Archive for the ‘Guías_de_viaxe’ Category

«Guía do Courel», no corazón natural de Galicia

Setembro 22, 2009

Acaban de entrar no almacén senllas edicións en galego e castelán da Guía do Courel, obra preparada por Javier Guitián Rivera, Luis Guitián Rivera e José Luís Martinez Vilar. Unha proposta para coñecer a terra de Novoneyra, considerada como o corazón natural do noso país. As guías chegarán ás librarías na primeira semana do mes de outubro.

Capa_A_Ribeira_sacra_galegoA través de 22 rutas excepcionais, con valiosísima documentación, e da man dun grupo de naturalistas expertos no Courel, o viaxeiro ou viaxeira ten a oportunidade de percorrer con comodidade e información de primeira man as paisaxes desta serra, o corazón natural de Galicia. Dando a coñecer lugares que hoxe poderían ser modelo de xestión do medio natural e descubríndolle ao viaxeiro a súa vexetación, os mellores bosques do país, as especies ameazadas e, en definitiva, a beleza e autenticidade dunha paisaxe sobre a que se fundamenta o turismo rural, Javier Guitián, Luís Guitián e José L. Martínez Villar trazan nesta guía un mapa imprescindible para quen queira adentrarse nos segredos do Courel desde o respecto ao medio ambiente. A ruta das devesas, Froxán, o Val de Moreda, a ruta de Parada (terra de Uxío Novoneyra e María Mariño), de Seoane a Folgoso, Vilamor, a Devesa da Rogueira, o Val de Visuña… son algunhas das citas que esperan polo viaxeiro ou viaxeira con ganas de pasear por rutas sobre as que se vai proporcionando información e datos prácticos que indican a dificultade, a comida, o baño, a cartografía, os hábitats, a botánica, etc. E todo acompañado de mapas, fotografías e abundante información práctica.

“Itinerarios seguindo o río Miño”

Xullo 8, 2009

Chega ás librarías esta semana Itinerarios seguindo o río Miño, unha guía de viaxe, concibida por Paco Armada, para percorrer en coche as ribeiras do noso río primeiro.

XG00166301Desde o seu nacemento, nas estribacións da serra de Meira, en Lugo, ata a súa desembocadura na Guarda, en Pontevedra, regando o 40% do territorio galego, o río Miño, o «pai dos ríos galegos», acubilla un rico e variado patrimonio natural, monumental e cultural. Conta con paraxes «protexidas» como as Insuas do Miño ou con entornos modificados pola man do home, nos diversos encoros que –na maioría dos casos– alteraron importantes ecosistemas naturais. Un río cheo de lendas, que nos falan de teiticieiras e xanas que moraban nas súas augas.

A través dos Itinerarios seguindo o río Miño, Paco Armada, autor desta guía de viaxe, ofrécenos a posibilidade de coñecer e gozar das terras e do patrimonio que se estende a ambas as dúas ribeiras do Miño, incluíndo a parte do territorio na que compartimos o río coa veciña Portugal. Descricións detalladas dos itinerarios, con preto de 1.000 km de percorrido, localidades bañadas polo augas miñotas, monumentos, historia, áreas de esparcemento, excursións a lugares de interese, rutas de sendeirismo… A guía vai nutrida, ademais, de mapas e máis de 400 fotografías que fan deste libro un referente indispensable para o viaxeiro.

«Guía dos camiños do Eume», crítica en «Culturas»

Marzo 5, 2009

culturas-lavozO suplemento «Culturas» de La Voz de Galicia publicou o pasado sábado 28 de febreiro unha crítica de H.J.Porto sobre a Guía dos camiños do Eume de Chano Eiroa. Reproducimos un dos parágrafos do fermoso texto:

Este naronés de 36 anos, escritor novel, ofrécenos un libro que é unha aventura, a súa propia, no regreso á terra da súa orixe, na busca dos ecos da súa nenes, unha viaxe polo río tras o coñecemento dun lugar que estando preto de nós é á voz un milagroso enigma.

“Guía dos camiños do Eume”

Xullo 31, 2008

Acaba de aparecer nas librarías a Guía dos camiños do Eume, a primeira guía sobre o Parque Natural das fragas do Eume, preparada por Chano Eiroa. A guía está dispoñible tamén en castelán.

O río Eume percorre algúns dos ecosistemas máis valiosos e á vez máis ameazados de Galicia. As turbeiras da Serra do Xistral e as fragas do Eume. Parque Natural, son o nacemento e desembocadura deste curso de 80 km de axitada natureza, principio e fin dun percorrido polos antigos camiños das Terras do Eume.

A medio camiño entre guía e libro de viaxes, atravesando os ríos, bosques e aldeas do Eume, este primeiro libro de Chano Eiroa aprópiase dunha engaiolante paisaxe que se descobre a través de rutas (camiñadas dun día); travesías (de dous días) e aproximacións polos corredores naturais.

Guía dos camiños do Eume busca e enmalla 200 km de camiños, corredoiras, pistas, rozas e pasos de gando onde dorme a pureza do bosque atlántico. Só con esta cadencia do camiñante, se abre a natureza para que a súa esencia penetre e quede en nós, co seu clima, a súa vida salvaxe, a súa arquitectura tradicional e os seus habitantes.