Archive for the ‘Poesía’ Category
Setembro 8, 2009
Esta semana chega ás librarías A poesía infantil no século XXI (2000-2008), o volume anual da Rede Temática de Investigación ¨LIJMI», que coedita Xerais e a Fundación Caixa Galicia.
Os membros da Red Temática de Investigación sobre Literatura Infantil y Juvenil del Marco Ibérico e Iberoamericano (LIJMI), coa colaboración doutros investigadores convidados, reúnen neste volume un conxunto de estudos, destinados fundamentalmente a todos aqueles que desenvolven labores de mediación, centrados na Poesía infantil e xuvenil no século XXI (2000-2008).
Tras dunha introdución teórica na que se repasan a historia e as características que adoitan identificar o xénero, incídese no valor da poesía á hora de educar a sensibilidade, desenvolver a creatividade e fomentar o espírito crítico desde as primeiras idades e deféndese a súa presenza nas aulas mediante unha boa selección de textos que acolla tanto os escritos expresamente para a infancia e a mocidade como aqueloutros cun destinatario universal. A seguir inclúense enfoques panorámicos que abordan o xénero no período estudado nas literaturas castelá, catalá, galega, portuguesa e vasca, co engadido de tres achegas que estudan a poesía no ámbito literario alemán, brasileiro e inglés. O volume inclúe ademais unha selección de poemarios, trece dos cales son obxecto dun comentario pormenorizado, co fin de facilitarlles aos mediadores e mediadoras algunhas claves de aproximación para o seu uso na educación literaria.
O volume será presentado o xoves, 10 de setembro, ás 12:00 horas, no seo das actividades do VIº curso de formación continua As literaturas infantís e xuvenís ibéricas. A súa influencia na formación lectora, que se desenvolve ao longo de toda esta na Biblioteca da Fundación Caixa Galicia de Santiago.
Etiquetas:a_poesía_infantil_no_século_XXI, fundación_caixa_galicia, lijmi
Publicado en Monografías, Opinións_lectores/as, Poesía | Leave a Comment »
Agosto 28, 2009
Mañá sábado, organizado pola asociación Arraianos, celebraranse en Celanova unha serie de actos con motivo do trinta aniversario do pasamento do poeta Celso Emilio Ferreiro (31 de agosto de 1979).
Ás 12 da mañá, realízarase un acto no Alto do Furriolo (A Bola), onde hai anos se inaugurou un mural creado por Xosé Vizoso, para lembrar os represaliados pola ditadura franquista. Alí haberá un recital a cargo de Xosé Luis Méndez Ferrín, Anxo Angueira, Baldo Ramos e membros do colectivo Redes Escarlata.
Xa ás 18.30 horas, no cemiterio de San Breixo de Celanova, os actos da homenaxe popular comezarán cun recital poético con Manuel Vilanova e Victor Campio, así como unha lectura dramatizada dos seus artigos xornalísticos. A velada estará amenizada musicalmente e rematará cun diálogo poético de Ramón Nicolás, especialista en Celso Emilio (recentemente publicou Conversas con Celso Emilio Ferreiro).
Etiquetas:anxo_angueira, arraianos, baldo_ramos, celso_emilio_ferreiro, conversas_con_celso_emilio_ferreiro, manuel_vilanova, méndez_ferrín, ramon_nicolás, redes_escarlatas, víctor_campío, xosé_vizoso
Publicado en Homenaxes, Noticias, Poesía | 1 Comment »
Xuño 29, 2009
Isabel Soto publica en “lg3” unha nova crítica sobre o poemario Makinaria de Carlos Negro.
Makinaria cheira a música a todo volume, a ritmo marcado e persistente, a letras de cancións, susceptibles de seren declamadas ou berradas, a makina e hip hop, a coches maqueados, a velocidade, a goma de pneumático queimada. Un libro de versos sen final feliz: porque a Morte converte a euforia en chatarra. Makinaria: nin difícil, nin aburrido. Accesible, breve, espido de concepcións idealizadas para tratar a dor, a angustia, o medo, a morte, o perigo de queimalo todo axiña.
Etiquetas:carlos_negro, isabel_soto, lg3, makinaria
Publicado en Críticas, Fóra de Xogo, Poesía, Xerais_nos_medios, Xuvenil | Leave a Comment »
Xuño 29, 2009
Artigo de X.L. Méndez Ferrín en Faro de Vigo con motivo da elección de Bernardino Graña como membro da Academia Galega e da designación de Uxío Novoneira como figura homenaxeada o vindeiro 17 de maio. Unha lectura moi recomendable.
Soemos decer que a Academia certa sempre ao designar a persoa que ha de ser celebrada no Día das Letras Galegas. En realidade o que ocorre é que, a partir do nomeamento da figura representativa anual, moitedume de individuos e grupos se aplican ao labor de diseccionala. Un impulso divulgativo irradia desde as editoriais, centros de ensino, asociacións culturais, comunidades varias e o autor intronizado no Día das Letras Galegas soe converterse no obxecto dunha análise colectiva e multidisciplinar que abraza tamén unha época dada na nosa Historia. Normalmente, e de modo litúrxico e repetitivo, sempre hai uns palermas que se laian de que o Día das Letras Galegas non serve para nada e todas esas cousas. Deus nos libre das xentes da crítica crítica (Marx).
Logo están outros que coidan que negar a existencia de xeracións literarias é cousa obrigada. Xeralmente pertencen a unha tradición que vén desde hai mundos de anos repetindo lugares comúns sen teren lido Petersen nin tan sequera no Fondo da Cultura Económica. Eu agora cadro contente porque a Academia Galega, que segue sen se equivocar, acaba de admitir o Bernardino Graña como individuo de número. Póñolle a “etiqueta” a Bernardino de escritor galego da xeración das Festas Minervais. E estalle moi ben, porque el foi un dos primeiros daquel concurso que, convocado polo SEU de Compostela, quixo resucitar as vellas Festas Minervais nas que o idioma galego cantara coa voz crocitada do corvo de “asas negras” nos chamados (por quen?) Séculos Escuros.
Sei que para algúns non hai xeracións literarias en xeral e a nosa das Festas Minervais carece especialmente de verdadeira substancia. Non digo que non, pero a das Festas Minervais (n´a habendo) foi ben excluída e marxinada alí onde chegaba a man negra do piñeirismo. Por esa razón a tantos importantes escritores galegos a Academia Galega do pasado, zarrapechou as portas de ingreso por eles seren considerados de filiación política sospeitosa de “nacionalismo” ou de “comunismo”. Eu non sei de que diaños podería ser sospeitoso Bernardino Graña, pro o caso é que só o último sábado, e tendo o noso amigo e autor, 77 anos, a Academia chamou por el para ocupar o sitio que merece na Rúa das Tabernas.
Sábado pasado, este cronista foi feliz na Coruña, na Academia, na Rúa das Tabernas. Viviu unha bela sesión na que na Academia resplendeceron as luces de prudencia, da ecuanimidade e da fraternidade corporativa. Bernardino Graña, o altísimo poeta, o mellor artífice e señor das palabras do mar, pasará a integrar a Institución. E, por se fose pouco, o noso irmán Uxío Novoneira, resultou designado figura central do próximo Día das Letras Galega. Novoneira forma parte da mesma xeración literaria ca Bernardino e ca min, aínda que é un dos pouquiños que nunca tomaron parte nunhas Festas Minervais. Durante o ano que vén falarase moito de Novoneira, e falarase no contexto dunha ofensiva dos poderes autónomicos reaccionarios contra a nosa lingua.
Teremos ocasión de tratar nestes asuntos. Non teñan medo. X.L. Méndez Ferrín
Etiquetas:bernardino_graña, ferrín, letras_galegas_2010, uxío_novoneyra
Publicado en Autores, Poesía, Xerais_nos_medios | Leave a Comment »
Xuño 27, 2009
Na mesma sesión na que A Academia Galega designou a Uxío Novoneyra como figura homenaxeada no Día das Letras Galegas 2010, foi elixido académico o seu amigo o poeta Bernardino Graña. Un nomeamento que a todo o cadro de persoal da editorial nos enche de fachenda e satisfacción polo vencellamento solidario de Bernardino con Xerais, ao longo de tres décadas, na que ten publicada unha boa parte da súa obra. Os nosos maiores parabéns para Bernardino Graña!
Bernardino Graña Villar (Cangas do Morrazo, 1932). Foi catedrático de lingua e literatura até a súa xubilación. En 1958 participou na creación do grupo Brais Pinto en Madrid e foi o primeiro presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega. Publicou unha estensa obra no ámbito da poesía, do teatro, da narrativa e da literatura infantil.
Como poeta ten publicado: Poema do home que quixo vivir (1958); Profecía do mar (1966, Xerais 1995); Non vexo Vigo nin Cangas (1975); Se o noso amor e os peixes (Xerais 1980), Premio Galicia do concello de Santiago de Compostela; Sima-Cima do voar tolo (1984); Himno verde (1992); Ardentía. Obra poética completa (1995); As Cantigas de Santa María (Xerais 1996); Luz de novembro (1997) e Acendede as almenaras (Xerais 2008).
No ámbito do teatro: Vinte mil pesos crime (1962, Xerais 2005); Sinfarín contra don Perfeuto (1975); Os burros que comen ouro nunca cabalos serán (1992), Premio Abrente de Ribadavia (1979).
Como narrador publicou Fins do mundo (1974, Xerais 1989) relatos e Protoevanxeo do neto de Herodes (Xerais 2006), IIº Premio Eixo Atlántico La Voz de Galicia-Público de narrativa galego portuguesa.
E para o público infantil destacan: O león e o paxaro rebelde (1969, Xerais), Premio de contos para rapaces O Facho; Planeta dos ratos tolos (1990); Xan Guindán, capitán (Xerais 1991); Oso mimoso (Xerais 1992); Namoro de lobo Pipo na escola de don Perico (1992); Os burros que comen ouro (1992); O gaiteiro e o rato Pérez (Xerais 1994), Premio Merlín 1993; Xan Guindán, mensaxeiro (1994); Cristo e San Pedro, peregrinos (Xerais 1994); Rata linda de Compostela (Xerais 1994, 2009); O lobo e o grilo (1995); Contra o león covarde (1995); Xan Guindán e os Salvaxes (1995); Xan Guindán mensaxeiro (1997) e O quirico lambón (Xerais 1997).
Héitor Mera e Rafael Fernández son autores do libro Conversas con Bernardino Graña (2005). Os traballos de homenaxe á figura do escritor do Morrazo con motivo do seu setenta e cinco aniversario están recollidos no volume Bernardino Graña (Xerais 2007), coordinado por Héitor Mera.
Etiquetas:acendede_as_almenaras, bernardino_graña, conversas_con_bernardino_graña, fins_do_mundo, heitor_mera, oso_mimoso, o_gaiteiro_e_o_rato_pérez, o_quirico_lambón, protoevanxeo_do_neto_de_herodes, rafael_fernández_lorenzo, rata_linda_de_compostela
Publicado en Autores, BLG, Crónica, Entrevistas, Homenaxes, Infantil, Merlín, Narrativa, Noticias, Poesía, Teatro | 2 Comments »
Xuño 27, 2009
En Xerais recibimos con enorme satisfacción a designación por parte da Academia Galega do poeta Uxío Novoneyra como figura homenaxeada o 17 de maio de 2010. Recoñécese así a traxectoria do autor d’ Os Eidos como unha das fulcrais da poesía galega do século XX.
Uxío Novoneyra (Parada de Moreda, Courel, 1930-Santiago, 1999) fillo dunha familia de labregos, terá na súa terra natal o principal referente físico para os seus versos, ofrecendo unha anovadora visión da paisaxe dentro da literatura galega. No ano 1955 deu ao prelo Os eidos, poemario con que comeza un ciclo poético que retomará con Os eidos 2. Letanía de Galicia e outros poemas (1974). Nos comezos da década de 80, o poeta principia a recompilar e depurar o seu ciclo courelán, dando a lume Os eidos. Libro do Courel (Xerais 1981), que terá diversas reedicións. No ano 1983 afíncase definitivamente en Santiago, cidade desde a cal exerceu como presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega, ata a súa morte no ano 2000. Publica Poemas caligráficos en 1979, nunha edición prologada e ilustrada por Reimundo Patiño, con textos vinculados a unha vangarda pictórica organizada arredor do grupo Brais Pinto. Xa na segunda metade desa década comeza cunha recompilación temática da súa produción poética completa. Así, en Muller pra lonxe (1987), reuniu os poemas paixonais e amorosos, e dous anos máis tarde, en Do Courel a Compostela 1956-1986, os de temática política, que irán acompañados dunha antoloxía crítica. En 1994, logo de varios anos de silencio editorial, editou Poemas de doada certeza i este brillo premido entre as pálpebras. En 1998 publicou Betanzos: Poema dos Caneiros e Estampas.
Etiquetas:letras_galegas_2010, os_eidos, uxío_novoneyra
Publicado en Autores, BLG, Homenaxes, Noticias, Poesía | 3 Comments »
Xuño 27, 2009
Montse Penas publica no suplemento «Nós» de Xornal de Galicia a primeira crítica tras a aparición do poemario de Carlos Negro Makinaria dentro da colección xuvenil Fóra de Xogo. Baixo o título de «Poesía para a mocidade: a virazón do aire», Montse Penas ofrece un texto no que reflexiona sobre o indubidable interese da mocidade pola lectura de poesía, ao tempo que considera o poemario de Carlos Negro como «unha ventada de aire fresco».
Etiquetas:carlos_negro, makinaria, montserrat_pena_presas, nós, xornal_de_galicia
Publicado en Críticas, Fóra de Xogo, Poesía, Xerais_nos_medios, Xuvenil | 1 Comment »
Xuño 19, 2009
Manuel María e Bernardino Graña serán os protagonistas mañá, sábado 20 de xuño, dunha serie de actos de homenaxe organizados polo concello de Moaña.
As 19:30h inaugurarase a Rúa Bernardino Graña. Despois, interpretarase a Marcha do Antigo Reino de Galiza. No acto intervirán o Alcalde de Moaña e representantes da Asociación de Escritores en Lingua Galega. O acto rematará coa descuberta da placa a cargo do propio Bernardino Graña.
Ás 20.00h inaugurarase o Paseo do Poeta Manuel María coa descuberta da placa co nome de Manuel María por parte da súa viúva, Saleta. Acto seguido, procederase á celebración dun recital de poemas coa intervención de Heitor Mera, Marta Dacosta, Anxo Angueira, Lucía Novas, Xosé Daniel Costas e Celso Parada.
A xornada festiva rematará coa interpretación do Himno Galego para, ás 20:30 h, dar comezo un acto Musical no salón de actos do I.E.S. As Barxas a cargo da Banda e Coral Solfa (Santiago de Compostela) e do cantautor Tino Baz.
Etiquetas:bernardino_graña, manuel_maría, moaña
Publicado en Autores, Homenaxes, Poesía | Leave a Comment »
Xuño 11, 2009
Con motivo do centenario do nacemento de Aquilino Iglesia Alvariño (Seivane, Abadín, 12 de xuño 1909) Xerais publica a monografía O po dos días. Introdución temática á poesía de Aquilino Iglesia Alvariño do profesor Luciano Rodríguez Gómez. Xerais ten no seu catálogo a maior parte da obra do poeta chairego, dentro da Biblioteca das Letras Galegas o volume Poesías, preparado por tamén por Luciano Rodríguez Gómez, e Polo correo do vento, unha escolma dos poemas de Aquilino dirixidos ao público infantil.
Hai cen anos, o 12 de xuño de 1909, nunha aldea luguesa (Seivane-Graña de Vilarente) do Concello de Abadín, nacía Aquilino Iglesia Alvariño (1909-1961).A súa formación comezou no Seminario Santa Catalina de Mondoñedo, para licenciarse logo en Filosofía e Letras pola Universidade compostelana, e converterse, finalmente en catedrático de Latín de Ensino Medio (1949). Aquilino Iglesia Alvariño foi responsable desta materia no Instituto de Lugo, Pontevedra e finalmente no Instituto Rosalía de Castro de Santiago de Compostela. Unha sólida formación nos autores clásicos gregos e latinos e nos autores da modernidade deron como resultado unha obra poética das máis compactas e calladas que floriron na poesía galega do século xx.
Con motivo do centenario do seu nacemento, o profesor Luciano Rodríguez da á luz esta magnífica aproximación á súa obra poética. O pó dos días estrutúrase en dúas sesións: na primeira, «Os días», dáse conta da súa peripecia biográfica; e na segunda, «As palabras», proponse unha lectura dos seis poemarios galegos que organizou e publicou Aquilino Iglesia Alvariño, un autor que fixo da lingua a súa patria.
Xerais uniuse á celebración dos actos deste centenario que, organizados polo concello de Abadín e o PEN de Galicia, terán lugar en Abadín o vindeiro venres, 12 de xuño.
Actos que comezarán ás 19:00 horas, cunha recepción diante do concello ás autoridades e participante. A continuación, os participantes desprazaranse a Seivane, onde na casa natal do poeta se desvelará unha praca conmemorativa e fará uso da palabra Luís González Tosar, presidente do PEN Galicia.
De regreso a Abadín, ás 20:00 horas comezará un acto literario nas instalacións do CEIP Aquilino Iglesia Alvariño, no que intervirán os escritores Luís González Tosar, Santiago Fernández Rocha, Xosé Miranda e Luciano Rodríguez, e Anxo Lorenzo (secretario Xeral de Política Lingüística) e Francisco López Barxas (director Xeral de Cultura).
Aos asistentes ao acto, faráselle entrega do libro O po dos días. Introdución temática á poesía de Aquilino Iglesia Alvariño da autoría de Luciano Rodríguez. Agasallo do Concello de Abadín e da Secretaría Xeral de Política Lingüística.
Etiquetas:abadín, anxo_lorenzo, aquilino_iglesia_alvariño, francisco_lópez_barxas, luís_gonzález_tosar, luciano_rodríguez_gómez, o_po_dos_días, pen_galicia, polo_correo_do_vento, santiago_fernández_rocha, seivane, xosé_miranda
Publicado en Autores, Homenaxes, Noticias, Poesía, Presentacións, Universitaria | 1 Comment »
Xuño 5, 2009
Xerais publicará catorce novidades ao longo deste mes de xuño.
Na colección Xerais Narrativa aparecerán as novelas A vida do outro de Carlos Reigosa, Premio Torrente Ballester 2008 da Deputación Provincial da Coruña; Monte Louro de Luís Rei Núñez, Premio Blanco Amor 2009; e Pirata de María Reimóndez. Títulos, ambos os tres, que estarán nas librarías durante a primeira quincena do mes.
Na colección Xerais Crónica publicarase Cartas de republicanos galegos condenados a morte (1936-1948) de Xesús Alonso Montero.
Na Biblioteca Dramática Galega, coeditada con AGADIC, publícase Pingueiras e tarteiras, peza de Teresa Gonzaléz Costa gañadora do IIIº Premio Manuel María Literatura Dramática Infantil, ilustrada por Rodrigo Chao.
Na colección Fóra de Xogo aparecerá a novela Sansón Troleyro de Enrique Vázquez Pita e o poemario Makinaria de Carlos Negro.
Na colección Sopa de Libros Andanzas de Xan Farrapeiro de Ramón Caride, ilustrado por Marisa Irimia, e Lúa do Senegal de Agustín Fernández Paz, ilsutrado por Marina Seoane.
Na colección Xerais Universitaria publicarase O po dos días. Introdución temática á poesía de Aquilino Iglesia Alvariño de Luciano Rodríguez Gómez, libro que aparecerá coincidindo co cen aniversario do nacemento do poeta de Seivane o 12 de xuño de 1909; e Prostitución. clientes e outros homes. Análise sociolóxica das ideoloxías masculinas en Galicia de Águeda Gómez Suárez e Silvia Pérez Freire.
Por último, publicarase o volume que recolle as obras gañadoras dos Premio 2008 de relato, poesía e tradución da Universidade de Vigo e os Cadernos do Profesorado de Primaria e Secundaria para o vindeiro curso 2009/2010.
Etiquetas:andanzas_de_xan_farrapeiro, aquilino_iglesia_alvariño, a_vida_do_outro, águeda_gómez_suárez, caderno_do_profesorado, caderno_do_profesorado_de_educación_primaria, carlos_negro, carlos_reigosa, cartas_de_republicanos_galegos_condenados_a_morte, enrique_vázquez_pita, fernández_paz, lúa_do_senegal, luís_rei_núñez, luciano_rodríguez_gómez, makinaria, maría_reimóndez, marina_seoane, marisa_irimia, monte_louro, novela, o_po_dos_días, pingueiras_e_tarteiras, pirata, premio_blanco_amor, premio_manuel_maría, premio_torrente_ballester, prostitución, ramón_caride, rodrigo_chao, sansón_troleyro, silvia_pérez_freire, teresa_gonzález_costa, xesús_alonso_montero
Publicado en Crónica, Fóra de Xogo, Infantil, Narrativa, Noticias, Poesía, Sopa de Libros, Teatro, Universitaria, Xuvenil | Leave a Comment »
Xuño 5, 2009
Makinaria de Carlos Negro é, tras o éxito rotundo de Poetízate, o primeiro poemario individual publicado dentro da colección Fóra de Xogo. Unha aceleración poética para lectores e lectoras adolescentes que chegará ás librarías a partir do 15 de xuño.
Makinaria de Carlos Negro é unha aceleración poética de cero a cen en tres segundos. Se tes arredor de quince anos, vas de malote e mallas na música, este pode ser o teu libro; un libro de versos co depósito cheo de gasolina, testosterona e alcohol; un libro de versos tuneados, maqueados de furia xuvenil, sen máis límite que o do contaquilómetros que sinala unha ruta suicida; un libro de versos sen final feliz: porque a Morte converte a euforia en chatarra, porque só admite como meta o destino cemiterio.
Etiquetas:carlos_negro, makinaria, poemario
Publicado en Fóra de Xogo, Noticias, Poesía | 1 Comment »
Maio 27, 2009
Esta noite no programa Libro Aberto da TVG (0:30 horas), Estíbaliz Espinosa falará sobre o seu poemario Zoommm. Textos biónicos no que aborda a orixe de vida. O programa será emitido, tamén, o luns 1 de xuño, ás 23:30 horas pola G-2 (TDT).
Etiquetas:estíbaliz_espinosa, libro_aberto, tvg, zoommm
Publicado en Entrevistas, Noticias, Poesía | Leave a Comment »
Maio 13, 2009
Xerais preparou o seu programa de actividades de animación para a Feira do Libro de Lugo que se inaugurará o sábado, 16 de maio e se desenvolverá deica o 24 de maio.
Sábado, 16 de maio
19.45 Inauguración oficial. Pregón a cargo do escritor Xabier P. DoCampo. Ao remate do acto, asinará exemplares do seu Libro das viaxes imaxinarias, publicado por Edicións Xerais de Galicia e gañador do 18 Premio Irmandade do Libro, da Federación de Libreiros de Galicia.
Martes, 19 de maio. Día da Poesía
20.00 Ámote vermella. Recital poético de Claudio Rodríguez Fer deste seu libro máis recente.
Sábado, 23 de maio
20.00 Presentación do libro Amancio Amigo e o meigo de Salamanca, do escritor Xosé Miranda. Espectáculo de maxia Cali O Mago.
Etiquetas:amancio_amigo, ámote_vermella, claudio_rodríguez_fer, o_libro_das_viaxes_imaxinarias, xabier_docampo, xosé_miranda
Publicado en Fóra_de_colección, Feiras_do_libro, Poesía | Leave a Comment »
Abril 25, 2009
Isaac Lourido publica hoxe no suplemento «Nós» de Xornal de Galicia unha crítica d’ Ámote vermella o poemario de Claudio Rodríguez Fer, ilustrado por Sara Lamas. Recollemos os dous primeiros fragmentos dun texto onde se salienta que este libro forma parte dun proxecto integral de creación literaria do escritor lucense:
Dúas foron as liñas de forza nas que Claudio Rodríguez Fer fixo descansar a triloxía que, despois de Lugo Blues (1987) e A loita continúa (2004), vén clausurar Ámote vermella (nunha coidadísima edición, por certo, ilustrada por Sara Lamas, con protagonismo absoluto da cor vermella e fóra de colección). A primeira desas liñas de forza recoñécese na reivindicación da dignidade e da xustiza para as vítimas do fascismo e do autoritarismo no século XX, representada nesta terceira entrega na memoria e no recoñecemento das mulleres represaliadas pola ditadura de Franco.
A segunda fronte de intervención dá continuidade ao emblema da traxectoria anterior do autor, pois reincide na construción dun imaxinario amoroso, rico en imaxes audaces e alicerzado na súa ligazón coa pulsión sexual, a representación corporal, a tensión telúrica e unha ideoloxía de signo libertario. Todas estas condicións recoñécense, en maior ou menor medida, no prescrito por algunhas das poéticas surrealistas de comezos de século e reforzan, en última instancia, a necesidade de observar as producións de Rodríguez Fer, Olga Novo e Carmen Blanco como resultado dun mesmo núcleo de creación partillado, reconfortado e exhibido sen complexos.
Etiquetas:ámote_vermella, claudio_rodríguez_fer, isaac_lourido, nós, sara_lamas, xornal_de_galicia
Publicado en Críticas, Poesía, Xerais_nos_medios | Leave a Comment »
Abril 25, 2009
Hordas de escritura, o poemario de Chus Pato foi a obra gañadora do premio Losada Diéguez 2009, no apartado de creación literaria; na de investigación e ensaio foi a obra gañadora Europa, o continente pensado de Camilo Nogueira. Ambas as dúas modalidades están dotadas con 6.000 euros. O xurado composto por Francisco Fernández Rei, Justo Beramendi, Xosé Luís Valladares, Cipriano Xosé Caamaño, Ramón Lorenzo, X. Henrique Costas e Carlos Paulo Martínez Pereiro, sinalou na súa acta que a obra gañadora é «un poemario que sobrancea pola súa explosiva orixinalidade, unha proposta poética dunha Chus Pato madura e sempre fresca, onde os versos poderosos se debullan nunha nova aposta sólida e ben traballada; con mesturas de xéneros e temas xa enxergadas nos seus últimos poemario.» Hordas de escritura xa fora distinguido hai dúas semanas co Premio da Crítica no apartado de poesía.
Etiquetas:camilo_nogueira, chus_pato, hordas_de_escritura, premio_losada_diéguez
Publicado en Noticias, Poesía, Premios | Leave a Comment »
Abril 24, 2009
Hoxe, venres, 24 de abril, ás 20:00 horas, na Libraría Couceiro de Santiago presentarase Non son de aquí, o poemario de María do Cebreiro. No acto a autora estará acompañada por Manuel Darriba, Daniel Salgado e o editor Fran Alonso.
Etiquetas:daniel_salgado, libraría_couceiro, manuel_darriba, maría_do_cebreiro, non_son_de_aquí, santiago
Publicado en Noticias, Poesía, Presentacións | Leave a Comment »
Abril 21, 2009
Galicia Hoxe entrevista a Estíbaliz Espinosa con motivo da recente aparición en Xerais do seu poemario Zoommm. Textos biónicos.
Recollemos un fragmento desta entrevista:
“Hai moito interese nos ámbitos artísticos en poñer énfase na idea de creatividade, de acto de creación como algo case máxico, como se tentasemos equipararnos á divindade… En realidade, a creación é plaxio. A literatura é constante hipertexto… E isto faise evidente en internet: colles retallos doutra xente… Creamos con material que crearon outros…”, salientou.
Pero, a carón da mímese, do plaxio, da copia, que encarnan os autómatas, agroma, segundo Espinosa, a mutación, froito do erro, da variación sobre o mesmo tema… polo que é necesario seguir creando, mudando o creado de boca e de canle… “O meu interese polo ser humano como autómata xorde dun caldo de influencias: a ciencia ficción, a filosofía, a cosmoloxía, a neurociencia… E o feito de terme posto a escribir en internet…” –o seu blog é mmmm–.
No libro, a autora-observadora traza un zoom que vai do pequeno ao grande, e propón un dobre xogo de relacións: a autora coa súa criatura, -o texto-, e co lector. “Todo testemuño parte dun eu subxectivo. Pero non sabemos o que é o eu… Interesábame tomar distancia: situándome no futuro, –que pensarán de nós no futuro– e o pasado remoto: o neanderthal, o que puidemos ser e non fomos… Adoptar unha perspectiva deshumanizada para entender o humano: miralo desde o cosmos…”, comentou.
Etiquetas:estíbaliz_espinosa, galicia_hoxe, zoommm
Publicado en Entrevistas, Poesía, Xerais_nos_medios | Leave a Comment »
Abril 21, 2009

O Faro de Vigo publica unha breve entrevista con Alfonso Armada, que onte, día 20 presentou o seu poemario TSC. Diario da noite. No acto, que se celebrou na Libraría Librouro de Vigo, o autor estivo acompañado polo editor Fran Alonso e polo arquitecto César Portela. Hoxe, 21 de abril, ás 20:00h presentarase a obra na Galería Sargadelos da Coruña, e contará coa participación de Pilar García Negro, Yolanda Castaño, Fran Alonso e mais o autor.
Recollemos un fragmento testemuñal desta entrevista:
–Recuperar ahora, más de 25 años después, su memoria en forma de poesía ¿qué sensación le provoca?
–Me resulta inquietante, pero decidí ser fiel al libro y no corregirlo con la mirada de hoy. Reconozco que mis reflexiones sobre algunos temas políticos o sexuales no me agradan ahora, pero sería una traición cambiarlo.
–Obligarse a escribir un poema cada día, ¿no resulta antipoético?
–Completamente; es una aberración. Pero era un experimento que quería hacer y ni siquiera sabía cómo iba a terminar. El resultado, al final, tiene mucho de periódico porque, como éste, es diario e intenta ordenar el mundo, aunque poéticamente.
Etiquetas:alfonso_armada, césar_portela, faro_de_vigo, librouro, tsc.diario_da_noite
Publicado en Entrevistas, Poesía, Presentacións, Xerais_nos_medios | Leave a Comment »
Abril 20, 2009
Aquí poden escoitarse as dúas entrevistas emitidas hoxe no Diario Cultural da Radio Galega con Chus Pato e Marcos Calveiro, gañadores dos Premios da Crítica 2008.
Etiquetas:chus_pato, diario_cultural, marcos_calveiro, premios_crítica
Publicado en Entrevistas, Narrativa, Poesía, Premios, Radio, Xerais_nos_medios | Leave a Comment »
Abril 15, 2009
A vindeira semana realizaranse dúas presentacións de TSC. Diario da noite o poemario de Alfonso Armada.
A primeira, terá lugar o luns, 20 de abril, ás 20:00 horas na Libraría Librouro de Vigo, contando coa participación de César Portela, Fran Alonso e o autor.
A segunda, realizarase o martes, 21 de abril, ás 20:00 horas na Galería Sargadelos da Coruña, contando coa participación de Pilar García Negro, Yolanda Castaño, Fran Alonso e o autor.
Etiquetas:alfonso_armada, a_coruña, césar_portela, galería_sargadelos_a_coruña, librouro, pilar_garcía_negro, tsc.diario_da_noite, vigo, yolanda_castaño
Publicado en Noticias, Poesía, Presentacións | Leave a Comment »
Abril 13, 2009
A Sección de Crítica Literaria da AELG deu a coñecer a súa proposta para os Premios de narrativa e poesía galegas que a Asociación Española de Críticos Literarios fallará o vindeiro día 18 de abril en Santander.
–Modalidade de narrativa: Festina Lente, de Marcos S. Calveiro, publicado por Xerais.
–Modalidade de poesía: Hordas de escritura, de Chus Pato, publicado por Xerais.
De Festina Lente, o xurado valorou a súa orixinalidade, trazo que a fai destacable nun panorama prolífico de seu no xénero histórico, así como a súa riqueza lingüística e a capacidade de dar vida á Compostela dos séculos XVI e XVII, transformando en literatura unha ben peneirada documentación histórica.
De Hordas de escritura, destacou a solidez do seu discurso vangardista e a construción dunha poesía que se articula como unha loita contra a propia linguaxe literaria, trazos que marcan un fito importante na xa longa traxectoria da autora.
Os nosos parabéns para Marcos Calveiro e Chus Pato por esta proposta.
Etiquetas:AELG, chus_pato, festina_lente, hordas_escritura, marcos_calveiro
Publicado en Críticas, Narrativa, Noticias, Poesía, Premios | 1 Comment »
Marzo 31, 2009
A AELG organiza o 17 de abril en Vigo unha homenaxe a Ramiro Fonte. O acto terá lugar ás 19:30 horas nas instalacións da Fundación Caixa Galicia de Vigo (Rúa Policarpo Sanz). No recital póetico intervirán os poetas X.M. Álvarez Cáccamo, Manuel Álvarez Torneiro, Ignacio Chao, María do Carme Kruckemberg, Xulio López Valcarcel, Gonzalo Navaza, Román Raña, Xavier Rodríguez Baixeras, Cesáreo Sánchez Iglesias e Xavier Seoane.
Etiquetas:AELG, ramiro_fonte
Publicado en Autores, Poesía | Leave a Comment »
Marzo 29, 2009
Recollemos o comentario que sobre Ámote vermella, o poemario de Claudio R.Fer, ilustrado por Sara Lamas, publica o blog Trafegando ronseis.
Claudio Rodríguez Fer xunto coa ilustradora Sara Lamas presentan un libro fermoso tanto pola edición como pola idea: un poemario dedicado ás mulleres represaliadas e esquecidas da nosa terra: Ámote vermella. E digo que é fermoso en canto á idea, porque tal como afirma o autor a súa intención é “afirmar a vida, loitar contra a morte. Cómpre unha catarse co
lectiva para superar o trauma deste esquecemento no que vivimos instalados nunha democracia tardofranquista amnésica. O franquismo foi unha ditadura androcéntrica e machista, que practicou a violencia de xénero. Setenta anos despois, quixemos demostrar que hai quen as ama, aquí están os seus nomes elas que foron as esquecidas entre os esquecidos, aquí están os seus retratos, cando tivemos a fortuna de atopalos”. En canto á edición, paréceme un libro preciso, cunhas ilustracións exquisitas, todo el en vermello.
Outra cousa diferente desde o meu punto de vista é o poemario en si, que non acabou de convencerme. Porén, como adoita acontecer, hai poemas que gustan máis ca outros, e como é costume déixovos unha pequena selección. Recoméndovos a súa lectura por mor de sabermos máis sobre nós mesmos, sobre o noso pasado recente, sobre unhas mulleres esquecidas por seren mulleres, sobre a valentía da vida naquela época, sobre o feito de procurar unhas ideas que outros non consentiron. Cómpre lembrar, porque na memoria radica a forza de que non volvan acontecer feitos coma estes.
Etiquetas:ámote_vermella, claudio_rodríguez_fer, sara_lamas, trafegando_ronseis
Publicado en Opinións_lectores/as, Poesía, Xerais_nos_medios | Leave a Comment »
Marzo 27, 2009
Está chegando ás librarías TSC.Diario da noite, un voluminoso poemario de máis de seiscentas páxinas de Alfonso Armada.
TSC. Diario da noite de Alfonso Armada é un experimento, o intento destemido dun poeta de 24 anos que, seguindo o alento de escritores como Gide ou Joyce, desexaba a literatura como unha sorte de vida e devecía por rexistrar o paso do tempo e todos os seus estragos escribindo un poema cada día do ano de 1982. As obsesións íntimas, os medos, os anhelos e as mitoloxías da época están case todas neste diario poético que é tamén un canto de amor e desapego á cidade de Vigo, onde o poeta naceu, e ás que comezaban a facer parte da súa existencia: Compostela, Madrid, Sevilla ou Tánxer. Estes Trescentos Sesenta e Cinco días son, para o poeta, un intento de dar conta de si.
Etiquetas:alfonso_armada, tsc.diario_da_noite
Publicado en Noticias, Poesía | Leave a Comment »
Marzo 27, 2009
Esta semana ponse á venda nas librarías Zoommm.Textos biónicos, o novo poemario de Estibaliz Espinosa.
No século XXI, finxir dar vida foi un dos cometidos principais daqueles que traballaban nesa trampa oblicua chamada arte: a creación de personaxes semellaba un eixe fundamental na novela, esa simulación tamén se atopaba no deber dun bo actor, dun guionista, dun realizador de cine, un fotógrafo, un debuxante de cómics… No século XXI, procurar vida foi un dos cometidos principais daqueles que se dedicaban a esa fe experimental chamada ciencia: a medicina, a investigación no xenoma, a astrofísica, a matemática agochada nos patróns de crecemento vexetal e animal, a arquitectura orgánica… No século XXI, aplicar un zoom nos textos das criaturas humanas revelaría unha ambición de alquimista: transmutarse en vida. En memoria.Vingadora da mortalidade. Zoommm, o poemario de Estíbaliz Espinosa, achégase con torpeza humana ás relacións incestuosas entre texto e vida, linguaxe da máquina e linguaxe lírica, e a ese antigo desexo infantil de que o que leamos se transfigure en nós, electrice a nosa medula, siga o noso ritmo vascular, volva parte de nós ou nós dela. Somos o que foron outros. Se somos o que comemos, somos o que lemos.
Etiquetas:estíbaliz_espinosa, zoommm
Publicado en Noticias, Poesía | Leave a Comment »
Marzo 22, 2009
Ámote vermella, o poemario de Claudio R. Fer, ilustrado pr Sara Lamas presentarase mañá, luns, 23 de marzo, ás 19:00 horas na sala Isaac Díaz Pardo da Facultade de Veterinaria de Lugo. No acto participará o autor, que recitará parte dos poemas do libro, xunto co editor Manuel Bragado. Esta presentación recital de Ámote vermella encádrase dentro do proxecto exposición Vermellas. Chamábanlles “rojas”. promovido por Lugo Cultural.
Etiquetas:ámote_vermella, claudio_rodríguez_fer, lugo, sara_lamas, vermellas
Publicado en Noticias, Poesía, Presentacións | Leave a Comment »
Marzo 18, 2009
Déronse a coñecer hoxe as obras finalistas dos premios AELG as mellores obras literarias do pasado ano 2008. En case todas as categorías son numerosas as obras editadas pola editorial. Os membros da AELG poderán emitir o seu voto ata o 5 de maio.
Literatura infanto-xuvenil (Aelg-Gálix):
1. A Cabeza de Medusa, Marilar Aleixandre
2. Caderno de animalista, Antón Fortes Torres
3. Fume, Antón Fortes Torres
4. O libro das viaxes imaxinarias, Xabier P. DoCampo
5. PAlAbrAs brAncAs, Elvira Riveiro
Poesía:
1. A melancolía dos corpos, Xulio López Valcárcel
2. Acendede as almenaras: cántigas de amor, de amigo e de escarnio, Bernardino Graña
3. Amor Amén, Iolanda Zúñiga
4. Construcións, Eduardo Estévez
5. Cultivos transxénicos, Carlos Negro
6. Hordas de escritura, Chus Pato
7. Látego de algas, Antón Reixa
8. Libro de Alicia, Olalla Cociña
9. Migracións. Rafa Villar
10. Non son de aquí, María do Cebreiro
11. O xeito de Freud, Carlos Lema
12. Reversos: días adiados, Ramiro Fonte
Teatro:
1. Fume / Insomnio, Rubén Ruibal Armesto e Carlos Losada Galiñáns
2. Historia da chuvia que cae todos os días, Roberto Salgueiro
3. Nachtmahr, Raúl Dans
4. Unha primavera para Aldara, Teresa Moure
Ensaio:
1. Anti Natura, María Xosé Queizán
2. Caderno de notas, Jenaro Marinhas del Valle
3. Fendas abertas: seis ensaios sobre a cuestión nacional, Carlos Taibo
4. Fin de século en Palestina, Miguel Anxo Murado
5. Historia de Ourense, Marcos Valcárcel
6. Miro Casabella e a nova canción galega, Xan Fraga
7. O espírito da letra. Nove achegas filosóficas a textos literarios, Luís G. Soto
8. O natural é político, Teresa Moure
9. Por unha Galiza liberada e novos ensaios, Xosé Manuel Beiras
Tradución:
1. A conxura dos necios (John Kennedy Toole), Eva María Almazán García
2. As flores do mal (Charles Baudelaire), Gonzalo Navaza
3. Cantos e fragmentos (Safo), Raúl Gómez Pato
4. O xiro postal (Sembène Ousmane), María Isabel García Fernández
5. Un home na escuridade (Paul Auster), Eva María Almazán García
Narrativa:
1. A choiva do mundo, Xosé Manuel Pacho Blanco
2. A verdade como mal menor, X. Luís Martínez Pereiro
3. Costa Norte/ZFK, Xurxo Borrazás
4. Festina lente, Marcos S. Calveiro
5. Memoria de cidades sen luz, Inma López Silva
6. O libro das viaxes imaxinarias, Xabier P. DoCampo
7. O profesor de vegliota, Manuel Veiga
8. O xardín das pedras flotantes, Manuel Lourenzo
9. Os nomes do traidor, Xurxo Sierra Veloso
10. Shakespeare destilado, Xesús Constela
Etiquetas:acendede_as_almenaras, amor_amén, anti_natura, a_cabeza_de_medusa, bernardino_graña, chus_pato, elvira_riveiro, fendas_abertas, festina_lente, historia_da_chuvia, historia_de_ourense, hordas_escritura, iolanda_zúñiga, manuel_lourenzo_gonzález, manuel_veiga, maría_do_cebreiro, maría_xosé_queizán, marcos_calveiro, marilar_aleixandre, nachtmarhr, non_son_de_aquí, os_nomes do_traidor, o_libro_das_viaxes_imaxinarias, o_natural_é_político, o_profesor_de_vegliota, o_xardín_das_pedras_flotantes, palabras_brancas, raúl_dans, ramiro_fonte, reversos, roberto_salgueiro, teresa_moure, unha_primavera_para_aldara, xabier_docampo, xurxo_sierra
Publicado en Ensaio, Narrativa, Noticias, Poesía, Premios | Leave a Comment »
Marzo 5, 2009
Mañá, 6 de marzo, ás 20:00 horas, na Sala Isaac Díaz Pardo da Facultade de Veterinaria de Lugo, inaugúrase a exposición itinerante «Vermellas», proxecto multidisciplinar do que forma parte o libro Ámote vermella de Claudio R.Fer, ilustrado pola pintora Sara Lamas.
Etiquetas:ámote_vermella, claudio_rodríguez_fer, sara_lamas, vermellas
Publicado en Noticias, Poesía, Presentacións | 1 Comment »
Febreiro 24, 2009
Hoxe, 24 de febreiro, celébrase o 172 aniversario do nacemento en Santiago de Compostela de Rosalía de Castro. Dende os inicios de Xerais, a nosa escritora primeira sempre tivo unha importante presenza no noso catálogo. O primeiro título foi en 1982 a Poesía completa en galego, en edición do profesor Benito Varela Jácome, actualmente descatalogada despois de ser reimpresa en múltiples ocasións. Coa creación da Biblioteca das Letras Galegas, nesa colección publicamos en 1990 os dous poemarios en galego de Rosalía, Cantares gallegos en edición de Xavier R. Baixeras (actualmente na décima edición) e Follas Novas en edición de Marina Mayoral e Ana Blanca Roig (hoxe na oita edición). En 2003 o estudoso rosaliano Anxo Angueira editou Rosalía de Castro. Antoloxía, libro cedé, prologado por X.L. Méndez Ferrín, ilustrado con cadros da pintura galego do XIX e organizado arredor de sete ámbitos temáticos:
Así en «Terras de Rosalía», incluíronse os poemas centrados na paisaxe e nas terras que máis e máis intensas páxinas encheron na obra da autora. «Santos, campás e pecados» é o título que pretende recoller un conxunto de poemas certamente variados pero que, dalgún xeito, remiten ao feito relixioso, formal ou intimamente, e en moitos deles á transgresión dos seus preceptos. En «Festas e fames» danse cabida a outro dos aspectos emblemáticos da obra da nosa autora que tamén cadra cun dos ideoloxemas do Rexurdimento: o compromiso social cos miserábeis. Logo, incluíronse dúas elexías, a célebre dedicada a Sir John Moore e a menos coñecida dedicada a Inés de Castro e a Luís de Camões, na que a nosa autora se desenvolve á perfección manexando os respectivos trasfondos líricos, históricos e políticos. En «Sombras e soidades» ilústrase a voz poética rosaliana máis intimista, máis espida, e por veces dramaticamente esgazada e estarrecente, senlleira na poesía europea decimonónica. En »Verba de muller» recóllense uns cantos poemas nos que a autora pon os ollos na situación especialmente dependente da muller no plano socio-político e mesmo no literario. Por último, en »Pola dignidade nacional», antológanse un conxunto de poemas nos que a nosa autora denuncia a situación social de miseria e emigración que padece Galicia acompañada, por veces, do canto nacional no que non faltan as críticas á situación política de desleixo e dependencia con respecto a España.
O catálogo de Xerais inclúe varios libros de estudos rosalianos: Páxinas sobre Rosalía de Castro (1957-2004) no que inclúe o corpus dos traballos rosalianos do profesor Xesús Alonso Montero e Rosalia 21, o recente volume colectivo, coordinado por Anxo Angueira, que actualiza a figura fundacional da literatura e da nación galega á luz de novas claves interpretativas e desde novos modelos estéticos. Ademais, Xosé Antón Neira Cruz preparou en 1997 Así viviu Rosalía, a primeira biografía ficcionada da nosa autora dirixida ao público máis novo.
Etiquetas:anxo_angueira, así_viviu_rosalía, benito_varela_jácome, cantares_gallegos, ferrín, follas_novas, marina_mayoral, páxinas_sobre_rosalía_de_castro, rosalía_21, rosalía_de_castro, xabier.r_baixeras, xesús_alonso_montero, xosé_antón_neira_cruz
Publicado en Autores, BLG, Fóra_de_colección, Noticias, Poesía | Leave a Comment »
Febreiro 23, 2009
Con motivo das actividades do Día de Rosalía (172 aniversario do seu nacemento) aparece, Rosalía 21, libro colectivo de ensaios que forma parte dun proxecto multisoporte, «Rosalía 21», que pretende reler a figura fundacional da literatura e da nación galega á luz de novas claves interpretativas e desde novos modelos estéticos. Un proxecto concibido co principal obxectivo de revisar e reivindicar, desde unha lectura contemporánea, a figura da nosa autora primeira.
O proxecto «Rosalía 21», promovido pola Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural e coordinado por Anxo Angueira, ten tres principais realizacións, as tres complementarias: un espectáculo audiovisual baseado na imaxe e na palabra, na poesía e na música; un disco coas gravacións base dese espectáculo e o presente libro. Os tres soportes participaron coordinadamente dun repertorio temático común que tiñan que ver con nove grandes eixos temáticos: a terra, a casa, a emigración, a muller, a sombra, os miserábeis, a revolución, a alborada e Rosalía poeta nacional.
No presente libro, para cada apartado propúxoselle a unha persoa a realización dun ensaio. Así Victoria Álvarez Ruíz de Ojeda realizou dúas achegas biográficas; María López Sández aborda “Rosalía e a paisaxe galega”; Iria Sobrino Freire analiza “Os prólogos a Cantares Gallegos e Follas Novas, manifestos por unha cultura da resistencia”; Nancy Pérez Rey estuda “Rosalía de Castro e a emigración. A poeta e Cuba”; Xabier Cordal Fustes revisa as estratexias políticas da autora no traballo “Rosalía de Castro: un método para a liberación”; Daniel Salgado é autor de “Corazón de aceiro: cinco notas sobre o político en Rosalía de Castro”; María do Cebreiro escribe sobre “Rosalía de Castro ou a produción do infinito”; Iago Castro Buerguer fala de “Rosalía de Castro: transgresión e feminismo”; María Reimóndez estuda as traducións e recepción de Rosalía fóra de Galicia; e, por último, Anxo Angueira, editor do volume escribe o traballo “Algunhas visións de Rosalía de Castro”, onde se intenta ofrecer unha sucinta visión das consideracións que historicamente se fixeron de Rosalía, como escritora e icona. O libro inclúe, ademais, unha viaxe fotográfica preparada por Uqui Permui, que tamén se ocupou do deseño e maquetación do libro. As traducións foron realizadas por Xabier Xil Xardón (español), María Reimóndez (inglés) e Emma Lázare e Denise Peyroche (francés).
A edición do libro Rosalía 21 foi presentada hoxe xunto ao espectáculo audiovisual e poético que se celebrará o xoves, 26 de febreiro, ás 21:00 horas no teatro Pirncipal de Santiago.
Etiquetas:anxo_angueira, rosalía_21, rosalía_de_castro
Publicado en Ensaio, Noticias, Poesía | 3 Comments »
Febreiro 22, 2009
Héitor Mera publicou no «Faro da Cultura» do 19 de febreiro unha crítica de Amor amén, o primeiro poemario de Iolanda Zúñiga. reproducimos o texto:
Xa nos sorprendera Iolanda Zúñiga coas súas Vidas pos-it pola contención lingüística e fondura de miras literarias. Non é este un poemario que teña moito que ver coa súa anterior publicación, pero serve para decatármonos que en Zúñiga comeza a albiscarse a confirmación dunha boa autora e moi, moi competente poetisa.
Vexo este poemario como dous lóstregos intensos que percorren cada unha das partes das que se compón. Dúas visións do amor que se dan nunha persoa, pero que cambian radicalmente a visión, as prioridades e as vivencias do namorado.
A primeira parte sería «Despois da Fantasía. Ti», onde o amor tórnase submiso, paifoco e alienante para o eu lírico, unha muller que é consciente da parvada que está cometendo someténdose da maneira perante outra persoa. O cotián, abafamente cotián, é unha secuencia de situacións innanes que se aparentan significativas na vida desta muller namorada ou aparvada polo feito de estar cun compañeiro que ás veces non exerce como tal. Hai frustración e reflexión. Os versos percorren rapidamente a lectura en asíndetos, polisíndetos e anáforas vertixinosas, boa presentación da ansiedade e desesperación recoñecida no sentir da incauta.
A segunda parte do poemario é a da autoafirmación persoal. «Logo do combate. Eu» deixa ás claras cal é a evolución. Da submisión ao compromiso persoal, non egoísmo, senón presentación dunha persoa que procura nela as necesidades para Vivir, sen necesidade de escravitudes innencesarias e case que inventadas.
Recomendamos este poemario de Iolanda Zúñiga por ser quen de transmitir sentimentos e vivencias con claridade, así como polo gran calidade lírica e técnica que demostra con metáforas sensibles e imaxes posuidoras dun gran poder emocional.
A poesía é un xénero no que tes que comunicar. Con contención, espremmendo cada verba, verquendo moitas das túas teimas e sentimentos, chegando ao lector para converterse nesa ferramenta para a reflexión necesaria no día a día. Con Zúñiga atopámonos diante de verdadeira poesía.
Etiquetas:amor_amén, faro_da_cultura, heitor_mera, iolanda_zúñiga
Publicado en Críticas, Poesía, Xerais_nos_medios | Leave a Comment »
Febreiro 13, 2009
Acaban de chegar da imprenta os primeiros exemplares do novo poemario de Claudio Rodríguez Fer, Ámote vermella. O poemario, ilustrado pola pintora Sara Lamas, forma parte do proxecto da exposición «Vermellas», dedicadas ás mulleres represalidas, organizada pola Universidade de Santiago e que será inaugurada no Campus de Lugo o vindeiro mes de marzo. A presentación do poemario realizarase coincidindo coa exposición.
Con Ámote vermella, o poeta Claudio Rodríguez Fer conclúe a súa triloxía poética sobre a memoria histórica iniciada con Lugo blues e proseguida con A loita continúa (Xerais 2004). Este poemario elexíaco, ilustrado pola pintora Sara Lamas, está organizado en tres partes: I. “No corazón da besta”; II. “Na besta do corazón” e III. “Memoria contra a morte”. Na primeira parte, a máis extensa do libro o poeta e a pintora homenaxean a todas as mulleres vítimas da barbarie do 36, esquecidas entre os esquecidos. Así recupérase a memoria e o rostro das mulleres libertarias asasinadas en Galicia, como Josefa Barreiro González, nai humilde ou Dolores Blanco Montes, a voz das conserveiras e atadeiras do Morrazo. Outrosí faise con Juana Capdevielle, secuestrada tras ser fusilado o seu marido, Francisco Pérez Carballo, gobernador republicano da Coruña, e asasinada e enterrada en Rábade o 18 de agosto de 1936. Elexía pronunciada na lembranza de Amada García, fusilada en Ferrol o 27 de xaneiro de 1938, tras despedirse do seu pai, do seu marido e do seu fillo, acabado de nacer. Homenaxe que se estende ás mestras represaliadas (como María Vázquez Suárez, Mercedes Romero Abella ou a ourensá Erundina Álvarez Pérez), ás matronas republicanas, ás decenas de mulleres descoñecidas que agocharon a fuxidos e pagaron coa súa vida por isto ou a todas as mulleres que tolearon de dor durante aqueles anos da represión. Na segunda e terceira parte, o poeta homenaxea as súas voces filiais máis queridas. Ámote vermella é un berro emocionante contra o exterminio atroz daquelas vidas desfeitas, contra o esquecemento inxusto e o silencio cómplice no que se mantivo a estas vítimas do fascismo, ao tempo que cosntitúe un chamado en solidariedade con todas as comunidades do mundo que padecesen calquera ditadura do terror.
Etiquetas:ámote_vermella, claudio_rodríguez_fer, sara_lamas
Publicado en Noticias, Poesía | Leave a Comment »
Xaneiro 15, 2009
Entre as recomendacións de novidades literarias do número de hoxe do suplemento «Revista das letras» de Galicia de hoxe hai tres da editorial: Conexión Tubinga, a novela finalista do Premio Xerais 2008 de Alberto Canal; O Globo de Shakespeare, a novela gañadora do Premio Terra de Melide 2008 de Jaureguizar; e Amor amén, o primeiro poemario de Iolanda Zúñiga.
Etiquetas:alberto_canal, amor_amén, conexión_tubinga, galicia_hoxe, iolanda_zúñiga, jaureguizar, novela, o_globo_de_shakespeare, revista_das_letras
Publicado en Narrativa, Poesía, Xerais_nos_medios | Leave a Comment »
Xaneiro 8, 2009
A escritora Rosa Aneiros comenta Amor amén, o poemario de Iolanda Zúñiga, no Xornal de Galicia.
O aninovo tráenos un resaibo amargo polas cifras contundentes de 2008. Por un lado un descenso notorio no número de vítimas de tráfico que anima pero non consola ante tantas gabias cheas de cruces e flores. Polo outro, o número de mulleres vítimas da violencia machista. Rematábamos o ano con máis de 70 mortas, unha cifra moi similar á de anos anteriores, o que evidencia que a Lei Integral da Violencia de Xénero non brinda aínda protección suficiente para quen sofre os envites do desamor. E aínda hai que repetir que non, que o amor non é iso, non é posesión, non é o que ti queiras. Non é guindar ao outro pola fiestra, nin segarlle o pescozo cun coitelo, nin esganala mentres os fillos dormen do outro lado do pladur. O amor é un contrato con moitas cláusulas pero ningunha ruptura, sexa cal for, leva como condena a palabra morte. De submisións, de suicidas, de feridas lacerantes, de fracturas, de vítimas e verdugos por mor do regueiro de odio que deixa tras si o desamor fala o poemario Amor amén de Iolanda Zúñiga. Cóntanos sen pudor o que doen as falsas promesas: “prometeras hipotecarte comigo, vacacións en benidorm en parella, carros carrefour ateigados de futuro, citröen familiar, comunidade con piscina, colexio concertado con certo cheiro a clase media-alta e discreto pudor cara ás orixes”.
Pero, logo dos soños, vén a vida e cómpre abrir chaves e portas antes de que o tempo borre o sorriso e faga do despeito, xustificación. Antes de que, namentres todos ollan cara a outro lado, outra muller morta engrose a apertura dos telexornais.Rosa Aneiros
Etiquetas:amor_amén, iolanda_zúñiga, poemario, rosa_aneiros, xornal_de_galicia
Publicado en Críticas, Poesía, Xerais_nos_medios | Leave a Comment »