Posts Tagged ‘a_cabeza_de_medusa’

«A Cabeza de Medusa», crítica en «Protexta»

Abril 8, 2009

marilar_protextaBelén Puñal publica en Protexta 09 unha crítica d’ A Cabeza de Medusa, a novela de Marilar Aleixandre gañadora do premio Fundación Caixa Galicia de Literatura xuvenil.

Advertisements

«A cabeza de Medusa», crítica en «Culturas»

Marzo 30, 2009

a-cabeza-de-medusa-culturas-28-3-09Ramón Nicolás publicou no suplemento «Culturas« de La Voz de Galicia do pasado sábado unha crítica d’ A cabeza de Medusa, a novela de Marilar Aleixandre, premio Fundación Caixa Galicia de literatura xuvenil.

Finalistas premios AELG2008

Marzo 18, 2009

Déronse a coñecer hoxe as obras finalistas dos premios AELG as mellores obras literarias do pasado ano 2008. En case todas as categorías son numerosas as obras editadas pola editorial.  Os membros da AELG poderán emitir o seu voto ata o 5 de maio.

Literatura infanto-xuvenil (Aelg-Gálix):
1. A Cabeza de Medusa, Marilar Aleixandre
2. Caderno de animalista, Antón Fortes Torres
3. Fume, Antón Fortes Torres
4. O libro das viaxes imaxinarias, Xabier P. DoCampo
5. PAlAbrAs brAncAs, Elvira Riveiro

Poesía:
1. A melancolía dos corpos, Xulio López Valcárcel
2. Acendede as almenaras: cántigas de amor, de amigo e de escarnio, Bernardino Graña
3. Amor Amén, Iolanda Zúñiga
4. Construcións, Eduardo Estévez
5. Cultivos transxénicos, Carlos Negro
6. Hordas de escritura, Chus Pato
7. Látego de algas, Antón Reixa
8. Libro de Alicia, Olalla Cociña
9. Migracións. Rafa Villar
10. Non son de aquí, María do Cebreiro
11. O xeito de Freud, Carlos Lema
12. Reversos: días adiados, Ramiro Fonte

Teatro:
1. Fume / Insomnio, Rubén Ruibal Armesto e Carlos Losada Galiñáns
2. Historia da chuvia que cae todos os días, Roberto Salgueiro
3. Nachtmahr, Raúl Dans
4. Unha primavera para Aldara, Teresa Moure

Ensaio:
1. Anti Natura, María Xosé Queizán
2. Caderno de notas, Jenaro Marinhas del Valle
3. Fendas abertas: seis ensaios sobre a cuestión nacional, Carlos Taibo
4. Fin de século en Palestina, Miguel Anxo Murado
5. Historia de Ourense, Marcos Valcárcel
6. Miro Casabella e a nova canción galega, Xan Fraga
7. O espírito da letra. Nove achegas filosóficas a textos literarios, Luís G. Soto
8. O natural é político, Teresa Moure
9. Por unha Galiza liberada e novos ensaios, Xosé Manuel Beiras

Tradución:
1. A conxura dos necios (John Kennedy Toole), Eva María Almazán García
2. As flores do mal (Charles Baudelaire), Gonzalo Navaza
3. Cantos e fragmentos (Safo), Raúl Gómez Pato
4. O xiro postal (Sembène Ousmane), María Isabel García Fernández
5. Un home na escuridade (Paul Auster), Eva María Almazán García

Narrativa:
1. A choiva do mundo, Xosé Manuel Pacho Blanco
2. A verdade como mal menor, X. Luís Martínez Pereiro
3. Costa Norte/ZFK, Xurxo Borrazás
4. Festina lente, Marcos S. Calveiro
5. Memoria de cidades sen luz, Inma López Silva
6. O libro das viaxes imaxinarias, Xabier P. DoCampo
7. O profesor de vegliota, Manuel Veiga
8. O xardín das pedras flotantes, Manuel Lourenzo
9. Os nomes do traidor, Xurxo Sierra Veloso
10. Shakespeare destilado, Xesús Constela

«A Cabeza de Medusa» seleccionada para a exposición The White Ravens 2009

Marzo 18, 2009

a-cabeza-de-medusa-111Dende 1996 a Internationale Jugend Bibliothek de München selecciona, de entre os milleiros de libros publicados cada ano, 250 libros infantiles e xuveniles en 32 idiomas e de 47 países para organizar a exposición The White Ravens que cada ano se inaugura na Fiera del Libro per Ragazzi de Bologna. Esta exposición acompáñase coa edición dun catálogo, en lingua inglesa, que contén as información bibliográficas e reseñas dos libros seleccionados.

A Cabeza de Medusa de Marilar Aleixandre, Premio Fundación Caixa Galicia 2008, foi unha das obras galegas seleccionadas este ano para participar no The White Ravens 2009. Os nosos parabéns a Marilar por tan importante recoñecemento internacional.

Actualización (19-03-2009): a noticia nos medios impresos, La Voz de Galicia, Faro de Vigo, Galicia hoxe, La Opinión da Coruña.

«A Cabeza de Medusa», crítica no «Cartafol»

Decembro 22, 2008

Manuel Rodríguez Alonso publica unha crítica no Cartafol de libros da novela de Marilar Aleixandre A Cabeza de Medusa, gañadora do premio Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil.

xg00140901A historia da violación das dúas rapazas aparece, como xa dixemos, desenvolvida ao xeito dunha reportaxe e ata con certo didactismo e ensinanza moral que desbota tópicos machistas, que seguen a estar presentes nun tema tan doloroso como é sempre unha violación. Neste sentido a autora deu no albo. Mesmo parece oportuno e non resulta postizo o didactismo. Son un acerto as citas que preceden cada capítulo e que inscriben a violación dentro dunha tradición cultural machista e cruel, sen excluír o noso impresentable Pondal, neste aspecto, por moi autor que fose do himno galego e fundador da escola formalista e non sei cantas cousas máis.

O bo ton da novela mantense en partes, como é o caso da violación en si mesma ou o abandono das rapazas de noite en descampado. Así mesmo no referente á denuncia, rumores machistas, volta á clase despois da violación ou ás presións que os pais do violador exercen sobre Sofía e os seus pais para que retiren a denuncia. A reportaxe e mesmo o didactismo encaixan perfectamente dentro da trama. Son apropiadas tamén as dúbidas que ten Lupe e que a fan retirar a denuncia.

Xerais no Culturgal, actos do sábado e domingo

Decembro 5, 2008

b87a7965514201e0edddce5158d3ea2314a2bc63

Xerais está presente en Culturgal no estand nº 45. Durante o sábado, 6, e o domingo 7 de decembro, organizamos as seguintes actividades:

  • Sábado, 6 ás 18,00 horas no stand de Xerais:

Firma de exemplares de O xardín das pedras flotantes de Manuel Lourenzo González (Premio Xerais de Novela, 2008), A Cabeza de Medusa de Marilar Aleixandre (Premio Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil, 2008) e Xenaro e o misterio da mochila verde de Mar Guerra (Premio Merlín de Literatura Infantil, 2008)

  • Sábado, 6 ás 19,00 horas no stand de Xerais:

Firma de exemplares de A venus de cristal de Chelo Suárez

e As mellores intencións de Begoña Paz.

  • Sábado, 6 ás 20,00 horas no espazo de presentacións:

Presentación de A corpo aberto de Manuel Rivas.

Participarán: Manuel Rivas e Manuel Bragado

  • Domingo, 7 ás 18,00 horas no stand de Xerais:

Firma de exemplares de Guía dos camiños do Eume de Chano Eiroa, Festina lente de Marcos Calveiro e Limpeza de sangue de Rubén Ruibal, (Premio Nacional de Literatura Dramática, 2007).

«A Cabeza de Medusa», presentación en Vigo

Novembro 27, 2008

xg001409011Mañá, venres 29 de novembro, ás 20:00 horas na Fundación Caixa Galicia de Vigo presentarase A Cabeza de Medusa, a novela de Marilar Aleixandre, gañadora do Premio Fundación Caixa Galicia de Literatura xuvenil 2008. No acto, acompañarán á autora Marta Dacosta, Gloria Rodríguez e Manuel Bragado.

Xerais no Cultur.gal 2008

Novembro 26, 2008

http___wwwculturgal

Nos vindeiros días, 456 e 7 de decembro, vai ter lugar en Palexco (Pazo de Congresos e Exposicións da Coruña o Cultur.gal 2008 Feira Galega das Industrias Culturais.

Esta feira está dirixida tanto ao público xeral como profesional, polo que durante estes catro días Xerais, que estará presente no Stand nº 45, programou unha serie de actividades aos que vostede está convidado/a:

  • Xoves, 4 ás 17,00 horas no stand de Xerais:

Roda de prensa de Un país a medio facer de Fran Alonso.

  • Venres, 5 ás 12,30 horas na sala de prensa do Cultur.gal:

Roda de prensa de A corpo aberto de Manuel Rivas.

  • Venres, 5 ás 18,00 horas no espazo de presentacións:

Presentación de Novas Minimaladas de Pinto & Chinto.

Participan: Pinto & Chinto e Manuel Bragado.

  • Venres, 5 ás 18,00 horas no stand de Xerais:

Firma de exemplares de O libro das viaxes imaxinarias de Xabier P. DoCampo e Xosé Cobas.

  • Venres, 5 ás 19,00 horas no espazo de presentacións:

Presentación de O natural é político de Teresa Moure.

Participarán: Pilar García Negro, Manuel Bragado e a autora.

  • Sábado, 6 ás 12,30 horas no espazo de presentacións:

Presentación de O Globo de Shakespeare de Jaureguizar

(Premio Terra de Melide, 2008)

Participarán: Óscar Sánchez, Jaureguizar e Manuel Bragado.

  • Sábado, 6 ás 18,00 horas no stand de Xerais:

Firma de exemplares de O xardín das pedras flotantes de Manuel Lourenzo González (Premio Xerais de Novela, 2008), A Cabeza de Medusa de Marilar Aleixandre (Premio Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil, 2008) e Xenaro e o misterio da mochila verde de Mar Guerra (Premio Merlín de Literatura Infantil, 2008)

  • Sábado, 6 ás 19,00 horas no stand de Xerais:

Firma de exemplares de A venus de cristal de Chelo Suárez

e As mellores intencións de Begoña Paz.

  • Sábado, 6 ás 20,00 horas no espazo de presentacións:

Presentación de A corpo aberto de Manuel Rivas.

Participarán: Manuel Rivas e Manuel Bragado

  • Domingo, 7 ás 18,00 horas no stand de Xerais:

Firma de exemplares de Guía dos camiños do Eume de Chano Eiroa, Festina lente de Marcos Calveiro e Limpeza de sangue de Rubén Ruibal, (Premio Nacional de Literatura Dramática, 2007).

«A Cabeza de Medusa», crítica en Culturagalega.org

Novembro 17, 2008

Isabel Soto ven de publicar no Lg3 de Culturagalega.org unha crítica de A Cabeza de Medusa de Marilar Aleixandre, premio Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil, 2008. Recollemos un fragmento:

xg0014090112Con esta obra galardoada co Premio Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil, a autora introdúcese nun tema pouco ou nada tratado na LIX galega cal é a violación. Un conflito extraído da realidade, enfocado dende a psicoloxía adolescente que ten ante si un universo de interrogantes, dúbidas e adversidades que acontecen no seu contorno. A construción formal da narración ofrece unha intelixente estrutura e a narración compleméntase coa introdución de elementos informativos, fundamentais para o desenvolvemento e os verdadeiros intereses da historia, que inciden na violación social que sucede á física, cun amplo retrato das diferentes presións ás que están sometidas as rapazas, obrigadas a mastigar o acontecido e a superar un complicado camiño de obstáculos.

Marilar Aleixandre, entrevistada por «A Nosa Terra»

Novembro 15, 2008

3a40708f05ffc64df8c5ca67b9814d732f51f658

Lara Rozados entrevista a Marilar Aleixandre, autora d’ A Cabeza de Medusa, Premio Fundación Caixa Galicia de literatura xuvenil, na edición desta semana d’ A Nosa Terra. Recollemos varios parágrafos:

A novela comeza “O día en que ía ser violada…” anticipando xa a base do conflito, pero despois vai moito máis alá do que se presenta como o drama inicial.

As verdadeiras aventuras son as que parten dun conflito: xa o fixen noutras novelas como A banda sen futuro, Rúa Carbón… Foi unha decisión moi consciente: non me interesaba centrar a novela na violación física, na máis obvia, que acontece ao comezo de todo. O que está por baixo é a contraposición entre a visión do patriarcado e a visión feminista dun conflito, e desta última tamén participan homes. Non quixen tampouco que fose maniquea, senón que na novela os rapaces tivesen tamén esa actitude feminista. O caso é que non é posíbel unha visión neutra: ou pensas que as mulleres “están en disposición de ser usadas”, como di a sentenza da Audiencia Provincial de Pontevedra, ou que teñen os mesmos dereitos cós homes, non existe neutralidade posíbel.

As protagonistas da novela, de feito, son dúas rapazas moi loitadoras. Faltan referentes xa non femininos, senón feministas, na literatura xuvenil?

Máis que as rapazas, é a profesora que discute na clase sobre as Metamorfoses de Ovidio: por que as mulleres violadas eran convertidas en oso, en xabarín, en porco, e Neptuno, Xúpiter e demais quedaban impunes? Ela suscita esa reflexión, achega un novo xeito de interpretar o mundo. Eu noto un cambio: eu son profesora na Universidade, e comprobei que nos últimos tempos están a cambiar as cousas. Pero acontece, tanto na narrativa como nos libros de texto, ás veces van por detrás da realidade.

«A Cabeza de Medusa», presentación en Compostela

Outubro 28, 2008

Mañá mércores, 29 de outubro, ás 18:30 horas, presentarase A Cabeza de Medusa, a novela de Marilar Aleixandre, obra gañadora da IIIª edición do Premio Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil. No acto, que se realizará na Biblioteca da Fundación Caixa Galicia (Frei Rosendo Salvado, 14-16) de Santiago de Compostela, participarán a autora,  Xavier Senín, Manuel Bragado e Verónica Rego.

Unha festa de disfraces acaba de madrugada nun camiño afastado onde Sofía e Lupe son violadas. Durante os días que seguen descubrirán que, como a Medusa, moitos non se atreven a miralas en fite. Son elas quen deben avergoñarse? Iso non ocorrería se non levasen minisaia? É mellor non denunciar, non procurar complicacións? Inspirada no mito de Medusa, castigada despois de ser violada a levar serpes por cabeleira. Dende a mesma noite da agresión vai comezar para as dúas mozas o pedregoso camiño da busca da xustiza. Debateranse entre sucumbir e cargar coa lousa que algúns queren pousar sobre elas ou aferrarse a aqueles que as alentan a seguir na procura da propia dignidade e do dereito a superar o sucedido. Narrada en terceira persoa, A Cabeza de Medusa, a novela de Marilar Aleixandre, gañadora do Premio Fundación Caixa Galicia de literatura xuvenil 2008, conxuga a descrición, a narración e o diálogo, así como o xénero xornalístico, para conseguir, en palabras do xurado, “unha prosa áxil e dinámica que avanza con maxistral fluidez dende o comezo en que se coñece o acontecemento que desata a trama, ata a última páxina en que se resolve”. A amplificación social da violación e tamén a procura dos amor(ot)es ventureiros, o papel do amor e a amizade na resistencia ao medo e á vergoña son temas abordados nesta magnífica novela con valentía, claridade e tenrura.