Posts Tagged ‘fernández_paz’

«Lúa do Senegal», crítica en «lg3»

Setembro 23, 2009

Isabel Soto publica en «lg3» a súa crítica de Lúa do Senegal, a máis recente novela de Agustín Fernández Paz, ilustrada por Marina Seoane. A autora salienta que neste novela protagonizada por unha rapaza de dez anos que ten a lúa como confidente Fernández Paz «plasma unha vez máis a súa visión do mundo e faino creando unha voz narrativa intensa, madura e reflexiva». Pagaa pena recoller un dos parágrafos dun texto que convida a unha lectura en profundidade da novela:

XG00165701En Lúa do Senegal atoparemos moitas das claves recorrentes do autor, coma tal, unha voz feminina, a utilización da primeira persoa narrativa, un personaxe con devoción polos libros e a lectura, intratextualidades ou, sobre todo e unha vez máis, unha historia «de fronteira» que abre as fiestras cara ao mundo, ás películas, aos poetas doutras latitudes. O libro aborda un problema actual, a inmigración, e faino elixindo como eixe central a carga emotiva que a rodea, a expresión íntima das dificultades, do desarraigo, da tristura, do rexeitamento, mais tamén integrando o optimismo, o respecto, a convivencia de linguas e culturas. Fernández Paz plasma unha vez máis a súa visión do mundo e faino creando unha voz narrativa intensa, madura e reflexiva: a de Khoedi, unha nena de once anos –que axiña nos trae á cabeza o mundo senegalés de Binta, do conmovedor filme de Javier Fesser, un dos referentes do autor no seu proceso de documentación– que atopa na Lúa a súa confidente, o único elemento común entre o mundo que coñece e o estraño que a rodea agora, dúas realidades tan distintas que a fan sentirse cos pés no aire, coma se non pertencese a ningures.

Tres dos nosos autores candidatos ao premio Astrid Lindgren

Setembro 21, 2009

alma_logo_engAcabamos de coñecer a relación de persoas nominadas ao Premio Astrid Lindgren 2010, que será anunciado o vindeiro 24 de marzo, coincidindo coa Feira do Libro de Boloña. Entre os 168 candidatos (autores, ilustradores e promotores de lectura e institucións de promoción da LIX), pertencentes a sesenta países, atópanse tres dos nosos autores: Fina Casalderrey, Juan Farias e Agustín Fernández Paz. Parabéns para todos os tres, merecidos aspirantes a este auténtico nóbel da literatura infantil e xuvenil.

Agustín Fernández Paz en «Libro aberto»

Setembro 15, 2009

ESPAÑA-LITERATURA-PREMIOAgustin Fernández Paz visita esta noite o programa Libro aberto (TVG, martes 15 de setembro, 0:15 horas) para presentar Lúa do Senegal, a súa novela máis recente.

“A dama da Luz”, álbum de Magutis e Fernández Paz

Agosto 28, 2009

Acaba de chegar do prelo a tirada d’ A dama da Luz, un álbum ideado e ilustrado por Jorge Magutis e escrito por Agustín Fernández Paz, ambientado no Vigo vello e mariñeiro e protagonizado por toda clase de criaturas fantásticas e seres extraordinarios que no mar alto asisten a loita entre o Inverno e a Primavera. A dama da Luz chegará ás librarías na primeira decena de setembro.

XG00163801O avó de Marta garda un enigmático segredo na súa memoria. Un segredo que fala de seres extraños que habitaban na cidade cando era moi distinta, apenas había coches e a xente non vivía coas présas de hoxe, seres como a Dama da Luz ou o Home das Sombras, e de lugares misteriosos como a Casa do Outeiro ou a mítica illa de San Brandán. Un día, algo especial sucede. E entón Marta coñecerá por fin o sorprendente segredo que o seu avó gardaba, unha historia que a levará a descubrir todas as marabillas que a roda da vida nos ofrece.

A dama da Luz é un fermoso álbum ideado e ilustrado por Jorge Magutis e escrito por Agustín Fernández Paz ambientado nun Vigo vello e mariñeiro, envolto nunha atmosfera de misterio, e protagonizado por toda clase de criaturas fantásticas e seres extraordinarios que no mar alto asisten a loita entre o Inverno e a Primavera.

Que libro de Xerais recomendas para o verán?

Xuño 30, 2009

No perfil de Facebook de Xerais estase desenvolvendo un interesante debate sobre os libros do catálogo da editorial que os seareiros e seareiras recomendan para o verán. Ata o momento as propostas son moi diversas:

Eva Carrión del Pozo recomenda Resistencia de Rosa Aneiros. “Eu téñolle un especial apego a este libro porque, coma quen di, fun aprendendo galego con el. Descubriume todo un abano de posibilidades nunha lingua que non era a miña. É un libro que engancha e emociona dende o primeiro momento, a min demostroume unha vez máis como as palabras poden emocionar, facernos rir e mesmo enchernos de xenreira e impotencia. É unha historia que nos achega a crueza da realidade arrolando ao lector nun mar de lirismo e metáforas que non por iso deixan de doer. Unha verdadeira xoia que nos mergulla na historia política dese veciño ás veces tan obviado coma é Portugal. E coma Resistencia lese dunha sentada, podemos seguir con Herba Moura de Teresa Moure, tamén moi interesante. Boa lectura!”

Eva Moreda O barón rampante de Italo Calvino. “Lino hai uns 15 ou 16 anos, cando estaba na colección xuvenil Xabarín (xunto cos seus compañeiros de triloxía, O vizconde demediado e O cabaleiro inexistente) e foi un descubrimento: non era literatura xuvenil, era literatura sen máis que podía ser tamén lida pola mocidade. Non vou enumerar as razóns polas que o recomendo porque a quen non lle interesaría a historia dun rapaz que se enrabecha con seu pai o barón e decide subir a unha árbore para non volver baixar máis?”

Iria Méndez Leocadio, o león de Oli e Teresa Novoa.

Marisa Movila O Globo de Shakespeare de Jaureguizar.  “Neste libro hai un homenaxe ás obras de Shakespeare, unha trama moi intrigante e un sentido do humor que che fai rir en calquera intre. Ten ademáis un trasfondo moito máis serio, xa que mostra abertamente as paixóns humanas e as relacións de amor e rancor cas persoas que máis cerca temos.”

Ana B. Crespo Concubinas de Inma López Silva. “Esta obra conta a historia de tres mulleres dunha mesma familia, pertencentes a distintas xeracións pero que comparten o feito de non ser afortunadas no amor. Esta novela mestura fantasía con realidade, amor con traxedia… é unha obra que chama á lectura, un libro que unha vez aberto non o podes pechar, non antes de rematalo.”

Montse Paz Monte Louro de Luís Rei Núñez.  “Unha magnífica novela da emigración. É a historia dun emigrante a Barcelona, primeiro, e logo a Bos Aires. É a historia dun home acompañado e amado por moitas mulleres… Asegúrovos que en canto vos poñades a ler é difícil de deixar, engancha!”

Paz Raña Educación e Paz III. Literatura e Paz de Xesús R. Jares (coord.).

Marisol Rodríguez A casa dos Lucarios de Teresa Moure.

Martin Pawley Lúa do Senegal de Agustín Fernández Paz.

Ana Cosque Meira A lúa dos Everglades de Xesús Manuel Marcos.

Rocío Barreiro Rodríguez Resistencia de Rosa Aneiros.

Alexandre Marín Elucidario de Gonzalo Navaza.

Soledad Felloza das novidades Sempre quixen bailar un tango contigo de Teresa González Costa e, un libro máxico, Magog de María Gándara.

Luisa Lis recomenda Resistencia de Rosa Aneiros, Palabras contadas de Camilo Franco; e das novidades Monte Louro de Luís Rei Núñez.

Saúl Rivas Riofero de Xelís de Toro.

Pilar Ponte A profa recomendaría dúas obras de Xosé Fernández Ferreiro, Agosto do 36 e Os últimos fuxidos, e a poder ser lidas nesa orde. Tematicamente clasificaríanse dentro da guerra civil e as súas consecuencias inmediatas mais no primeiro caso o momento histórico é só un pretexto que permite o desenvolvemento dos acontecementos e no segundo sería maís apropiado falar de drama persoal. Son dous volumes, sobre todo no caso do primeiro (publicado en 1991), que soportan moi ben o paso do tempo e para min ese é un indicio de que o texto funciona. Espero que se alguén se anima, non sufra decepción con estas recomendacións e, en caso de que a cousa guste, envíen correo e se lles remitirá o enderezo onde deben enviar a caixa de marisco. Saúdos 🙂

reloxoEntre os seareiros e seareiras do perfil que participen nesta discusión cada semana sortéanse tres reloxos “En galego todo o tempo”.  Este reloxo de Xerais foi deseñado polo noso compañeiro Ramón Domínguez e entregado como agasallo aos participantes nacerimonia  de entrega dos Premios Xerais 2009. Animamos a participar nesta xeira. A forza do libro galego está na voz dos seus lectores e lectoras.

Actos de Xerais na Feira do Libro de Vigo

Xuño 24, 2009

Adiantamos os actos organizados por Xerais na Feira do Libro de Vigo que terá lugar na Alameda dende o 10 ao 19 de xullo.

Día 10 venres, ás 19,00 horas:

Conferencia do profesor Xesús Alonso Montero arredor dos seus libros máis recentes: Cartas de republicanos Galegos condenados a morte (1936-1948) publicado por Xerais e Ramón Piñeiro ou a reinvención da Cultura Galega publicado por Galaxia Intervirán: Xesús Alonso Montero, Manuel Bragado e Carlos Lema.

Día 11 sábado, ás 20,30 horas:

Presentación do libro Sansón Troleyro de Enrique Vázquez Pita. Intervirán: Enrique Vázquez Pita e Manuel Bragado.

Día 13 luns, ás 20,30 horas:

Luís Rei Núñez asinará exemplares do seu libro Monte Louro (Premio Blanco Amor 2009).

Día 15 mércores, ás 20,30 horas:

Presentación do libro Lúa do Senegal de Agustín Fernández Paz. Intervirán: Paula Fernández, Manuel Bragado e Agustín Fernández Paz.

Día 16 mércores, ás 20,30 horas:

Presentación do libro Prostitución: Clientes e outros homes. Análise sociolóxica das ideoloxías sexuais masculinas en Galicia de Águeda Gómez Suárez e Silvia Pérez Freire. Intervirán: Manuel Bragado e as autoras.

Justo Beramendi e Fernández Paz recolleron cadanseu Premio Nacional

Xuño 24, 2009

ESPAÑA- PREMIOS NACIONALES

Foto EFE

No día de onte, nunha cerimonia celebrada en Teruel e presidida polos príncipes de Asturiais, Justo Beramendi e Agustín Fernández Paz recibiron cadanseu premio nacional, o primeiro na categoría de ensaio, por De provincia a nación. Historia do galeguismo político, e o segundo na de literatura infantil, por O único que queda é o amor.

Agustín Fernández Paz no cadro de honra de “El Correo Gallego”

Xuño 22, 2009

El Correo Gallego dedicou onte o seu cadro de honra ao escritor Agustín Fernández Paz.

cp5f02793381_266412Como nos contos tradicionais . Tres agasallos: un penedo, unha árbore -a bidueira- e un espazo público onde ficará o seu nome. A homenaxe O escritor na súa terra -que organiza a Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG)- recoñecía onte en Vilalba a Agustín Fernández Paz, o escritor nado nesta vila luguesa ao que as letras galegas lle deben algunhas das novelas máis profusamente devoradas e reeditadas das últimas décadas. Os libros de Agustín Fernández Paz, que onte se declaraba “honrado” pola homenaxe dos seus compañeiros da escrita, son material da súa vida, extraídos palabra por palabra das súas propias emocións, pródigos en amor e en memoria, impecábeis na súa estrutura, tamén na súa verdade. Esa singular sinxeleza -que aniña tamén no seu carácter fondamente humano- volveu erguerse onte nun tributo no que o autor evocou o “agasallo maior” do idioma, a lingua de Galicia, da que el fai defensa, fortaleza, agasallo universal. Como en San Simón -no fermoso discurso que leu na entrega dos Xerais- Fernández Paz falou co acerto e a lucidez que lles está reservado a uns poucos, aos mellores.

Así mesmo, o xornal compostelán dedica unha reportaxe á homenaxe a Agustín Fernández Paz, celebrada en Villaba o pasado sábado.

Sementador de esperanzas

Xuño 21, 2009

2009062023111183321Artigo de Manuel Bragado en Faro de Vigo sobre a obra literaria de Agustín Fernández Paz a raíz da homenaxe de onte en Vilalba.

Aquí pode verse o álbum fotográfico da homenaxe, preparado por Paulo Naseiro de A Voz de Vilalba.

Mar Mato entrevista a Agustín Fernández Paz

Xuño 20, 2009

2009-06-19_IMG_2009-06-19_21_54_16_soc2pazMar Mato entrevista a Agustín Fernández Paz para Faro de Vigo e para La Opinión da Coruña. A conversa céntrase arredor da aparición nas librarías de Lúa do Senegal, a nova novela de Agustín que  recibirá o martes, 23 de xuño, en Teruel o Premio Nacional de Literatura Infantil 2009. Recollemos unha parte da conversa:

Tralo éxito de O único que queda é o amor, Premio Nacional de Literatura Infantil y Juvenil 2008, Agustín Fernández Paz retornou á súa liturxia de papeis amarelos para escribir. Desta vez, unha nena de dez anos vida de Senegal a Vigo e de nome Khoedi plantexa a dor do desarraigo dos inmigrantes en Galicia, o espazo que ela e outros personaxes califican como “o país das ausencias”. A escasas horas de ser homenaxeado como “O escritor na súa terra” pola Asociación de Escritores en Lingua Galega, Fernández Paz profundiza sobre a súa última obra, Lúa de Senegal (editado por Xerais e que conta con belísimas ilustracións de Marina Seoane).
Lúa do Senegal, un título ao que se fai referencia case en cada páxina do libro e mesmo no ritmo de narración.
–É un título que me veu pronto á cabeza cando me metín na historia. Á protagonista, cando chega a Vigo, todo lle parece dististo. O único que recoñece como igual é a lúa que brilla pola noite; ese é o leitmotif que marca paso de tempo. A lúa serve de conexión coa realidade que deixou e a que se atopou. Ademais, a lúa marca tamén o ritmo da narración ao seguir as súas fases tomandas de tres meses do ano pasado.
–Onde comezou a tirar do fío para esta obra?
– Os libros case nunca xorden dun único fío. Recordo do meu caderno de notas a primeira imaxe que anotei sobre un emigrante, non sei de que nacionalidade, de pel negra, traballando no andamio dunha obra. Chamoume a atención. Había tempo que quería abordar o tema da inmigración e apetecíame contalo en forma de historia. Todo acabou plasmándose neste libro.
–Á parte dese obreiro, houbo outros africanos que lle serviron de luz para a narración?
– Non cheguei a coñecer a ningún porque, en realidade, a documentación que conseguín foi amplísima a partir de libros e recortes de prensa que me foron suficientes. Eu o que quería contar realmente era o tema da emigración e escollín Senegal porque parecía atractivo. Tamén falei cunha profesora que estivo cunha ONG na zona e que me deixoume ver centos de fotos.

Agustín Fernández Paz en «Xornal de Galicia»

Xuño 20, 2009

Agustin Fernandez PazCon motivo da homenaxe que lle tributa hoxe a AELG en Vilalba e a entrega do Premio Nacional de Literatura Infantil o vindeiro martes en Teruel, Agustín Fernández Paz é entrevistado de forma extensa por Iago Martínez en Xornal de Galicia.

Así mesmo, Martín Pawley, tamén en Xornal de Galicia, publica un comentario de opinión titluado «Un home de ben» que transcribimos:

“Pertenzo a unha xeración cunha cualidade que a fai única: fomos os últimos nenos que medramos sen a presenza da televisión”. Así comezaba As paisaxes da memoria, o pequeno relato autobiográfico que Agustín Fernández Paz escribiu como acompañamento á edición española de varias das súas obras. Naquel texto memorábel Agustín elixiu describirse como unha rareza sociolóxica, alguén que garda na súa memoria recordos que hoxe poden parecer arqueoloxía e experimentou ao longo da súa vida o tránsito dun país non moi afastado da Idade Media a outro máis ou menos mergullado no século XXI. A liña do tempo que nos leva do arado de ferro até internet, unha época de cambios abruptos, de incríbeis transformacións ideolóxicas, sociais e tecnolóxicas. Agustín Fernández Paz é fillo de todas elas. Un elo que conecta as narracións de aparecidos desa infancia sen televisión cos libros de Lovecraft aos que chegou xa adulto; as conversas políticas clandestinas da longa noite de pedra cos debates non menos encendidos que hoxe flúen a través da rede.

O que non cambiou foi o gusto por recibir historias, “de viva voz, nas páxinas dun libro ou dun cómic, na escuridade dunha sala de cinema ou a través das diversas pantallas que teño na casa”. Un gusto pola ficción que creceu canda el, cos contos que se escoitaban arredor da cociña de ferro e coa modesta biblioteca do seu pai onde descubriu a Verne, Salgari, Poe, Stevenson ou Mark Twain. Deixou de ser neno en Xixón, cando marchou con catorce anos para facerse perito na Universidade Laboral, hoxe convertida nunha espléndida fábrica de cultura. Pasou sete anos interno, abondo para ser quen de camiñar polos corredores do edificio cos ollos pechados sen bater contra parede ningunha.

Barcelona foi despois diso un oasis de liberdade, un lugar cheo de espazos para o coñecemento. Na Coruña aprendeu a ser mestre e comezou o período máis fértil da súa vida. Porque Agustín é mestre, mestre antes que escritor. Mestre de escritores, mesmo. Exerceu a docencia con paixón e formou parte activa, activísima, dos movementos de renovación pedagóxica. Está detrás dalgúns dos primeiros manuais escolares en galego, feitos de maneira esforzada e precaria nunha altura na que “cortar e pegar” aínda non era unha metáfora informática. Para aqueles libros escribiu infinidade de textos, as lecturas necesarias para ilustrar cada lección, lecturas que daquela non tiñamos en galego. Supoño que aí naceu o Agustín que todos admiramos. O Agustín que empezou a escribir por pracer e por necesidade creativa, mais tamén coa convicción de que era preciso ocupar un oco que aínda estaba por encher. O que agora entendemos por literatura infantil e xuvenil galega inventárona nos oitenta xente coma Agustín, coma Paco Martín, coma Xabier P. Docampo, amigos, chairegos (uns máis que outros) e compañeiros de xeración os tres, esa que Manuel Bragado deu felizmente en chamar “Xeración Lamote”. A débeda que temos contraída con eles é impagábel. No fondo, a verdadeira razón de ser deste artigo é a de lles dar publicamente as grazas.

A cidade dos desexos abriu en 1989 unha carreira, a do vilalbés, inzada de premios. As flores radiactivas, Cos pés no aire e Corredores de sombra son algúns dos títulos que fan grande a un autor apreciado e querido, que recibe centos e centos de cartas deses mozos e mozas que fixeron de Cartas de inverno un fito da nosa literatura con case setenta mil exemplares vendidos en lingua galega. Contos por palabras, unha marabilla, supuxo o seu recoñecemento internacional ao ser incluído na listaxe de honra do IBBY en 1992, igual que Aire negro, escollido de novo polo IBBY en 2001 e pola Jugenbibliothek de Munich que outorga os prestixiosos White Ravens. Cando lle concederon o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil o ano pasado polo seu volume de relatos O único que queda é o amor, Santiago Jaureguizar deulle a volta á noticia no seu blog: o importante non era que Agustín gañara o Nacional, senón que o Nacional gañara a Agustín. Non lle faltaba razón. Era o premio o que ficaba honrado ao acollelo na súa listaxe de vencedores, ao destacar un escritor cuxa ausencia case resultaba escandalosa.

Vén de publicar Lúa do Senegal, dedicada entre outros “a Ousmane Sembène, mestre” nun xesto que revela ao mesmo tempo a súa cinefilia e a súa bondade. Bondade é o que transpira este libro en todas as súas páxinas; bondade e amor. Amor por Khaedi, a nena que deixa atrás África para instalarse coa súa familia nunha cidade, Vigo, que tamén é a de Agustín e na que todo é diferente; amor polos personaxes, polas palabras, polos lectores, por todos nós. Porque Agustín é un home de ben, e esa é unha condición necesaria para facer arte con maiúsculas.

Agustín Fernández Paz, «Letra E» da AELG

Xuño 14, 2009

A homenaxe O escritor na súa terra, impulsada pola Asociación de Escritores en Lingua Galega chega a súa XVª edición recaendo por unanimidade en Agustín Fernández Paz que será homenaxeado en Vilalba, a terra onde naceu. Os actos comezarán ás 12:00 no barrio das Fontiñas, onde se plantará unha bidueira (a árbore escollida por Agustín), develarase un monolíto escultórico e unha placa que atribúe o nome do escritor ao parque. A partir das 13:00 no Centro Cultural e Recreativo de Vilalba realizarase o acto de entrega da «Letra E» e ás 14:30 un xantar de irmandade no parador de Turismo de Vilaba. Os actos están abertos a todos os socios/as da AELG, á vecindade da Terra Cha e a todas as persoas interesadas.

Animamos a difundir o programa (pode baixarse aquí en pdf) na rede e a participar en tan merecida homenaxe ao grande Agustín.

Agustín Fernández Paz, entrevista nos Premios Xerais 2009

Xuño 12, 2009

Vídeoentrevista a AgustínFernández Paz, tras a cerimonia dos Premios Xerais 2009, onde leu o discurso Oito doas para San Simón. Na entrevista, Agustín fala, ademais, de Lúa do Senegal, a súa máis recente novela, publicada na colección Sopa de Libros.

Agustín Fernández Paz

Xuño 11, 2009

Miguel Anxo Fernán Vello publica en Galicia hoxe un artigo sobre o discurso que Agustín Fernández Paz leu na cerimonia dos Premios Xerais 2009.

Entre tanto ar viciado, mentiras e descaro político que vivimos e sufrimos -engadamos aquí tamén ousadía e procacidade-, brilla por si mesma a personalidade dun escritor que acaba de pronunciar un Discurso. O Discurso. En singular e con maiúscula inicial. Elegante e sumamente afábel, discreto e sempre construtivo no seu ser e no seu estar, Agustín Fernández Paz, o autor do Discurso, é, sen dúbida, un dos grandes autores literarios do noso país, ben aprezado polos seus lectores, que son numerosos, e moi recoñecido fóra de Galicia, con libros traducidos, por exemplo, ao árabe ou ao coreano e, por suposto, ao castelán ou francés, entre outros. Agustín Fernández Paz, que non hai moito tempo recibiu o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil, foi o encargado este ano de pronunciar o discurso que, con motivo da celebración do ditame dos Premios Xerais, centra os actos que teñen lugar de xeito solemne e literario arredor de ditos premios, “institucións” de alto valor que organiza a editora do mesmo nome. O profesor Fernández Paz titulou o seu discurso Oito doas para San Simón -a festa literaria tivo lugar na Illa do mesmo nome- e foi quen de construír unha “obra oratoria” que, neste ámbito ou rexistro, na miña opinión, pasará a formar parte dos grandes textos literarios do noso tempo. A “peza” literaria de Fernández Paz contén verdades profundas e certeiras sobre o noso idioma propio e sobre a creación literaria que del emana, mais o río oratorio creado polo autor destas Oito doas para San Simón posúe, ademais dunha linguaxe transparente e fluída, un ritmo verbal e unha “poética” definida que o converten nunha referencia estética, sen dúbida, e tamén nun relatorio conmovedor -provisto de “intelixencia sentinte”, como quería o filósofo- cunha ben establecida base ética na súa práctica discursiva e interpretativa. Nestes tempos ateigados de falsidade e demagoxias, o Discurso de Agustín Fernández Paz é un bálsamo e unha luz no medio dun posíbel novo “tempo de pedra” que comeza a se albiscar. Miguel Anxo Fernán Vello.

Agustín Fernández Paz: «Oito doas para San Simón»

Xuño 8, 2009

Agustín Fernández Paz, como mantedor literario da XXVIª edición dos Premios Xerais, leu o discurso titulado Oito doas para san Simón (pode descargarse o arquivo pdf aquí)), no que fixo unha defensa do papel da creación literaria en lingua galega como forma de participar na cultura da humanidade. Nesta liña rematou a súa intervención con estas palabras:

Estamos afeitos a traballar en situacións adversas. Na historia da nosa literatura as liñas de resistencia activa veñen de lonxe. De Rosalía, rebelándose contra o feito de sentirse estranxeira na súa patria; de Curros, que denuncia a ameaza dos lobos e clama pola unión; de Cunqueiro pechado na súa bufarda de Mondoñedo a soñar as mil primaveras para a lingua estigmatizada; de Celso Emilio, falándolle como un irmau solidario a todos os desposuído do mundo… A nosa forma de participar na cultura da humanidade é desenvolvendo a cultura galega. Temos dentro de nós a materia que lle pode interesar a calquera persoa en calquera lugar do mundo, só precisamos plasmala a través do proceso de creación. Para conseguilo, cómpre chantar os pés na nosa realidade e, coas raíces na terra, abrirnos a todos os ventos culturais do mundo. Porque aquí están as fábricas da imaxinación das que fala Manuel Rivas, delas poden saír creacións que tamén se lean en toda a periferia mundial. Obras cargadas de vida, obras cunha luz tan forte que sexa imposible de agochar. Un dos trazos máis significativos da cultura galega, que tan ben souberon expresar os membros da Xeración Nós, é a súa vocación de ser célula de universalidade, a súa vontade de ser unha peza máis, en pé de igualdade, no mosaico mundial das culturas: a súa conciencia de que só se pode ser universal desde as propias raíces.

Xerais, novidades do mes de xuño

Xuño 5, 2009

Xerais publicará catorce novidades ao longo deste mes de xuño.

XG00164001Na colección Xerais Narrativa aparecerán as novelas A vida do outro de Carlos Reigosa, Premio Torrente Ballester 2008 da Deputación Provincial da Coruña; Monte Louro de Luís Rei Núñez, Premio Blanco Amor 2009; e Pirata de María Reimóndez.  Títulos, ambos os tres, que estarán nas librarías durante a primeira quincena do mes.

Na colección Xerais Crónica publicarase Cartas de republicanos galegos condenados a morte (1936-1948) de Xesús Alonso Montero.

XG00157101Na Biblioteca Dramática Galega, coeditada con AGADIC, publícase Pingueiras e tarteiras, peza de Teresa Gonzaléz Costa gañadora do IIIº Premio Manuel María Literatura Dramática Infantil,  ilustrada por Rodrigo Chao.

Na colección Fóra de Xogo aparecerá a novela Sansón Troleyro de Enrique Vázquez Pita e o poemario Makinaria de Carlos Negro.

Na colección Sopa de Libros Andanzas de Xan Farrapeiro de Ramón Caride, ilustrado por Marisa Irimia, e Lúa do Senegal de Agustín Fernández Paz, ilsutrado por Marina Seoane.

XG00163901Na colección Xerais Universitaria publicarase O po dos días. Introdución temática á poesía de Aquilino Iglesia Alvariño de Luciano Rodríguez Gómez, libro que aparecerá coincidindo co cen aniversario do nacemento do poeta de Seivane o 12 de xuño de 1909; e Prostitución. clientes e outros homes. Análise sociolóxica das ideoloxías masculinas en Galicia de Águeda Gómez Suárez e Silvia Pérez Freire.

Por último, publicarase o volume que recolle as obras gañadoras dos Premio 2008 de relato, poesía e tradución da Universidade de Vigo e os Cadernos do Profesorado de Primaria e Secundaria para o vindeiro curso 2009/2010.

Agustín Fernández Paz, entrevista en «La Voz de Galicia»

Maio 30, 2009

g30p59f1[Foto Gustavo Rivas]

La Voz de Galicia publica hoxe unha entrevista con Agustín Fernández Paz. O autor de Vilalba, que será o mantedor literario do Premio Xerais 2009, fala con Begoña Sotelino sobre Lúa do Senegal, o seu libro máis recente.

É unha novela sobre a emigración que narra en primeira persoa a historia dunha rapaza de 12 anos que ten que vir do sur de Senegal porque o pai levaba uns anos en Vigo e pide a reagrupación familiar. O que conto é o proceso de adaptación da nena desde que chega ata que comeza o primeiro día de clase. Aínda que o tema é a emigración, non está abordado desde un punto de vista sociolóxico, senón o que predomina é o feito de cambiar de cultura, de lingua, de casa, de paisaxe… Todo é diferente, menos a lúa. De aí o título.

“Lúa do Senegal”, novo libro de Agustín Fernández Paz

Maio 29, 2009

Acaba de entrar no almacén Lúa do Senegal, o novo libro de Agustín Fernández Paz, ilustrado por Marina Seoane. Publicada na colección Sopa de Libros, na serie de 10 anos en diante, esta é a primeira novela publicada por Fernández Paz, tras a obtención do Premio Nacional de Literatura Infantil. Lúa do Senegal será publicada no vindeiro outono en castelán por Anaya Infantil y Juvenil e en catalán por Barcanova. Lúa do Senegal chegará ás librarías galegas a partir do día 8 de xuño.

XG00165701Khoedi, unha nena de dez anos, ten que deixar a súa casa de Casamence, unha rexión ao sur do Senegal, para instalarse en Vigo, a cidade onde o seu pai xa leva varios anos emigrado. Na nova terra, a vida é dura para Khoedi: non coñece a ninguén e todo lle resulta diferente. Está en Europa, mais a súa cabeza e o seu corazón continúan en África. O único lazo entre a nova realidade e o mundo que deixou atrás é a Lúa que brilla no ceo polas noites, que serve, ademais, para marcar o paso do tempo.

Lúa do Senegal, a primeira novela que Agustín Fernández Paz publica tras a obtención do Premio Nacional de Literatura Infantil, aborda o tema da emigración, ese drama que supón abandonar o propio país e marchar a outro para poder traballar e vivir con dignidade. E para falar do desarraigamento e do conflito emocional que supón ter que comezar desde cero nun lugar do que nada se coñece, Fernández Paz decidiu facelo a través dunha nena que conta en primeira persoa as dificultades que atopa e a súa loita por entender o que para ela é un novo mundo. Mais Khoedi é unha contadora de historias. Foi a súa avoa a persoa que lle aprendeu esa arte, ese gusto por inventar historias e contalas en voz alta.

Lúa do Senegal foi ilustrado por Marina Seoane quen conseguiu adentrarse na alma da protagonista, poñerlle rostro ao resto dos protagonistas e reflectir as paisaxes de dous mundos tan diferentes.

Biblioteca Agustín Fernández Paz en Gondomar

Marzo 20, 2009

agustinO IES Auga da Laxe (Gondomar) acordou poñerlle á súa biblioteca o nome do escritor Agustín Fernández Paz. Os responsables do centro nunha nota salientan que «É para nós unha satisfacción levar adiante esta iniciativa que queremos que sirva como unha pequena homenaxe a un dos autores máis importantes da literatura infantil e xuvenil galega.» Para dar a coñecer a súa obra, ademais das actividades que desenvolven co noso alumnado, o IES Auga da Laxe convida a todas as persoas que o desexen a achegarse centro para compartir dúas das iniciativas programadas.

* Mércores, 25 de marzo de 2009, ás 18:00 h, na biblioteca do instituto. Club de lectura arredor do libro O único que queda é o amor, galardoado co premio nacional de Literatura Infantil e Xuvenil 2008.
* Martes, 31 de marzo de 2009, ás 18:00 h, na biblioteca do instituto. Acto de colocación dunha placa co nome do escritor e inauguración dun panel sobre a súa obra. Neste acto contaremos coa súa presenza.

«Aire negro», edición definitiva

Febreiro 27, 2009

Chega estes días ás librarías como novidade unha nova edición de Aire negro de Agustín Fernández Paz. Aire negro, unha das máis loadas novelas do actual premio nacional de literatura infantil, é unha intensa e desacougante historia de amor, narrada cun uso maxistral do suspense e da intriga, que mantén a tensión ata a liña derradeira. A presente edición, a décimo terceira, foi completamente revisada e actualizada polo autor, renovándose ademais coa nova portada preparada por Antonio Seijas.

xg00015702Cando o doutor Moldes comeza a traballar nunha clínica psiquiátirca, ten como primeira paciente a Laura Novo, unha muller coa memoria borrada, que pasa o día enteiro escribindo de xeito compulsivo o seu nome, aferrada a el coma se fose o único resto dalgún ignorado naufraxio. O doutor conseguirá que Laura volva recordar todo o que lle sucedeu nos meses anteriores, cando unha escura sombra parecía ameazar a súa vida. Ningún dos dous podía adiviñar que, deste xeito, estábanlle abrindo a prta a unha realidade terrible que os deixaría marcados para sempre. Aire negro mestura os elementos dos xéneros fantástico e de terror para construír un thriller absorbente.

Dez libros para namorar

Febreiro 14, 2009

Agustín Fernández Paz,«Letra E» 2009

Febreiro 7, 2009

agustin_fernandez_paz2Acabamos de saber que Agustín Fernández Paz recibirá en Vilalba no mes de xuño a «Letra E» (O escritor na súa terra) que concede a Asociación de Escritores en Lingua Galega. A decisión foi adoptada na asemblea anual da asociación celebrada esta mañá na que foron reelixidos Cesáreo Sánchez Iglesias como presidente e Antía Otero como vicepresidenta. Os nosos parabéns para Agustín.

Novas reedicións na colección «Fóra de Xogo»

Xaneiro 27, 2009

xg00134502Debemos salientar a entrada de novas reedicións da colección «Fóra de Xogo», a exitosa colección xuvenil da editorial que nos seus trece anos de vida acadou os 116 títulos e unha s vendas superiores aos seiscentos mil exemplares.

Ademais das xa comentadas reedicións de Agustín Fernández Paz, xa están nas librarías a novena edición de Leonel de Antón Cortizas e a novena de Anxos en tempos de chuvia de Miguel Vázquez Freire. Parabéns para os autores.

«Fervenzas Literarias», O mellor de 2008

Xaneiro 20, 2009

o_mellor_do_2008«Fervenzas Literarias» acaba de dar a coñecer o resultado da enquisa entre os seus lectores para escoller  O mellor de 2008.

Temos que agradecer que Xerais fose considerada como «Mellor editorial do ano», así como celebrar que Marcos Calveiro fose o «Mellor autor», Xosé Cobas «o mellor ilustrador» e a obtención dos premios nacionais de ensaio e literatura infantil por Justo Beramendi e Agustín Fernández Paz considerados como o «Mellor acontecido de 2008». Ademais, envarias modalidades resultaron gañadores títulos publicados pola editorial:

Mellor libro de narrativa adultos do ano: Festina lente de Marcos Calveiro.

Mellor libro de ensaio adultos do ano: Os Grouchos de Manuel O’Rivas.

Mellor libro xuvenil do ano: O libro das viaxes imaxinarias de Xabier P. DoCampo.

Mellor portada infantil/xuvenil do ano: O libro das viaxes imaxinarias.


Amor e literatura

Xaneiro 17, 2009

amoreliteraturanomesensPep Molist publicou o 8 de xaneiro no suplemento «Quadern» de El País de Cataluña unha crítica da edición catalana d’ O único que queda é o amor de Agustín Fernández Paz, publicada polos amigos de edicións Bromera.

Agustín Fernández Paz, novas reedicións

Xaneiro 16, 2009

agustin_fernandez_paz2Ao longo deste mes de xaneiro entran no almacén novas reedicións de diversos títulos de Agustín Fernández Paz: a terceira d’ O único que queda é o amor, o libro de relatos gañador do Premio Nacional de Literatura Infantil e  Xuvenil 2008; a vixésimo terceira de Cartas de inverno, un dos longseller da edición galega (acabou o pasado ano con 68.864 exemplares vendidos, dende a súa primeira edición na primavera de 1995); a décimo terceira de Aire Negro, que aparece revisada e con nova cuberta; a sétima de Corredores de sombra, novela editada hai apenas dous anos; e a sexta d’ A cidade dos desexos, o seu primeiro libro de creación, publicado hai agora vinte anos.

Agustín Fernández Paz agarda a aparición de tres novos libros que publicará Xerais ao longo deste ano 2009. A comezos da primavera,  Lúa de Senegal, novela para lectores de 10 anos en diante na colección «Sopa de libros», e A dama da luz, álbum que preparou co ilustrador Jorge Magutis. Xa despois do verán aparecerá na colección «Merlín», Valados. Os nosos parabéns a Agustín por esta magnífica xeira.

Xerais 2009: trinta aniversario, 3.000 títulos

Xaneiro 10, 2009

O plan editorial 2009 de Xerais estará marcado polo trinta aniversario de creación do noso proxecto e por superar, a inicios da vindeira primavera, os tres mil títulos editados. Prevemos publicar unhas cento vinte de novidades, cifra moi semellante a dos últimos anos, no abano diversificado das nosas coleccións que abranguen, entre outras, a literatura, a lexicografía, a edición infantil e xuvenil, a edición de libro de texto e materiais curriculares, as guías de viaxe e os libros de agasallo.
Dentro das novidades literarias atenderemos con especial dedicación as tres efemérides de 2009: o «Ano Cabanillas», con motivo do cincuenta aniversario do pasamento do poeta da raza (9 de novembro); o centenario do nacemento de Aquilino Iglesia Alvariño (10 de xuño), coa edición d’ O po dos días, un estudo de Luciano Rodríguez sobre a peripecia biográfica e a obra do poeta de Seivane; e o día das letras galegas dedicado a Ramón Piñeiro.
Na colección Narrativa, continuaremos coa nosa aposta por autores propios e por traducións da maior actualidade. Así, ademais da novela de François Bégaudeau,  A clase, ao longo deste mes de xaneiro aparecerán outras dúas: Riofero de Xelís de Toro e Monbars o Exterminador de Hixinio Puentes, último Premio de Narrativa galego portuguesa Eixo Atlántico. No mes de marzo publicaremos o libro de relatos Para seguir bailando de Francisco Fernández Naval, O ‘Salto do can, primeira novela do ferrolán Jorge Llorca e A vida do outro de Carlos G. Reigosa, a novela gañadora do Premio Torrente Ballester de Narrativa 2009. A seguinte entrega, xa avanzada a primavera, será o libro de relatos de Agustín Agra, O arrecendos das mimosas e as novelas de Santiago Lopo Peaxes e de Xosé Fernández Ferreiro Tempo de centeo.  Publicaremos, ademais, as novas novelas de Rosa Aneiros, María Reimóndez e Suso de Toro. Durante o segundo semestre, ademais da publicación do Premio Xerais de Novela 2009, que será fallado  o 6 de xuño, editaremos outras dúas traducións. Na colección de Poesía, as primeiras novidades serán TSC. Diario da noite de Alfonso Armada e o máis recente poemario de Estíbaliz Espinosa. Na Biblioteca Dramática Galega, que coeditamos con AGADIC, publicaremos Sempre quixen bailar un tango, Premio Álvaro Cunqueiro 2008 e Pingueiras e carteiras, Premio Manuel María de literatura dramática infantil 2008, as dúas pezas da autoría de Teresa González Costa. Na colección de Ensaio, comezaremos en xaneiro con Nos camiños do entusiasmo. Calidade da lingua e planificación de Goretti Sanmartín Rei, para continuar en marzo coa edición do segundo tomo d’ O segundo sexo de Simone de Beauvoir e do Tractatus Logico-Philosophicus de L. Wittgenstein. Xa no segundo semestre e tamén dentro desta colección publicarase a primeira das obras de Georges Steiner comprometidas, Georges Steiner no The New Yorker. Os dous primeiros títulos da colección Crónica serán Reconquista. Vigo en armas de Eduardo Rolland e Conversas con Celso Emilio Ferreiro de Ramón Nicolás.
A edición no mes de outubro do Gran Dicionario Xerais da Lingua, obra de cen mil entradas, será a novidade máis importante do ano, á que se engadirán dúas primicias na nosa lingua: un Dicionario de Arte e un Dicionario galego-francés / français-galicienne.
Na edición  infantil, no primeiro trimestre destacarán O sombreiro chichiriteiro, o primeiro libro para nenos de Manuel Rivas, ilustrado por Patricia Castelao; así como dous libros de Agustín Fernández Paz, recente premio Nacional de Literatura Infantil, a novela  Lúa de Senegal e o álbum A dama da luz, ilustrado por Pablo Magutis.
Na primeira metade do ano tamén aparecerán, fóra de colección,  tres importantes obras: Cabalos de vento, curros de pedra do fotógrafo Xavier Teniente e do pintor Xosé Guillermo, Pedras de Compostela de Aldonza das Pratarías e A semente da nación soñada, o libro de homenaxe a Xosé L. Méndez Ferrín, coeditado con Sotelo Blanco.

(*) Artigo de Manuel Bragado publicado no suplemento «Nós» do Xornal de Galicia do 10 de xaneiro de 2009, dedicado ás novidades do sector editorial galego para o ano 2009.

Xerais obtén dous dos premios da Noite da Edición 2008

Decembro 20, 2008

gp35f03350191_205293O libro das viaxes imaxinarias de Xabier P. DoCampo e Xosé Cobas, foi gañador do Premio Isaac Díaz Pardo ao mellor libro ilustrado do ano e PAlAbrAs brAncAs de Elvira Ribeiro e e Fino Lorenzo o do Premio Xosé Neira Vilas ao mellor libro infantil de 2008. No acto de entrega, celebrado o venres 19 de decembro, nas instalacións do Verbum de Vigo, tamén foron premiados Agustín Fernández Paz co Premio Xosé María Álvarez Blázquez ao mellor autor do ano e as editorais Galaxia por Fin de Século en Palestina e Faktoría K  pola tradución de Lolita de Nabokob.

Agustín Fernández Paz no «Paseo dos soños»

Decembro 9, 2008

36028O vindeiro domingo, 14 de decembro, Agustín Fernández Paz será homenaxeado no Muíño de Rañego da súa Vilalba natal pola Fundación Manuel María. Tras unha mesa redonda (ás 12:00) sobre a súa figura, na que participarán Fina Casalderrey, Xabier P. DoCampo, Paco Martín, Xulio Xiz e Manuel Bragado, colocarase o terceiro hectómetro literario no Paseo dos Soños e celebrarase un xantar de irmandade no restaurante «A Nova Ruta» de Vilalba. Pode avisarse asistencia ao xantar no teléfono: 646413890.

Beramendi e Fernández Paz entrevistados en «Faro de Vigo»

Novembro 9, 2008

estelaEstela, o suplemento dominical de Faro de Vigo, publica unha longa entrevista de cinco páxinas con Justo Beramendi e Agustín Fernández Paz, os recentes premios nacionais de ensaio e literatura infantil e xuvenil. Os dous autores reflexionan devagariño sobre cuestións claves da actualidade e do futuro de Galicia: a lingua, o autogoberno, a memoria histórica, a crise económica ou os efectos sobre a cultura da revolución de Internet.

Agustín Fernández Paz, entrevista para AGN

Novembro 5, 2008

Anxa Correa realizou unha entrevista a Agustín Fernández Paz, para a axencia AGN, que hoxe publica Galiciae. O autor d’ O único que queda é o amor aborda, entre outras cuestións, o seu compromiso coa escrita en lingua galega e o seu concepto de lectura. Recollemos varios fragmentos:

36028P: Deixou de ser unha ousadía escribir para rapaces e escribir en galego?

R: Nunca o considerei ousado. Escribir en galego foi unha elección lóxica. Di Pessoa que a a súa patria é a lingua portuguesa e a miña lingua é o galego, e foi a maneira natural de escribir. Non foi unha opción. E logo para orientarme a un público xuvenil tivo que influír ser docente, ler moitísima literatura dese tipo e descubrir que había grandes autores europeos, cando se comezou a traducir logo da ditadura, nos anos 50-60. De repente chegou Roald Dahl, Christine Nöstlinger, Gianni Rodari… e decidín escribir como esa xente. Aí me inscribín eu.

[…]

P: Que é para vostede a lectura?

R: Eu copiaríalle a Borges e diría que ante todo son lector. Sería unha dor moi grande non escribir máis, pero sería moito peor non poder ler. Os que escribimos somos todos lectores voraces. A lectura é unha constante na miña vida que modificou a miña forma de ver o mundo e a miña forma de ser. Hai algúns libros que entreteñen pero que non deixan unha pegada profunda, pero hai outros que si, e cada persoa ten un deses libros, que cando saen deles, saen doutro xeito. Os que valen para min non valen para outras persoas. Creo que os libros teñen a capacidade de cambiarnos a vida aínda que non saiba explicar ben como o fan nin de que xeito.

Agustín Fernández Paz: «Non gosto dos tópicos na literatura xuvenil»

Novembro 1, 2008

Foto Paco Vilabarros

Agustín Fernández Paz é entrevistado por Lara Rozados en A Nosa Terra. Agustín anuncia a aparición de Lúa de Senegal, un orixinal que entregou na editorial días antes da obtención do Premio Nacional e que sera publicado no vindeiro mes de marzo na colección Sopa de Libros. Recollemos algúns fragmentos significativos da entrevista:

Cal é a diferenza entre eses canons ou estándares da literatura xuvenil e o que vostede escribe?

Sempre tentei saír, máis ca dos tópicos, dos estándares: o meu concepto de literatura xuvenil non coincide co que entende a xente. Segundo Emili Teixidor literatura xuvenil é a que carece de complexidades formais para que a entenda un lectorado aínda en formación. E aí, clásicos como O vixía entre o centeo, de J.D. Salinger, A metamorfose de Kafka ou Baixo as rodas, de Herman Hesse, sitúanse no que eu chamo literatura de fronteira, cunha perna en cada lado. Baixo o paraugas da literatura xuvenil podemos ter unha mirada máis restrinxida ou ampla.

[…]

Cales son os seus proxectos?

O único que queda é o amor está xa traducida ao portugués e ao castelán, e agora van indo as traducións ao vasco e ao catalán. Por outra banda, rematei un novo manuscrito hai uns días: é un proxecto para abordar o tema da inmigración, a través dunha rapaza do Senegal que abandona o seu país, o seu contexto vital, e chega a outro onde non coñece nada. A novela ambiéntase en Vigo, do 18 de xullo, o día que ela chega, até o 15 de setembro, primeiro día de escola, e o tempo cronolóxico da novela vai guiándose polas fases da lúa. En todo ese proceso, entro nos interiores, nos sentimentos da rapaza, no seu progresivo coñecemento da nova realidade. Vaise titular Lúa de Senegal porque o único que ela recoñece como igual ao seu país é a lúa que ve no ceo.

Agustín Fernández Paz, entrevista en «El Progreso»

Outubro 29, 2008

Entre o grande número de entrevistas realizadas a Agustín Fernández Paz, a raíz da obtención do Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil, é moi salientable a de Jaureguizar no xornal El Progreso. Recollemos algúns parágrafos que consideramos significativos:

Por que pensan que premiaron O único que queda é o amor e non os libros que foron finalistas con anterioridade?
–Houbo libros meus nestes anos que poderían ter merecido o premio. Os que andaron máis cerca foron Aire negro, Corredores de sombra e O centro do labirinto, que quedaron segundos. Quedar durante varios anos entre os finalistas ten o valor importante de que algo deben de ter, de que non ía por mal camiño.

A que atribúe o feito de que a literatura infantil e xuvenil galega teña un constante recoñecemento exterior con premios e traducións?
–Quizais o secreto estea en que os tópicos da literatura para rapaces non enraizaron tanto, porque somos máis dispares e libres. Por exemplo, hai unha regra no escrita que que di que os protagonistas teñen que ser nenos ou rapaces. Eu fago moitas historias con adultos. A única diferenza da literatura infantil e xuvenil (LIX) é que non debe ter complexidades formais. O Ulises de Joyce non é LIX, pero O neno do pixama a raias ou La sombra del viento si o son e véndense en coleccións para adultos. Hai lectores adultos con prexuízos, que non lerían O neno do pixama a raias se estivese nunha colección para rapaces. Eu sempre teimei por borrar as fronteiras entre literatura para mozos e para adultos, que son algo discutible e O único que queda é o amor foi un intento máis.

Volve traballar cos sentimentos no que será o seu vindeiro libro, Lúa do Senegal.
–Si, é unha historia de inmigración, dunha rapaza de once ou doce anos que chega a Vigo procedente do sur do Senegal porque o seu pai emigrou e solicitou o reagrupamento familiar. O libro conta o verano anterior ao comezo do novo colexio, hai unha tensa espera. Todo acontece na cabeza da rapaza e iso fíxoo máis difícil por non ter trama.

Está vostede nun momento da vida no que se comeza a reler libros e remirar películas, pero fala de Pamuk ou de Wong Kar Wai.
–Eu vivín no mundo dos sesenta e agora vivo no mundo do 2008. Intento estar ao día en música, literatura e cinema. Ando coa terceira tempada de Los Soprano. Teñen uns diálogos impresionantes. Son o Shakespeare do século XXI. O escritor vigués Marcos Calveiro felicitoume cun fragmento da película In the mood of love, de Wong Kar Wai. Iso emocionoume moito.

Parabéns para Agustín

Outubro 26, 2008

Foto Lalo Villar

A concesión do Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil a Agustín Fernández Paz continúa provocando un auténtico regueiro de parabéns na rede. Recollemos os que foron saíndo nesta fin de semana:

Agustín Fernández Paz, Premio Nacional 2008

Outubro 24, 2008

Agustín Fernández Paz foi o gañador do Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil 2008, co seu libro O único que queda é o amor. Recollemos algunhas das entrevistas e novas publicadas nos medios:

  • «A miña obsesión é loitar pola dignificación da literatura xuvenil» (La Voz de Galicia)
  • «O maior galardón son o lectores» (Galicia Hoxe)
  • «Lenme os mozos e os adultos sen anteolleiras» (El Pais Galicia)
  • «La literatura tiene que conquistarte el corazón» (Faro de Vigo)
  • «Fernández Paz, Premio Nacional» (El Correo Gallego)
  • «Agustín Fernández Paz gana el Premio Nacional de Literatura Infantil y Juvenil» (El Progreso)
  • «Agustín Fernández Paz, Premio Nacional de LIteratura Infantil» (Diario de Pontevedra)
  • «Agustín Fernández Paz gana el Nacional de Literatura Infantil» (La Opinión)
  • «Agustín Fernández, Premio Nacional de Literatura Infantil con una obra en gallego» (La Región)
  • «O Ministerio de Cultura premia a Fernández Paz» (A Nosa Terra)
  • «O maior e verdadeiro premio, o inesperado: o aprezo dos lectores» (Vieiros)
  • «Agustín Fernández Paz, Premio Nacional de Literatura Infantil» (Culturagalega.org)
  • «Agustín Fernández gaña o Nacional de Literatura Infantil cun texto en galego» (Xornal.com)
  • «Fernández Paz; premio nacional de literatura juvenil» (El País)
  • «El nacional de Literatura Juvenil para Fernández Paz» (Público)
  • «Agustín Fernández Paz gana el Premio Nacional de Literatura Infantil y Juvenil» (CNN+)
  • «Agustín Fdez Paz gana el Nacional de LIteratura Infantil con una obra en gallego» (Diario de Sevilla)
  • «Agustín Fernández Paz, premio Nacional de Literatura Infantil y Juvenil» (Revista Babar)
  • “Agustín Fernández Paz admite ser “afortunado en premios”, pero resalta que “el mayor” proviene de los lectores” (europa press)
  • “Fernández Paz, premio estatal de LIX” (Praza das Letras)

Agustín Fernández Paz: Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil 2008

Outubro 23, 2008

Agustín Fernández Paz foi galardonado co Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil 2008 polo seu libro O único que queda é o amor, publicado por Xerais no pasado mes de decembro.

O único que queda é o amor, do que Xerais está preparando a segunda edición, é un fermoso libro de relatos, ilustrado por Pablo Auladell, no que hai unha trama de fíos invisibles que une as vidas dos personaxes: Diana, Sara, Pablo, Laura, Adrián… todos se namoran e descobren que o amor é un sentimento poderosísimo, capaz de transformalos por enteiro e facerlles a vida doutro xeito. Mais tamén experimentan a amargura do desamor, ou da ausencia, ou dos amores rotos. O amor en todas as súas variantes: desde o primeiro amor adolescente ata que se mantén máis alá da morte. Aínda sabendo isto, as persoas sempre buscamos na nosa vida ese sentimento tan necesario como o aire que respiramos, quizais porque intuímos que, como escribe Orhan Pamuk en Neve, “na vida o único que queda é o amor”. E sempre, os libros como compañeiros da aventura do amar. Un libro memorable.

Este libro de Agustín leva acadado xa os máis importantes premios:

Premio Xosé Neira Vilas ao Libro Infantil e Xuvenil do ano 2007 – Premio Asociación de Escritores en Lingua Galega (Infantil-Xuvenil), 2007 – Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil 2008.

Premio Frei Martín Sarmiento, finalistas

Setembro 23, 2008

Acabamos de coñecer as obras finalistas da quinta edición do Premio Frei Martín Sarmiento, organizado polos equipos de Normalización Lingüística da FERE e outorgado, a pasada edición, por máis de cinco mil lectores e lectoras. As obras finalistas das publicadas por Xerais, ao longo do pasado ano 2007, son as seguintes:

O fallo do premio coñecerase o 30 de abril de 2009 e será outorgado por milleiros de lectores e lectoras que valorarán as obras finalistas ao longo do curso.

Críticas na revista “Os meus livros”

Agosto 1, 2008

A prestixiosa revista literaria portuguesa Os meus livros (a única dedicada esxlusivamente aos libros en Portugal) dedica unha páxina para recomendar as edicións en portugués d’ O único que queda é o amor de Agustín Fernández PazDragona de Xavier Queipo.

Premer sobre a imaxe para ler o texto.

“O único que queda é o amor”, críticas en Portugal

Xullo 14, 2008

Coñecimos hoxe as primeiras críticas publicadas en Portugal sobre So resta o amor, a tradución d’ O único que queda é o amor de Agustín Fernández Paz. Reproducimos algúns dos parágrafos significativos:

  • “Embora sobejamente premiado e traduzido, [Agustín Fernández Paz] ten un número irrisório de obras publicadas en Portugal dirigida a adolescentes e adultos: Cartas de Inverno (Contemporánea), no registo infano-juvenil, O Centro do Labirinto e O Laboratório do Doutor Nogueira, ambos editados pela Ambar, e no juvenil As Raparigas, na Dom Quixote. Agora Nelson de Matos acaba de publicar, na súa coleccão “Mil Horas de Leitura”, o seu romance mais recente, Só resta o amor, uma ficcão adulta de grande mestria, memorável, que se tece em torno da descoberta do amor (e do desamor) que as suas personagens –Diana, Sara, pablo, Laura, Adrián, Daniel– vivem como um poderoso factor de transformação e verdade essencial como o ar que se respira. Depois disso, a cidade, a casa de todos, nunca será a mesma. Aínda uma parábola sobre o poder das palavras e dos livros.” (Vítor Quelhas, Expresso, 12-07-2008).
  • “Relatos simples, muito concretos, que partem do denominador comun do amor sem fazer disso uma coisa pegajosa e arrastada. São apenas pequenos nadas que se fazem grandes, com um incontornábel sabor a Verão.” (Catarina H. Marques, semanario Sal, 05-07-2008).
  • Só resta o amor é o livro mais recente deste galego (nascido em Lugo en 1947) que não é desconhecido em Portugal, onde já tinha quatro outros livros publicdos. Trata-se de uma colectânea de dez contos que falam todos da importância do amor, esse sentimento capaz de nos transformar mais profundamente que qualquer outro, e também da sua ausència.” (Público, 04-07-2008).
  • “Há livros que só poderiam ser vendidos nas farmácias e com necessidade de receita médica: é o caso de Só Resta o Amor, de Agustín Fernández Paz (Ed. Nelson de Matos) – uma história infiel, como acontece com as que valem a pena.” (Francisco José Viegas, Correio da manhã).

Xerais no FESTIGAL

Xullo 11, 2008

Xerais participará nos seguintes actos do FESTIGAL, a celebrar en Compostela durante a tarde e o serán do 25 de xullo:

  • 17:15: Presentación da edición en galego d’ O segundo sexo de Simone de Beauvoir. Intervirán: Carmen Adán, Secretaria Xeral de Igualdade da Vicepresidencia da Xunta de Galicia, Manuel Bragado, África López e Marga Marcuño.
  • 18:30: “Herbas do cego”, recital de poesía de Manuel Rivas. A continuación, presentación d’ Os Grouchos.
  • 19:15: Presentación do libro Renacer de Xabier Paz. Intervirán: Manuel Bragado e o autor.
  • 20:15: Presentación do libro Os piratas da illa da Esperanza. Falarán:  X. H. Rivadulla Corcón, Manuel Bragado, Isidro Novo e  Susana Rois.
  • Durante a tarde, Rosa Aneiros, Marcos Calveiro, Agustín Fernández Paz e Teresa Moure, asinarán exemplares das súas obras.