Archive for Agosto 2008

“Poderosa”, diario dunha rapaza que tiña o mundo na man

Agosto 31, 2008

Poderosa de Sèrgio Klein é un dos maiores éxitos da literatura xuvenil recente no Brasil. Traducida por Mercedes Pacheco Vázquez aparece esta semana en Fóra de Xogo para conquistar milleiros de lectores en galego. Poderosa constitúe a primeira entrega dunha serie (da que ata agora no Brasil a editora Fundamento leva publicados tres títulos e da que se publicará un cuarto en 2009) que tamén editará Xerais e da que xa se está preparando unha adaptación cinematográfica.

Joana Dalva vive cos seus pais, cun irmán pequeno, que é o neno máis pesado do mundo, e coa súa avoa, que pasa os días na cama sacando a pintura da parede coas unllas e que non se decata do que pasa ao seu redor. Este é o ambiente no que vive unha rapaza que soña con ser escritora.

Un día fai unha redacción sobre Xoana de Arco e provoca unha reviravolta na historia e nela mesma. Se unha simple redacción podía cambiar o pasado, por que non usar a literatura para cambiar o presente? Joana Dalva non dubida en converter a ficción en realidade. O problema é que cada texto que ela escribe coa man esquerda provoca consecuencias imprevistas, orixinando outros textos que traen novos problemas. É o xogo do gato e do rato que acaba escapando do seu control. Para participar nese xogo non é preciso ter a idade de Joana Dalva, nin sentir na pel os conflitos e as espiñas da adolescencia.

Esta novela de Sérgio Klein, que obtivo enorme éxito no Brasil, é para todos os lectores e lectoras que cren no poder transformador das palabras.

“Proxecto bolboreta”

Agosto 31, 2008

Esta semana aparecerá nas librarías galegas Proxecto bolboreta de Andrea Maceiras, a obra gañadora do Primeiro certame de Micronovela convocado polo concello de Soutomaior. Esta é a primeira obra que publica esta xove narradora de Cambre, estudante de Filoloxía na Universidade da Coruña.

Hadrián Barcés, matemático e gran soñador, decide realizar unha viaxe dende Pequín a Nova York coa intención de comprobar a veracidade do conxunto de teorías coñecidas como “Efecto Bolboreta”, acuñadas por científicos como James Gleick e Edward Lorenz a partir do proverbio chinés: “o bater das ás dunha bolboreta pódese sentir ao outro lado do mundo”. Hadrián recollerá no seu diario as detalladas anotacións desta aventura científica e solitaria polo mundo enteiro na que conseguirá resolver algunhas das súas incógnitas, sufrirá moitas penurias e decepcións, vivirá acontecementos inesperados e mesmo atopará neses vieiros o rostro fermoso da bolboreta do amor, o símbolo de todos os seus soños. O Proxecto Bolboreta é un xeito diferente de vida, un soño que merece ser cumprido.

“Os nomes do traidor”, de Xurxo Sierra

Agosto 29, 2008

Galicia hoxe publica unha reportaxe sobre Os nomes de traidor, a máis recente novela de Xurxo Sierra Veloso.

“Renacer”, crítica de Caneiro

Agosto 29, 2008

Reproducimos o texto da crítica de Renacer de Xabier Paz, publicada por Xosé Carlos Caneiro no suplemento Culturas de La Voz de Galicia o pasado 2 de agosto.

Son tres as novelas de cariz histórico que nos regalou Xerais nos últimos meses e que denotan, fundamentalmente, o olfato excelso dos seus editores. A Venus de cristal de Chelo Suárez, Festina lente de Marcos S. Calveiro e Renacer de Xabier Paz. A primeira e a última teñen recendo a renacemento italiano (de raíz marcadamente veneciana), a segunda ten o aroma de Compostela nos inicios do século XVII. En primeiro lugar cómpre felicitar á editorial por publicar, en tempos de crise literaria, tres textos eminentemente literarios. En segundo lugar, e antes de centar o meu discurso nun destes textos permítanme recomendar esta “varia triloxía” para que acompañe o seu lecer estival. Vou, pois, con Xabier Paz e Renacer, obxecto último que me permitiu gozar de modo amplo. De Xabier Paz admiro todo canto ten publicado, como poeta e como prosista, e fun defensor público e confeso da súa excelente cronica Follas do bocallau. Xabier Paz posúe calidade estética e iso, como ben saben, é o condimento esencial de calquera arte. Posúe linguaxe, capacidade expresiva e perspectiva artistica, ou sexa, que narra de tal xeito que produce goce estético pola intrínseca melodía da súa prosa. Renarcer garda virtudes que non poderei enumerar neste curto espazo, non obstante, permítanme recalcar que esas virtudes son de raíz estilística, non temática. O asunto queda desdebuxado pola plasticidade da prosa. “Estaba o ar tal como quixeran pintalo os que senten enevexa de vós por non poder ser vós”. Unha filla (Adria) que se mergulla na vida do pai, o pornógrafo Aretino, tras a súa morte. Un pai rigoroso na vida familiar, rexo, kafkiano. Revélanos a personalidade deste poliédrico personaxe promiscuo, faústico, hedonista. Coñecedor de todos os segredos da arte, vainos levando de modo moi orixinal pola Venecia do século XVI, as súas luces e sombras. Fala de pintura e a pintura fala a través del. É dicir existe unha conexión de artes que por momentos chega a ser desbordante. Novela heterodoxa, herexíaca, pecaminosa. Metáfora sobre a “renacenza” do “ser” cando o andazo da mediocridade campa no planeta. Xosé Carlos Caneiro

“Atracción total”, crítica en Protexta

Agosto 25, 2008

“O profesor de vegliota”, crítica en Protexta

Agosto 25, 2008

“Festina lente”, crítica en Protexta

Agosto 25, 2008

Presentacións na Feira do libro da Coruña

Agosto 6, 2008

Martin Pawley recolle no seu blog a súa crónica de varias das presentacións de libros de Xerais celebradas na Feira do Libro da Coruña.

“Festina lente”, conversa na Feira do libro da Coruña

Agosto 5, 2008

Rubén Ruibal publica no seu blog unha crónica do que foi a presentación de Festina lente de Marcos Calveiro na Feira do libro da Coruña.

Entrevista a Carmen Blanco

Agosto 4, 2008

Galicia hoxe publica unha longa entrevista de Manuel Vidal Villaverde con Carme Blanco, a raíz da presentación de Atracción total na Feira do Libro da Coruña. A autora lucense afirma que “Atracción total entrelaza historias, como a dos amantes de Augas Santas ou a de Xoana Capdevielle, coa arte pobre de muller dos retallos. É un canto á vida, ao amor e á liberdade. E di: Punto G Galicia. Gocemos. Prefiro ser Puta que Princesa. Contra o poder, pracer.”

“Terra libre”, novo cómic de Fran Jaraba

Agosto 1, 2008

No Salón Viñetas do Atlántico, que se celebrará na Coruña dende o 11 ao 17 deste mes de agosto, será presentado Terra libre, o novo libro de cómic de Fran Jaraba. Terra libre é, tras Cita na Habana e Campos de Cuba, a terceira entrega da serie de álbums, protagonizada por Maxi Torres, nas que se narran os acontecementos do alzamento independentista cubano de 1897. Como nos títulos anteriores, Xerais tamén ofrece a edición en castelán que, coma a galega, xa están dispoñibles nas librarías. Esta serie constitúe un dos cumes do cómic galego de liña clara.

Cuba, 1897. A illa vive sumida nunha crúa guerra entre as tropas independentistas -os “mambises”- e o exército colonial. A poboación campesiña sofre especialmente a dureza do conflito. Por orde do mando militar español é desaloxada das súas casas e evacuadas ás cidades, ou internada nos chamados “poboados de reconcentración” baixo a vixilancia e o control do exército.

Un destes poboados, Cañas Largas, é peza clave para que Chinito, un líder mambí, consiga liberar un amplo territorio, proclamando así a primeira República independente cubana. Ao mesmo tempo, un tenente norteamericano, camuflado de naturalista, é desembarcado na costa sur da illa coa misión de entregarlle unha carta na man ao xeneral mambí Calixto García. Na misiva, o Goberno estadounidense ofrécelle a axuda das súas tropas para derrotar conxuntamente o exército español.

Pero a este intrépido oficial non lle vai vai resultar doado chegar ata García. No seu camiño curzaranse Chinito, Gargajo, a Garda Civil, Pepesito e, sobre todo, Maxi Torres.

Críticas na revista “Os meus livros”

Agosto 1, 2008

A prestixiosa revista literaria portuguesa Os meus livros (a única dedicada esxlusivamente aos libros en Portugal) dedica unha páxina para recomendar as edicións en portugués d’ O único que queda é o amor de Agustín Fernández PazDragona de Xavier Queipo.

Premer sobre a imaxe para ler o texto.