Archive for the ‘Historia’ Category

Presentación de «Escapado» en Fisterra

Agosto 27, 2009

XG00125501O día 4 de setembro, venres, ás 20 horas, no Salón de Plenos do concello de Fisterra será presentada Escapado. Do monte do Pindo ao exilio pasando pola illa de San Simón, a primeira novela de Luis Lamela. O autor estará acompañado no acto polo escritor e poeta Modesto Fraga.

A noticia da presentación na edición de Carballo de La Voz de Galicia.

«Escapado» de Luís Lamela

Xullo 28, 2009

Esta semana chega ás librarías Escapado. Do Monte do Pindo ao exilio, pasando pola illa de San Simón, a primeira novela de Luís Lamela, un dos investigadores máis importantes sobre a memoria republicana de Galicia.

XG00125501Escapado. Do Monte Pindo ao exilio pasando pola illa de San Simón de Luís Lamela García quere lanzar a mensaxe de que é moito máis importante recordar que comprender, por que a memoria sempre pode ser verdadeira, aínda que ás veces sexa falsa. Unha novela que quere ser unha crónica na que se mestura a vida e a morte, o pasado e o presente, a realidade e a ficción. Unha obra de lectura engaiolante que enlaza a historia e a memoria, e nas que as relacións temporais están, tamén, unidas por espazos reais: o monte do Pindo, Fisterra e a ría de Corcubión, a illa de San Simón, as frontes da guerra civil española, o exilio francés e americano, o desexado retorno ás raíces do Pindo… Un percorrido pola esperanza perdida e a traxedia dos vencidos dunha guerra civil, a de 1936, que cambiou drasticamente a vida de toda unha xeración ilusionada e apaixonada. Unha traxedia que, polo que a Teófilo Caamaño se refire, o protagonista principal da narración, aínda non terminou.

Escapado será presentado por vez primeira na Feira do Libro de Cee (que se celebrará a mediados do mes de agosto), e xa co comezo da nova tempada literaria, na cidade da Coruña.

Alonso Montero entrevistado no “Diario Cultural” da RG

Xullo 17, 2009

xg001661011-195x300Aquí pode escoitarse a entrevista ao profesor Xesús Alonso Montero emitida no Diario Cultural da Radio Galega con motivo da publicación do libro Cartas de republicanos galegos condenados a morte (1636-1948).

“Pedras de Compostela”

Xullo 7, 2009

Esta semana chega ás librarías Pedras de Compostela, a recompilación de textos arredor da historia compostelana asinados por Mercedes Gualteria Pintos Barreiro baixo o alcuño de Aldonza de Praterías. Un fermoso libro de historia local, ilustrado coas fotografías de Manuel G. Vicente.

XG00149101En Pedras de Compostela, Aldonza de Praterías debulla as súas lembranzas para referirlle á cidadanía os sucesos acaecidos ao longo de séculos en Compostela. Aldonza observou desde finais do século XI a cantos franquearon os limiares da porta do Perdón, na fachada de Praterías, sentido en cada momento o latexo da cidade. Mercedes Gualteria Pintos Barreiro, a autora de Pedras de Compostela, móvese animada pola esperanza que a cidadanía compostelá redescubra a adúltera pillada en flagrante, esa marabillosa escultura románica da catedral, e que a reincorpore ao seu patrimonio persoal.

Pedras de Compostela reúne sesenta e oito fermosos textos, acompañados de fotografías de Manuel G. Vicente, que percorren a historia de Compostela durante nove séculos e acrecentan o gozo de vivir nesta cidade de pedra. Como afirma José Mª Díaz, Deán da catedral de Compostela, no prólogo, Aldonza –“esa Aldonza feminista precoz, reivindicativa e, por momentos laicista militante”- “debeu de escapar durante moitas noites do seu posto”, tanto para estudar de seu os espazos interiores da Catedral como para atender o paso dos peregrinos ou seguir o desenvolvemento da cidade: traída de augas, fontes, hospitais, institucións docentes, etc.

“Cartas de republicanos galegos condenados a morte”

Xuño 26, 2009

XG00166101Baixo o título “O adeus da dignidade” Galicia hoxe publica unha completísima reportaxe sobre o libro Cartas de republicanos galegos condenados a morte (1936-1948) de Xesús Alonso Montero. Así mesmo, La Voz de Galicia publica outra ampla noticia sobre a aprición do libro.

Canteiro en Compostela con “Festina lente”

Xuño 23, 2009

XG00139001O club de lectura Gálix Tendendo Redes remata a súa primeira andaina de actividades cun programa arredor da novela  Festina lente de Marcos Calveiro, organizado en colaboración coa asociación Amigos del Románico.

As actividades inícianse o día 2 de xullo no Consello da Cultura Galega, cunha lectura colectiva da novela a partir das 17:00 horas e  cunha conferencia, a partir das 19:00 horas, de  Carlos Sastre, experto en iconografías medievais, renacentistas, modernas e contemporáneas establecerá as claves entre arte e literatura ao longo da Historia.
O día 4 de xullo, sábado, desenvolvarase unha xornada artístico-literaria polos escenarios de Festina lente en Santiago de Compostela, así como cunha actividade de Bookcrossing, patrocinada por Edicións Xerais de Galicia, na que se deixarán en variados escenarios da zona vella de Santiago de Compostela exemplares da novela de Calveiro e doutras tanto dos autores escollidos este ano no club de lectura como doutros pertencentes á literatura xuvenil galega. Rematará a xornada cun recital poético que leva como lema “Canteiro en Compostela”, no cal moitas das nosas poetas e moitos dos nosos poetas labrarán con palabras a beleza da cidade pedra.

Para participar nas actividades do día 4 de xullo cómpre inscribirse enviando un correo  a galix@galix.org, anxelagracian@hotmail.com, tuiverde@gmail.com ou tendendorredes@gmail.com

Aconsellamos baixar o programa en pdf dende aquí.

«Historia de Ourense», crítica no «Faro da Cultura»

Xaneiro 29, 2009

marcosfarowebXosé Antonio López Teixeira publica no «Faro da Cultura» unha crítica sobre a Historia de Ourense de Marcos Valcárcel.

«Reconquista. Vigo en armas»

Xaneiro 19, 2009

Está a piques de entrar no almacén Reconquista. Vigo en armas de Eduardo Rolland. Este importante libro, editado con motivo do bicentenario da fundación da cidade de Vigo, que introduce ademais novidades historiográficas sobre a cuestión da Reconquista e da Guerra da Independencia en Galicia, estará nas librarías a finais deste mes.

xg00159501A vila de Vigo vive unha época de prosperidade no amencer do século XIX. A pesca, a salgadura e o comercio incipiente foron a base do crecemento do vello burgo pechado nas súas murallas, que agora conta xa con dez mil habitantes e se vai transformando na verdadeira cabeceira da bisbarra, en clara competencia con Tui, a capital provincial. Pero está a piques de vivir as máis terribles penalidades da guerra que, a comezos de 1809, vai entrar en Galicia a sangue e lume. A plácida e próspera vila vai converterse en cidade. Mais haberá de facelo con indicibles sufrimentos. Reconquista: Vigo en armas de Eduardo Rolland relata, baseándose en sólidas fontes documentais auténticas, en boa parte inéditas, os acontecementos vividos en Vigo e Galicia durante 1809, deixando que falen os feitos e os seus protagonistas. Sen a intención de escribir nin odas nin haxiografías daqueles inimitables galegos, o autor retrata a vida de todos os heroes da Reconquista, algúns deles pouco recoñecidos, como Cachamuíña, o frade Villageliú, o abade do Couto, Juan Bautista Almeida ou o misterioso Villuendas, auténtico axente secreto que operaba intramuros durante a ocupación francesa. Un feito histórico riquísimo en acontecementos que agora, coincidindo co bicentenario da fundación da cidade, se presenta de forma desmitificadora neste libro de investigación fundamental sobre a Reconquista de Vigo.

«A represión lingüística en Galiza no século XX»

Decembro 23, 2008

Manuel Rodríguez Alonso publica no Cartafol de Libros unha crítica sobre o libro de María Pilar Freitas A represión lingüística en Galiza no século XX. Recollemos o derradeiro parágrafo do texto:

xg00137501Libro que debe figurar na biblioteca de lingüística de todos os centros e profesores. Mágoa é que estas obras non teñan resonancia nas facultades de filoloxía do resto do Estado, especialmente nos núcleos do pensamento españolista puro e duro. Cando algúns vociferan por aí que nunca houbo leis e decretos que perseguisen o galego, cómpre que lean libros coma este. Tamén debe ser lectura obrigada para os de Galicia bilingüe e mesmo os políticos que queren derrogar as cativas medidas protectoras do galego e que non son quen de pedir que o coñecemento do galego sexa un deber e non só un dereito, como por certo pide o novo Estatuto de Autonomía de Cataluña, aínda que por iso (e outras cousas) estea recorrido perante o Constitucional… Por certo, parabéns para a portada deste libro.

«Historia de Ourense», presentación

Decembro 9, 2008

Tele Miño emitiu esta noticia sobre a presentación de Historia de Ourense e a homenaxe posterior a Marcos Valcárcel.

«Historia de Ourense» en «Culturas»

Decembro 3, 2008

historia-de-ourense-m-valcarcel-culturas-29-nov-2008

Ramón Nicolás publicou o pasado 29 de novembro nos suplemento «Culturas» de La Voz de Galicia, coincidindo coa homenaxe a Marcos Valcárcel esta crítica da súa Historia de Ourense.

Marcos Valcárcel, presentación e homenaxe

Novembro 27, 2008

10000523013O sábado 29, ás 19:00 horas, nas instalacións do Liceo de Ourense (Lamas Carvajal 5) presentarase Historia de Ourense o máis recente libro de Marcos Valcárcel. O acto contará coa intervención de Francisco Rodríguez Fernández (alcalde de Ourense), Alfonso Vázquez Monxardín, Manuel Bragado e o autor. A continuación, ás 21:00 horas no restaurante San Miguel celebrarase unha cea-homenaxe de recoñecemento de todos os amigos e amigas ao infatigable labor de Marcos a prol da cultura de noso.

«Historia de Ourense», novo libro de Marcos Valcárcel

Novembro 11, 2008

Acaban de chegar do prelo os primeiros exemplares de Historia de Ourense, o novo libro de Marcos Valcárcel. O libro será presentado o sábado, 29 de novembro, ás 19:00 horas no Liceo de Ourense. A continuación, ás 21:00 horas no restaurante San Miguel celebrarase unha cea-homenaxe de recoñecemento de todos os amigos e amigas ao infatigable labor de Marcos a prol da cultura de noso. As persoas interesadas en asistir poden escribir a este correo electrónico: homenaxeamarcos@gmail.com

xg00159901Este libro de Marcos Valcárcel constitúe unha achega, breve pero rigorosa, á historia de Ourense. A crónica do percorrido vital dunha cidade cunha longa historia e un moi poderoso legado cultural. Unha viaxe posible dende o mundo romano até a actualidade esculcando nos xeitos de vida, nas ideas e nos sucesos que marcaron o devir urbano. O convite a descubrir xuntos, os lectores e tamén os alumnos de Secundaria e dos Institutos, as raíces da cidade que acobillou figuras tan relevantes da nosa historia como Curros Enríquez, Lamas Carvajal, Vicente Risco, Otero Pedrayo, Florentino Cuevillas, Eduardo Blanco Amor, Antón Tovar, Carlos Casares e Xosé Luís Méndez Ferrín.

“De provincia a nación”, Premio da Crítica Galicia e Premio Losada Diéguez

Maio 11, 2008

De provincia a nación. Historia do galeguismo político de Justo Beramendi acaba de recibir un novo recoñecemento, neste caso o Premio da Crítica Galicia no apartado de investigación, outorgado pola Fundación Premios da Crítica. O xurado destacou a importancia desta obra polo “pormenorizado estudo da traxectoria do galeguismo político e a proxección e transcendencia da achega do autor”.

Pola súa banda o xurado do Premio Losada Diéguez tamén acaba de anunciar o seu recoñecemento na categoría de investigación, sinalando que “esta obra converteuse en indispensable para coñecer a formación e desenvolvemento do nacionalismo galego, e foi feita logo dunha procura exhaustiva de fontes que foron analizadas con absoluto rigor e método histórico”. Justo Beramendi recibirá o galardón (dotado con 6.000 euros) nun acto que se desenvolverá o mediodía do domingo 8 de xuño , no pazo da familia Losada, ubicado na localidade de Moldes, en Boborás. Nesa xornada oficiarase previamente unha misa solemne na igrexa parroquial de San Mamede e unha homenaxe froral ante as campas de Losada Diéguez e Chamoso Lamas.

Estes dous novos premios ao libro de Beramendi únese aos xa outorgados pola Federación de Libreiros de Galicia e pola Asociación de Escritores en Lingua Galega. Os nosos maiores parabéns para Justo por dous premios tan importantes.

“A cidade e os días”, brillante presentación

Maio 11, 2008

Foi moi brillante o acto de presentación da nosa edición galega d’ A cidade e os días celebrada onte no Museo Marco. En primeiro lugar interviu Manuel Bragado, director da editorial e co-tradutor da obra, xunto a Pablo Sánchez Mato, que glosou a importancia e as características da edición preparada por Xerais e apoiada pola Alcaldía do concello de Vigo. Despois de enmarcar o libro no conxunto da produción literaria de Álvarez Blázquez, Bragado rematou expresando que

“tras a súa primeira publicación, hai case cincuenta anos, A cidade e os días –a pesar de que moitos dos datos e informacións, afortunadamente, foron superados pola actual historiografía viguesa– non perdeu un ápice do seu interese xa que constitúe moito máis ca un libro de historia. A cidade e os días é unha apaixonada biografía literaria da cidade de Vigo e da súa contorna (xa que para o autor, Vigo derrámase dende o Val do Fragoso até o esteiro do Miño) escrita cunha prosa maxistral e un alento narrativo moi notable. Eis nese carácter profundamente literario onde reside a importancia e a beleza deste grande relato colectivo, que dificilmente vai quedar obsoleto”.

A continuación interviu Alfonso Álvarez Cáccamo, terceiro fillo de Xosé María e autor da Fotobiografía editada por Xerais, que comezou as súas palabras salientando que “esta edición en galego dun libro que estaba presente na nosa casa por todas partes era unha das arelas máis íntimas do meu pai”. Despois de relatar algunhas anécdotas sobre o traballo erudito de Álvarez Blázquez (“Meu pai pertence a unha xeración de tacaños do papel que escribían co bolígrafo BIC vermello”), Alfonso foi debullando algúns dos personaxes vigueses con maior presenza na obra, como Elduayen, Cachamuíña ou Araújo de Lira. Rematou recordando a fidelidade excepcional de don Xosé María cara a súa familia e os seus amigos, “o que non lle impedía manter coa maior firmeza as súas conviccións”.

Lalo Vázquez Gil, actual Cronista Oficial da Cidade de Vigo e amigo e colaborador de Xosé María, comezou as súas palabras sinalando que “o libro era interesantísimo, tanto por presentar un repertorio local de efemérides como por ser o primeiro na historiografía viguesa que o incorpora o sentido moderno da historia, superando amplamente todas as contribucións anteriores”.

Pola súa banda, Ceferino de Blas, director xeral de Faro de Vigo, comezou o seu discurso lembrando que o primeiro de ano de 1959 Faro de Vigo publicaba o primeiro dos artigos dunha serie titulada “Calendario histórico de Vigo” que Xosé María Álvarez Blázquez publicaría diariamente e de forma ininterrumpida no diario decano ao longo de todo ese ano. Ao longo da súa intervención de Blas, recordou a figura de Francisco Leal Insua, director entón de Faro de Vigo que abriu a etapa de directores literarios do periódico (continuada por Cerezales e Álvaro Cunqueiro) que permitiu que nas páxinas literarias publicasen plumas como as do propio Xosé María, Álvaro Cunqueiro, Diego San José, José Espinosa ou Julio Sigüenza.

Pechou a quenda de intervencións Abel Caballero, alcalde de Vigo, que amosou a súa satisfacción pola edición dun libro extraordinario para Vigo e pola colaboración con Edicións Xerais de Galicia.

Entrevista a Pilar Freitas

Maio 10, 2008

Con motivo da aparición d’ A represión lingüística en Galicia, El País Galicia entrevista á autora da obra, María Pilar Freitas Juvino. A sociolingüista pontevedresa apunta na entrevista que os puntos de partida do seu traballo foron “os estudos xa clásicos de Xesús Alonso Montero e Pilar García Negro, entre outros. A bibliografía de autores galegos está na base, ao igual que os investigadores internacionais. Tamén pretendiamos facer unha nova cronoloxía da lingua e unha cousa vaite levando a outra. No tocante á lingua, a promulgación da Lei de Normalización Lingüística en 1983 marca un punto de inflexión e aí puiden deter a análise. Ao respeito da literatura, cheguei ata fins do século porque non hai unha data que faga de chave. Acumulei máis dun cento de citas de libros de creación!”.

Presentación “A cidade e os días”

Maio 2, 2008

O sábado, 10 de maio, ás 12:00 horas, no Salón de Actos do Marco (príncipe 54) de Vigo presentaremos a nosa edición d’ A cidade e os días de Xosé María Álvarez Blázquez . No acto participarán Alfonso Álvarez Cáccamo (en representación da familia do autor), Lalo Vázquez Gil (Cronista Oficial da cidade de Vigo), Ceferino de Blas (director xeral de Faro de Vigo), Manuel Bragado (director de Edicións Xerais de Galicia) e Abel Caballero (alcalde de Vigo).

“A represión lingüística en Galicia”

Abril 25, 2008

Inmersos nun profundo debate sobre o futuro da lingua, acaba de chegarnos ao almacén A represión lingüística en Galiza no século XX (Aproximación cualitativa á situación sociolingüística de Galiza), o voluminoso libro (case 900 páxinas) profesora pontevedresa María Pilar Freitas Juvino. Cremos que estamos diante dunha contribución decisiva e moi clarificadora para abordar este debate fulcral para a sociedade galega. O libro da profesora Freitas estará nas librarías a comezos do mes de maio.

Nun momento en que desde algúns sectores minoritarios da sociedade se pide a derrogación da Lei de Normalización Lingüística, en en nome da liberdade, se pretende revogar o decreto polo que se regula o uso e promoción do galego no sistema educativo, ou mesmo se propón lexislar para protexer o castelán fronte á imposición das outras linguas españolas, este libro da profesora María Pilar Freitas Juvino, ven a demostrar que se houbo unha lingua reprimida e perseguida en Galicia esta foi o galego. A represión lingüística en Galiza no século XX sitúase no contexto do contacto, substitución e morte de linguas como resultado, na maioría dos casos, dun proceso de imperialismo lingüístico. Fronte a isto, deféndese o ecoloxismo das linguas como unha caracterización arrequecedora, inherente ao ser humano e necesaria para a súa supervivencia.

Neste libro realízase unha exhaustiva análise das innúmeras agresións sufridas pola lingua galega ao longo do século XX, desde a lexislación emanada polo poder para lograr a imposición do castelán en todo o territorio nacional, ata o desmantelamento de institucións culturais, a persecución dos galeguistas ou a desprezo e a burla sufrida polos galegofalantes. Ademais, analízase a actitude de institucións como a Real Acaemia Galega ou a Igrexa con respecto da lingua de Galicia. Finalmente, investígase acerca de como esta realidade sociolingüística se viu plasmada na literatura galega, pois a literatura funciona como un espello no que se reflicte, non só a persecución e o desprezo ao galego, senón o complexo de inferioridade que estas actitudes prexuizosas xeraron na sociedade.

Premios Irmandade do libro 2007

Abril 13, 2008

Na noite do sábado, 12 de abril, foron fallados no Club Náutico de Sanxenxo os XVII Premios “Irmandade do libro” organizados pola Federación de Libreiros de Galicia. Xerais obtivo os dous premios outorgados a obras publicadas durante o pasado ano 2007: O señor Lugrís e a negra sombra de Luís Rei Núñez mereceu o premio ao “Libro do ano 2007” e De provincia a nación. Historia do galeguismo político de Justo Beramendi o premio á “Obra editorial do ano 2007“.

A novela de Luís Rei Núñez, que xa o pasado fin de semana obtivera o Premio da Crítica 2007, consolídase con este segundo recoñecemento consecutivo como a mellor novela galega editada o pasado ano. Pola súa banda, o premio á voluminosa obra de Justo Beramendi constitúe o primeiro recoñecemento a un traballo autoral de dúas décadas no que se reconstrúe o relato político da nación galega.

De Provincia a nación. Historia do galeguismo político é unha investigación sistemática da natureza e evolución dos movementos sociopolíticos de reivindicación de Galicia como suxeito político de seu dende as súas primeiras manifestacións individuais no século XVIII até a actualidade. O tratamento do provincialismo, do rexurdimento e do rexionalismo do século XIX, e máis aínda do nacionalismo galego do século XX, faise cunha profundidade sen precedentes. Para a análise acaída das diferentes dimensións –a ideolóxica, a social, a organizativa, a electoral– e das súas interrelacións, o autor incorpora conceptos e modelos analíticos propios que implican unha notable innovación metodolóxica no eido do estudo do nacionalismo. As maiores novidades neste sentido son a reconstrución das estruturas das ideoloxías, a caracterización das bases sociais e a técnica aplicada para desvelar e cuantificar a fraude electoral na Segunda República. Ademais, en paralelo coa historia central, vai trazando a da cuestión nacional en España, o que permite ter en conta a incidencia de factores extragalegos e comparar o galeguismo político cos seus análogos doutros territorios do Estado español. Isto unido á consideración da natureza e dos problemas maiores da sociedade galega de cada época, dá as claves para unha explicación convincente das causas do nacemento, persistencia, posibilidades e limitacións do nacionalismo galego. Xa que logo, este libro é unha contribución decisiva para coñecer e entender, por que Galicia ten hoxe unha personalidade política irreversiblemente diferenciada.

Os premios no resto das modalidades foron: os suplementos de cultura e educación de Faro de Vigo mereceron o premio de “Medios de Comunicación e Novas Tecnoloxías“; o Pen Club de Galicia obtivo o premio “Institucións“; o IES de Sanxenxo o premio de “Centros de Ensino“; a Libraría Trama de Lugo o premio de “Libraría” e Xosé María Álvarez Cáccamo o de “Autor“.

“A cidade e os días”

Abril 10, 2008

Por fin, despois de case oito meses de traballo, temos na imprenta a tradución d’ A cidade e os días, o voluminoso calendario histórico de Vigo de don Xosé María Álvarez Blázquez. Consideramos esta edición como un dos fitos máis relevantes na homenaxe nacional que a sociedade galega tributa ao editor de Monterrei e Castrelos. O libro estará nas librarías na primeira semana de maio. Presentamos a cuberta (na que pretendimos emular a realizada en técnica serigráfica na edición príncipe) e transcribimos a nota editorial que preparamos:

Esta edición d’ A cidade e os días, publicada por Xerais en colaboración coa alcaldía do concello de Vigo, rescata para a lingua galega o calendario histórico de Vigo, desenvolto por Xosé María Álvarez Blázquez ao longo de 1959 nas páxinas de Faro de Vigo e publicado, logo, en formato de libro por Ediciones Monterrei en 1960. Unha obra monumental, na que Xosé María ofrece un impresionante fresco histórico de Vigo, desde o burgo de pescadores da Idade Media que foi, pasando polo carácter de porto corsario que abrigou no século XVIII, ao empuxe da abella ribeira que a convertiu na cidade portuaria e industrial de hoxe. Tras a súa primeira publicación, hai case cincuenta anos, A cidade e os días –a pesar de que moitos dos datos e informacións, afortunadamente, foron superados pola actual historiografía viguesa– non perdeu un ápice do seu interese xa que constitúe moito máis ca un libro de historia. A cidade e os días é unha apaixonada biografía literaria da cidade de Vigo e da súa contorna, escrita cunha prosa maxistral e un alento narrativo moi notable. Eis nese carácter profundamente literario onde reside a importancia e a beleza deste grande relato colectivo, que dificilmente vai quedar obsoleto.