Posts Tagged ‘escola’

Herminio Barreiro, entrevista

Xullo 19, 2008

A Nosa Terra entrevista a Herminio Barreiro, a propósito da aparición de Recordar doe, as súas memorias escolares e universitarias. Recollemos a primeira respostas de Barreiro:

“Todo comezou nas clases que dou na Facultade de Santiago. Atendía unha promoción de máis de 700 alumnos que era imposíbel abarcar de xeito presencial. Así que tiña que encargarlles moitos traballos. Un deles foi o relato das súas memorias da escola primaria e secundaria. O resultado deu nuns textos fermosos que despertaron a miña nostalxia. Pensei que sendo moito maior ca eles, e vivindo na escola uns momentos tan decisivos como a posguerra e a ditadura franquista, sería aínda máis interesante recuperar eses recordos. Entón escribín, hai catro anos, un artigo para a revista Sarmiento, e desenterrei moitas cousas. O ano pasado decidín que era o momento de contar as lembranzas completas da miña vida estudantil. Pero non se trata só de facer memoria, senón tamén dunha crítica daquela escola que vivín.”

“Recordar doe”, presentación

Xuño 16, 2008

O vindeiro xoves, 19 de xuño, ás 20:00 horas presentaremos na Libraría Couceiro de Santiago Recordar doe de Herminio Barreiro. No acto participarán o autor, Lupe Gómez, Luís Cochón e Manuel Bragado.

“Recordar doe”, memorias escolares e universitarias de Herminio Barreiro

Maio 28, 2008

Esta semana aparece nas librarías Recordar doe. Lembranzas escolares e universitarias (1940-1965), volume memorialístico de Herminio Barreiro, profesor de Historia da Educación da Universidade Compostelana e membro do grupo Brais Pinto.

Esta é a crónica sentimental dunha experiencia escolar e universitaria que arranca da máis inmediata posguerra e chega ata promediada a década dos sesenta. Pequena historia persoal dun tempo amargo, desenvólvese entre Galicia e Madrid e vén sendo como unha especie de rememoración autobiográfica da infancia e da mocidade. Por veces resulta como un monólogo interior de tipo pedagóxico, trufado cos máis diversos retratos da época así como variados excursos a propósito da historia do ensino e de distintos aspectos de actualidade. Unha escrita autobiográfica de enorme beleza e profundidade.