Posts Tagged ‘premios_crítica’

Entrevistas aos gañadores dos Premios da Crítica

Abril 20, 2009

Aquí poden escoitarse as dúas entrevistas emitidas hoxe no Diario Cultural da Radio Galega con Chus Pato e Marcos Calveiro, gañadores dos Premios da Crítica 2008.

Calveiro e Chus Pato, premios da Crítica 2008

Abril 18, 2009

2021261310002209313Confirmouse a noticia é Marcos Calveiro por Festina lente no eido da Narrativa e Chus Pato por Hordas de escritura no de poesía foron declarados hoxe gañadores dos premios da Crítica 2008 en lingua galega. Os nosos parabéns a Marcos Calveiro e a Chus Pato por este prestixioso premio concedido polos críticos literarios.

“De provincia a nación”, Premio da Crítica Galicia e Premio Losada Diéguez

Maio 11, 2008

De provincia a nación. Historia do galeguismo político de Justo Beramendi acaba de recibir un novo recoñecemento, neste caso o Premio da Crítica Galicia no apartado de investigación, outorgado pola Fundación Premios da Crítica. O xurado destacou a importancia desta obra polo “pormenorizado estudo da traxectoria do galeguismo político e a proxección e transcendencia da achega do autor”.

Pola súa banda o xurado do Premio Losada Diéguez tamén acaba de anunciar o seu recoñecemento na categoría de investigación, sinalando que “esta obra converteuse en indispensable para coñecer a formación e desenvolvemento do nacionalismo galego, e foi feita logo dunha procura exhaustiva de fontes que foron analizadas con absoluto rigor e método histórico”. Justo Beramendi recibirá o galardón (dotado con 6.000 euros) nun acto que se desenvolverá o mediodía do domingo 8 de xuño , no pazo da familia Losada, ubicado na localidade de Moldes, en Boborás. Nesa xornada oficiarase previamente unha misa solemne na igrexa parroquial de San Mamede e unha homenaxe froral ante as campas de Losada Diéguez e Chamoso Lamas.

Estes dous novos premios ao libro de Beramendi únese aos xa outorgados pola Federación de Libreiros de Galicia e pola Asociación de Escritores en Lingua Galega. Os nosos maiores parabéns para Justo por dous premios tan importantes.