Xerais blog muda a Blogaliza

Outubro 3, 2009

Dende hoxe o Xerais blog está aquí.

Maalouf: «investir en cultura é investir en paz cívica»

Setembro 29, 2009

ALeqM5jJwmypXGPRgQEYSEZ9kFiCFkuhjgCon motivo da publicación en España das edicións d’ A deleiba do mundo, o máis recente libro de ensaios de Amin Maalouf, hoxe son moi numerosas as entrevistas co grande autor franco-libanés. Europa PressEFE, El País, ABC, El Mundo recollen as declaracións dun Maaoluf esperanzado que reivindica, como no seu ensaio, «o investimento en cultura como investimento en paz cívica».

«Pirata», presentación na Coruña

Setembro 28, 2009

XG00156401O vindeiro xoves, 1 de outubro, ás 20:00 horas presentarase na Coruña Pirata, a novela máis recente de María Reimóndez. No acto, que terá lugar na Sala Maremagnum do Aquarium Finisterrae, acompañaran á autora a escritora Yolanda Castaño, o músico Xabier Díaz e o editor Manuel Bragado.

«Mercurio», presentación en Vigo

Setembro 25, 2009

XG00167201Hoxe, venres 25 de setembro de 2009, ás 20:00 presentarase na Casa do Libro de Vigo Mercurio, a novela de Emilio Alonso gañadora do Premio La Voz de Galicia 2008. O editor Manuel Bragado acompañrá ao autor.

«Monte Louro»: obsesións e fuxidas

Setembro 24, 2009

XG00167401Laura Caveiro publica en «Faro da Cultura» unha crítica sobre Monte Louro, a novela de Luís Rey Núñez gañadora do Premio Blanco Amor de novela 2009. Baixo o título de «Obsesións e fuxidas» e o subtítulo «Do paraíso perdido», Caveiro comeza sinalando que «dende a primeira frase da novela, sabemos que o protagonista de Monte Louro tivo varias identidades na súa vida: deste xeito, a través das súas páxinas viaxamos ao carón de Delio Landeira, dende Muros, cara a distintos destinos, e tamén cara ao interior das súas obsesións máis íntimas, como é a de prosperar. Imos coñecendo, aos poucos, a quen despois será chamado Artemio Losada, en Barcelona, e, finalmente, Iago Formoso, en Bos Aires». Contínúa Caveiro salientando o a «feitura de novela río» da obra, «con suave ritmo acompasado ao xurdir e desaparecer dos personaxes diante dos nosos ollos», ademais da «feitura de novela ponte entre Galicia e Arxentina». Conclúe o texto Caveiro insistindo na mestría do autor para amosar límpida «unha visión amada, a de Monte Louro. O paraíso perdido».

O texto completo da crítica pode consultarse en pdf no suplemento «Faro da Cultura» do Faro de Vigo de 24 de stembro de 2009.

«Pirata»: intimismo e aventura

Setembro 24, 2009

XG00156401Dolores Martínez Torres publica hoxe en «Faro da Cultura» unha crítica sobre Pirata, a máis recente novela de María Reimóndez. Baixo o título de «Intimismo e aventura», Martínez Torres salienta que en Pirata se reinterpretan, cun discurso parello ao feminismo lésbico, as biografías de Anne Bonny e Mary Read, compoñentes da tripulación de Calico Jack, un dos piratas do século XVIII. A critica sinala, ademais, que a autora «resume na difícil viaxe de Mary e de todas as súas compañeiras, á procura dunha identidade propia, o conflito universal e atemporal que tortura a quen non responda ao papel que o grupo lle demanda en cuestión de sexo, xénero e orientación sexual». Concluíndo o seu texto lembrando que «nunca son imparciais as voces narradoras; moito menos nesta obra, onde o intimismo e a aventura actúan como vehículos para a ideoloxía, e que responde á intención manifesta de facer visibles outras realidades».

O texto completo pode consultarse en pdf no suplemento «Faro da Cultura» do Faro de Vigo de 24 de setembro de 2009.

«Lúa do Senegal», crítica en «lg3»

Setembro 23, 2009

Isabel Soto publica en «lg3» a súa crítica de Lúa do Senegal, a máis recente novela de Agustín Fernández Paz, ilustrada por Marina Seoane. A autora salienta que neste novela protagonizada por unha rapaza de dez anos que ten a lúa como confidente Fernández Paz «plasma unha vez máis a súa visión do mundo e faino creando unha voz narrativa intensa, madura e reflexiva». Pagaa pena recoller un dos parágrafos dun texto que convida a unha lectura en profundidade da novela:

XG00165701En Lúa do Senegal atoparemos moitas das claves recorrentes do autor, coma tal, unha voz feminina, a utilización da primeira persoa narrativa, un personaxe con devoción polos libros e a lectura, intratextualidades ou, sobre todo e unha vez máis, unha historia «de fronteira» que abre as fiestras cara ao mundo, ás películas, aos poetas doutras latitudes. O libro aborda un problema actual, a inmigración, e faino elixindo como eixe central a carga emotiva que a rodea, a expresión íntima das dificultades, do desarraigo, da tristura, do rexeitamento, mais tamén integrando o optimismo, o respecto, a convivencia de linguas e culturas. Fernández Paz plasma unha vez máis a súa visión do mundo e faino creando unha voz narrativa intensa, madura e reflexiva: a de Khoedi, unha nena de once anos –que axiña nos trae á cabeza o mundo senegalés de Binta, do conmovedor filme de Javier Fesser, un dos referentes do autor no seu proceso de documentación– que atopa na Lúa a súa confidente, o único elemento común entre o mundo que coñece e o estraño que a rodea agora, dúas realidades tan distintas que a fan sentirse cos pés no aire, coma se non pertencese a ningures.

Carlos Reigosa esta noite en «Libro aberto»

Setembro 22, 2009

Libro Aberto 129

Carlos Reigosa visita esta noite o programa «Libro aberto» (TVG, 00,30 horas) para falar da súa novela máis recente, A vida do outro, premio Torrente Ballester 2008.

«Guía do Courel», no corazón natural de Galicia

Setembro 22, 2009

Acaban de entrar no almacén senllas edicións en galego e castelán da Guía do Courel, obra preparada por Javier Guitián Rivera, Luis Guitián Rivera e José Luís Martinez Vilar. Unha proposta para coñecer a terra de Novoneyra, considerada como o corazón natural do noso país. As guías chegarán ás librarías na primeira semana do mes de outubro.

Capa_A_Ribeira_sacra_galegoA través de 22 rutas excepcionais, con valiosísima documentación, e da man dun grupo de naturalistas expertos no Courel, o viaxeiro ou viaxeira ten a oportunidade de percorrer con comodidade e información de primeira man as paisaxes desta serra, o corazón natural de Galicia. Dando a coñecer lugares que hoxe poderían ser modelo de xestión do medio natural e descubríndolle ao viaxeiro a súa vexetación, os mellores bosques do país, as especies ameazadas e, en definitiva, a beleza e autenticidade dunha paisaxe sobre a que se fundamenta o turismo rural, Javier Guitián, Luís Guitián e José L. Martínez Villar trazan nesta guía un mapa imprescindible para quen queira adentrarse nos segredos do Courel desde o respecto ao medio ambiente. A ruta das devesas, Froxán, o Val de Moreda, a ruta de Parada (terra de Uxío Novoneyra e María Mariño), de Seoane a Folgoso, Vilamor, a Devesa da Rogueira, o Val de Visuña… son algunhas das citas que esperan polo viaxeiro ou viaxeira con ganas de pasear por rutas sobre as que se vai proporcionando información e datos prácticos que indican a dificultade, a comida, o baño, a cartografía, os hábitats, a botánica, etc. E todo acompañado de mapas, fotografías e abundante información práctica.

«O club da calceta», entre as mellores ficcións televisivas de Europa

Setembro 21, 2009

cartel_73e4bd75d7e57d6bcf3b582ab95d35e71O telefilme O club da calceta, dirixido por Antón Dobao e baseado na novela homónima de María Reimóndez, foi escollida para participar na categoría de Mellor Ficción Europea nos premios Prix Europa. Estes galardóns convócanse anualmente para seleccionar os mellores traballos audiovisuais do continente en televisión, radio e novos medios. Os nosos parabéns para Dobao e Reimóndez.

Xerais redeseña o seu catálogo web

Setembro 21, 2009

Dende hoxe pode visitarse o redeseño do catálogo web de Xerais. As maiores modificacións realizáronse na ficha de cada unha das obras nas que a partir de agora se poderán realizar comentarios e valoracións por parte dos usuarios, ademais de facilitar que os contidos se poidan compartir nas diversas redes sociais. A páxina inclúe un buscador para o catálogo vivo,  un catálogo educativo específico, e senllos buscadores para autores, ilustradores e tradutores. A páxina complétase cun espazo para as novidades do mes (presente, ademais, en carrusel), descargas gratuítas de materiais didácticos e de lectura, páxinas de cada un dos tres premios que convoca a editorial (novela, Merlín e Fundación Caixa Galicia). Completan a páxina os enlaces ao blog (que será renovado nas vindeiras semanas) e aos espazos en twitter e facebook que conforman a identidade dixital actual da editorial.

Tres dos nosos autores candidatos ao premio Astrid Lindgren

Setembro 21, 2009

alma_logo_engAcabamos de coñecer a relación de persoas nominadas ao Premio Astrid Lindgren 2010, que será anunciado o vindeiro 24 de marzo, coincidindo coa Feira do Libro de Boloña. Entre os 168 candidatos (autores, ilustradores e promotores de lectura e institucións de promoción da LIX), pertencentes a sesenta países, atópanse tres dos nosos autores: Fina Casalderrey, Juan Farias e Agustín Fernández Paz. Parabéns para todos os tres, merecidos aspirantes a este auténtico nóbel da literatura infantil e xuvenil.

Irene Pérez Pintos, entrevista n’ «A Nosa Terra»

Setembro 20, 2009

a71224cd0602d149706bc7e5e11a258b31245378etiqueta_para_todos_cubIrene Pérez Pintos, a autora de Etiqueta para tod@s, é entrevista por  A Nosa Terra. Unha entrevista, preparada por Eva Estévez, na que se salienta que «saltarse algunhas normas non é pecado, tal e como se desprende da lectura de Etiqueta para tod@s (Xerais), un manual non de ‘boas’, senón de ‘regulares’ maneiras, no que Irene Pérez Pintos reflexiona en clave de humor, sobre a necesidade de ter un bo comportamento para gozar dunha ‘agradábel’ convivencia social».

«A deleiba do mundo», primeira crítica do ensaio de Maalouf

Setembro 19, 2009

Amin Maalouf at the ECMartín Pawley publica hoxe nas páxinas do suplemento «Nós» de Xornal de Galicia a primeira crítica d’ A deleiba do mundo, o ensaio de Amin Maalouf que chega esta fin de semana ás librarías galegas. O fermosísimo texto do crítico salienta que o ensaio do autor d’ A viaxe de Baldassare é un «ollar perturbador sobre o desarranxo do capitalismo e un canto á esperanza, á contación emocionada que outro rumbo é posible». Recollemos varios parágrafos dun texto crítico moi recomendable:

XG00156901«Entramos no novo milenio sen compás». Desde a primeira liña Amin Maalouf deixa ben claro o seu desacougo ante o estado actual do mundo. É o berro de desesperación dun intelectual apaixonado pola razón e o coñecemento, que ve coma estes conceptos son postos en cuestión en máis partes do planeta das que nos gustaría recoñecer. Dun amante da liberdade que mira con tristura como deixou de ser un valor indiscutíbel para ser cercenada aquí e acolá con argumentos falsarios. A deleiba do mundo é o relato perturbador e inquietante do desastre económico, político, ecolóxico e ético do tempo en que vivimos e de como chegamos a el, mais se tan só fose iso non serviría para moito. O que fai do maxistral ensaio do escritor libanés unha ferramenta imprescindíbel é a súa condición de canto de esperanza, a súa emocionada certeza de que é posíbel atoparmos un rumbo diferente.

[…]

Maalouf amósase especialmente horrorizado pola perda da diversidade, pola pasividade ante a extinción de comunidades milenarias. «Un mundo onde se respecta cada día un pouco mellor a diversidade humana, onde calquera pode expresarse na lingua da súa elección, profesar pacificamente as súas crenzas e asumir serenamente as súas orixes sen incorrer na hostilidade nin no denigramento, sexa por parte das autoridades ou da poboación, é un mundo que avanza, que progresa, que se eleva».

A frase debería estar esculpida á porta das escolas e dos parlamentos, e non porque sexa algo que non saibamos, senón pola tendencia que temos a esquecelo. «O século XXI será salvado pola cultura ou ben se afundirá», afirma coa contundencia de quen pensa que a escala de valores non pode fundarse noutra cousa que non sexa a cultura e o ensino.

[…]

«Tedes o dereito e o deber de estudar a nosa lingua en profundidade. Mais tamén tedes o dereito e o deber de non esquecer a vosa lingua de orixe, porque a nós cómprenos ter persoas que compartan os nosos valores, que comprendan as nosas preocupacións e que falen perfectamente todas as linguas de Europa, de Asia e de África, todas sen excepción, a fin de que poidamos facernos entender por todos os pobos do planeta. Entre eles e nós, vós seredes, en todos os ámbitos –a cultura, a política, o comercio–, os insubstituíbles intermediarios». Velaí outra frase máis para esculpir.

Chegan ás librarías as novelas premiadas de Rosa Aneiros

Setembro 17, 2009

Nestes días comezan a chegar ás librarías as dúas novelas premiadas de Rosa Aneiros: Sol de Inverno, Premio Xerais de novela 2009 e Ás de bolboreta, premio Fundación Caixa Galicia de literatura xuvenil 2009.

XG00166001Sol de Inverno, a obra coa que Rosa Aneiros gañou o Premio Xerais 2009, é unha novela comprometida, densa e cun pouso de lirismo que debuxa o periplo vital dunha personaxe: Inverno. A protagonista habita diversos escenarios que nos conducen desde a perdida aldea de Antes a Barcelona, para relatarnos a crueldade da guerra; e logo ás circunstancias da fuxida a Francia; ao emblemático barco Ipanema; ao longo exilio cubano; á revolución castrista; e mesmo á viaxe ao París do maio do 68. Será en Cuba onde atopamos o pouso da emigración e dos descendentes dos cimarróns, da memoria infinita da tata Luzdivina e do cheiro das follas de tabaco do bisavó Andrés, un escenario clave para entender a singradura dunha protagonista que turra por volver a Antes. Para o xurado do Premio Xerais 2009 «Sol de Inverno constrúe un mundo simbólico e máxico polo que deambulan seres entrañables para crear un relato de pulso vagoroso, que reborda nun potente río de historias. A memoria do exilio, as súas voces e as súas feridas, que Inverno debe lamber unha e outra vez, marcan o pulso desta novela que destaca pola rebeldía dos personaxes na defensa dos ideais e da xustiza.»

XG00155501Na “Luzada”, a cafetaría de Patricia, conflúen cada mañá os camiños que transitan os personaxes d’ As de bolboreta, a novela de Rosa Aneiros gañadora do Premio Fundación Caixa Galicia de literatura xuvenil 2009. O de Manuel, un neno de orixe africana, a quen lle morreu a súa nai adoptiva, que comparte varias horas do día co seu avó. O de Lola e Eusebio, un matrimonio de persoas maiores que viven soas e deben enfrontar as difíciles decisións que esixen a vellez e a aparición da enfermidade. O de Iqbal, un mozo de pais paquistanís que decidiu marchar de Londres tras os atentados terroristas no metro de 2005. O de Aysel, unha kurda que manifesta a impotencia que sente pola indiferenza con que a comunidade internacional acolle a represión exercida contra o seu pobo por parte do goberno turco. O dos alpinistas do monte Gurugú, dous mozos nixerianos que tentan atravesar o valado da fronteira de Melilla para poder reunirse coa súa tía, que agarda todos os días no bar unha chamada que confirme a chegada dos seus sobriños a Galicia. E tamén o de Paco e Adolfo, dous homes covardes que non aprenderon a considerar as súas mulleres como compañeiras de viaxe, e o da señora Filomena, e o de Ana, e o de Fiño…

O xurado do Premio Fundación Caixa Galicia 2009, que outorgou por unanimidade o galardón a esta novela de Rosa Aneiros, sinalou que “Ás de bolboreta presenta unha estrutura non xerarquizada, dividada en breves capítulos onde calquera parte está conectada con todas as demais, un puzzle de pezas engarzado do mesmo xeito que se engarzan as vidas dos personaxes da novela”; salientando, ademais, que “mediante a conexión do cotián con outras historias que poden semellar máis afastadas conséguese unha intensidade narrativa reforzada polo acertado emprego dos rexistros que se van adecuando aos distintos personaxes que conforman a novela”. Para concluír que “Ás de bolboreta é un relato triste e esperanzador ao mesmo tempo, fondamente humano, solidario e internacionalista.”

Agustín Fernández Paz en «Libro aberto»

Setembro 15, 2009

ESPAÑA-LITERATURA-PREMIOAgustin Fernández Paz visita esta noite o programa Libro aberto (TVG, martes 15 de setembro, 0:15 horas) para presentar Lúa do Senegal, a súa novela máis recente.

«Escapado», primeira crítica

Setembro 9, 2009

XG00125501Rafael Lema acaba de publicar n’ A Nosa Galicia a primeira crítica sobre Escapado, a novela de Luís Lamela. O crítico salienta que nesta ocasión o autor de Corcubión ofrece «una obra esta vez novelística que mezcla realidad y ficción, dotada de trama argumental, para darle vitalidad y enganchar desde las paginas al lector.»

«A poesía infantil no século XXI (2000-2008)»

Setembro 8, 2009

Esta semana chega ás librarías A poesía infantil no século XXI (2000-2008), o volume anual da Rede Temática de Investigación ¨LIJMI», que coedita Xerais e a Fundación Caixa Galicia.

XG00158301Os membros da Red Temática de Investigación sobre Literatura Infantil y Juvenil del Marco Ibérico e Iberoamericano (LIJMI), coa colaboración doutros investigadores convidados, reúnen neste volume un conxunto de estudos, destinados fundamentalmente a todos aqueles que desenvolven labores de mediación, centrados na Poesía infantil e xuvenil no século XXI (2000-2008).
Tras dunha introdución teórica na que se repasan a historia e as características que adoitan identificar o xénero, incídese no valor da poesía á hora de educar a sensibilidade, desenvolver a creatividade e fomentar o espírito crítico desde as primeiras idades e deféndese a súa presenza nas aulas mediante unha boa selección de textos que acolla tanto os escritos expresamente para a infancia e a mocidade como aqueloutros cun destinatario universal. A seguir inclúense enfoques panorámicos que abordan o xénero no período estudado nas literaturas castelá, catalá, galega, portuguesa e vasca, co engadido de tres achegas que estudan a poesía no ámbito literario alemán, brasileiro e inglés. O volume inclúe ademais unha selección de poemarios, trece dos cales son obxecto dun comentario pormenorizado, co fin de facilitarlles aos mediadores e mediadoras algunhas claves de aproximación para o seu uso na educación literaria.

O volume será presentado o xoves, 10 de setembro, ás 12:00 horas, no seo das actividades do VIº curso de formación continua As literaturas infantís e xuvenís ibéricas. A súa influencia na formación lectora, que se desenvolve ao longo de toda esta na Biblioteca da Fundación Caixa Galicia de Santiago.

Por mares de tinta e cantos de serea

Setembro 7, 2009

Organizada polo club de lectura «Gálix. Tendendo redes», o sábado, 26 de setembro, desenvolverase en Baiona e arredores unha xornada de actividades que baixo o lema de »Por mares de tinta e cantos de serea» xirará arredor da obra O libro das viaxes imaxinarias de Xabier Docampo e Xosé Cobas.

Os actos comezarán entre 10:00 e 10:30 horas na cafetaría Monterrei (Rrúa Ramón y Cajal, 5), onde as participantes serán recibidas polos membros do Instituto de Estudos Miñoranos, anfitrións da xornada.

Entre 11:00 e 12:00 horas, visita á colexiata de Baiona e percorrido polo casco de Baiona guiado por Xosé Lois Vilar, membro do IEM.

As 12,00 horas, embarco no Real Club Náutico de Baiona na goleta Nauja e travesía até as illas Cíes. Durante o percorrido, Xosé Lois Vilar dará conta da historia da recuperación da goleta e do proxecto dos seus usos actuais.

Entre as 13:00 e as 14:00 horas, fondeados na baía das Cíes, Xabier DoCampo fará unha intervención sobre a tradición oral e a narrativa de viaxes.

Entre 14:00 e 15:00 horas, picnic (empanas de atún, crne e polbo; bocatas fríos; froitas; sobremeas doces; bebidas e refrescos).

Entre 15:00 e 16:00 horas, escrita por prates dos asistentes dunha mensaxe para os rapaces e rapazas de hoxe no que se reflicta a necesidade de transmitir a cultura de tradición oral.

Entre 16:00 e 16:30: café e paseo (opcional).

Entre 16:30 e 17.30 horas, Xosé Cobas fará unha intervención no que abordará o proceso de ilustración d’ O libro das viaxes imaxinarias.

Entre 17:30 e 18:30 horas, travesía e regreso a Baiona.

A xornada está organizada por Gálix, coa colaboración do IEM e de Xerais. O prezo por persoa é de 44 euros, incluíndo a viaxe na goleta, picnic e participación nos talleres). As persoas interesadas en participar na xornada poden solicitar a súa inscrición no correo electrónico coa secretaría de Gálix (galix@galix.org) ou chamando aos teléfonos 650 93 89 72 ou 981 58 98 83. A data límite de inscrición é o 21 de setembro.

«A deleiba do mundo» de Amin Maalouf

Setembro 4, 2009

Tras a publicación en 2000 da novela A viaxe de Baldassare, Xerais publica A deleiba do mundo, o novo libro de ensaio de Amin Maalouf, o brillante escritor libanés.

XG00156901«Entramos no novo milenio sen compás», con esta frase comeza este ensaio no que Amin Maalouf intenta explicar como se chegou á deleiba actual do mundo e como se poderá saír dela. Para Maalouf dende os primeiros meses do século XXI veñen producíndose acontecementos desacougantes que inducen a pensar que o mundo coñece unha deleiba maior, e en varios ámbitos ao tempo. Deleiba económica e financeira, que transforma o planeta enteiro nunha zona de turbulencias de consecuencias imprevisibles, que constitúe, en si mesmo un síntoma dunha perturbación do noso sistema de valores. Deleiba climática, resultado dunha longa práctica de irresponsabilidade colectiva. Para o autor libanés non estaría de máis preguntarse se diante dunha situación semellante, a nosa especie non acadou, dalgún xeito, o limiar dun conflito de incompetencia moral se non acaba de iniciar un movemento de regresión que ameaza con derrubar o que tantas xeracións sucesivas tardaron en edificar. Para Maalouf a deleiba do mundo ten menos que ver co “choque de civilizacións” que co esgotamento simultáneo dos nosos modelos sociais. Sobre todo, o dos ámbitos culturais cos que el se identifica: o occidental e o do mundo árabe. O primeiro, por ser pouco fiel aos seus propios valores; o segundo, por atoparse pechado nun impasse histórico. Un diagnóstico inquedante que desemboca nunha nota de esperanza. Segundo Maalouf, o período axitado no que entramos podería levarnos a elaborar unha visión por fin adulta das nosas identidades, das nosas crenzas, das nosas diferenzas e do destino do planeta que compartimos.

Esta edición en galego d’ A deleiba do mundo, preparada por María Dolores Torres París, chegará ás librarías galegas na derradeira semana do mes de setembro. Amin Maalouf recibiu o Premio Grupo Compostela-Xunta de Galicia deste ano 2009 co que se valora as persoas ou institucións significativas polo seu labor a prol da unidade europea ou a preservación do patrimonio cultural do continente.

María Reimóndez na Coruña

Setembro 2, 2009

o_club_da_calcetaMaría Reimóndez, autora d’ O club da calceta e Pirata, entre outras novelas recentes, participará mañá xoves, 3 de setembro, nas veladas literarias organizadas baixo a denominación «Os xoves da rúa Tabernas». No acto, que comezará ás 17:00 horas nas instalacións da Casa Museo Emilia Pardo Bazán, as actrices Elina Luaces e Laura Ponte interpretarán monólogos d´O club da calceta adaptados por Teatro do Morcego.

«Unha primavera para Aldara», edición en Fóra de Xogo

Setembro 1, 2009

Na terceira semana deste mes de setembro chegará as librarías a edición de Xerais d’Unha primavera para Aldara , a recoñecidísima peza teatral de Teresa Moure, coa que Teatro do Atlántico percorreu os escenarios do país.

XG00155401Unha primavera para Aldara de Teresa Moure é unha peza teatral que se desenvolve no interior dun mosteiro, na Galicia do século XV. No exterior estoupa a Revolta Irmandiña contra os abusos dos nobres feudais. Ao convento chega Don Nuno, un cabaleiro irmandiño ferido gravemente na batalla. As regras non permiten presencia masculina no mosteiro, porén Aldara, a abadesa decide poñer por diante a misericordia e acoller ao forasteiro. Mais unha decisión coma esta no convento serviu como detonante dun enfrontamento de posturas entre as monxas que culminará nunha traizón. En palabras da autora «os personaxes desta obra teatral afrontan conflitos dos que se chaman eternos e procuran horizontes de liberdade persoal relativos ao afán de coñecemento, a paixón, a ruptura co establecido, nun ambiente de tenrura e fraternidade».

Unha primavera para Aldara obtivo o Premio de teatro Rafael Dieste 2007, ademais dos premios da Asociación de Escritores en lingua Galega (Teatro) 2008 e o María Casares ao Mellor Texto Orixinal 2009.

«O bosque animado», nova edición en Xabaril

Agosto 31, 2009

Xunto a Bartleby, o escribente aparece na renovada colección Xabaril unha nova edición d’ O bosque animado, a novela de Wenceslao Fernández Flórez traducida por Xela Arias.

XG00154001O bosque animado é o grande libro da Fraga de Cecebre, situada no concello de Cambre, preto da Coruña. Nestas páxinas vibrantes, Fernández Flórez narra as historias pequenas dos habitantes da fraga: Fendetestas, Xeraldo, Hermelinda, Pilara, Marica etc… Mais tamén dos aparecidos ou fantasmas que pasean polo bosque: a alma en pena de Fiz Cotobelo e por suposto de Hu-Hu e as súas moscas, do clan dos gatos ceibes, ou das árbores que cren que un poste de telégrafos é unha compañeira delas.

Nesta novela fantástica latexa, algueirante e punxente, o buligar vital, polo común da xente, da multitude de animais e plantas que constitúen o mundo insospeitado da fraga de Cecebre, xunto coa tensa andaina humana duns seres conformados indubidablemente pola cultura galega. Esta tradución galega dunhas das novelas principais de Fernández Flórez, preparada por Xela Arias e agora completamente actulizada e revisada, constitúe unha invitación afervoada a descubrirmos o ricaz mundo de noso.

Celso Emilio Ferreiro, trinta aniversario do seu pasamento

Agosto 28, 2009

cartaz homenaxe celso emilio definitivoMañá sábado, organizado pola asociación Arraianos, celebraranse en Celanova unha serie de actos con motivo do trinta aniversario do pasamento do poeta Celso Emilio Ferreiro (31 de agosto de 1979).

Ás 12 da mañá, realízarase un acto no Alto do Furriolo (A Bola), onde hai anos se inaugurou un mural creado por Xosé Vizoso, para lembrar os represaliados pola ditadura franquista. Alí haberá un recital a cargo de Xosé Luis Méndez Ferrín, Anxo Angueira, Baldo Ramos e membros do colectivo Redes Escarlata.

Xa ás 18.30 horas, no cemiterio de San Breixo de Celanova, os actos da homenaxe popular comezarán cun recital poético con Manuel Vilanova e Victor Campio, así como unha lectura dramatizada dos seus artigos xornalísticos. A velada estará amenizada musicalmente e rematará cun diálogo poético de Ramón Nicolás, especialista en Celso Emilio (recentemente publicou Conversas con Celso Emilio Ferreiro).

“A dama da Luz”, álbum de Magutis e Fernández Paz

Agosto 28, 2009

Acaba de chegar do prelo a tirada d’ A dama da Luz, un álbum ideado e ilustrado por Jorge Magutis e escrito por Agustín Fernández Paz, ambientado no Vigo vello e mariñeiro e protagonizado por toda clase de criaturas fantásticas e seres extraordinarios que no mar alto asisten a loita entre o Inverno e a Primavera. A dama da Luz chegará ás librarías na primeira decena de setembro.

XG00163801O avó de Marta garda un enigmático segredo na súa memoria. Un segredo que fala de seres extraños que habitaban na cidade cando era moi distinta, apenas había coches e a xente non vivía coas présas de hoxe, seres como a Dama da Luz ou o Home das Sombras, e de lugares misteriosos como a Casa do Outeiro ou a mítica illa de San Brandán. Un día, algo especial sucede. E entón Marta coñecerá por fin o sorprendente segredo que o seu avó gardaba, unha historia que a levará a descubrir todas as marabillas que a roda da vida nos ofrece.

A dama da Luz é un fermoso álbum ideado e ilustrado por Jorge Magutis e escrito por Agustín Fernández Paz ambientado nun Vigo vello e mariñeiro, envolto nunha atmosfera de misterio, e protagonizado por toda clase de criaturas fantásticas e seres extraordinarios que no mar alto asisten a loita entre o Inverno e a Primavera.

«Bartleby, o escribente»

Agosto 27, 2009

Na primeira semana do vindeiro mes de setembro, abrindo a tempada de outono, chegará as librarías Bartleby, o escribente, a tradución galega do relato clásico de Herman Melville. A tradución foi preparada por Eva Díaz Rodríguez para a colección Xabaril, que na súa nova etapa acada os sete títulos.

XG00153901Bartleby é un escribente excelente que despacha unha cantidade extraordinaria de documentos na oficina de Wall Srett onde traballa ás ordes dun avogado. Porén, un bo día, cando o seu xefe lle pide que examine con el un documento, Bartleby se nega con total serenidade dicindo: «Preferiría non facelo». Dende entón, diante de calquera requerimento do abogado, o narrador do relato de nome descoñecido, contesta coa mesma frase: «Preferiría non facelo». O avogado descubre que Bartleby quedou vivir na oficina e, como se nega a obedecerlle e despois a escribir máis, o despide. Porén, este curioso personaxe se nega a marchar e continúa vivindo na oficina. O xefe que é incapaz de botalo, decide mudar a sede do escritorio. Cando chegan novos inquilinos, Bartleby segue alí, prefire non facer nada que altere a súa situación.

Herman Melville (Nova York, 1819-1891) é unha das principais figuras da literatura norteamericana. De mozo traballou de mariño na liña Nova York-Liverpool, experiencia que o marcará na súa actividade posterior como escritor. É autor de novelas extraordinarias como Moby Dick (1851), Benito Cereno (1856) ou a póstuma Billy Budd (publicada en galego por Xerais en 1983). Bartleby, o escribente, publicada en 1853, é unha das narracións máis orixinais e conmovedoras da historia da literatura universal, sendo considerada como unha das súas maiores alfaias.

Presentación de «Escapado» en Fisterra

Agosto 27, 2009

XG00125501O día 4 de setembro, venres, ás 20 horas, no Salón de Plenos do concello de Fisterra será presentada Escapado. Do monte do Pindo ao exilio pasando pola illa de San Simón, a primeira novela de Luis Lamela. O autor estará acompañado no acto polo escritor e poeta Modesto Fraga.

A noticia da presentación na edición de Carballo de La Voz de Galicia.

«Escapado» noticia en «La Voz de Galicia»

Agosto 5, 2009

c4c11f1Xosé Ameixeiras publica en La Voz de Galicia unha ampla noticia sobre Escapado, a primeira novela de Luis Lamela. A obra será presentada o vindeiro día 7, venres, ás 21 horas, no salón de actos do colexio do Pindo-Carnota, dentro das actividades culturais das festas de San Clemente 2009 organizadas pola Asociación Cultural PEDRAMAR do Pindo. Escapado será presentado o día 13 na Feira do Libro de Cee.

Manuel Rivas académico

Agosto 5, 2009

r300_281114O equipo de profesionais de Xerais amosa a súa grande satisfacción polo nomeamento de Manuel Rivas como membro da Real Academia Galega. Parabéns, Manolo!

Xabier DoCampo e Xosé Cobas na Feira do Libro da Coruña

Agosto 5, 2009

g13p50f1O vindeiro venres, 7 de agosto, a partir das 20:00 horas Xabier DoCampo e Xosé Cobas asinarán na Feira do Libro da Coruña exemplares d O Libro das viaxes imaxinarias (Premio Irmandade do Libro 2009 da Federación de Libreiros de Galicia).

Luis Rei Núñez na Feira do Libro da Coruña

Agosto 4, 2009

58359Mañá mércores, ás 20:00 horas, Luis Rei Núñez presentará na Feira do Libro da Coruña Monte Louro, a novela gañadora do Premio Blanco Amor 2009. Acompañarán ao autor, o escritor Xavier Seoane e o editor Manuel Bragado.

«O arco da vella» na Feira do Libro da Coruña

Agosto 4, 2009

XG00163301Mañá mércores, 5 de agosto, ás 18:00 horas celebrarase na Feira do Libro da Coruña un acto arredor do libro O arco da vella, de Charo Pita, ilustrado por Xosé Tomás. No acto participaran os autores que contarán para os nenos e nenas.

«Me matan por sen bueno»

Agosto 4, 2009

2009-08-04_IMG_2009-08-04_01_31_15_gal4alonsoXesús Alonso Montero foi entrevistado por Faro de Vigo e La opinión da Coruña con motivo da presentación de Cartas de republicanos galegos condenados a morte (1936-1948) que realizou onte na Feira do Libro da Coruña.

Neira Vilas na Feira do Libro da Coruña

Agosto 3, 2009

Neira_Vilas_asinando_na_Feira_do_Libro

O martes, 4 de agosto, ás 21:00 horas, dentro do programada de actividades da Feira do Libro da Coruña, Xosé Neira Vilas presentará Lóstregos, o libro de xornalismo polo que obtivo o premio Manuel Reimóndez Portela. A partir das 19:30 horas, o autor de Gres asinará exemplares das súas obras.

Enrique Vázquez Pita presentou «Sanson Troleyro»

Agosto 2, 2009

g12p39f1La Voz de Galicia fíxose eco do acto de presentación na Feira do Libro de Vigo de Sansón Troleyro. Estudante de pan e sardiña, a primeira novela de Enrique Vázquez Pita no catálogo da editorial, coa que tamén inicia unha triloxía para a colección Fóra de Xogo. Na foto de Óscar Vázquez o novelista coruñés acompañado do director da editorial.

Alonso Montero na Feira do Libro da Coruña

Agosto 2, 2009

g6p49fzO luns, 3 de agosto, ás 20:00 horas, o  profesor Xesús Alonso Montero impartirá na Feira do Libro da Coruña unha conferencia arredor dos seus libros máis recentes: Cartas de republicanos galegos condenados a morte (1936-1948), publicado por Edicións Xerais de Galicia e Ramón Piñeiro ou a reinvención da cultura galega, publicado pola Editorial Galaxia.

Carlos Reigosa na Feira do Libro da Coruña

Agosto 2, 2009

62858Tras a presentación en Compostela da novela A vida do outro, gañadora do Premio Torrente Ballester 2008, Carlos Reigosa estará na Feira do Libro da Coruña o vindeiro xoves, 6 de agosto, ás 19:00 asinando exemplares desta novela e do resto da súa obra.

«Etiqueta para todos»

Xullo 31, 2009

Acaba de chegar ás librarías o libro de Irene Pérez Pintos, ilustrado por Iván Rodríguez, Etiqueta para todos. Manual de regulares maneiras pero de bastante educación para a cidadanía.

etiqueta_para_todos_cubQue facer se o príncipe co que estás falando ten a cremalleira do pantalón desabrochada? E se a ministra que se achega a saudarte ten un moco asomándolle no nariz? Son moitas as ocasións nas que te asaltan dúbidas semellantes sen que saibas resolvelas de xeito satisfactorio. Pois non esperes a atopar aquí esas respostas. Neste manual non se contempla a totalidade de situacións da vida social para as que cómpre un especial fair play ou savoir faire que dicimos os galegos. Porén abofé que che será de grande axuda para chegares a ser a persoa educada e civilizada que a humanidade necesita que sexas.

Irene Pérez Pintos, a autora de Etiqueta para todo/as, ofrece orientacións moi útiles para resolver moitas dúbidas que poden aparecer sobre o noso comportamento en comunidadade. Abórdanse cuestións tan dispares como as palabras educadas, o comportamento nas conversas e nas comidas, a sinceridade, o tratamento, o saúdo, a hixiene ou, en xeral, o que debemos entender por boa educación. Un libro útil, sorprendente e divertido para lectores e lectoras de todas as idades.

Con Etiqueta para todos, Xerais inicia unha nova serie de libros pequenos ilustrados sobre cuestións de actualidade e dirixidos a lectores e lectoras de todas as idades.

«O recendo das mimosas» de Agustín Agra

Xullo 30, 2009

Agustín Agra debuta na colección Xerais Narrativa cun libro de relatos, O recendo das mimosas.

XG00163601Unha ducia de relatos forman esta primeira entrega de Agustín Agra en Xerais Narrativa, que se abre coa narración da irremediable metamorfose, que tras a subida das augas, converte ás protagonistas de “A tarasca”, de forma sucesiva en cobras, serpes, serpentas, e, finalmente, en cocas ou tarascas voadoras; e que se pecha con “Teseo no labirinto”, onde se convocan os protagonistas mitoloxía clásica. Entremedias, en relatos como “Os límites do inimaxinábel”, “Wünderbar” ou “O anel de Coleridge”, a irrupción dun elemento fantástico inesperado axuda a explorar fronteiras descoñecidas da realidade; noutros, como “Na caeira” ou “o Souto dos Gatos”, homenaxéase de forma explícita á memoria republicana; mentres que, finalmente, no relato “Xogando aos faraóns” ou, na case noveliña, “O chintófano”, a sátira política e o humor máis retranqueiro centran toda atención dunha engaiolante lectura.

O recendo das mimosas chegou esta semana ás librarías e será presentado en Noia no vindeiro mes de outubro.

«Mercurio» de Emilio Alonso

Xullo 29, 2009

Chega ás librarías Mercurio, a novela de Emilio Alonso gañadora do Premio La Voz de Galicia de novela por entregas 2008.

XG00167201Mercurio é un thriller ambientado en Lugo e protagonizado por un ex-policía que exerce como criminólogo, mediático e famoso grazas á televisión. Por esta novela de Emilio Alonso, desfilan tamén un morto, policías, forenses, historias de amor e, sobre todo, moitas anécdotas que o protagonista vai contando ao longo da narración. O Lugo onde que a historia se desenvolve é unha cidade actual, con importantes referentes do pasado, pero no que pervive un miserable ambiente moral, social e cultural, o que se respiraba na cidade na década dos sesenta e primeiros setenta, prevalecendo vellos hábitos e rutinas que converten a Mercurio nunha hábil mestura entre novela policíaca e costumista. O humor e a retranca do protagonista, posuidor dunha dobre moral, e a homenaxe sentimental que o autor fai á súa cidade, converten esta novela, pola que pasean todo tipo de personaxes, nunha lectura agradable, amena e divertida.

Mercurio será presentada en Lugo, cidade onde se desenvolve este thriller, no mes de outubro.