Archive for Febreiro 2009

«Aire negro», edición definitiva

Febreiro 27, 2009

Chega estes días ás librarías como novidade unha nova edición de Aire negro de Agustín Fernández Paz. Aire negro, unha das máis loadas novelas do actual premio nacional de literatura infantil, é unha intensa e desacougante historia de amor, narrada cun uso maxistral do suspense e da intriga, que mantén a tensión ata a liña derradeira. A presente edición, a décimo terceira, foi completamente revisada e actualizada polo autor, renovándose ademais coa nova portada preparada por Antonio Seijas.

xg00015702Cando o doutor Moldes comeza a traballar nunha clínica psiquiátirca, ten como primeira paciente a Laura Novo, unha muller coa memoria borrada, que pasa o día enteiro escribindo de xeito compulsivo o seu nome, aferrada a el coma se fose o único resto dalgún ignorado naufraxio. O doutor conseguirá que Laura volva recordar todo o que lle sucedeu nos meses anteriores, cando unha escura sombra parecía ameazar a súa vida. Ningún dos dous podía adiviñar que, deste xeito, estábanlle abrindo a prta a unha realidade terrible que os deixaría marcados para sempre. Aire negro mestura os elementos dos xéneros fantástico e de terror para construír un thriller absorbente.

Advertisements

Xerais en Facebook

Febreiro 26, 2009

facebook_xeraisDende onte Xerais está en Facebook.

Xerais, novidades de marzo

Febreiro 25, 2009

Capa NarrativaNo vindeiro mes de marzo Xerais publicara unha ducia de novidades.

No eido da edición literaria, na colección Xerais Narrativa aparecerán a novela Peaxes de Santiago Lopo e o libro de relatos Para seguir bailando de Francisco X. Fenrández Naval.

En Xerais Crónica publicaranse as Conversas con Celso Emilio Ferreiro preparadas por Ramón Nicolás Rodríguez.

Na serie Letras Galegas a novela de Daniel Ameixeiro Ramón Piñeiro. Os días ocultos.

En Xerais Manuais aparecerá Do orixinal ao libro. Manual de edición técnica de Juan Blanco Valdés.

Capa o sombreiro chichiriteiro .inddNesta entrada editorial da nova primavera particular importancia terá a edición infantil na que se publicará, dentro da colección Xerais Merlín  O sombreiro Chichiriteiro, o primeiro libro infantil de Manuel Rivas, ilustrado por Patricia Castelao.

Así mesmo, na renovada serie Merliño aparecerán catro novos títulos, encadernados en tapa dura: Pinga de chuvia de Ánxela Gracián, ilustrado por David Díaz Trigo; O arco da vella de Charo Pita, ilustrado por Xosé Tomás;  Dona Landra no río revolto de Alberto Varela Ferreiro e Baldrás, o xigante en Vilapedra, libro cedé de Iolanda Eiras, ilustrado por Francisco Bueno.

Por último, na serie de libros ilustrados publicarase Cabalos de vento, curros de pedra, froito da colaboración creativa entre o fotógrafo Xavier Teniente e o pintor Xosé Guillermo, recentemente falecido; e na de materiais didácticos Lingua e Literatura Galegas. probas de Selectividade 2009.

Rosalía de Castro en Xerais

Febreiro 24, 2009

rosalia_de_castroHoxe, 24 de febreiro, celébrase o 172 aniversario do nacemento en Santiago de Compostela de Rosalía de Castro. Dende os inicios de Xerais, a nosa escritora primeira sempre tivo unha importante presenza no noso catálogo. O primeiro título foi en 1982 a Poesía completa en galego, en edición do profesor Benito Varela Jácome, actualmente descatalogada despois de ser reimpresa en múltiples ocasións. Coa creación da Biblioteca das Letras Galegas, nesa colección publicamos en 1990 os dous poemarios en galego de Rosalía, Cantares gallegos en edición de Xavier R. Baixeras (actualmente na décima edición) e Follas Novas en edición de Marina Mayoral e Ana Blanca Roig (hoxe na oita edición). En 2003 o estudoso rosaliano Anxo Angueira editou Rosalía de Castro. Antoloxía, libro cedé, prologado por X.L. Méndez Ferrín, ilustrado con cadros da pintura galego do XIX e organizado arredor de sete ámbitos temáticos:

xg00085201Así en «Terras de Rosalía», incluíronse os poemas centrados na paisaxe e nas terras que máis e máis intensas páxinas encheron na obra da autora. «Santos, campás e pecados» é o título que pretende recoller un conxunto de poemas certamente variados pero que, dalgún xeito, remiten ao feito relixioso, formal ou intimamente, e en moitos deles á transgresión dos seus preceptos. En «Festas e fames» danse cabida a outro dos aspectos emblemáticos da obra da nosa autora que tamén cadra cun dos ideoloxemas do Rexurdimento: o compromiso social cos miserábeis. Logo, incluíronse dúas elexías, a célebre dedicada a Sir John Moore e a menos coñecida dedicada a Inés de Castro e a Luís de Camões, na que a nosa autora se desenvolve á perfección manexando os respectivos trasfondos líricos, históricos e políticos. En «Sombras e soidades» ilústrase a voz poética rosaliana máis intimista, máis espida, e por veces dramaticamente esgazada e estarrecente, senlleira na poesía europea decimonónica. En »Verba de muller» recóllense uns cantos poemas nos que a autora pon os ollos na situación especialmente dependente da muller no plano socio-político e mesmo no literario. Por último, en »Pola dignidade nacional», antológanse un conxunto de poemas nos que a nosa autora denuncia a situación social de miseria e emigración que padece Galicia acompañada, por veces, do canto nacional no que non faltan as críticas á situación política de desleixo e dependencia con respecto a España.

cvxg112201O catálogo de Xerais inclúe varios libros de estudos rosalianos: Páxinas sobre Rosalía de Castro (1957-2004) no que inclúe o corpus dos traballos rosalianos do profesor Xesús Alonso Montero e Rosalia 21, o recente volume colectivo, coordinado por Anxo Angueira, que actualiza a figura fundacional da literatura e da nación galega á luz de novas claves interpretativas e desde novos modelos estéticos. Ademais, Xosé Antón Neira Cruz preparou en 1997 Así viviu Rosalía, a primeira biografía ficcionada da nosa autora dirixida ao público máis novo.

«Rosalía 21»

Febreiro 23, 2009

Con motivo das actividades do Día de Rosalía (172 aniversario do seu nacemento) aparece, Rosalía 21, libro colectivo de ensaios que forma parte dun proxecto multisoporte, «Rosalía 21», que pretende reler a figura fundacional da literatura e da nación galega á luz de novas claves interpretativas e desde novos modelos estéticos. Un proxecto concibido co principal obxectivo de revisar e reivindicar, desde unha lectura contemporánea, a figura da nosa autora primeira.

rosalia-capa.inddO proxecto «Rosalía 21», promovido pola Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural e coordinado por Anxo Angueira, ten tres principais realizacións, as tres complementarias: un espectáculo audiovisual baseado na imaxe e na palabra, na poesía e na música; un disco coas gravacións base dese espectáculo e o presente libro. Os tres soportes participaron coordinadamente dun repertorio temático común que tiñan que ver con nove grandes eixos temáticos: a terra, a casa, a emigración, a muller, a sombra, os miserábeis, a revolución, a alborada e Rosalía poeta nacional.

No presente libro, para cada apartado propúxoselle a unha persoa a realización dun ensaio. Así Victoria Álvarez Ruíz de Ojeda realizou dúas achegas biográficas; María López Sández aborda “Rosalía e a paisaxe galega”; Iria Sobrino Freire analiza “Os prólogos a Cantares Gallegos e Follas Novas, manifestos por unha cultura da resistencia”; Nancy Pérez Rey estuda “Rosalía de Castro e a emigración. A poeta e Cuba”; Xabier Cordal Fustes revisa as estratexias políticas da autora no traballo “Rosalía de Castro: un método para a liberación”; Daniel Salgado  é autor de “Corazón de aceiro: cinco notas sobre o político en Rosalía de Castro”; María do Cebreiro escribe sobre “Rosalía de Castro ou a produción do infinito”; Iago Castro Buerguer fala de “Rosalía de Castro: transgresión e feminismo”; María Reimóndez estuda as traducións e recepción de Rosalía fóra de Galicia; e, por último, Anxo Angueira, editor do volume escribe o traballo “Algunhas visións de Rosalía de Castro”, onde se intenta ofrecer unha sucinta visión das consideracións que historicamente se fixeron de Rosalía, como escritora e icona. O libro inclúe, ademais, unha viaxe fotográfica preparada por Uqui Permui, que tamén se ocupou do deseño e maquetación do libro. As traducións foron realizadas por Xabier Xil Xardón (español), María Reimóndez (inglés) e Emma Lázare e Denise Peyroche (francés).

gp39f03507041_224682A edición do libro Rosalía 21 foi presentada hoxe xunto ao espectáculo audiovisual e poético que se celebrará o xoves, 26 de febreiro, ás 21:00 horas no teatro Pirncipal de Santiago.

«De boa tinta. repertorio bibliográfico de e sobre Lorenzo Varela»

Febreiro 23, 2009

Acaban de chegar do prelo os primeiros exemplares do libro de José Ángel García López, De boa tinta. repertorio bibliográfico de e sobre Lorenzo Varela.

Capa UniversitariaEste libro, preparado polo profesor José Ángel García López, ten un dobre obxectivo: por unha banda, reflicte o estado actual dos estudos relacionados con Lorenzo Varela e pretende ser unha ferramenta útil para os presentes e futuros analistas da súa obra. Así mesmo, é unha homenaxe á memoria deste intelectual ao cumprirse trinta anos do seu pasamento. Unha homenaxe que subscriben todos e cada un dos autores citados neste libro, moitos dos cales elaboraron as súas contribucións en circunstancias para a expresión e a difusión da literatura na nosa lingua menos propicias cás actuais.

Co desexo de que a herdanza moral e literaria do poeta de Monterroso se espalle no espazo e no tempo, publícase este traballo bibliográfico como mostra do compromiso da Comisión de Homenaxe a Lorenzo Varela e de Xerais co estudo e coa divulgación da biografía e da obra do autor homenaxeado no Día das Letras Galegas do ano 2005.

«A corpo aberto», critica en «Faro da Cultura»

Febreiro 22, 2009

Pilar Ponte publicou no «Faro da Cultura« de 19 de febreiro unha crítica sobre A corpo aberto, o máis recente libro de xornalismo literario de Manuel Rivas. Reproducimos o texto:

xg00161001A última obra de Manuel Rivas, A corpo aberto, é unha recompilación de artigos publicados no xornal El País e na revista Integral onde o autor expresa o seu xeito de ver o mundo dende un posicionamento «Indie», libre, crítico e militante. O escritor a corpo aberto, cédelles a propia voz a aqueles que desde a súa perspectiva defenden as causas xustas: o ecoloxismo, a memoria histórica, a liberdade, a visibilidade da muller, a honradez política ou o respecto á vida animal, entre outras.

A primeira parte está dedicada á análise da «España do Último Día», a da crispación da era Aznar. Aquí convertémonos en periferia, o centro é Madrid e atopamos os temas que nos poderia ofrecer calquera analista político do reino, pero peneirado pola visión literaria de Rivas, tan lonxe do copy / paste ao que nos ten tan afeitos a prensa actual. Botamos de menos aquí algunha cita a pé de páxina explicando quen é quen, un elemento textual que axudaría a manter a vixencia da obra pasado certo tempo.

A segunda parte, titulada «Amnesia retrógada», céntrase na denuncia da desmemoria histórica, tanto na Guerra Civil, como na posguerra e na ditadura franquista, así como tamén na arxentina a través do caso da familia Oesterheld.

A terceira parte está dedicada á revolución do mar, aquí somos centro, e o autor máis ca ninguén, convertido en cronista e protagonista. Reivindica así a traxectoria do movemento cívico galego na aventura d’ O Xurelo, no desastre do Prestige, no nacemento de Nunca Máis e na ocupación das Encrobas.

Na última parte, «Re-existencias», o autor abandónase máis á forza da literatura e atopamos algúns dos mellores textos da obra: «O ganso salvaxe e o cazador acazapado», «As formas dos tesouros», «A ópera das ras» ou «A felicidade clandestina».

Manuel Rivas é un autor de lectura varia e ben aproveitada, isto é, un erudito, que se afasta da linguaxe xornalística común polos vieiros da literatura. Gusta de compartir o que le e sempre se lle agradece a lealdade coa cita textual, aínda que por exceso poida chegar mesmo á cita da cita.

Cómpre felicitar a Vicente Curtis polas fotos da cuberta e contracuberta que resumen os contidos básicos da obra (ecoloxismo, memoria, dor e literatura) e onde por estar, ata está a arañeira literaria de Virginia Wolf. E ollamos as fotos da obra, pucas, moi poucas, mais as xustas. Son as fotos das tres familias: a do sangue (a do autor), a da solidariedade (a das catro fillas de Elsa e HGO) e a do compromiso (a familia d’ O Xurelo, os tripulantes dunha noz de esperanza no medio do Atlántico).

E leo e desleo «O ganso salvaxe» e volvo crer nos tesouros, neses que as mans escrtioras deixan por aí, «camufladas«, para nos agasallar coa felicidade clandestina. Pilar Ponte.

«Amor amén», no «Faro da Cultura»

Febreiro 22, 2009

Héitor Mera publicou no «Faro da Cultura» do 19 de febreiro unha crítica de Amor amén, o primeiro poemario de Iolanda Zúñiga. reproducimos o texto:

xg00161501Xa nos sorprendera Iolanda Zúñiga coas súas Vidas pos-it pola contención lingüística e fondura de miras literarias. Non é este un poemario que teña moito que ver coa súa anterior publicación, pero serve para decatármonos que en Zúñiga comeza a albiscarse a confirmación dunha boa autora e moi, moi competente poetisa.

Vexo este poemario como dous lóstregos intensos que percorren cada unha das partes das que se compón. Dúas visións do amor que se dan nunha persoa, pero que cambian radicalmente a visión, as prioridades e as vivencias do namorado.

A primeira parte sería «Despois da Fantasía. Ti», onde o amor tórnase submiso, paifoco e alienante para o eu lírico, unha muller que é consciente da parvada que está cometendo someténdose da maneira perante outra persoa. O cotián, abafamente cotián, é unha secuencia de situacións innanes que se aparentan significativas na vida desta muller namorada ou aparvada polo feito de estar cun compañeiro que ás veces non exerce como tal. Hai frustración e reflexión. Os versos percorren rapidamente a lectura en asíndetos, polisíndetos e anáforas vertixinosas, boa presentación da ansiedade e desesperación recoñecida no sentir da incauta.

A segunda parte do poemario é a da autoafirmación persoal. «Logo do combate. Eu» deixa ás claras cal é a evolución. Da submisión ao compromiso persoal, non egoísmo, senón presentación dunha persoa que procura nela as necesidades para Vivir, sen necesidade de escravitudes innencesarias e case que inventadas.

Recomendamos este poemario de Iolanda Zúñiga por ser quen de transmitir sentimentos e vivencias con claridade, así como polo gran calidade lírica e técnica que demostra con metáforas sensibles e imaxes posuidoras dun gran poder emocional.

A poesía é un xénero no que tes que comunicar. Con contención, espremmendo cada verba, verquendo moitas das túas teimas e sentimentos, chegando ao lector para converterse nesa ferramenta para a reflexión necesaria no día a día. Con Zúñiga atopámonos diante de verdadeira poesía.

«Mariquiña, a carteira andoriña»

Febreiro 21, 2009

María Navarro publica no «Faro da Cultura» do 19 de febreiro unha crítica sobre Mariquiña a carteira andoriña, o libro de Mau e Pin, primeiro título da colección «Polo correo do vento». Reproducimos o texto:

formato paxina imparDa man de Edicións Xerais de Galicia chega Mariquiña a andoriña, unha carteira ben singular que percorre Galica entregándolles correspondencia a outros iguais. A pega, o paporroibo, a pomba, a bubela ou o galo son algúns dos destinatarios das súas cartas a Tui, Vigo, Pontevedra, Ferrol, Lugo ou O Corurel, os lugares aos que se despraza a andoriña para cumprir co desexo do emisor de que a súa mensaxe sexa ben recibida. Son mensaxes de seres queridos que dalgunha forma alegran a vida ao seren compartidas cos demais, así Amador, o paxaro pescador, recibe carta do seu irmán Xaquín dende Pequín; da mesma fora que Piruco, o cuco, é convidado a unha papadela, ou Lalo, o urogalo, recibe unha canción do seu sobriño Paspallás, o gaiteiro que fai música co seu peteiro.

O interese do libro, con textos concisos e que dende o punto de vista plástico combina ilustracións e fotografía radica no conxunto e nas partes. A análise da globalidade lévanos a percibir a historia coma unha homenaxe ao colectivo de emisarios. de modo particular asistimos dende a perspectiva pedagóxica ao tratamento dunha ampla vareidade de campos: mundo dos paxaros, puntos xeográficos estratéxicos, referencias á riqueza natural do País, alusións ao noso patrimonio cultural e mesmo incursións nas tradicións, acompañados en todo momento por sinxelas rimas, estruturas reiterativas que aseguran recepción, sintaxe recurrente e vocabulario apropiado á idades dos destinatarios.

Ao final do libro adican, o autor Mau e o ilustrador PIn, unhas páxinas á práctica individual e colectiva. Recóllense aquí variadas cuestións acerca da propia historia, un vocabulario de personaxes que interveñan no percorrido e un apartado no que baixo o título «Que aprendiches?», se invita a traballar a comprensión do texto e relacionalo con coñecementos previos de xeografía, bioloxía, literatura ou historia, nunhas ocasións co formato de pregunta curta, noutras con respostas opcionais e noutras máis lúdicas como a sopa de letras. Remata o apartado cun coñecido poema de Manuel María, musicado por Suso Vaamonde, e unha actividade plástica de colorear, e cóbrense así as posibildiades que presentan o texto e os denuxos, importante para o desenvolvemento cognitivo e psicolóxico do neno. María Navarro.

«Os materiais curriculares en Galicia»

Febreiro 20, 2009

Chega ás librarías durante estes días de entroido  Os materiais curriculares en Galicia, a investigación de Xesús Rodríguez Rodríguez,  profesor da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago.

xg00136301Os materias curriculares en Galicia é froito dunha investigación do profesor Xesús Rodríguez Rodríguez que nos achega á percepción que o profesorado de Galicia manifesta sobre os libros de texto e materiais curriculares impresos que foron elaborados para empregar na súa práctica docente; é, ademais, un achegamento á opinión do profesorado para dar a coñecer as súas valoracións acerca dos recursos e materiais que foron pensados para o seu uso. Qué grao de coñecemento posúe o profesorado dos materiais que foron elaborados para axudalo na súa actividade docente?, Que funcionalidade presentan?, Qué tipo de materiais se empregan habitualmente?, Cales son as principais necesidades de recursos e de formación que sinala o profesorado?, Que opinión existe das características que presentan os materiais?, Que tipo de materiais elabora o propio profesorado na escola?

Este libro quere servir de guía e preocupación para reflexionar sobre estas e outras cuestións, tan importantes para o desenvolvemento dunha práctica educativa de calidade. As valoracións e os resultados que aparecen recollidos neste libro constitúen un apoio moi importante para os distintos colectivos que desexen coñecer o que acontece na práctica educativa cos materiais e tamén para as institucións e profesionais que teñen que tomar decisións sobre os mesmos. Este estudo tamén dá a coñecer en que estado se encontra a teoría que se formolou ao redor dos materiais nas Reformas Educativas e comprobar en que medida se reflicte e exerce influxo na práctica.

«Riofero», lectura de X. M. Eyré

Febreiro 19, 2009

O crítico X.M. Eyre publica no seu blog as primeiras impresións da súa lectura de Riofero, a recentísima novela de Xelís de Toro. Reproducimos un fragmento do texto:

xg00139401Míreno, comproben como xa desde o inicio está aí ese ar das grandes novelas norteamericanas de río, de río e de fronteira, Twain e Steinbeck son doadamente visíbeis e tamén nas personaxes. Eu atópolle tamén certos recendos dickesionianos nas personaxes, no tratamento das personaxes. Porén, xa lles digo, non me obseiona isto, tampouco creo que a novela pretrenda ir máis alá, ir esa atmosfera aventureira, fronteiriza, de esculca no  misterio da vida e do ser humano e da cultura, esa atmosfera é moi consciente e a homenaxe ás grandes novelas de aventura tamén. Mais Xelís segue o seu propio camiño. Xa postos, miren, mesmo remitiría á Odisea, aquí non se procura unha volta á casa, non, mais si procurar un sitio no mundo, unha Itaca peroal e cultural. E aínda se podería continuar, mais sob pena de que canto máis sigamos máis nos alonxaremos de Riofero.

Actualización: 20-02-2009

Lean Riofero, recoméndollela vivamente, sexan tan impudorsos como coma Xelís, coma min, síntanse vivos, e limpos…todo isto lévame outra vez á función orgánica da literatura, lembran?, lembren todo…lembrade que todo son símbolos, inclusive vós, e sentirédesvos mellor cando saibades a vosa operatividade, vivídea e gozádea

«O Globo de Shakespeare», presentación en Compostela

Febreiro 19, 2009

ajure2O venres, 20 de febreiro, ás 20:00 horas na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes) de Santiago de Compostela,  Jaureguizar conversará con José María Giráldez sobre O Globo de Shakespeare.

“A Clase” e “Mal de escola” son noticia en “La Voz de Galicia”

Febreiro 19, 2009

La Voz de Galicia publica hoxe, nas páxinas de cultura, “A literatura sobre os conflitos nas aulas é un éxito de vendas en Galicia”.

xg00156301xg00151501 Os libros A clase e Mal de escola esgotan a súa primeira edición só un mes despois de saír publicados.

«Educación para a cidadanía e os profesores»

Febreiro 18, 2009

Miguel Anxo Santos Rego e María do Mar Lorenzo Moledo, profesores ambos os dous da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago, acaban de publicar Educación para a cidadanía e os profesores. Visión e desafío. Este ensaio continúa a novidosa liña de ensaismo pedagóxico iniciada tan exitosamente por eles nas súas obras anteriores publicadas na mesma colección Inmigración e acción educativa en Galicia e Universidade e construción da sociedade civil en Galicia. Esta nova entrega de grande actualidade chegará ás librarías galegas na vindeira semana.

xg00151901A cidadanía plena é o froito da democracia, do mesmo xeito que non hai democracia digna sen fornecer axeitadamente a aprendizaxe e o desenvolvemento cívico de todas as persoas, en especial das máis xóvenes. Aínda que non lle corresponda en exclusiva, a escola e o sistema educativo como un todo están chamados a realizar, co máximo coidado pedagóxico, tan importante cometido social e moral. A recente incorporación ao currículo do noso país dunha materia autónoma co nome de «Educación para a Cidadanía e os Dereitos Humanos» coloca no primeiro plano o importante papel do profesorado nesta dinámica, tamén instructiva, que precisa claridade, calidade e compromiso. Ben sabemos que ningún cambio é posible en educación sen os profesores. Razón de máis para que este libro dos profesores Miguel Anxo Santos Rego e María do Mar Lorenzo Moledo sitúe o seu epicentro na perspectiva coa que os docentes están asumindo un programa de acción educativa con grandes alicerces para os individuos e as comunidades.

Jaureguizar en «El Correo Gallego»

Febreiro 17, 2009

Rober G. Méndez dedica a derradeira páxina de El Correo Gallego a realizar unha semblanza do traballo de Jaureguizar tars a publicación d’ O Globo de Shakespeare.

«A batalla do paraíso triste» en «Galicia hoxe»

Febreiro 17, 2009

gp39f03489271_222925Galicia hoxe publica hoxe unha reportaxe sobre A batalla do paraíso triste, a novela de Xosé Ramón Pena.

«Ramón Piñeiro e a estratexia do galeguismo»

Febreiro 16, 2009

Chegou do prelo o primeiro dos nosos títulos do «Ano Ramón Piñeiro», o libro do profesor Xosé Ramón Rodríguez Polo Ramón Piñeiro e a estratexia do galeguismo (1939-1982). Estará nas librarías a vindeira semana.

xg00157601Ramón Piñeiro e a estratexia do galeguismo de Xosé Ramón Rodríguez Polo aborda a estratexia que elaboraron os galeguistas encamiñada a preparar á sociedade para o escenario –entón incerto– da restauración da democracia. Buscaban unha estratexia de longo prazo que lles permitise despregar unha acción efectiva sobre a opinión pública para contrarrestar a influencia do franquismo e avivar a conciencia da propia identidade. Os galeguistas, liderados por Ramón Piñeiro, inauguraron unha vía alternativa que recuperou para a sociedade os valores e ideais do galeguismo, e construiu para a política un marco de xogo que todos os partidos debían asumir. E desenvolveron unha importante actividade pública no ámbito cultural, porque entendían que a cultura era o factor clave tanto da conciencia identitaria coma da mesma existencia de Galicia como pobo. O seu obxectivo era evitar que o sentimento galego fose instrumentalizado por ningún partido político, para permitir que todos os galegos, á marxe da súas posicións ideolóxicas, puidesen sentirse plenamente integrados.

Xosé Ramón Pena está noite en «Libro Aberto»

Febreiro 15, 2009

Libro Aberto regresa esta tempada cheo de novidadesXosé Ramón Pena será entrevistado esta noite por Manolo Romón no programa «Libro Aberto» de TVG con motivo da publicación da súa novela A batalla do paraiso triste. A entrevista foi gravada no Museo Galego de Arte Contemporánea de Santiago e será emitida na noite do domingo a partir das 1:45 da madrugada. Ademais, no programa, Xavier del Valle Inclán falará de Fendas abertas. Seis ensaios sobre a cuestión nacional de Carlos Taibo. O programa repetirase en G-2 o venres, 20 de febreiro, ás 15:30 horas. Tamén pode verse en internet aquí.

Dez libros para namorar

Febreiro 14, 2009

Jaureguizar entrevistado polo «Diario Cultural»

Febreiro 13, 2009

jaure-320x200jpegJaureguizar, autor d’ O Globo de Shakespeare, foi entrevistado hoxe no «Diario Cultural» da Radio Galega. A entrevista pode escoitarse aquí.

«Transhumantes», un conto inédito de Iolanda Zúñiga en «Luces»

Febreiro 13, 2009

10001967013O suplemento «Luces» de El País Galicia inaugura a súa sección de «Inéditos» con «Transhumantes», un relato de Iolanda Zúñiga, a autora do libro de relatos Vidas pos-it e do recente poemario Amor amén. Os nosos parabéns para Iolanda.

Goretti Sanmartin entrevistada polo «Diario Cultural»

Febreiro 13, 2009

6f9c73c547f6fd1808b1f0b435c35d53a2879771O «Diario Cultural» da Radio Galega entrevistou onte a Goretti Sanmartín con motivo da presentación do seu libro Nos camiños do entusiasmo. Calidade da lingua e planificación. A entrevista pode escoitarse aquí.

«Ámote vermella», novo poemario de Claudio Rodríguez Fer

Febreiro 13, 2009

Acaban de chegar da imprenta os primeiros exemplares do novo poemario de Claudio Rodríguez Fer, Ámote vermella. O poemario, ilustrado pola pintora Sara Lamas, forma parte do proxecto da exposición «Vermellas», dedicadas ás mulleres represalidas, organizada pola Universidade de Santiago e que será inaugurada no Campus de Lugo o vindeiro mes de marzo. A presentación do poemario realizarase coincidindo coa exposición.

xg00159301Con Ámote vermella, o poeta Claudio Rodríguez Fer conclúe a súa triloxía poética sobre a memoria histórica iniciada con Lugo blues e proseguida con A loita continúa (Xerais 2004). Este poemario elexíaco, ilustrado pola pintora Sara Lamas, está organizado en tres partes: I. “No corazón da besta”; II. “Na besta do corazón” e III. “Memoria contra a morte”. Na primeira parte, a máis extensa do libro o poeta e a pintora homenaxean a todas as mulleres vítimas da barbarie do 36, esquecidas entre os esquecidos. Así recupérase a memoria e o rostro das mulleres libertarias asasinadas en Galicia, como Josefa Barreiro González, nai humilde ou Dolores Blanco Montes, a voz das conserveiras e atadeiras do Morrazo. Outrosí faise con Juana Capdevielle, secuestrada tras ser fusilado o seu marido, Francisco Pérez Carballo, gobernador republicano da Coruña, e asasinada e enterrada en Rábade o 18 de agosto de 1936. Elexía pronunciada na lembranza de Amada García, fusilada en Ferrol o 27 de xaneiro de 1938, tras despedirse do seu pai, do seu marido e do seu fillo, acabado de nacer. Homenaxe que se estende ás mestras represaliadas (como María Vázquez Suárez, Mercedes Romero Abella ou a ourensá Erundina Álvarez Pérez), ás matronas republicanas, ás decenas de mulleres descoñecidas que agocharon a fuxidos e pagaron coa súa vida por isto ou a todas as mulleres que tolearon de dor durante aqueles anos da represión. Na segunda e terceira parte, o poeta homenaxea as súas voces filiais máis queridas. Ámote vermella é un berro emocionante contra o exterminio atroz daquelas vidas desfeitas, contra o esquecemento inxusto e o silencio cómplice no que se mantivo a estas vítimas do fascismo, ao tempo que cosntitúe un chamado en solidariedade con todas as comunidades do mundo que padecesen calquera ditadura do terror.

«Flanagan Flash-Back»

Febreiro 12, 2009

90799013Os seguidores da serie protagonizada por Flanagan, o detective adolescente, están de en hora boa. Na última semana de febreiro, coincidindo coa aparición da edición orixinal en catalán, chegará as librarías a tradución galega de Isabel Soto de Flanagan Flash-Back, novela na que Andreu Martín e Jaume Ribera recuperan o personaxe de Clara Longo, a primeira moza do famoso detective. Xerais lev90652213a publicadas dentro da colección «Fóra de Xogo» sete títulos deste serie: Flanagan de luxe (Xerais 1994, 7ª edición), Alfagan é Flanagan (Xerais 1996, 3ª edición), Flanagan Blues Band (Xerais 1996, 2ª edición), Flanagan 007 (Xerais 1998, 2ª edición), Flanagan, só Flanagan (Xerais 2000), Eu tampouco me chamo Flanagan (Xerais 2006) e Flanagan Flash-Back (Xerais 2009).

xg001551011Xusto a primeiros de setembro, coincidindo co cumio de Xefes de Estado que se celebra en Barcelona, uns días antes de que Nines lle prepare a festa do seu dezaoito aniversario, Flanagan sabe polo seu amigo Charche que a policía detivo a Clara Longo, a que fora a súa primeira moza, unha heavi lindísima da que nada sabía dende facía catro anos. A pesar de que os rillotes do Komando Destrutor lle pediran que seguise á profesora Xema Obiols, unha oportunidade estupenda para estrear a súa moto nova de segunda man, Flanagan non poderá evitar buscar o rastro de Clara, que recoñece coma unha das mozas máis importantes da súa biografía sentimental. Movido por estas saudades inexplicables, Flanagan atopará esa pista na tenda de Todo a Un Euro, propiedade de Simón Bericart e Margot Longo, unha tapadeira para vender xoias roubadas. Mais a súa perplexidade aumentará cando coñece que a tía de Clara é asasinada. Flanagan, entón, deberá enfrontarse a resolver un dos seus casos máis complexos e perigosos.

«Quen matou a Inmaculada de Silva?», nova novela de Marina Mayoral

Febreiro 11, 2009

mayoralMarina Mayoral agarda a aparición na colección «Fóra de Xogo» de Quen matou a Inmaculada de Silva?, a súa máis recente novela. Ambientada en Brétema, o  particular territorio literario da autora e protagonizada polos personaxes doutra novela anterior, Quen matou a Inmaculada de Silva? propón unha investigación no pasado familiar coa intención de averiguar o que sucedeu hai trinta anos entre unha rapaza da burguesía vilega e un maquis. A novela estará nas librarías a finais do mes de febreiro.

xg00152501Etelvina de Silva, orfa de nacemento, educada en Madrid dende moi nova polo seu tío Alberte, durante o curso escolar e o verán que pasou en Brétema, na casa das súas tres tías avoas, descubre a súa vocación literaria. Axudada pola súa curmá Catara e por Juancho, un compañeiro do instituto con ansias de artista do que se namora, acometerá unha investigación no seu pasado familiar, que a levará a tratar de averiguar que sucedeu realmente aquela noite na casa familiar da Braña, onde hai tres décadas morreron Antón do Cañote, un fuxido, un loitador sen esperanza, e Inmaculada de Silva, unha antepasada, unha beleza, unha cazadora de primeira, a quen todos din que ela moito imita. Tras esta experiencia, Etel sabe que será escritora, a súa maneira de deixar unha pegada do seu paso polo mundo, ao tempo que se decata de que na literatura como no amor sempre hai cabos soltos.

«O derradeiro irmán», Appanah en galego

Febreiro 10, 2009

appanahXa está no prelo O derradeiro irmán, a novela da narradora de Illa Mauricio Nathacha Appanah. Esta conmovedora novela sobre a amizade, un fenómeno editorial, grazas ao apoio silencioso dos lectores e libreiros, obtivo durante o pasado ano tres dos premios literarios máis importantes de Francia: premio de novela FNAC 2007, premio dos lectores de L’Express 2008 e Premio Cultura e Bibliotecas para Todos 2008. Foi traducida para o galego por Emma Lázare. A novela estará nos andeis das librarías galegas na última semana deste mes de febreiro.

xg00151401Cando David se lle aparece en soños, Raj prende na memoria da súa infancia: os campos verdísimos da illa tropical onde naceu, o arrecendo e o sabor das froitas e das bágoas, o seu pai e a súa violencia tan previsible, a tenrura da súa nai, os dioivos destrutivos e aquel sol abrasador, os seus irmáns desaparecidos na enchente e a instalación da familia preto da cadea onde vivían uns misteriosos refuxiados. O 26 de decembro de 1940, o Atlantic atraca en Port-Louis, con 1.500 xudeus a bordo, rexeitados de Palestina e deportados á illa Mauricio, entón colonia británica. Daquela Raj non sabía moito sobre o mundo, nin tampouco sobre as traxedias que estaban acontecendo. Tiña dez anos. A curiosidade levouno xogar no bosque da cadea onde traballaba o seu pai e desde alí viu a David no patio da cadea. Sabía que deberían ser amigos. Unha novela conmovedora de Nathacha Appanah, que posúe a sonoridade dunha canción triste, onde cada frase pode chegar a emocionar.

O derradeiro irmán está sendo traducida a quince linguas. Ata o momento coñecemos a edición en éuscaro, portugués e italiano que aparecen no mercado nestes primeiros meses do inverno.

O que dixo a crítica francesa:

«Nathacha Appanah vai emocionar até o máis endurecido dos corazóns. Aparece un furacán literario.» L’ Express.

«Unha mestura marabillosa de dozura e simplicidade para narrar toda a miseria e violencia do mundo.» Le Magazine Littéraire

«A súa forza reside na simplicidade do seu estilo e no poder de evocar imaxes.» Le Nouvel Observateur

«Unha novela potente, inspirada nunha historia vergonzosa e pouco coñecida.” Livres Hebdo

«Nos camiños do entusiasmo», presentación

Febreiro 9, 2009

10002821413O vindeiro xoves, 12 de febreiro, ás 20:30 horas na Libraría Pedreira (rúa do Home Santo 55) de Santiago presentarase Nos camiños do entusiasmo. Calidade da lingua e planificación de Goretti Sanmartín.

O acto contará coa participación da autora e de Xosé Manuel Sánchez Rei, Teresa Moure e Manuel Bragado.

xg00079501Nos camiños do entusiasmo. Calidade da lingua e planificación pretende, fundamentalmente, ligar a defensa do idioma galego co emprego dun modelo de lingua culto que incida na recuperación do prestixio e da dignidade que aínda está a precisar para ocupar o espazo que merece como lingua propia deste país. Para iso aborda os problemas máis urxentes da lingua galega na actualidade e realiza un percorrido crítico por dúas ferramentas que puideron ser fundamentais no proceso de normalización: o Plan xeral de normalización da lingua galega e o acordo normativo de xullo de 2003. Desde esta perspectiva xeral, este ensaio de Goretti Sanmartín Rei combina a análise das políticas lingüísticas desenvolvidas nos últimos anos, a revisión de conceptos fundamentais neste ámbito de fonda tradición entre o movemento nacionalista, mais cada vez máis cuestionados socialmente, coa reivindicación de textos e personalidades relevantes da nosa particular tradición sociolingüística, para contribuír coa súa (re)lectura a nos sentirmos elos dunha cadea que debemos transmitir con entusiasmo. Nesta dramática mais esperanzada viaxe a autora contextualiza textos e interpretacións sobre a obra de Manuel García Blanco ou de Ramón Piñeiro e afonda de maneira especial no pensamento de Ramón Vilar Ponte e da súa xeración, nun intento de recuperar algunhas das voces que deseñaron unha necesaria política para a lingua que precisa anovar os discursos e constituír un referente recoñecido tanto social como academicamente.

Agustín Fernández Paz,«Letra E» 2009

Febreiro 7, 2009

agustin_fernandez_paz2Acabamos de saber que Agustín Fernández Paz recibirá en Vilalba no mes de xuño a «Letra E» (O escritor na súa terra) que concede a Asociación de Escritores en Lingua Galega. A decisión foi adoptada na asemblea anual da asociación celebrada esta mañá na que foron reelixidos Cesáreo Sánchez Iglesias como presidente e Antía Otero como vicepresidenta. Os nosos parabéns para Agustín.

6F: o día de X.L. Méndez Ferrín

Febreiro 6, 2009

ferrin_vozA nova da homenaxe que recibirá hoxe venres a partir da 20:00h en Vigo X.L. Méndez Ferrín polo seu septuaxésimo aniversario aparece recollida por varios medios informativos. Pola súa parte, La Voz de Galicia publica unha entrevista ao homenaxeado.

Salientamos os artigos que lle dedican ao escritor nado en Ourense Miguel Anxo Fernán Vello en Galicia Hoxe e Manuel Rivas na súa colaboración semanal no «Luces» da edición galega de El País. Extraemos uns parágrafos deste último:

Hoxe Ferrín recibe unha homenaxe en Vigo, en data que cadra co seu 70 aniversario. A cultura, e non só en Galicia, tende a recrearse na necrofilia. O intre máis glorioso adoita chegar en forma de obituario. Eu teño escrito algúns, mais estou a desenvolver unha especie de alerxia. Talvez o máis respectuoso cando alguén morre é usar o recurso dramático máis expresivo do teatro de Harold Pinter: (pausa). Por iso celebramos moito, dende unha forzada distancia, esta festa arredor dun creador que ten para Galicia a equivalencia da escrita en sílex dos circos concéntricos. Un pobo tamén se define por aquilo que homenaxea. O mellor, a sorte, é que se homenaxea a un creador en acción, a un pensamento ceibe, a un indómito e non a un mito. Homenaxea, e ben di Manuel Outeiriño, ao “poeta cimarrón”.

Ás veces semella que estamos cómodos cos mitos e incómodos cos vivos. A homenaxe a Ferrín suscitou unha corrente inversa. Unha obra gozosa, cooperativa. O libro titulado A semente da nación soñada. É un espazo de man común. Así saíu o libro que editan conxuntamente Sotelo Blanco e Edicións Xerais de Galicia. Ten o xeito dun forno comunal arraiano, eses lugares que nunca pechaban os días crus. Moito alimento, moita calor, moita lembranza criadora, portas que abren outras portas. Poucas loanzas tópicas, e moitas incursións suxestivas, como a que fai Enma Lazaré sobre Ferrín e Brassens, onde oímos borboriñar o trasgo libertario no rexo comunista.

Desta obra emerxe a verdadeira ideoloxía de Ferrín: a do home dispoñíbel co seu pobo, mesmo cando a circunstancia era hostil e indisposta. Eu non fun alumno de Ferrín, nin discípulo, nin compañeiro de partido. Mais lembro moi ben as veces que o vin. No Burgo, denunciando a contaminación da Cross que envelenou a ría coruñesa. En Xove, para parar aquel futurismo terrorífico da central nuclear. En Santiago, aínda afectado por unha doenza, poñendo voz á dignidade galega cando a “marea negra”. Estaba alí, disposto, na intemperie.

Jaureguizar: entrevista no «Luces»

Febreiro 6, 2009

Na sección «Luces» da edición para Galicia deEl País Daniel Salgado realízalle unha entrevista a Jaureguizar centrada na súa última novela O Globo de Shakespeare, gañadora do Premio Terra de Melide 2008. Recollemos un breve fragmento:

jaurealvezP. Para quen escribe?

R. Para o público.

P. E quen é o público?

R. Eu son a Corín Tellado da literatura galega. Non, en serio, escribo para grandes públicos, busco grandes públicos. Temos que ser ambiciosos. Porque na literatura galega existen dous reparos fundamentais que non entendo: un, todos queren ser Méndez Ferrín, un grande intelectual cunha cabeza poderosa e unha prosa estupenda; e dous, non nos facemos respectar.

P. Respectar en que sentido?

R. Neste país hai medios e institucións que a un escritor de Murcia de cuarta fila lle pagan avión, hotel e conferencia mentres o libro galego, nas librarías, está coma os baños: ao fondo á dereita. Veño de pasar por unha do centro de Lugo e no escaparate só estaban as traducións ao español dos libros de Murado.

P. Nunca quedou sen nada que escribir?

R. Non me pasan esas cousas raras que lle pasan á xente, non lle teño medo ao folio en branco, nin me comunico co cosmos nin aparecen pantasmas a visitarme. Escribo tres libros ao ano e os meus libros véndense ben.

Matemáticas ESO e Bacharelato: materiais de apoio descargables

Febreiro 6, 2009

tanxenteXa están dispoñibles na web de Xerais, para seren descargadas por todo o profesorado e alumnado que o precise, as transparencias para traballar na aula os distintos tipos de funcións que se tratan en Matemáticas nos niveis de ESO e Bacharelato: funcións exponenciais e logarítmicas, funcións irracionais, funcións polinómicas, funcións racionais e funcións trigonométricas.

«O natural é político», crítica no «Faro da Cultura»

Febreiro 6, 2009

onaturalfaroMaruxa Gestoso publica no «Faro da Cultura» unha crítica sobre O natural é político, o máis recente ensaio de Teresa Moure.

IIIº Premio teatro radiofónico, finalistas

Febreiro 5, 2009

teatro-radio-320x200As pezas presentadas baixo os lemas «Peter Buckley», «Servizo de Información» e «Xou mas gou on» son as finalistas da terceira edición do Premio “Diario Cultural” de Teatro Radiofónico. Así o decidiu o xurado reunido esta mañá nas instalacións da Radio Galega. O director e actor Cándido Pazó encargarase agora da adaptación das tres obras finalistas que se emitirán en diversos espazos da RG durante o mes de marzo e serán publicadas por Xerais.

«Mal de escola», prepárase a segunda edición

Febreiro 4, 2009

xg00151501Entrou no prelo a segunda edición de Mal de escola, o libro de Daniel Pennac traducido  por Xavier Senín e Isabel Soto. Esta edición de Mal de escola foi un dos títulos en galego mellor acollidos polos lectores durante o pasado Nadal. Esta obra de Pennac, o grande éxito editorial en Francia no ano 2007, situouse, segundo os datos do «Barómetro de lectura» da Federación de Gremios de Editores, entre os dez máis vendidos en España durante o pasado trimestre.

«Conversas con Emilio Pérez Touriño», presentación

Febreiro 3, 2009

38712Numerosos medios fanse eco hoxe da noticia do acto de presentación das Conversas con Emilio Pérez Touriño preparadas por Manuel Lombao para a colección Crónica. El Correo Gallego publica unha crónica e un carrusel de imaxes; outrosí fixeron Galicia hoxe, La Voz de Galicia, Faro de Vigo, El País Galicia, Soitu, La Opinión da Coruña, Xornal de Galicia, Europa PressVieiros, Galiciae. Máis imaxes da presentación poden verse aquí.

«A semente da nación soñada»

Febreiro 2, 2009

ferrin70_web1Transcribimos a información de Galicia hoxe sobre A semente da nación soñada. Homenaxe a X.L. Méndez Ferrín, o libro que será presentado en Vigo o vindeiro venres, 6 de febreiro, a partir das oito da tarde, no auditorio do Centro Social Caixanova, no seo do acto de homenaxe nacional a X.L. Méndez Ferrín. A obra, coeditada por Sotelo Blanco e Xerais chega ás librarías esta semana.

Para celebrar os setenta anos de Xosé Luís Méndez Ferrín e o setenta aniversario da publicación dunha das súas obras máis emblemáticas, Percival e outras historias, sesenta escritores, activistas e intelectuais reuníronse nun libro que, baixo o título A semente da nación soñada, tracexa un percorrido de longo alento sobre as vertentes dun dos homes que marcou de xeito máis decisivo a Literatura e o nacionalismo galegos nas últimas décadas.

O volume, coordinado por unha comisión de homenaxe na que figuraban desde Sotelo Blanco a Antón Dobao, pasando por Anxo Angueira ou Xosé María García Crego, será presentado o próximo venres, seis de febreiro, no Auditorio do Centro Social Caixanova de Vigo. O acto será primeira parte dunha homenaxe que se completa, a partir das dez da noite no Pazo Os Escudos de Alcabre, cunha cea á que está prevista a asistencia de máis de duascentas persoas.

A semente da nación soñada, publicado por Xerais e Sotelo Blanco, a mesma editorial para a que Ferrín dirixe a revista A trabe de ouro, reúne boa parte das persoas que, dalgún xeito, gardan unha estreita relación co escritor. Compañeiros de biografía e de partido –Ferrín é o número un por Pontevedra da Fronte Popular Galega (FPG) nas próximas eleccións autonómicas– especialistas na súa obra, admiradores ou camaradas de institucións como a Academia Galega recompilan recordos, imaxes e poemas para unha obra que é –en palabras dos membros da comisión de homenaxe– «unha mostra de agradecemento e cariño ao amigo Ferrín, que seguindo o ronsel de Murguía e dos que soñaron unha Galicia ceibe e soberana, empeña a súa vida na construción da Nación».

Pero tamén é un tributo ao candidato da Literatura galega ao Nobel, «renovador constante da creación literaria, que desde moi novo anda á caza da olorosa pantera, á caza dun galego radical e puro, descolonizado de castelanismos, que á vez sexa popular e útil para a comuniación da cultura moderna, un idioma válido para todos os galegos e para todos os usos da lingua».

O volúme –de case 600 páxinas– complétase cunha exhaustiva bibliografía que cataloga cronoloxicamente a súa produción literaria, ensaística e científica –realizada por Miguel Anxo Seixas– coa escolla, polo miúdo, dos seus artigos periodísticos, traballo este que desenvolveu Antón Capelán, autor tamén dunha pequena introdución neste apartado.

«Conversas con Emilio Pérez Touriño» en «Galicia hoxe»

Febreiro 2, 2009

xg00164701O xornal Galicia hoxe publica unha páxina na que adianta algúns dos contidos de Conversas con Emilio Pérez Touriño, o libro de Manuel Lombao que será presentado hoxe, luns, 2 de febreiro, ás seis da tarde, no Museo do Pobo Galego de Santiago de Compostela.

Os premios Xerais de novela hoxe en «Libro aberto»

Febreiro 1, 2009

libroaberto_pOs gañadores do premio Xerais de Novela 2008 visitan hoxe «Libro aberto», o programa de literatura da Televisión de Galicia. Na Biblioteca Nacional de Galicia da Cidade da Cultura, será entrevistado o escritor Manuel Lourenzo González, gañador do premio Xerais con O xardín das pedras flotantes.  Tamén será entrevistado Alberto Canal, finalista do premio Xerais coa novela Conexión Tubinga, unha intriga teolóxica que é a estrea literaria do ourensán.  Ademais, na sección de reportaxes falarase da lectura entre os adolescentes co escritor Xabier P. Docampo. Laura Caveiro, na sección de traducións, atenderá a un dos recentes éxitos editoriais, o libro Mal de escola, de Daniel Pennac.

Entrevista a X.L. Méndez Ferrín

Febreiro 1, 2009

2009-02-08_img_2009-02-01_22_28_53_pag2

Foto J. de Arcos

Fernando Franco publica nas páxinas de Faro de Vigo unha longa entrevista con X.L. Méndez Ferrín, con motivo da homenaxe nacional que se lle renderá en Vigo o vindeiro venres, 6 de febreiro, acto no que se presentará, tamén, o libro A semente da nación soñada. Homenaxe a X.L. Méndez Ferrín, coeditado por Sotelo Balnco e Xerais.

Entrevista a Benedicto

Febreiro 1, 2009

f7ce586d76c8f2b19ccbfa8043215c614724dea8

Foto Paco Vilabarrros

Mar Barros entrevista a Benedicto García Villar para as páxinas d’ A Nosa Terra, con motivo da aparición de Sonata de amigos.