Posts Tagged ‘beramendi’
Xaneiro 6, 2009
Ramón Loureiro publica no suplemento «Culturas» de La Voz de Galicia, dedicado aos mellores libros galegos do pasado ano, unha crítica do libro de Justo Beramendi De provincia a nación. Historia do galeguismo político, Premio Nacional de Ensaio 2008.
Catedrático de Historia Contemporánea na Universidade de Santiago de Compostela, cofundador do Museo do Pobo Galego e autor de títulos como Galicia e a historiografía (1993), Manuel Murguía (1998) e Alfredo Brañas no rexionalismo galego (1998), o profesor Justo G. Beramendi (Madrid, 1941) ven de conseguir o Premio Nacional de Ensaio, outorgado polo Ministerio de Cultura, pola súa monumental obra -en máis dun sentido, o de monumental- De provincia a nación. Historia do galeguismo político. Froito, como calquera pode supoñer, dunha longa investigación e dun intensísimo traballo, dun labor de nada menos 25 anos, neste libro o profesor Beramendi estuda a esencia dos movementos que acometeron a “reivindicación de Galicia como suxeito político” desde o século das luces ata os nosos días. Unha viaxe polo tempo que abrangue, con especial fondura, tanto o provincialismo, o rexurdimento e o rexionalismo decimonónicos como o nacionalismo do século XX, e que presta unha especial atención a aspectos como a “reconstrución das estruturas das ideoloxías”, sempre de cara a explicar, coa perspectiva científica que nace da historia, os alicerces sobre os que hoxe se asenta a personalidade política de Galicia; unha personalidade “claramente diferenciada”. Así, polas páxinas de Justo G. Beramendi aparecen desde a Galicia que vivía o ocaso do Antigo Réxime, os ilustrados do país e o reformismo conservador, ata o que para o nacionalismo galego supuxo a constitución do BNG, pasando pola confrontación entre o absolutismo e o liberalismo, o papel de Compostela na aparición do primeiro galeguismo, a Galicia isabelina, a mensaxe provincialista, os tradicionalismos, o movemento agrario, o pensamento solidario ou, por suposto, as Irmandades da Fala.
Finalmente lembra, o autor, ao remate do libro, que “o futuro nunca está escrito” e que “menos podemos escribilo quen só sabemos escrutar o pasado con mellor ou peor fortuna”, así que, polo tanto, di, haberá que deixar, ao final da historia que vén de escribir, un “interrogante aberto”. Ramón Loureiro
Etiquetas:beramendi, culturas, de_provincia_a_nación, la_voz_de_galicia, ramón_loureiro
Publicado en Críticas, Ensaio, Premios, Xerais_nos_medios | Leave a Comment »
Xaneiro 3, 2009
O suplemento «Culturas» de La Voz de Galicia publica hoxe unha dobre páxina na que se recollen críticas de seis obras consideradas como «O mellor do 2008». Entre elas están catro publicadas pola editorial: O xardín das pedras flotantes de Manuel Lourenzo González, O libro das viaxes imaxinarias de Xabier P. DoCampo e Xosé Cobas, Renacer de Xabier Paz e De provincia a nación. Historia do Galeguismo Político de Justo Beramendi, Premio Nacional de Ensaio 2008.
Etiquetas:beramendi, culturas, de_provincia_a_nación, la_voz_de_galicia, manuel_lourenzo_gonzález, o_libro_das_viaxes_imaxinarias, o_xardín_das_pedras_flotantes, renacer, xabier_docampo, xabier_paz, xosé_cobas
Publicado en Críticas, Xerais_nos_medios | Leave a Comment »
Novembro 9, 2008
Estela, o suplemento dominical de Faro de Vigo, publica unha longa entrevista de cinco páxinas con Justo Beramendi e Agustín Fernández Paz, os recentes premios nacionais de ensaio e literatura infantil e xuvenil. Os dous autores reflexionan devagariño sobre cuestións claves da actualidade e do futuro de Galicia: a lingua, o autogoberno, a memoria histórica, a crise económica ou os efectos sobre a cultura da revolución de Internet.
Etiquetas:beramendi, faro_de_vigo, fernández_paz, premio_nacional_2008
Publicado en Entrevistas, Premios, Xerais_nos_medios | Leave a Comment »
Novembro 3, 2008
Recomendamos este artigo, onde X. L. Méndez Ferrín fala sobre a repercusión da literatura galega alén das nosas fronteiras, baseándose no feito de que recentemente o Ministerio de Cultura lle concedese dous dos premios nacionais a senllas obras escritas en galego: o de Ensaio a De provincia a nación: historia do galeguismo político, de Justo Beramendi, e o de Literatura Infantil e Xuvenil a O único que queda é o amor, de Agustín Fernández Paz. Ademais, salienta Ferrín a importancia de que outra obra escrita en galego, Os libros arden mal, de Manuel Rivas (editada en francés por Gallimard co título de L’eclat dans labîme), sexa finalista do prestixioso premio Medicis.
Etiquetas:agustín_fernández_paz, beramendi, de_provincia_a_nación, faro_de_vigo, ferrín, manuel_rivas, os_libros_arden_mal, o_único_que_queda_é_o_amor
Publicado en Ensaio, Narrativa, Premios, Xerais_nos_medios, Xuvenil | Leave a Comment »
Outubro 17, 2008
Justo Beramendi foi galardoado co Premio Nacional de Ensaio 2008 polo seu libro De provincia a nación. Historia do Galeguismo Político, publicado por Xerais no pasado ano 2007.
De Provincia a nación. Historia do galeguismo político é unha investigación sistemática da natureza e evolución dos movementos sociopolíticos de reivindicación de Galicia como suxeito político de seu dende as súas primeiras manifestacións individuais no século XVIII até a actualidade. O tratamento do provincialismo, do rexurdimento e do rexionalismo do século XIX, e máis aínda do nacionalismo galego do século XX, faise cunha profundidade sen precedentes. Para a análise acaída das diferentes dimensións –a ideolóxica, a social, a organizativa, a electoral– e das súas interrelacións, o autor incorpora conceptos e modelos analíticos propios que implican unha notable innovación metodolóxica no eido do estudo do nacionalismo.
A obra de Beramendi leva acadado os máis importantes premios galegos:
Premio Irmandade do Libro. Mellor obra editorial do ano 2007 – Premio Asociación de Escritores en Lingua Galega (Ensaio), 2007 – Premio da Crítica Galicia (Investigación), 2008 – Premio Losada Diéguez (Investigación), 2008
Etiquetas:beramendi, de_provincia_a_nación, premio_nacional, premio_nacional_2008, premio_nacional_ensaio
Publicado en Ensaio, Noticias, Premios | 3 Comments »
Maio 11, 2008
De provincia a nación. Historia do galeguismo político de Justo Beramendi acaba de recibir un novo recoñecemento, neste caso o Premio da Crítica Galicia no apartado de investigación, outorgado pola Fundación Premios da Crítica. O xurado destacou a importancia desta obra polo “pormenorizado estudo da traxectoria do galeguismo político e a proxección e transcendencia da achega do autor”.
Pola súa banda o xurado do Premio Losada Diéguez tamén acaba de anunciar o seu recoñecemento na categoría de investigación, sinalando que “esta obra converteuse en indispensable para coñecer a formación e desenvolvemento do nacionalismo galego, e foi feita logo dunha procura exhaustiva de fontes que foron analizadas con absoluto rigor e método histórico”. Justo Beramendi recibirá o galardón (dotado con 6.000 euros) nun acto que se desenvolverá o mediodía do domingo 8 de xuño , no pazo da familia Losada, ubicado na localidade de Moldes, en Boborás. Nesa xornada oficiarase previamente unha misa solemne na igrexa parroquial de San Mamede e unha homenaxe froral ante as campas de Losada Diéguez e Chamoso Lamas.
Estes dous novos premios ao libro de Beramendi únese aos xa outorgados pola Federación de Libreiros de Galicia e pola Asociación de Escritores en Lingua Galega. Os nosos maiores parabéns para Justo por dous premios tan importantes.
Etiquetas:beramendi, losada_diéguez, premios_crítica
Publicado en Historia, Premios | Leave a Comment »
Abril 27, 2008
No seo da Cea das Letras, celebrada onte en Santiago, Agustín Fernández Paz e Justo Beramendi recibiron os Premios AELG 2007 correspondentes ás categorías de Libro infanto-xuvenil e Ensaio, respectivamente. Os premios foron concedidos tras as votacións realizadas por 367 membros da AELG e, no caso do premio infanto-xuvenil, tamén polos de GALIX.
A obra premiada de Fernández Paz foi O único que queda é o amor, que no mes de decembro pasado xa recibira o premio Xosé Neira Vilas ao Libro Infantil e Xuvenil do ano 2007, concedido pola Asociación Galega de Editores.
Hai unha trama de fíos invisibles que une as vidas dos personaxes deste novo libro de relatos de Agustín Fernández Paz, ilustrado por Pablo Auladell: Diana, Sara, Pablo, Laura, Adrián… todos se namoran e descobren que o amor é un sentimento poderosísimo, capaz de transformalos por enteiro e facerlles a vida doutro xeito. Mais tamén experimentan a amargura do desamor, ou da ausencia, ou dos amores rotos. O amor en todas as súas variantes: desde o primeiro amor adolescente ata que se mantén máis alá da morte. Aínda sabendo isto, as persoas sempre buscamos na nosa vida ese sentimento tan necesario como o aire que respiramos, quizais porque intuímos que, como escribe Orhan Pamuk en Neve, “na vida o único que queda é o amor”. E sempre, os libros como compañeiros da aventura do amar. Un libro memorable.
Pola súa banda, o premio recibido por Beramendi, na categoría de Ensaio, correspondeu a De provincia a nación. Historia do galeguismo político, obra que hai dúas semanas recibira o Premio á Obra Editorial do ano 2007, concedida pola Federación de Libreiros de Galicia.
Tamén foron premiados polos asociados da AELG Xosé Luís Méndez Ferrín (Mellor traxectoria xornalística), Iolanda Vilarchao (Tradución), Miguel Anxo Murado (Narrativa), Marica Campo (Poesía) e Millán Picouto (Teatro).
Etiquetas:AELG, beramendi, fernández_paz
Publicado en Ensaio, Narrativa, Premios, Xuvenil | 1 Comment »
Abril 13, 2008
Na noite do sábado, 12 de abril, foron fallados no Club Náutico de Sanxenxo os XVII Premios “Irmandade do libro” organizados pola Federación de Libreiros de Galicia. Xerais obtivo os dous premios outorgados a obras publicadas durante o pasado ano 2007: O señor Lugrís e a negra sombra de Luís Rei Núñez mereceu o premio ao “Libro do ano 2007” e De provincia a nación. Historia do galeguismo político de Justo Beramendi o premio á “Obra editorial do ano 2007“.
A novela de Luís Rei Núñez, que xa o pasado fin de semana obtivera o Premio da Crítica 2007, consolídase con este segundo recoñecemento consecutivo como a mellor novela galega editada o pasado ano. Pola súa banda, o premio á voluminosa obra de Justo Beramendi constitúe o primeiro recoñecemento a un traballo autoral de dúas décadas no que se reconstrúe o relato político da nación galega.
De Provincia a nación. Historia do galeguismo político é unha investigación sistemática da natureza e evolución dos movementos sociopolíticos de reivindicación de Galicia como suxeito político de seu dende as súas primeiras manifestacións individuais no século XVIII até a actualidade. O tratamento do provincialismo, do rexurdimento e do rexionalismo do século XIX, e máis aínda do nacionalismo galego do século XX, faise cunha profundidade sen precedentes. Para a análise acaída das diferentes dimensións –a ideolóxica, a social, a organizativa, a electoral– e das súas interrelacións, o autor incorpora conceptos e modelos analíticos propios que implican unha notable innovación metodolóxica no eido do estudo do nacionalismo. As maiores novidades neste sentido son a reconstrución das estruturas das ideoloxías, a caracterización das bases sociais e a técnica aplicada para desvelar e cuantificar a fraude electoral na Segunda República. Ademais, en paralelo coa historia central, vai trazando a da cuestión nacional en España, o que permite ter en conta a incidencia de factores extragalegos e comparar o galeguismo político cos seus análogos doutros territorios do Estado español. Isto unido á consideración da natureza e dos problemas maiores da sociedade galega de cada época, dá as claves para unha explicación convincente das causas do nacemento, persistencia, posibilidades e limitacións do nacionalismo galego. Xa que logo, este libro é unha contribución decisiva para coñecer e entender, por que Galicia ten hoxe unha personalidade política irreversiblemente diferenciada.
Os premios no resto das modalidades foron: os suplementos de cultura e educación de Faro de Vigo mereceron o premio de “Medios de Comunicación e Novas Tecnoloxías“; o Pen Club de Galicia obtivo o premio “Institucións“; o IES de Sanxenxo o premio de “Centros de Ensino“; a Libraría Trama de Lugo o premio de “Libraría” e Xosé María Álvarez Cáccamo o de “Autor“.
Etiquetas:beramendi, libreiros, lugris, novela, Premios, rei_núñez
Publicado en Historia, Narrativa, Noticias, Premios | 2 Comments »