Aconsellamos o interesantísimo debate publicado nas páxinas de Xornal de Galicia que protagonizan as escritoras Marilar Aleixandre, María Reimóndez e Marta Dacosta.
Posts Tagged ‘marilar_aleixandre’
Literatura e muller
Xuño 21, 2009“A expedición do Pacífico” no Club de Lectura de Gálix
Xuño 2, 2009Organizado polo Club de Lectura Tendendo Redes de Gálix, mañá mércores, 3 de xuño, entre as 17:00 e as 19:00 horas, nas instalacións do Consello da Cultura Galega en Santiago terá lugar a primeira sesión de traballo arredor d’ A expedición do Pacífico a novela coa que Marilar Aleixandre obtivera o Premio Merlín en 1994. O día 16 de xuño, Marilar participará nunha sesión cos membros do Club para abordar o proceso de creación da novela e outros detalles.
«A Cabeza de Medusa», crítica en «Protexta»
Abril 8, 2009Belén Puñal publica en Protexta 09 unha crítica d’ A Cabeza de Medusa, a novela de Marilar Aleixandre gañadora do premio Fundación Caixa Galicia de Literatura xuvenil.
«A cabeza de Medusa», crítica en «Culturas»
Marzo 30, 2009Ramón Nicolás publicou no suplemento «Culturas« de La Voz de Galicia do pasado sábado unha crítica d’ A cabeza de Medusa, a novela de Marilar Aleixandre, premio Fundación Caixa Galicia de literatura xuvenil.
Finalistas premios AELG2008
Marzo 18, 2009Déronse a coñecer hoxe as obras finalistas dos premios AELG as mellores obras literarias do pasado ano 2008. En case todas as categorías son numerosas as obras editadas pola editorial. Os membros da AELG poderán emitir o seu voto ata o 5 de maio.
Literatura infanto-xuvenil (Aelg-Gálix):
1. A Cabeza de Medusa, Marilar Aleixandre
2. Caderno de animalista, Antón Fortes Torres
3. Fume, Antón Fortes Torres
4. O libro das viaxes imaxinarias, Xabier P. DoCampo
5. PAlAbrAs brAncAs, Elvira Riveiro
Poesía:
1. A melancolía dos corpos, Xulio López Valcárcel
2. Acendede as almenaras: cántigas de amor, de amigo e de escarnio, Bernardino Graña
3. Amor Amén, Iolanda Zúñiga
4. Construcións, Eduardo Estévez
5. Cultivos transxénicos, Carlos Negro
6. Hordas de escritura, Chus Pato
7. Látego de algas, Antón Reixa
8. Libro de Alicia, Olalla Cociña
9. Migracións. Rafa Villar
10. Non son de aquí, María do Cebreiro
11. O xeito de Freud, Carlos Lema
12. Reversos: días adiados, Ramiro Fonte
Teatro:
1. Fume / Insomnio, Rubén Ruibal Armesto e Carlos Losada Galiñáns
2. Historia da chuvia que cae todos os días, Roberto Salgueiro
3. Nachtmahr, Raúl Dans
4. Unha primavera para Aldara, Teresa Moure
Ensaio:
1. Anti Natura, María Xosé Queizán
2. Caderno de notas, Jenaro Marinhas del Valle
3. Fendas abertas: seis ensaios sobre a cuestión nacional, Carlos Taibo
4. Fin de século en Palestina, Miguel Anxo Murado
5. Historia de Ourense, Marcos Valcárcel
6. Miro Casabella e a nova canción galega, Xan Fraga
7. O espírito da letra. Nove achegas filosóficas a textos literarios, Luís G. Soto
8. O natural é político, Teresa Moure
9. Por unha Galiza liberada e novos ensaios, Xosé Manuel Beiras
Tradución:
1. A conxura dos necios (John Kennedy Toole), Eva María Almazán García
2. As flores do mal (Charles Baudelaire), Gonzalo Navaza
3. Cantos e fragmentos (Safo), Raúl Gómez Pato
4. O xiro postal (Sembène Ousmane), María Isabel García Fernández
5. Un home na escuridade (Paul Auster), Eva María Almazán García
Narrativa:
1. A choiva do mundo, Xosé Manuel Pacho Blanco
2. A verdade como mal menor, X. Luís Martínez Pereiro
3. Costa Norte/ZFK, Xurxo Borrazás
4. Festina lente, Marcos S. Calveiro
5. Memoria de cidades sen luz, Inma López Silva
6. O libro das viaxes imaxinarias, Xabier P. DoCampo
7. O profesor de vegliota, Manuel Veiga
8. O xardín das pedras flotantes, Manuel Lourenzo
9. Os nomes do traidor, Xurxo Sierra Veloso
10. Shakespeare destilado, Xesús Constela
«A Cabeza de Medusa» seleccionada para a exposición The White Ravens 2009
Marzo 18, 2009Dende 1996 a Internationale Jugend Bibliothek de München selecciona, de entre os milleiros de libros publicados cada ano, 250 libros infantiles e xuveniles en 32 idiomas e de 47 países para organizar a exposición The White Ravens que cada ano se inaugura na Fiera del Libro per Ragazzi de Bologna. Esta exposición acompáñase coa edición dun catálogo, en lingua inglesa, que contén as información bibliográficas e reseñas dos libros seleccionados.
A Cabeza de Medusa de Marilar Aleixandre, Premio Fundación Caixa Galicia 2008, foi unha das obras galegas seleccionadas este ano para participar no The White Ravens 2009. Os nosos parabéns a Marilar por tan importante recoñecemento internacional.
Actualización (19-03-2009): a noticia nos medios impresos, La Voz de Galicia, Faro de Vigo, Galicia hoxe, La Opinión da Coruña.
«A Cabeza de Medusa», crítica no «Cartafol»
Decembro 22, 2008Manuel Rodríguez Alonso publica unha crítica no Cartafol de libros da novela de Marilar Aleixandre A Cabeza de Medusa, gañadora do premio Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil.
A historia da violación das dúas rapazas aparece, como xa dixemos, desenvolvida ao xeito dunha reportaxe e ata con certo didactismo e ensinanza moral que desbota tópicos machistas, que seguen a estar presentes nun tema tan doloroso como é sempre unha violación. Neste sentido a autora deu no albo. Mesmo parece oportuno e non resulta postizo o didactismo. Son un acerto as citas que preceden cada capítulo e que inscriben a violación dentro dunha tradición cultural machista e cruel, sen excluír o noso impresentable Pondal, neste aspecto, por moi autor que fose do himno galego e fundador da escola formalista e non sei cantas cousas máis.
O bo ton da novela mantense en partes, como é o caso da violación en si mesma ou o abandono das rapazas de noite en descampado. Así mesmo no referente á denuncia, rumores machistas, volta á clase despois da violación ou ás presións que os pais do violador exercen sobre Sofía e os seus pais para que retiren a denuncia. A reportaxe e mesmo o didactismo encaixan perfectamente dentro da trama. Son apropiadas tamén as dúbidas que ten Lupe e que a fan retirar a denuncia.
Xerais no Culturgal, actos do sábado e domingo
Decembro 5, 2008Xerais está presente en Culturgal no estand nº 45. Durante o sábado, 6, e o domingo 7 de decembro, organizamos as seguintes actividades:
- Sábado, 6 ás 18,00 horas no stand de Xerais:
Firma de exemplares de O xardín das pedras flotantes de Manuel Lourenzo González (Premio Xerais de Novela, 2008), A Cabeza de Medusa de Marilar Aleixandre (Premio Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil, 2008) e Xenaro e o misterio da mochila verde de Mar Guerra (Premio Merlín de Literatura Infantil, 2008)
- Sábado, 6 ás 19,00 horas no stand de Xerais:
Firma de exemplares de A venus de cristal de Chelo Suárez
e As mellores intencións de Begoña Paz.
- Sábado, 6 ás 20,00 horas no espazo de presentacións:
Presentación de A corpo aberto de Manuel Rivas.
Participarán: Manuel Rivas e Manuel Bragado
- Domingo, 7 ás 18,00 horas no stand de Xerais:
Firma de exemplares de Guía dos camiños do Eume de Chano Eiroa, Festina lente de Marcos Calveiro e Limpeza de sangue de Rubén Ruibal, (Premio Nacional de Literatura Dramática, 2007).
«A Cabeza de Medusa», presentación en Vigo
Novembro 27, 2008Mañá, venres 29 de novembro, ás 20:00 horas na Fundación Caixa Galicia de Vigo presentarase A Cabeza de Medusa, a novela de Marilar Aleixandre, gañadora do Premio Fundación Caixa Galicia de Literatura xuvenil 2008. No acto, acompañarán á autora Marta Dacosta, Gloria Rodríguez e Manuel Bragado.
Entrevista aos tres premiados nos Xerais 2008
Novembro 23, 2008Camilo Franco publica en La Voz de Galicia unha entrevista cos tres premiados nos Xerais 2008, Mar Guerra, gañadora do Premio Merlín de literatura infantil, Marilar Aleixandre do Premio Fundación Caixa Galicia de literatura xuvenil e Manuel Lourenzo González do Premio Xerais de novela. Recollemos algúns dos parágrafos do texto:
Os tres consideran que os premios seguen sendo imprescindibles e que a motivación principal é «conseguir que a historia chegue aos lectores», como explica Mar Guerra, autora de Xenaro e ou misterio da mochila verde. Lourenzo apunta na conversa que «hai un efecto de reforzo para o traballo do escritor cando un xurado escolle un libro seu». Para Marilar Alexandre, autora d’ A cabeza de Medusa, «esa escolla significa que alguén gustou do texto, por máis que sabemos que con outro xurado ou resultado podería ser outro».
Os tres son gañadores de premios a libros inéditos, pero preferirían que houbese máis galardóns á obra publicada. Asegura Lourenzo González que «é máis gratificante o premio ao que non preséntache, pero tamén é certo que neste tipo de convocatorias hai vicios de funcionamento que invalidan en parte a súa función». Para Mar Guerra, os premios a libros publicados deberían darse «en condicións de laboratorio para evitar as suspicacias e que a súa referencia sexa válida».
Os tres gañadores dos Premios Xerais 2008 presentarán as súas obras a vindeira semana: Manuel Lourenzo González, o luns 24 en Pontevedra; Mar Guerra, o mércores 26 na Libraría Arenas da Coruña e Marilar Aleixandre, o venres 28 na Fundación Caixa Galicia de Vigo. Todos os actos comezarán as 20:00 horas.
«A Cabeza de Medusa», crítica en Culturagalega.org
Novembro 17, 2008Isabel Soto ven de publicar no Lg3 de Culturagalega.org unha crítica de A Cabeza de Medusa de Marilar Aleixandre, premio Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil, 2008. Recollemos un fragmento:
Con esta obra galardoada co Premio Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil, a autora introdúcese nun tema pouco ou nada tratado na LIX galega cal é a violación. Un conflito extraído da realidade, enfocado dende a psicoloxía adolescente que ten ante si un universo de interrogantes, dúbidas e adversidades que acontecen no seu contorno. A construción formal da narración ofrece unha intelixente estrutura e a narración compleméntase coa introdución de elementos informativos, fundamentais para o desenvolvemento e os verdadeiros intereses da historia, que inciden na violación social que sucede á física, cun amplo retrato das diferentes presións ás que están sometidas as rapazas, obrigadas a mastigar o acontecido e a superar un complicado camiño de obstáculos.
Marilar Aleixandre, entrevistada por «A Nosa Terra»
Novembro 15, 2008Lara Rozados entrevista a Marilar Aleixandre, autora d’ A Cabeza de Medusa, Premio Fundación Caixa Galicia de literatura xuvenil, na edición desta semana d’ A Nosa Terra. Recollemos varios parágrafos:
A novela comeza “O día en que ía ser violada…” anticipando xa a base do conflito, pero despois vai moito máis alá do que se presenta como o drama inicial.
As verdadeiras aventuras son as que parten dun conflito: xa o fixen noutras novelas como A banda sen futuro, Rúa Carbón… Foi unha decisión moi consciente: non me interesaba centrar a novela na violación física, na máis obvia, que acontece ao comezo de todo. O que está por baixo é a contraposición entre a visión do patriarcado e a visión feminista dun conflito, e desta última tamén participan homes. Non quixen tampouco que fose maniquea, senón que na novela os rapaces tivesen tamén esa actitude feminista. O caso é que non é posíbel unha visión neutra: ou pensas que as mulleres “están en disposición de ser usadas”, como di a sentenza da Audiencia Provincial de Pontevedra, ou que teñen os mesmos dereitos cós homes, non existe neutralidade posíbel.
As protagonistas da novela, de feito, son dúas rapazas moi loitadoras. Faltan referentes xa non femininos, senón feministas, na literatura xuvenil?
Máis que as rapazas, é a profesora que discute na clase sobre as Metamorfoses de Ovidio: por que as mulleres violadas eran convertidas en oso, en xabarín, en porco, e Neptuno, Xúpiter e demais quedaban impunes? Ela suscita esa reflexión, achega un novo xeito de interpretar o mundo. Eu noto un cambio: eu son profesora na Universidade, e comprobei que nos últimos tempos están a cambiar as cousas. Pero acontece, tanto na narrativa como nos libros de texto, ás veces van por detrás da realidade.
«A Cabeza de Medusa», presentación en Compostela
Outubro 28, 2008Mañá mércores, 29 de outubro, ás 18:30 horas, presentarase A Cabeza de Medusa, a novela de Marilar Aleixandre, obra gañadora da IIIª edición do Premio Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil. No acto, que se realizará na Biblioteca da Fundación Caixa Galicia (Frei Rosendo Salvado, 14-16) de Santiago de Compostela, participarán a autora, Xavier Senín, Manuel Bragado e Verónica Rego.
Unha festa de disfraces acaba de madrugada nun camiño afastado onde Sofía e Lupe son violadas. Durante os días que seguen descubrirán que, como a Medusa, moitos non se atreven a miralas en fite. Son elas quen deben avergoñarse? Iso non ocorrería se non levasen minisaia? É mellor non denunciar, non procurar complicacións? Inspirada no mito de Medusa, castigada despois de ser violada a levar serpes por cabeleira. Dende a mesma noite da agresión vai comezar para as dúas mozas o pedregoso camiño da busca da xustiza. Debateranse entre sucumbir e cargar coa lousa que algúns queren pousar sobre elas ou aferrarse a aqueles que as alentan a seguir na procura da propia dignidade e do dereito a superar o sucedido. Narrada en terceira persoa, A Cabeza de Medusa, a novela de Marilar Aleixandre, gañadora do Premio Fundación Caixa Galicia de literatura xuvenil 2008, conxuga a descrición, a narración e o diálogo, así como o xénero xornalístico, para conseguir, en palabras do xurado, “unha prosa áxil e dinámica que avanza con maxistral fluidez dende o comezo en que se coñece o acontecemento que desata a trama, ata a última páxina en que se resolve”. A amplificación social da violación e tamén a procura dos amor(ot)es ventureiros, o papel do amor e a amizade na resistencia ao medo e á vergoña son temas abordados nesta magnífica novela con valentía, claridade e tenrura.
“A cabeza de Medusa” de Marilar Aleixandre, adianto
Xuño 10, 2008Xa se pode ler o capítulo 9, que leva por título “Mordendo as uñas”, d’ A cabeza de Medusa de Marilar Aleixandre, novela gañadora do III Premio Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil.
Entrevistas en culturagalega.org cos premiados nos Xerais 2008
Xuño 9, 2008Moito agradecemos os documentos sonoros que publica hoxe culturagalega.org. Poden escoitarse as tres entrevistas cos autores premiados nos Xerais 2008.
Premios Xerais 2008, primeiras entrevistas
Xuño 9, 2008Aparecen as primeiras entrevistas cos gañadores dos premios Xerais 2008.
- Manuel Lourenzo: “Temos que acabar co complexo de inferioridade do galego” (Faro de Vigo); “Unha novela sobre ‘amores adolescentes’ e con dúas escritas” (La Voz de Galicia); “A causalidade ineludible” (Galicia Hoxe); “O mundo cambiou para un mundo que non é literatura; é moi complicado gañar lectores” (Vieiros); “Se o Xerais tivese a mesma dotación doutros anos, presentaríame igual” (La Voz de Galicia); “As miñas novelas longas son como conxuntos de relatos breves” (Praza das letras); “Fago literatura sen concesións para un lector intelixente” (El País).
- Marilar Aleixandre: “Personaxes ficticios e circunstancias naciadas do real” (La Voz de Galicia); “É importante crear un mundo no que a xente nova poida refuxiarse” (Faro de Vigo); “Os mozos galegos si que len” (Galicia Hoxe); “Hai xente que non quere chamarlle ás cousas polo seu nome” (La Voz de Galicia).
- Mar Guerra: “Un rapaz ‘sabichón’ e que xoga coas palabras (La Voz de Galicia); “Ser distinto non é ser estrano, é ser especial” (Faro de Vigo); “Un relato sobre os valores esquecidos” (Galicia Hoxe); “Non todas as aventuras de rapaces teñen que ter magos” (La Voz de Galicia),
“A cabeza de Medusa”, premio Fundación Caixa Galicia 2008
Xuño 8, 2008O xurado da 3ª edición do Premio Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil dotado con 10.000 euros, formado por: Isabel Bilbao Freire (responsable de acción externa da Fundación Caixagalicia), Xabier Senín Fernández (profesor e tradutor), Andrea Maceiras Lafuente (estudante de Filoloxía), Antonio Piñeiro Rodríguez (estudante de 3º da ESO, CEIP Alfonso VII de Caldas de Reis), Einés Monteagudo Vilavedra (estudante de 3º da ESO do IES de Ames) e Xosé Manuel Moó Pedrosa (editor), en representación de Xerais, con voz e sen voto, entre as vinte e oito obras participantes, declarou finalistas as presentadas baixo os lemas: “Eu son ti”, “O derradeiro inverno” e “Tusitala”.
Despois da súa última deliberación, acordou por unanimidade declarar como gañadora a presentada baixo o lema “Eu son ti” que, despois de aberta a plica, resultou ser de Marilar Aleixandre e corresponde ao título A cabeza de Medusa.
A novela gañadora do Premio Fundación Caixa Galicia 2008 arrinca con enorme contundencia: “O venres en que ía ser violada amenceu bochornoso”. Esta é unha obra que dende o principio nos sitúa de cheo e sen ambaxes na historia de Sofía, unha estudante de bacharelato que, xunto coa súa amiga Lupe, vai ser violada por un descoñecido ao saír dunha festa de Entroido. Violada, como as mulleres dos mitos clásicos que estudan na clase de Latín; como Medusa, a máis fermosa das Górgonas, forzada por Neptuno polo simple feito de ser bela. E se na mitoloxía a deusa Minerva, no canto de castigar o violador, castiga a Medusa transformándolle a cabeleira nun niño de serpes e condenándoa a converter en pedra a quen a mire, Sofía e Lupe tamén sentirán o castigo desa parte da sociedade que pensa que “as rapazas en minisaia están pedindo a berros que as violen”.
Dende a mesma noite da agresión vai comezar para as dúas mozas o pedregoso camiño da busca da xustiza. Debateranse entre sucumbir e cargar coa lousa que algúns queren pousar sobre elas ou aferrarse a aqueles que as alentan a seguir na procura da propia dignidade e do dereito a superar o sucedido. Narrada en terceira persoa, A cabeza de Medusa conxuga a descrición, a narración e o diálogo, así como o xénero xornalístico, para conseguir, en palabras do xurado, “unha prosa áxil e dinámica que avanza con maxistral fluidez dende o comezo en que se coñece o acontecemento que desata a trama, ata a última páxina en que se resolve”. Os personaxes, en maior medida adolescentes, cun papel significativo no desenvolvemento da acción, son tratados cunha elaborada caracterización que os identifica coa mocidade actual, o cal lle imprime verosimilitude á narración. A verosimilitude verase tamén apoiada por unha localización espacial concreta. A amizade, a solidariedade e a esperanza enchen as páxinas dunha obra comprometida que aborda con rigor e coñecemento un tema difícil, o da violencia, neste caso sexual, exercida contra as mulleres. Un tema que cómpre abordar coa valentía, a claridade e a tenrura con que se aborda nesta obra.
Marilar Aleixandre declarou, no momento de recibir o premio Fundación Caixa Galicia, que “Este libro fala de como vencer ao medo e á vergoña. Crese que é valente quen mata un tigre, mais eu considero que fai falta moito máis valor para enfrontar a vergoña e o medo. Escribir é entrar nun diálogo con outros, con outras. Con quen escribiu antes ca nós, con quen agora len e pode que escriban máis tarde. A cabeza de Medusa dialoga co poeta latino Ovidio, con quen convivín varios anos mentres escribía Mudanzas. Aínda que ás veces eu lle leve a contraria, foi Ovidio quen me ensinou que Medusa, antes de ser unha terríbel cabeza con serpes por cabelos, foi unha rapaza fermosísima, e que a súa transformación era un castigo por ser violada”.
Continuou a gañadora do Premio Fundación Caixa Galicia dicindo que “esta novela non transcorre nos tempos mitolóxicos (aínda que nela aparecen sandalias aladas e ollos en empréstimo), senón nos nosos. Dialoga tamén coas mulleres que, logo de seren violadas (ou maltratadas) fisicamente, son violadas socialmente por segunda vez. Como a Medusa, ninguén as mira aos ollos por medo a converterse en pedra, por medo a compartir a súa vergoña. Como Medusa, que se converteu nun poderoso talismán, Sofía, a protagonista da novela, négase a comportarse como unha vítima, a agocharse, a calar. Neste proceso de vencer ao medo e á vergoña, o amor xoga un importante papel. O amor, simbolizado na novela polos amorotes ventureiros (á fin, ‘amorote’ debe derivar dun cruzamento entre ‘amor’ e ‘ámote’). Eu estou segura: Perseo namorouse de Medusa”. Marilar Aleixandre rematou a súa intervención expresando que “esta novela tamén é un diálogo cunhas rapazas, alumnas dun instituto onde eu ensinaba, que foron violadas primeiro fisicamente, despois simbolicamente. É unha historia que levei dentro durante moito tempo, sabendo que a escribiría algún día”.
Manuel Lourenzo, Marilar Aleixandre e Mar Guerra, Premios Xerais 2008
Xuño 8, 2008Na illa de San Simón, no concello de Redondela, o sábado, 7 de xuño, ditamináronse a XXVª edición do Premio Xerais de Novela, dotado con 25.000 euros, a XXIIIª edición do Premio Merlín de Literatura Infantil, dotado con 10.000 euros, e a IIIª edición do Premio Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil, dotado con 10.000 euros.
Esta festa literaria consistiu nun acto literario-musical, celebrado no Edificio Multiusos da illa de San Simón, ao que seguiu unha cea ao aire libre nos xardíns da illa. Á velada asistiron máis de trescentas persoas dos diversos ámbitos da sociedade galega, entre os que se atopaba Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega; Luís Bará, director xeral de Creación e Promoción Cultural da Consellaría de Cultura de Deporte; Carme Adán, secretaria xeral de Igualdade; Xabier Méndez, director xerente da Fundación Illa de San Simón, o concelleiro de cultura do concello de Redondela; o presidente da Federación de Libreiros de Galicia, Xaime Corral; representantes do mundo da política e un importante número de escritores, editores, libreiros e colaboradores da editorial.
No acto, presentado por Celia Torres, directora de promoción da editorial e coordinadora dos premios, participou Tino Baz, o cantautor miñoto, que interpretou ao comezo o tema “Volvín á terra pero perdín o amor”, sobre un poema de Bernardino Graña (presente no acto e moi aplaudido polos asistentes) e rematou con “Romance da Maruxa…In memorian”.
Despois da actuación de Baz e intervención de Carlos G. Reigosa, que actuou como mantedor literario, déronse a coñecer os fallos dos xurados. A gañadora da XXIIIº edición do Premio Merlín de literatura infantil foi a xornalista madrileña Mar Guerra Cid pola súa novela Xenaro e o misterio da mochilota verde, presentada baixo o lema “… Cómpre botar unhas palabriñas máxicas”. Marilar Aleixandre foi a gañadora do IIIº Premio Fundación Caixa Galicia de literatura xuvenil pola súa novela A cabeza de Medusa, presentada baixo o lema “Eu son ti”. O XXVº Premio Xerais de novela foi para Manuel Lourenzo González pola novela O Xardín das Pedras Flotantes, presentada baixo o pseudónimo “Manalva” e o lema “Flora da xunqueira”.
Pechou o acto Manuel Bragado, director da editorial, que valorou a traxectoria dos premios ao longo as súas vinte e cinco edicións, o que considerou unha mostra da madurez do sistema literario galego e da novela como xénero privilexiado polas lectoras galegas. Por último agradeceu a axuda proporcionada pola Fundación Illa de San Simón, a Consellaría de Cultura e Deporte, a conellaría de Cultura do Concello de Redondela, a Fundación Caixa Galicia e Ámbito Cultural El Corte Inglés, entidades que apoiaron a celebración destes premios.
Recollemos as primeiras referencias sobre o fallo dos premios aparecidas hoxe domingo na prensa electrónica:
- Faro de Vigo: “Xerais premia a Manuel Lourenzo, Marilar Aleixandre e Mar Guerra”.
- La Voz de Galicia: “Manuel Lourenzo gaña o Xerais cunha novela de amor”.
- La Opinión A Coruña: “Manuel Lourenzo obtiene el Xerais con ‘O Xardín das pedras flotantes'”.
- El País Galicia: Lourenzo González gana el Xerais con una historia de amor adolescente”.
- El Correo Gallego: “Manuel Lourenzo, premiado co Xerais de Novela”.
- Galicia hoxe: “O talento recoñecido”.
- El Progreso: “Manuel Lourenzo, Marilar Aleixandre e Mar Guerra, Premios Xerais”.
- Europa Press: “Los escritores Manuel Lourenzo, Marilar Aleixandre y Mar Guerra reciben los premios Xerais de literatura 2008”.
- Vieiros: “Manuel Lourenzo, Premio Xerais de Novela 2008”.
- A Nosa Terra: “Manuel Lourenzo gaña o Xerais de Novela”.
- Chuza: “Manuel Lourenzo gaña o Xerais de Novela 2008”.
- Praza das letras: “Manuel Lourenzo González, Premio Xerais 08”
- Gznación: “Manuel Lourenzo, Marilar Aleixandre e Mar Guerra fanse cos premios xerais 2008”.
- Xornal.com: “Manuel Lourenzo gañou o Xerais con ‘O Xardín das Pedras Flotantes'”.
- MundoGaliza: “Premio Xerais de Novela 2008”.