Posts Tagged ‘premios_xerais_2008’

«A Cabeza de Medusa», presentación en Compostela

Outubro 28, 2008

Mañá mércores, 29 de outubro, ás 18:30 horas, presentarase A Cabeza de Medusa, a novela de Marilar Aleixandre, obra gañadora da IIIª edición do Premio Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil. No acto, que se realizará na Biblioteca da Fundación Caixa Galicia (Frei Rosendo Salvado, 14-16) de Santiago de Compostela, participarán a autora,  Xavier Senín, Manuel Bragado e Verónica Rego.

Unha festa de disfraces acaba de madrugada nun camiño afastado onde Sofía e Lupe son violadas. Durante os días que seguen descubrirán que, como a Medusa, moitos non se atreven a miralas en fite. Son elas quen deben avergoñarse? Iso non ocorrería se non levasen minisaia? É mellor non denunciar, non procurar complicacións? Inspirada no mito de Medusa, castigada despois de ser violada a levar serpes por cabeleira. Dende a mesma noite da agresión vai comezar para as dúas mozas o pedregoso camiño da busca da xustiza. Debateranse entre sucumbir e cargar coa lousa que algúns queren pousar sobre elas ou aferrarse a aqueles que as alentan a seguir na procura da propia dignidade e do dereito a superar o sucedido. Narrada en terceira persoa, A Cabeza de Medusa, a novela de Marilar Aleixandre, gañadora do Premio Fundación Caixa Galicia de literatura xuvenil 2008, conxuga a descrición, a narración e o diálogo, así como o xénero xornalístico, para conseguir, en palabras do xurado, “unha prosa áxil e dinámica que avanza con maxistral fluidez dende o comezo en que se coñece o acontecemento que desata a trama, ata a última páxina en que se resolve”. A amplificación social da violación e tamén a procura dos amor(ot)es ventureiros, o papel do amor e a amizade na resistencia ao medo e á vergoña son temas abordados nesta magnífica novela con valentía, claridade e tenrura.

“Que sería de nós sen o Xerais?”

Xuño 13, 2008

Dolores Vilavedra publica hoxe en “Luces” un artigo valorando a traxectoria das vinte e cinco edicións do Premio Xerais de Novela.

Premios Xerais 2008 [fotos I]

Xuño 12, 2008

“O xardín das pedras flotantes” de Manuel Lourenzo González, adianto

Xuño 12, 2008

Aquí poden baixarse en pdf cinco páxinas do orixinal d’ O xardín das pedras flotantes, a novela de Manuel Lourenzo González, gañadora do XXVº Premio Xerais de Novela. O texto corresponde ao capítulo 48, da terceira parte, “O amor”.

“Xenaro e o misterio da mochilota verde” de Mar Guerra, adianto

Xuño 12, 2008

Aquí pode lerse o pdf dun capítulo do orixinal de Xenaro e o misterio da mochilota verde, a novela de Mar Guerra gañadora do Premio Merlín de Literatura Infantil.

Premios Xerais 2008, as crónicas nos blogs

Xuño 9, 2008

Tras o serán dos Xerais, hoxe aparecen as crónicas nos blogs. As primeiras son de Martin Pawley, Xosé Manuel Eyré e Xosé Manuel Pereiro.

Entrevistas en culturagalega.org cos premiados nos Xerais 2008

Xuño 9, 2008

Moito agradecemos os documentos sonoros que publica hoxe culturagalega.org. Poden escoitarse as tres entrevistas cos autores premiados nos Xerais 2008.

Carlos G. Reigosa: “Que sería de nós sen Xerais'”

Xuño 8, 2008

O escritor Carlos G. Reigosa, primeiro gañador do premio Xerais de novela (1984) por Crime en Compostela, actuou como mantedor literario do acto de fallo dos Xerais 2008. Reigosa pronunciou un discurso, titulado Que sería de nós sen Xerais?, no que valorou o traballo de Xerais ao longo das tres últimas décadas, recordando que dende o primeiro intre a editorial dirixiuse aos autores máis novos, “aos que eramos unha promesa secreta, unha vocación inexplorada, un pulo incerto de transformación e cambio, unha especie de soño aínda sen cotexar coa realidade”. Recollemos outros parágrafos desta intervención:

“O nacemento de Edicións Xerais de Galicia foi o soño que moitos soñamos e polo que moitos agardabamos, e a chegada do Premio Xerais foi unha concreción moi atinada e estimulante dese soño, desa teima nosa. Cando Xulián Maure, amparado por Germán Sánchez Ruipérez, dixo en 1979 aquilo de «queremos ser unhas edicións xerais que non deixen baldeiro campo ningún da comunicación impresa necesaria para Galicia», estaba satisfacendo as nosas máis nobres ambicións e sinalaba un camiño para todos os demais. Un camiño para ousados. Porque as nosas eivas e as nosas necesidades eran moitas e viñan de moi lonxe.

Como non festexar hoxe esas datas iniciais, cando Xerais vai polos tres mil títulos publicados, con máis de 1500 no seu catálogo vivo? Como non asombrarse de que o 40% deses libros –é dicir, uns mil douscentos– pertenzan ao catálogo literario? Quen podería dicir, cando comezou esta aventura, que hoxe estariamos celebrando algo tan relevante e incontestable? Nin o noso señor Cunqueiro con toda a súa ben acreditada imaxinación albiscou este momento. Nin Merlín o enxergou desde a súa inesquecible –e aínda visitable– fraga de Esmelle… ou fraga do río Seco, se queren saber dela.” […]

“Porque os libros non son patacas, por máis que José Manuel Lara, o fundador de Planeta, sostivese que había que tratalos como tales. Non, non o son. E os nosos editores de Xerais demostraron saber sempre que se trataba doutra cousa. A eles debémoslles moitas iniciativas editoriais, pero tamén moitas horas de paciencia para escoitar os soños que lles queremos vender… cando as uvas aínda están verdes. E o resultado está á vista. O resultado do seu labor en certo modo somos nós. Moitas obras non as rematariamos sen o seu alento, sen a súa demanda. Por iso nesta ocasión quero cederlles o seu sitio principal. O resto do ano deben deixárnolo a cada un de nós. Porque nisto consiste tamén o xogo literario.

E volvo coa cuestión primeira. Que sería de nós sen Xerais? A pregunta serve para todos, mais cada un ten a súa resposta, que é a que vale para el. No meu caso, eu non sei que sería de min sen Xerais, pero sei que non estaría hoxe aquí falando e festexando con todos vostedes. Isto é ben certo. Así que noraboa, Xerais; bo aniversario, Premio Xerais, e parabéns para todos. Moitas grazas.”

Tras estas palabras, Xosé Manuel García Crego, director de edicións da editorial, entregou ao autor da Corda a primeira botella numerada do augardente de bagazo “Crime en Compostela”, co que a editorial agasallou a todos os asistentes con motivo da vixésimo quinto aniversario do certame de novela.

“Xenaro e o misterio da mochilota verde”, Premio Merlín 2008

Xuño 8, 2008

O xurado da 23 ª edición do Premio Merlín de literatura infantil dotado con 10.000 euros formado por: formado por Manuel Figueiras Fernández (profesor e responsable da BLIX, Biblioteca de Literatura Infantil e Xuvenil), Adolfo Gálvez Pazos (profesor e responsable de Biblioxest), Beatriz Pereiro Pérez (profesora), Óscar Villán (ilustrador), Laura Sáez Fernández (tradutora e intérprete) e Helena Pérez Fernández (editora), en representación de Xerais, con voz e sen voto, entre as trinta e dúas obras participantes, declarou finalistas as presentadas baixo os lemas: “Cómpre botar unhas palabriñas máxicas”, “Indanonseiben” (teatro), “Paspallasazul” e “XX27/ni-0”.

Despois da súa última deliberación, acordou por unanimide declarar como gañadora a presentada baixo o lema “… Cómpre botar unhas palabriñas máxicas” que, despois de aberta a plica, resultou ser de Mar Guerra Cid e corresponde ao título Xenaro e o misterio da mochilota verde. Así mesmo, o xurado recomendou á editorial a publicación da obra presentada baixo o lema “Paspallasazul”.

Xornalista de profesión, Mar Guerra Cid naceu en Madrid hai 44 anos, pero vive na Coruña dende 1987. Ten traballado para diferentes medios galegos, tanto en xornais como axencias e mesmo algunha radio. Na actualidade desenvolve a súa carreira profesional en Masstres Comunicación, un gabinete de seu, montado na Coruña en 1997 xunto a dúas socias. Xenaro e o misterio da mochilota verde é a súa primeira novela, aínda que obtivo o terceiro premio do IIº Concurso de Relatos da Asociación de Mulleres Progresistas de Vigo, no pasado mes de marzo, polo texto Pel de Pataca.

O xurado definiu a obra galardonada co Premio Merlín 2008 como “un trhiller psicolóxico” que desenvolve unha historia cotián de rapaces e rapazas dun centro escolar. Esta é unha novela que, xirando arredor da amizade e os seus modelos e xogando coa linguaxe e o humor, propón unha viaxe ao mundo dos nenos e nenas de hoxe. A Xenaro Conese Maiúsculo, que así é o nome do protagonista de once anos desta historia, o que máis lle gusta é xogar coas palabras e ler. Un rapaz normaliño ao que tamén lle gostan os xogos de computador, o xadrez, os cómics, os documentais, e a música…; porén, Xenaro, pode parecer un bicho raro, por que tamén lle encanta facer de detective e resolver misterios dos que se producen no Universal, o seu colexio.

Mar Guerra Cid declarou, no momento de recibir o premio Merlín, que “o meu Xenaro leve o Merlín é un inmenso honor, que agradezo de verdade e me enche de orgullo, pero diante de todo é cousa de tolos; unha completa loucura. A ver se non: unha madrileña, residente en “La” Coruña e co castelán coma lingua nai, sexa a gañadora do máis prestixioso galardón de Literatura Infantil do país? Abraiante. E ademais unha “primeira novela”; mesmo un relato sinxelo, sen efectos especiais: unha historia de amizade, cotiá, case que corrente. Ao mellor é que as palabriñas máxicas que lle botei ao manuscrito funcionaron… Ou, se cadra, que logrei transmitir o inmenso respecto que lle teño ao galego e o meu amor pola escrita”.

Carlos G. Reigosa, mantedor dos Premios Xerais

Xuño 3, 2008

Carlos G. Reigosa, gañador hai vinte e cinco anos do Iº Premio Xerais de Novela con Crime en Compostela será o mantedor literario dos Premios Xerais 2008. O escritor da Corda lerá un texto titulado “Que sería de nós sen Xerais?”, que na vindeira semana publicaremos neste blog.

Finalistas Premios Xerais 2008

Maio 30, 2008

Tras a súa primeira sesión de deliberación, celebrada na tarde de hoxe, os xurados dos Premios Xerais 2008 declararon as obras finalistas nas tres modalidades.

O xurado da 25ª edición do Premio Xerais de Novela, formado polos escritores Xabier Puente Docampo, Xosé Miranda, Santiago Jaureguizar, Uxía Casal, Estíbaliz Espinosa e Francisco Alonso Villaverde (editor), en representación de Xerais, con voz e sen voto, entre as cincuenta e catro obras participantes, declarou finalistas as presentadas baixo os seguintes lemas: “As sereas de Tubinga”, “Flora da xunqueira” e “Memoria de sal”.

O xurado da 3ª edición do Premio Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil, formado por Isabel Bilbao Freire (responsable de acción externa da Fundación Caixagalicia), Xabier Senín Fernández (profesor e tradutor), Andrea Maceiras Lafuente (estudante de Filoloxía), Antonio Piñeiro Rodríguez (estudante de 3º da ESO, CEIP Alfonso VII de Caldas de Reis), Einés Monteagudo Vilavedra (estudante de 3º da ESO do IES de Ames) e Xosé Manuel Moó Pedrosa (editor), en representación de Xerais, con voz e sen voto, entre as vinte e oito obras participantes, declarou finalistas as presentadas baixo os lemas: “Eu son ti”, “O derradeiro inverno” e “Tusitala”.

O xurado da 23ª edición do Premio Merlín de literatura infantil, formado por Manuel Figueiras Fernández (profesor e responsable da BLIX, Biblioteca de Literatura Infantil e Xuvenil), Adolfo Gálvez Pazos (profesor e responsable de Biblioxest), Beatriz Pereiro Pérez (profesora), Óscar Villán (ilustrador), Laura Sáez Fernández (tradutora e intérprete) e Helena Pérez Fernández (editora), en representación de Xerais, con voz e sen voto, entre as trinta e dúas obras participantes, declarou finalistas as presentadas baixo os lemas: “Cómpre botar unhas palabriñas máxicas”, “Indanonseiben” (teatro), “Paspallasazul” e “XX27/ni-0”.

Os tres xurados determinarán as obras gañadoras, nunha vindeira reunión, a celebrar o sábado 7 de xuño. A festa de fallo dos premios terá lugar no serán dese mesmo día e, como en edicións anteriores, na illa de San Simón.

Os Premios Xerais 2008 fallaranse o sábado 7 de xuño

Maio 26, 2008

Os xurados declararán as obras finalistas na súa primeira reunión, que se celebrará o 30 de maio. Os premios serán fallados o sábado 7 de xuño na illa de San Simón.

Edicións Xerais de Galicia, unha vez pechado o prazo de admisión de orixinais dos seus premios literarios 2008, nomeou aos membros dos tres xurados.

O xurado da 25ª edición do Premio Xerais de Novela, dotado con 25.000 euros e no que concorren cincuenta e catro obras, está formado por: Xabier Puente Docampo (escritor), Xosé Miranda (escritor), Santiago Jaureguizar (escritor e xornalista), Uxía Casal (escritora), Estíbaliz Espinosa (escritora) e Francisco Alonso Villaverde (editor), en representación de Xerais, con voz e sen voto.

O xurado da 3ª edición do Premio Fundación Caixa Galicia de literatura xuvenil, dotado con 10.000 euros e no que concorren vinte e oito obras, está formado por: Isabel Bilbao Freire (responsable de acción externa da Fundación Caixagalicia), Xabier Senín Fernández (profesor e tradutor), Andrea Maceiras Lafuente (estudante de filoloxía), Antonio Piñeiro Rodríguez (estudante de 3º da ESO, CEIP Alfonso VII de Caldas de Reis), Einés Monteagudo Vilavedra (estudante de 3º da ESO do IES de Ames) e Xosé Manuel Moó Pedrosa (editor), en representación de Xerais, con voz e sen voto.

O xurado da 23ª edición do Premio Merlín de literatura infantil, dotado con 10.000 euros e no que concorren trinta e dúas obras, está formado por: Manuel Figueiras Fernández (profesor e responsable da BLIX, Biblioteca de Literatura Infantil e Xuvenil), Adolfo Gálvez Pazos (profesor e responsable de Biblioxest), Beatriz Pereiro Pérez (profesora), Óscar Villán (ilustrador), Laura Sáez Fernández (tradutora e intérprete) e Helena Pérez Fernández (editora), en representación de Xerais, con voz e sen voto.

Os tres xurados determinarán as obras finalistas na súa primeira reunión, o venres 30 de maio, e as gañadoras, na segunda, a celebrar o sábado 7 de xuño. A festa de fallo dos premios terá lugar ese mesmo día e, como en edicións anteriores, na illa de San Simón.

O sábado 31 de maio publicaremos neste blog os lemas das obras finalistas dos tres premios.