Archive for Novembro 2008

«Remoldiño vai á feira» en Espazo Lectura de Gondomar

Novembro 29, 2008

Continuando coa campaña «Voces á orella», organizada por Xerais e a Secretaría Xeral de Política Lingüística, o espectáculo Remoldiño vai á feira chegou a Gondomar xestionado por Espazo Lectura. Este espectáculo, baseado no libro homónimo de Xoán Cuba, ilustrado por Óscar Villán, interpretado polos actores Chus Álvarez e Antonio L. Rico, da compañía Casahamlet, chegou así as trinta representacións realizadas por todo o país. Os membros de Espazo Lectura gravaron estes magníficos vídeos.

Jaureguizar presentou «O Globo de Shakespeare» en Melide

Novembro 29, 2008

jaureguizarJaureguizar presentou hoxe no concello de Melide O Globo de Shakespeare, a novela gañadora do Premio Terra de Melide 2008. No acto estivo acompañado por Socorro Cea (alcaldesa de Melide) e Manuel Bragado. No comezo da súa intervención, Jaureguizar salientou que estaba feliz por que está presentación se celebraba nun día shakesperiano, «a choiva, como din na miña terra, crea un escenario perfecto para a presentación deste libro». Logo sinalou a importancia de que un concello como o de Melide termase deste premio, «que haxa un concello que se implique deste xeito, como o fai o de Melide, coa literatura nacional é relevante».

Citando a súa admiración pola serie Os Soprano, o autor d’ O Globo de Shakespeare insistiu que na narración é importante falar sobre as persoas, como tratou de facer nesta obra. «No Globo hai unha trama real. Sir Francis Drake decidiu atacar Porto Rico, que defendía un militar das Figueiras. O fillo da Mariña conseguiu que a praza resistise e na volta o pirata inglés derrotado pillou unhas febres. Tamén é real que Drake e Shakespeare se coñecesen, como o é que Drake era unha persoa culta. Até aí os feitos reais. A partir de aí, desenvólvese a miña ficción. Hai unha primeira versión de Hamlet. Convén recordar que Shakespeare non escribía as súas máis de trinta pezas. Os actores aprendíanas de memoria. As que coñecemos de Shakespeare foron escritas por dous actores dous anos despois da súa militar. Sigo. O militar galego volve a súa casa natal de Ribadeo e no seu arquivo queda, entre outras, a peza que Shakespeare lle pasara a ler a Drake.»

A continuación, Jaureguizar expresou que escribía coa intención de que o lesen, non para ser querido.«Escribín esta novela para falar do espectáculo, como xa fixera en Cabaret Voltaire, onde abordei o espectáculo do cabaret; como fixen n’ As horas sucias, dedicada ao circo; n’ A cova das vacas mortas, onde está moi presente o cinema. Aquí no Globo o espectáculo é o teatro. O teatriño que hai no soto do pazo, onde Ricardo fai representación de obras de Shakespeare cos seus títeres. Ricardo fala por medio das voces dos seus títeres e como non ten público para o seu espectáculo contrata a unha prostituta para que as contemple. A ela, que se sinte moi soa, non lle gustan, apenas atende a aquelas máis románticas como Romeo e Xulieta. Mentres, Rosalía, a muller de Ricardo, trata de sacar adiante aos seus tres rapaces. Ricardo síntese frustrado e envexoso de Sebe, un escritor de éxito, un personaxe que quixen construír arquetípico (guapo, elegante…). Este Sebe soña con limóns verdes que van madurecendo ao longo da novela até chegar a ser amarelos. Por que soña con limóns? Por que como ensina o mestre Cunqueiro hai unha continuidade entre o soño e a realidade. Os limóns son importantes na miña novela»

Concluíu a súa intervención Jaureguizar sinalando que pechou a todos os personaxes, coa excepción de Rosalía, nun pazo, nun concepto bastante teatral, coa intención de poder abordar mellor as relacións de poder e mesmo as sentimentais entre todos eles e como a descuberta do manuscrito lles vai afectar.

Ao remate da presentación, Jaureguizar presentou as galletas da novela, uns sabedeiros doces de limón. «A primeira novela galega con dóce propio.»

Unha biblioteca para X.L. Méndez Ferrín

Novembro 29, 2008

2008-12-06_img_2008-11-29_00_57_05_pag7

Onte foi inaugurada con grande brillantez a Biblioteca X.L. Méndez Ferrín do Instituto Santa Irene de Vigo.

A opinión de Manuel Rivas sobre «O natural é político» de Teresa Moure

Novembro 28, 2008

Manuel Rivas dedícalle unha parte do seu artigo de «Os Grouchos» deste venres ao libro O natural é político, de Teresa Moure, publicado na colección Ensaio de Xerais. Achegamos, para a súa degustación, este fragmento do artigo de Rivas:

o-natural-e-politicoDESCULPEN AS MOLESTIAS MAIS ISTO É UNHA REVOLUCIÓN. Estar de acordo non é razón dabondo para subliñar unha obra nin para recomendala, se vén do forno como vén, e con lume de uz, O natural é político, o último ensaio de Teresa Moure. Que a obra é valente. Pois tampouco abonda. Que é desmitificadora e moi crítica co medioambientalismo esluído. Vale. Que a súa visión non é tampouco a dun ecoloxismo purista, que renegue do político, senón a formulación dunha “ecoloxía profunda”, que entrelace e artelle os movementos alternativos non para maquillar de verde a política senón para unha reforma radical do xeito de vida. Magnífico. Tampouco vou loar O natural é político por casar ética e estética. Non. Nin reclamar a atención sobre este libro porque estea escrito con eficacia, que é un dos xeitos de manifestarse a beleza. Non. Tampouco porque sexa un libro que o sentes cando o pensas e o pensas sentindo. Non. Non recomendo O natural é político porque sexa radical, que o é. Tan radical que responde a unha intelixencia realista: Eco (loxicamente). Eu o que o único que digo é que deste libro non hai que barullalo: hai que pasalo de man en man.

Marcos Valcárcel, presentación e homenaxe

Novembro 27, 2008

10000523013O sábado 29, ás 19:00 horas, nas instalacións do Liceo de Ourense (Lamas Carvajal 5) presentarase Historia de Ourense o máis recente libro de Marcos Valcárcel. O acto contará coa intervención de Francisco Rodríguez Fernández (alcalde de Ourense), Alfonso Vázquez Monxardín, Manuel Bragado e o autor. A continuación, ás 21:00 horas no restaurante San Miguel celebrarase unha cea-homenaxe de recoñecemento de todos os amigos e amigas ao infatigable labor de Marcos a prol da cultura de noso.

Manuel Rivas, entrevistado por «Vieiros»

Novembro 27, 2008

0984288001227720125

Coincidindo coa aparición nas librarías d’ A corpo aberto, Manuel Rivas é entrevistado por Vieiros. Recollemos algúns fragmentos dun texto moi interesante:

xg001610012Por que é unha ollada ‘indie’?
Ben, é unha chiscadela. É un termo que se emprega máis na música ou no cinema, e non tanto na literatura, pero creo que define un espírito crítico e independente que lle viría ben ao xornalismo. A palabra remite tamén a unha relación irónica co que un fai. Eu tamén a ligo a un xornalismo indio, en referencia a unha tipoloxía xa vella dos escritores, de Philip Ravh, que opoñía aos ‘rostros pálidos’ os chamados ‘pel roxa’, aqueles que vivían na fronteira, que ían máis alá e que avanzaban cara ao descoñecido.
É máis importante ser moi visíbel nos grandes eventos, ou o traballo diario a través das universidades, as oficinas do libro, os axentes literarios…?
Todo é compatíbel, pero creo que o máis importante segue sendo tratar con respecto á literatura no propio país. Sería irreal esperar que os franceses, ou os fineses, ou os norteamericanos desen un trato destacado ás nosas obras se estas obras non teñen ese trato no propio país. Esa é a mellor maneira de proxectar a nosa literatura no exterior. Ti vas a Irlanda, ou a Islandia, e nos aeroporto xa podes atopar a súa literatura; aquí non sucede iso. En Galiza tampouco as obras galegas ocupan un lugar destacado nas bibliotecas, e nos medios de comunicación galegos a nosa literatura segue a ser algo exótico. Iso si, ás veces o coñecemento fóra dunha obra permite o se redescubrimento no interior.

X.L. Méndez Ferrín, homenaxeado polo Instituto Santa Irene

Novembro 27, 2008

10000072713Xerais únese ao homenaxe que mañá, venres 29 de novembro, ás 19:30 horas, tributará o claustro de profesorado e o alumnado do Instituto Santa irene de Vigo a X.L. Méndez Ferrín. Quen fora profesor do centro durante máis de tres décadas, recibirá así a gratitude dos seus milleiros de alumnos e alumnas e o recoñecemento do seu labor docente. Coincidindo co acto, no que o profesor Xosé Ramón Pena encargarase de impartir a lección maxistral, descubrirase unha placa e abrirase a biblioteca dedicada ao escritor, que pretende converterse en referente para o estudo da súa obra literaria. O cadro de persoal de Xerais, en data tan sinalada, abenzoa ao noso admirado profesor Méndez Ferrín.

«A Cabeza de Medusa», presentación en Vigo

Novembro 27, 2008

xg001409011Mañá, venres 29 de novembro, ás 20:00 horas na Fundación Caixa Galicia de Vigo presentarase A Cabeza de Medusa, a novela de Marilar Aleixandre, gañadora do Premio Fundación Caixa Galicia de Literatura xuvenil 2008. No acto, acompañarán á autora Marta Dacosta, Gloria Rodríguez e Manuel Bragado.

«Reversos», crítica no «Faro da Cultura»

Novembro 27, 2008

reversosfaro

Román Raña publica hoxe no Faro da Cultura a primeira crítica sobre Reversos, o derradeiro poemario de Ramiro Fonte. Recollemos algúns anácos deste importante texto:

xg00161101Arriscada, arriscadísima a poesía última de Ramiro Fonte. Seguindo a súa persoal predilección, o noso poeta iniciou hai anos un camiño de mergullo na nosa tradición poética, unha busca das orixes, unha procura da depuración expresiva. Consecuencia disto, Reversos, supón a culminación desta viaxe, agora xa definitiva.

[…]

Aquí temos o seu último legado, esta colección coherente de textos breves, de poesía rimada moi particularmente influenciada por Rosalía de Castro, por Ramón Cabanillas, por Rubén Darío, mais tamén non o esuezamos, por Amado Carballo e, en última instancia, polo grande Baudelaire. Todo o século XIX en pleno acode á nosa mente cando lemos estes poemas.

[…]

Cando se ama, a mesma morte sabe que non hai morte, que a natureza e poesía son e serán sempre hálito de resurrección.

10 de decembro 2008: Sesenta Aniversario da Declaración Universal dos Dereitos Humanos

Novembro 26, 2008

Cartel (Trazado) [Convertido]

O vindeiro 10 de decembro celebrarase no Auditorio do Centro Cultural Caixanova un acto cívico, con motivo do sesenta aniversario da Declaración Universal dos Dereitos Humanos, no que se presentará o libro Educación e Paz III. Literatura Galega pola Paz, coordinado polo recentemente desaparecido Xesús R. Jares.

O acto, que será conducido por Manuel Romón, contará coa participación de Ánxela Bugallo (conselleira de Cultura e Deporte), Abel Caballero (alcalde de Vigo), Manuel Bragado (director de Xerais) e unha representación dos trinta narradores e poetas galegos que participan no volume de Literatura Galega pola Paz. Durante o acto dez alumnos e alumnas dos IES do Castro e de Teis de Vigo lerán o texto da Declaración e os profesores da Escola de Música Tradicional de Vigo, compoñentes da agrupación Son de seu, interpretarán diversas pezas. Este acto, ademais, constituirá a merecida e emotiva lembranza de Xesús R. Jares, fundador de Educadores pola Paz e promotor da triloxía Educación e Paz, editada por Xerais.

xg00160901Durante o ano 2008 celébrase o 25 aniversario de Educadores pola Paz, grupo que forma parte do movemento de renovación pedagóxica Nova Escola Galega. Para conmemorar esta efeméride, Xesús R. Jares, desaparecido o pasado mes de setembro, impulsou a publicación dunha triloxía, Educación e Paz, coa intención de que recollese as achegas dos homes e mulleres que, ao longo destes anos, veñen traballando arredor dos obxectivos que promove Educadores pola Paz. Con esta intención naceron os tres libros que constitúen o proxecto, deseñado en colaboración con Edicións Xerais de Galicia. Educación e Paz III. Literatura galega pola Paz, que recolle textos narrativos e poéticos de autores e autoras galegos inspirados na cultura da paz. Textos que tanto polo seu valor literario como polo seu contido temático, poidan ser utilizados nas aulas para espallar os obxectivos que defende Educadores pola Paz.

Participan no volume quince narradores (Rosa Aneiros, Ramón Caride, Fina Casalderrey, Francisco Castro, Xabier P. DoCampo, Agustín Fernández Paz, Jaureguizar, Manuel Lourenzo González, Xosé Miranda, Teresa Moure, Xavier Queipo, María Reimóndez, Manuel Rivas, Anxos Sumai e Suso de Toro) e catorce poetas (An Alfaya, Fran Alonso, Celso Álvarez Cáccamo, Marica Campo, Yolanda Castaño, Marta Dacosta, Antonio García Teijeiro, Olga Novo, María Xosé Queizán, Román Raña Lama, Daniel Salgado, Xavier Seoane, Xulio L. Valcárcel e Rafa Villar), aos que se engaden os textos creados polos membros do Obradoiro de Lingua Gianni Rodari, vencellados ao movemento de Educadores pola Paz.

Os dereitos de autor xerados pola venda deste terceiro volume, editado como os anteriores por Edicións Xerais de Galicia, destinaranse, a partes iguais, a Amnistía Internacional-España e a Greenpeace-España.

Este acto de conmemoración da Declaración Universal dos Dereitos Humanos e de presentación de Educación e Paz III. Literatura Galega pola Paz está organizado pola Concellería de Educación do Concello de Vigo, por Educadores pola Paz de Nova Escola Galega e por Xerais, contando coa colaboración da Consellaría de Cultura e Deporte e de Caixanova.

O cartel do acto, así como a portada do libro, foron deseñados por Ángel Cerviño.

«A corpo aberto» de Manuel Rivas, hoxe á venda

Novembro 26, 2008

xg001610011Hoxe chega ás librarías galegas A corpo aberto, o libro de xornalismo de Manuel Rivas. O libro será presentado o vindeiro 6 de decembro, sábado, ás 20:00 horas en Cultur.gal, a Feira Galega das Industrias Culturais que se celebra nas instalacións de Palexco na Coruña.

Onte foi presentada en Madrid a edición en castelán nun acto no que Manuel Rivas foi acompañado por Baltasar Garzón e José Luis Cuerda. Galicia hoxe dá conta do desenvolvemento deste acto:

gp32f03274793_198014

«Al Gore loita contra o quecemento global e Aznar practica o quecemento local», leu onte na presentación o xuíz Baltasar Garzón como exemplo da retranca que impregna A corpo aberto, 199 artigos publicados no xornal El País e a revista Integral.

Garzón que apareceu no último momento, porque non sabía se ía estar en condicións de falar tras a súa recente operación de gorxa, coñeceu “15 minutos” antes da presentación a Rivas. O maxistrado é o protagonista do primeiro dos artigos, A estrela, no que o escritor cuestiona o xornalismo «onanista e egocéntrico» que atribúe a Garzón un protagonismo excesivo.

Rivas fixo unha crítica ao xornalismo que «sofre da contaminación e da toxicidade que afectan á linguaxe, ao utilizar expresións como danos colaterais». «Como dicía Walter Benjamin, deberiamos pasar o cepillo a contrapelo e procurar a decantación», engadiu. Para o autor, xornalismo e literatura deberían camiñar xuntos «como o vagabundo de Charlotte en Tempos modernos que tamén vivía en tempos de crise, que vai cara ó descoñecido simultaneando co casual e co causal». Rivas busca incorporar á literatura as voces baixas da humanidade, «as que teñen sentido», porque o ruído «non o ten». «Sempre cara a adiante, aberto ás sorpresas pero cun pé na ilusión e outro na desilusión, un na esperanza e outro no inalcanzable», detallou o escritor. Tamén asistiu á presentación o director de cine José Luis Cuerda para quen Rivas é capaz de crear con «bondade e sabedoría» contos cheos de refrán. O cineasta coincidiu co moderador da presentación, Javier Rioyo, en que o escritor está «no lado rebelde».

Rivas aborda temas como a memoria histórica, a política, os agravios lingüísticos, o cambio climático, a síndrome de Burn-out ou a vangarda do fartismo. Tamén se mergulla na paisaxe galega e rememora a catástrofe do Prestige, dende a autoridade do que o viviu en primeira liña e participou na creación de Nunca Máis. Un libro no que non renuncia ao humor e á ironía.

Xerais no Cultur.gal 2008

Novembro 26, 2008

http___wwwculturgal

Nos vindeiros días, 456 e 7 de decembro, vai ter lugar en Palexco (Pazo de Congresos e Exposicións da Coruña o Cultur.gal 2008 Feira Galega das Industrias Culturais.

Esta feira está dirixida tanto ao público xeral como profesional, polo que durante estes catro días Xerais, que estará presente no Stand nº 45, programou unha serie de actividades aos que vostede está convidado/a:

  • Xoves, 4 ás 17,00 horas no stand de Xerais:

Roda de prensa de Un país a medio facer de Fran Alonso.

  • Venres, 5 ás 12,30 horas na sala de prensa do Cultur.gal:

Roda de prensa de A corpo aberto de Manuel Rivas.

  • Venres, 5 ás 18,00 horas no espazo de presentacións:

Presentación de Novas Minimaladas de Pinto & Chinto.

Participan: Pinto & Chinto e Manuel Bragado.

  • Venres, 5 ás 18,00 horas no stand de Xerais:

Firma de exemplares de O libro das viaxes imaxinarias de Xabier P. DoCampo e Xosé Cobas.

  • Venres, 5 ás 19,00 horas no espazo de presentacións:

Presentación de O natural é político de Teresa Moure.

Participarán: Pilar García Negro, Manuel Bragado e a autora.

  • Sábado, 6 ás 12,30 horas no espazo de presentacións:

Presentación de O Globo de Shakespeare de Jaureguizar

(Premio Terra de Melide, 2008)

Participarán: Óscar Sánchez, Jaureguizar e Manuel Bragado.

  • Sábado, 6 ás 18,00 horas no stand de Xerais:

Firma de exemplares de O xardín das pedras flotantes de Manuel Lourenzo González (Premio Xerais de Novela, 2008), A Cabeza de Medusa de Marilar Aleixandre (Premio Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil, 2008) e Xenaro e o misterio da mochila verde de Mar Guerra (Premio Merlín de Literatura Infantil, 2008)

  • Sábado, 6 ás 19,00 horas no stand de Xerais:

Firma de exemplares de A venus de cristal de Chelo Suárez

e As mellores intencións de Begoña Paz.

  • Sábado, 6 ás 20,00 horas no espazo de presentacións:

Presentación de A corpo aberto de Manuel Rivas.

Participarán: Manuel Rivas e Manuel Bragado

  • Domingo, 7 ás 18,00 horas no stand de Xerais:

Firma de exemplares de Guía dos camiños do Eume de Chano Eiroa, Festina lente de Marcos Calveiro e Limpeza de sangue de Rubén Ruibal, (Premio Nacional de Literatura Dramática, 2007).

«O libro das viaxes imaxinarias», crítica en «Culturas»

Novembro 26, 2008

img019

Manuel Lourenzo González, entrevistado por ANT

Novembro 26, 2008

219c10daf2006bbf2c2787576815ec63dc476db2

Lara Rozados entrevista para ANT a Manuel Lourenzo González, autor d’ O xardín das pedras flotantes, novela gañadora do Premio Xerais 2008. Recollemos varios treitos da entrevista:

Agora acaba de crear un blog (batume.blogspot.com). Daralle máis xogo aínda o formato dixital para a estrutura da novela… E para a interactividade.

Precisamente, esta é unha historia de historias que queda aberta para que os personaxes poidan saír e ter a súa propia vida. É unha obsesión miña que non haxa secundarios, senón que todos teñan entidade e merezan ser nomeados. O blog dá a posibilidade de que as portas estean abertas. Agardo que se dispare a creatividade e isto se converta nunha novela coral.

Interesante a aparición dun libro maldito, como o Necronomicón de Lovecraft, de Poe (no propio nome da protagonista, “Anabel”) ou Baudelaire. Ten querenza pola literatura fantástica e do Romanticismo?

Era necesaria para a entrada do fantástico. Depende do que cadaquén consideremos fantástico, pero a min atráeme moito, malia que era complicado nunha novela con fondo realista. Pero era necesaria esa mestura de diferentes niveis. Eu teño unha visión da realidade moi poliédrica, que abrangue o que vivimos como real, pero tamén os soños. A imaxinación tamén forma parte da existencia.

Achou o xardín das pedras flotantes?

O título veume dunha “revelación”, nunha visita a unhas covas moi coñecidas de León, as de Vallporquero. Arrodeado daquela natureza extraordinaria, veume a frase á cabeza, “estou nun xardín de pedras flotantes”, e de aí trasladeino á novela.

Como está a ser acollida a obra? Non se presenta doada, entre a súa extensión e a complexidade das subtramas…

Podo dicir con toda sinceridade que tiña certo temor no momento da súa publicación: é unha novela que pode parecer difícil de ler para quen busque algo máis suave. Tiña medo de que non tivese boa acollida, pero polo que comentei coa xente que a leu, gustou moito e a lectura foi amena.

«O xardín das pedras flotantes»

Novembro 25, 2008

O xardín das pedras flotantes, a novela de Manuel Lourenzo González, gañadora do Premio Xerais 2008, tras a súa presentación onte en Pontevedra, suscita o interese de varios medios.

Teresa Cuíñas anuncia en El País Galicia o prolongamento da novela no blog do autor.

Xosé Manuel Eyré publica duás entregas da crónica da crítica que está preparando. Adiantamos un parágrafo da primeira:

0925234001212863899-manuel-lourenzo-gonzalezPolo pronto, a novela tenme entre o ceo e o inferno. Está escrita con moito oficio, recoñécese un narrador elegante (ultimamente, eis un cualificativo que, afortunadamente, se me repite), que se manexa moi ben nun microestilo ou estilo frástico no cal os ritmos de exposición e intelección están pulcramente coidados, cunha lingua dúctil e próxima (non foxe do cultismo nin lle pon medo o coloquial ) na que o lector le con comodidade e o agrado de ter diante un narrador con oficio que se esmera en non defraudar. O ceo. Iso e a habilidade para transitar entre rexistros narrativos. Na bitácora do autor, unha excelente oportunidade de comprobalo. Aquí, cinco páxinas.

Por último, recollemos varias das afirmacións realizadas na presentación por parte de Mario Iglesias e Kiko Dasilva:

  • «Unha obra extraordinaria, de estrutura sólida, ben construída. Un traballo tremendo de arquitecto onde hai un trasfondo de anos.» Mario Iglesias.
  • «Fascina desa estrutura que sexa aberta, que teña ventás a outras moitas historias. Unha novela chea de links.» Mario Iglesias.
  • «Esta novela é un universo que conecta con universos.» Mario Iglesias
  • «Unha novela que fala do primeiro amor, mais non dende a inxenuidade do namorado.» Kiko Dasilva
  • «Os lectores namoraranse tanto dos personaxes como das historias que nos gustarían que contasen.» Kiko Dasilva
  • «Este será o libro máxico para Manuel. Enganchará a mozos e adultos. Espertará a curiosidade de cada lector polo seu propio pasado.» Kiko Dasilva

«Xenaro e o misterio da mochila verde», presentación

Novembro 24, 2008

O mércores, 26 de novembro, presentarase na  Coruña Xenaro e o misterio da mochila verde, a obra de Mar Guerra gañadora do Premio Merlín de literatura infantil 2008. O acto, que se celebrará na Libraría Arenas (Cantón Pequeno 25), a partir das 20:00 horas, contará coa participación de Laura Sáez, Manuel Bragado e a autora.

xg00141901A Xenaro Conese Maiúsculo o que máis lle gusta é xogar coas palabras e ler. Tamén lle gustan os xogos de computador, o xadrez, os cómics, os documentais e a música…; porén, pode parecer un bicho raro porque tamén lle encanta facer de detective e resolver misterios dos que se producen no Universal, o seu colexio. Xirando arredor da amizade e os seus modelos e xogando coa linguaxe e o humor, esta novela de Mar Guerra, gañadora do Premio Merlín de Literatura Infantil 2008, ilustrada por Fernando Llorente, foi definida polo xurado como «un trhiller psicolóxico» que desenvolve unha historia cotián de rapaces e rapazas dun centro escolar. Unha viaxe fascinante ao mundo dos nenos e nenas de hoxe.

«Incertos», presentación de Xosé Miranda

Novembro 23, 2008

1201262398524raia07_079

Enlazamos o texto que leu o escritor Xosé Miranda na presentación en Lugo de Incertos, o libro de relatos de Antón Dobao.

Entrevista aos tres premiados nos Xerais 2008

Novembro 23, 2008

g17p30f1

Camilo Franco publica en La Voz de Galicia unha entrevista cos tres premiados nos Xerais 2008, Mar Guerra, gañadora do Premio Merlín de literatura infantil, Marilar Aleixandre do Premio Fundación Caixa Galicia de literatura xuvenil e Manuel Lourenzo González do Premio Xerais de novela. Recollemos algúns dos parágrafos do texto:

Os tres consideran que os premios seguen sendo imprescindibles e que a motivación principal é «conseguir que a historia chegue aos lectores», como explica Mar Guerra, autora de Xenaro e ou misterio da mochila verde. Lourenzo apunta na conversa que «hai un efecto de reforzo para o traballo do escritor cando un xurado escolle un libro seu». Para Marilar Alexandre, autora d’ A cabeza de Medusa, «esa escolla significa que alguén gustou do texto, por máis que sabemos que con outro xurado ou resultado podería ser outro».

Os tres son gañadores de premios a libros inéditos, pero preferirían que houbese máis galardóns á obra publicada. Asegura Lourenzo González que «é máis gratificante o premio ao que non preséntache, pero tamén é certo que neste tipo de convocatorias hai vicios de funcionamento que invalidan en parte a súa función». Para Mar Guerra, os premios a libros publicados deberían darse «en condicións de laboratorio para evitar as suspicacias e que a súa referencia sexa válida».

Os tres gañadores dos Premios Xerais 2008 presentarán as súas obras a vindeira semana: Manuel Lourenzo González, o luns 24 en Pontevedra; Mar Guerra, o mércores 26 na Libraría Arenas da Coruña e Marilar Aleixandre, o venres 28 na Fundación Caixa Galicia de Vigo. Todos os actos comezarán as 20:00 horas.

«O xardín das pedras flotantes», presentación e primeira crítica

Novembro 23, 2008

O luns, 24 de novembro, ás 20:00 horas, no Auditorio de Caixa Galicia (Edifcio Café Moderno), presentarase O xardín das pedras flotantes, a novela de Manuel Lourenzo González gañadora do premio Xerais 2008. No acto, organizado polo Ateneo de Pontevedra e Xerais, participarán Mario Iglesias, director de cine, Kiko Dasilva, ilustrador e humorista, o director de Xerais e o autor. Ao remate, haberá actuación dun grupo de corda e coloquio arredor dun viño galego.

Nesta última semana Manuel Lourenzo González publicou varias anotacións en Batume, o blog no que recolle novas historias, textos e materiais que forman parte do mundo d’ O xardín das pedras flotantes.

Coincidindo coa presentación, acaba de aparecer a primeira crítica sobre a obra, realizada por Manuel Rodríguez Alonso e publicada no «Cartafol de libros» de Vieiros. Recollemos os tres primeiros parágrafos deste texto.

xg00139301Na novela, unha novela longa, mestúranse varios tipos de novela. Nas voltas atrás en que se reconstrúe a vida dos antigos propietarios do libro máxico e maldito temos retallos de novela histórica; na parte en que o protagonista Simón describe en primeira persoa a súa vida na nenez e na adolescencia atopamos o costumismo rural (na liña do idealismo de considerar o agro unha Arcadia feliz) ou mesmo o estudiantil dun instituto de Pontevedra. Mais a novela entra no terreo do marabilloso de cheo cando xorde a relación amorosa Simón-Anabel, mesturada coa maldición do libro máxico.
O autor nesta parte navega polo terreo do marabilloso, máis ca do fantástico, pois non sabemos se é fantasía-soño ou unha simple realidade en que algún accidente casual parece unha malidición máxica (a morte envelenada de Anabel). Esta parte é a máis innovadora e rechamante da novela, mesmo co xogo perspectivista de presentar a relación amorosa Anabel-Simón desde as miradas enfrontadas da narración en primeira persoa de Simón e a narración, sobre estes mesmos feitos, doutro narrador en terceira persoa.
Moi atractiva resulta así mesmo a reprodución dos pensamentos de Simón no estado de coma ou semicoma que pasa no hospital. No remate todo acaba ben, ata con voda feliz do protagonista coa rapaza da aldea que sempre quixo. O lector non sabe se o que leu foi realidade ou só un soño de Simón, ben porque entrou en coma no accidente do coche da nai, ou tras a morte de Anabel. Tampouco sabe ben se existen bruxas coma Áurea ou libros malditos que só lles traen desgrazas aos seus posuidores que, non obstante, tolean por facerse con eles.
Xa que logo novela que mestura o tradicional, o costumista, o marabilloso, o subconsciente e que pode, por iso, compracer un abano amplo de lectores. Está ademais na liña de moda da novela de personaxes xuvenís, tratamento do marabilloso, bruxaría…, en fin, boa lectura para estas tardes de inverno que se aproximan, aínda que ás veces caia no tópico (as descricións arcádicas da aldea nos oitenta) ou amose algunha vacilación no tratamento do marabilloso.

«Dicionario Enciclopedia do Pensamento Galego»

Novembro 23, 2008

A vindeira semana chegará ás librarías o Dicionario Enciclopedia do Pensamento Galego, importante obra de referencia coeditada polo Consello da Cultura Galega e Xerais.

xg00143901Este Dicionario Enciclopedia do Pensamento Galego, coordinado por Andrés Torres Queiruga e Manuel Rivas García e redactado por corenta e seis persoas, trata de conxuntar un dicionario de pensadores galegos e unha visión temática que permita encadrar o labor máis directamente filosófico no campo xeral da nosa cultura. De aí a súa división en dúas partes: a primeira, un dicionario de autores, e a segunda, unha enciclopedia que complementa temas, ideas e persoeiros que propiamente non caben na primeira.
Deste xeito, o Dicionario, en orde alfabética, permite un percorrido polo enteiro transcurso da nosa historia intelectual e da achega realizada por cento dez autores, mentres que a Enciclopedia propicia un amplo encadramento nos diversos campos da cultura: antropoloxía, pensamento científico, dereito, economía, estética, exilio, feminismo, literatura, matemática, medicina, nacionalismo, pedagoxía, política, prensa e relixión. Por último os índices onomástico e temático permiten diversos percorridos, que, conxuntando sincronía e diacronía, poden axudar a unha visión máis integral e realista da nosa cultura.
A nómina de pensadores da primeira parte chega aos nosos días, ocupándose con maior profundidade dos autores fenecidos e delimitando a extension das entradas consonte á importancia do seu pensamento. Para os autores vivos acudiuse, cando foi posible, á información dos propios interesados, adoptándose un criterio de estrita austeridade informativa, cinxíndoa a datos biográficos básicos e referencia á obra publicada no eido filosófico.
Para a redacción da parte enciclopédica escolléronse estudosos cualificados, cuxa asinatura consta ao final dos mesmos. Ordenados, tamén, alfabeticamente estes traballos de maior extensión intentan ofrecer unha visión mais global e panorámica, recollendo problemas, preocupacións ou iniciativas que están presentes na cultura actual, procurando sinalar as directrices históricas que seguirn ao longo do tempo.
Este Dicionario Enciclopedia do Pensamento Galego é froito da coedición do Consello da Cultura Galega, promotora da obra dende a sua sección de Pensamento, e de Edicións Xerais de Galicia.

«Anti natura», María Xosé Queizán

Novembro 21, 2008

Hoxe ás 20:00 horas, na Fundación Caixa Galicia de Vigo presentarase Anti natura, o novo ensaio de María Xosé Queizán. No acto, acompañarán á autora Carme Adán e os actores María Armesto e Xavier Picallo.

xg00149001Anti natura é unha viaxe polo saber. María Xosé Queizán descobre as trampas e simplifica as teorías que, desde Aristóteles ata Freud, lexitimaron o patriarcado, deténdose nas distintas concepcións do feminismo e apoiándose nos valores racionais de igualdade e xustiza. O saber é quen de mudarnos a mirada e de automodificarnos, de suprimir a opresión e a apropiación patriarcal; con todo, os cambios non serán inmediatos, a pesar das leis, e nin sequera se producirán de balde: traerán o custo do enfrontamento cos intereses sociais, políticos e económicos acomodados á situación, así como un custo de vidas humanas que as mulleres xa están a pagar. Toda viaxe leva a algures: esta viaxe parte do saber científico para rescatar as mulleres da escuridade á que estiveron predestinadas durante séculos para conducilas á luz pública.

Aquí pódese escoitar a entrevista que lle fixeron á María Xosé Queizán no Diario Cultural da RG.

Últimos actos da campaña «Voces á orella»

Novembro 21, 2008

Nesta semana rematan as actividades da campaña de animación lingüística dirixida á mocidade «Voces á orella», organizada pola Secretaría Xeral de Política Lingüística e Edicións Xerais de Galicia. Esta campaña, que se desenvolverá durante todo o mes de novembro, en máis de trinta bibliotecas, teatros, auditorios e centros culturais de localidades de toda Galicia, componse de tres espectáculos teatrais: «Remoldiño vai á feira» da compañía Casa Hamlet; «Os soños na gaiola» da compañía do Trinke Trinke e «O club da calceta» de Teatro do Morcego

En cada unha das representacións das tres pezas será entregado a todos asistentes un exemplar do libro de Xerais no que está baseado o espectáculo.

Calendario de representacións na semana do 24 ao 5 de decembro:

  • 24 de novembro, ás 10,30 h. e 11,30 h. Biblioteca Casa da Cultua de Boiro“Remoldiño vai á feira”
  • 25 de novembro, ás 10,30 h. e 11,30 h. Edificio A Senra en Bergondo “Remoldiño vai á feira”
  • 26 de novembro, ás 12,00 h. e 17,00 h. Espazo Lectura en Gondomar “Remoldiño vai á feira”
  • 27 de novembro, ás 10,30 h. e 11,30 h. Auditorio Quintela de Moaña “Remoldiño vai á feira”
  • 27 de novembro, ás 11,30 h. Teatro Pastor Díaz de Viveiro “O club da calceta”
  • 27 de novembro, ás 10,30h. e 12,30 h. Auditorio Municipal de Cangas “Os soños na gaiola”
  • 28 de novembro, ás 11,30 h. Teatro Pastor Díaz de Viveiro “O club da calceta”
  • 5 de decembro, ás 10,30 e 11,30 h. Auditorio centro de maiores de Castro Rivera de Lea “Remoldiño vai á feira”

«O Globo de Shakespeare», elenco de personaxes

Novembro 18, 2008

Jaureguizar inicia no seu blog unha serie de anotacións sobre o elenco de personaxes d’ O Globo de Shakespeare. Velaí, a primeira sobre Ricardo, o personaxe central, a segunda, sobre Rosalía, a terceira sobre a señora Quickly, a cuarta sobre Sebe e a quinta sobre Adriana:

xg00153001Ricardo é o personaxe central da miña nova novela, O globo de Shakespeare; cando menos iso lle gusta pensar a el. É xiboso, polo que o seu pai decidiu chamalo Ricardo. Ten uns cincuenta anos e vive dende sempre no pazo familiar onde o atende Celia Mandiás, á que el chama Señora Quickly. Devoto de Shakespeare (e tamén de Leandro, o seu pai) sente paixón polo teatro, aínda que careza de talento para crealo. Personifica o fracaso, que lle provoca unha desesperación que el repercute no seu amigo o escritor de éxito Sebe. Está convencido de que manipula ás persoas que ten ao redor. A súa habelencia coas mans permítiulle facerse un teatro na casa e ducias de monicreques. Anda sempre cun boneco na man porque así pode manterse nun segundo plano e non ter que enfrontar a realidade. Está divorciado da súa muller, Rosalía, coa que ten tres fillos: Hamnet, Xiá e Susana. Xanta con eles todos os días no piso no que viven. O seu carácter é caótico, desordeado, irascible, botaporela, caprichoso, sentimental, cruel, xeneroso, arroutado.

Rosalía é un dos secundarios da miña nova novela O Globo de Shakespeare. Estivo casada con Ricardo pero non deu aturado vivir no seu pazo nin a súa familia. Divorciáronse, mais ela segue sendo a Terra sobre a que xira o satélite de Ricardo. De nova, ficara fascinada polo seu talento para o espectáculo; ela, que non deixaba de ver a Lúa coma unha farola auxiliar nas noites. O monifateiro xanta na súa casa todos os días, xunto cos tres fillos que teñen en común. Ela segue aturándoo porque continúa namorada del. Rosalía é repoluda, optimista, pragmática, xenerosa, celosa e demasiado parva para decatarse do miserable que é o seu ex home con ela.

En realidade, chámase Celia Mandiás e é ama de chaves. Rexe a vida do pazo no que está ambientado ‘O globo de Shakespeare’. Entrou na casa sendo unha rapariga e no que leva máis de medio século. A xenerosidade vai canda ela, pero é quen de ser cruel se detecta unha ameaza ao seu poder. O seu carácter é disciplinado, ascético, dominado polo deber e a moral. Fisicamente é enxoita e fibrosa, camiña erguida e ás présas, polo que Ricardo alcumouna Señora Quickly. Sente paixón polos paxaros, ata o punto de que dá as horas con razas deles. Recende a aceite de oliva virxe. Tivo un novio mariñeiro cando moza, pero el desapareceu.

Sebe (Eusebio Pontella) é un dos personaxes privilexiados d’O Globo de Shakespeare. O debuxo que lle fixen foi arquetípico, índa que eses trazos unidireccionais teñen unha razón de ser. Sebe é un home encantador, guapo, elegante, sociable, amable, simpático e disciplinado na promoción desas novelas que tanto éxito teñen. Está casado con Adriana, unha muller á que avantaxa fisica e socialmente. A súa vida cambia cando empeza a soñar con limóns, que empezan sendo verdes e rematan sendo maduros. Os limóns tiran por el cara unha paixón que fará que perda a súa capacidade de decisión sentimental.

Adriana é a muller de Sebe na miña novela ‘O Globo de Shakespeare. O seu aspecto, repoludo e feo, compite en desagradable co seu carácter túzaro por ver quen é máis desagradable. Con todo, é unha muller cunha gran fortaleza, que enfrenta continuamente os desastres da vida. Encarada ao éxito do seu home, preferiu ficar na discrección porque todo o seu soño na vida é ser querida por Sebe, de quen envexa o seu físico e o seu don de xentes.

O Globo de Shakespeare, novela gañadora do premio Terra de Melide 2008, será presentada no concello de Melide o sábado 29 de novembro, ás 11:00 horas; posteriormente haberá outro acto incluído no programa de Culturgal 08.

«Mal de escola», aconsellado por Ronsel

Novembro 17, 2008

No magnífico blog Trafegando ronseis aparece unha importante anotación arredor de Mal de escola, o libro de Daniel Pennac. Recollemos o parágrafo co que finaliza o texto:

xg00151501Como aconteceu con Como unha novela, creo que todo o profesorado debería ler este libro, do que podemos gozar en galego grazas á editorial Xerais. E xa me contaredes. Eu seguirei a cavilar.

«Un país a medio facer», libro de xornalismo de Fran Alonso

Novembro 17, 2008

Un país a medio facer é o título do libro de xornalismo do noso compañeiro Fran Alonso que aparecerá nas librarías a comezos do mes de decembro.

xg00161601Un país a medio facer de Fran Alonso busca as claves da evolución da cultura galega nos últimos vinte anos a través das voces dos protagonistas. Hai 20 anos, as casas de ladrillo sen recubrir constituían, na opinión de Manuel Rivas, unha boa metáfora de Galicia; un descoñecido Xurxo Souto teimaba en inventar Os Diplomáticos de Monte Alto mentres Reixa preparaba o programa Sitio Distinto para a TVG; Uxía comezaba a súa andaina musical en solitario e o teatro galego vivía días de polémica. Algunhas das entrevistas foron contestadas e, globalmente, reflicten a cultura dun país que buscaba obsesivamente a súa normalidade. Apenas pasaran algo máis dunha ducia de anos desde a fin da ditadura, remataban os 80 ou albiscábanse os desinhibidos 90. A través de entrevistas feitas naquela época, reconstrúese agora o pulso cultural dun tempo en que Galicia era un país a medio facer e vivía ese feito de xeito obsesivo. Logo, o libro salta no tempo e viaxa, vinte anos despois, a unha Galicia que parece normal. ¿É normal? ¿Que cambiou na cultura galega nestes vinte anos?

«Fendas abertas», crítica en Culturagalega.org

Novembro 17, 2008

Gustavo Hervella publica hoxe unha crítica sobre o último libro de Carlos Taibo titulada “As faces do nacionalismo”. Recollemos un fragmento:

xg00146601Carlos Taibo ofrece un valioso material desde o que repensar moitas das discusións que se interesan pola cuestión nacional e a súa relación coa globalización, coa esquerda e o Estado a principios do século XXI. O fío condutor é a explicación do fenómeno nacionalista en diferentes latitudes que teñen en común un fito: a poboación que habita eses territorios, en maior ou menor medida, atende a diversos postulados nacionalistas.

«A Cabeza de Medusa», crítica en Culturagalega.org

Novembro 17, 2008

Isabel Soto ven de publicar no Lg3 de Culturagalega.org unha crítica de A Cabeza de Medusa de Marilar Aleixandre, premio Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil, 2008. Recollemos un fragmento:

xg0014090112Con esta obra galardoada co Premio Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil, a autora introdúcese nun tema pouco ou nada tratado na LIX galega cal é a violación. Un conflito extraído da realidade, enfocado dende a psicoloxía adolescente que ten ante si un universo de interrogantes, dúbidas e adversidades que acontecen no seu contorno. A construción formal da narración ofrece unha intelixente estrutura e a narración compleméntase coa introdución de elementos informativos, fundamentais para o desenvolvemento e os verdadeiros intereses da historia, que inciden na violación social que sucede á física, cun amplo retrato das diferentes presións ás que están sometidas as rapazas, obrigadas a mastigar o acontecido e a superar un complicado camiño de obstáculos.

«Novas minimaladas» de Pinto & Chinto

Novembro 17, 2008

Tras o éxito de Minimaladas, Premio Merlín de literatura infantil 2007 da autoría de Carlos López, ilustrado por David Pintor, a mesma parella de autores, agora asinando como Pinto & Chinto ofrece unha entrega continuación da anterior, Novas minimaladas. Sesenta mini historias, contos breves (nalgúns casos apenas catro ou cinco liñas) protagonizadas por animais cheas de creatividade, fantasía e humor, nas que Pinto & Chinto conseguen unha perfecta ensamblaxe entre os textos de cada unha delas e a representación visual do seu protagonista. En ambos os dous títulos salienta a súa capacidade para evocar imaxes, valéndose dun emprego lúdico da linguaxe, algunhas interesantes referencias literarias e dun tratamento moi innovador da creación lingüística.

xg00161301Un rinoceronte que nunca chegou á montaña. Un leopardo ao que lle entrou a fame. Unha abella que se achegou a unha flor coa intención de recoller o néctar. Un pavo que estaba farto da súa plumaxe negra. Unha medusa que esta moi triste porque se atopaba moi soa. Un cangrexo ermitán que vivía dentro dunha buguina. Unha cebra de raias verdes e brancas.Un vagalume ao que se lle apagou a luz. Unha couza á que lle encantaba comer libros. Un cempés que quería ser futbolista. Un guepardo máis veloz que a súa sombra…

«No labirinto do vento», novos contos de fadas

Novembro 16, 2008

xg00142101No labirinto do vento é un volume de contos de fadas, reis, princesas e unicornios nos que a autora brasileira, Marina Colasanti, crea un diálogo entre a súa imaxinación e os sentimentos propios do ser humano: o medo, o desexo e o amor. Este libro, ilustrado por Carmen Segovia e traducido por Mercedes Pacheco, reúne dous títulos da autora publicados en 1978 Unha idea completamente azul e Doce reis e a moza no labirinto do vento, ambos os dous escritos nunha fermosa linguaxe poética, onde o lector de hoxe se atopará cos contos marabillosos de sempre.

«Vouvos papar», unha aventura na Internet

Novembro 16, 2008

xg00141801Vouvos papar de Luz Méndez e Pere Tobaruela é a historia de Tucho e Mucha, dous nenos que conectados polo correo electrónico e o programa de chat, cando xogaban ao «Buscaminas», ao seu xogo preferido, viven unha aventura na Internet cando os chucha o seu ordenador coma se os prendese unha aspiradora. ¿Quen é que os quere papar? E ben raro todo isto, ¿non si?

Daniel Xove ilustrou esta apaixonante aventura, a primeira na literatura infantil galega que se desenvolve no mundo das pantalllas e dos programas informáticos.

Marilar Aleixandre, entrevistada por «A Nosa Terra»

Novembro 15, 2008

3a40708f05ffc64df8c5ca67b9814d732f51f658

Lara Rozados entrevista a Marilar Aleixandre, autora d’ A Cabeza de Medusa, Premio Fundación Caixa Galicia de literatura xuvenil, na edición desta semana d’ A Nosa Terra. Recollemos varios parágrafos:

A novela comeza “O día en que ía ser violada…” anticipando xa a base do conflito, pero despois vai moito máis alá do que se presenta como o drama inicial.

As verdadeiras aventuras son as que parten dun conflito: xa o fixen noutras novelas como A banda sen futuro, Rúa Carbón… Foi unha decisión moi consciente: non me interesaba centrar a novela na violación física, na máis obvia, que acontece ao comezo de todo. O que está por baixo é a contraposición entre a visión do patriarcado e a visión feminista dun conflito, e desta última tamén participan homes. Non quixen tampouco que fose maniquea, senón que na novela os rapaces tivesen tamén esa actitude feminista. O caso é que non é posíbel unha visión neutra: ou pensas que as mulleres “están en disposición de ser usadas”, como di a sentenza da Audiencia Provincial de Pontevedra, ou que teñen os mesmos dereitos cós homes, non existe neutralidade posíbel.

As protagonistas da novela, de feito, son dúas rapazas moi loitadoras. Faltan referentes xa non femininos, senón feministas, na literatura xuvenil?

Máis que as rapazas, é a profesora que discute na clase sobre as Metamorfoses de Ovidio: por que as mulleres violadas eran convertidas en oso, en xabarín, en porco, e Neptuno, Xúpiter e demais quedaban impunes? Ela suscita esa reflexión, achega un novo xeito de interpretar o mundo. Eu noto un cambio: eu son profesora na Universidade, e comprobei que nos últimos tempos están a cambiar as cousas. Pero acontece, tanto na narrativa como nos libros de texto, ás veces van por detrás da realidade.

Máis de 1.000 escolares participarán esta semana na campaña «Voces á orella»

Novembro 14, 2008

Seguen as actividades da campaña de animación lingüística dirixida á mocidade «Voces á orella», organizada pola
Secretaría Xeral de Política Lingüística e Edicións Xerais de Galicia. Esta campaña, que se desenvolverá durante todo o mes de novembro, en máis de trinta bibliotecas, teatros, auditorios e centros culturais de localidades de toda Galicia, componse de tres espectáculos teatrais: «Remoldiño vai á feira» da compañía Casa Hamlet; «Os soños na gaiola» da compañía do Trinke Trinke e «O club da calceta» de Teatro do Morcego

En cada unha das representacións das tres pezas será entregado a todos asistentes un exemplar do libro de Xerais no que está baseado o espectáculo.

Calendario de representacións na semana do 17 ao 21 de novembro:

  • 17 de novembro, ás 10,30 h. e 11,30 h. Biblioteca de A Laracha “Remoldiño vai á feira”
  • 18 de novembro, ás 10,30 h. e 11,30 h. Casa da Cultura de A Pastoriza “Remoldiño vai á feira”
  • 19 de novembro, ás 10,30 h. e 11,30 h. Auditorio de Ribeira “Remoldiño vai á feira”
  • 19 de novembro, ás 11,30 h. Teatro Municipal Louro Olmo de O Barco “O club da calceta”
  • 20 de novembro, ás 11,30 h. Teatro Municipal Louro Olmo de O Barco “O club da calceta”
  • 20 de novembro, ás 10,30 h. e 11,30 h. Colexio Daniel Castelao de Rianxo “Remoldiño vai á feira”
  • 20 de novembro, ás 10,30 h. Pazo da Cultura de Carballo “Os soños na gaiola”

«A batalla do paraíso triste», novela de Xosé Ramón Pena

Novembro 14, 2008

Xosé Ramón Pena, gañador do premio Xerais de novela 1987, tras un silencio de varios anos, regresa á novela con A batalla do paraíso triste, unha ficción de espionaxe ambientada na Lisboa salazarista.

xg00159701Entre 1940 e 1941 Europa arde baixo as lapas da II Guerra Mundial. Fuxindo das bombas e da barbarie nazi, milleiros de refuxiados acoden a Lisboa na procura dun visado que lles permita atinxir a liberdade. No medio daquela multitude está Antoine de Saint-Exupéry. O autor d’ O principiño residiu na capital portuguesa antes de marchar cara a América e definiuna como un paraíso triste. Fuxindo do París ocupado, Fernando Freitas –antigo oficial portugués– retorna ao seu país co obxectivo de cruzar o Atlántico. Con todo, os días son eternos na angustia da espera. Descuberta a súa verdadeira identidade, vese involucrado no medio da batalla que se está a librar na cidade entre os distintos servizos secretos, convertindo Lisboa nun niño de espías: un espazo de ambigüidades que se complica coa relación que Freitas vive coa actriz de revistas Catarina Gusmão.

A batalla do paraíso triste é unha novela de acción e de espionaxe, pero tamén un relato de amores, esperanzas e desenganos; de amizades e traizóns: a crónica dunha Lisboa pobre e gris que a ditadura salazarista tenta ocultar co centileo dos hoteis de luxo e os espectáculos musicais.

«Conexión Tubinga», finalista do Premio Xerais de novela 2008

Novembro 14, 2008

A vindeira semana aparecerá nas librarías Conexión Tubinga, a primeira novela de Alberto Canal, finalista do Premio Xerais 2008.

xg00159601O padre Amador prohibiu a lectura do libro Existe Deus, de Hans Küng, no Seminario Divino Mestre de Ourense, unha obra na que se intenta demostrar racionalmente a existencia de Deus. Cales son os motivos desa prohibición? Tito Besteiro, un seminarista aspirante a sacerdote e admirador de Nietzsche, intenta desentrañar os motivos da prohibición, percorrendo un intrigante camiño que o levará á cidade alemá de Tubinga, onde perdura a historia do tradicional enfrontamento entre a Igrexa tradicionalista de Ratzinger e a vangardista de Küng. O castigo que sofre polo seu atrevemento ábreo á aventura do amor e axúdalle a superar a misoxinia que lle inculcaron, pero, ao tempo, pono en situación de ter que decidir sobre o seu futuro. Conexión Tubinga, a primeira novela que publica Alberto Canal, é unha intriga teolóxica que encerra a historia dun rapaz que trata de buscar a súa identidade e o sentido da vida nun ambiente de represión emocional e sexual. Esta novela foi a Finalista da XXV edición do Premio Xerais.

Batume, blog de Manuel Lourenzo González

Novembro 13, 2008

batume7

Acabamos de coñecer a primeira anotación de Batume, o blog aberto por Manuel Lourenzo González ao fío da publicación d’ O xardín das pedras flotantes, premio Xerais de Novela 2008. Lourenzo define así as intencións do blog:

pedraspequenaEn O Xardín das Pedras Flotantes suxírense múltiples historias que nin empezan nin acaban, simplemente discorren, e que dan pé a que sexan completadas ou continuadas ou dalgunha maneira imaxinadas por calquera persoa.
Nestas páxinas efémeras atoparedes algunhas desas historias, mais pequenos textos, imaxes e outros materiais, propios e alleos, que poderían estar no Xardín, pois forman parte del, pero que viñeron dar aquí por algún deses azares que tecen o noso diario navegar.
Vós tamén podedes aportar as vosas creacións, pois son para o Xardín onde todos acabaremos por vivir. Se inventades algunha historia relacionada coas historias do Xardín e queredes que figure entre estas que se amosan, xa sabedes o mecanismo: escribir e enviar.
Esta é a praia aberta a onde chega o batume.

«Incertos», Antón Dobao presenta en Lugo

Novembro 13, 2008

xg00145801Antón Dobao presentará Incertos o venres 14 de novembro, ás 20:00 horas na Libraría Trama de Lugo (Avenida da Coruña 21). No acto estará acompañado polos escritores Darío Xohán Cabana e Xosé Miranda e polo director da editorial.

«Laxeiro por si mesmo», novo libro de Carlos G. Reigosa

Novembro 12, 2008

Coincidindo cos actos organizados en Vigo pola Universidade Internacional Menéndez Pelayo con motivo do Centenario do pintor Laxeiro, poñerase á venda na segunda semana de decembro Laxeiro por si mesmo, o novo libro de Carlos G. Reigosa.

xg00162501Laxeiro fronte a si mesmo e fronte a Xosé Otero Abeledo, o «eu» primixenio. Laxeiro nas súas propias palabras, sen intermediarios nin intérpretes, nunha conversa con Carlos G. Reigosa sobre o divino e o humano, e tamén sobre a pintura, o seu desafío radical. Laxeiro por si mesmo, nu diante do espello, espontáneo e vital, sen disfraces… Iso contén este libro. Ben seguro, cando Laxeiro ollou por primeira vez o Pórtico da Gloria, a súa alma e a do Mestre Mateo xuntáronse nalgún recuncho do Marquesado da Romea e comezaron o seu parrafeo creativo, frutífero e se cadra interminable. Naceu así o pintor máis intuitivo, enérxico, axitador, libre e rebuldeiro da xeración de Os Renovadores da Vangarda Histórica galega. Rebelde contra as tradicións localistas, Laxeiro converteuse no rexo forxador dunha estética granítica, sempre fiel ás raíces, pero tamén en profundo diálogo coas vangardas pictóricas internacionais. Deste xeito puido ser –e foino– un proteico revitalizador dos mitos galegos (na liña de Valle-Inclán e de Cunqueiro), cunha expresión artística enxebre e universal á vez.Pintor de vigorosa ollada atlántica,, nunca deixou de buscar dentro del a autenticidade que distingue ós grandes creadores. Por iso, como ben escribiu X. Antón Castro, Laxeiro é “un dos pintores máis significativos e innovadores da España dos últimos setenta anos”. Algo que ninguén discute no centenario do seu nacemento. Laxeiro por si mesmo, inclúe a conversa que aínda permanecía inédita realizada por Carlos G. Reigosa, tres epílogos sobre o xenial pintor de Botos preparados por X. Antón Castro e os pintores Antón Patiño e Leopoldo Nóvoa, ademais de sesenta e catro páxinas a cor que constitúen tanto un percorrido fotobiográfico como unha escolma da súa obra pictórica.

«A corpo aberto», novo libro de Manuel Rivas

Novembro 12, 2008

O vindeiro 26 de novembro poñerase á venda A corpo aberto, o novo libro de xornalismo de Manuel Rivas.

xg00161001A corpo aberto de Manuel Rivas é unha viaxe de xornalismo «Indie». Independente, libre, irónica, crítica e de fábrica literaria. A primeira das viaxes describe o lugar imaxinario onde, tras a perda do poder en 2004, se decidiu instalar a España conservadora: o Estado de Apocalipse Permanente. Como no Ciprianillo, o popular libro dos tesouros ocultos, o lector non debe ler senón desler, do presente ao pasado, ao xeito do arqueólogo que se interna na caverna da España do Último Día. A segunda trata da «amnesia retrógada», unha viaxe contra o esquecemento e unha denuncia do «complexo de Creonte» no que aínda se manteñen as elites máis influentes da dereita española. Na terceira, «A revolución do mar», cóntanse, entre outras, dúas loitas que contribuíron a modificar a nosa conciencia medioambiental: a expedición do Xurelo á Fosa Atlántica e o «thriller» do caso Prestige. E, por último, na cuarta, «As Reexistencias», unha sorte de historias naturais escritas cunha respiración alternativa, entre dor e humor. En todo caso, o propósito deste libro responde á idea que enunciou con encarnizada precisión Rodolfo Walsh: escribir é un avance laborioso contra a estupidez.

Carlos G. Reigosa, Premio Torrente Ballester 2008

Novembro 11, 2008

carlos_reigosaA vida do outro de Carlos G. Reigosa é a obra gañadora do Premio Torrente Ballester de Narrativa 2008 dado a coñecer no día de hoxe. «Que me fixo a min a Transición e a consolidación democrática posterior?» é a pregunta que trata de responder, aos cincuenta e seis anos, o protagonista da obra, o director dun xornal madrileño (de orixe galega), cando despois de ter un amago de infarto se decata que non se coñece a si mesmo. Escrita toda ela en primeira persoa, A vida do outro é, en palabras do autor, «unha novela sobre o xornalismo e a vida». Carlos G. Reigosa, autor dunha longa obra narrativa e ensaística toda ela en galego publicada por Xerais, agarda estes días a publicación de Laxeiro por si mesmo, no que recupera a entrevista, aínda inédita, que lle fixera hai vinte anos ao xenial pintor de Botos. Case vinte e cinco anos despois de obter o primeiro Premio Xerais de Novela por Crime en Compostela, Reigosa recunca nun dos máis prestixiosos premios literarios das literaturas galega e castelán que, precisamente, leva o nome de Gonzalo Torrente Ballester, a quen Reigosa lle fixera en 1983 un importante libro de conversas. Os nosos maiores parabéns para o noso amigo Carlos.

Aconsellamos escoitar a entrevista que hoxe lle fixeron no «Diario Cultural» da Radio Galega.

Sergi Pamies no «Diario Cultural» da Radio Galega

Novembro 11, 2008

10002655413O «Diario Cultural» da Radio Galega entrevistou hoxe a Sergi Pamies con motivo da edición da tradución para o galego de Se comes un limón sen facer xestos, realizada por Antón Dobao. A entrevista pódese escoitar aquí.