Hordas de escritura, o poemario de Chus Pato foi a obra gañadora do premio Losada Diéguez 2009, no apartado de creación literaria; na de investigación e ensaio foi a obra gañadora Europa, o continente pensado de Camilo Nogueira. Ambas as dúas modalidades están dotadas con 6.000 euros. O xurado composto por Francisco Fernández Rei, Justo Beramendi, Xosé Luís Valladares, Cipriano Xosé Caamaño, Ramón Lorenzo, X. Henrique Costas e Carlos Paulo Martínez Pereiro, sinalou na súa acta que a obra gañadora é «un poemario que sobrancea pola súa explosiva orixinalidade, unha proposta poética dunha Chus Pato madura e sempre fresca, onde os versos poderosos se debullan nunha nova aposta sólida e ben traballada; con mesturas de xéneros e temas xa enxergadas nos seus últimos poemario.» Hordas de escritura xa fora distinguido hai dúas semanas co Premio da Crítica no apartado de poesía.
Posts Tagged ‘chus_pato’
Chus Pato premio Losada Diéguez de creación literaria
Abril 25, 2009Entrevistas aos gañadores dos Premios da Crítica
Abril 20, 2009Aquí poden escoitarse as dúas entrevistas emitidas hoxe no Diario Cultural da Radio Galega con Chus Pato e Marcos Calveiro, gañadores dos Premios da Crítica 2008.
Calveiro e Chus Pato, premios da Crítica 2008
Abril 18, 2009Confirmouse a noticia é Marcos Calveiro por Festina lente no eido da Narrativa e Chus Pato por Hordas de escritura no de poesía foron declarados hoxe gañadores dos premios da Crítica 2008 en lingua galega. Os nosos parabéns a Marcos Calveiro e a Chus Pato por este prestixioso premio concedido polos críticos literarios.
Premios da Crítica 2008, propostas da AELG
Abril 13, 2009A Sección de Crítica Literaria da AELG deu a coñecer a súa proposta para os Premios de narrativa e poesía galegas que a Asociación Española de Críticos Literarios fallará o vindeiro día 18 de abril en Santander.
–Modalidade de narrativa: Festina Lente, de Marcos S. Calveiro, publicado por Xerais.
–Modalidade de poesía: Hordas de escritura, de Chus Pato, publicado por Xerais.
De Festina Lente, o xurado valorou a súa orixinalidade, trazo que a fai destacable nun panorama prolífico de seu no xénero histórico, así como a súa riqueza lingüística e a capacidade de dar vida á Compostela dos séculos XVI e XVII, transformando en literatura unha ben peneirada documentación histórica.
De Hordas de escritura, destacou a solidez do seu discurso vangardista e a construción dunha poesía que se articula como unha loita contra a propia linguaxe literaria, trazos que marcan un fito importante na xa longa traxectoria da autora.
Os nosos parabéns para Marcos Calveiro e Chus Pato por esta proposta.
Finalistas premios AELG2008
Marzo 18, 2009Déronse a coñecer hoxe as obras finalistas dos premios AELG as mellores obras literarias do pasado ano 2008. En case todas as categorías son numerosas as obras editadas pola editorial. Os membros da AELG poderán emitir o seu voto ata o 5 de maio.
Literatura infanto-xuvenil (Aelg-Gálix):
1. A Cabeza de Medusa, Marilar Aleixandre
2. Caderno de animalista, Antón Fortes Torres
3. Fume, Antón Fortes Torres
4. O libro das viaxes imaxinarias, Xabier P. DoCampo
5. PAlAbrAs brAncAs, Elvira Riveiro
Poesía:
1. A melancolía dos corpos, Xulio López Valcárcel
2. Acendede as almenaras: cántigas de amor, de amigo e de escarnio, Bernardino Graña
3. Amor Amén, Iolanda Zúñiga
4. Construcións, Eduardo Estévez
5. Cultivos transxénicos, Carlos Negro
6. Hordas de escritura, Chus Pato
7. Látego de algas, Antón Reixa
8. Libro de Alicia, Olalla Cociña
9. Migracións. Rafa Villar
10. Non son de aquí, María do Cebreiro
11. O xeito de Freud, Carlos Lema
12. Reversos: días adiados, Ramiro Fonte
Teatro:
1. Fume / Insomnio, Rubén Ruibal Armesto e Carlos Losada Galiñáns
2. Historia da chuvia que cae todos os días, Roberto Salgueiro
3. Nachtmahr, Raúl Dans
4. Unha primavera para Aldara, Teresa Moure
Ensaio:
1. Anti Natura, María Xosé Queizán
2. Caderno de notas, Jenaro Marinhas del Valle
3. Fendas abertas: seis ensaios sobre a cuestión nacional, Carlos Taibo
4. Fin de século en Palestina, Miguel Anxo Murado
5. Historia de Ourense, Marcos Valcárcel
6. Miro Casabella e a nova canción galega, Xan Fraga
7. O espírito da letra. Nove achegas filosóficas a textos literarios, Luís G. Soto
8. O natural é político, Teresa Moure
9. Por unha Galiza liberada e novos ensaios, Xosé Manuel Beiras
Tradución:
1. A conxura dos necios (John Kennedy Toole), Eva María Almazán García
2. As flores do mal (Charles Baudelaire), Gonzalo Navaza
3. Cantos e fragmentos (Safo), Raúl Gómez Pato
4. O xiro postal (Sembène Ousmane), María Isabel García Fernández
5. Un home na escuridade (Paul Auster), Eva María Almazán García
Narrativa:
1. A choiva do mundo, Xosé Manuel Pacho Blanco
2. A verdade como mal menor, X. Luís Martínez Pereiro
3. Costa Norte/ZFK, Xurxo Borrazás
4. Festina lente, Marcos S. Calveiro
5. Memoria de cidades sen luz, Inma López Silva
6. O libro das viaxes imaxinarias, Xabier P. DoCampo
7. O profesor de vegliota, Manuel Veiga
8. O xardín das pedras flotantes, Manuel Lourenzo
9. Os nomes do traidor, Xurxo Sierra Veloso
10. Shakespeare destilado, Xesús Constela
«Hordas de escritura», nova crítica
Xuño 19, 2008María Xesús Nogueira publica en lg3 unha crítica de Hordas de escritura, o último poemario de Chus Pato. Recollemos un fragmento:
O poemario ten como eixe central a propia linguaxe poética. A reflexión levada a cabo sobre o discurso anticípase xa nun título onde se combina o salvaxe e o primitivo (as hordas) co código (a escritura). Hai polo tanto unha importante dimensión autopoética neste libro que se pregunta «que sorte de tecnoloxía é o poema» no que «o eu é un innumerábel que multiplica e se descentra».
“Hordas de escritura”, no “Faro da Cultura”
Abril 17, 2008Crítica de Armando Requeixo en Faro da Cultura de Hordas de escritura, o poemario de Chus Pato.
Entrevista a Chus Pato
Abril 13, 2008A publicación de Hordas de escritura, o máis recente poemario de Chus Pato, suscitou esta entrevista publicada en Galicia hoxe.
Eis para a escritora ourensá o sentido deste seu libro: “A cultura que recibimos nega á besta: non queremos ser animais. Danos medo sabernos animais porque a animalidade é o indicativo da morte: somos mortais porque somos animais. Por iso, abrazamos ese tópico de que o humano é a mediación entre o animal e a divindade. Cando falamos, nos facemos civilizados, parece que escapamos á morte, pero é a costa de anular a animalidade… Eu penso que hai algo que rescatar desa animalidade. Somos animais, fillos da terra, do cosmos. Se non nos conectamos con todo iso, camiñamos cara á destrución. Somos animalidade e linguaxe. Carne e linguaxe”.
Houbo unha morte e a morte entrou no amor; finalmente produciuse unha mudanza na escritura. Este libro é tamén a terceira entrega dunha pentaloxía que Chus Pato vén construíndo baixo o título xenérico de Método. Pero, cando o poema se compón, só lle é fiel a súa propia cicatriz; esa é a lei e a gravidade do texto. Un libro importante dunha das máis abisais, mutantes, imprescindibles e rupturistas escritas do panorama poético contemporáneo.