Posts Tagged ‘festina_lente’

Marcos Calveiro, entrevista en “Xornal de Galicia”

Xullo 8, 2009

2009070723275918522Tras a moi exitosa actividade da pasada semana en Santiago arredor da novela Festina lente, Marcos Calveiro é entrevistado en Xornal de Galicia.

Canteiro en Compostela con “Festina lente”

Xuño 23, 2009

XG00139001O club de lectura Gálix Tendendo Redes remata a súa primeira andaina de actividades cun programa arredor da novela  Festina lente de Marcos Calveiro, organizado en colaboración coa asociación Amigos del Románico.

As actividades inícianse o día 2 de xullo no Consello da Cultura Galega, cunha lectura colectiva da novela a partir das 17:00 horas e  cunha conferencia, a partir das 19:00 horas, de  Carlos Sastre, experto en iconografías medievais, renacentistas, modernas e contemporáneas establecerá as claves entre arte e literatura ao longo da Historia.
O día 4 de xullo, sábado, desenvolvarase unha xornada artístico-literaria polos escenarios de Festina lente en Santiago de Compostela, así como cunha actividade de Bookcrossing, patrocinada por Edicións Xerais de Galicia, na que se deixarán en variados escenarios da zona vella de Santiago de Compostela exemplares da novela de Calveiro e doutras tanto dos autores escollidos este ano no club de lectura como doutros pertencentes á literatura xuvenil galega. Rematará a xornada cun recital poético que leva como lema “Canteiro en Compostela”, no cal moitas das nosas poetas e moitos dos nosos poetas labrarán con palabras a beleza da cidade pedra.

Para participar nas actividades do día 4 de xullo cómpre inscribirse enviando un correo  a galix@galix.org, anxelagracian@hotmail.com, tuiverde@gmail.com ou tendendorredes@gmail.com

Aconsellamos baixar o programa en pdf dende aquí.

«Festina lente», crítica en «ABC»

Abril 28, 2009

abcA piques de entrar no almacén a segunda edición de Festina lente, a novela de Marcos Calveiro merecedora do premio Irmandade do Libro ao mellor libor do ano e o premio da Crítica, no suplemento cultural mensual dedicado á cultura galega de ABC aparece outra crítica entusiasta.

[Premer na imaxe para ler con comodidade.]

Calveiro e Chus Pato, premios da Crítica 2008

Abril 18, 2009

2021261310002209313Confirmouse a noticia é Marcos Calveiro por Festina lente no eido da Narrativa e Chus Pato por Hordas de escritura no de poesía foron declarados hoxe gañadores dos premios da Crítica 2008 en lingua galega. Os nosos parabéns a Marcos Calveiro e a Chus Pato por este prestixioso premio concedido polos críticos literarios.

As mellores novelas de 2008

Abril 13, 2009

Énchenos de satisfacción que o crítico X.M. Eyre escolla oito dos nosos títulos do pasado ano entre as mellores novelas de 2008. Sen dúbida, unha moi boa colleita.

Premios da Crítica 2008, propostas da AELG

Abril 13, 2009

A Sección de Crítica Literaria da AELG deu a coñecer a súa proposta para os Premios de narrativa e poesía galegas que a Asociación Española de Críticos Literarios fallará o vindeiro día 18 de abril en Santander.

–Modalidade de narrativa: Festina Lente, de Marcos S. Calveiro, publicado por Xerais.
–Modalidade de poesía: Hordas de escritura, de Chus Pato, publicado por Xerais.
De Festina Lente, o xurado valorou a súa orixinalidade, trazo que a fai destacable nun panorama prolífico de seu no xénero histórico, así como a súa riqueza lingüística e a capacidade de dar vida á Compostela dos séculos XVI e XVII, transformando en literatura unha ben peneirada documentación histórica.
De Hordas de escritura, destacou a solidez do seu discurso vangardista e a construción dunha poesía que se articula como unha loita contra a propia linguaxe literaria, trazos que marcan un fito importante na xa longa traxectoria da autora.

Os nosos parabéns para Marcos Calveiro e Chus Pato por esta proposta.

Xabier DoCampo e Marcos Calveiro, premios «Irmandade do libro» 2009

Marzo 29, 2009

imgp2741b_webXabier DoCampo e Marcos Calveiro recibiron onte á noite no Carballiño os premios «Irmandade do libro» 2009 outorgados pola Federación de Libreiros de Galicia. Xabier DoCampo foi recoñecido na categoría de «autor do ano 2008» e Marcos Calveiro na de «libro do ano 2008» pola súa novela Festina lente que recibe o seu primeiro recoñecemento. Tamén foron premiados Alvarellos editora, na categoría de «obra editorial 2008»; as bibliotecas públicas de Oleiros, na de fomento da lectura; o IES Blanco Amor de Ourense, na de centros educativos; a Asociación Cultural Rosalía de Castro, na de institucións e Andel do libro galego e portugués, na de librarías. Os nosos parabéns para a Federación de Libreiros e para todos os premiados.

Premios Irmandade do Libro 2008

Marzo 20, 2009

250808Hoxe coñecimos as candidaturas finalistas da XVIIIª edición dos premios Irmandade do Libro que outorgados pola Federación de Libreiros de Galicia serán entregados o sábado 28 de marzo, as 21:30 horas no Carballiño.

Acollemos con gran satisfacción a noticia de que Xabier P. DoCampo foi declarado gañagdor na modalidade de «Autor» valorando «tanto a súa extraordinaria faceta creadora como a súa contrastada vocación de traballo a prol do libro e da lectura» en Galicia.

Ademais, na modalidade de «Mellor libro do ano 2008» foron escollidos dous títulos nosos, Festina lente de Marcos Calveiro e O xardín das pedras flotantes de Manuel Lourenzo González, que competirán con Fin de século en Palestina de Miguel Anxo Murado.

Na modalidade de «Obra editorial do ano 2008», a nosa Guía das plantas de Galicia de Xosé Ramón García competirá coa tradución d’ As flores do mal de Baudelaire, preparada por Gaonzalo Navaza para a editorial Galaxia, e coa colección «Rescate» de Alvarellos Editora.

Finalistas premios AELG2008

Marzo 18, 2009

Déronse a coñecer hoxe as obras finalistas dos premios AELG as mellores obras literarias do pasado ano 2008. En case todas as categorías son numerosas as obras editadas pola editorial.  Os membros da AELG poderán emitir o seu voto ata o 5 de maio.

Literatura infanto-xuvenil (Aelg-Gálix):
1. A Cabeza de Medusa, Marilar Aleixandre
2. Caderno de animalista, Antón Fortes Torres
3. Fume, Antón Fortes Torres
4. O libro das viaxes imaxinarias, Xabier P. DoCampo
5. PAlAbrAs brAncAs, Elvira Riveiro

Poesía:
1. A melancolía dos corpos, Xulio López Valcárcel
2. Acendede as almenaras: cántigas de amor, de amigo e de escarnio, Bernardino Graña
3. Amor Amén, Iolanda Zúñiga
4. Construcións, Eduardo Estévez
5. Cultivos transxénicos, Carlos Negro
6. Hordas de escritura, Chus Pato
7. Látego de algas, Antón Reixa
8. Libro de Alicia, Olalla Cociña
9. Migracións. Rafa Villar
10. Non son de aquí, María do Cebreiro
11. O xeito de Freud, Carlos Lema
12. Reversos: días adiados, Ramiro Fonte

Teatro:
1. Fume / Insomnio, Rubén Ruibal Armesto e Carlos Losada Galiñáns
2. Historia da chuvia que cae todos os días, Roberto Salgueiro
3. Nachtmahr, Raúl Dans
4. Unha primavera para Aldara, Teresa Moure

Ensaio:
1. Anti Natura, María Xosé Queizán
2. Caderno de notas, Jenaro Marinhas del Valle
3. Fendas abertas: seis ensaios sobre a cuestión nacional, Carlos Taibo
4. Fin de século en Palestina, Miguel Anxo Murado
5. Historia de Ourense, Marcos Valcárcel
6. Miro Casabella e a nova canción galega, Xan Fraga
7. O espírito da letra. Nove achegas filosóficas a textos literarios, Luís G. Soto
8. O natural é político, Teresa Moure
9. Por unha Galiza liberada e novos ensaios, Xosé Manuel Beiras

Tradución:
1. A conxura dos necios (John Kennedy Toole), Eva María Almazán García
2. As flores do mal (Charles Baudelaire), Gonzalo Navaza
3. Cantos e fragmentos (Safo), Raúl Gómez Pato
4. O xiro postal (Sembène Ousmane), María Isabel García Fernández
5. Un home na escuridade (Paul Auster), Eva María Almazán García

Narrativa:
1. A choiva do mundo, Xosé Manuel Pacho Blanco
2. A verdade como mal menor, X. Luís Martínez Pereiro
3. Costa Norte/ZFK, Xurxo Borrazás
4. Festina lente, Marcos S. Calveiro
5. Memoria de cidades sen luz, Inma López Silva
6. O libro das viaxes imaxinarias, Xabier P. DoCampo
7. O profesor de vegliota, Manuel Veiga
8. O xardín das pedras flotantes, Manuel Lourenzo
9. Os nomes do traidor, Xurxo Sierra Veloso
10. Shakespeare destilado, Xesús Constela

«Fervenzas Literarias», O mellor de 2008

Xaneiro 20, 2009

o_mellor_do_2008«Fervenzas Literarias» acaba de dar a coñecer o resultado da enquisa entre os seus lectores para escoller  O mellor de 2008.

Temos que agradecer que Xerais fose considerada como «Mellor editorial do ano», así como celebrar que Marcos Calveiro fose o «Mellor autor», Xosé Cobas «o mellor ilustrador» e a obtención dos premios nacionais de ensaio e literatura infantil por Justo Beramendi e Agustín Fernández Paz considerados como o «Mellor acontecido de 2008». Ademais, envarias modalidades resultaron gañadores títulos publicados pola editorial:

Mellor libro de narrativa adultos do ano: Festina lente de Marcos Calveiro.

Mellor libro de ensaio adultos do ano: Os Grouchos de Manuel O’Rivas.

Mellor libro xuvenil do ano: O libro das viaxes imaxinarias de Xabier P. DoCampo.

Mellor portada infantil/xuvenil do ano: O libro das viaxes imaxinarias.


«Festina Lente», crítica de Xulio Valcárcel

Xaneiro 13, 2009

Xulio Valcárcel publica esta crítica da novela Festina Lente, de Marcos Calveiro, en El Ideal Gallego.

ideal281208

«Festina lente», finalista do premio Novela Europea

Decembro 21, 2008

cp28f03344911_204999Festina lente de Marcos Calveiro forma parte das cinco obras declaradas finalistas do VII Premio de Novela Europea que outorga o Casino de Santiago.

Os cinco narradores elixidos como finalistas, ademais de Calveiro, son  o madrileño Montero González (Pólvora negra), o británico Martin Amis (A casa dos encontros), o italiano Sandro Veronesi (Caos calmo) e o grego Petros Markaris (O accionista maioritario). Este premio, que xa se lles concedeu a autoras como Sarah Waters ou Ana Gavalda, ten como obxectivo promover a lectura e o espírito europeísta, «convertendo toda a cidade de Santiago en xurado», pois escollen o gañador ou gañadora persoas residentes na cidade, socios do casino e representantes de sectores sociais.

Entre as novelas elixidas para optar a este VII Premio Novela Europea, que se decidirá o ano próximo, está a obra Festina Lente, do galego Marcos Calveiro, unha novela histórica que recrea a cidade de Santiago dos séculos XVI e XVII. Segundo explicou o xurado, esta novela foi elixida como finalista pola«boa documentación» que «presenta moi ben a situación do Santiago desa época», a Galicia urbana, o contacto con Europa a través dos portos e a oposición ás ideas de modernización por parte de certos poderes sociais.

As cinco novelas finalistas serán promocionadas por todas as librarías de Santiago co obxectivo de promover a lectura entre compostelanos.

Xerais no Cultur.gal 2008

Novembro 26, 2008

http___wwwculturgal

Nos vindeiros días, 456 e 7 de decembro, vai ter lugar en Palexco (Pazo de Congresos e Exposicións da Coruña o Cultur.gal 2008 Feira Galega das Industrias Culturais.

Esta feira está dirixida tanto ao público xeral como profesional, polo que durante estes catro días Xerais, que estará presente no Stand nº 45, programou unha serie de actividades aos que vostede está convidado/a:

  • Xoves, 4 ás 17,00 horas no stand de Xerais:

Roda de prensa de Un país a medio facer de Fran Alonso.

  • Venres, 5 ás 12,30 horas na sala de prensa do Cultur.gal:

Roda de prensa de A corpo aberto de Manuel Rivas.

  • Venres, 5 ás 18,00 horas no espazo de presentacións:

Presentación de Novas Minimaladas de Pinto & Chinto.

Participan: Pinto & Chinto e Manuel Bragado.

  • Venres, 5 ás 18,00 horas no stand de Xerais:

Firma de exemplares de O libro das viaxes imaxinarias de Xabier P. DoCampo e Xosé Cobas.

  • Venres, 5 ás 19,00 horas no espazo de presentacións:

Presentación de O natural é político de Teresa Moure.

Participarán: Pilar García Negro, Manuel Bragado e a autora.

  • Sábado, 6 ás 12,30 horas no espazo de presentacións:

Presentación de O Globo de Shakespeare de Jaureguizar

(Premio Terra de Melide, 2008)

Participarán: Óscar Sánchez, Jaureguizar e Manuel Bragado.

  • Sábado, 6 ás 18,00 horas no stand de Xerais:

Firma de exemplares de O xardín das pedras flotantes de Manuel Lourenzo González (Premio Xerais de Novela, 2008), A Cabeza de Medusa de Marilar Aleixandre (Premio Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil, 2008) e Xenaro e o misterio da mochila verde de Mar Guerra (Premio Merlín de Literatura Infantil, 2008)

  • Sábado, 6 ás 19,00 horas no stand de Xerais:

Firma de exemplares de A venus de cristal de Chelo Suárez

e As mellores intencións de Begoña Paz.

  • Sábado, 6 ás 20,00 horas no espazo de presentacións:

Presentación de A corpo aberto de Manuel Rivas.

Participarán: Manuel Rivas e Manuel Bragado

  • Domingo, 7 ás 18,00 horas no stand de Xerais:

Firma de exemplares de Guía dos camiños do Eume de Chano Eiroa, Festina lente de Marcos Calveiro e Limpeza de sangue de Rubén Ruibal, (Premio Nacional de Literatura Dramática, 2007).

«Libro galego do ano», comezan as votacións na rede

Outubro 4, 2008

Xa comezaron as votacións na rede para escoller o «Libro galego do ano», elección promovida polo diario El Progreso e o diario electrónico Galiciae. Entre as quince obras aspirantes, atópanse as seguintes publicadas por Xerais:

As votacións desenvolveranse ao longo deste mes de outubro. No ano 2006, os lectores escolleron Blúmsdei, de Cid Cabido, editado por Xerais, e no 2007, O canto do muecín, de Lois Diéguez.

«Festina lente», crítica no «Cartafol»

Outubro 3, 2008

Manuel Rodríguez Alonso publica no Cartafol de Vieiros unha crítica de Festina lente, a novela de Marcos Calveiro que, dende a súa aparición, ven recibindo grande atención por parte da crítica e dos lectores e lectoras. Recollemos un dos parágrafos do texto:

O que máis atrae da novela é que nos presenta un ser solitario. O protagonista Ambrosio Cavaleiro é un gran profesional da encadernación e unha boa persoa. Mais vive só e rodeado dunha auréola de certo misterio, igual ca os que tratan con el. É que Ambrosio era librepensador, descrido, racionalista, lector de libros prohibidos pola Inquisición e homosexual na España do Imperio, católica, belicista e machista. Con todo, Ambrosio e os seus, pola calada, non renunciaron e co paso do tempo venceron á Inquisición. Ese é outro acerto da novela. Xa que logo boa novela histórica, entretida e que dá unha visión axeitada da Galicia dos Austrias, lonxe dos casticismos e fachendosidades dos Alatristes e compañía. Por iso, máis moderna e superior.

“Renacer”, crítica de Caneiro

Agosto 29, 2008

Reproducimos o texto da crítica de Renacer de Xabier Paz, publicada por Xosé Carlos Caneiro no suplemento Culturas de La Voz de Galicia o pasado 2 de agosto.

Son tres as novelas de cariz histórico que nos regalou Xerais nos últimos meses e que denotan, fundamentalmente, o olfato excelso dos seus editores. A Venus de cristal de Chelo Suárez, Festina lente de Marcos S. Calveiro e Renacer de Xabier Paz. A primeira e a última teñen recendo a renacemento italiano (de raíz marcadamente veneciana), a segunda ten o aroma de Compostela nos inicios do século XVII. En primeiro lugar cómpre felicitar á editorial por publicar, en tempos de crise literaria, tres textos eminentemente literarios. En segundo lugar, e antes de centar o meu discurso nun destes textos permítanme recomendar esta “varia triloxía” para que acompañe o seu lecer estival. Vou, pois, con Xabier Paz e Renacer, obxecto último que me permitiu gozar de modo amplo. De Xabier Paz admiro todo canto ten publicado, como poeta e como prosista, e fun defensor público e confeso da súa excelente cronica Follas do bocallau. Xabier Paz posúe calidade estética e iso, como ben saben, é o condimento esencial de calquera arte. Posúe linguaxe, capacidade expresiva e perspectiva artistica, ou sexa, que narra de tal xeito que produce goce estético pola intrínseca melodía da súa prosa. Renarcer garda virtudes que non poderei enumerar neste curto espazo, non obstante, permítanme recalcar que esas virtudes son de raíz estilística, non temática. O asunto queda desdebuxado pola plasticidade da prosa. “Estaba o ar tal como quixeran pintalo os que senten enevexa de vós por non poder ser vós”. Unha filla (Adria) que se mergulla na vida do pai, o pornógrafo Aretino, tras a súa morte. Un pai rigoroso na vida familiar, rexo, kafkiano. Revélanos a personalidade deste poliédrico personaxe promiscuo, faústico, hedonista. Coñecedor de todos os segredos da arte, vainos levando de modo moi orixinal pola Venecia do século XVI, as súas luces e sombras. Fala de pintura e a pintura fala a través del. É dicir existe unha conexión de artes que por momentos chega a ser desbordante. Novela heterodoxa, herexíaca, pecaminosa. Metáfora sobre a “renacenza” do “ser” cando o andazo da mediocridade campa no planeta. Xosé Carlos Caneiro

“Festina lente”, crítica en Protexta

Agosto 25, 2008

“Festina lente”, conversa na Feira do libro da Coruña

Agosto 5, 2008

Rubén Ruibal publica no seu blog unha crónica do que foi a presentación de Festina lente de Marcos Calveiro na Feira do libro da Coruña.

“Festina lente”, nova crítica, Arume dos Piñeiros

Xullo 23, 2008

Reproducimos o parágrafo que pecha a interesante crítica que, sobre Festina lente , publica no seu blog “Arume dos Piñeiros“.

Festina lente devórase a modo e, ao tempo, deleita a ritmo trepidante. A áncora retén ao lector desexoso de non rematar a historia e o golfiño empúrrao ao final, interesado, intrigado coa vida de Ambrosio Cavaleiro e a dos seus libros. Cando ambos se entrelazan no final, o lector comprende o significado derradeiro da empresa. Está diante dun dos libros máis fermosos que leu nos últimos tempos. Ogallá o seu éxito (que eu aventuro e desexo) sexa o da literatura galega, necesitada sempre de libros desta estirpe, gozosos, divertidos e cheos de talento narrativo. Fortuna audaces iuvat.”

“Festina lente”, crítica en culturagalega.org

Xullo 21, 2008

Este é un pequeno parágrafo da nova crítica de Festina lente aparecida hoxe en culturagalega.org:

“O gusto polo detalle e a capacidade para captar a atmosfera social por un lado e as febras íntimas dos personaxes por outro, tanto no que din como no que calan…”

“Festina lente”, corre a modo

Xullo 4, 2008

Reproducimos, polo seu indubidable interese, a anotación de Cesare sobre a lectura de Festina lente (unha novela que está tendo unha acollida máis que entusiasta entre os lectores):

Dime un bo conselleiro: tes que lelo. E entre a viaxe no avión e estas últimas horas alí a vai, unha novela moito máis ca fabulosa: Festina lente, de Marcos S. Calveiro. Algo enredante no principio, faise máis lixeira e cativadora conforme a acción pasa ao primeiro plano e se desviste desas roupaxes de contextualización que a pexan un pouco. As aventuras do encadernador Ambrosio Cavaleiro, a fala dos arxinas e a Compostela do XVI encaixan perfectamente no marco desa ficción sobre o pasado europeo que levamos anos lendo e ulindo. É esta unha novela pra traducir, pra exportar, que se pode vender nas librarías de Copenhague como se fora un código da vinci (en bo), coma un pequeno nome da rosa. Incluso ten un fermosísimo final, que releo sen fartura, e que dá pra unha segunda parte ou unha terceira do manuscrito de tres serpes unidas polo baixo, na historia de todas as épocas, adiante e atrás. Algunhas pegas hai, claro, en nomes de lugares, na falta dun mapa da compostela da época, nunha páxina demasiado chea de franciscos ou nun lavanco que cae do niño cando os lavancos fan os niños ao ras. Ou que nunha novela de encadernadores, o último caderniño se me despegase. Pero se eses son os males, moita é a bondade.

“Festina lente”, os espazos da novela

Xuño 30, 2008

Culturagalega.org tivo a feliz idea de acompañar a Marcos Calveiro no percorrido dos espazos composteláns de Festina lente. Un vídeo que moito recomendamos.

Marcos Calveiro, entrevista en «Luces»

Xuño 27, 2008

A raíz da recente saída da súa novela Festina lente, Marcos Calveiro é entrevistado por Daniel Salgado para a sección «Luces» de El País. Reproducimos un breve fragmento:

A cidade [Santiago de Compostela] é protagonista da novela, unha cidade pechada, que aínda conserva as murallas. Cando hai un andazo, a muralla péchase; cando os lobos axexan a cidade, a muralla péchase. Santiago muda en caldo de cultivo para problemas, envexas, loitas de poderes, e iso funciona como férrea forma de control sobre os habitantes. E, alén do visual, interésame moito o olor: as rúas estaban, maioritariamente, sen lousar e a hixiene era a auga vai, tirábase todo pola fiestra… A cidade tiña que feder, e así a describían os viaxeiros do século XVII. A urbe determina a vida da súa poboación.

Marcos Calveiro, entrevistado por Fervenzas

Xuño 24, 2008

Fervenzas literarias publica unha longa e interesante entrevista con Marcos Calveiro a raíz da presentación en Compostela de Festina lente. Escollemos dous parágrafos significativos do texto.

  • “Esta novela trata de imprentas, de libros e tamén reflexa o proceso de creación do libro, festina lente, ese bule amodo. A súa primeira versión fíxena moi rápido e un amigo recomendoume ese bule amodo para darlle outra volta máis ao libro. O libro polo tanto ten esa dupla significativa: o proceso na escrita que lle din e por outra parte ten esa referencia á tipografía e a referencia que poñía Manucio aos libros.”
  • “Cando eu teño unha historia tiro con ela cara adiante. Este é o meu primeiro libro para artellar unha novela, nace antes que calquera dos outros libros que teño publicado. Sen embargo, aquí hai moito do que aprendín escribindo para rapaces: o proceso de edición, corrección,… En todos eses libros para Tambre aprendín moitas das cousas que logo utilicei aquí. Ás veces penso que quizais, cando escribín aquela primeira versión de hai tres anos, non foi para adiante porque non era o escritor formado con eses libros de literatura xuvenil.”

Marcos Calveiro, entrevistas

Xuño 21, 2008

Con motivo da presentación de Festina lente, celebrada onte na Libraría Couceiro de Santiago, Marcos Calveiro foi entrevistado por La Voz de Galicia, El País, AGN e Galicia hoxe.

Nestas entrevistas, Marcos Calveiro define Festina lente como “un relato sobre os libros como armas de coñecemento que poden amolar o poder”. “É unha novela na Compostela dos séculos XVI e XVII, que era moi rica en personaxes. Conta a vida dun encadernador de libros e o que hai arredor das primeiras impresións e tipografías. A historia xira arredor dun códice e do mundo dos canteiros. Reprodúcense verbas da linguaxe dos canteiros, arxinas. É un gran fresco histórico.”

Marcos Calveiro salienta nas entrevistas que na obra se fala dos libros como “fonte de coñecemento e liberación”, especialmente “nos tempos de intolerancia que vivimos, non só no mundo islámico, senón tamén no occidental”.

Calveiro tamén salientou o carácter compostelán da novela: “Consultei moitos libros na Fundación Penzol de Vigo. Nomes de arquitectos, impresores e tipógrafos que cito no libro son reais, como o son os nomes de moitos libros: títulos da biblioteca do Conde de Gondomar, ou que aparecen no Arquivo Xeral de Simancas como libros prohibidos… Tamén falo de feitos históricos como a derrota da Armada Invencible, o ataque de Drake á Coruña, a propia Inquisición… porque tiveron un reflexo real na vida da xente. E a novela é un gran fresco do Santiago da época, da vida cotiá”.

“Festina lente”, adianto primeiras páxinas

Maio 30, 2008

Estes días chega as librarías Festina lente, a novela de Marcos S. Calveiro. Aquí poden lerse ou descargarse as dez primeiras páxinas. O autor acaba de abrir un blog da novela. Boa lectura!

“Festina lente”, a novela de Marcos S. Calveiro

Maio 21, 2008

Hoxe chegaron do prelo os primeiros exemplares de Festina lente, a primeira novela de Marcos S. Calveiro que publicamos en Xerais Narrativa. Novela histórica, ambientada na Compostela do século dezasete, escrita con enorme alento e prosa inusualmente depurada, propón ao lector unha intrigante viaxe polo mundo dos libros e o coñecemento nun tempo de intolerancia. Estará nas librarías na vindeira semana.

Devagar, un carro baixa chirlando polo Preguntoiro ateigado de libros prohibidos e expurgados polo Santo Oficio. Estamos en Compostela no ano do Noso Señor de 1627 e este é o colofón do códice que, caderniño a caderniño, o encadernador Ambrosio Cavaleiro coseu na soidade do seu obradoiro da rúa da Armada dende que era un aprendiz canda o seu mestre. As campás, tristeiras, repenican a defunto, o vento zoa nas rúas e esparexe o capítulos todos da súa existencia. As páxinas de pergamiño, como faíscas, danzan sobre os tellados e os campanarios furtando á voraz desmemoria as lembranzas fuxidías, os acenos, mecos e rostros dunha vida. O coñecemento, como a pedra gravada polos arxinas a cicel e maceta dende a noite dos tempos, permanece no alento dunha idade incerta asolagada polo silandeiro andazo da intolerancia.