Xabier DoCampo e Marcos Calveiro recibiron onte á noite no Carballiño os premios «Irmandade do libro» 2009 outorgados pola Federación de Libreiros de Galicia. Xabier DoCampo foi recoñecido na categoría de «autor do ano 2008» e Marcos Calveiro na de «libro do ano 2008» pola súa novela Festina lente que recibe o seu primeiro recoñecemento. Tamén foron premiados Alvarellos editora, na categoría de «obra editorial 2008»; as bibliotecas públicas de Oleiros, na de fomento da lectura; o IES Blanco Amor de Ourense, na de centros educativos; a Asociación Cultural Rosalía de Castro, na de institucións e Andel do libro galego e portugués, na de librarías. Os nosos parabéns para a Federación de Libreiros e para todos os premiados.
Posts Tagged ‘calveiro’
Xabier DoCampo e Marcos Calveiro, premios «Irmandade do libro» 2009
Marzo 29, 2009«Fervenzas Literarias», O mellor de 2008
Xaneiro 20, 2009«Fervenzas Literarias» acaba de dar a coñecer o resultado da enquisa entre os seus lectores para escoller O mellor de 2008.
Temos que agradecer que Xerais fose considerada como «Mellor editorial do ano», así como celebrar que Marcos Calveiro fose o «Mellor autor», Xosé Cobas «o mellor ilustrador» e a obtención dos premios nacionais de ensaio e literatura infantil por Justo Beramendi e Agustín Fernández Paz considerados como o «Mellor acontecido de 2008». Ademais, envarias modalidades resultaron gañadores títulos publicados pola editorial:
Mellor libro de narrativa adultos do ano: Festina lente de Marcos Calveiro.
Mellor libro de ensaio adultos do ano: Os Grouchos de Manuel O’Rivas.
Mellor libro xuvenil do ano: O libro das viaxes imaxinarias de Xabier P. DoCampo.
Mellor portada infantil/xuvenil do ano: O libro das viaxes imaxinarias.
«Festina lente», finalista do premio Novela Europea
Decembro 21, 2008Festina lente de Marcos Calveiro forma parte das cinco obras declaradas finalistas do VII Premio de Novela Europea que outorga o Casino de Santiago.
Os cinco narradores elixidos como finalistas, ademais de Calveiro, son o madrileño Montero González (Pólvora negra), o británico Martin Amis (A casa dos encontros), o italiano Sandro Veronesi (Caos calmo) e o grego Petros Markaris (O accionista maioritario). Este premio, que xa se lles concedeu a autoras como Sarah Waters ou Ana Gavalda, ten como obxectivo promover a lectura e o espírito europeísta, «convertendo toda a cidade de Santiago en xurado», pois escollen o gañador ou gañadora persoas residentes na cidade, socios do casino e representantes de sectores sociais.
Entre as novelas elixidas para optar a este VII Premio Novela Europea, que se decidirá o ano próximo, está a obra Festina Lente, do galego Marcos Calveiro, unha novela histórica que recrea a cidade de Santiago dos séculos XVI e XVII. Segundo explicou o xurado, esta novela foi elixida como finalista pola«boa documentación» que «presenta moi ben a situación do Santiago desa época», a Galicia urbana, o contacto con Europa a través dos portos e a oposición ás ideas de modernización por parte de certos poderes sociais.
As cinco novelas finalistas serán promocionadas por todas as librarías de Santiago co obxectivo de promover a lectura entre compostelanos.
«Libro galego do ano», comezan as votacións na rede
Outubro 4, 2008Xa comezaron as votacións na rede para escoller o «Libro galego do ano», elección promovida polo diario El Progreso e o diario electrónico Galiciae. Entre as quince obras aspirantes, atópanse as seguintes publicadas por Xerais:
- Festina lente de Marcos Calveiro (novela).
- Atracción total de Carmen Blanco (narrativa).
- As mellores intencións de Begoña Paz (novela).
- O profesor de vegliota de Manuel Veiga (novela).
- Incertos de Antón Dobao (relatos).
As votacións desenvolveranse ao longo deste mes de outubro. No ano 2006, os lectores escolleron Blúmsdei, de Cid Cabido, editado por Xerais, e no 2007, O canto do muecín, de Lois Diéguez.
«Festina lente», crítica no «Cartafol»
Outubro 3, 2008Manuel Rodríguez Alonso publica no Cartafol de Vieiros unha crítica de Festina lente, a novela de Marcos Calveiro que, dende a súa aparición, ven recibindo grande atención por parte da crítica e dos lectores e lectoras. Recollemos un dos parágrafos do texto:
O que máis atrae da novela é que nos presenta un ser solitario. O protagonista Ambrosio Cavaleiro é un gran profesional da encadernación e unha boa persoa. Mais vive só e rodeado dunha auréola de certo misterio, igual ca os que tratan con el. É que Ambrosio era librepensador, descrido, racionalista, lector de libros prohibidos pola Inquisición e homosexual na España do Imperio, católica, belicista e machista. Con todo, Ambrosio e os seus, pola calada, non renunciaron e co paso do tempo venceron á Inquisición. Ese é outro acerto da novela. Xa que logo boa novela histórica, entretida e que dá unha visión axeitada da Galicia dos Austrias, lonxe dos casticismos e fachendosidades dos Alatristes e compañía. Por iso, máis moderna e superior.
“Festina lente”, crítica en Protexta
Agosto 25, 2008Presentacións na Feira do libro da Coruña
Agosto 6, 2008Martin Pawley recolle no seu blog a súa crónica de varias das presentacións de libros de Xerais celebradas na Feira do Libro da Coruña.
“Festina lente”, conversa na Feira do libro da Coruña
Agosto 5, 2008Rubén Ruibal publica no seu blog unha crónica do que foi a presentación de Festina lente de Marcos Calveiro na Feira do libro da Coruña.
“Festina lente”, nova crítica, Arume dos Piñeiros
Xullo 23, 2008Reproducimos o parágrafo que pecha a interesante crítica que, sobre Festina lente , publica no seu blog “Arume dos Piñeiros“.
“
Festina lente devórase a modo e, ao tempo, deleita a ritmo trepidante. A áncora retén ao lector desexoso de non rematar a historia e o golfiño empúrrao ao final, interesado, intrigado coa vida de Ambrosio Cavaleiro e a dos seus libros. Cando ambos se entrelazan no final, o lector comprende o significado derradeiro da empresa. Está diante dun dos libros máis fermosos que leu nos últimos tempos. Ogallá o seu éxito (que eu aventuro e desexo) sexa o da literatura galega, necesitada sempre de libros desta estirpe, gozosos, divertidos e cheos de talento narrativo. Fortuna audaces iuvat.”
“Festina lente”, crítica en culturagalega.org
Xullo 21, 2008Este é un pequeno parágrafo da nova crítica de Festina lente aparecida hoxe en culturagalega.org:
“O gusto polo detalle e a capacidade para captar a atmosfera social por un lado e as febras íntimas dos personaxes por outro, tanto no que din como no que calan…”
“Festina lente”, os espazos da novela
Xuño 30, 2008Culturagalega.org tivo a feliz idea de acompañar a Marcos Calveiro no percorrido dos espazos composteláns de Festina lente. Un vídeo que moito recomendamos.
Marcos Calveiro, entrevista en «Luces»
Xuño 27, 2008A raíz da recente saída da súa novela Festina lente, Marcos Calveiro é entrevistado por Daniel Salgado para a sección «Luces» de El País. Reproducimos un breve fragmento:
A cidade [Santiago de Compostela] é protagonista da novela, unha cidade pechada, que aínda conserva as murallas. Cando hai un andazo, a muralla péchase; cando os lobos axexan a cidade, a muralla péchase. Santiago muda en caldo de cultivo para problemas, envexas, loitas de poderes, e iso funciona como férrea forma de control sobre os habitantes. E, alén do visual, interésame moito o olor: as rúas estaban, maioritariamente, sen lousar e a hixiene era a auga vai, tirábase todo pola fiestra… A cidade tiña que feder, e así a describían os viaxeiros do século XVII. A urbe determina a vida da súa poboación.
Xerais na Feira do Libro de Vigo
Xuño 25, 2008Xerais realizará un importante número de actos na Feira do Libro de Vigo, que se celebrará na Alameda viguesa do 27 de xuño ao 6 de xullo.
- 30 luns, ás 19,00 h: Manuel Rivas asinará Os Grouchos.
- 1 martes, ás 20,30 h: presentación de Festina lente de Marcos S. Calveiro. No acto intervirán Óscar Sánchez, Fran Alonso e o autor.
- 2 mércores, ás 20,00 h: Agustín Fernández Paz asinará O único que queda é o amor.
- 3 xoves, ás 20,00 h: Manuel García Castro “Magar” asinará Vigo por Magar e Fernando Quesada Chispas de Quesada.
- 3 xoves, ás 20,30 h: presentación de A idade da auga de James Salter. Intervirán Gonzalo Navaza, Manuel Bragado e o autor.
- 4 venres, ás 20,00 h: Suso de Toro asinará Outra Galiza.
- 4 venres, ás 20,30 h: presentación d’ Os nomes do traidor de Xurxo Sierra Veloso. Intervirán: Belén López, Manuel Bragado e o autor.
- 5 sábado, ás 20,30 h: presentación de O profesor de vegliota de Manuel Veiga. Intervirán Manuel Bragado e o autor.
Marcos Calveiro, entrevistado por Fervenzas
Xuño 24, 2008Fervenzas literarias publica unha longa e interesante entrevista con Marcos Calveiro a raíz da presentación en Compostela de Festina lente. Escollemos dous parágrafos significativos do texto.
“Esta novela trata de imprentas, de libros e tamén reflexa o proceso de creación do libro, festina lente, ese bule amodo. A súa primeira versión fíxena moi rápido e un amigo recomendoume ese bule amodo para darlle outra volta máis ao libro. O libro polo tanto ten esa dupla significativa: o proceso na escrita que lle din e por outra parte ten esa referencia á tipografía e a referencia que poñía Manucio aos libros.”
- “Cando eu teño unha historia tiro con ela cara adiante. Este é o meu primeiro libro para artellar unha novela, nace antes que calquera dos outros libros que teño publicado. Sen embargo, aquí hai moito do que aprendín escribindo para rapaces: o proceso de edición, corrección,… En todos eses libros para Tambre aprendín moitas das cousas que logo utilicei aquí. Ás veces penso que quizais, cando escribín aquela primeira versión de hai tres anos, non foi para adiante porque non era o escritor formado con eses libros de literatura xuvenil.”
Marcos Calveiro, entrevistas
Xuño 21, 2008Con motivo da presentación de Festina lente, celebrada onte na Libraría Couceiro de Santiago, Marcos Calveiro foi entrevistado por La Voz de Galicia, El País, AGN e Galicia hoxe.
Nestas entrevistas, Marcos Calveiro define Festina lente como “un relato sobre os libros como armas de coñecemento que poden amolar o poder”. “É unha novela na Compostela dos séculos XVI e XVII, que era moi rica en personaxes. Conta a vida dun encadernador de libros e o que hai arredor das primeiras impresións e tipografías. A historia xira arredor dun códice e do mundo dos canteiros. Reprodúcense verbas da linguaxe dos canteiros, arxinas. É un gran fresco histórico.”
Marcos Calveiro salienta nas entrevistas que na obra se fala dos libros como “fonte de coñecemento e liberación”, especialmente “nos tempos de intolerancia que vivimos, non só no mundo islámico, senón tamén no occidental”.
Calveiro tamén salientou o carácter compostelán da novela: “Consultei moitos libros na Fundación Penzol de Vigo. Nomes de arquitectos, impresores e tipógrafos que cito no libro son reais, como o son os nomes de moitos libros: títulos da biblioteca do Conde de Gondomar, ou que aparecen no Arquivo Xeral de Simancas como libros prohibidos… Tamén falo de feitos históricos como a derrota da Armada Invencible, o ataque de Drake á Coruña, a propia Inquisición… porque tiveron un reflexo real na vida da xente. E a novela é un gran fresco do Santiago da época, da vida cotiá”.
“Festina lente”, a primeira crítica
Xuño 9, 2008O sábado apareceu no suplemento Culturas de La Voz de Galicia a primeira crítica sobre Festina lente, a novela de Marcos S. Calveiro. Pode lerse o texto de Ramón Nicolás clicando sobre a imaxe.
“Festina lente”, adianto primeiras páxinas
Maio 30, 2008Estes días chega as librarías Festina lente, a novela de Marcos S. Calveiro. Aquí poden lerse ou descargarse as dez primeiras páxinas. O autor acaba de abrir un blog da novela. Boa lectura!
“Festina lente”, a novela de Marcos S. Calveiro
Maio 21, 2008Hoxe chegaron do prelo os primeiros exemplares de Festina lente, a primeira novela de Marcos S. Calveiro que publicamos en Xerais Narrativa. Novela histórica, ambientada na Compostela do século dezasete, escrita con enorme alento e prosa inusualmente depurada, propón ao lector unha intrigante viaxe polo mundo dos libros e o coñecemento nun tempo de intolerancia. Estará nas librarías na vindeira semana.
Devagar, un carro baixa chirlando polo Preguntoiro ateigado de libros prohibidos e expurgados polo Santo Oficio. Estamos en Compostela no ano do Noso Señor de 1627 e este é o colofón do códice que, caderniño a caderniño, o encadernador Ambrosio Cavaleiro coseu na soidade do seu obradoiro da rúa da Armada dende que era un aprendiz canda o seu mestre. As campás, tristeiras, repenican a defunto, o vento zoa nas rúas e esparexe o capítulos todos da súa existencia. As páxinas de pergamiño, como faíscas, danzan sobre os tellados e os campanarios furtando á voraz desmemoria as lembranzas fuxidías, os acenos, mecos e rostros dunha vida. O coñecemento, como a pedra gravada polos arxinas a cicel e maceta dende a noite dos tempos, permanece no alento dunha idade incerta asolagada polo silandeiro andazo da intolerancia.