Archive for Marzo 2009

«O natural é político», acto en Pontevedra

Marzo 31, 2009

xg00153201O xoves, 2 de abril, ás 20:00 horas, na sala de conferencia s da Fundación Caixa Galicia de Pontevedra, terá lugar un diálogo arredor do libro O natural é político, entre a súa autora, Teresa Moure, e o editor Manuel Bragado. O acto está organizado polo Ateneo de Pontevedra.

Advertisements

«Home sen nome» traducido ao italiano

Marzo 31, 2009

img_susoSuso de Toro acaba de chegar de Ivrea onde presentou a edición italiana de  Home sen nome. A tradución dende o galego, preparada por Fabio Angelli, apareceu na editora Gran Via baixo o título de Uomo senza nome.

2 de abril. Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil

Marzo 31, 2009

Con motivo da celebración do Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil, Xerais ten previsto realizar os seguintes actos:

o-unico11 de abril, mércores, a partir das 18,00 horas, Agustín Fernández Paz, Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil, 2008, asinará exemplares de O único que queda é o amor e do resto da súa obra, no departamento de libraría de El Corte Inglés de Vigo.

3 de abril, venres, ás 11,00 horas, Manuel Rivas e Patricia Castelao presentarán, aos alumnos e alumnas do Centro Educativo Andaina, rúa Aguaceiros, 21 A Zapateira en Culleredo, o seu primeiro libro dirixido ao público infantil  O sombreiro Chichiriteiro.

Capa o sombreiro chichiriteiro .indd3 de abril, venres, a partir das 18,00 horas, Manuel Rivas asinará exemplares de O sombreiro Chichiriteiro no departamento de libraría de El Corte Inglés da Coruña.

Homenaxe a Ramiro Fonte

Marzo 31, 2009

ramiro-baixaA AELG organiza o 17 de abril en Vigo unha homenaxe a Ramiro Fonte. O acto terá lugar ás 19:30 horas nas instalacións da Fundación Caixa Galicia de Vigo (Rúa Policarpo Sanz). No recital póetico intervirán os poetas X.M. Álvarez Cáccamo, Manuel Álvarez Torneiro, Ignacio Chao, María do Carme Kruckemberg, Xulio López Valcarcel, Gonzalo Navaza, Román Raña, Xavier Rodríguez Baixeras, Cesáreo Sánchez Iglesias e Xavier Seoane.

«Do orixinal ao libro. Manual de edición técnica»

Marzo 30, 2009

Acaban de chegar da imprenta os primeiros exemplares Do orixinal ao libro. Manual de edición técnica do editor Juan L. Blanco Valdés. O libro esta prologado polo galego José Martínez de Sousa, unha das maiores autoridades en edición técnica e ortotipografía. Este primeiro manual de edición en galego presentarase coincidindo co vindeiro 23 de abil, día internacional do libro e dos dereitos de autor.

xg00164101A edición é hoxe unha actividade profesional de absoluta actualidade, excitantes posibilidades de futuro e altísimos estándares de cualificación técnica, razón pola que cada vez son máis frecuentes ciclos formativos superiores e bibliografía especializada neste terreo. Este manual é, de feito, o froito de dous alentos. O primeiro está nas moitas horas de experiencia docente do autor no Máster de Edición da Universidade de Santiago de Compostela onde tivo a oportunidade de transmitir un coñecemento técnico acumulado en vinte anos de exercicio profesional no Servizo de Publicacións da Universidade de Santiago de Compostela e de pulsar as necesidades reais de formación en edición técnica. O segundo destes pulos veu determinado pola constatable existencia, por dicilo na xerga empresarial, dun «nicho de demanda»: o dun manual de edición dirixido a un público, se ben máis ou menos especializado –polo tanto con coñecementos de edición ou, cando menos, de edición textual– moi frecuentemenete enfrontado a inseguridades, dúbidas, incertezas, alternativas técnicas e lagoas nos máis diversos aspectos que atinxen a un proceso complexo como é a creación dun libro, para a resolución dos cales dispón dunha bibliografía obviamente estensa pero sempre dispera e adoita indiscriminada. Polo tanto, este é un manual «a pé de obra», redactado por un editor e pensado para editores, un texto sinxelo e intuitivo conscientemente dedicado á cerna da edición: a construción e produción dun libro dende o orixinal.

«A cabeza de Medusa», crítica en «Culturas»

Marzo 30, 2009

a-cabeza-de-medusa-culturas-28-3-09Ramón Nicolás publicou no suplemento «Culturas« de La Voz de Galicia do pasado sábado unha crítica d’ A cabeza de Medusa, a novela de Marilar Aleixandre, premio Fundación Caixa Galicia de literatura xuvenil.

«O sombreiro chichiriteiro»

Marzo 30, 2009

Recollemos a anotación que sobre O sombreiro chichiriteiro, o recente álbum de Manuel Rivas e Patricia Castelao, publican o blog Trafegando ronseis:

Capa o sombreiro chichiriteiro .inddProliferan ultimamente os libros infantís con desigual resultado, salvados en moitas ocasións polas fermosas ilustracións que acompañan uns textos que dáme a impresión non chegan en moitas ocasións a nenos e nenas. Pero non é este o caso: o texto de Manuel Rivas e as ilustracións de Patricia Castelao son fermosos por igual. Un relato sobre a amizade e a esperanza nunha coidada edición de tapa dura cunhas ilustracións que non deixan indiferente. Un fermoso libro para agasallar, para follear, para disfrutar.

«Mal de escola»

Marzo 29, 2009

Recollemos a anotación que sobre Mal de escola de Daniel Pennac publica Cesare no seu blo As túas balas.

xg001515011I

Os estudantes son agora moito peores ca antes –dime un profesor universitario de 31 anos–. O outro día púxenlles ao grupo B un exercicio que fago todos os anos: teñen que preparar unha noticia e locutala como se fose un telexornal, metendo a cabeza por unha tele de cartón. Este ano copiaron en cinco minutos unha nova de internet, e comezaron a lela tal cal. Eu cortei o exercicio de raíz e pasamos a outra cousa.

II
Calquera manual de pedagoxía podería sinalar os erros desa práctica: dende a definición dos obxectivos ata un modelo de aprendizaxe baseado na nota, pasando por construír situacións irreais que conducen a que criaturas, a miúdo batante máis achegadas á realidade cós seus profesores, bordeen ou eludan o absurdo. Se ademais este novo pero experimentado profesor lese Mal de escola, de Daniel Pennac, podería intuír que a culpa do fracaso do exercicio era en boa medida súa.
As renovacións pedagóxicas, as contrarrenovacións, os sindicatos, os políticos, as anpas e os medios de comunicación foron sinalando como causas do fracaso escolar o método, as reformas legais, as infraestruturas, as familias desestruturadas, as vacacións dos profes ou esa violencia da mocidade que tan precisamente describe Pennac. Pero o erro está na falta de amor, como di Pennac, e na falta de autocrítica, que é outra vertente da falta de amor.
Mal de escola é poliédrico, embarullado e marabilloso, anque Pennac é fondamente conservador: de aí a súa teima nos alicerces do ensino: a ortografía, a literatura dos séculos pasados (ás veces moi pasados) ou, ata un punto que asusta, a proposición subordinada adverbial concesiva, que a pequena Nathalie, con toda lóxica, non entende. A escola ten que revisar métodos e amores, si, pero tamén contidos, ese pequeno e obsesivo apósito que vai xunto á aprendizaxe de modelos, e sobre o que, estrañamente, avaliamos.

«Ámote vermella»

Marzo 29, 2009

Recollemos o comentario que sobre Ámote vermella, o poemario de Claudio R.Fer, ilustrado por Sara Lamas, publica o blog Trafegando ronseis.

Claudio Rodríguez Fer xunto coa ilustradora Sara Lamas presentan un libro fermoso tanto pola edición como pola idea: un poemario dedicado ás mulleres represaliadas e esquecidas da nosa terra: Ámote vermella. E digo que é fermoso en canto á idea, porque tal como afirma o autor a súa intención é “afirmar a vida, loitar contra a morte. Cómpre unha catarse colectiva para superar o trauma deste esquecemento no que vivimos instalados nunha democracia tardofranquista amnésica. O franquismo foi unha ditadura androcéntrica e machista, que practicou a violencia de xénero. Setenta anos despois, quixemos demostrar que hai quen as ama, aquí están os seus nomes elas que foron as esquecidas entre os esquecidos, aquí están os seus retratos, cando tivemos a fortuna de atopalos”. En canto á edición, paréceme un libro preciso, cunhas ilustracións exquisitas, todo el en vermello.
Outra cousa diferente desde o meu punto de vista é o poemario en si, que non acabou de convencerme. Porén, como adoita acontecer, hai poemas que gustan máis ca outros, e como é costume déixovos unha pequena selección. Recoméndovos a súa lectura por mor de sabermos máis sobre nós mesmos, sobre o noso pasado recente, sobre unhas mulleres esquecidas por seren mulleres, sobre a valentía da vida naquela época, sobre o feito de procurar unhas ideas que outros non consentiron. Cómpre lembrar, porque na memoria radica a forza de que non volvan acontecer feitos coma estes.

«A batalla do paraíso triste», crítica en «Protexta»

Marzo 29, 2009

pena_protextaArmando Requeixo publica unha crítica en Protexta 09 d’ A batalla do paraíso triste, a novela de Xosé Ramón Pena.

«O xardín das pedras flotantes», crítica en «Protexta»

Marzo 29, 2009

xardin_protextaLara Rozados publicou unha crítica en Protexta 09 d’ O xardín das pedras flotantes, a novela de Manuel Lourenzo González, gañadora do Premio Xerais 2008.

Xabier DoCampo e Marcos Calveiro, premios «Irmandade do libro» 2009

Marzo 29, 2009

imgp2741b_webXabier DoCampo e Marcos Calveiro recibiron onte á noite no Carballiño os premios «Irmandade do libro» 2009 outorgados pola Federación de Libreiros de Galicia. Xabier DoCampo foi recoñecido na categoría de «autor do ano 2008» e Marcos Calveiro na de «libro do ano 2008» pola súa novela Festina lente que recibe o seu primeiro recoñecemento. Tamén foron premiados Alvarellos editora, na categoría de «obra editorial 2008»; as bibliotecas públicas de Oleiros, na de fomento da lectura; o IES Blanco Amor de Ourense, na de centros educativos; a Asociación Cultural Rosalía de Castro, na de institucións e Andel do libro galego e portugués, na de librarías. Os nosos parabéns para a Federación de Libreiros e para todos os premiados.

«TSC. Diario da noite», Alfonso Armada

Marzo 27, 2009

Está chegando ás librarías TSC.Diario da noite, un voluminoso poemario de máis de seiscentas páxinas de Alfonso Armada.

xg00151701TSC. Diario da noite de Alfonso Armada é un experimento, o intento destemido dun poeta de 24 anos que, seguindo o alento de escritores como Gide ou Joyce, desexaba a literatura como unha sorte de vida e devecía por rexistrar o paso do tempo e todos os seus estragos escribindo un poema cada día do ano de 1982. As obsesións íntimas, os medos, os anhelos e as mitoloxías da época están case todas neste diario poético que é tamén un canto de amor e desapego á cidade de Vigo, onde o poeta naceu, e ás que comezaban a facer parte da súa existencia: Compostela, Madrid, Sevilla ou Tánxer. Estes Trescentos Sesenta e Cinco días son, para o poeta, un intento de dar conta de si.

«Zoommm. Textos biónicos», Estíbaliz Espinosa

Marzo 27, 2009

Esta semana ponse á venda nas librarías Zoommm.Textos biónicos, o novo poemario de Estibaliz Espinosa.

xg00162001No século XXI, finxir dar vida foi un dos cometidos principais daqueles que traballaban nesa trampa oblicua chamada arte: a creación de personaxes semellaba un eixe fundamental na novela, esa simulación tamén se atopaba no deber dun bo actor, dun guionista, dun realizador de cine, un fotógrafo, un debuxante de cómics… No século XXI, procurar vida foi un dos cometidos principais daqueles que se dedicaban a esa fe experimental chamada ciencia: a medicina, a investigación no xenoma, a astrofísica, a matemática agochada nos patróns de crecemento vexetal e animal, a arquitectura orgánica… No século XXI, aplicar un zoom nos textos das criaturas humanas revelaría unha ambición de alquimista: transmutarse en vida. En memoria.Vingadora da mortalidade. Zoommm, o poemario de Estíbaliz Espinosa, achégase con torpeza humana ás relacións incestuosas entre texto e vida, linguaxe da máquina e linguaxe lírica, e a ese antigo desexo infantil de que o que leamos se transfigure en nós, electrice a nosa medula, siga o noso ritmo vascular, volva parte de nós ou nós dela. Somos o que foron outros. Se somos o que comemos, somos o que lemos.

«Nos camiños do entusiasmo», presentación na Coruña

Marzo 27, 2009

xg000795011Nos camiños do entusiasmo. Calidade da lingua e planificación, o máis recente ensaio de Goretti Sanmartín, presentarase o vindeiro luns, 30 de marzo, ás 20:30 horas, na Asociación Alexandre Bóveda, rúa dos Olmos 16-18, 1º da Coruña. O acto contará coa participación da autora e do profesro Xosé Manuel Sánchez Rei.

Casa Hamlet presenta «Ratiña linda»

Marzo 26, 2009

cartel-ratina-linda-casa-hamlet

A compañía de teatro Casa Hamlet está representando a obra de teatro “Ratiña linda” escrita por Manuel Lourenzo a partir do conto Rata linda de Compostela de Bernardino Graña.

«Un firme traballador da derrota ou Peter Buckley», Premio Teatro Radiofónico

Marzo 26, 2009

nota300_233799Rubén Ruibal e César Candelas foron os gañadores do IIIº Premio de Teatro Radiofónico «Diario Cultural« pola súa obra Un firme traballador da derrota ou Peter Buckley, protagonizada polo boxeador britano peter Buckley,un eterno perdedor. A peza foi a gañadora tanto no premio outorgado polo xurado como polo público. Dotados ambos premios con 3.000 euros, Xerais editará a peza nun libro-CD que tamén incluirá as obras finalistas, O xou mas gou on de Eva Ferreira e Servizo de información de Paula Carballeira. O xurado, –formado por Cándido Pazó, Cristina Domínguez, Flor Maceiras, Camilo Franco e Ana Romaní–  destacou que a historia de Peter Buckley «emprega pautas do xénero negro, convertendo o relato nunha translación radiofónica dun ambiente cinematográfico» e con «personaxes ben perfilados». O premio será entregado o 15 de abril nunha gala, que se desenvolverá no Teatro Rosalía de Castro da Coruña, e na que será presentado o libro cedé. Entrevista cos autores en Galicia hoxe.

«Riofero», crítica no «Faro da Cultura»

Marzo 26, 2009

rioferofaroFrancisco Martínez Bouzas publica hoxe no «Faro da Cultura» unha crítica sobre a novela de Xelís de Toro Riofero.

«Quen matou a Inmaculada de Silva?», crítica no «Faro da Cultura»

Marzo 26, 2009

inmaculadafaroPilar Ponte publica no «Faro da Cultura» de hoxe unha crítica sobre a recente novela de Marina Mayoral Quen matou a Inmaculada de Silva?

«Nos camiños do entusiasmo», crítica no «Faro da Cultura»

Marzo 26, 2009

entusiasmofaroMarga Romero publica unha crítica no «Faro da Cultura» de hoxe sobre o ensaio de Goretti Sanmartín Nos camiños do entusiasmo.

A película «O Club da calceta» vencedora do Famafest 2009

Marzo 25, 2009

cartazparahome2009A película O Club da calceta, adaptación cinematográfica dirixida por Antón Dobao da novela homónima de María Reimóndez, resultou vencedora do Festival Internacional de Cinema e Vídeo de Vila Nova de Famalicao (Famafest 2009). O xurado, que concedeu o galardon por unanimidade salientou da película galega «a profunda reflexión que ofrece sobre a condición feminina». Agardamos con interese a súa estrea por parte da TVG. Os nosos parabéns á autora da novela e o director da película.

«Reconquista. Vigo en armas», presentación

Marzo 25, 2009

xg00159501Mañá, xoves 26 de marzo, ás 20:00 horas, no salón rexio do Círculo Mercantil de Vigo (entrada pola rúa do Príncipe) terá lugar unha conferencia presentación do libro Reconquista. Vigo en armas de Eduardo Rolland.

«Quen matou a Inmaculada de Silva?», crítica en “Lg3”

Marzo 25, 2009

xg001525013 Isabel Soto, publica en lg3 de Culturagalega.org, unha crítica de Quen matou a Inmaculada de Silva? de Marina Mayoral.

«A batalla do paraíso triste», crítica en «Culturas»

Marzo 25, 2009

a-batalla-do-paraiso-triste-culturas-21-3-09

Ramón Nicolás publica no suplemento «Culturas» de La Voz de Galicia unha crítica d’ A batalla do paraíso triste, a novela de Xosé Ramón Pena.

«Ámote vermella», o recital de Lugo

Marzo 25, 2009

Eis a crónica da presentación recital do pasado luns en Lugo de Ámote vermella, o poemario de Claudio R. Fer.

Xelís de Toro entrevistado no «Diario Cultural»

Marzo 24, 2009

xg00139401Aquí pode escoitarse a entrevista con Xelís de Toro emitida hoxe no «Diario Cultural» da Radio Galega con motivo da aparición de Riofero.

Entrevista a Fran Alonso en «Praza das Letras»

Marzo 24, 2009

0040026001236874820-foto-manuel-g-vicente«Praza das Letras» publica unha longa entrevista que lle fixo a Fran Alonso con motivo da publicación d’ Un país a medio facer. A entrevista está centrada na evolución da cultura galega nos últimas dúas décadas e a súa proxección no futuro. Alonso comenta, ademais, o estado dos seus proxectos literarios: «En poesía teño un libro rematado hai un ano. Non o publiquei porque en Xerais temos moitos orixinais de poesía e está agardando vez. Titúlase Transición. Logo seguín escribindo e teño a metade doutro poemario. En narrativa teño varias cousas en distintos estados, o máis avanzado é un libro de relatos sobre as relacións humanas e a súa configuración.»

Xelís de Toro en «El País»

Marzo 23, 2009

de-toro-xelis-1O diario El País entrevista a Xelís de Toro con motivo do seu último libro Riofero.

Catálogo Xerais 2009

Marzo 23, 2009

Acaba de chegar do almacén a edición en papel do Catálogo Xerais 2009 (176 páxinas). Pódese coller nas librarías ou recibir gratuitamente solicitándoo por correo electrónico a: xerais@xerais.es

«A clase», crítica en «Nós»

Marzo 22, 2009

Extrait du film "Entre les murs" de Laurent CantetMartín Pawley publicou onte en «Nós», o suplemento de Xornal de Galicia unha crítica sobre A clase, a novela de François Bégaudeau, traducida por Xavier Senín e Isabel Soto. Recollemos os dous derradeiros parágrafos dun texto moi interesante:

Bégaudeau retrátase coma un profesor que gusta de enfrontarse dialecticamente aos seus alumnos, que os trata de igual a igual, que non se preocupa por ser politicamente correcto e que por esa razón pode botar man da ironía e a retranca para amosarlles as súas contradicións e os seus prexuízos sen caer no didactismo. A clase é unha obra dialogada case de principio a fin, que amosa con sinceridade e sen complexos tanto as demostracións de elocuencia como a incapacidade dos rapaces para expresar o que quizais quererían dicir, e por iso podemos ver a novela tamén como unha celebración da comunicación e da lingua, da necesidade de posuírmos as palabras necesarias que nos permiten relacionarnos co resto sen estar en inferioridade de condicións.

A escrita de Bégaudeau é sincera e profunda, nin pesimista nin bucólica, e fai do instituto un microcosmos pluricultural que reproduce a maneira de preciso altofalante os conflitos identitarios, os desequilibrios de poder, a desigualdade de oportunidades e as dificultades para integrar o diferente. Un lugar onde poden xurdir situacións xeniais pero que non é capaz de corrixir as inxustizas e en ocasións mesmo contribúe a amplificalas. Un espazo real, en suma, tan bo ou tan malo como a sociedade da que forma parte.

Xerais twitter

Marzo 22, 2009

Continuando coa aposta da editorial pola presenza nas redes sociais e por promover a participación dos lectores dos nosos libros e usuarios dos nosos servizos, dende hoxe tamén pode seguirse a actividade da editorial dende Xerais twitter. Nese espazo de microblogueo publicaranse puntualmente todas as actividades promocionais e novidades máis destacadas da editorial.

Deste xeito a editorial conta cos seguintes espazos en Internet:

Algúns destes espazos, como a web e o blog, están en proceso de profunda modificación do seu deseño e utilidades. Agradecemos todas as suxestións e críticas para a mellora do seu funcionamento.

«Ámote vermella», presentación en Lugo

Marzo 22, 2009

amotevermella10Ámote vermella, o poemario de Claudio R. Fer, ilustrado pr Sara Lamas presentarase mañá, luns, 23 de marzo, ás 19:00 horas na sala Isaac Díaz Pardo da Facultade de Veterinaria de Lugo. No acto participará o autor, que recitará parte dos poemas do libro, xunto co editor Manuel Bragado. Esta presentación recital de Ámote vermella encádrase dentro do proxecto exposición  Vermellas. Chamábanlles “rojas”. promovido por Lugo Cultural.

F.X. Fernández Naval no «Diario Cultural»

Marzo 21, 2009

fernandez-naval-300x229F.X. Fernández Naval, autor de Para seguir bailando, foi entrevistado onte no Diario Cultural da Radio Galega. Aquí pódese escoitar a entrevista.

Premios Irmandade do Libro 2008

Marzo 20, 2009

250808Hoxe coñecimos as candidaturas finalistas da XVIIIª edición dos premios Irmandade do Libro que outorgados pola Federación de Libreiros de Galicia serán entregados o sábado 28 de marzo, as 21:30 horas no Carballiño.

Acollemos con gran satisfacción a noticia de que Xabier P. DoCampo foi declarado gañagdor na modalidade de «Autor» valorando «tanto a súa extraordinaria faceta creadora como a súa contrastada vocación de traballo a prol do libro e da lectura» en Galicia.

Ademais, na modalidade de «Mellor libro do ano 2008» foron escollidos dous títulos nosos, Festina lente de Marcos Calveiro e O xardín das pedras flotantes de Manuel Lourenzo González, que competirán con Fin de século en Palestina de Miguel Anxo Murado.

Na modalidade de «Obra editorial do ano 2008», a nosa Guía das plantas de Galicia de Xosé Ramón García competirá coa tradución d’ As flores do mal de Baudelaire, preparada por Gaonzalo Navaza para a editorial Galaxia, e coa colección «Rescate» de Alvarellos Editora.

Biblioteca Agustín Fernández Paz en Gondomar

Marzo 20, 2009

agustinO IES Auga da Laxe (Gondomar) acordou poñerlle á súa biblioteca o nome do escritor Agustín Fernández Paz. Os responsables do centro nunha nota salientan que «É para nós unha satisfacción levar adiante esta iniciativa que queremos que sirva como unha pequena homenaxe a un dos autores máis importantes da literatura infantil e xuvenil galega.» Para dar a coñecer a súa obra, ademais das actividades que desenvolven co noso alumnado, o IES Auga da Laxe convida a todas as persoas que o desexen a achegarse centro para compartir dúas das iniciativas programadas.

* Mércores, 25 de marzo de 2009, ás 18:00 h, na biblioteca do instituto. Club de lectura arredor do libro O único que queda é o amor, galardoado co premio nacional de Literatura Infantil e Xuvenil 2008.
* Martes, 31 de marzo de 2009, ás 18:00 h, na biblioteca do instituto. Acto de colocación dunha placa co nome do escritor e inauguración dun panel sobre a súa obra. Neste acto contaremos coa súa presenza.

IIº Certame de Micronovela «Concello de Soutomaior»

Marzo 19, 2009

Onte foron presentadas as bases do IIº Certame de Micronovela «Concello de Soutomaior» no que Xerais colabora coa edición da obra gañadora. Na primeira edición a obra premiada foi Proxecto bolboreta de Andrea Maceiras e a finalista Virxinia de Pilar Ortega.

micronovelaNeste certame poden presentarse obras narrativas cunha extensión mínima de 35 folios e máxima de 60, escritos a dobre espazo, en fonte Arial e corpo 12. Outorgarase un único premio dotado con 3.000 euros.  A obra gañadora será publicada por Xerais no segundo semestre de 2009.

O prazo de admisión de orixinais péchase o 17 de maio de 2009. Deberán dirixirse catro copias con pseudónimo e baixo plica a: Casa do Concello de Soutomaior. Rúa Alexandre Bóveda nº 8, 36691 Soutomaior.

As bases poden baixarse en pdf aquí.

María Reimóndez, discurso do premio San Clemente

Marzo 18, 2009

mariaraimondez_hermeDo magnífico blog Trafegando Ronseis recollemos o texto íntegro da intervención de María Reimóndez na recollida do Premio Arcebispo Juan de San Clemente que obtivo por O Club da calceta.

Din que o bater das ás dunha bolboreta pode afectar o clima. Hai movementos máis imperceptibles aínda que poden afectar un mundo enteiro. Eu vou falar de dous. O primeiro é un movemento moi pequeno que acontece tamén no ceo, no da boca. É un movemento que nos une, que nos fai persoas, que nos comunica e nos comparte, que lle dá sentido ao mundo e a quen somos, que nos dá raíces e ponlas coas que entrar no futuro. É un pequeno movemento que pode provocar treboadas marabillosas. Ese pequeno movemento é a lingua. A nosa. Sen ese pequeno movemento, sen esa pronuncia de os abertos e pechados, de xis, de tona, de gargallada, non habería catedral de Santiago, nin Obradoiro, nin Instituto Rosalía de Castro, nin Club da Calceta.
Semella unha obviedade, mais hai que recordala: sen lingua non hai literatura, nin ciencia, nin economía. E sen literatura non hai pensamento, nin mundos novos, nin liberdade nin rebeldía, nin posibilidades de resistencia. Unha literatura escríbese porque hai un pobo que a le, que a vive, que a reescribe. Vós sodes ese pobo lector, o sentido das nosas palabras. O feito de que sexa xente da vosa idade a que premia unha obra en galego cada ano é un motivo de esperanza.
E ese esperanza non fala só dun feixe de palabras, fala dunha maneira de entendernos como un pobo que resiste ao poder e á opresión. A nosa lingua non opreme, tanto ten as falacias que inventen e que retransmita a prensa imperialista, a nosa lingua sabe estar no mundo, ser en harmonía coa outra, en conexión con millóns de falantes de portugués, resistindo tamén a unha maneira de entender o mundo que pasa por enriba das cousas como unha apisoadora. Fronte a esa cultura imperialista, de erradicación do diferente, sexa por lingua, cor, orientación sexual, relixión, nós temos outras palabras que falan de acollida, de diversidade, de querer estar no mundo dándonos a man. Se hai algo no que crea firmemente na vida é que a relación con outras culturas, con outros pobos a través da cooperación e non da explotación pasa pola nosa lingua e pola nosa cultura propia. Só deste xeito pode unha comprender os problemas de opresión das demais, empatizar e establecer loitas conxuntas. Porque as ameazas son moitas, e precisamente nós témolas agora moi preto novamente. Agora que se achegan tempos moi escuros para Galicia, cómpre non esquecer ese pequeno movemento dentro das nosas bocas. Pensar a que sociedade queremos contribuír, se queremos derrubar, se queredes derrubar o edicifio, como dicía Castelao, máis importante do noso pobo ou, contra vento e marea, mantelo vivo, con agradecemento a quen falou antes de nós, co orgullo de termos unha identidade aberta, plural pero propia. Ese pequeno aletear da lingua na nosa boca é un exercicio de resistencia ao poder, á opresión, á mentira e á explotación que nos agarda.
E logo está ese outro movemento imperceptible, o do tocar dunha agulla con outra. O da calceta. O da sororidade das mulleres que nos imos enganchando como puntos dun xersei as unhas ás outras, invisibles tamén ao poder, construíndo vidas diferentes e cambiando con eses pequenos xestos a sociedade. Estes puntos vanse tecendo tamén no literario, abrindo portas a novas e non tan novas mozas que poidan ter a palabra que aínda nos custa tanto manter. Eses puntos levan aí toda a vida, agochados, como a calceta, no espazo do fogar, no espazo do privado, ese que parece non interesarlle a ninguén excepto ás mulleres. As mulleres que, para dicir agora outra obviedade, somos a metade da humanidade. Adoita parecer outra cousa, realmente, os nosos problemas, as nosas visións, a nosa palabra, fica sempre secundaria e menos importante. Por iso teño que agradecervos que unísedes a miña calceta á vosa con este premio, que non observásedes esta historia de seis, sete realmente, mulleres como unha historia marxinal senón, como acontece co que escriben os homes, unha historia sobre a vida, sobre o mundo, sen necesidade de máis apelativos. Ou se cadra só un, feminista. Porque o feminismo é o que me axuda a tecer, a entender, a buscar solucións con outras mulleres e algún home ao feito de que a metade da humanidade siga vivindo en condicións deplorables, ás veces cunha discriminación visible e outras con outra totalmente invisible. Desa, precisamente, quería falar o Club da Calceta, desa violencia que está na base das outras violencias, desas cousas pequenas. E tamén da forza que temos as persoas cando nos unimos. O feminismo é precisamente o mellor exemplo diso, porque se non fose por el, por ese movemento de cambio social sen parangón na historia da humanidade, que trascende razas, nacionalidades, idiomas, continentes, cores e clases sociais, hoxe vosoutras, mozas, non estariades no instituto. E eu tampouco podería falar dende este estrado sen perigo para a miña vida. Mais estes avances conseguidos a conta de moito esforzo non nos poden facer negar o evidente, que a igualdade entre homes e mulleres está moi lonxe de conseguirse. Abonda con ver como se reciben os nosos textos, como nos trata o sistema literario e como seguimos agardando comportamentos establecidos, sobre todo nas relacións persoais, por parte dos homes ou das mulleres. Das mulleres agárdase aínda a submisión, na palabra e no resto. Aprendemos a asumir todas estas cousas, o feminismo ensínanos a pensar, a desaprender. Porque o feminismo é non asumir a explotación, ningunha, como forma de relación humana, e utilizar a intelixencia, a análise e a acción para transformala. A literatura é unha desas accións, constrúe sociedade e polo tanto ten tamén esa responsabilidade, a de manter o mundo existente ou a de crear un mundo novo cunha ollada crítica, desentrañando os mecanismos que nos amordazan e pretenden limitarnos. Necesitamos unhas agullas, unhas chocando con outras, para facer un festivo tintinar que nos axude a calcetar outro mundo mellor do que temos, un mundo que nos ensine a ver a nosa responsabilidade nas cousas e a posibilidade que temos de cambiar cada día.
O mundo cámbiase precisamente nas cousas pequenas, en como nos tratamos, en que consumimos, en que idioma falamos, pero tamén nas cousas grandes, como estar hoxe aquí con todas e todos vós, agradecéndovos a vosa xenerosidade. Grazas e gardade ben quente a rebeldía das nosas palabras e das nosas romas agullas no ceo da boca e entre os dedos das mans.
Moitas grazas.

Finalistas premios AELG2008

Marzo 18, 2009

Déronse a coñecer hoxe as obras finalistas dos premios AELG as mellores obras literarias do pasado ano 2008. En case todas as categorías son numerosas as obras editadas pola editorial.  Os membros da AELG poderán emitir o seu voto ata o 5 de maio.

Literatura infanto-xuvenil (Aelg-Gálix):
1. A Cabeza de Medusa, Marilar Aleixandre
2. Caderno de animalista, Antón Fortes Torres
3. Fume, Antón Fortes Torres
4. O libro das viaxes imaxinarias, Xabier P. DoCampo
5. PAlAbrAs brAncAs, Elvira Riveiro

Poesía:
1. A melancolía dos corpos, Xulio López Valcárcel
2. Acendede as almenaras: cántigas de amor, de amigo e de escarnio, Bernardino Graña
3. Amor Amén, Iolanda Zúñiga
4. Construcións, Eduardo Estévez
5. Cultivos transxénicos, Carlos Negro
6. Hordas de escritura, Chus Pato
7. Látego de algas, Antón Reixa
8. Libro de Alicia, Olalla Cociña
9. Migracións. Rafa Villar
10. Non son de aquí, María do Cebreiro
11. O xeito de Freud, Carlos Lema
12. Reversos: días adiados, Ramiro Fonte

Teatro:
1. Fume / Insomnio, Rubén Ruibal Armesto e Carlos Losada Galiñáns
2. Historia da chuvia que cae todos os días, Roberto Salgueiro
3. Nachtmahr, Raúl Dans
4. Unha primavera para Aldara, Teresa Moure

Ensaio:
1. Anti Natura, María Xosé Queizán
2. Caderno de notas, Jenaro Marinhas del Valle
3. Fendas abertas: seis ensaios sobre a cuestión nacional, Carlos Taibo
4. Fin de século en Palestina, Miguel Anxo Murado
5. Historia de Ourense, Marcos Valcárcel
6. Miro Casabella e a nova canción galega, Xan Fraga
7. O espírito da letra. Nove achegas filosóficas a textos literarios, Luís G. Soto
8. O natural é político, Teresa Moure
9. Por unha Galiza liberada e novos ensaios, Xosé Manuel Beiras

Tradución:
1. A conxura dos necios (John Kennedy Toole), Eva María Almazán García
2. As flores do mal (Charles Baudelaire), Gonzalo Navaza
3. Cantos e fragmentos (Safo), Raúl Gómez Pato
4. O xiro postal (Sembène Ousmane), María Isabel García Fernández
5. Un home na escuridade (Paul Auster), Eva María Almazán García

Narrativa:
1. A choiva do mundo, Xosé Manuel Pacho Blanco
2. A verdade como mal menor, X. Luís Martínez Pereiro
3. Costa Norte/ZFK, Xurxo Borrazás
4. Festina lente, Marcos S. Calveiro
5. Memoria de cidades sen luz, Inma López Silva
6. O libro das viaxes imaxinarias, Xabier P. DoCampo
7. O profesor de vegliota, Manuel Veiga
8. O xardín das pedras flotantes, Manuel Lourenzo
9. Os nomes do traidor, Xurxo Sierra Veloso
10. Shakespeare destilado, Xesús Constela

Finalistas do Premio San Clemente

Marzo 18, 2009

Conexión Tubinga de Alberto Canal e O xardín das pedras flotantes de Manuel Lourenzo González, novelas ambas as dúas editadaspola editorial (finalistas e gañadora, respectivamente, do premio Xerais 2008), xunto con Memoria das cidades sen luz de Inma López Silva son as tres obras declaradas finalistas da XVª edición do premio Arcebispo Juan de San Clemente na categoría de mellor novela galega. As tres novelas serán valoradas por un xurado de lectores e lectoras que cursan 2º de bacharelato en diversos centros de Galicia.

«Conversas con Celso Emilio Ferreiro»

Marzo 18, 2009

Hoxe chegaron da imprenta os primeiros exemplares de Conversas con Celso Emilio Ferreiro de Ramón Nicolás. Este orixinalísimo título chegará ás librarías na primeira semana do mes de abril.

Capa_CronicaA través de Conversas con Celso Emilio Ferreiro mergullámonos na significativa persona-lidade dun dos grandes escritores da literatura galega. Da man de Ramón Nicolás, biógrafo e editor da súa obra literaria, rescátase a voz e a palabra do autor celanovés, cando se cumpren trinta anos do seu pasamento, para dar conta da súa opinión política e literaria e para introducirnos no «universo Celso Emilio», que en boa medida goza de plena actualidade e validez. Ramón Nicolás compilou e ordenou, temática e fragmentariamente, as máis das entrevistas que se lle realizaron a Celso Emilio en medios escritos durante a súa vida e, como nun xogo de espellos, recupera o seu criterio e a súa presenza. A súa propia obra literaria, a política, a militancia, as polémicas que protagonizou, a súa perspectiva sobre o ámbito da cultura, a súa opinión sobre cuestións como a lingua galega ou a nación latexan ao longo destas páxinas apaixonantes.