Posts Tagged ‘xornalismo’

Neira Vilas na Feira do Libro da Coruña

Agosto 3, 2009

Neira_Vilas_asinando_na_Feira_do_Libro

O martes, 4 de agosto, ás 21:00 horas, dentro do programada de actividades da Feira do Libro da Coruña, Xosé Neira Vilas presentará Lóstregos, o libro de xornalismo polo que obtivo o premio Manuel Reimóndez Portela. A partir das 19:30 horas, o autor de Gres asinará exemplares das súas obras.

«Conversas con Emilio Pérez Touriño», presentación

Febreiro 3, 2009

38712Numerosos medios fanse eco hoxe da noticia do acto de presentación das Conversas con Emilio Pérez Touriño preparadas por Manuel Lombao para a colección Crónica. El Correo Gallego publica unha crónica e un carrusel de imaxes; outrosí fixeron Galicia hoxe, La Voz de Galicia, Faro de Vigo, El País Galicia, Soitu, La Opinión da Coruña, Xornal de Galicia, Europa PressVieiros, Galiciae. Máis imaxes da presentación poden verse aquí.

«Conversas con Emilio Pérez Touriño» en «Galicia hoxe»

Febreiro 2, 2009

xg00164701O xornal Galicia hoxe publica unha páxina na que adianta algúns dos contidos de Conversas con Emilio Pérez Touriño, o libro de Manuel Lombao que será presentado hoxe, luns, 2 de febreiro, ás seis da tarde, no Museo do Pobo Galego de Santiago de Compostela.

«Conversas con Emilio Pérez Touriño», presentación en Compostela

Xaneiro 30, 2009

O luns, 2 de febreiro, ás 18:00 horas no Auditorio do Museo do Pobo Galego, San Domingos de Bonaval s/nº de Santiago de Compostela, presentarase o libro Conversas con Emilio Pérez Touriño de Manuel Lombao. O acto contará coa participación de Manuel Bragado Rodríguez, Isaac Díaz Pardo, Emilio Pérez Touriño e o autor.

tourinowebEmilio Pérez Touriño debulla nesta longa conversa con Manuel Lombao as claves do seu proxecto político para Galicia en asuntos tan decisivos como as infraestruturas, a ordenación territorial, a reforma estatutaria, a educación ou a lingua. E xunto ao político que dirixe o rumbo do país desde a presidencia da Xunta de Galicia, comparece tamén neste libro un Pérez Touriño apenas coñecido polo público, que nos fala das súas orixes familiares, da súa adolescencia, das súas experiencias militantes e da súa vida académica, así como das circunstancias e motivos que o levaron a renovar o socialismo galego e a liderar o proceso que conduciría á formación do primeiro goberno de esquerdas da historia de Galicia.

«Un país a medio facer», crítica de Lupe Gómez

Xaneiro 26, 2009

«Un país raro», así define Galicia a escritora Lupe Gómez no Galicia Hoxe de onte, domingo, cando fala de Un país a medio facer, o máis recente libro de Fran Alonso. Reproducimos parte do seu artigo, publicado baixo o título «Hipopótamo amoroso» no suplemento «Lecer»:

cid-cabido-e-fran-alonso-a-finais-dos-801O escritor galego Fran Alonso sempre nos sorprende coas súas achegas orixinais, coa súa escrita diferente. Agora agasállanos co seu libro de entrevistas Un país a medio facer, no que aparecen persoas como Manolo Rivas, Suso de Toro, Antón Reixa, Uxía Senlle, Ugía Pedreira… Un feixe de entrevistados que nos dan visións raras e interesantes de Galicia. Porque Galicia non é un país normal, senón que é un país raro, pequeniño e inmenso. Fran Alonso é un hipopótamo que sabe facer fotos cunha cámara dixital de alta definición. Cun punto de vista nidio, elegante.

Resultan interesantes e dinámicas as súas entrevistas. Facilitan e alegran a lectura porque non son conversas intelectuais e difíciles, senón que falan de todas as cousas con emoción e claridade. O país raro está cheo de fendas, interrogantes, claroscuros, dúbidas, enerxía, forza, medos.

A cultura galega está «aberta por reformas», como di o programa que Xurxo Souto ten na Radio Galega. É unha xanela aberta pola que poden entrar e saír moitas cousas, porque as potencialidades son amorosas.

[Na fotografía, Cid Cabido e Fran Alonso, a finais dos anos oitenta]

«Conversas con Emilio Pérez Touriño»

Xaneiro 23, 2009

A vindeira semana chegará ao almacén Conversas con Emilio Pérez Touriño, libro da colección «Crónica» no que se recollen dúas longas entrevistas co actual Presidente da Xunta de Galicia realizadas polo xornalista  lucense Manuel Lombao.

tourinowebEmilio Pérez Touriño debulla nesta longa conversa con Manuel Lombao as claves do seu proxecto político para Galicia en asuntos tan decisivos como as infraestruturas, a ordenación territorial, a reforma estatutaria, a educación ou a lingua. E xunto ao político que dirixe o rumbo do país desde a presidencia da Xunta de Galicia, comparece tamén neste libro un Pérez Touriño apenas coñecido polo público, que nos fala das súas orixes familiares, da súa adolescencia, das súas experiencias militantes e da súa vida académica, así como das circunstancias e motivos que o levaron a renovar o socialismo galego e a liderar o proceso que conduciría á formación do primeiro goberno de esquerdas da historia de Galicia.

Manuel Lombao (Lugo 1943) é licenciado en Ciencias da Información e en Dereito pola Universidade Complutense de Madrid. Traballou na SER e na COPE, en Lugo e en Madrid, e en RTVE, durante 30 anos. Foi director de RNE e de TVE en Galicia, subdirector de Informe Semanal, director do programa Parlamento e director dos centros territoriais de TVE, así como vicepresidente de CIRCOM, organización de 300 televisións públicas rexionais europeas. Ten varios premios de radio e televisión. Profesor e escritor, é actualmente o director do Instituto Cervantes en Brasilia.

Conversas con Emilio Pérez Touriño será presentado en Santiago o luns 2 de febreiro.

«Un país a medio facer», crítica de Arturo Casas

Decembro 25, 2008

Arturo Casas publica no seu blog un interesante comentario sobre Un país a medio facer o máis recente libro de Fran Alonso. Recollemos un dos fragmentos do texto:

xg00161601Xulgo moi acertada esta lectura que Fran Alonso ofrece dos cambios habidos na vida cultural entre dous momentos profesionais seus separados por vinte anos no recentísimo Un país por facer (Xerais, 2008). O xornalista que segue a selo olla o pasado, cando entrevistaba para medios como Diario 16 de Galicia, e rotula “Nun país a medio facer” para trazar o retrato dun tempo ido en dezaoito perfís. Vénse logo ao presente e o titular varía a «O país que parece normal», con catro entrevistas/panoramas/semblanzas máis. Da indeterminación (un) á determinación (o). Excelente a escolla, o matiz que nela vai, a capa do libro, a idea motora, as vintedúas instantáneas que enfocaron o labor e as ideas de escritores, editores, xestores culturais, músicos e xente de teatro e televisión. Áxil e variado o oficio seu como entrevistador, deixando falar e mantendo un rumbo. Outras veces, escoitando aquí e alá para despois constituír un discurso de discursos.

Fran Alonso fala de «Un país a medio facer»

Decembro 9, 2008

Fran Alonso presenta Un país a medio facer na xeira de entrevistas Falemos de libros emitidas en directo por internet dende o Cultur.gal pola AELG.

Manuel Rivas fala d’ «A corpo aberto»

Decembro 8, 2008

Manuel Rivas presenta A corpo aberto na xeira de entrevistas Falemos dos libros emitidas en directo por Internet dende o Cultur.gal pola AELG.

«Un país a medio facer», presentación en You Tube

Decembro 1, 2008

Fran Alonso presenta nun vídeo colgado no seu blog Un país a medio facer, a súa obra xornalística máis recente que será presentada en roda de prensa en Culturgal o vindeiro 4 de novembro ás 17 horas.

Manuel Rivas, entrevistado por «Vieiros»

Novembro 27, 2008

0984288001227720125

Coincidindo coa aparición nas librarías d’ A corpo aberto, Manuel Rivas é entrevistado por Vieiros. Recollemos algúns fragmentos dun texto moi interesante:

xg001610012Por que é unha ollada ‘indie’?
Ben, é unha chiscadela. É un termo que se emprega máis na música ou no cinema, e non tanto na literatura, pero creo que define un espírito crítico e independente que lle viría ben ao xornalismo. A palabra remite tamén a unha relación irónica co que un fai. Eu tamén a ligo a un xornalismo indio, en referencia a unha tipoloxía xa vella dos escritores, de Philip Ravh, que opoñía aos ‘rostros pálidos’ os chamados ‘pel roxa’, aqueles que vivían na fronteira, que ían máis alá e que avanzaban cara ao descoñecido.
É máis importante ser moi visíbel nos grandes eventos, ou o traballo diario a través das universidades, as oficinas do libro, os axentes literarios…?
Todo é compatíbel, pero creo que o máis importante segue sendo tratar con respecto á literatura no propio país. Sería irreal esperar que os franceses, ou os fineses, ou os norteamericanos desen un trato destacado ás nosas obras se estas obras non teñen ese trato no propio país. Esa é a mellor maneira de proxectar a nosa literatura no exterior. Ti vas a Irlanda, ou a Islandia, e nos aeroporto xa podes atopar a súa literatura; aquí non sucede iso. En Galiza tampouco as obras galegas ocupan un lugar destacado nas bibliotecas, e nos medios de comunicación galegos a nosa literatura segue a ser algo exótico. Iso si, ás veces o coñecemento fóra dunha obra permite o se redescubrimento no interior.

«A corpo aberto» de Manuel Rivas, hoxe á venda

Novembro 26, 2008

xg001610011Hoxe chega ás librarías galegas A corpo aberto, o libro de xornalismo de Manuel Rivas. O libro será presentado o vindeiro 6 de decembro, sábado, ás 20:00 horas en Cultur.gal, a Feira Galega das Industrias Culturais que se celebra nas instalacións de Palexco na Coruña.

Onte foi presentada en Madrid a edición en castelán nun acto no que Manuel Rivas foi acompañado por Baltasar Garzón e José Luis Cuerda. Galicia hoxe dá conta do desenvolvemento deste acto:

gp32f03274793_198014

«Al Gore loita contra o quecemento global e Aznar practica o quecemento local», leu onte na presentación o xuíz Baltasar Garzón como exemplo da retranca que impregna A corpo aberto, 199 artigos publicados no xornal El País e a revista Integral.

Garzón que apareceu no último momento, porque non sabía se ía estar en condicións de falar tras a súa recente operación de gorxa, coñeceu “15 minutos” antes da presentación a Rivas. O maxistrado é o protagonista do primeiro dos artigos, A estrela, no que o escritor cuestiona o xornalismo «onanista e egocéntrico» que atribúe a Garzón un protagonismo excesivo.

Rivas fixo unha crítica ao xornalismo que «sofre da contaminación e da toxicidade que afectan á linguaxe, ao utilizar expresións como danos colaterais». «Como dicía Walter Benjamin, deberiamos pasar o cepillo a contrapelo e procurar a decantación», engadiu. Para o autor, xornalismo e literatura deberían camiñar xuntos «como o vagabundo de Charlotte en Tempos modernos que tamén vivía en tempos de crise, que vai cara ó descoñecido simultaneando co casual e co causal». Rivas busca incorporar á literatura as voces baixas da humanidade, «as que teñen sentido», porque o ruído «non o ten». «Sempre cara a adiante, aberto ás sorpresas pero cun pé na ilusión e outro na desilusión, un na esperanza e outro no inalcanzable», detallou o escritor. Tamén asistiu á presentación o director de cine José Luis Cuerda para quen Rivas é capaz de crear con «bondade e sabedoría» contos cheos de refrán. O cineasta coincidiu co moderador da presentación, Javier Rioyo, en que o escritor está «no lado rebelde».

Rivas aborda temas como a memoria histórica, a política, os agravios lingüísticos, o cambio climático, a síndrome de Burn-out ou a vangarda do fartismo. Tamén se mergulla na paisaxe galega e rememora a catástrofe do Prestige, dende a autoridade do que o viviu en primeira liña e participou na creación de Nunca Máis. Un libro no que non renuncia ao humor e á ironía.

«Un país a medio facer», libro de xornalismo de Fran Alonso

Novembro 17, 2008

Un país a medio facer é o título do libro de xornalismo do noso compañeiro Fran Alonso que aparecerá nas librarías a comezos do mes de decembro.

xg00161601Un país a medio facer de Fran Alonso busca as claves da evolución da cultura galega nos últimos vinte anos a través das voces dos protagonistas. Hai 20 anos, as casas de ladrillo sen recubrir constituían, na opinión de Manuel Rivas, unha boa metáfora de Galicia; un descoñecido Xurxo Souto teimaba en inventar Os Diplomáticos de Monte Alto mentres Reixa preparaba o programa Sitio Distinto para a TVG; Uxía comezaba a súa andaina musical en solitario e o teatro galego vivía días de polémica. Algunhas das entrevistas foron contestadas e, globalmente, reflicten a cultura dun país que buscaba obsesivamente a súa normalidade. Apenas pasaran algo máis dunha ducia de anos desde a fin da ditadura, remataban os 80 ou albiscábanse os desinhibidos 90. A través de entrevistas feitas naquela época, reconstrúese agora o pulso cultural dun tempo en que Galicia era un país a medio facer e vivía ese feito de xeito obsesivo. Logo, o libro salta no tempo e viaxa, vinte anos despois, a unha Galicia que parece normal. ¿É normal? ¿Que cambiou na cultura galega nestes vinte anos?

«A corpo aberto», novo libro de Manuel Rivas

Novembro 12, 2008

O vindeiro 26 de novembro poñerase á venda A corpo aberto, o novo libro de xornalismo de Manuel Rivas.

xg00161001A corpo aberto de Manuel Rivas é unha viaxe de xornalismo «Indie». Independente, libre, irónica, crítica e de fábrica literaria. A primeira das viaxes describe o lugar imaxinario onde, tras a perda do poder en 2004, se decidiu instalar a España conservadora: o Estado de Apocalipse Permanente. Como no Ciprianillo, o popular libro dos tesouros ocultos, o lector non debe ler senón desler, do presente ao pasado, ao xeito do arqueólogo que se interna na caverna da España do Último Día. A segunda trata da «amnesia retrógada», unha viaxe contra o esquecemento e unha denuncia do «complexo de Creonte» no que aínda se manteñen as elites máis influentes da dereita española. Na terceira, «A revolución do mar», cóntanse, entre outras, dúas loitas que contribuíron a modificar a nosa conciencia medioambiental: a expedición do Xurelo á Fosa Atlántica e o «thriller» do caso Prestige. E, por último, na cuarta, «As Reexistencias», unha sorte de historias naturais escritas cunha respiración alternativa, entre dor e humor. En todo caso, o propósito deste libro responde á idea que enunciou con encarnizada precisión Rodolfo Walsh: escribir é un avance laborioso contra a estupidez.

Manuel Rivas, entrevista en “ANT”

Xullo 13, 2008

Manuel Rivas é entrevistado por A Nosa Terra con motivo da publicación d’ Os Grouchos. Recollemos algunhas das súas respostas:

“Cando pasan de ser textos soltos e se converten nun libro penso que abandonan o xornalismo para se converteren en relatos, non do hemisferio da imaxinación senón do da realidade, que é onde se garda toda a escrita xornalística. É por iso que eu prefiro definir este libro como memoria: memoria que sente, que está viva e que ri.”

“Desde o meu punto de vista, o humor é un elemento consubstancial á nosa forma de expresión colectiva. O humor galego é misterioso e libertario. Como escritor, coido que o humor nos axuda a saír da solemnidade e o aborrecemento. Cando escribo, poño a lidar o optimista e o pesimista que levo dentro, a ver que pasa. Gustaríame facer un tándem con Xosé Luís Franco Grande para darmos cada un a nosa versión da vida.”

“Para min, escribir supón unha gran responsabilidade. O escritor debe sentirse lector e ser consecuente con iso. A miña é unha posición de autoesixencia, tanto no xornalismo como na literatura. Cando me poño a escribir unha reportaxe fágoo coa mesma seriedade que cando escribo unha novela curta. É unha falacia pensar que algo é inferior por saír nun xornal e non nun libro.”

“Outra Galiza”, roda de prensa

Xuño 29, 2008

O luns, 30 de xuño, ás 12:30, no Club Internacional de Prensa de Santiago, presentarase en roda de prensa Outra Galiza de Suso de Toro. No acto intervirán o autor e Manuel Bragado.

“Outra Galiza”, adianto

Xuño 25, 2008

Aquí poden descargarse vinte páxinas do novo libro de xornalismo de Suso de Toro, Outra Galiza. Este documento pdf inclúe o limiar do libro e dous traballos correspondentes ás dúas partes da obra: “o traxe non vale” (primeiro traballo do capítulo “O tempo aberto”) e “Outras ideas, outro galeguismo” (un dos textos da segunda parte “Saíndo ao día”). Outra Galiza será presentada aos medios de comunicación o luns 30 de xuño, ás 12:00 horas, no Club Internacional de Prensa de Santiago e o autor asinará exemplares na Feira do Libro de Vigo no serán do venres 4 de xullo.

Manuel Rivas presentou “Os Grouchos”

Xuño 23, 2008

Manuel Rivas presentou Os Grouchos nun acto celebrado na Libraría Ler de Santa Comba, no que estivo acompañado do xornalista Xosé Manuel Pereiro. Recollemos as primeiras referencias da presentación publicadas nos medios electrónicos:

  • “Manuel Rivas reivindica o humor como ferramenta do xornalista” (Galiciae).
  • “Manuel Rivas recopila en ‘Os Grouchos’ los artigos publicados en ‘El País'” (EFE).
  • “Loitar contra o esquecemento” (Galicia hoxe).
  • “Manuel Rivas eligió Santa Comba para presentar sua relatos cortos ‘Os Grouchos'” (El Correo Gallego).
  • “Rivas busca sentido al ruido” (El País Galicia).
  • “O ‘Rivas recompón as cachizas” (La Opinión da Coruña)
  • “Santa Comba recibiu en primicia ós Grouchos de Manuel Rivas (Anosacosta).
  • “274 quilómetros por un débeda con manuel rivas” (Cabaret Voltaire).
  • “De Grouchos e Harpos” (Calidonia).
  • “O decálogo do galego” (Días estranhos).

“Os Grouchos”, presentación en Santa Comba

Xuño 20, 2008

Vieiros faise eco da convocatoria de presentación d’ Os Grouchos, o novo libro de xornalismo de Manuel Rivas, que se celebrará o vindeiro luns, 23 de xuño, na Librería Ler de Santa Comba. No acto participarán o autor, o xornalista Xosé Manuel Pereiro e Manuel Bragado.

“Outra Galiza”, novo libro de Suso de Toro

Xuño 17, 2008

Outra Galiza, novo libro de xornalismo de Suso de Toro, aparecerá nas librarías coincidindo coa Feira do Libro de Vigo. Reproducimos o texto de cuarta de cuberta que preparamos:

As páxinas d’ Outra Galiza, escritas dende 2003 á primavera de 2008, naceron do diálogo do escritor Suso de Toro co seu país, nuns anos de tránsito, de cambio social e político nos que houbo momentos de grande conflitividade e dureza, nun tempo aberto no que apareceu a expectativa de que a sociedade galega abrollase máis anovada. Textos críticos e autocríticos, escritos coa convicción de que as palabras contribúen a cambiar o estado das cousas e ganduxados coa intención explícita de ir ofrecendo un programa para un novo galeguismo e tecer unha Galiza da cidadanía. Un libro de intervención onde latexa no fondo un optimismo razoable e a confianza na nosa sociedade e nas posibilidades deste tempo novo.

Outra Galiza será presentado a finais deste mes en Santiago.

“Os Grouchos”, novo libro de Manuel Rivas

Xuño 16, 2008

Coincidindo coa feira do Libro de Vigo, que se celebrará na Alameda viguesa do 27 de xuño ao 6 de xullo, aparecerá nas librarías Os Grouchos, o novo libro de xornalismo de Manuel Rivas. Reproducimos o texto de presentación que preparamos.

Este libro convoca a unha odisea librepensadora, a unha ecoloxía da liberdade, que ten como porto de partida a Galicia de hoxe, entendida como un local universal, o país portátil, unha identidade sen paredes. Os Grouchos son un urdido de literatura e heterodoxia. Unha denuncia contra os vellos e novos muros de silencio, mais tamén unha viaxe á procura das “faíscas da esperanza” das que falou Walter Benjamín. Manuel O´Rivas reivindica, na modernidade, a ollada do “home rebelde” de Camus. E na tradición lendaria, o espírito dos trasnos “meniñeiros”, os seres invisíbeis que transmiten a herdanza do saber rir. O resultado é un libro que morde contra a estupidez, como pedía Kafka, e que abre os cadeados coa chave do humor. Ler Os Grouchos? O autor cita un proverbio popular: “Quen lle teña medo ao mar que non embarque!”

O vindeiro luns, 23 de xuño, presentarase esta edición na Librería Ler de Santa Comba, ás 18:00 horas.