Recollemos esta noticia da edición de La Voz de Galicia de Carballo sobre a homenaxe tributado ao escritor Francisco Taxes polo alumnado do IES Terra de Vimianzo:
Un nutrido grupo de profesores del instituto Terra de Vimianzo (me cuenta mi compañera y sin embargo amiga L. Casanegra ) se desplazaron ayer hasta el cementerio parroquial de Cereixo para participar en la ofrenda floral en homenaje a Francisco Taxes , motor del teatro gallego con raíces vimiancesas. La actividad se enmarca en un programa de actividades, organizadas por el departamento de normalización lingüística del centro que dirige Teresa Araújo , con el que se pretendía rendir un homenaje al escritor gallego. Para ello, los escolares se dedicaron durante todo el curso a estudiar la figura del intelectual e, incluso, elaboraron unos grandes paneles informativos que se pueden ver en los pasillos del centro con toda la información sobre la obra de Taxes. Ayer estuvo su hijo, Xurxo Taxes , en el centro en donde mantuvo una animada charla con los alumnos. Por la tarde, los profesores lo acompañaron a la tumba de su padre, en Cereixo, en donde lo recordaron en un emotivo acto.
Os nosos parabéns á comunidade educativa do IES Terra de Vimianzo por este grande traballo que axudará a recuperación da figura, da obra e da memoria literaria do escritor Francisco Taxes.
Se non me chegaba xa coa lectura de Mal de escola, vou a embiburgo pra ver o fantástico filme Entre as paredes, traducido aí embaixo como A clase, e publicado como novela tamén con ese estraño e, ao meu ver, distorsionador nome — editores, pronúnciense, —. Porque nese espazo que construíu a escola moderna (republicana (!) chámanlle os franceses), nada funciona. O filme é devastador: o catálogo de malas prácticas pedagóxicas repásase de principio a fin, e a falta de respecto constante dos mestres cara aos alumnos vai medrando ata que remata da única maneira que pode facelo: o profe chámalles putas ás alumnas e un estudante é expulsado nunha escena tan dantesca que poderían asinar os irmáns Marx, se non fose porque o conto é triste.
Tiña boa razón un dos comentaristas deste blog: a escola é o último espazo moderno nun mundo postmoderno. Pouco mudou a escola dende o tempo que estudaron os nosos pais, agás polas zostregadas nas unllas e demais castigos físicos. E pouco mudará se seguimos a aparvar a perdiz: unha reforma urxente é necesaria, de currículo, de actitudes e de dinámicas, que sitúe os rapaces no centro, e non os profesores… ata de arquitectura dos centros debe mudar, pra axudar a romper ese espazo artificial e absurdo creado entre as paredes. Cesare.
Os estudantes son agora moito peores ca antes –dime un profesor universitario de 31 anos–. O outro día púxenlles ao grupo B un exercicio que fago todos os anos: teñen que preparar unha noticia e locutala como se fose un telexornal, metendo a cabeza por unha tele de cartón. Este ano copiaron en cinco minutos unha nova de internet, e comezaron a lela tal cal. Eu cortei o exercicio de raíz e pasamos a outra cousa.
II
Calquera manual de pedagoxía podería sinalar os erros desa práctica: dende a definición dos obxectivos ata un modelo de aprendizaxe baseado na nota, pasando por construír situacións irreais que conducen a que criaturas, a miúdo batante máis achegadas á realidade cós seus profesores, bordeen ou eludan o absurdo. Se ademais este novo pero experimentado profesor lese Mal de escola, de Daniel Pennac, podería intuír que a culpa do fracaso do exercicio era en boa medida súa.
As renovacións pedagóxicas, as contrarrenovacións, os sindicatos, os políticos, as anpas e os medios de comunicación foron sinalando como causas do fracaso escolar o método, as reformas legais, as infraestruturas, as familias desestruturadas, as vacacións dos profes ou esa violencia da mocidade que tan precisamente describe Pennac. Pero o erro está na falta de amor, como di Pennac, e na falta de autocrítica, que é outra vertente da falta de amor. Mal de escola é poliédrico, embarullado e marabilloso, anque Pennac é fondamente conservador: de aí a súa teima nos alicerces do ensino: a ortografía, a literatura dos séculos pasados (ás veces moi pasados) ou, ata un punto que asusta, a proposición subordinada adverbial concesiva, que a pequena Nathalie, con toda lóxica, non entende. A escola ten que revisar métodos e amores, si, pero tamén contidos, ese pequeno e obsesivo apósito que vai xunto á aprendizaxe de modelos, e sobre o que, estrañamente, avaliamos.
Os materias curriculares en Galicia é froito dunha investigación do profesor Xesús Rodríguez Rodríguez que nos achega á percepción que o profesorado de Galicia manifesta sobre os libros de texto e materiais curriculares impresos que foron elaborados para empregar na súa práctica docente; é, ademais, un achegamento á opinión do profesorado para dar a coñecer as súas valoracións acerca dos recursos e materiais que foron pensados para o seu uso. Qué grao de coñecemento posúe o profesorado dos materiais que foron elaborados para axudalo na súa actividade docente?, Que funcionalidade presentan?, Qué tipo de materiais se empregan habitualmente?, Cales son as principais necesidades de recursos e de formación que sinala o profesorado?, Que opinión existe das características que presentan os materiais?, Que tipo de materiais elabora o propio profesorado na escola?
Este libro quere servir de guía e preocupación para reflexionar sobre estas e outras cuestións, tan importantes para o desenvolvemento dunha práctica educativa de calidade. As valoracións e os resultados que aparecen recollidos neste libro constitúen un apoio moi importante para os distintos colectivos que desexen coñecer o que acontece na práctica educativa cos materiais e tamén para as institucións e profesionais que teñen que tomar decisións sobre os mesmos. Este estudo tamén dá a coñecer en que estado se encontra a teoría que se formolou ao redor dos materiais nas Reformas Educativas e comprobar en que medida se reflicte e exerce influxo na práctica.
O vindeiro 10 de decembro celebrarase no Auditorio do Centro Cultural Caixanova un acto cívico, con motivo do sesenta aniversario da Declaración Universal dos Dereitos Humanos, no que se presentará o libro Educación e Paz III. Literatura Galega pola Paz, coordinado polo recentemente desaparecido Xesús R. Jares.
O acto, que será conducido por Manuel Romón, contará coa participación de Ánxela Bugallo (conselleira de Cultura e Deporte), Abel Caballero (alcalde de Vigo), Manuel Bragado (director de Xerais) e unha representación dos trinta narradores e poetas galegos que participan no volume de Literatura Galega pola Paz. Durante o acto dez alumnos e alumnas dos IES do Castro e de Teis de Vigo lerán o texto da Declaración e os profesores da Escola de Música Tradicional de Vigo, compoñentes da agrupación Son de seu, interpretarán diversas pezas. Este acto, ademais, constituirá a merecida e emotiva lembranza de Xesús R. Jares, fundador de Educadores pola Paz e promotor da triloxía Educación e Paz, editada por Xerais.
Durante o ano 2008 celébrase o 25 aniversario de Educadores pola Paz, grupo que forma parte do movemento de renovación pedagóxica Nova Escola Galega. Para conmemorar esta efeméride, Xesús R. Jares, desaparecido o pasado mes de setembro, impulsou a publicación dunha triloxía, Educación e Paz, coa intención de que recollese as achegas dos homes e mulleres que, ao longo destes anos, veñen traballando arredor dos obxectivos que promove Educadores pola Paz. Con esta intención naceron os tres libros que constitúen o proxecto, deseñado en colaboración con Edicións Xerais de Galicia. Educación e Paz III. Literatura galega pola Paz, que recolle textos narrativos e poéticos de autores e autoras galegos inspirados na cultura da paz. Textos que tanto polo seu valor literario como polo seu contido temático, poidan ser utilizados nas aulas para espallar os obxectivos que defende Educadores pola Paz.
Participan no volume quince narradores (Rosa Aneiros, Ramón Caride, Fina Casalderrey, Francisco Castro, Xabier P. DoCampo, Agustín Fernández Paz, Jaureguizar, Manuel Lourenzo González, Xosé Miranda, Teresa Moure, Xavier Queipo, María Reimóndez, Manuel Rivas, Anxos Sumai e Suso de Toro) e catorce poetas (An Alfaya, Fran Alonso, Celso Álvarez Cáccamo, Marica Campo, Yolanda Castaño, Marta Dacosta, Antonio García Teijeiro, Olga Novo, María Xosé Queizán, Román Raña Lama, Daniel Salgado, Xavier Seoane, Xulio L. Valcárcel e Rafa Villar), aos que se engaden os textos creados polos membros do Obradoiro de Lingua Gianni Rodari, vencellados ao movemento de Educadores pola Paz.
Os dereitos de autor xerados pola venda deste terceiro volume, editado como os anteriores por Edicións Xerais de Galicia, destinaranse, a partes iguais, a Amnistía Internacional-España e a Greenpeace-España.
Este acto de conmemoración da Declaración Universal dos Dereitos Humanos e de presentación de Educación e Paz III. Literatura Galega pola Paz está organizado pola Concellería de Educación do Concello de Vigo, por Educadores pola Paz de Nova Escola Galega e por Xerais, contando coa colaboración da Consellaría de Cultura e Deporte e de Caixanova.
O cartel do acto, así como a portada do libro, foron deseñados por Ángel Cerviño.
Daniel Pennac, na liña narrativa de Coma unha novela (Xerais 1993), aborda en Mal de escola a cuestión da escola e da educación dende o punto de vista dos malos alumnos. O autor, un dos máis celebrados das letras francesas contemporáneas, un pésimo estudante adolescente, estuda esta figura do folclore popular outorgándolle a nobleza que se merece e restituíndolle a carga de angustia e dolor que a acompaña. Mal de escola mestura as testemuñas autobiográficas (como estudante e profesor que exerceu a docencia durante vinte e cinco anos nun instituto de París) con reflexións sobre a pedagoxía e as disfuncións da institución escolar, o papel dos pais e da familia co papel da televisión e dos medios de comunicación actuais, a sede de aprendizaxe coa dor de ser un mal estudante, o sentimento de exclusión do alumno e o amor á ensinanza do profesor. Mal de escola, Premio Renaudot 2007, obra traducida ao galego por Xavier Senín Fernández e Isabel Soto López, é un fenómeno editorial en Francia capaz de reabrir, tamén en Galicia, un gran debate arredor das razóns do fracaso escolar e do estado e do futuro da educación pública.
Onte ao mediodía foi presentado no IES Portovello de Ourense o Manual para coeducar na escola infantil de María Luísa Abad Abad. Este título é a primeira entrega dunha serie de monografías dirixidas á formación do profesorado de Educación Infantil, coeditadas por Xerais e a rede galega de escolas infantís Galescolas, dependentes da Secretaría Xeral de Igualdade. No acto de presentación participaron a autora, o director da editorial e Carme Adán, secretaria xeral de Igualdade.
O Manual para coeducar na escola infantil está organizado en dúas partes ben diferenciadas: unha primeira ensaística (os tres primeiros capítulos) na que se reflexiona sobre a construción da identidade sexual e de xénero, o sexismo na educación e sobre os conceptos de igualdade e coeducación; unha segunda de carácter didáctico (o capítulo cuarto) na que se propón un modelo de intervención coeducativa ao longo de toda a etapa de EI. Nese capítulo central da obra propóñense pautas para a organización dos espazos e da actividade educativa no centro e na aula, así como outras para acadar a imprescindible colaboración das familias nun modelo de coeducación compartida.
Ao longo do vindeiro ano 2009 está previsto que continúe esta serie de monografías con títulos dedicados ao bo trato e ao xogo.
Nos primeiros días de outubro estará nas librarías galegas Mal de escola, a celebrada obra de Daniel Pennac, traducida para a nosa lingua por Xavier Senín Fernández. Mal de escol, Premio Renaudot 2007, constitúe unha magnífica mestura de memorias e de ensaio que aborda tanto os problemas actuais da educación, como as lembranzas do autor tras a súa experiencia como un mal alumno adolescente e como profesor de lingua nun instituto parisino durante vinte e cinco anos.
Daniel Pennac, nunha liña semellante á de Coma unha novela (Xerais 1993), aborda en Mal de escola a cuestión da escola e da educación dende o punto de vista dos malos alumnos. O autor, un dos máis celebrados das letras francesas contemporáneas, un pésimo estudante adolescente, estuda esta figura do folclore popular outorgándolle a nobleza que se merece e restituíndolle a carga de angustia e dolor que a acompaña. Mal de escola mestura as testemuñas autobiográficas (como estudante e profesor que exerceu a docencia durante vinte e cinco anos nun instituto de París) con reflexións sobre a pedagoxía e as disfuncións da institución escolar, o papel dos pais e da familia co papel da televisión e dos medios de comunicación actuais, a sede de aprendizaxe coa dor de ser un mal estudante, o sentimento de exclusión do alumno e o amor á ensinanza do profesor. Mal de escola, Premio Renaudot 2007, é un fenómeno editorial en Francia capaz de reabrir un gran debate arredor das razóns do fracaso escolar e do estado e do futuro da educación pública.
Daniel Pennac lendo un anaco da obra orixinal na televisión francesa.
Esta semana aparece nas librarías O valor do envoltorio. Un estudo sobre a influencia das TICnos centros educativos, preparado polo Grupo Stellae, formado por profesorado da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago e coordinado por Mª Lourdes Montero Mesa.
Este libro está dirixido a todas aquelas persoas que se preguntan como mellorar a educación coa mirada posta nas transformacións das TIC (ordenadores, equipos multimedia de CD-ROM, Internet, televisión dixital, tecnoloxía móbil…), tan omnipresentes en todosos ámbitos da nosa vida cotiá.
A escola enfróntase na actualidade de maneira irreversible, aos retos de incorporación e apropiación das TIC; un dos principais é, sen dúbida, atopar o seu lugar nese proceso en función dos seus propios intereses educativos. Facelo require dun modelo no que teñan acomodo os patróns culturais cos que se socializan a infanciae a mocidade, favorecendo competencias culturais para comprendere utilizar os recursos expresivos das TIC e interpretar os seus discursos en clave sociopolítica. En definitiva, un compromiso cos niveis máis altos para todos os cidadáns no acceso á sociedade do coñecemento.
Hoxe hai máis xente que accede á educación pero, ao tempo, aumenta a disparidade entre aqueles que gozan dunha cualificación suficiente para o mercado de traballo e os que quedan á marxe. O mundo en que vivimos ofrece máis e mellores opcións, pero tamén entraña maiores riscos e incertezas. O fundamental é a capacidade humana para xerar e utilizar o coñecemento de modo eficaz e intelixente sobre unha base en continua transformación. Nada mellor para iso que a educación e formación permanentes. Este libro quere ser así un canto ao valor da aprendizaxe como principio educativo e, de maneira especial, a quen o fai posible: as institucións educativas e o profesorado.
Aquí pode descargarse o decreto que establece a relación de materias optativas de bacharelato, o seu currículum e regula a súa oferta. Como materias optativas de oferta obrigatoria en todas as modalidades de bacharelato aparecen Música (1º), Segunda lingua estranxeira (1º e 2º) e Tecnoloxías da información e comunicación (1º). Como outras optativas a ofertar, sempre que a organización e os recursos do centro o permitan, figuran: “Antropoloxía” (1º), “Ética e filosofía do dereito” (2º), “Filosofía da ciencia e tecnoloxía” (2º), “Métodos estatisticos e numéricos” (2º) e “Xeografía e historia de Galicia” (2º).
Con respecto ao regulamento anterior, desaparecen as materias de “Literatura galega do século XX” e “Introdución ás Ciencias Políticas e Socioloxía”. Así mesmo, pasan de 1º a 2º curso a “Ética e Filosofía do dereito” e os “Métodos estatísticos e numéricos”.
A orde tamén establece a posibilidade de cursar como optativa, unha materia propia de modalidade.
Estas materias optativas terán unha duración de catro horas semanais.
Hoxe saíu publicado no DOG o Decreto de currículum do Bacharelato LOE da Consellaría de Educación. Inclúe os currículums de todas as materias e o regulamento das ensinanzas desta etapa educativa. Pode descargarse en pdf aquí.
La Voz de Galicia publica hoxe unha reportaxe sobre os manuais de Educación pra a cidadanía para 2º de ESO. O autor da reportaxe dedica un despece ao libro editado por Xerais.
Con motivo da presentación de Recordar doe, rdl publica hoxe un monográfico de oito páxinas sobre Herminio Barreiro. Unha longa entrevista con Herminio e textos de Narciso de Gabriel e Lupe Gómez conforman este magnífico suplemento que recomendamos vivamente.
Xesús Jares mandounos a reportaxe fotográfica (preparada por Paco Vilabarros) do Serán pola paz, celebrado o pasado 18 de abril, no que presentamos os dous primeiros volumes de Educación e paz e festaxamos o 25 aniversario da fundación do grupo Educadores pola paz.
Matemáticas e Matemáticas aplicadas ás Ciencias Sociais son os novos manuais para 1º de Bacharelato que presenta Edicións Xerais. Realizados por José María Arias Cabezas e Ildefonso Maza Sáez, recoñecidos profesores de instituto e investigadores da Universidade Autónoma de Madrid, cunha longa traxectoria como autores de libros de texto e materiais divulgativos.
Ambos os dous manuais están estruturados de xeito parello e desenvolven os contidos do currículo de Bacharelato LOE (2008).
Matemáticas consta de 368 páxinas, divididas en 14 temas agrupados en catro bloques:
Bloque I: Aritmética e álxebra (temas 1 e 2)
Bloque II: Xeometría (temas 3 a 7)
Bloque III: Análise (temas 8 a 12)
Bloque IV: Estatística e probabilidade (temas 13 e 14)
Matemáticas aplicadas ás Ciencias Sociais consta de 296 páxinas, divididas en 13 temas agrupados en tres bloques:
Bloque I: Aritmética e álxebra (temas 1 a 5)
Bloque II: Análise (temas 6 a 10)
Bloque III: Estatística e probabilidade (temas 11 e 13)
Cada bloque leva unha introdución aos contidos xerais e unhas «Pinceladas de historia» das matemáticas relacionadas coa teoría desenvolvida nos temas:
Cada tema estrutúrase da seguinte maneira:
DOBRE PÁXINA DE INICIO DO TEMA:
Cada tema iníciase cunha introdución aos contidos ilustrados por unha fotografía. Así mesmo, sempre se sintetiza este apartado mediante un mapa conceptual («Organiza as túas ideas»).
DOBRES PÁXINAS DE CONTIDOS E EXERCICIOS:
Desenvólvense os contidos en dobres páxinas. Cada unha das dobres páxinas é unha sección que comeza con «Pensa e calcula», que son exercicios rápidos de cálculo mental, continúa coa exposición da teoría que contén exemplos resoltos de cada concepto e finaliza cun apartado chamado «Aplica a teoría», onde se propoñen exercicios de aplicación.
AFONDAMENTO: DEMOSTRACIÓNS:
Inclúese este apartado nos temas onde cómpre a demostración en detalle de diversos contidos (teoremas, propiedades, etc.) como ampliación do exposto na teoría.
EXERCICIOS E PROBLEMAS DO FINAL DO TEMA:
Nestas páxinas expóñense exercicios clasificados segundo as epígrafes que encabezan cada sección do tema, tras do que vai un apartado de ampliación e reforzo («Para ampliar»). Ademais, baixo a epígrafe «Problemas» recóllense problemas matemáticos de aplicación, cuxos contidos poden ser reforzados con propostas de exercicios de maior complexidade no apartado «Para profundar».
WIRIS, GEOGEBRA, DERIVE, CABRI, EXCEL, CALC E INTERNET:
Este apartado, que recolle a proposta do currículo de incluír as ferramentas informáticas, cumpre o obxectivo de repasar os contidos do tema empregando un programa informático. A sección distribúese en tres apartados: «Paso a paso» amosa exercicios resoltos coas indicacións para aprender a realizalos. «Así funciona» apunta breves aspectos sobre o funcionamento dos programas. «Practica» é o último apartado onde se expoñen exercicios e problemas para a resolución por parte do alumnado.
Premendo na imaxe que aparece a continuación pódese ver a táboa de contidos de cada un dos libros: Matemáticas aplicadas ás Ciencias Sociais:
Matemáticas:
Acompañando a Proposta Didáctiva vai un CD para o profesorado no que se inclúen os programas informáticos Wiris e GeoGebra por primeira vez en galego.
Esta proposta, con 112 páxinas, presenta 6 bloques de contidos que desenvolven o currículo establecido pola Consellaría de Educación da Xunta de Galicia (2007). Cada bloque está dividido, á súa vez, en diferentes partes, que se corresponden co concepto de unidade didáctica. En total, o libro consta de 21 unidades (7 unidades por trimestre).
O libro presenta a seguinte estrutura:
SUMARIO: cada bloque ábrese cun sumario onde se detallan as unidades que se van desenvolver.
PARA COMEZAR…: neste apartado, que abre cada unha das unidades, inclúense actividades de problematización destinadas a presentar os contidos mediante textos, vídeos, imaxes, formulación de hipóteses… Trabállase coa aprendizaxe previa do alumnado co fin de reflexionar e suscitar problemas.
PARA COMPRENDER: as cuestións formuladas en «Para comezar…» estrutúranse teoricamente neste apartado. Aquí desenvólvense os contidos conceptuais, apoiados e reforzados cos cadros denominados «Informámonos» (con actividades, textos de lectura ou visionado de imaxes) e «Reflexionamos» (con actividades de reflexión e comprensión).
ACTIVIDADES COMPLEMENTARIAS: apartados que pechan cada unidade, onde se ofrecen materiais complementarios e actividades de ampliación.
DVD PARA O PROFESORADO
O libro vai acompañado dun DVD para o profesorado onde se incorpora o material audiovisual (fundamentalmente cortes de filmes) ao que se fai referencia no manual.
Premendo na imaxe que vén deseguido pódese ver o índice de contidos do libro.
Esta proposta, con 120 páxinas, presenta 4 bloques de contidos que desenvolven o currículo establecido pola Consellaría de Educación da Xunta de Galicia (2007). Cada bloque está dividido, á súa vez, en diferentes partes, que se corresponden co concepto de unidade didáctica. En total, o libro consta de 16 unidades (5 unidades por trimestre).
O libro presenta a seguinte estrutura:
SUMARIO: cada bloque ábrese cun sumario onde se detallan as unidades que se van desenvolver.
QUE SABES DE…?: neste apartado, que abre cada unha das unidades, inclúense actividades de problematización destinadas a presentar os contidos mediante textos, vídeos, imaxes, formulación de hipóteses… Trabállase coa aprendizaxe previa do alumnado co fin de reflexionar e suscitar problemas.
PARA COMPRENDER: as cuestións formuladas en «Que sabes de…?» estrutúranse teoricamente neste apartado. Aquí desenvólvense os contidos conceptuais, apoiados e reforzados cos cadros denominados «Informámonos» (con actividades, textos de lectura ou visionado de imaxes) e «Reflexionamos» (con actividades de reflexión e comprensión).
ACTIVIDADES COMPLEMENTARIAS e PARA SABER MÁIS: apartados que pechan cada bloque, onde se ofrecen materiais complementarios e actividades de ampliación.
DVD PARA O PROFESORADO
O libro vai acompañado dun DVD para o profesorado onde se incorpora o material audiovisual (fundamentalmente cortes de filmes) ao que se fai referencia no manual.
Premendo na imaxe que vén deseguido pódese ver o índice de contidos do libro.
En Xerais lingua, poñemos á disposición do profesorado de Bacharelato unha primeira versión, aínda non definitiva, da programación de Lingua e Literatura 1º de Bacharelato de Xerais para o curso 2008-2009, que se pode descargar en formato pdf.
No noso blog de lingua anunciamos hoxe a aparición d’ Os libros de Merlín, os novos libros de lecturas para 3º e 4º de Primaria. Pode obterse información completa sobre as súas características aquí.
Hoxe abrimos a versión beta dun novo blog da editorial: Xerais lingua. Neste novo espazo publicaremos noticias sobre os nosos materiais da área de lingua e literatura galega, tanto de Primaria, ESO como Bacharelato, así como recursos didácticos d einterese para o profesorado da área. As primeiras noticias dan contan das novidades que presentamos estes días ao profesorado de Secundaria: Lingua e literatura galegas 1º de Bacharelato e Lingua e literatura galegas para 2º e 4º de ESO.
Irene Pérez Pintos, profesora de lingua e literatura do IES O Castro de Vigo, preparou Xosé María Álvarez Blázquez. Unidade didácticaun material educativo concibido para unha abordaxe integral nas aulas de ensino secundario da figura homenaxeada este 17 de maio.
A unidade didáctica organízase en seis grandes apartados:
A historia de Xosé María Álvarez Blázquez e de todos nós.
A historia sociolingüística de Xosé María Álvarez e de todos nós.
O amor ás letras nas letras do ADN.
A Xeración do 36.
A obra literaria de Xosé María Álvarez Blázquez.
Escolma de textos.
Cada un dos apartados inclúe textos expositivos e actividades, apoiados por fotografías e pés explicativos.
O venres, 18 de abril, ás 20:00 horas, no seo da celebración do Serán pola paz no Teatro Caixanova de Vigo, serán presentados os dous primeiros volumes da triloxía Educación e paz, coordinada por Xesús R. Jares. No acto, no que intervirán os grupos Abe Rábade Trío e Berrogüetto, ademais de ensaístas e escritores participantes na triloxía, está previsto que asistan preto dun milleiro de persoas.
No primeiro volume, Educación e paz I. 25 anos de Educadores pola paz, da autoría de Xesús R. Jares, recóllese a historia dos 25 anos de funcionamento do grupo Educadores pola Paz de Nova Escola Galega, o primeiro grupo da historia de Galicia de Educación para a Paz e un dos pioneiros no resto de España. O libro recolle a orixe do grupo, os seus obxectivos, as actividades desenvolvidas, as publicacións realizadas, os programas deseñados, as propostas feitas, as ilusións presentes e as esperanzas de futuro. Nesta crónica dos 25 anos de Educadores pola Paz o autor está acompañado por catro colaboracións que falan de outras tantas experiencias de educación para a paz: Xosé Manuel Cid en Ourense, Xosé Manuel Rodríguez desde Santiago, Flora Fondevila das Escolas asociadas á UNESCO e Manuel Blanco do Programa “Vivir xuntos, convivir” de Lugo.
No segundo, Educación e paz II. Presente e futuro da construción da paz, volume coordinado por Xesús R. Jares, recóllense as colaboracións que fixeron uns 40 ensaístas (Gregorio Peces Barba, Carlos Taibo, Xulio Ríos, Vidal Beneyto, Xurxo Torres Santomé…, entre outros) de distintas disciplinas e países agrupadas en tres capítulos: “O mundo no que vivimos e propostas de futuro”; “Escenarios e presupostos de paz” e “O papel da educación para a paz e os dereitos humanos”.
No noso espazo web pode atoparse información sobre a convocatoria dun curso de formación, a través de Internet, dirixido ao profesorado de matemáticas do ensino secundario.
Con este curso, organizado en colaboración co ICE da Autónoma de Madrid, Xerais pretende colaborar na formación do profesorado de matemáticas no emprego de programas informáticos como Wiris (do que Xerais realizou a súa versión en galego este curso), GeoGebra, Excel ou Calc. Os dous titores do curso serán José María Arias Cabeza e Ildefonso Maza Sáez, autores dos nosos materiais curriculares (libros de texto, propostas didácticas e propostas didácticas dixitais) de matemáticas para ESO e Bacharelato.
Coa publicación desta triloxía, Xerais quere sumarse aos camiños da paz dos que nos fala Xesús R. Jares na introdución do primeiro dos volumes da triloxía: “os camiños da paz son sinónimos de compromisos, de accións, de reflexións, de estudos, etc., mais tamén de comunicación, de entrega, de tenrura, de afecto, de amor, de solidariedade, de reciprocidade. Son camiños para compartir e recoñecer, acompañar e estar acompañado. Camiños que veñen de moi lonxe, desde moi diferentes xeografías e espazos socioculturais”.
Ao longo deste SERÁN POLA PAZ, no que agardamos reunir a máis de seiscentas persoas, intervirán poetas e ensaístas participantes nos libros, ademais de contar coas actuacións de Abe Rábade e Berrogüeto. A entrada é libre, previa recollida das entradas na Concellería de Educación, Rúa Oporto, 1 (Ant. Edif. Reitorado), de Vigo.