Posts Tagged ‘xosé_ramón_garcía’

Premios Irmandade do Libro 2008

Marzo 20, 2009

250808Hoxe coñecimos as candidaturas finalistas da XVIIIª edición dos premios Irmandade do Libro que outorgados pola Federación de Libreiros de Galicia serán entregados o sábado 28 de marzo, as 21:30 horas no Carballiño.

Acollemos con gran satisfacción a noticia de que Xabier P. DoCampo foi declarado gañagdor na modalidade de «Autor» valorando «tanto a súa extraordinaria faceta creadora como a súa contrastada vocación de traballo a prol do libro e da lectura» en Galicia.

Ademais, na modalidade de «Mellor libro do ano 2008» foron escollidos dous títulos nosos, Festina lente de Marcos Calveiro e O xardín das pedras flotantes de Manuel Lourenzo González, que competirán con Fin de século en Palestina de Miguel Anxo Murado.

Na modalidade de «Obra editorial do ano 2008», a nosa Guía das plantas de Galicia de Xosé Ramón García competirá coa tradución d’ As flores do mal de Baudelaire, preparada por Gaonzalo Navaza para a editorial Galaxia, e coa colección «Rescate» de Alvarellos Editora.

«Guía das plantas de Galicia»

Xaneiro 23, 2009

Onte foi presentada en Gondomar, no marco do ciclo «Queremos tanto aos libros» do IEM, a Guía das plantas de Galicia de Xosé Ramón García. A obra foi presentada por Xilberte Manso, membro da xunta de goberno do IEM, do que recollemos as palabras finais da súa intervención:

xg001314011Eu confeso, pecador, que teño sentido e vivido coa vista uns inmensos campos de trigo abagañados de mapoulas bermellas baixando da Serra de Ronda cara a Málaga, que me petaron nos ollos como o mellor cadro de Van Gogh, Matisse ou calquera outro impresionista. Dende aquil día, as mapoulas que eu tiña como plantas que nacen illadas, en pequenos grupos familiares, xa non son o mesmo e sempre están aí, nas miñas lembranzas cando vexo unha en calquera lugar.
O ouvido tamén ten os seus ecos vexetais. Lembro o son dos froitos das xestas estralando, cando o sol fende as testas na miña terra nai, aló en agosto, no Montealegre ourensán ao pé da Cruz onde nacín, un monte cargado de historia e de lembranzas da nenez. Tamén as piñas ao soltar os piñóns dos piñeiros mansos. Estea onde estea,  as leguminosas no verán, ao estalar e ceibar as sementes, lévanme ao meu Montelaegre da infancia.
O tacto. Quen non se deixou acariñar pola herba das cóxegas, ou non pasou por riba do gramón descalzo, ou andou a rebolos cos ollos pechos por un lameiro abaixo, ou na beira dun río o corpo nu e a pel enriba das margaridas (tempos aquiles de reivindicación do nudismo).
O gusto. Cantas e cantas son as plantas que comemos. Todos temos algunha preferida. Pero eu lembraría as máis montesías, como as apóutegas que de nenos buscabamos ao pé das raíces das carrascas, ou o néctar da flor da borraxa, as acedeiras que percurabamos nos muros vellos e nas paredes e deixabamos que se fosen desfacendo entre a lingua e o padal sen mastigar.
E para rematar o olfato. As evocacións poden ser infinitas pois é un dos sentidos cos que máis xogan as nosas protagonistas. Dende os perfumes que dicimos teñen fragancia a… a que sexa. Ata os milleiros de arrecendos que cando paseamos por un lugar nos levan a ises recunchos íntimos que temos gardados na memoria dos afectos e os sentimentos. A herba despois da seitura é para min un dos máis evocadores; outro é o arrecendo do xazmín pola noite, que me leva a terras da xudería cordobesa nunha noite de san Xoán; ou o arrecendo a azahar do patio dos laranxos da Mezquita escoitando a Siniestro Total cantar Miña terra galega.
Todos temos aí algún olor, aroma ou fragancia que abre a billa da nosa emoción, para ben e para mal. Seguramente máis veces para ben, pois se algo ten o noso cerebro é a capacidade de seleccionar as lembranzas deixando que as boas ocupen máis espazo que as malas no noso disco duro.

10000525413Así que non quero aburrirvos con máis lerias, só pretendía explicar o moito que as plantas poden significar na vida dunha persoa e os grandes valores e importancia que teñen. De aí que o coñecelas axuda moito a protexelas e respectalas, e a obra de Xosé Ramón para min é unha compañeira moi apreciada pois, como dicía antes, axúdame a manter vivos tódolos sentidos e tódalas ansias para vivir en plenitude a grande riqueza que atesoura a nosa terra, e que nos vén dada moi xenerosamente.
Grazas pola labor de anos e o saber que compartes con todos nós. Grazas a Xerais por axudar a que chegue a tódolos recantos do país unha obra coma esta, que debería estar en tódolos fogares para ler e compartir camiñando polos campos en calquera época do ano, ou sentados á sombra dunha árbore pondo a proba os cinco sentidos. Co trebo de catro follas do x de Xerais que leva na portada o libro, toda a sorte para o libro e para o seu autor.

«Guía das plantas de Galicia», presentación en Gondomar

Xaneiro 20, 2009

O vindeiro xoves, 22 de xaneiro, presentarase en Gondomar a Guia das plantas de Galicia de Xosé Ramón García. O acto organizado polo Instituto de Estudos Miñoranos, encadrado no seu ciclo «Queremos tanto os libros», terá lugar ás 20:30 horas na sede do IEM (Avenida da Feira 10, baixo). A presentación do autor correrá a cargo de Xilberte Mando de la Torre.

xg00131401A Guía das Plantas de Galicia, do prestixioso botánico Xosé Ramón García, é un instrumento imprescindible para o coñecemento básico da actual flora do noso país. A partir dunha terminoloxía sinxela, permítenos a determinación polo miúdo das especies que os estudosos e afeccionados poden atopar nas saídas ao campo ou nos paseos polo seu contorno.

O libro comeza cunha introdución xeral na que se trata da recolección, preparación e conservación das plantas, nomenclatura botánica, posibilidades de internet e xeoloxía de Galicia. Inclúese normativa legal sobre protección dos hábitats naturais, o Catálogo galego de especies ameazadas e o Rexistro de especies de interese galego. Logo, aborda a obra as claves dicotómicas que permiten a determinación ata o nivel de especie, para entrar nas fichas descritivas das familias e nas 1.386 especies (a maior parte das que aparecen en Galicia), indicándose o nome considerado correcto, sinónimos, nomes populares en galego e castelán, descrición –con especial atención ás características que teñen valor diferencial–, hábitats máis habituais e época de floración.

A Guía das Plantas de Galicia contén, ademais, máis de 1.000 fotografías que ilustran o aspecto xeral da planta ou aspectos relevantes para a súa identificación, así como debuxos nos casos en que se considera oportuno. Esta obra monumental remata cun vocabulario en que se glosan os termos empregados.