Nestes días comezan a chegar ás librarías as dúas novelas premiadas de Rosa Aneiros: Sol de Inverno, Premio Xerais de novela 2009 e Ás de bolboreta, premio Fundación Caixa Galicia de literatura xuvenil 2009.
Sol de Inverno, a obra coa que Rosa Aneiros gañou o Premio Xerais 2009, é unha novela comprometida, densa e cun pouso de lirismo que debuxa o periplo vital dunha personaxe: Inverno. A protagonista habita diversos escenarios que nos conducen desde a perdida aldea de Antes a Barcelona, para relatarnos a crueldade da guerra; e logo ás circunstancias da fuxida a Francia; ao emblemático barco Ipanema; ao longo exilio cubano; á revolución castrista; e mesmo á viaxe ao París do maio do 68. Será en Cuba onde atopamos o pouso da emigración e dos descendentes dos cimarróns, da memoria infinita da tata Luzdivina e do cheiro das follas de tabaco do bisavó Andrés, un escenario clave para entender a singradura dunha protagonista que turra por volver a Antes. Para o xurado do Premio Xerais 2009 «Sol de Inverno constrúe un mundo simbólico e máxico polo que deambulan seres entrañables para crear un relato de pulso vagoroso, que reborda nun potente río de historias. A memoria do exilio, as súas voces e as súas feridas, que Inverno debe lamber unha e outra vez, marcan o pulso desta novela que destaca pola rebeldía dos personaxes na defensa dos ideais e da xustiza.»
Na “Luzada”, a cafetaría de Patricia, conflúen cada mañá os camiños que transitan os personaxes d’ As de bolboreta, a novela de Rosa Aneiros gañadora do Premio Fundación Caixa Galicia de literatura xuvenil 2009. O de Manuel, un neno de orixe africana, a quen lle morreu a súa nai adoptiva, que comparte varias horas do día co seu avó. O de Lola e Eusebio, un matrimonio de persoas maiores que viven soas e deben enfrontar as difíciles decisións que esixen a vellez e a aparición da enfermidade. O de Iqbal, un mozo de pais paquistanís que decidiu marchar de Londres tras os atentados terroristas no metro de 2005. O de Aysel, unha kurda que manifesta a impotencia que sente pola indiferenza con que a comunidade internacional acolle a represión exercida contra o seu pobo por parte do goberno turco. O dos alpinistas do monte Gurugú, dous mozos nixerianos que tentan atravesar o valado da fronteira de Melilla para poder reunirse coa súa tía, que agarda todos os días no bar unha chamada que confirme a chegada dos seus sobriños a Galicia. E tamén o de Paco e Adolfo, dous homes covardes que non aprenderon a considerar as súas mulleres como compañeiras de viaxe, e o da señora Filomena, e o de Ana, e o de Fiño…
O xurado do Premio Fundación Caixa Galicia 2009, que outorgou por unanimidade o galardón a esta novela de Rosa Aneiros, sinalou que “Ás de bolboreta presenta unha estrutura non xerarquizada, dividada en breves capítulos onde calquera parte está conectada con todas as demais, un puzzle de pezas engarzado do mesmo xeito que se engarzan as vidas dos personaxes da novela”; salientando, ademais, que “mediante a conexión do cotián con outras historias que poden semellar máis afastadas conséguese unha intensidade narrativa reforzada polo acertado emprego dos rexistros que se van adecuando aos distintos personaxes que conforman a novela”. Para concluír que “Ás de bolboreta é un relato triste e esperanzador ao mesmo tempo, fondamente humano, solidario e internacionalista.”
Unha primavera para Aldara de Teresa Moure é unha peza teatral que se desenvolve no interior dun mosteiro, na Galicia do século XV. No exterior estoupa a Revolta Irmandiña contra os abusos dos nobres feudais. Ao convento chega Don Nuno, un cabaleiro irmandiño ferido gravemente na batalla. As regras non permiten presencia masculina no mosteiro, porén Aldara, a abadesa decide poñer por diante a misericordia e acoller ao forasteiro. Mais unha decisión coma esta no convento serviu como detonante dun enfrontamento de posturas entre as monxas que culminará nunha traizón. En palabras da autora «os personaxes desta obra teatral afrontan conflitos dos que se chaman eternos e procuran horizontes de liberdade persoal relativos ao afán de coñecemento, a paixón, a ruptura co establecido, nun ambiente de tenrura e fraternidade».
Unha primavera para Aldara obtivo o Premio de teatro Rafael Dieste 2007, ademais dos premios da Asociación de Escritores en lingua Galega (Teatro) 2008 e o María Casares ao Mellor Texto Orixinal 2009.
La Voz de Galicia fíxose eco do acto de presentación na Feira do Libro de Vigo de Sansón Troleyro. Estudante de pan e sardiña, a primeira novela de Enrique Vázquez Pita no catálogo da editorial, coa que tamén inicia unha triloxía para a colección Fóra de Xogo. Na foto de Óscar Vázquez o novelista coruñés acompañado do director da editorial.
Makinaria cheira a música a todo volume, a ritmo marcado e persistente, a letras de cancións, susceptibles de seren declamadas ou berradas, a makina e hip hop, a coches maqueados, a velocidade, a goma de pneumático queimada. Un libro de versos sen final feliz: porque a Morte converte a euforia en chatarra. Makinaria: nin difícil, nin aburrido. Accesible, breve, espido de concepcións idealizadas para tratar a dor, a angustia, o medo, a morte, o perigo de queimalo todo axiña.
Montse Penas publica no suplemento «Nós» de Xornal de Galicia a primeira crítica tras a aparición do poemario de Carlos NegroMakinaria dentro da colección xuvenil Fóra de Xogo. Baixo o título de «Poesía para a mocidade: a virazón do aire», Montse Penas ofrece un texto no que reflexiona sobre o indubidable interese da mocidade pola lectura de poesía, ao tempo que considera o poemario de Carlos Negro como «unha ventada de aire fresco».
Mañá, 26 de xuño, ás 12:00 horas no CPI Eusebio Lorenzo Baleirón de Dodro presentarase Makinaria, o poemario máis recente de Carlos Negro. No acto o autor estará acompañado por Fran Alonso.
O xurado da 4ª edición do Premio Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil dotado con 10.000 euros, formado por: Verónica Rego (en representación da Fundación Caixagalicia), Mónica Góñez (profesora e escritora), Pilar Ponte Patiño (profesora), Alba González Méndez (estudante de 4ª da ESO, IES Os Rosais de Vigo), Amanda Bouzada Novoa (estudante de 4º da ESO do IES Os Rosais de Vigo) e Xosé Manuel Moó Pedrosa, secretario do xurado, en representación de Xerais, con voz e sen voto, entre as dezanove obras participantes, declarou finalistas as presentadas baixo os lemas: «Ás de bolboreta», «Dragal» e «Quiromántico».
Despois da súa última deliberación, acordou por unanimidade declarar como gañadora a presentada baixo o lema “Ás de bolboreta” que, despois de aberta a plica, resultou ser de Rosa Aneiros Díaze corresponde ao títuloÁs de bolboreta. O xurado aconsella á editorial a publicación da novela presentada baixo o lema “Dragal”.
A novela gañadora do Premio Fundación Caixa Galicia 2009 desenvólvese no bar de Patricia, situado nunha encrucillada de rúas en Santiago de Compostela, o quilómetro cero onde conflúe cada un dos camiños que transitan os máis de quince personaxes. Nesta novela crúzanse historias humanas diferentes que, no seu conxunto, conforman unha radiografía da sociedade urbana actual: globalizada, interconectada e diversa.
Unha das historias é a de Manuel, un neno de orixe africana, a quen lle morreu a súa nai adoptiva, que apenas pasa tempo co seu pai –un ocupado home de negocios– e que comparte varias horas do día no bar de Patricia co seu avó materno, con quen vai aprender a superar a morte da nai, a comprender a súa infancia e a recuperar o seu pai. Pola súa parte, Lola e Eusebio, un matrimonio de anciáns que viven sos, el enfermo e dependente, teñen que se enfrontar ás grandes decisións que esixen a vellez e a enfermidade: continuar vivindo na casa ou trasladarse á frialdade dunha residencia, ter que recorrer a descoñecidos para que os axuden, saber convivir coa presenza cada vez máis próxima da morte e convencerse de que hai soños que sempre pospuxeron pensando que aínda había tempo por diante para os cumprir.
Tamén está a historia de Iqbal, un mozo londiniense de pais paquistanís que decidiu marchar de Londres tras os atentados terroristas no metro en xullo de 2005 que condicionaron e marcaron a vida dos londinienses pertencentes á comunidade musulmá. E a de Aysel, unha kurda que manifesta de forma brutal a impotencia que sente pola total indiferenza con que a comunidade internacional acolle a represión exercida contra o seu pobo por parte do goberno turco; e a historia dos alpinistas do monte Gurugú, dous mozos nixerianos que tentan atravesar o valado da fronteira de Melilla para poder reunirse coa súa tía, que agarda todos os días, no bar de Patricia, unha chamada que confirme a chegada dos seus sobriños a Galicia. E tamén a historia de Paco e Adolfo, dous homes covardes que non aprenderon a considerar as súas mulleres como compañeiras de viaxe, e a da señora Filomena, e a de Ana, e a de Fiño…
O xurado na xustificación da súa decisión sinalou que “Ás de bolboreta de presenta unha estrutura non xerarquizada, dividada en breves capítulos onde calquera parte está conectada con todas as demais, un puzzle de pezas engarzado do mesmo xeito que se engarzan as vidas dos personaxes da novela. Tratando temas nada compracentes, como o terrorismo, a intolerancia, a soidade ou a violencia contra as mulleres, a novela flúe e conmove aos seus lectores e lectoras grazas á combinación de diálogos áxiles e frescos con pasaxes fondamente líricas. Mediante a conexión do cotián con outras historias que poden semellar máis afastadas conséguese unha intensidade narrativa reforzada polo acertado emprego dos rexistros que se van adecuando aos distintos personaxes que conforman a novela. Ás de bolboreta é tamén un conto triste e esperanzador ao mesmo tempo, fondamente humano, solidario e internacionalista.”
Rosa Aneiros declarou, no momento de recibir o premio Fundación Caixa Galicia, que “esta é unha novela de historias e personaxes que se cruzan, xa que quixen expresar que hoxe todos estamos interconectados e o bater de ás dunha bolboreta pode provocar efectos inagardados noutro lado do mundo”. Continuou Rosa Aneiros dicindo que “procurou para todos os personaxes atopar unha saída para a súa soidade, ao tempo que amosar a presenza dunha violencia moi sutil nas súas vidas”. Rematou a gañadora do premio Fundación Caixa Galicia 2009 recordando que “hai dez anos publiquei a miña primeira obra, a novela xuvenil Eu de maior quero ser, neste tempo aprendín da miña participación en encontros de moitos clubs de lectura e de moitos contactos con lectores novos e novas que teñen unha enorme capacidade para rematar eles as historias; con Ás de bolboreta teño a esperanza que eles rematen estas historias, narradas dende a maior naturalidade, procurando a simpleza e a ausencia de calquera tipo de prexuízos”.
Xerais publicará catorce novidades ao longo deste mes de xuño.
Na colección Xerais Narrativa aparecerán as novelas A vida do outro de Carlos Reigosa, Premio Torrente Ballester 2008 da Deputación Provincial da Coruña; Monte Louro de Luís Rei Núñez, Premio Blanco Amor 2009; e Pirata de María Reimóndez. Títulos, ambos os tres, que estarán nas librarías durante a primeira quincena do mes.
Makinaria de Carlos Negro é, tras o éxito rotundo de Poetízate, o primeiro poemario individual publicado dentro da colección Fóra de Xogo. Unha aceleración poética para lectores e lectoras adolescentes que chegará ás librarías a partir do 15 de xuño.
Makinaria de Carlos Negro é unha aceleración poética de cero a cen en tres segundos. Se tes arredor de quince anos, vas de malote e mallas na música, este pode ser o teu libro; un libro de versos co depósito cheo de gasolina, testosterona e alcohol; un libro de versos tuneados, maqueados de furia xuvenil, sen máis límite que o do contaquilómetros que sinala unha ruta suicida; un libro de versos sen final feliz: porque a Morte converte a euforia en chatarra, porque só admite como meta o destino cemiterio.
Sansón Troleyro, estudante de Medicina, posiblemente sexa o veciño máis intelixente e espelido de Santiago en 1672. Pero ninguén recoñece a súa agudeza. O seu señor, o colexial don Baltasar, obrígao a compoñer poemas, móeo a couces e trátao coma un can. O bacharel Sansón tamén ten enredos coa Inquisición, que o persegue porque disque é bisneto dunha meiga de Cangas e porque lles anda a vender herbas da risa aos peregrinos. Os seus profesores e compañeiros téñeno por burricán e búrlanse das súas novas teorías sobre a circulación do sangue. Ademais, Troleyro vive atormentrado polo sospeitoso pasado da súa familia de menciñeiros e curandeiros, pese a que el interésanlle mñías as ciencias e a razón que ilumina Europa. É un inadaptado, un rebelde fóra de tempo e lugar que ve como a vida pasa e se lle escorre entre as lecturas prohibidas polo Santo Oficio. Pero grazas ao seu enxeño e a novos aparellos como o microscopio gaña fama pola súa agudeza para resolver crimes e salvar a vida de inocentes, que non de doentes.
Sansón Troleyro. Estudante de pan e sardiña, primeira novela de Enrique Vázquez Pita no catálogo de Xerais, é a primeira entrega dunha serie protagonizada por este inquedo e rebelde bacharel compostelán do século XVII.
Hoxe no programa Libro Aberto da TVG, que se emite hoxe ás 0:45 horas e que tamén se poderá ver na G-2 (TDT) o luns 25 ás 23:30 horas, inclúese contidos referidas aos recentes lanzamentos de Xerais.
Ao comezo do programa, que se gravou nas instalacións da Fundación 10 de marozo, entrevístase a Xosé Fernández Ferreiro, con motivo da aparición da súa décimo sexta novela, Tempo de centeo.
Despois abórdanse as etapas dun proceso de edición con motivo da publicación de Do orixinal ao libro. Manual de edición, obra de Juan L. Blanco Valdésque analiza este proceso e fixa, por primeira vez en galego, os termos propios da edición técnica.
Despois, o condutor do programa falará co escritor Xosé Francisco Fernández Naval,sobre o seu último libro Para Seguir Bailando, un conxunto de dez relatos nos que aborda temas como o abandono do medio rural, a corrupción, a memoria ou o abuso exercido sobre a muller.
Por último, na sección de crítica, Isabel Soto analizará a obra Quen matou a Inmaculada de Silva? de Marina Mayoral. Neste libro xuvenil aparece, como noutras obras da escritora mindoniense, o espazo imaxinario e simbólico de Brétema.
Hai aproximadamente uns cuatro anos, no verán de 2005, comecei a fotografar os cabalos salvaxes e a tradicional Rapa das Bestas. Algún tempo máis tarde, cando xa tiña realizadas unha boa selección de fotografías, proipúxenlle a Manolo Bragado a posibilidade de facer un libro con este traballo. El viuno e díxome que si… Mais unha vez metido na edición das fotos dinme conta que non quería facer un simple libro de fotografías… faltaba algo…
Unha noite de copas polo casco vello de Vigo, unha desas escasas, pero máxicas ocasións que a veces nos regala a noite, atopeime con Xosé Guillermo no Edra. Comecei a falarlle do proxecto e díxome que lle gustaba o tema, e de feito, que xa tiña cousas realizadas sobre cabalos. Entre os vahos do licor café, música, palabrería nocturna e moitas risas, xurdiron ideas…algunhas tolerías, mais naquela noite naceu o proxecto que logo titulariamos Cabalos de Vento, Curros de Pedra.
A partir de aí comezamos a vernos case a diario, e pouco a pouco a idea foi madurando. Xa no verán de 2006 fomos a varios curros xuntos, con Maruchi, con Lucía, e con moitos outros amigos. Comiamos churrasco, bebíamos viño, e participamos da tradición. Ademáis, eu tomaba fotos,… e Guillermo pintaba. Algún tempo mais tarde comezamos a darlle forma a maqueta do libro no seu estudio, na Fundición Nautilus.
Agora, coa perspectiva do tempo vivido e gozado, non concibo un lugar nin unha compañía mellor para ter levado a cabo esta historia. Mentres nós traballabamos na selección de fotos e debuxos, e na confección da maqueta, Sagar e outros moitos músicos ensaiaban; Nacho daba vida a seus personaxes; ou divagábamos sobre algunha historia peregrina con calquera dos artenautas que a diario frecuentaban, e seguen frecuentando este lugar.
E así, entre bocetos en tinta china, augadas e fotografías fomos dándolle forma o proxecto. Agora sí o libro tiña sentido!, contaba algo máis alá da simple sucesión de fotografías… Fixemos unha primeira maqueta con fotocopias, as cubertas de cartón duro, e o lombo pegado con recortes de pantalóns vaqueiros…Que foi a que lle presentamos o editor…
Sen dúbida, o resultado final é un gran libro, e estou moi feliz por isto, pero nunca esquecerei todo o proceso do traballo previo, a sorte de haber traballado cun compañeiro tan imaxinativo, tan inspirado, tan xenial…
Un día, Guillermo presentoume a Javier Goberna, (un sabio deses que len nas pedras as escrituras dos nosos antepasados), e este levounos ver uns deses petroglifos en Sabarís, onde aparecen os cabalos gravados nunha grande lousa de pedra. Decontado o tiñamos claro: ese sería o principio e o final da historia…, cabalos e homes galopando xuntos nos montes galegos tres mil anos antes… Iso daríalle unha dimensión histórica e o mesmo tempo enlazaba con algúns dos debuxos que Guillermo xa tiña realizado. Ademais, a nosa idea era contar tamén a historia dos cabalos ceibes, non só a tradicional Rapa das Bestas.
Cabalos de vento. Curros de pedra está formado por 50 fotografías, dez debuxos, unha augada (a da cuberta), un texto poetizado escrito tamén por Xosé Guillermo, e unha chea de homes e cabalos correndo uns detrás dos outros…
Guillermo optou pola técnica do debuxo, realizando cada peza en tinta china e con cana de bambú. Resoltos con gran mestría en canto as súas proporcións e utilizando poucos trazos, apenas unhas liñas e pouca mancha de negros, de xeito que non se pelexasen coas fotos, e sobre todo, que non desen pé a comparacións que non virían a conto. Pero sobre todo, os de Guillermo son debuxos cunha grande expresividade, cheos de intensidade, de movemento, de gracia, e por suposto, de vida propia.
En canto as fotografías, foron realizadas en branco e negro, intentando capturar a atmosfera dos montes galegos no que viven os cabalos, o movemento das greas correndo en liberdade, e a acción e o nerviosismo na loita cos homes. A pesar de que no libro non aparecen representados todos os curros que se celebran en Galicia, pola selección que fixemos onde só podían incluírse 50 imaxes, porén se realizaron fotografías na maioría deles. Aquí hai fotos dos da Serra da Capelada en Coruña, de Campo do Oso en Mondoñedo, na provincia de Lugo, e dos da Valga, Mougás, Torroña ou Sabucedo en Pontevedra.
En conxunto, as fotos, os debuxos, e mais o texto, conforman unha historia narrativa, que vai contando a vida destes cabalos, desde o monte a o paso polo curro. Partimos da foto da contracuberta dos petroglifos, que como xa falei antes, pretende contarnos que esta historia non e de hoxe, senón que os nosos antigos xa convivían cos cabalos salvaxes nestes mesmos montes. Tamén figura nas primeiras páxinas unha preciosa cita de Virxilio do Século I a.C. que Guillermo atopou e dice ” E alí suben as altas rochas, poñense cara ao lado de onde sopra o Céfiro, aspiran as sutís auras e sen outro contacto, son fecundadas polo vento…”
As primeiras fotos e debuxos amosan os cabalos vagando, ou pastando ceibes no monte. De aí xa comeza a aparecer o home, xuntando os distintos grupos para pouco a pouco facer unha gran manda que levarán ata a zona onde se celebrará a Rapa. Os cabalos fan por fin a súa entrada no Curro, entre os aplausos da xente, coma se fosen gladiadores. E comeza a selección dos exemplares, a loita co home, a Rapa, e a marcaxe a ferro.
Na seguinte parte do libro aproveitamos para utilizar, a modo de denuncia, algunhas fotos do bosque queimado, naquel terrible verán do 2006, no que prenderon fogo a toda Galicia e no que moitos animais, non só cabalos, pereceron entre o lume.
Nas últimas páxinas, os cabalos galopan outra vez en liberdade, e regresan os seus montes, alí onde vivirán tranquilos ata o próximo ano…
Como todos imaxinaredes, esta non era a celebración prevista, e síntome triste por iso. Pero estou seguro, que nalgún lugar por aí arriba, hai alguén observándonos, felíz por ver a todos estes amigos reunidos, e orgulloso polo traballo ben feito.
Para acabar, Quero dar as grazas a Manolo Bragado, a Crego, Celia e a toda a xente de Xerais. Quero dar as grazas tamén a toda a marabillosa xente da Fundición Nautilus, pois, dalgunha maneira, todos participaron deste proxecto. E por último, quero darlle as grazas a Xosé Guillermo; por permitirme traballar o seu lado, polos felices momentos que pasamos xuntos, e por ter sido meu amigo. Xavier Teniente
Os sete alumnos de 3ºPDC do IES Chano Piñeiro de Forcareie o seu profesor de Ámbito Socio-Lingüístico son os autores de Sete mais un, un blog onde a lectura en galego (e moitos libros editados pola editorial) teñen unha importante presenza. Agradecemos que se puxeran en contacto con nós pra facérnolo saber, ao tempo que expresamos os nosos parabéns por tan magnífico traballo.
Acabamos de coñecer o falloda quinta edición do Premio Frei Martín Sarmiento, organizado polos equipos de Normalización Lingüística da FEREGA e outorgado por máis de cinco mil lectores e lectoras. Foron premiadas tres obras publicadas por Xerais ao longo do pasado ano 2007:
Os premios foron fallados no seo dunha Galarealizada en Vilagarcía na que participaron varios milleiros de rapaces e rapazas. Os nosos parabéns para os premiados e para os organizadores.
Dorinda Castro Soliño publica hoxe no «Faro da Cultura» a que cremos constitúe a primeira crítica aparecida sobre a tradución galega de Emma Lazare d’ O derradeiro irmán, a novela de Nathacha Appanah. Dorinda Castro salienta que esta novela constitúe «unha moi recomendable lectura para calquera público pola conmovedora historia que nos narra e pola linguaxe tenra, sinxela e poética coa que esta contada»; e remata definindo O derradeiro irmán como «unha pequena historia xurdida das entrañas da Historia, con maiúsculas esa que non conta os dramas, as feridas, as cicatrices dos pobres da Terra».
Belén Puñal publica en Protexta 09 unha crítica d’ A Cabeza de Medusa, a novela de Marilar Aleixandre gañadora do premio Fundación Caixa Galicia de Literatura xuvenil.
Ramón Nicolás publicou no suplemento «Culturas« de La Voz de Galicia do pasado sábado unha crítica d’ A cabeza de Medusa, a novela de Marilar Aleixandre, premio Fundación Caixa Galicia de literatura xuvenil.
Dende 1996 a Internationale Jugend Bibliothek de München selecciona, de entre os milleiros de libros publicados cada ano, 250 libros infantiles e xuveniles en 32 idiomas e de 47 países para organizar a exposición The White Ravens que cada ano se inaugura na Fiera del Libro per Ragazzi de Bologna. Esta exposición acompáñase coa edición dun catálogo, en lingua inglesa, que contén as información bibliográficas e reseñas dos libros seleccionados.
A Cabeza de Medusa de Marilar Aleixandre, Premio Fundación Caixa Galicia 2008, foi unha das obras galegas seleccionadas este ano para participar no The White Ravens 2009. Os nosos parabéns a Marilar por tan importante recoñecemento internacional.
Chega estes días ás librarías como novidade unha nova edición de Aire negro de Agustín Fernández Paz. Aire negro, unha das máis loadas novelas do actual premio nacional de literatura infantil, é unha intensa e desacougante historia de amor, narrada cun uso maxistral do suspense e da intriga, que mantén a tensión ata a liña derradeira. A presente edición, a décimo terceira, foi completamente revisada e actualizada polo autor, renovándose ademais coa nova portada preparada por Antonio Seijas.
Cando o doutor Moldes comeza a traballar nunha clínica psiquiátirca, ten como primeira paciente a Laura Novo, unha muller coa memoria borrada, que pasa o día enteiro escribindo de xeito compulsivo o seu nome, aferrada a el coma se fose o único resto dalgún ignorado naufraxio. O doutor conseguirá que Laura volva recordar todo o que lle sucedeu nos meses anteriores, cando unha escura sombra parecía ameazar a súa vida. Ningún dos dous podía adiviñar que, deste xeito, estábanlle abrindo a prta a unha realidade terrible que os deixaría marcados para sempre. Aire negro mestura os elementos dos xéneros fantástico e de terror para construír un thriller absorbente.
Os seguidores da serie protagonizada por Flanagan, o detective adolescente, están de en hora boa. Na última semana de febreiro, coincidindo coa aparición da edición orixinal en catalán, chegará as librarías a tradución galega de Isabel Soto de Flanagan Flash-Back, novela na que Andreu Martín e Jaume Ribera recuperan o personaxe de Clara Longo, a primeira moza do famoso detective. Xerais leva publicadas dentro da colección «Fóra de Xogo» sete títulos deste serie: Flanagan de luxe (Xerais 1994, 7ª edición), Alfagan é Flanagan (Xerais 1996, 3ª edición), Flanagan Blues Band (Xerais 1996, 2ª edición), Flanagan 007 (Xerais 1998, 2ª edición), Flanagan, só Flanagan (Xerais 2000), Eu tampouco me chamo Flanagan (Xerais 2006) e Flanagan Flash-Back (Xerais 2009).
Xusto a primeiros de setembro, coincidindo co cumio de Xefes de Estado que se celebra en Barcelona, uns días antes de que Nines lle prepare a festa do seu dezaoito aniversario, Flanagan sabe polo seu amigo Charche que a policía detivo a Clara Longo, a que fora a súa primeira moza, unha heavi lindísima da que nada sabía dende facía catro anos. A pesar de que os rillotes do Komando Destrutor lle pediran que seguise á profesora Xema Obiols, unha oportunidade estupenda para estrear a súa moto nova de segunda man, Flanagan non poderá evitar buscar o rastro de Clara, que recoñece coma unha das mozas máis importantes da súa biografía sentimental. Movido por estas saudades inexplicables, Flanagan atopará esa pista na tenda de Todo a Un Euro, propiedade de Simón Bericart e Margot Longo, unha tapadeira para vender xoias roubadas. Mais a súa perplexidade aumentará cando coñece que a tía de Clara é asasinada. Flanagan, entón, deberá enfrontarse a resolver un dos seus casos máis complexos e perigosos.
Marina Mayoral agarda a aparición na colección «Fóra de Xogo» de Quen matou a Inmaculada de Silva?, a súa máis recente novela. Ambientada en Brétema, o particular territorio literario da autora e protagonizada polos personaxes doutra novela anterior, Quen matou a Inmaculada de Silva? propón unha investigación no pasado familiar coa intención de averiguar o que sucedeu hai trinta anos entre unha rapaza da burguesía vilega e un maquis. A novela estará nas librarías a finais do mes de febreiro.
Etelvina de Silva, orfa de nacemento, educada en Madrid dende moi nova polo seu tío Alberte, durante o curso escolar e o verán que pasou en Brétema, na casa das súas tres tías avoas, descubre a súa vocación literaria. Axudada pola súa curmá Catara e por Juancho, un compañeiro do instituto con ansias de artista do que se namora, acometerá unha investigación no seu pasado familiar, que a levará a tratar de averiguar que sucedeu realmente aquela noite na casa familiar da Braña, onde hai tres décadas morreron Antón do Cañote, un fuxido, un loitador sen esperanza, e Inmaculada de Silva, unha antepasada, unha beleza, unha cazadora de primeira, a quen todos din que ela moito imita. Tras esta experiencia, Etel sabe que será escritora, a súa maneira de deixar unha pegada do seu paso polo mundo, ao tempo que se decata de que na literatura como no amor sempre hai cabos soltos.
Xa está no prelo O derradeiro irmán, a novela da narradora de Illa Mauricio Nathacha Appanah. Esta conmovedora novela sobre a amizade, un fenómeno editorial, grazas ao apoio silencioso dos lectores e libreiros, obtivo durante o pasado ano tres dos premios literarios máis importantes de Francia: premio de novela FNAC 2007, premio dos lectores de L’Express 2008 e Premio Cultura e Bibliotecas para Todos 2008. Foi traducida para o galego por Emma Lázare. A novela estará nos andeis das librarías galegas na última semana deste mes de febreiro.
Cando David se lle aparece en soños, Raj prende na memoria da súa infancia: os campos verdísimos da illa tropical onde naceu, o arrecendo e o sabor das froitas e das bágoas, o seu pai e a súa violencia tan previsible, a tenrura da súa nai, os dioivos destrutivos e aquel sol abrasador, os seus irmáns desaparecidos na enchente e a instalación da familia preto da cadea onde vivían uns misteriosos refuxiados. O 26 de decembro de 1940, o Atlantic atraca en Port-Louis, con 1.500 xudeus a bordo, rexeitados de Palestina e deportados á illa Mauricio, entón colonia británica. Daquela Raj non sabía moito sobre o mundo, nin tampouco sobre as traxedias que estaban acontecendo. Tiña dez anos. A curiosidade levouno xogar no bosque da cadea onde traballaba o seu pai e desde alí viu a David no patio da cadea. Sabía que deberían ser amigos. Unha novela conmovedora de Nathacha Appanah, que posúe a sonoridade dunha canción triste, onde cada frase pode chegar a emocionar.
O derradeiro irmán está sendo traducida a quince linguas. Ata o momento coñecemos a edición en éuscaro, portugués e italiano que aparecen no mercado nestes primeiros meses do inverno.
O que dixo a crítica francesa:
«Nathacha Appanah vai emocionar até o máis endurecido dos corazóns. Aparece un furacán literario.» L’ Express.
«Unha mestura marabillosa de dozura e simplicidade para narrar toda a miseria e violencia do mundo.»Le Magazine Littéraire
«A súa forza reside na simplicidade do seu estilo e no poder de evocar imaxes.»Le Nouvel Observateur
«Unha novela potente, inspirada nunha historia vergonzosa e pouco coñecida.”Livres Hebdo
Acaban de chegar ás librarías os exemplares da úndécima edición de Pel de lobo, a novela de Xosé Miranda, gañadora do Premio Merlín 2002. Dende a súa aparición hai seis anos, Pel de lobo superou os vinte mil exemplares vendidos, dato que, xunto os de Morning star, novela que acadou a ducia de edicións e os vinte e dous mil exemplares vendidos, fan de Xosé Miranda un dos narradores galegos máis apoiados polos lectores e lectoras ao longo da última década. Os nosos maiores parabéns para el.
Debemos salientar a entrada de novas reedicións da colección «Fóra de Xogo», a exitosa colección xuvenil da editorial que nos seus trece anos de vida acadou os 116 títulos e unha s vendas superiores aos seiscentos mil exemplares.
Manuel Vidal Villaverde publica nas páxinas de Galicia hoxe a conversa que mantivo con Marina Mayoral. A escritora mindoniense publicará no vindeiro mes de febreiro, dentro da colección Fóra de Xogo, a novela Quen matou a Inmaculada de Silva?
A historia da violación das dúas rapazas aparece, como xa dixemos, desenvolvida ao xeito dunha reportaxe e ata con certo didactismo e ensinanza moral que desbota tópicos machistas, que seguen a estar presentes nun tema tan doloroso como é sempre unha violación. Neste sentido a autora deu no albo. Mesmo parece oportuno e non resulta postizo o didactismo. Son un acerto as citas que preceden cada capítulo e que inscriben a violación dentro dunha tradición cultural machista e cruel, sen excluír o noso impresentable Pondal, neste aspecto, por moi autor que fose do himno galego e fundador da escola formalista e non sei cantas cousas máis.
O bo ton da novela mantense en partes, como é o caso da violación en si mesma ou o abandono das rapazas de noite en descampado. Así mesmo no referente á denuncia, rumores machistas, volta á clase despois da violación ou ás presións que os pais do violador exercen sobre Sofía e os seus pais para que retiren a denuncia. A reportaxe e mesmo o didactismo encaixan perfectamente dentro da trama. Son apropiadas tamén as dúbidas que ten Lupe e que a fan retirar a denuncia.
Mañá, venres 29 de novembro, ás 20:00 horas na Fundación Caixa Galicia de Vigo presentarase A Cabeza de Medusa, a novela de Marilar Aleixandre, gañadora do Premio Fundación Caixa Galicia de Literatura xuvenil 2008. No acto, acompañarán á autora Marta Dacosta, Gloria Rodríguez e Manuel Bragado.
Os tres consideran que os premios seguen sendo imprescindibles e que a motivación principal é «conseguir que a historia chegue aos lectores», como explica Mar Guerra, autora de Xenaro e ou misterio da mochila verde. Lourenzo apunta na conversa que «hai un efecto de reforzo para o traballo do escritor cando un xurado escolle un libro seu». Para Marilar Alexandre, autora d’ A cabeza de Medusa, «esa escolla significa que alguén gustou do texto, por máis que sabemos que con outro xurado ou resultado podería ser outro».
Os tres son gañadores de premios a libros inéditos, pero preferirían que houbese máis galardóns á obra publicada. Asegura Lourenzo González que «é máis gratificante o premio ao que non preséntache, pero tamén é certo que neste tipo de convocatorias hai vicios de funcionamento que invalidan en parte a súa función». Para Mar Guerra, os premios a libros publicados deberían darse «en condicións de laboratorio para evitar as suspicacias e que a súa referencia sexa válida».
Os tres gañadores dos Premios Xerais 2008 presentarán as súas obras a vindeira semana: Manuel Lourenzo González, o luns 24 en Pontevedra; Mar Guerra, o mércores 26 na Libraría Arenas da Coruña e Marilar Aleixandre, o venres 28 na Fundación Caixa Galicia de Vigo. Todos os actos comezarán as 20:00 horas.
Isabel Soto ven de publicar no Lg3 de Culturagalega.org unha crítica de A Cabeza de Medusade Marilar Aleixandre, premio Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil, 2008. Recollemos un fragmento:
Con esta obra galardoada co Premio Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil, a autora introdúcese nun tema pouco ou nada tratado na LIX galega cal é a violación. Un conflito extraído da realidade, enfocado dende a psicoloxía adolescente que ten ante si un universo de interrogantes, dúbidas e adversidades que acontecen no seu contorno. A construción formal da narración ofrece unha intelixente estrutura e a narración compleméntase coa introdución de elementos informativos, fundamentais para o desenvolvemento e os verdadeiros intereses da historia, que inciden na violación social que sucede á física, cun amplo retrato das diferentes presións ás que están sometidas as rapazas, obrigadas a mastigar o acontecido e a superar un complicado camiño de obstáculos.
Lara Rozados entrevista a Marilar Aleixandre, autora d’ A Cabeza de Medusa, Premio Fundación Caixa Galicia de literatura xuvenil, na edición desta semana d’ A Nosa Terra. Recollemos varios parágrafos:
A novela comeza “O día en que ía ser violada…” anticipando xa a base do conflito, pero despois vai moito máis alá do que se presenta como o drama inicial.
As verdadeiras aventuras son as que parten dun conflito: xa o fixen noutras novelas como A banda sen futuro, Rúa Carbón… Foi unha decisión moi consciente: non me interesaba centrar a novela na violación física, na máis obvia, que acontece ao comezo de todo. O que está por baixo é a contraposición entre a visión do patriarcado e a visión feminista dun conflito, e desta última tamén participan homes. Non quixen tampouco que fose maniquea, senón que na novela os rapaces tivesen tamén esa actitude feminista. O caso é que non é posíbel unha visión neutra: ou pensas que as mulleres “están en disposición de ser usadas”, como di a sentenza da Audiencia Provincial de Pontevedra, ou que teñen os mesmos dereitos cós homes, non existe neutralidade posíbel.
As protagonistas da novela, de feito, son dúas rapazas moi loitadoras. Faltan referentes xa non femininos, senón feministas, na literatura xuvenil?
Máis que as rapazas, é a profesora que discute na clase sobre as Metamorfoses de Ovidio: por que as mulleres violadas eran convertidas en oso, en xabarín, en porco, e Neptuno, Xúpiter e demais quedaban impunes? Ela suscita esa reflexión, achega un novo xeito de interpretar o mundo. Eu noto un cambio: eu son profesora na Universidade, e comprobei que nos últimos tempos están a cambiar as cousas. Pero acontece, tanto na narrativa como nos libros de texto, ás veces van por detrás da realidade.
Montse Pena preséntanos no lg3 de Culturagalega unha estupenda críticaá novela de Sérgio Klein, Poderosa. Diario dunha rapaza que tiña o mundo na man. Recuperamos un fragmento do texto:
Sérgio Klein constrúe unha ficción que conta con dous alicerces fundamentais: a diversión que desprende, que a converte nunha obra con moito potencial para gañar numerosas lectoras e lectores; e a súa capacidade para rachar con todo tipo de estereotipos: a independencia e as ganas de loitar polos soños de Joana, fronte ao estado acomodaticio da súa nai (a pesar de contar cunha posición privilexiada) e en contraposición á vitalidade e á intelixencia dunha avoa intuitiva e intelixente como poucas. Mais como pano de fondo, existe unha compoñente fundamental: a verosimilitude, pois Klein consegue afondar, con habilidade, no universo interior dunha moza adolescente, sen que isto o incapacite para empregar, tamén con soltura, a fantasía. Nese equilibrio entre verdade real e verdade fantástica escora a historia de Joana.