Posts Tagged ‘fervenzas_literarias’

«O libro das viaxes imaxinarias», premio AELG 2009

Maio 10, 2009

librodasv1No seo da cea anual organizada en Santiago por AELG foron entregados os premios AELG á mellor produción literaria do ano 2008. Entre as numerosas obras finalistas editadas por Xerais, O libro das viaxes imaxinarias de Xabier DoCampo, ilustrado por Xosé Cobas, resultou o gañador na categoría do mellor libro infantil e xuvenil. Este é o terceiro premio que acada esta obra que xa recibira o Premio Isaac Díaz Pardo ao Libro Ilustrado do Ano 2008, outorgado polo Asociación Galega de Editores e o premio «Fervenzas literarias» ao mellor libro infantil e xuvenil de 2008.

Tamén foron premiados Teresa Moure na categoría de mellor libro teatral de 2008 por Unha primvera para Aldara (que será publicado por Xerais no vindeiro mes de setembro na colección «Fóra de Xogo») e Marcos Valcárcel polo seu traballo en «Uvas na solaina», elixido como mellor blog literario de 2008.

Os nosos parabéns aos premiados.

Entrevista a Xosé Ramón Pena

Xaneiro 23, 2009

«Fervenzas literarias» publica unha longa entrevista con Xosé Ramón Pena con motivo da publicación da súa máis recente novela, A batalla do paraíso triste. Recollemos algúns parágrafos do texto:

a_batalla_do_paraiso_tristeIntroduce no libro dúas voces narrativas que conxugan ficción e investigación. Por unha banda está Fernando Pena Freitas, unha voz que conta a historia desde a vivencia persoal e por outra a do historiador, que o fai desde o perspectivismo que ofrece a Historia.

Para min o fundamental á hora de comezar a escribir un novo libro é establecer o punto de vista. Isto é, como podo ou vou contar a historia, desde que perspectiva.

Daquela eu quixen escribir unha historia verosímil, e para poder contar determinados episodios tiña que botar man dun segundo narrador, xa que Freitas non podía asistir el mesmo a todo o que conta. A partires de aí é cando xurde a figura do narrador. Un narrador que, nunha primeira versión da novela, participaba minimamente. Nas seguintes foi adquirindo maior dimensión, foi pedíndome máis importancia na historia.

Eu necesitaba desa conxunción de voces para obter o resultado final do libro. Se nun comezo Freitas ocupaba o noventa por cento, na versión definitiva hai un certo equilibrio entre Freitas e o historiador. Esas dúas voces permitíronme introducir matices que creo que fornecen un segundo punto de vista e axuda a crear esa verosimilitude ao relato.

[…]

Situaba a xénese de A batalla do paraíso triste a comezos dos 80. Cómo foi o proceso e a culminación da novela?

Cómo comentaba anteriormente, tiña por unha banda a historia de Freitas con Catarina e por outra o meu interese por este período histórico e a intención de facer algunha cousa con ese material. Partindo desa base, esta foi a novela que máis rápido escribín, tardei só catro ou cinco meses cando con outras estiven traballando moito máis tempo. Para min foi unha sorpresa empregar tan pouco tempo cando normalmente dedico entre un ano e ano e medio. E iso que moitos dos diálogos tiven que refacelos xa que me saíron de primeiras en portugués.


«Fervenzas Literarias», O mellor de 2008

Xaneiro 20, 2009

o_mellor_do_2008«Fervenzas Literarias» acaba de dar a coñecer o resultado da enquisa entre os seus lectores para escoller  O mellor de 2008.

Temos que agradecer que Xerais fose considerada como «Mellor editorial do ano», así como celebrar que Marcos Calveiro fose o «Mellor autor», Xosé Cobas «o mellor ilustrador» e a obtención dos premios nacionais de ensaio e literatura infantil por Justo Beramendi e Agustín Fernández Paz considerados como o «Mellor acontecido de 2008». Ademais, envarias modalidades resultaron gañadores títulos publicados pola editorial:

Mellor libro de narrativa adultos do ano: Festina lente de Marcos Calveiro.

Mellor libro de ensaio adultos do ano: Os Grouchos de Manuel O’Rivas.

Mellor libro xuvenil do ano: O libro das viaxes imaxinarias de Xabier P. DoCampo.

Mellor portada infantil/xuvenil do ano: O libro das viaxes imaxinarias.


Xurxo Sierra, conversas en «Fervenzas literarias»

Xaneiro 14, 2009

Recomendamos a lectura da longa entrevista que «Fervenzas literarias» realiza a Xurxo Sierra con motivo da publicación d’ Os nomes do traidor. Recollemos algúns fragmentos:

10002540713Os nomes do traidor supón un cambio radical en canto á estrutura respecto as súas novelas anteriores. Aquí pasas a crear unha historia, aínda que tamén narrada en primeira persoa como en Os mércores de Fra pero por seis personaxes, con todo o traballo que supón á hora de definilos, como pode ser concibir as súas personalidades, todas elas diferentes entre si, xerar os diferentes puntos de vista dos feitos que se desenvolven…

Para min iso é un xogo moi divertido. Eu pásoo moi ben construíndo personaxes, é o que máis me gusta de escribir. Máis que crear un determinado estilo ou imaxinar unha ambientación prefiro meterme na pel dos personaxes, imaxinar como evolucionaría esta persoa, cales serían as súas frustracións, os seus pesadelos ou soños… Nese sentido repito que o pasei moi ben escribindo Os nomes do traidor porque me permitiu xogar moito, como co personaxe de Sampaio que, aínda que estea na cadea, é o autenticamente libre de todo o libro. Posibelmente Sampaio sexa o personaxe do que estou máis satisfeito de toda a miña obra literaria.

xg00147801Outra vez, como nas anteriores novelas, o protagonista é o prototipo do antiheroe. Qué lle supón de interese contar historias, por dicilo dalgún xeito, de perdedores?

Literariamente os perdedores son os personaxes máis interesantes que hai, os máis rendibles. Contar a historia dun tipo que acaba a carreira de económicas, que logo monta unha empresa e gaña moitos millóns non ten interese. O interesante é a xente que fracasa, que leva golpes, ver como se enfrontan aos seus problemas… Ben, por outra banda, todo o mundo na vida ten a sensación de ser un perdedor. Eu supoño que tipos como Bill Gates ou Amancio Ortega, debaixo desa fachada de éxito, teñen amarguras, teñen sensacións de fracasos. Todo o mundo tivo a unha Mabel que non lle fixo caso, ou un problema de identidade como Delanuit… Como dixo Sabina na canción que lle dedicou a Cristina Onassis:” Era tan pobre que no tenía más que dinero” ou, dito doutro xeito, detrás de cada gañador tamén hai un perdedor.