Posts Tagged ‘chelo_suárez’

Xerais no Culturgal, actos do sábado e domingo

Decembro 5, 2008

b87a7965514201e0edddce5158d3ea2314a2bc63

Xerais está presente en Culturgal no estand nº 45. Durante o sábado, 6, e o domingo 7 de decembro, organizamos as seguintes actividades:

  • Sábado, 6 ás 18,00 horas no stand de Xerais:

Firma de exemplares de O xardín das pedras flotantes de Manuel Lourenzo González (Premio Xerais de Novela, 2008), A Cabeza de Medusa de Marilar Aleixandre (Premio Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil, 2008) e Xenaro e o misterio da mochila verde de Mar Guerra (Premio Merlín de Literatura Infantil, 2008)

  • Sábado, 6 ás 19,00 horas no stand de Xerais:

Firma de exemplares de A venus de cristal de Chelo Suárez

e As mellores intencións de Begoña Paz.

  • Sábado, 6 ás 20,00 horas no espazo de presentacións:

Presentación de A corpo aberto de Manuel Rivas.

Participarán: Manuel Rivas e Manuel Bragado

  • Domingo, 7 ás 18,00 horas no stand de Xerais:

Firma de exemplares de Guía dos camiños do Eume de Chano Eiroa, Festina lente de Marcos Calveiro e Limpeza de sangue de Rubén Ruibal, (Premio Nacional de Literatura Dramática, 2007).

“Renacer”, crítica de Caneiro

Agosto 29, 2008

Reproducimos o texto da crítica de Renacer de Xabier Paz, publicada por Xosé Carlos Caneiro no suplemento Culturas de La Voz de Galicia o pasado 2 de agosto.

Son tres as novelas de cariz histórico que nos regalou Xerais nos últimos meses e que denotan, fundamentalmente, o olfato excelso dos seus editores. A Venus de cristal de Chelo Suárez, Festina lente de Marcos S. Calveiro e Renacer de Xabier Paz. A primeira e a última teñen recendo a renacemento italiano (de raíz marcadamente veneciana), a segunda ten o aroma de Compostela nos inicios do século XVII. En primeiro lugar cómpre felicitar á editorial por publicar, en tempos de crise literaria, tres textos eminentemente literarios. En segundo lugar, e antes de centar o meu discurso nun destes textos permítanme recomendar esta “varia triloxía” para que acompañe o seu lecer estival. Vou, pois, con Xabier Paz e Renacer, obxecto último que me permitiu gozar de modo amplo. De Xabier Paz admiro todo canto ten publicado, como poeta e como prosista, e fun defensor público e confeso da súa excelente cronica Follas do bocallau. Xabier Paz posúe calidade estética e iso, como ben saben, é o condimento esencial de calquera arte. Posúe linguaxe, capacidade expresiva e perspectiva artistica, ou sexa, que narra de tal xeito que produce goce estético pola intrínseca melodía da súa prosa. Renarcer garda virtudes que non poderei enumerar neste curto espazo, non obstante, permítanme recalcar que esas virtudes son de raíz estilística, non temática. O asunto queda desdebuxado pola plasticidade da prosa. “Estaba o ar tal como quixeran pintalo os que senten enevexa de vós por non poder ser vós”. Unha filla (Adria) que se mergulla na vida do pai, o pornógrafo Aretino, tras a súa morte. Un pai rigoroso na vida familiar, rexo, kafkiano. Revélanos a personalidade deste poliédrico personaxe promiscuo, faústico, hedonista. Coñecedor de todos os segredos da arte, vainos levando de modo moi orixinal pola Venecia do século XVI, as súas luces e sombras. Fala de pintura e a pintura fala a través del. É dicir existe unha conexión de artes que por momentos chega a ser desbordante. Novela heterodoxa, herexíaca, pecaminosa. Metáfora sobre a “renacenza” do “ser” cando o andazo da mediocridade campa no planeta. Xosé Carlos Caneiro

Xerais na Feira do Libro da Coruña

Xullo 22, 2008

Xerais participará nos seguintes actos da Feira do Libro da Coruña, que terá lugar do 1 ao 10 de agosto:

“A venus de cristal”, crítica de Eyré

Xullo 15, 2008

Xosé Manuel Eyré publica no novo espazo de crítica cultural d’ A Nosa Terra Diario unha crítica da novela de Chelo Suárez A venus de cristal.

Nova crítica, “A venus de cristal”

Maio 29, 2008

A novela de Chelo Suárez, A venus de cristal, está sendo unha das nosas novidades que esta tempada recibe maior atención por parte da crítica. Hoxe, Dolores Martínez Torres publica en Faro da Cultura un traballo, titulado “Procura estética”, do que recollemos un parágrafo:

“[A novela] semella, en conxunto, unha armazón simple tapizada de diversos retazos, cun carácter máis decorativo que esencial; mais ese labor de patchwork está realizado con tan ricos elementos que a embriagadora pedrería de símbolos, combinada coas sutís imaxes, provoca unha deliciosa confusión dos sentidos pola que, simplemente, dá gusto deixarse levar. […] Se se me permite o símil, diría que esta novela conta, sobre todo, cunha dirección artística excepcional.”

Crítica “A venus de cristal”

Maio 20, 2008

O blogueiro Óscar Sánchez publica no novo número de Protexta unha crítica sobre A venus de cristal, a novela de Chelo Suárez. Recollemos o seu primeiro parágrafo:

“Pietro Puliani é un afamado vidreiro veneciano que posúe grandes coñecementos sobre alquimia e poderes adivinatorios aprendidos en Exipto”. A primeira frase da contracapa coa que a editorial promociona A venus de cristal parece deixar clara unha saudábel intención de serie B, con ese protagonista enigmático que vive nun maxestoso palacio, oculta o rostro baixo unha máscara carnavalesca e traballa “con métodos que están fóra da comprensión humana”. Ingredientes coma estes debían facer que o prato tivese un agradábel arrecendo a folletín, pero a prosa requintada da autora quere apuntar nunha liña ben diferente: o libro ten unha certa vontade de transcendencia e agacha baixo a súa recargada imaxinería unha reflexión sobre a procura da beleza, co mito da inmortalidade e a perfección da xuventude asomando ao fondo.