Se non me chegaba xa coa lectura de Mal de escola, vou a embiburgo pra ver o fantástico filme Entre as paredes, traducido aí embaixo como A clase, e publicado como novela tamén con ese estraño e, ao meu ver, distorsionador nome — editores, pronúnciense, —. Porque nese espazo que construíu a escola moderna (republicana (!) chámanlle os franceses), nada funciona. O filme é devastador: o catálogo de malas prácticas pedagóxicas repásase de principio a fin, e a falta de respecto constante dos mestres cara aos alumnos vai medrando ata que remata da única maneira que pode facelo: o profe chámalles putas ás alumnas e un estudante é expulsado nunha escena tan dantesca que poderían asinar os irmáns Marx, se non fose porque o conto é triste.
Tiña boa razón un dos comentaristas deste blog: a escola é o último espazo moderno nun mundo postmoderno. Pouco mudou a escola dende o tempo que estudaron os nosos pais, agás polas zostregadas nas unllas e demais castigos físicos. E pouco mudará se seguimos a aparvar a perdiz: unha reforma urxente é necesaria, de currículo, de actitudes e de dinámicas, que sitúe os rapaces no centro, e non os profesores… ata de arquitectura dos centros debe mudar, pra axudar a romper ese espazo artificial e absurdo creado entre as paredes. Cesare.
Os estudantes son agora moito peores ca antes –dime un profesor universitario de 31 anos–. O outro día púxenlles ao grupo B un exercicio que fago todos os anos: teñen que preparar unha noticia e locutala como se fose un telexornal, metendo a cabeza por unha tele de cartón. Este ano copiaron en cinco minutos unha nova de internet, e comezaron a lela tal cal. Eu cortei o exercicio de raíz e pasamos a outra cousa.
II
Calquera manual de pedagoxía podería sinalar os erros desa práctica: dende a definición dos obxectivos ata un modelo de aprendizaxe baseado na nota, pasando por construír situacións irreais que conducen a que criaturas, a miúdo batante máis achegadas á realidade cós seus profesores, bordeen ou eludan o absurdo. Se ademais este novo pero experimentado profesor lese Mal de escola, de Daniel Pennac, podería intuír que a culpa do fracaso do exercicio era en boa medida súa.
As renovacións pedagóxicas, as contrarrenovacións, os sindicatos, os políticos, as anpas e os medios de comunicación foron sinalando como causas do fracaso escolar o método, as reformas legais, as infraestruturas, as familias desestruturadas, as vacacións dos profes ou esa violencia da mocidade que tan precisamente describe Pennac. Pero o erro está na falta de amor, como di Pennac, e na falta de autocrítica, que é outra vertente da falta de amor. Mal de escola é poliédrico, embarullado e marabilloso, anque Pennac é fondamente conservador: de aí a súa teima nos alicerces do ensino: a ortografía, a literatura dos séculos pasados (ás veces moi pasados) ou, ata un punto que asusta, a proposición subordinada adverbial concesiva, que a pequena Nathalie, con toda lóxica, non entende. A escola ten que revisar métodos e amores, si, pero tamén contidos, ese pequeno e obsesivo apósito que vai xunto á aprendizaxe de modelos, e sobre o que, estrañamente, avaliamos.
Unha muller case centenaria contempla na televisión un documental sobre un escritor francés, ao cal amosa na vida cotiá, rodeado de libros na súa biblioteca, falando do oficio literario e do seu pasado como mestre. O escritor chámase Danniel Pennac e a muller é a súa anciá nai. Ela sabe que Daniel é unha figura respectada e está ao tanto do seu éxito profesional, mais dentro dela ficou para sempre o recordo da tristeza e a preocupación polo fillo que de mozo respondía ao prototipo de mal estudante.
Un mozo que cada anoitecer regresaba á casa ‘ perseguido pola escola’, angustiado polas súas dificultades aparentemente insalvábeis para memorizar as leccións e manexarse con algo de fortuna coa lingua e as matemáticas. Un adolescente ‘sen porvir’, un “problema” para calquera familia que antes ou despois acabará por preguntarse “que vai se do noso rapaz?” Por is, nun altura na que a cabeza da nai se move mellor polo pasado que polo presente, a inquietude polo fillo, obviamente xa innnecesaria, rexorde unha e outra vez en forma de pregunta: “Ti cres que chegará a algo?”.
A calculada contención emocional das primeiras páxinas de Mal de Escola, publicado hai pouco pola editorial Xerais, marca con precisión o ton do libro, que mestura de maneira eficacísima o recordo autobiográfico e o rexistro ensaístico para abordar cuestións referidas á pedagoxía e ás institucións educativas. Pennac explora a súa experiencia nos dous lados da fronte, como (mal) alumno primeiro e logo como profesor de instituto durante vintecinco anos, para compoñer un discurso esperanzado sobre o papel revolucionario da educación, entendida non como transmisión robotizada de coñecementos senón como ferramenta formadora e transformadora que actúa un a un sobre cada individuo para facer del un ser máis libre e independente. O autor repara nos malos estudantes desde a certeza de que son eles os que verdadeiramente xustifican a necesidade do profesor; achégase ao seu illamento, ao seu desexo de saber combinado coa “dor de non comprender”, sentimentos que el tamén viviu, e sobre todo á súa vontade de salvación, de ser rescatados por alguén que veña buscalos e os leve da man guiado pola paixón por comunicar e por algo que está por riba de toda sorte de métodos, teorías e prácticas docentes: o amor. Un termo subversivo “que non podes nin tan sequera pronunciar nunha escola, nun instituto, nunha facultade ou en calquera lugar semellante” e que ten dentro de si o potencial para cambiar o mundo.
O peor que lle podería pasar a este texto excepcional, editado por Xerais nunha espléndida versión de Xavier Senín e Isabel Soto —autores tamén da tradución d’A clase de François Begaudeau, obra tan diferente como complementaria desta, e que merecerá comentario á parte— é ficar sepultado baixo a etiqueta de manual de autoaxuda para ensinantes. Porque Mal de Escola deben lelo todos os profesores, claro, mais tamén todas as nais e pais, e todos os fillos; debería lelo todo o mundo, como corresponde aos grandes libros, os que nos fan mellores. Martin Pawley.
A segunda edición de Mal de escola poñerase á venda esta vindeira semana.
Dende o pasado mes de xaneiro alumnado do 3º ciclo de Educación Primaria do Colexio Público Pazos de Reis de Tui desenvolven durante as mañás dos martes un programa de animación á lectura na Radio Municipal de Tui. Os alumnos e alumnas analizan un libro, realizan unha pequena reseña do autor e recomendan a súa lectura.
Entrou no prelo a segunda edición de Mal de escola, o libro de Daniel Pennac traducido por Xavier Senín e Isabel Soto. Esta edición de Mal de escola foi un dos títulos en galego mellor acollidos polos lectores durante o pasado Nadal. Esta obra de Pennac, o grande éxito editorial en Francia no ano 2007, situouse, segundo os datos do «Barómetro de lectura» da Federación de Gremios de Editores, entre os dez máis vendidos en España durante o pasado trimestre.
Os gañadores do premio Xerais de Novela 2008 visitan hoxe «Libro aberto», o programa de literatura da Televisión de Galicia. Na Biblioteca Nacional de Galicia da Cidade da Cultura, será entrevistado o escritor Manuel Lourenzo González, gañador do premio Xerais con O xardín das pedras flotantes. Tamén será entrevistado Alberto Canal, finalista do premio Xerais coa novela Conexión Tubinga, unha intriga teolóxica que é a estrea literaria do ourensán. Ademais, na sección de reportaxes falarase da lectura entre os adolescentes co escritor Xabier P. Docampo. Laura Caveiro, na sección de traducións, atenderá a un dos recentes éxitos editoriais, o libro Mal de escola, de Daniel Pennac.
Heitor Mera publica unha crítica no Faro da Cultura sobre Mal de escola, o libro de Daniel Pennac traducido para o galego por Xavier Senín e Isabel Soto.
No magnífico blog Trafegando ronseis aparece unha importante anotación arredor de Mal de escola, o libro de Daniel Pennac. Recollemos o parágrafo co que finaliza o texto:
Como aconteceu con Como unha novela, creo que todo o profesorado debería ler este libro, do que podemos gozar en galego grazas á editorial Xerais. E xa me contaredes. Eu seguirei a cavilar.
Daniel Pennac, na liña narrativa de Coma unha novela (Xerais 1993), aborda en Mal de escola a cuestión da escola e da educación dende o punto de vista dos malos alumnos. O autor, un dos máis celebrados das letras francesas contemporáneas, un pésimo estudante adolescente, estuda esta figura do folclore popular outorgándolle a nobleza que se merece e restituíndolle a carga de angustia e dolor que a acompaña. Mal de escola mestura as testemuñas autobiográficas (como estudante e profesor que exerceu a docencia durante vinte e cinco anos nun instituto de París) con reflexións sobre a pedagoxía e as disfuncións da institución escolar, o papel dos pais e da familia co papel da televisión e dos medios de comunicación actuais, a sede de aprendizaxe coa dor de ser un mal estudante, o sentimento de exclusión do alumno e o amor á ensinanza do profesor. Mal de escola, Premio Renaudot 2007, obra traducida ao galego por Xavier Senín Fernández e Isabel Soto López, é un fenómeno editorial en Francia capaz de reabrir, tamén en Galicia, un gran debate arredor das razóns do fracaso escolar e do estado e do futuro da educación pública.
Nos primeiros días de outubro estará nas librarías galegas Mal de escola, a celebrada obra de Daniel Pennac, traducida para a nosa lingua por Xavier Senín Fernández. Mal de escol, Premio Renaudot 2007, constitúe unha magnífica mestura de memorias e de ensaio que aborda tanto os problemas actuais da educación, como as lembranzas do autor tras a súa experiencia como un mal alumno adolescente e como profesor de lingua nun instituto parisino durante vinte e cinco anos.
Daniel Pennac, nunha liña semellante á de Coma unha novela (Xerais 1993), aborda en Mal de escola a cuestión da escola e da educación dende o punto de vista dos malos alumnos. O autor, un dos máis celebrados das letras francesas contemporáneas, un pésimo estudante adolescente, estuda esta figura do folclore popular outorgándolle a nobleza que se merece e restituíndolle a carga de angustia e dolor que a acompaña. Mal de escola mestura as testemuñas autobiográficas (como estudante e profesor que exerceu a docencia durante vinte e cinco anos nun instituto de París) con reflexións sobre a pedagoxía e as disfuncións da institución escolar, o papel dos pais e da familia co papel da televisión e dos medios de comunicación actuais, a sede de aprendizaxe coa dor de ser un mal estudante, o sentimento de exclusión do alumno e o amor á ensinanza do profesor. Mal de escola, Premio Renaudot 2007, é un fenómeno editorial en Francia capaz de reabrir un gran debate arredor das razóns do fracaso escolar e do estado e do futuro da educación pública.
Daniel Pennac lendo un anaco da obra orixinal na televisión francesa.