Mañá luns, 4 de maio, ás 19:00 horas, Manuel Rivas ofrecerá un recital poético. Ao remate asinará exemplares de O sombreiro Chichiriteiro, A corpo aberto e do resto da súa obra.
Posts Tagged ‘a_corpo_aberto’
Manuel Rivas na Feira do Libro de Santiago
Maio 3, 2009Xerais na Feira do Libro de Santiago
Abril 28, 2009Xerais preparou un completo programa de actividades de animación para a Feira do Libro de Santiago que se inaugurará o vindeiro venres, 1 de maio.
Venres, 1 de maio
13.00 Pregón inaugural a cargo de Teresa Moure.
19.00 O escritor Santiago Jaureguizar, asinará exemplares do seu libro O Globo de Shakespeare (Premio Terra de Melide, 2008)Sábado, 2 de maio
18.30 A escritora Mar Guerra asinará exemplares do seu libro Xenaro e o misterio da mochila verde, gañador do Premio Merlín 2008.Domingo, 3 de maio
18.00 Contacontos arredor do libro O arco da vella, da escritora Charo Pita, publicado na colección Merliño.
19.00 O escritor Daniel Ameixeiro presenta: Ramón Piñeiro. Os días ocultos. Participan Manuel Bragado e o autor. Ao remate da presentación, o autor asinará exemplares do seu libro.Luns, 4 de maio
19.00 O escritor e xornalista Manuel Rivas ofrecerá un recital poético. Ao remate asinará exemplares de O sombreiro Chichiriteiro, A corpo aberto e do resto da súa obra.Martes, 5 de maio
18.00 A escritora Iolanda Eiras presenta o seu libro Baldras o xigante, publicado na colección Merliño. No acto, actuará o coro A Ferradura, do CEIP Pío XII de Santiago de Compostela e unha sección da Banda Artística de Merza. Ao remate do acto, a escritora asinará exemplares do seu libro.
19.00 A escritora Teresa Moure asinará exemplares do seu libro O natural é político.Mércores, 6 de maio
20.00 O escritor Xabier P. DoCampo (gañador do Premio Irmandade do Libro 2008 da Federación de Libreiros de Galicia) e o ilustrador Xosé Cobas asinarán exemplares do Libro das viaxes imaxinarias.
«A corpo aberto», crítica en «Protexta»
Abril 14, 2009Xiana Arias publicou no Protexta 09 unha crítica sobre o máis recente libro de xornalismo literario de Manuel Rivas publicado en Xerais Crónica, A corpo aberto.
«A corpo aberto», critica en «Faro da Cultura»
Febreiro 22, 2009Pilar Ponte publicou no «Faro da Cultura« de 19 de febreiro unha crítica sobre A corpo aberto, o máis recente libro de xornalismo literario de Manuel Rivas. Reproducimos o texto:
A última obra de Manuel Rivas, A corpo aberto, é unha recompilación de artigos publicados no xornal El País e na revista Integral onde o autor expresa o seu xeito de ver o mundo dende un posicionamento «Indie», libre, crítico e militante. O escritor a corpo aberto, cédelles a propia voz a aqueles que desde a súa perspectiva defenden as causas xustas: o ecoloxismo, a memoria histórica, a liberdade, a visibilidade da muller, a honradez política ou o respecto á vida animal, entre outras.
A primeira parte está dedicada á análise da «España do Último Día», a da crispación da era Aznar. Aquí convertémonos en periferia, o centro é Madrid e atopamos os temas que nos poderia ofrecer calquera analista político do reino, pero peneirado pola visión literaria de Rivas, tan lonxe do copy / paste ao que nos ten tan afeitos a prensa actual. Botamos de menos aquí algunha cita a pé de páxina explicando quen é quen, un elemento textual que axudaría a manter a vixencia da obra pasado certo tempo.
A segunda parte, titulada «Amnesia retrógada», céntrase na denuncia da desmemoria histórica, tanto na Guerra Civil, como na posguerra e na ditadura franquista, así como tamén na arxentina a través do caso da familia Oesterheld.
A terceira parte está dedicada á revolución do mar, aquí somos centro, e o autor máis ca ninguén, convertido en cronista e protagonista. Reivindica así a traxectoria do movemento cívico galego na aventura d’ O Xurelo, no desastre do Prestige, no nacemento de Nunca Máis e na ocupación das Encrobas.
Na última parte, «Re-existencias», o autor abandónase máis á forza da literatura e atopamos algúns dos mellores textos da obra: «O ganso salvaxe e o cazador acazapado», «As formas dos tesouros», «A ópera das ras» ou «A felicidade clandestina».
Manuel Rivas é un autor de lectura varia e ben aproveitada, isto é, un erudito, que se afasta da linguaxe xornalística común polos vieiros da literatura. Gusta de compartir o que le e sempre se lle agradece a lealdade coa cita textual, aínda que por exceso poida chegar mesmo á cita da cita.
Cómpre felicitar a Vicente Curtis polas fotos da cuberta e contracuberta que resumen os contidos básicos da obra (ecoloxismo, memoria, dor e literatura) e onde por estar, ata está a arañeira literaria de Virginia Wolf. E ollamos as fotos da obra, pucas, moi poucas, mais as xustas. Son as fotos das tres familias: a do sangue (a do autor), a da solidariedade (a das catro fillas de Elsa e HGO) e a do compromiso (a familia d’ O Xurelo, os tripulantes dunha noz de esperanza no medio do Atlántico).
E leo e desleo «O ganso salvaxe» e volvo crer nos tesouros, neses que as mans escrtioras deixan por aí, «camufladas«, para nos agasallar coa felicidade clandestina. Pilar Ponte.
Manuel Rivas e Teresa Moure no «Diario Cultural»
Decembro 9, 2008Aquí pode escoitarse a entrevista que no Diario Cultural, emitido dende Cultur.gal o pasado venres, fixéronlle a Manuel Rivas e Teresa Moure arredor dos seus novos libros A corpo aberto e O natural é político.
Manuel Rivas fala d’ «A corpo aberto»
Decembro 8, 2008Manuel Rivas presenta A corpo aberto na xeira de entrevistas Falemos dos libros emitidas en directo por Internet dende o Cultur.gal pola AELG.
Xerais no Culturgal, actos dos días 4 e 5 de decembro
Decembro 4, 2008Xerais está presente en Culturgal no estand nº 45. Durante o xoves, 4, e o venres 5 de decembro, organizamos as seguintes actividades:
- Xoves, 4 ás 17,00 horas no estand de Xerais:
Roda de prensa de Un país a medio facer de Fran Alonso.
- Venres, 5 ás 12,30 horas na sala de prensa do Cultur.gal:
Roda de prensa de A corpo aberto de Manuel Rivas.
- Venres, 5 ás 18,00 horas no espazo de presentacións:
Presentación de Novas Minimaladas de Pinto & Chinto.
Participan: Pinto & Chinto e Manuel Bragado.
- Venres, 5 ás 18,00 horas no e stand de Xerais:
Firma de exemplares de O libro das viaxes imaxinarias de Xabier P. DoCampo e Xosé Cobas.
- Venres, 5 ás 19,00 horas no espazo de presentacións:
Presentación de O natural é político de Teresa Moure.
Participarán: Pilar García Negro, Manuel Bragado e a autora.
Manuel Rivas, entrevistado por «Vieiros»
Novembro 27, 2008Coincidindo coa aparición nas librarías d’ A corpo aberto, Manuel Rivas é entrevistado por Vieiros. Recollemos algúns fragmentos dun texto moi interesante:
Por que é unha ollada ‘indie’?
Ben, é unha chiscadela. É un termo que se emprega máis na música ou no cinema, e non tanto na literatura, pero creo que define un espírito crítico e independente que lle viría ben ao xornalismo. A palabra remite tamén a unha relación irónica co que un fai. Eu tamén a ligo a un xornalismo indio, en referencia a unha tipoloxía xa vella dos escritores, de Philip Ravh, que opoñía aos ‘rostros pálidos’ os chamados ‘pel roxa’, aqueles que vivían na fronteira, que ían máis alá e que avanzaban cara ao descoñecido.
É máis importante ser moi visíbel nos grandes eventos, ou o traballo diario a través das universidades, as oficinas do libro, os axentes literarios…?
Todo é compatíbel, pero creo que o máis importante segue sendo tratar con respecto á literatura no propio país. Sería irreal esperar que os franceses, ou os fineses, ou os norteamericanos desen un trato destacado ás nosas obras se estas obras non teñen ese trato no propio país. Esa é a mellor maneira de proxectar a nosa literatura no exterior. Ti vas a Irlanda, ou a Islandia, e nos aeroporto xa podes atopar a súa literatura; aquí non sucede iso. En Galiza tampouco as obras galegas ocupan un lugar destacado nas bibliotecas, e nos medios de comunicación galegos a nosa literatura segue a ser algo exótico. Iso si, ás veces o coñecemento fóra dunha obra permite o se redescubrimento no interior.
«A corpo aberto» de Manuel Rivas, hoxe á venda
Novembro 26, 2008Hoxe chega ás librarías galegas A corpo aberto, o libro de xornalismo de Manuel Rivas. O libro será presentado o vindeiro 6 de decembro, sábado, ás 20:00 horas en Cultur.gal, a Feira Galega das Industrias Culturais que se celebra nas instalacións de Palexco na Coruña.
Onte foi presentada en Madrid a edición en castelán nun acto no que Manuel Rivas foi acompañado por Baltasar Garzón e José Luis Cuerda. Galicia hoxe dá conta do desenvolvemento deste acto:
«Al Gore loita contra o quecemento global e Aznar practica o quecemento local», leu onte na presentación o xuíz Baltasar Garzón como exemplo da retranca que impregna A corpo aberto, 199 artigos publicados no xornal El País e a revista Integral.
Garzón que apareceu no último momento, porque non sabía se ía estar en condicións de falar tras a súa recente operación de gorxa, coñeceu “15 minutos” antes da presentación a Rivas. O maxistrado é o protagonista do primeiro dos artigos, A estrela, no que o escritor cuestiona o xornalismo «onanista e egocéntrico» que atribúe a Garzón un protagonismo excesivo.
Rivas fixo unha crítica ao xornalismo que «sofre da contaminación e da toxicidade que afectan á linguaxe, ao utilizar expresións como danos colaterais». «Como dicía Walter Benjamin, deberiamos pasar o cepillo a contrapelo e procurar a decantación», engadiu. Para o autor, xornalismo e literatura deberían camiñar xuntos «como o vagabundo de Charlotte en Tempos modernos que tamén vivía en tempos de crise, que vai cara ó descoñecido simultaneando co casual e co causal». Rivas busca incorporar á literatura as voces baixas da humanidade, «as que teñen sentido», porque o ruído «non o ten». «Sempre cara a adiante, aberto ás sorpresas pero cun pé na ilusión e outro na desilusión, un na esperanza e outro no inalcanzable», detallou o escritor. Tamén asistiu á presentación o director de cine José Luis Cuerda para quen Rivas é capaz de crear con «bondade e sabedoría» contos cheos de refrán. O cineasta coincidiu co moderador da presentación, Javier Rioyo, en que o escritor está «no lado rebelde».
Rivas aborda temas como a memoria histórica, a política, os agravios lingüísticos, o cambio climático, a síndrome de Burn-out ou a vangarda do fartismo. Tamén se mergulla na paisaxe galega e rememora a catástrofe do Prestige, dende a autoridade do que o viviu en primeira liña e participou na creación de Nunca Máis. Un libro no que non renuncia ao humor e á ironía.
Xerais no Cultur.gal 2008
Novembro 26, 2008Nos vindeiros días, 4–5–6 e 7 de decembro, vai ter lugar en Palexco (Pazo de Congresos e Exposicións da Coruña o Cultur.gal 2008 Feira Galega das Industrias Culturais.
Esta feira está dirixida tanto ao público xeral como profesional, polo que durante estes catro días Xerais, que estará presente no Stand nº 45, programou unha serie de actividades aos que vostede está convidado/a:
- Xoves, 4 ás 17,00 horas no stand de Xerais:
Roda de prensa de Un país a medio facer de Fran Alonso.
- Venres, 5 ás 12,30 horas na sala de prensa do Cultur.gal:
Roda de prensa de A corpo aberto de Manuel Rivas.
- Venres, 5 ás 18,00 horas no espazo de presentacións:
Presentación de Novas Minimaladas de Pinto & Chinto.
Participan: Pinto & Chinto e Manuel Bragado.
- Venres, 5 ás 18,00 horas no stand de Xerais:
Firma de exemplares de O libro das viaxes imaxinarias de Xabier P. DoCampo e Xosé Cobas.
- Venres, 5 ás 19,00 horas no espazo de presentacións:
Presentación de O natural é político de Teresa Moure.
Participarán: Pilar García Negro, Manuel Bragado e a autora.
- Sábado, 6 ás 12,30 horas no espazo de presentacións:
Presentación de O Globo de Shakespeare de Jaureguizar
(Premio Terra de Melide, 2008)
Participarán: Óscar Sánchez, Jaureguizar e Manuel Bragado.
- Sábado, 6 ás 18,00 horas no stand de Xerais:
Firma de exemplares de O xardín das pedras flotantes de Manuel Lourenzo González (Premio Xerais de Novela, 2008), A Cabeza de Medusa de Marilar Aleixandre (Premio Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil, 2008) e Xenaro e o misterio da mochila verde de Mar Guerra (Premio Merlín de Literatura Infantil, 2008)
- Sábado, 6 ás 19,00 horas no stand de Xerais:
Firma de exemplares de A venus de cristal de Chelo Suárez
e As mellores intencións de Begoña Paz.
- Sábado, 6 ás 20,00 horas no espazo de presentacións:
Presentación de A corpo aberto de Manuel Rivas.
Participarán: Manuel Rivas e Manuel Bragado
- Domingo, 7 ás 18,00 horas no stand de Xerais:
Firma de exemplares de Guía dos camiños do Eume de Chano Eiroa, Festina lente de Marcos Calveiro e Limpeza de sangue de Rubén Ruibal, (Premio Nacional de Literatura Dramática, 2007).
«A corpo aberto», novo libro de Manuel Rivas
Novembro 12, 2008O vindeiro 26 de novembro poñerase á venda A corpo aberto, o novo libro de xornalismo de Manuel Rivas.
A corpo aberto de Manuel Rivas é unha viaxe de xornalismo «Indie». Independente, libre, irónica, crítica e de fábrica literaria. A primeira das viaxes describe o lugar imaxinario onde, tras a perda do poder en 2004, se decidiu instalar a España conservadora: o Estado de Apocalipse Permanente. Como no Ciprianillo, o popular libro dos tesouros ocultos, o lector non debe ler senón desler, do presente ao pasado, ao xeito do arqueólogo que se interna na caverna da España do Último Día. A segunda trata da «amnesia retrógada», unha viaxe contra o esquecemento e unha denuncia do «complexo de Creonte» no que aínda se manteñen as elites máis influentes da dereita española. Na terceira, «A revolución do mar», cóntanse, entre outras, dúas loitas que contribuíron a modificar a nosa conciencia medioambiental: a expedición do Xurelo á Fosa Atlántica e o «thriller» do caso Prestige. E, por último, na cuarta, «As Reexistencias», unha sorte de historias naturais escritas cunha respiración alternativa, entre dor e humor. En todo caso, o propósito deste libro responde á idea que enunciou con encarnizada precisión Rodolfo Walsh: escribir é un avance laborioso contra a estupidez.