Archive for the ‘Uncategorized’ Category

“A Clase” e “Mal de escola” son noticia en “La Voz de Galicia”

Febreiro 19, 2009

La Voz de Galicia publica hoxe, nas páxinas de cultura, “A literatura sobre os conflitos nas aulas é un éxito de vendas en Galicia”.

xg00156301xg00151501 Os libros A clase e Mal de escola esgotan a súa primeira edición só un mes despois de saír publicados.

A opinión de Manuel Rivas sobre «O natural é político» de Teresa Moure

Novembro 28, 2008

Manuel Rivas dedícalle unha parte do seu artigo de «Os Grouchos» deste venres ao libro O natural é político, de Teresa Moure, publicado na colección Ensaio de Xerais. Achegamos, para a súa degustación, este fragmento do artigo de Rivas:

o-natural-e-politicoDESCULPEN AS MOLESTIAS MAIS ISTO É UNHA REVOLUCIÓN. Estar de acordo non é razón dabondo para subliñar unha obra nin para recomendala, se vén do forno como vén, e con lume de uz, O natural é político, o último ensaio de Teresa Moure. Que a obra é valente. Pois tampouco abonda. Que é desmitificadora e moi crítica co medioambientalismo esluído. Vale. Que a súa visión non é tampouco a dun ecoloxismo purista, que renegue do político, senón a formulación dunha “ecoloxía profunda”, que entrelace e artelle os movementos alternativos non para maquillar de verde a política senón para unha reforma radical do xeito de vida. Magnífico. Tampouco vou loar O natural é político por casar ética e estética. Non. Nin reclamar a atención sobre este libro porque estea escrito con eficacia, que é un dos xeitos de manifestarse a beleza. Non. Tampouco porque sexa un libro que o sentes cando o pensas e o pensas sentindo. Non. Non recomendo O natural é político porque sexa radical, que o é. Tan radical que responde a unha intelixencia realista: Eco (loxicamente). Eu o que o único que digo é que deste libro non hai que barullalo: hai que pasalo de man en man.

Marcos Calveiro, entrevista en «Luces»

Xuño 27, 2008

A raíz da recente saída da súa novela Festina lente, Marcos Calveiro é entrevistado por Daniel Salgado para a sección «Luces» de El País. Reproducimos un breve fragmento:

A cidade [Santiago de Compostela] é protagonista da novela, unha cidade pechada, que aínda conserva as murallas. Cando hai un andazo, a muralla péchase; cando os lobos axexan a cidade, a muralla péchase. Santiago muda en caldo de cultivo para problemas, envexas, loitas de poderes, e iso funciona como férrea forma de control sobre os habitantes. E, alén do visual, interésame moito o olor: as rúas estaban, maioritariamente, sen lousar e a hixiene era a auga vai, tirábase todo pola fiestra… A cidade tiña que feder, e así a describían os viaxeiros do século XVII. A urbe determina a vida da súa poboación.