frase debería estar esculpida á porta das escolas e dos parlamentos, e non porque sexa algo que non saibamos, senón pola tendencia que temos a esquecelo. «O século XXI será salvado pola cultura ou ben se afundirá», afirma coa contundencia de quen pensa que a escala de valores non pode fundarse noutra cousa que non sexa a cultura e o ensino.
[…]
«Tedes o dereito e o deber de estudar a nosa lingua en profundidade. Mais tamén tedes o dereito e o deber de non esquecer a vosa lingua de orixe, porque a nós cómprenos ter persoas que compartan os nosos valores, que comprendan as nosas preocupacións e que falen perfectamente todas as linguas de Europa, de Asia e de África, todas sen excepción, a fin de que poidamos facernos entender por todos os pobos do planeta. Entre eles e nós, vós seredes, en todos os ámbitos –a cultura, a política, o comercio–, os insubstituíbles intermediarios». Velaí outra frase máis para esculpir.
«Escapado», primeira crítica
Setembro 9, 2009Rafael Lema acaba de publicar n’ A Nosa Galicia a primeira crítica sobre Escapado, a novela de Luís Lamela. O crítico salienta que nesta ocasión o autor de Corcubión ofrece «una obra esta vez novelística que mezcla realidad y ficción, dotada de trama argumental, para darle vitalidad y enganchar desde las paginas al lector.»
«Escapado» noticia en «La Voz de Galicia»
Agosto 5, 2009Xosé Ameixeiras publica en La Voz de Galicia unha ampla noticia sobre Escapado, a primeira novela de Luis Lamela. A obra será presentada o vindeiro día 7, venres, ás 21 horas, no salón de actos do colexio do Pindo-Carnota, dentro das actividades culturais das festas de San Clemente 2009 organizadas pola Asociación Cultural PEDRAMAR do Pindo. Escapado será presentado o día 13 na Feira do Libro de Cee.
«Me matan por sen bueno»
Agosto 4, 2009Xesús Alonso Montero foi entrevistado por Faro de Vigo e La opinión da Coruña con motivo da presentación de Cartas de republicanos galegos condenados a morte (1936-1948) que realizou onte na Feira do Libro da Coruña.
Enrique Vázquez Pita presentou «Sanson Troleyro»
Agosto 2, 2009La Voz de Galicia fíxose eco do acto de presentación na Feira do Libro de Vigo de Sansón Troleyro. Estudante de pan e sardiña, a primeira novela de Enrique Vázquez Pita no catálogo da editorial, coa que tamén inicia unha triloxía para a colección Fóra de Xogo. Na foto de Óscar Vázquez o novelista coruñés acompañado do director da editorial.
María Xosé Queizán
Xullo 28, 2009María Xosé Queizán protagoniza hoxe unha ampla reportaxe de Faro de Vigo na que Fernando Franco fai un interesantísimo percorrido pola súa traxectoria biográfica e literaria. Así mesmo, María Xosé Queizán publica esta semana n’ A Nosa Terra unha columna de opinión sobre Prostitución: clientes e outros homes, libro das sociólogas Águeda Gómez Suárez e Silvia Pérez Freire.
Méndez Ferrín nomeado «Arraiano Maior»
Xullo 27, 2009Ferrín con membros da asociación Arraianos. Foto I. Osorio.
O escritor Xosé Luis Méndez Ferrín foi nomeado onte «Arraiano Maior» pola asociación Arraianos, no seo dunha festa transfronteiriza que se realizou no día de onte. As nosas beizóns para Ferrín e para os organizadores do merecido recoñecemento.
“Prostitución: clientes e outros homes”
Xullo 27, 2009Aquí pode escoitarse a conversa que os responsables do Diario Cultural da Radio Galega mantiveron coas sociólogas Águeda Gómez Suárez e Silvia Pérez Freire, autoras da investigación recollida no libro Prostitución: clientes e outros homes.
Alonso Montero entrevistado no “Diario Cultural” da RG
Xullo 17, 2009Aquí pode escoitarse a entrevista ao profesor Xesús Alonso Montero emitida no Diario Cultural da Radio Galega con motivo da publicación do libro Cartas de republicanos galegos condenados a morte (1636-1948).
“Prostitución: clientes e outros homes”
Xullo 17, 2009Con motivo da presentación na Feira do Libro de Vigo de Prostitución: clientes e outros homes de Águeda Gómez Suárez e Silvia Pérez Freire, Faro de Vigo publica hoxe unha entrevista coa segunda das co-autoras desta investigación pioneira en España.
“Monbars o Exterminador”, crítica en “lg3”
Xullo 13, 2009Anxos García Fonte publica en “lg3” unha crítica sobre Monbars o Exterminador, a máis recente novela publicada de Hixinio Puentes, gañadora do Premio Eixo Atlántico de Narrativa galega e portuguesa 2006. Recollemos un dos parágrafos dun texto que cualifica a novela como encadrada dentro do “xénero de aventuras” e de “extraordinaria calidade”:
Intriga, evolución psicolóxica dos personaxes, audacias narrativas, documentación exhaustiva e ambientación impecábel… mais se hai algo que chama poderosamente a atención nesta nave narrativa é a madeira coa que está feita: un galego popular riquísimo ben embreado de voces e frases dialectais, ese regueiro vivificante nunha literatura que tende a retroalimentarse de si mesma en canto a materiais lingüísticos caendo con frecuencia nunha manía estandarizante empobrecedora. Hixinio Puentes, ben lonxe disto, demostra un dominio lingüístico fóra do común non só na utilización da terminoloxía mariñeira senón tamén na adaptación estilística ao contexto narrativo.
María Reimóndez, entrevista en “El País”
Xullo 13, 2009María Reimóndez é entrevistada hoxe en El País a raíz da aparición de Pirata, a súa máis recente novela. Reproducimos varios parágrafos dun texto moi interesante:
Ambientada en el siglo XVIII, su protagonista es una de las mujeres piratas más importantes de la época, Mary Read. Vestida de hombre y tras el nombre de Mark, Mary consigue encontrar su identidad como bucanero. Una búsqueda que, pese a todo, no llega a ser completa. En su historia todavía falta lo que dos de los otros personajes, Anne Bonney y Madame Ébano, le llegarán a aportar. Así, Reimóndez define su obra como “un viaje interior por la identidad”. Recuperando una idea de la ensayista norteamericana Judith Butler, Reimóndez explica que esta historia manifiesta como el género es algo que se construye por la percepción de los demás derivando, en algunos casos, “en una confusión de tu propia identidad”.
Al igual que Mark, Anne también es rescatada de la historia por María Reimóndez. Y lo hace de forma fiel, algo que la diferencia de otras obras ya publicadas en otros ámbitos literarios como el español. Para esto, reproduce fragmentos de lo que se habló en el juicio de Mark Read, presenta la trayectoria de los barcos que atacaron, muestra todo su recorrido vital conservado en los documentos históricos… Y es que a Reimóndez lo que más le gusta del proceso de escribir un libro es la creación de los personajes, porque “eso es lo que marca después el resto”.
Además, advierte que siempre necesita que exista algún desafío, algo que le haga el trabajo interesante. “No puedo escribir cosas que me son muy conocidas, por las que no me tengo que esforzar en crear, ni en recrear, ni en inventar”. Y muchas veces, para conseguir que todo esto funcione, es muy importante la fase de documentación. La autora de Pirata reconoce que invirtió mucho tiempo ojeando documentos históricos con el fin de conocer, por ejemplo, cómo se vivía en los barcos pirata o la relación que los tripulantes tenían entre ellos. “Para la creación de Madame Ébano, me dejé influenciar por textos del 1700 escritos por mujeres negras que hablaban sobre la esclavitud”.
Tal y como ocurre en la novela, Reimóndez considera que el sexismo presente en la literatura envía a las escritoras a los márgenes. “Una manera es diciendo que escribimos ‘literatura de mujeres’ consiguiendo, así, darle menos valor a lo que una escribe. Otra forma es a través de la crítica de nuestros libros, desde los insultos personales, hasta comentarios sobre tu aspecto físico, pasando por poner que es un libro que manifiesta el universo femenino”. Con sus libros como herramienta, la escritora lucense mantiene vivas las esperanzas. “Las escritoras no somos pasivas ante esta serie de cosas. Además, el hecho de hablar de los temas es ya una forma de luchar contra ellos”.
Confiada en que la presentación de su última obra puede ganar mucho en un lugar que tenga que ver con el tema más superficial de su libro, la editorial Xerais está gestionando la posibilidad de que Pirata desembarque en el Aquarium Finisterrae de A Coruña en octubre.
Marcos Calveiro, entrevista en “Xornal de Galicia”
Xullo 8, 2009Tras a moi exitosa actividade da pasada semana en Santiago arredor da novela Festina lente, Marcos Calveiro é entrevistado en Xornal de Galicia.
Entrevista a Gonzalo Moure
Xullo 6, 2009César Lorenzo Gil entrevista n’ A Nosa Terra ao escritor Gonzalo Moure a raíz da publicación d’ A porta de Mayo. Reproducimos algúns fragmentos dunha conversa moi interesante, onde Moure anuncia que acaba de rematar a súa primeira obra en galego:
Como foi que A porta de Mayo estea en galego –en tradución de Santiago Jaureguizar– e non na lingua orixinal, o castelán?Este libro ten unha historia singular. Hai 16 anos Tina Blanco, Jaureguizar e máis eu iniciamos un xogo literario que consistía en escribir tres versións sobre o enigma de quén estaba soterrado nunha misteriosa campa na casa da miña familia. Pouco despois Jaureguizar empezou a traballar en El Progreso e distanciámonos os tres. A historia quedou aí e foi tomando outra cor. Converteuse nunha reflexión sobre a miña familia, en cuxa historia está lonxanamente baseada, e cando estivo acabada tanto Tina coma min sabiamos que era un libro distinto. Jaureguizar, para “sentirse” dentro do proxecto, ofreceuse para traducila ao galego e buscarlle editor. Pareceunos fantástico porque é unha novela moi galega e de momento non temos présa por editala en castelán. É un libro que precisa tempo, de ciclo lento, complexo, implacábel e esixente co lector.É unha historia real metabolizada. Hai certos aspectos da miña familia que literariamente son máis potentes que na novela pero non me considerei con dereito a publicalos. Noutros casos hai só imaxinación. Por exemplo, na novela fálase de que a orixe da familia é un cabaleiro irlandés que chega a Galiza por erro no século XII. Na realidade, o “náufrago” era un baixo nobre asturiano do século XV. Pero na altura de empezar a novela, viaxaramos a Eire para buscar as orixes do meu apelido materno, Trenor, que si é irlandés e pensamos que xunguir Irlanda con Galiza daríalle máis potencia ao relato.
María Reimóndez, entrevistas tras a presentación de “Pirata”
Xullo 1, 2009Tras a presentación de onte en Vigo de Pirata, a súa terceira novela, María Reimóndez é entrevistada por Faro de Vigo (só na edición impresa), Xornal de Galicia e Galicia hoxe.
En Xornal de Galicia, María Reimóndez insiste na idea de que Pirata “non é unha historia de piratas, senón un pretexto para falar doutras cousas. O que me interesaba dende o punto literario era subverter a literatura de aventuras, un xénero habitualmente masculinizado, polo que fixen algo que é en parte unha novela de piratas, e tamén unha novela histórica, pero ten moitas outras facetas”.
Na entrevista en Galicia hoxe, preparada por M. Dopico, Reimóndez presenta Pirata como a busca da propia identidade e todas as loitas que isto implica, encarnada en tres personaxes que se rebelan contra os patróns de comportamento establecidos. “O que máis me fascinou de toda a historia é o tema das identidades, que son fluctuantes, permeables, flexibles. A personaxe principal” -Mark Read- “manifesta como somos o que perciben de nós. É o que di Judith Butler sobre o xénero: que é unha representación. As personaxes demostran como é posible levar unha vida que non é a socialmente esperable segundo o teu xénero, clase social…”, salientou. Malia que a imaxe da portada poida levar a interpretar o contrario, Pirata non é un libro para nenos, nin un relato de aventuras, senón unha obra de personaxes, que a autora estrutura en partes: Azul, Vermello e Negro. “O azul do mar, o vermello do sangue, o negro das bandeiras piratas. Na primeira parte hai máis introspección, na segunda máis acción. O de aventuras é un xénero tipicamente masculino, entón hai un xogo cos libros de aventuras, pero para contar algo totalmente diferente. Para min foi moi divertido escribir esta novela”, asegurou María Reimóndez.
“Makinaria”, crítica en “lg3”
Xuño 29, 2009Isabel Soto publica en “lg3” unha nova crítica sobre o poemario Makinaria de Carlos Negro.
Makinaria cheira a música a todo volume, a ritmo marcado e persistente, a letras de cancións, susceptibles de seren declamadas ou berradas, a makina e hip hop, a coches maqueados, a velocidade, a goma de pneumático queimada. Un libro de versos sen final feliz: porque a Morte converte a euforia en chatarra. Makinaria: nin difícil, nin aburrido. Accesible, breve, espido de concepcións idealizadas para tratar a dor, a angustia, o medo, a morte, o perigo de queimalo todo axiña.
De Bernardino a Novoneira
Xuño 29, 2009Artigo de X.L. Méndez Ferrín en Faro de Vigo con motivo da elección de Bernardino Graña como membro da Academia Galega e da designación de Uxío Novoneira como figura homenaxeada o vindeiro 17 de maio. Unha lectura moi recomendable.
Soemos decer que a Academia certa sempre ao designar a persoa que ha de ser celebrada no Día das Letras Galegas. En realidade o que ocorre é que, a partir do nomeamento da figura representativa anual, moitedume de individuos e grupos se aplican ao labor de diseccionala. Un impulso divulgativo irradia desde as editoriais, centros de ensino, asociacións culturais, comunidades varias e o autor intronizado no Día das Letras Galegas soe converterse no obxecto dunha análise colectiva e multidisciplinar que abraza tamén unha época dada na nosa Historia. Normalmente, e de modo litúrxico e repetitivo, sempre hai uns palermas que se laian de que o Día das Letras Galegas non serve para nada e todas esas cousas. Deus nos libre das xentes da crítica crítica (Marx).
Logo están outros que coidan que negar a existencia de xeracións literarias é cousa obrigada. Xeralmente pertencen a unha tradición que vén desde hai mundos de anos repetindo lugares comúns sen teren lido Petersen nin tan sequera no Fondo da Cultura Económica. Eu agora cadro contente porque a Academia Galega, que segue sen se equivocar, acaba de admitir o Bernardino Graña como individuo de número. Póñolle a “etiqueta” a Bernardino de escritor galego da xeración das Festas Minervais. E estalle moi ben, porque el foi un dos primeiros daquel concurso que, convocado polo SEU de Compostela, quixo resucitar as vellas Festas Minervais nas que o idioma galego cantara coa voz crocitada do corvo de “asas negras” nos chamados (por quen?) Séculos Escuros.
Sei que para algúns non hai xeracións literarias en xeral e a nosa das Festas Minervais carece especialmente de verdadeira substancia. Non digo que non, pero a das Festas Minervais (n´a habendo) foi ben excluída e marxinada alí onde chegaba a man negra do piñeirismo. Por esa razón a tantos importantes escritores galegos a Academia Galega do pasado, zarrapechou as portas de ingreso por eles seren considerados de filiación política sospeitosa de “nacionalismo” ou de “comunismo”. Eu non sei de que diaños podería ser sospeitoso Bernardino Graña, pro o caso é que só o último sábado, e tendo o noso amigo e autor, 77 anos, a Academia chamou por el para ocupar o sitio que merece na Rúa das Tabernas.
Sábado pasado, este cronista foi feliz na Coruña, na Academia, na Rúa das Tabernas. Viviu unha bela sesión na que na Academia resplendeceron as luces de prudencia, da ecuanimidade e da fraternidade corporativa. Bernardino Graña, o altísimo poeta, o mellor artífice e señor das palabras do mar, pasará a integrar a Institución. E, por se fose pouco, o noso irmán Uxío Novoneira, resultou designado figura central do próximo Día das Letras Galega. Novoneira forma parte da mesma xeración literaria ca Bernardino e ca min, aínda que é un dos pouquiños que nunca tomaron parte nunhas Festas Minervais. Durante o ano que vén falarase moito de Novoneira, e falarase no contexto dunha ofensiva dos poderes autónomicos reaccionarios contra a nosa lingua.
Teremos ocasión de tratar nestes asuntos. Non teñan medo. X.L. Méndez Ferrín
Luís Rei Núñez, entrevista en “Xornal de Galicia”
Xuño 29, 2009Víctor Paz Morandeira publica hoxe en Xornal de Galicia unha entrevista con Luís Rei Núñez, a raíz da publicación de Monte Louro, a novela gañadora do Premio Blanco Amor 2009.
“Makinaria”, primeira crítica
Xuño 27, 2009Montse Penas publica no suplemento «Nós» de Xornal de Galicia a primeira crítica tras a aparición do poemario de Carlos Negro Makinaria dentro da colección xuvenil Fóra de Xogo. Baixo o título de «Poesía para a mocidade: a virazón do aire», Montse Penas ofrece un texto no que reflexiona sobre o indubidable interese da mocidade pola lectura de poesía, ao tempo que considera o poemario de Carlos Negro como «unha ventada de aire fresco».
“Cartas de republicanos galegos condenados a morte”
Xuño 26, 2009Baixo o título “O adeus da dignidade” Galicia hoxe publica unha completísima reportaxe sobre o libro Cartas de republicanos galegos condenados a morte (1936-1948) de Xesús Alonso Montero. Así mesmo, La Voz de Galicia publica outra ampla noticia sobre a aprición do libro.
Entrevista con Xesús Alonso Montero
Xuño 25, 2009Hoxe en La Voz de Galicia, con motivo da presentación do libro Cartas de republicanos galegos condenados a morte (1936-1948), Jorge Lamas faille unha entrevista ao profesor Alonso Montero: “Recollín textos moi conmovedores que os nosos alumnos deben coñecer“
“A vida do outro” de Carlos G. Reigosa nos medios
Xuño 25, 2009A vida do outro de Carlos G. Reigosa, Premio Torrente Ballester 2008, foi presentado no día de onte en roda de prensa na sede da Deputación da Coruña. Nesta anotación enlazamos toda a información recollida nos medios.
- “Un espello no que atopar o rostro” (Galicia Hoxe)
- “A Deputación da Coruña publica A vida do outro a través de Xerais” (La Opinión)
- “Carlos G. Reigosa presenta la novela A vida do outro, ganadora del vigésimo Premio Torrente Ballester” (La Voz de Galicia)
- “Sae ao mercado o último premio Torrente Ballester” (El Ideal Gallego)
- “A Deputación da Coruña publica A vida do outro de Carlos G. Reigosa” (El Correo Gallego)
- “Reigosa: A vida do outro é unha novela sobre o que a Transición fixo en nós” (Diario de Ferrol)
- “A Deputación da Coruña publica A vida do outro de Carlos G. Reigosa” (Xornal.com)
“Cita co Xerais”, comentario de Perozo
Xuño 22, 2009Xosé Antonio Perozo publica n’ A Nosa Terra un comentario agarimeiro sobre os Premios Xerais.
A débeda que a cultura galega ten con Edicións Xerais de Galicia queda compensada cando escoitamos a Manolo Bragado falar das cifras millonarias de libros editados e vendidos ó longo da historia da editorial. Xerais ten o privilexio de ser a primeira industria cultural do libro en galego, e de ser o proxecto que conseguiu sacar a literatura galega do gueto do voluntarismo elitista e do complexo de cultura de resistencia do pasado. Apareceu no momento histórico oportuno para facer historia e sementar futuro. O paso do tempo certificou o acertado da iniciativa e o que representa como motor para outras moitas empresas que se miran no seu espello. Teño dito que unha cultura sen industria cultural é unha cultura morta, porén, algo tan elemental custou que penetrase no tecido da Galicia que viña de sufrir a ditadura e o desprezo da lingua galega. Xerais foi a primeira pedra do edificio actual e hai que recoñecelo.
E así acontece cada ano na peregrinación que facemos á illa de San Simón na convocatoria dos Premios Xerais. Outra iniciativa pioneira consolidada, que xa é a cita máis senlleira do mes das letras galegas, por riba doutras que naceron e esmoreceron diante da falla de seriedade e dun proxecto cultural solvente. Os Xerais marcan cada ano tendencias na escrita da novela e da literatura infantil e xuvenil galegas, por riba dos intereses editoriais propios doutros premios. Da solvencia e independencia dos seus xurados tivemos este ano unha mostra contundente cando dous deles sorprendéronse premiando dúas obras de Rosa Aneiros. Unha excepción que confirma a solvencia da autora e dos Xerais.
Agustín Fernández Paz no cadro de honra de “El Correo Gallego”
Xuño 22, 2009El Correo Gallego dedicou onte o seu cadro de honra ao escritor Agustín Fernández Paz.
Como nos contos tradicionais . Tres agasallos: un penedo, unha árbore -a bidueira- e un espazo público onde ficará o seu nome. A homenaxe O escritor na súa terra -que organiza a Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG)- recoñecía onte en Vilalba a Agustín Fernández Paz, o escritor nado nesta vila luguesa ao que as letras galegas lle deben algunhas das novelas máis profusamente devoradas e reeditadas das últimas décadas. Os libros de Agustín Fernández Paz, que onte se declaraba “honrado” pola homenaxe dos seus compañeiros da escrita, son material da súa vida, extraídos palabra por palabra das súas propias emocións, pródigos en amor e en memoria, impecábeis na súa estrutura, tamén na súa verdade. Esa singular sinxeleza -que aniña tamén no seu carácter fondamente humano- volveu erguerse onte nun tributo no que o autor evocou o “agasallo maior” do idioma, a lingua de Galicia, da que el fai defensa, fortaleza, agasallo universal. Como en San Simón -no fermoso discurso que leu na entrega dos Xerais- Fernández Paz falou co acerto e a lucidez que lles está reservado a uns poucos, aos mellores.
Así mesmo, o xornal compostelán dedica unha reportaxe á homenaxe a Agustín Fernández Paz, celebrada en Villaba o pasado sábado.
Xabier Castro Rodríguez gaba “Tempo de centeo”
Xuño 22, 2009Xabier Castro Rodríguez gabou o pasado sábado, 20 de xuño, nas páxinas de Galicia hoxe Tempo de centeo, a máis recente novela de Xosé Fernández Ferreiro.
Tempo de posguerra, centeo e descubertas
Non é esta a primeira vez que a literatura en galego -e non só a do país- realiza interesantes e intelixentes incursións no tema da guerra civil (xa de maneira directa, xa como asunto colateral), nin é esta a primeira vez que Xosé Fernández Ferreiro se achega a este eido da lembranza daquel durísimo episodio histórico (Agosto do 36, publicado no ano 1991 e que foi Premio Xerais de Novela) que aínda máis consecuencias tráxicas traería especialmente nos anos da posguerra inmediata.
É bo recuperar. Cómpre non esquecer. Se aínda se conmemoran aniversarios como os das grandes guerras mundiais, as bombas atómicas, o holocausto, as revolucións? nunca está demais lembrar os sucesos que desencadearon un terrible conflito bélico, a inmensa e inconmensurable traxedia humana, os espazos e as persoas que participaron e viviron no transcorrer daquelas décadas. Todo isto, e moito máis, aparece narrado nesta novela de Fernández Ferreiro –Tempo de centeo, Editorial Xerais- que nos proxecta cara a aquel Ourense de posguerra que ben coñece, describe e cicela o autor. Desde o protagonismo familiar dun fillo e da súa nai (tamén está presente a figura paterna que vén marcada pola violencia, a agresividade e o alcoholismo) vaise esfollando todo un amplísimo mural sobre o que o lector vai deitando a súa expectación, abraio e crueza. Desde a oposición aldea e cidade que tamén se reflicte no conflito lingüístico entre o galego e o castelán (“Naqueles primeiros tempos da súa arribada á gran cidade trataba de falar o castelán para non parecer un pailán de corredoira”) deica a expresa homenaxe á literatura galega (Tovar, Risco, Cuevillas, Ben-Cho-Sey, Lama Carvajal, Campio?) pasando pola dorosa circunstancia do contrabando e o estraperlo, a descuberta do amor e o sexo ou a importancia que na novela ten o cine, os “delirios cinematográficos” do protagonista que mesmo identifica a súa Carmiña con Olivia de Havilland: “O cine abriulle de par en par as portas dun mundo novo: o da evasión mental e o dos soños máis incribles e disparatados”. Unha novela na que o amor e o cine acabaron por cruzarse na vida de Antonio coa mesma paixón. Xabier Castro Rodríguez
“Monte Louro”, crítica de Ramón Nicolás
Xuño 22, 2009Ramón Nicolás publicou o sábado, 20 de xuño, nas páxinas do suplemento “Culturas” de La Voz de Galicia unha crítica preciosa de Monte Louro, a novela de Luís Rei Núñez gañadora do Premio Blanco Amor 2009.
Espirais de memoria e almas derrotadas
Nabokov afirmou que Tolstói, aludido por certo nesta novela en moi diferentes ocasións, na derradeira etapa da súa vida só se amosaba interesado literariamente por dous únicos temas como eran a vida e a mais a morte. Moito disto, senón esencialmente, encerra este premio Blanco Amor 2009 a través do que se nos posibilita entrar ás veces nos escuros, recónditos e sempre complexos recantos da alma humana.
Monte Louro, así pois, articúlase como unha proposta densa e compacta dividida en catro partes ou compartimentos en absoluto estancos, pois os personaxes saen e entran deles con lixeireza, como así ocorre cos lugares referenciados nela: basicamente Muros, Barcelona e Bos Aires. Cómpre agradecerlle ao autor, así pois, que establecese a ligazón precisa para entrar nese intenso rodopío literario que non é, malia o que poida semellar, un exercicio ficcional de biografismo, nin tampouco, aínda que destaque pola prosa cromática que exhibe, de descritivismo magnetizante tanto nos sentimentos coma nas xeografías (resultan ben documentadas e case transparentes as pasaxes que nos emprazan na Barcelona da posguerra, nun barco que cruza o Atlántico ou no Buenos Aires dos cincuenta e anos posteriores e mesmo non son menos exactas nin orientativas as que nos sitúan nun contexto social ou político concreto), nin sequera por ese cruzamento recorrente de vidas que o sentimento provoca; antes ben, ou complementariamente, é esta unha novela que asenta os alicerces nese proceso polo cal a mente humana é quen, ou non, de volver atrás, conformando unha espiral pola que escoa a memoria; un exercicio que debe ser salvífico e que, por veces, non o é debido ao peso do desarraigo, do desacougo que provoca a separación ou o esgazamento do que se estima porque, non se esqueza, esta é ao tempo unha historia de desamparos, de cicatrices, de almas derrotadas ou doentes e de resistentes robinsonianos.
O libro, así pois, percorre boa parte do século XX desde que un neno se vai criar como un orfo no Muros da posguerra até os anos oitenta no que unha luz, seica, volverá alumear a súa vida. Polo medio vivencias e experiencias construirán o substrato dun ser que xa non é quen, ou non quere, lembrar. Talvez a esa ausencia, suposta, de memoria contribúa unha heteronimia disociativa que tamén é vital, pola cal do orixinario Delio pasará a Artemio, e deste a Iago, e aínda do último a Sombra ou mesmo a Kim…, mais no fondo o pouso da infancia, simbolizado no lugar do Salto, na nai e no pai desparecido, no Muros natal, á sombra do Monte Louro, permanecerá, quéirase ou non, inalterable tras exilios e fuxidas.
Capítulo á parte merece subliñar a plasticidade, transparencia e riqueza lingüística que exhibe este Monte Louro, dotada dun ritmo traballado con intensidade e na que se aprecia un baseamento lírico; alén dun xogo de perspectivas narrativas que, se ben na súa formulación inicial pode chegar a desorientar, suscita moitos interrogantes que logo se entenden como esixencia activa para que o lector vaia cadrando cada peza na súa cuadrícula até chegar a ser parte dun universo de ficción –insisto- sólido e ben erixido. Ramón Nicolás.
Literatura e muller
Xuño 21, 2009Aconsellamos o interesantísimo debate publicado nas páxinas de Xornal de Galicia que protagonizan as escritoras Marilar Aleixandre, María Reimóndez e Marta Dacosta.
Sementador de esperanzas
Xuño 21, 2009Artigo de Manuel Bragado en Faro de Vigo sobre a obra literaria de Agustín Fernández Paz a raíz da homenaxe de onte en Vilalba.
Aquí pode verse o álbum fotográfico da homenaxe, preparado por Paulo Naseiro de A Voz de Vilalba.
Mar Mato entrevista a Agustín Fernández Paz
Xuño 20, 2009Mar Mato entrevista a Agustín Fernández Paz para Faro de Vigo e para La Opinión da Coruña. A conversa céntrase arredor da aparición nas librarías de Lúa do Senegal, a nova novela de Agustín que recibirá o martes, 23 de xuño, en Teruel o Premio Nacional de Literatura Infantil 2009. Recollemos unha parte da conversa:
Tralo éxito de O único que queda é o amor, Premio Nacional de Literatura Infantil y Juvenil 2008, Agustín Fernández Paz retornou á súa liturxia de papeis amarelos para escribir. Desta vez, unha nena de dez anos vida de Senegal a Vigo e de nome Khoedi plantexa a dor do desarraigo dos inmigrantes en Galicia, o espazo que ela e outros personaxes califican como “o país das ausencias”. A escasas horas de ser homenaxeado como “O escritor na súa terra” pola Asociación de Escritores en Lingua Galega, Fernández Paz profundiza sobre a súa última obra, Lúa de Senegal (editado por Xerais e que conta con belísimas ilustracións de Marina Seoane).
–Lúa do Senegal, un título ao que se fai referencia case en cada páxina do libro e mesmo no ritmo de narración.
–É un título que me veu pronto á cabeza cando me metín na historia. Á protagonista, cando chega a Vigo, todo lle parece dististo. O único que recoñece como igual é a lúa que brilla pola noite; ese é o leitmotif que marca paso de tempo. A lúa serve de conexión coa realidade que deixou e a que se atopou. Ademais, a lúa marca tamén o ritmo da narración ao seguir as súas fases tomandas de tres meses do ano pasado.
–Onde comezou a tirar do fío para esta obra?
– Os libros case nunca xorden dun único fío. Recordo do meu caderno de notas a primeira imaxe que anotei sobre un emigrante, non sei de que nacionalidade, de pel negra, traballando no andamio dunha obra. Chamoume a atención. Había tempo que quería abordar o tema da inmigración e apetecíame contalo en forma de historia. Todo acabou plasmándose neste libro.
–Á parte dese obreiro, houbo outros africanos que lle serviron de luz para a narración?
– Non cheguei a coñecer a ningún porque, en realidade, a documentación que conseguín foi amplísima a partir de libros e recortes de prensa que me foron suficientes. Eu o que quería contar realmente era o tema da emigración e escollín Senegal porque parecía atractivo. Tamén falei cunha profesora que estivo cunha ONG na zona e que me deixoume ver centos de fotos.
Agustín Fernández Paz en «Xornal de Galicia»
Xuño 20, 2009Con motivo da homenaxe que lle tributa hoxe a AELG en Vilalba e a entrega do Premio Nacional de Literatura Infantil o vindeiro martes en Teruel, Agustín Fernández Paz é entrevistado de forma extensa por Iago Martínez en Xornal de Galicia.
Así mesmo, Martín Pawley, tamén en Xornal de Galicia, publica un comentario de opinión titluado «Un home de ben» que transcribimos:
“Pertenzo a unha xeración cunha cualidade que a fai única: fomos os últimos nenos que medramos sen a presenza da televisión”. Así comezaba As paisaxes da memoria, o pequeno relato autobiográfico que Agustín Fernández Paz escribiu como acompañamento á edición española de varias das súas obras. Naquel texto memorábel Agustín elixiu describirse como unha rareza sociolóxica, alguén que garda na súa memoria recordos que hoxe poden parecer arqueoloxía e experimentou ao longo da súa vida o tránsito dun país non moi afastado da Idade Media a outro máis ou menos mergullado no século XXI. A liña do tempo que nos leva do arado de ferro até internet, unha época de cambios abruptos, de incríbeis transformacións ideolóxicas, sociais e tecnolóxicas. Agustín Fernández Paz é fillo de todas elas. Un elo que conecta as narracións de aparecidos desa infancia sen televisión cos libros de Lovecraft aos que chegou xa adulto; as conversas políticas clandestinas da longa noite de pedra cos debates non menos encendidos que hoxe flúen a través da rede.
O que non cambiou foi o gusto por recibir historias, “de viva voz, nas páxinas dun libro ou dun cómic, na escuridade dunha sala de cinema ou a través das diversas pantallas que teño na casa”. Un gusto pola ficción que creceu canda el, cos contos que se escoitaban arredor da cociña de ferro e coa modesta biblioteca do seu pai onde descubriu a Verne, Salgari, Poe, Stevenson ou Mark Twain. Deixou de ser neno en Xixón, cando marchou con catorce anos para facerse perito na Universidade Laboral, hoxe convertida nunha espléndida fábrica de cultura. Pasou sete anos interno, abondo para ser quen de camiñar polos corredores do edificio cos ollos pechados sen bater contra parede ningunha.
Barcelona foi despois diso un oasis de liberdade, un lugar cheo de espazos para o coñecemento. Na Coruña aprendeu a ser mestre e comezou o período máis fértil da súa vida. Porque Agustín é mestre, mestre antes que escritor. Mestre de escritores, mesmo. Exerceu a docencia con paixón e formou parte activa, activísima, dos movementos de renovación pedagóxica. Está detrás dalgúns dos primeiros manuais escolares en galego, feitos de maneira esforzada e precaria nunha altura na que “cortar e pegar” aínda non era unha metáfora informática. Para aqueles libros escribiu infinidade de textos, as lecturas necesarias para ilustrar cada lección, lecturas que daquela non tiñamos en galego. Supoño que aí naceu o Agustín que todos admiramos. O Agustín que empezou a escribir por pracer e por necesidade creativa, mais tamén coa convicción de que era preciso ocupar un oco que aínda estaba por encher. O que agora entendemos por literatura infantil e xuvenil galega inventárona nos oitenta xente coma Agustín, coma Paco Martín, coma Xabier P. Docampo, amigos, chairegos (uns máis que outros) e compañeiros de xeración os tres, esa que Manuel Bragado deu felizmente en chamar “Xeración Lamote”. A débeda que temos contraída con eles é impagábel. No fondo, a verdadeira razón de ser deste artigo é a de lles dar publicamente as grazas.
A cidade dos desexos abriu en 1989 unha carreira, a do vilalbés, inzada de premios. As flores radiactivas, Cos pés no aire e Corredores de sombra son algúns dos títulos que fan grande a un autor apreciado e querido, que recibe centos e centos de cartas deses mozos e mozas que fixeron de Cartas de inverno un fito da nosa literatura con case setenta mil exemplares vendidos en lingua galega. Contos por palabras, unha marabilla, supuxo o seu recoñecemento internacional ao ser incluído na listaxe de honra do IBBY en 1992, igual que Aire negro, escollido de novo polo IBBY en 2001 e pola Jugenbibliothek de Munich que outorga os prestixiosos White Ravens. Cando lle concederon o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil o ano pasado polo seu volume de relatos O único que queda é o amor, Santiago Jaureguizar deulle a volta á noticia no seu blog: o importante non era que Agustín gañara o Nacional, senón que o Nacional gañara a Agustín. Non lle faltaba razón. Era o premio o que ficaba honrado ao acollelo na súa listaxe de vencedores, ao destacar un escritor cuxa ausencia case resultaba escandalosa.
Vén de publicar Lúa do Senegal, dedicada entre outros “a Ousmane Sembène, mestre” nun xesto que revela ao mesmo tempo a súa cinefilia e a súa bondade. Bondade é o que transpira este libro en todas as súas páxinas; bondade e amor. Amor por Khaedi, a nena que deixa atrás África para instalarse coa súa familia nunha cidade, Vigo, que tamén é a de Agustín e na que todo é diferente; amor polos personaxes, polas palabras, polos lectores, por todos nós. Porque Agustín é un home de ben, e esa é unha condición necesaria para facer arte con maiúsculas.
“O sombreiro Chichiriteiro”, crítica no “Faro da Cultura”
Xuño 19, 2009Paula Fernández publicou no Faro da Cultura de onte unha crítica d’ O sombreiro Chichiriteiro, o álbum escrito por Manuel Rivas e ilustrado por Patricia Castelao. Reproducimos o texto na súa totalidade.
O sombreiro Chichiriteiro, a primeira obra infantil de Manuel Rivas, amosa o regreso do autor coruñés á literatura de ficción pois dende Os libros arden mal as súas publicacións centráranse no ensaio xornalístico. Pois ben, esta volta retorno resulta salientable ao atoparmos un conto infantil apaixonante cheo de fantasía e imaxinación no que ademais advertimos dous niveis de lectura moi diferenciados.
No primeiro destes niveis coñecemos a Simón, un rapaz un chisco apoucado que está a celebrar o día da festa na casa coa familia cando irrompe Chancho Colorao, un home fachendoso que viste un sombreiro con vida propia, o Sombreiro Chichiriteiro, que moi axiña sae da cabeza do seu dono para comezar unha viaxe na compaña do rapaz. Nesta viaxe ademais de comezar unha fermosa amizade, Simón descobre a excitante vida do sombreiro que agacha dentro de si o son da trompeta. Grazas a esta capacidade prodixiosa aprenderá Simón a tocar a trompeta imaxinaria e contaxiarase tamén el da felicidade que provoca en todo o mundo a compaña de tan singular sombreiro.
Mais paralelo a esta lectura máis superficial outro nivel, máis fondo e reflexivo, onde intuímos un cambio en Simón; quen ve medrar a súa autoestima, onde apreciamos defensa da lingua; nas palabras que queren cruzar o río se cadra procurando algo mellor igual ca as persoas que atravesan o estreito en pateras, e onde vemos tamén agromar unha amizade verdadeira entre seres moi diferentes. Unha dobre lectura que enche de significado o que en aparencia semellaría un conto infantil ao xeito usual, e á que quizais deberiamos engadir un terceiro nivel fóra do texto e do que este implica: un nivel plástico que, grazas á calidade de Patricia Castelao, unha das mellores ilustradoras galegas, ilustra a historia fomentando a parte máis máxica desta grazas á súa ensoñación provocadora, ao romanticismo do rostro de Simón e a un estilo moi característico e próximo á animación cinematográfica.
Un conto infantil onde se mesturan ingredientes imprescindibles que mostran o acertado deste achegamento de Manolo Rivas á literatura infantil, a verosimilitude do espazo e do personaxe de Simón á beira do extraordinario mais asombrosamente crible e real sombreiro e por suposto as aventuras da viaxe, que mergullan a quen le nun paseo axetreado e cheo de elementos marabillosos que non deixan indiferente a ninguén. Paula Fernández.
Luís Rei Núñez, entrevista en “Diario de Pontevedra”
Xuño 18, 2009Manuel Jabois publica hoxe en Diario de Pontevedra unha entrevista con Luís Rei Núñez coincidindo coa presentación en Pontevedra de Monte Louro, a novela gañadora do premio Blanco Amor 2009. Recollemos algúns dos parágrafos dun texto moi interesante:
Eu quería satisfacerme a min mesmo. En parte, tamén, aínda que iso influíu menos, tiña como ambición encher un oco que ao meu ver existía na literatura galega. Cando empecei coa idea deste libro non saíran os de Caneiro e Rivas. A narrativa galega é de libros curtos, de relatos, onde hai grandes mestres. E de novelas non moi longas. A mellor novela da literatura galega, con todas as reservas, é A esmorga, de Blanco Amor. Eu cando tiven unha historia que me pedía unhas dimensións determinadas, dixen: ‘Vou tentar facelo’.
A prosa medida e honrada é a cortesía mínima dun autor cos seus lectores. Ti podes presentarte de calquera maneira, case salvaxemente, diante dos demáis, ou podes presentarte ordenando todo e ofrecéndoo da maneira más limpa posible. E esa limpeza persoal e mesmo moral é a que da o coidado co que un traballa as páxinas.
Xerais inicia a transición ao libro electrónico
Xuño 11, 2009Recollemos as informacións publicadas, até o momento sobre a transición emprendida pola editorial cara o libro electrónico.
- “Xerais inicia a transición cara o libro electrónico” (Vieiros).
- “Xerais presenta a súa estratexia cara o libro dixital” (culturagalega.org).
- “Deixaremos de editar libros para editar contidos” (A Nosa Terra diario).