Posts Tagged ‘vigo’

«Mercurio», presentación en Vigo

Setembro 25, 2009

XG00167201Hoxe, venres 25 de setembro de 2009, ás 20:00 presentarase na Casa do Libro de Vigo Mercurio, a novela de Emilio Alonso gañadora do Premio La Voz de Galicia 2008. O editor Manuel Bragado acompañrá ao autor.

“A dama da Luz”, álbum de Magutis e Fernández Paz

Agosto 28, 2009

Acaba de chegar do prelo a tirada d’ A dama da Luz, un álbum ideado e ilustrado por Jorge Magutis e escrito por Agustín Fernández Paz, ambientado no Vigo vello e mariñeiro e protagonizado por toda clase de criaturas fantásticas e seres extraordinarios que no mar alto asisten a loita entre o Inverno e a Primavera. A dama da Luz chegará ás librarías na primeira decena de setembro.

XG00163801O avó de Marta garda un enigmático segredo na súa memoria. Un segredo que fala de seres extraños que habitaban na cidade cando era moi distinta, apenas había coches e a xente non vivía coas présas de hoxe, seres como a Dama da Luz ou o Home das Sombras, e de lugares misteriosos como a Casa do Outeiro ou a mítica illa de San Brandán. Un día, algo especial sucede. E entón Marta coñecerá por fin o sorprendente segredo que o seu avó gardaba, unha historia que a levará a descubrir todas as marabillas que a roda da vida nos ofrece.

A dama da Luz é un fermoso álbum ideado e ilustrado por Jorge Magutis e escrito por Agustín Fernández Paz ambientado nun Vigo vello e mariñeiro, envolto nunha atmosfera de misterio, e protagonizado por toda clase de criaturas fantásticas e seres extraordinarios que no mar alto asisten a loita entre o Inverno e a Primavera.

Enrique Vázquez Pita presentou «Sanson Troleyro»

Agosto 2, 2009

g12p39f1La Voz de Galicia fíxose eco do acto de presentación na Feira do Libro de Vigo de Sansón Troleyro. Estudante de pan e sardiña, a primeira novela de Enrique Vázquez Pita no catálogo da editorial, coa que tamén inicia unha triloxía para a colección Fóra de Xogo. Na foto de Óscar Vázquez o novelista coruñés acompañado do director da editorial.

Luís Rei Núñez, hoxe na Feira do Libro de Vigo

Xullo 13, 2009

aghp32f02840181_273658Luís Rei Núñez, a partir das 20:30 horas, asinará na Feira doLibro de Vigo exemplares de Monte Louro, a súa máis recente novela, gañadora do Premio Blanco Amor 2009.  Coincidindo con esta asinatura, Galicia hoxe publica unha longa entrevista co novelista realizada por Manuel Vidal Villaverde. Recollemos un dos parágrafos da conversa referidos a Monte Louro:

XG00167401Iniciei a súa escrita co propósito de sempre: indagar na existencia. Nese sentido, en Monte Louro volven aparecer asuntos como a loita pola vida, o amor nas súas diferentes cristalizacións, o desexo de vinganza, a auto-inmolación solidaria, o sentimento de culpa… Todo iso sen deixar de contar o caso dunha infancia real, no Muros dos anos da República e da guerra, e de paso a experiencia da emigración a América, creo que pouco tratada na narrativa galega. Esta historia reclamaba un número xeneroso de páxinas co que, entre outras cousas, quería emendar a plana ós libros anoréxicos desta época de daltonismo moral. En fin, que tras coroar Monte Louro (un Himalaia de andar pola casa), o resultado é unha novela á que eu quero xa tanto coma Expediente Artieda ou O señor Lugrís e a negra sombra, pero que por moitas razóns se vai facer se cadra máis inocultable. E iso acrecenta o orgullo do autor.

“Pirata”, presentación en Vigo

Xuño 29, 2009

10000571113María Reimóndez presentará mañá, martes 30 de xuño, Pirata, a súa terceira novela. No acto, que terá lugar no salón noble do Club Náutico de Vigo, actuará o cantante Xabier Díaz.

“Pirata”, presentación en Vigo

Xuño 26, 2009

XG00156401O vindeiro martes, 30 de xuño, ás 20:30 no salón noble do Club Náutico de Vigo presentarase Pirata, a máis recente novela de María Reimóndez.  Acompañarán á autora o editor Manuel Bragado e o cantante Xabier Díaz.

Actos de Xerais na Feira do Libro de Vigo

Xuño 24, 2009

Adiantamos os actos organizados por Xerais na Feira do Libro de Vigo que terá lugar na Alameda dende o 10 ao 19 de xullo.

Día 10 venres, ás 19,00 horas:

Conferencia do profesor Xesús Alonso Montero arredor dos seus libros máis recentes: Cartas de republicanos Galegos condenados a morte (1936-1948) publicado por Xerais e Ramón Piñeiro ou a reinvención da Cultura Galega publicado por Galaxia Intervirán: Xesús Alonso Montero, Manuel Bragado e Carlos Lema.

Día 11 sábado, ás 20,30 horas:

Presentación do libro Sansón Troleyro de Enrique Vázquez Pita. Intervirán: Enrique Vázquez Pita e Manuel Bragado.

Día 13 luns, ás 20,30 horas:

Luís Rei Núñez asinará exemplares do seu libro Monte Louro (Premio Blanco Amor 2009).

Día 15 mércores, ás 20,30 horas:

Presentación do libro Lúa do Senegal de Agustín Fernández Paz. Intervirán: Paula Fernández, Manuel Bragado e Agustín Fernández Paz.

Día 16 mércores, ás 20,30 horas:

Presentación do libro Prostitución: Clientes e outros homes. Análise sociolóxica das ideoloxías sexuais masculinas en Galicia de Águeda Gómez Suárez e Silvia Pérez Freire. Intervirán: Manuel Bragado e as autoras.

“Cartas de republicanos galegos condenados a morte”, presentación en Vigo

Xuño 23, 2009

XG00166101O vindeiro xoves, 25 de xuño, ás 20:00 horas, nas instalacións do MARCO (antigo cárcere) de Vigo, presentarase o máis recente libro do profesor Xesús Alonso Montero, Cartas de republicanos galegos condenados a morte (1936-1948). No acto acompañarán ao autor Alfonso Álvarez Gándara (decano do Colexio de Avogados de Vigo), Carlos Núñez e o editor Manuel Bragado.

“De provincia nación”, no Café Volter de Vigo

Xuño 12, 2009

Invitación Beramendi

O vindeiro martes 16 de xuño ás 20 horas, Justo Beramendi convesará no Café Volter de Vigo sobre o seu libro De provincia a nación. Historia do galeguismo político (Premio Nacional de Ensaio 2008) con Luís Domínguez e Camilo Nogueira. O acto desenvolverase nas instalacións da Fundación Casares de Vigo, situadas en Elduayen 36, 2º (antigo edifico Asefal).

“Conversas con Celso Emilio Ferreiro”, presentación en Vigo

Maio 14, 2009

Capa_CronicaMañá, venres 15 de maio, ás 20:00 horas, na Casa do Libro de Vigo presentarase o libro Conversas con Celso Emilio Ferreiro de Ramón Nicolás. O autor estará acompañado por Xesús Alonso Montero, Luis Ferreiro Loredo e Manuel Bragado.

«Cabalos de vento. Curros de pedra», presentación

Maio 8, 2009

teniente_dousFaro de Vigo na súa edición impresa publica unha reportaxe de Mar Mato sobre Cabalos de vento. Curros de pedra, o libro de Xavier Teniente e Xosé Guillermo que se presenta hoxe en Vigo, ás 20:00 horas, na sede da Fundición Nautilus (rúa Manuel Núñez 16).

Dende os primeiros tempos do home, a Serra da Groba exerceu sobre o humano unha atracción sometida a forza da beleza da paisaxe así como dos seus habitantes, os cabalos salvaxes. Os primeiros artistas que plasmaban en pedra as súas creacións deixaron nos petroglifos desta montaña a súa veneración por estes equinos. Nos albores do século XXI, os artistas seguen profesando ese amor. A última homenaxe parte do fotógrafo Xavier Teniente e do pintor Xosé Guillermo, falecido hai uns meses. Ambos, traballaron durante os últimos anos nun proxecto de inmensa beleza que agora acaba de publicar Xerais baixo o título de Cabalos de vento. Curros de pedra.

A través de 50 fotos e outros tantos debuxos, Teniente e Guillermo captan a “atmosfera dos montes galegos” nunha secuencia que retrata a liberdade e vida dos cabalos salvaxes. Esa magneficiencia plásmase en branco e negro, nunha dualidade lonxe da cor viva para evidenciar a conxelación dun momento fronte ao paso do tempo, fronte ao vaivén de modas e tradicións que poderían empezar a diluírse.

“O recorrer ao branco e negro non foi gratuíto. Queriamos captar a atmosfera do bosque galego así como as situacións que viven os cabalos no seu medio no curro”, explicaba onte Teniente.

Para continuar con esa liña estética, Xosé Guillermo apostou tamén por riscos negros sobre fondo branco coa fin de non rachar o fío narrativo da obra. “El -sinalou o fotógrafo- decidiu facer debuxos con poucos trazos e sen mancha de tinta, acompañándoos con textos seus poetizados”, nunha especie de canto ao cabalo e a súa relación co ser humano a través do paso do tempo.

Defende tamén Teniente a narratividade de Cabalos de vento. Curros de pedra: “Primeiro, empeza a relatar a historia dos cabalos salvaxes cunhas fotografías de petroglifos con cabalos. Estas imaxes dannos a entender que a presenza dos cabalos dos montes non é unha historia de agora senón de hai moitos anos, moitos anos. Despois, a obra vai contando como viven estes cabalos ceibes para logo ir aparecendo o home que os introduce no curro, onde loitan ambos pasando pola rapa e a marca para, finalmente, volver o cabalo aos montes, a súa liberdade.”

Perfectamente editado, belo ao completo e arrebatador, o libro supón unha obra artística en si mesma. Esta tarde, a editorial Xerais preséntaa na Fundición Nautilus (situada na rúa Manuel Núñez, 16, en Vigo) onde realizou os seus proxecto artísticos Xosé Guillermo. A partir das 20:00 horas, Xavier Teniente falará sobre a súa realización, acompañado do editor Manuel Bragado, así como de Antonio Palacios.

Como engadido, os actores Nacho Otero, Marcelo Pena e Sergio Otero porán en escena un espectáculo de mimo con música de Adrián (saxo) e Sagar (contrabaixo).

“Cabalos de vento. Curros de pedra”

Maio 5, 2009

cabalos_tenienteA revista Geo publica unha reportaxe arredor do traballo fotográfico de Xavier Teniente publicado no libro Cabalos de vento. Curros de pedra, no que tamén se incluíron debuxos e poemas de Xosé Guillermo.

Maquetaci—n 1O fotógrafo Xavier Teniente e o pintor Xosé Guillermo, recentemente desaparecido, desenvolveron en Cabalos de vento. Curros de pedra un inédito proxecto de creación visual: o de recoller en fotografía e debuxos a xornada dun curro. O resultado é este formidable e impactante volume de coidadísima edición, onde as fotografías en branco e negro de Teniente dialogan cos debuxos, iconos e textos poéticos de Xosé Guillermo reflectindo toda a fermosura do negro acibeche destes cabalos de vento. Dende a xuntanza das greas na mañanciña da fin de maio, baixo as néboas escuras e grises, até as tarefas de besteiros e aloitadores cando se espreguiza a tarde, este libro constitúe unha das testemuñas máis fermosas que se teñan feito nunca sobre o mundo do cabalo en Galicia e a cultura da rapa das bestas.

Cabalos de Vento. Curros de pedra será presentado o vindeiro venres, 8 de maio, ás 20:00 nas instalacións da Fundición Nautilus de Vigo (rúa Manuel Núñez 16 baixo).  O acto contará coa participación de Antonio Palacios,Manuel Bragado e Xavier Teniente. Poñerase en escea o espectáculo de mimo, “Historias dun cabalo” a cargo dos actores: Nacho Otero, Marcelo Pena, Sergio Otero e dos músicos: Adrián (saxo) e Sagar (contrabaixo).

Entrevista a Santiago Lopo en «Faro de Vigo»

Maio 3, 2009

2009-05-03_img_2009-05-03_01_32_32_so6bFaro de Vigo publica hoxe unha entrevista a Santiago Lopo realizada con motivo da presentación de Peaxes en Vigo esta semana. Lopo define a súa obra como «unha novela cun estilo áxil e con moito ritmo. A acción é fundamental e a relación coas persoas levará a un final apoteósico. Funciona moi ben co público de calquera idade.»

«Peaxes», presentación en Vigo

Abril 28, 2009

Capa_PeaxesMañá, mércores, 29 de abril, ás 20:00 horas, na libraría Librouro de Vigo, terá lugar a presentación do libro Peaxes de Santiago Lopo.

«TSC. Diario da noite», presentacións

Abril 15, 2009

xg00151701A vindeira semana realizaranse dúas presentacións de TSC. Diario da noite o poemario de Alfonso Armada.

A primeira, terá lugar o luns, 20 de abril, ás 20:00 horas na Libraría Librouro de Vigo, contando coa participación de César Portela, Fran Alonso e o autor.

A segunda, realizarase o martes, 21 de abril, ás 20:00 horas na Galería Sargadelos da Coruña, contando coa participación de Pilar García Negro, Yolanda Castaño, Fran Alonso e o autor.

2 de abril. Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil

Marzo 31, 2009

Con motivo da celebración do Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil, Xerais ten previsto realizar os seguintes actos:

o-unico11 de abril, mércores, a partir das 18,00 horas, Agustín Fernández Paz, Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil, 2008, asinará exemplares de O único que queda é o amor e do resto da súa obra, no departamento de libraría de El Corte Inglés de Vigo.

3 de abril, venres, ás 11,00 horas, Manuel Rivas e Patricia Castelao presentarán, aos alumnos e alumnas do Centro Educativo Andaina, rúa Aguaceiros, 21 A Zapateira en Culleredo, o seu primeiro libro dirixido ao público infantil  O sombreiro Chichiriteiro.

Capa o sombreiro chichiriteiro .indd3 de abril, venres, a partir das 18,00 horas, Manuel Rivas asinará exemplares de O sombreiro Chichiriteiro no departamento de libraría de El Corte Inglés da Coruña.

«Reconquista. Vigo en armas», presentación

Marzo 25, 2009

xg00159501Mañá, xoves 26 de marzo, ás 20:00 horas, no salón rexio do Círculo Mercantil de Vigo (entrada pola rúa do Príncipe) terá lugar unha conferencia presentación do libro Reconquista. Vigo en armas de Eduardo Rolland.

Homenaxe a X.L. Méndez Ferrín

Xaneiro 25, 2009

cartel_ferrin_okO día 6 de febreiro celebrarase en Vigo o Acto de Homenaxe Nacional a X.L. Méndez Ferrín, con motivo do seu 70 aniversario e da presentación do libro A semente da nación soñada. Homenaxe a X.L. Méndez Ferrín, coeditado por Sotelo Blanco e Xerais. O acto, que se realizará no Auditorio do Centro Social Caixanova de Vigo (rúa de Policarpo Sanz, 26), comezará as 20:00 horas. Entrada libre.

Unha vez finalizado o acto de homenaxe, a partir das 22:00 horas celebrarase unha cea no Pazo Os Escudos, en Alcabre, Vigo. As persoas interesadas en participar na cea deberán ingresar 35€ (trinta e cinco euros) por cuberto na conta de Caixanova número 2080 0065 36 0000388555, antes do 30 de xaneiro de 2009. Para poder acceder á cea é imprescindible a presentación na porta do restaurante do xustificante de ingreso.

Jaureguizar en Vigo

Xaneiro 24, 2009

jaureguizar-manoloJaureguizar presentou onte a novela gañadora do Premio Terra de Melide O Globo de Shakespeare na libraría Librouro de Vigo. Faro de Vigo aproveitou para facerlle unha entrevista ao novelista de Ribadeo.

«Reconquista. Vigo en armas»

Xaneiro 19, 2009

Está a piques de entrar no almacén Reconquista. Vigo en armas de Eduardo Rolland. Este importante libro, editado con motivo do bicentenario da fundación da cidade de Vigo, que introduce ademais novidades historiográficas sobre a cuestión da Reconquista e da Guerra da Independencia en Galicia, estará nas librarías a finais deste mes.

xg00159501A vila de Vigo vive unha época de prosperidade no amencer do século XIX. A pesca, a salgadura e o comercio incipiente foron a base do crecemento do vello burgo pechado nas súas murallas, que agora conta xa con dez mil habitantes e se vai transformando na verdadeira cabeceira da bisbarra, en clara competencia con Tui, a capital provincial. Pero está a piques de vivir as máis terribles penalidades da guerra que, a comezos de 1809, vai entrar en Galicia a sangue e lume. A plácida e próspera vila vai converterse en cidade. Mais haberá de facelo con indicibles sufrimentos. Reconquista: Vigo en armas de Eduardo Rolland relata, baseándose en sólidas fontes documentais auténticas, en boa parte inéditas, os acontecementos vividos en Vigo e Galicia durante 1809, deixando que falen os feitos e os seus protagonistas. Sen a intención de escribir nin odas nin haxiografías daqueles inimitables galegos, o autor retrata a vida de todos os heroes da Reconquista, algúns deles pouco recoñecidos, como Cachamuíña, o frade Villageliú, o abade do Couto, Juan Bautista Almeida ou o misterioso Villuendas, auténtico axente secreto que operaba intramuros durante a ocupación francesa. Un feito histórico riquísimo en acontecementos que agora, coincidindo co bicentenario da fundación da cidade, se presenta de forma desmitificadora neste libro de investigación fundamental sobre a Reconquista de Vigo.

“A cidade e os días”, crítica

Xullo 10, 2008

O historiador Xosé Antonio López Teixeira publica hoxe no Faro da Cultura unha crítica sobre a edición en galego d’ A cidade e os días, o calendario histórico de Vigo de Xosé María Álvarez Blázquez.

Xerais na Feira do Libro de Vigo

Xuño 25, 2008

Xerais realizará un importante número de actos na Feira do Libro de Vigo, que se celebrará na Alameda viguesa do 27 de xuño ao 6 de xullo.

  • 30 luns, ás 19,00 h: Manuel Rivas asinará Os Grouchos. 
  • 1 martes, ás 20,30 h: presentación de Festina lente de Marcos S. Calveiro. No acto intervirán Óscar Sánchez, Fran Alonso e o autor.
  • 2 mércores, ás 20,00 h: Agustín Fernández Paz asinará O único que queda é o amor.
  • 3 xoves, ás 20,00 h:  Manuel García Castro Magar” asinará Vigo por Magar e Fernando Quesada Chispas de Quesada. 
  • 3 xoves, ás  20,30 h: presentación de A idade da auga de James Salter. Intervirán Gonzalo Navaza, Manuel Bragado e o autor.
  • 4 venres, ás 20,00 h: Suso de Toro asinará Outra Galiza.
  • 4 venres, ás 20,30 h: presentación d’ Os nomes do traidor de Xurxo Sierra Veloso. Intervirán: Belén López, Manuel Bragado e o autor.
  • 5 sábado, ás 20,30 h: presentación de O profesor de vegliota de Manuel Veiga. Intervirán Manuel Bragado e o autor.

“A cidade e os días”, brillante presentación

Maio 11, 2008

Foi moi brillante o acto de presentación da nosa edición galega d’ A cidade e os días celebrada onte no Museo Marco. En primeiro lugar interviu Manuel Bragado, director da editorial e co-tradutor da obra, xunto a Pablo Sánchez Mato, que glosou a importancia e as características da edición preparada por Xerais e apoiada pola Alcaldía do concello de Vigo. Despois de enmarcar o libro no conxunto da produción literaria de Álvarez Blázquez, Bragado rematou expresando que

“tras a súa primeira publicación, hai case cincuenta anos, A cidade e os días –a pesar de que moitos dos datos e informacións, afortunadamente, foron superados pola actual historiografía viguesa– non perdeu un ápice do seu interese xa que constitúe moito máis ca un libro de historia. A cidade e os días é unha apaixonada biografía literaria da cidade de Vigo e da súa contorna (xa que para o autor, Vigo derrámase dende o Val do Fragoso até o esteiro do Miño) escrita cunha prosa maxistral e un alento narrativo moi notable. Eis nese carácter profundamente literario onde reside a importancia e a beleza deste grande relato colectivo, que dificilmente vai quedar obsoleto”.

A continuación interviu Alfonso Álvarez Cáccamo, terceiro fillo de Xosé María e autor da Fotobiografía editada por Xerais, que comezou as súas palabras salientando que “esta edición en galego dun libro que estaba presente na nosa casa por todas partes era unha das arelas máis íntimas do meu pai”. Despois de relatar algunhas anécdotas sobre o traballo erudito de Álvarez Blázquez (“Meu pai pertence a unha xeración de tacaños do papel que escribían co bolígrafo BIC vermello”), Alfonso foi debullando algúns dos personaxes vigueses con maior presenza na obra, como Elduayen, Cachamuíña ou Araújo de Lira. Rematou recordando a fidelidade excepcional de don Xosé María cara a súa familia e os seus amigos, “o que non lle impedía manter coa maior firmeza as súas conviccións”.

Lalo Vázquez Gil, actual Cronista Oficial da Cidade de Vigo e amigo e colaborador de Xosé María, comezou as súas palabras sinalando que “o libro era interesantísimo, tanto por presentar un repertorio local de efemérides como por ser o primeiro na historiografía viguesa que o incorpora o sentido moderno da historia, superando amplamente todas as contribucións anteriores”.

Pola súa banda, Ceferino de Blas, director xeral de Faro de Vigo, comezou o seu discurso lembrando que o primeiro de ano de 1959 Faro de Vigo publicaba o primeiro dos artigos dunha serie titulada “Calendario histórico de Vigo” que Xosé María Álvarez Blázquez publicaría diariamente e de forma ininterrumpida no diario decano ao longo de todo ese ano. Ao longo da súa intervención de Blas, recordou a figura de Francisco Leal Insua, director entón de Faro de Vigo que abriu a etapa de directores literarios do periódico (continuada por Cerezales e Álvaro Cunqueiro) que permitiu que nas páxinas literarias publicasen plumas como as do propio Xosé María, Álvaro Cunqueiro, Diego San José, José Espinosa ou Julio Sigüenza.

Pechou a quenda de intervencións Abel Caballero, alcalde de Vigo, que amosou a súa satisfacción pola edición dun libro extraordinario para Vigo e pola colaboración con Edicións Xerais de Galicia.

Presentación “A cidade e os días”

Maio 2, 2008

O sábado, 10 de maio, ás 12:00 horas, no Salón de Actos do Marco (príncipe 54) de Vigo presentaremos a nosa edición d’ A cidade e os días de Xosé María Álvarez Blázquez . No acto participarán Alfonso Álvarez Cáccamo (en representación da familia do autor), Lalo Vázquez Gil (Cronista Oficial da cidade de Vigo), Ceferino de Blas (director xeral de Faro de Vigo), Manuel Bragado (director de Edicións Xerais de Galicia) e Abel Caballero (alcalde de Vigo).

“A cidade e os días”

Abril 10, 2008

Por fin, despois de case oito meses de traballo, temos na imprenta a tradución d’ A cidade e os días, o voluminoso calendario histórico de Vigo de don Xosé María Álvarez Blázquez. Consideramos esta edición como un dos fitos máis relevantes na homenaxe nacional que a sociedade galega tributa ao editor de Monterrei e Castrelos. O libro estará nas librarías na primeira semana de maio. Presentamos a cuberta (na que pretendimos emular a realizada en técnica serigráfica na edición príncipe) e transcribimos a nota editorial que preparamos:

Esta edición d’ A cidade e os días, publicada por Xerais en colaboración coa alcaldía do concello de Vigo, rescata para a lingua galega o calendario histórico de Vigo, desenvolto por Xosé María Álvarez Blázquez ao longo de 1959 nas páxinas de Faro de Vigo e publicado, logo, en formato de libro por Ediciones Monterrei en 1960. Unha obra monumental, na que Xosé María ofrece un impresionante fresco histórico de Vigo, desde o burgo de pescadores da Idade Media que foi, pasando polo carácter de porto corsario que abrigou no século XVIII, ao empuxe da abella ribeira que a convertiu na cidade portuaria e industrial de hoxe. Tras a súa primeira publicación, hai case cincuenta anos, A cidade e os días –a pesar de que moitos dos datos e informacións, afortunadamente, foron superados pola actual historiografía viguesa– non perdeu un ápice do seu interese xa que constitúe moito máis ca un libro de historia. A cidade e os días é unha apaixonada biografía literaria da cidade de Vigo e da súa contorna, escrita cunha prosa maxistral e un alento narrativo moi notable. Eis nese carácter profundamente literario onde reside a importancia e a beleza deste grande relato colectivo, que dificilmente vai quedar obsoleto.