Xesús Alonso Montero foi entrevistado por Faro de Vigo e La opinión da Coruña con motivo da presentación de Cartas de republicanos galegos condenados a morte (1936-1948) que realizou onte na Feira do Libro da Coruña.
Posts Tagged ‘xesús_alonso_montero’
«Me matan por sen bueno»
Agosto 4, 2009Alonso Montero na Feira do Libro da Coruña
Agosto 2, 2009O luns, 3 de agosto, ás 20:00 horas, o profesor Xesús Alonso Montero impartirá na Feira do Libro da Coruña unha conferencia arredor dos seus libros máis recentes: Cartas de republicanos galegos condenados a morte (1936-1948), publicado por Edicións Xerais de Galicia e Ramón Piñeiro ou a reinvención da cultura galega, publicado pola Editorial Galaxia.
Alonso Montero entrevistado no “Diario Cultural” da RG
Xullo 17, 2009Aquí pode escoitarse a entrevista ao profesor Xesús Alonso Montero emitida no Diario Cultural da Radio Galega con motivo da publicación do libro Cartas de republicanos galegos condenados a morte (1636-1948).
“Cartas de republicanos galegos condenados a morte”, presentación en Santiago
Xullo 2, 2009O vindeiro mércores, 8 de xullo, ás 20:00 horas, na libraría Couceiro (Praza de Cervantes 6) de Santiago de Compostela terá lugar a presentación do libro de Xesús Alonso Montero Cartas de republicanos galegos condenados a morte (1936-1948). No acto o autor estará acompañado do editor Manuel Bragado.
“Cartas de republicanos galegos condenados a morte”
Xuño 26, 2009Baixo o título “O adeus da dignidade” Galicia hoxe publica unha completísima reportaxe sobre o libro Cartas de republicanos galegos condenados a morte (1936-1948) de Xesús Alonso Montero. Así mesmo, La Voz de Galicia publica outra ampla noticia sobre a aprición do libro.
Entrevista con Xesús Alonso Montero
Xuño 25, 2009Hoxe en La Voz de Galicia, con motivo da presentación do libro Cartas de republicanos galegos condenados a morte (1936-1948), Jorge Lamas faille unha entrevista ao profesor Alonso Montero: “Recollín textos moi conmovedores que os nosos alumnos deben coñecer“
Actos de Xerais na Feira do Libro de Vigo
Xuño 24, 2009Adiantamos os actos organizados por Xerais na Feira do Libro de Vigo que terá lugar na Alameda dende o 10 ao 19 de xullo.
Día 10 venres, ás 19,00 horas:
Conferencia do profesor Xesús Alonso Montero arredor dos seus libros máis recentes: Cartas de republicanos Galegos condenados a morte (1936-1948) publicado por Xerais e Ramón Piñeiro ou a reinvención da Cultura Galega publicado por Galaxia Intervirán: Xesús Alonso Montero, Manuel Bragado e Carlos Lema.
Día 11 sábado, ás 20,30 horas:
Presentación do libro Sansón Troleyro de Enrique Vázquez Pita. Intervirán: Enrique Vázquez Pita e Manuel Bragado.
Día 13 luns, ás 20,30 horas:
Luís Rei Núñez asinará exemplares do seu libro Monte Louro (Premio Blanco Amor 2009).
Día 15 mércores, ás 20,30 horas:
Presentación do libro Lúa do Senegal de Agustín Fernández Paz. Intervirán: Paula Fernández, Manuel Bragado e Agustín Fernández Paz.
Día 16 mércores, ás 20,30 horas:
Presentación do libro Prostitución: Clientes e outros homes. Análise sociolóxica das ideoloxías sexuais masculinas en Galicia de Águeda Gómez Suárez e Silvia Pérez Freire. Intervirán: Manuel Bragado e as autoras.
“Cartas de republicanos galegos condenados a morte”, presentación en Vigo
Xuño 23, 2009O vindeiro xoves, 25 de xuño, ás 20:00 horas, nas instalacións do MARCO (antigo cárcere) de Vigo, presentarase o máis recente libro do profesor Xesús Alonso Montero, Cartas de republicanos galegos condenados a morte (1936-1948). No acto acompañarán ao autor Alfonso Álvarez Gándara (decano do Colexio de Avogados de Vigo), Carlos Núñez e o editor Manuel Bragado.
“Cartas de republicanos galegos condenados a morte”, novo libro de Xesús Alonso Montero
Xuño 15, 2009A vindeira semana chegará ás librarías Cartas de republicanos galegos condenados a morte (1936-1948), o máis recente libro do profesor Xesús Alonso Montero.Unha obra moi relevante na construción da memoria republicana de Galicia.
Xesús Alonso Montero recolle neste libro cento vinte cartas de republicanos galegos escritas despois de que recibiran oficialmente a noticia de que foran condenados á pena de morte. É o momento en que algúns deciden despedirse, por escrito, dos seus: dos pais, dos irmáns, da muller, da noiva, dos amigos… Nalgúns casos, especialmente entre comunistas, do Partido. Ningún xénero literario expresa con máis emoción o drama da Guerra Civil (e das súas consecuencias) que este tipo de cartas escritas polos republicanos nun momento en que toda esperanza estaba perdida. Hai, ademais, despedidas que son especialmente conmovedoras, e outras, dun certo nivel literario, e todas, e cada unha, un documento histórico que nos fai deplorar as que xa se perderon para sempre e as que, por torpeza ou incuria nosa, aínda non foron exhumadas. Un libro clave no proceso de construción da memoria republicana de Galicia que, ademais, constitúe o primeiro corpus epistolar deste xénero, territorio e período que se publica.
Xerais, novidades do mes de xuño
Xuño 5, 2009Xerais publicará catorce novidades ao longo deste mes de xuño.
Na colección Xerais Narrativa aparecerán as novelas A vida do outro de Carlos Reigosa, Premio Torrente Ballester 2008 da Deputación Provincial da Coruña; Monte Louro de Luís Rei Núñez, Premio Blanco Amor 2009; e Pirata de María Reimóndez. Títulos, ambos os tres, que estarán nas librarías durante a primeira quincena do mes.
Na colección Xerais Crónica publicarase Cartas de republicanos galegos condenados a morte (1936-1948) de Xesús Alonso Montero.
Na Biblioteca Dramática Galega, coeditada con AGADIC, publícase Pingueiras e tarteiras, peza de Teresa Gonzaléz Costa gañadora do IIIº Premio Manuel María Literatura Dramática Infantil, ilustrada por Rodrigo Chao.
Na colección Fóra de Xogo aparecerá a novela Sansón Troleyro de Enrique Vázquez Pita e o poemario Makinaria de Carlos Negro.
Na colección Sopa de Libros Andanzas de Xan Farrapeiro de Ramón Caride, ilustrado por Marisa Irimia, e Lúa do Senegal de Agustín Fernández Paz, ilsutrado por Marina Seoane.
Na colección Xerais Universitaria publicarase O po dos días. Introdución temática á poesía de Aquilino Iglesia Alvariño de Luciano Rodríguez Gómez, libro que aparecerá coincidindo co cen aniversario do nacemento do poeta de Seivane o 12 de xuño de 1909; e Prostitución. clientes e outros homes. Análise sociolóxica das ideoloxías masculinas en Galicia de Águeda Gómez Suárez e Silvia Pérez Freire.
Por último, publicarase o volume que recolle as obras gañadoras dos Premio 2008 de relato, poesía e tradución da Universidade de Vigo e os Cadernos do Profesorado de Primaria e Secundaria para o vindeiro curso 2009/2010.
“Conversas con Celso Emilio Ferreiro”, presentación en Vigo
Maio 14, 2009Mañá, venres 15 de maio, ás 20:00 horas, na Casa do Libro de Vigo presentarase o libro Conversas con Celso Emilio Ferreiro de Ramón Nicolás. O autor estará acompañado por Xesús Alonso Montero, Luis Ferreiro Loredo e Manuel Bragado.
«Letras galegas», crítica en «Culturas»
Marzo 5, 2009Ramón Nicolás publicou o pasado 7 de febreiro no suplemento «Culturas» de La Voz de Galicia unha crítica sobre as dúas novidades máis recentes do profesor Xesús Alonso Montero, entre elas Letras galegas. Explicadas (de 1962 a 1980) en Triunfo e noutras revistas de fóra de Galicia.
Rosalía de Castro en Xerais
Febreiro 24, 2009Hoxe, 24 de febreiro, celébrase o 172 aniversario do nacemento en Santiago de Compostela de Rosalía de Castro. Dende os inicios de Xerais, a nosa escritora primeira sempre tivo unha importante presenza no noso catálogo. O primeiro título foi en 1982 a Poesía completa en galego, en edición do profesor Benito Varela Jácome, actualmente descatalogada despois de ser reimpresa en múltiples ocasións. Coa creación da Biblioteca das Letras Galegas, nesa colección publicamos en 1990 os dous poemarios en galego de Rosalía, Cantares gallegos en edición de Xavier R. Baixeras (actualmente na décima edición) e Follas Novas en edición de Marina Mayoral e Ana Blanca Roig (hoxe na oita edición). En 2003 o estudoso rosaliano Anxo Angueira editou Rosalía de Castro. Antoloxía, libro cedé, prologado por X.L. Méndez Ferrín, ilustrado con cadros da pintura galego do XIX e organizado arredor de sete ámbitos temáticos:
Así en «Terras de Rosalía», incluíronse os poemas centrados na paisaxe e nas terras que máis e máis intensas páxinas encheron na obra da autora. «Santos, campás e pecados» é o título que pretende recoller un conxunto de poemas certamente variados pero que, dalgún xeito, remiten ao feito relixioso, formal ou intimamente, e en moitos deles á transgresión dos seus preceptos. En «Festas e fames» danse cabida a outro dos aspectos emblemáticos da obra da nosa autora que tamén cadra cun dos ideoloxemas do Rexurdimento: o compromiso social cos miserábeis. Logo, incluíronse dúas elexías, a célebre dedicada a Sir John Moore e a menos coñecida dedicada a Inés de Castro e a Luís de Camões, na que a nosa autora se desenvolve á perfección manexando os respectivos trasfondos líricos, históricos e políticos. En «Sombras e soidades» ilústrase a voz poética rosaliana máis intimista, máis espida, e por veces dramaticamente esgazada e estarrecente, senlleira na poesía europea decimonónica. En »Verba de muller» recóllense uns cantos poemas nos que a autora pon os ollos na situación especialmente dependente da muller no plano socio-político e mesmo no literario. Por último, en »Pola dignidade nacional», antológanse un conxunto de poemas nos que a nosa autora denuncia a situación social de miseria e emigración que padece Galicia acompañada, por veces, do canto nacional no que non faltan as críticas á situación política de desleixo e dependencia con respecto a España.
O catálogo de Xerais inclúe varios libros de estudos rosalianos: Páxinas sobre Rosalía de Castro (1957-2004) no que inclúe o corpus dos traballos rosalianos do profesor Xesús Alonso Montero e Rosalia 21, o recente volume colectivo, coordinado por Anxo Angueira, que actualiza a figura fundacional da literatura e da nación galega á luz de novas claves interpretativas e desde novos modelos estéticos. Ademais, Xosé Antón Neira Cruz preparou en 1997 Así viviu Rosalía, a primeira biografía ficcionada da nosa autora dirixida ao público máis novo.
Entrevista a Xesús Alonso Montero
Xaneiro 21, 2009Jorge Lamas entrevista en La Voz de Galicia ao profesor Xesús Alonso Montero con motivo da chegada ás librarías de Letras Galegas, o máis recente dos seus títulos de ensaio publicados por Xerais.
«Letras Galegas», novo libro do profesor Xesús Alonso Montero
Xaneiro 8, 2009Chega ás librarías un novo libro do profesor Xesús Alonso Montero. Letras Galegas. Explicadas (de 1962 a 1980) en Triunfo e noutras revistas de fóra de Galicia recolle 38 traballos que publicou en revistas extragalegas, algunha tan importante e tan eficaz, para a concienciación democrática e progresista de España, como Triunfo (Madrid). Son quince os textos seus aparecidos no semanario que capitaneaba a mente lúcida de Eduardo Haro Tecglen, catro deles moi extensos. Boa parte dos traballos, nesta e noutras revistas, son anteriores á morte de Franco (novembro de 1975), o que quere dicir que foron escritos para seren publicados dentro das coordenadas censorias do franquismo, se ben do tardofranquismo. Outra parte son posteriores á morte de Franco. Deles, os publicados entre novembro de 1975 e abril de 1977 (legalización do Partido Comunista), aínda esixían do autor un autocontrol expresivo non pequeno. En palabras de Xesús Alonso Montero:
Téñase en conta que eu non escribía como un liberal de dereitas ou de centro; eu escribía desde postulados esquerdistas, ás veces decididamente marxistas, falase do problema da lingua, da socioloxía da literatura ou dos escritores rebeldes que nunca oíron a chamada da revolución. Os escritores galegos que eu explicaba ós ‘lletraferits’ de fóra de Galicia eran escritores que estaban coa causa da esquerda, entre eles, Viqueira, Celso Emilio Ferreiro, Luis Seoane, Lorenzo Varela e Neira Vilas. Explicándoos, promocionábaos fóra das nosas fronteiras, consciente sempre de que unha boa parte dos lectores extr-agalegos tiñan unha idea máis ou menos ‘idílica’ e ‘folclórica’ da nosa literatura. A esta causa, a de facer ver que existían nas Letras en galego importantes páxinas cuestionadoras, dediquei unha boa parte do meu traballo intelectual, sobre todo como conferenciante en Madrid, Barcelona, Salamanca, Paris (1967) e mais Buenos Aires e Montevideo (1969). Todo antes da morte de Franco.