Posts Tagged ‘reigosa’

Carlos G. Reigosa: “Que sería de nós sen Xerais'”

Xuño 8, 2008

O escritor Carlos G. Reigosa, primeiro gañador do premio Xerais de novela (1984) por Crime en Compostela, actuou como mantedor literario do acto de fallo dos Xerais 2008. Reigosa pronunciou un discurso, titulado Que sería de nós sen Xerais?, no que valorou o traballo de Xerais ao longo das tres últimas décadas, recordando que dende o primeiro intre a editorial dirixiuse aos autores máis novos, “aos que eramos unha promesa secreta, unha vocación inexplorada, un pulo incerto de transformación e cambio, unha especie de soño aínda sen cotexar coa realidade”. Recollemos outros parágrafos desta intervención:

“O nacemento de Edicións Xerais de Galicia foi o soño que moitos soñamos e polo que moitos agardabamos, e a chegada do Premio Xerais foi unha concreción moi atinada e estimulante dese soño, desa teima nosa. Cando Xulián Maure, amparado por Germán Sánchez Ruipérez, dixo en 1979 aquilo de «queremos ser unhas edicións xerais que non deixen baldeiro campo ningún da comunicación impresa necesaria para Galicia», estaba satisfacendo as nosas máis nobres ambicións e sinalaba un camiño para todos os demais. Un camiño para ousados. Porque as nosas eivas e as nosas necesidades eran moitas e viñan de moi lonxe.

Como non festexar hoxe esas datas iniciais, cando Xerais vai polos tres mil títulos publicados, con máis de 1500 no seu catálogo vivo? Como non asombrarse de que o 40% deses libros –é dicir, uns mil douscentos– pertenzan ao catálogo literario? Quen podería dicir, cando comezou esta aventura, que hoxe estariamos celebrando algo tan relevante e incontestable? Nin o noso señor Cunqueiro con toda a súa ben acreditada imaxinación albiscou este momento. Nin Merlín o enxergou desde a súa inesquecible –e aínda visitable– fraga de Esmelle… ou fraga do río Seco, se queren saber dela.” […]

“Porque os libros non son patacas, por máis que José Manuel Lara, o fundador de Planeta, sostivese que había que tratalos como tales. Non, non o son. E os nosos editores de Xerais demostraron saber sempre que se trataba doutra cousa. A eles debémoslles moitas iniciativas editoriais, pero tamén moitas horas de paciencia para escoitar os soños que lles queremos vender… cando as uvas aínda están verdes. E o resultado está á vista. O resultado do seu labor en certo modo somos nós. Moitas obras non as rematariamos sen o seu alento, sen a súa demanda. Por iso nesta ocasión quero cederlles o seu sitio principal. O resto do ano deben deixárnolo a cada un de nós. Porque nisto consiste tamén o xogo literario.

E volvo coa cuestión primeira. Que sería de nós sen Xerais? A pregunta serve para todos, mais cada un ten a súa resposta, que é a que vale para el. No meu caso, eu non sei que sería de min sen Xerais, pero sei que non estaría hoxe aquí falando e festexando con todos vostedes. Isto é ben certo. Así que noraboa, Xerais; bo aniversario, Premio Xerais, e parabéns para todos. Moitas grazas.”

Tras estas palabras, Xosé Manuel García Crego, director de edicións da editorial, entregou ao autor da Corda a primeira botella numerada do augardente de bagazo “Crime en Compostela”, co que a editorial agasallou a todos os asistentes con motivo da vixésimo quinto aniversario do certame de novela.

Manuel Lourenzo, Marilar Aleixandre e Mar Guerra, Premios Xerais 2008

Xuño 8, 2008

Na illa de San Simón, no concello de Redondela, o sábado, 7 de xuño, ditamináronse a XXVª edición do Premio Xerais de Novela, dotado con 25.000 euros, a XXIIIª edición do Premio Merlín de Literatura Infantil, dotado con 10.000 euros, e a IIIª edición do Premio Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil, dotado con 10.000 euros.

Esta festa literaria consistiu nun acto literario-musical, celebrado no Edificio Multiusos da illa de San Simón, ao que seguiu unha cea ao aire libre nos xardíns da illa. Á velada asistiron máis de trescentas persoas dos diversos ámbitos da sociedade galega, entre os que se atopaba Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega; Luís Bará, director xeral de Creación e Promoción Cultural da Consellaría de Cultura de Deporte; Carme Adán, secretaria xeral de Igualdade; Xabier Méndez, director xerente da Fundación Illa de San Simón, o concelleiro de cultura do concello de Redondela; o presidente da Federación de Libreiros de Galicia, Xaime Corral; representantes do mundo da política e un importante número de escritores, editores, libreiros e colaboradores da editorial.

No acto, presentado por Celia Torres, directora de promoción da editorial e coordinadora dos premios, participou Tino Baz, o cantautor miñoto, que interpretou ao comezo o tema “Volvín á terra pero perdín o amor”, sobre un poema de Bernardino Graña (presente no acto e moi aplaudido polos asistentes) e rematou con “Romance da Maruxa…In memorian”.

Despois da actuación de Baz e intervención de Carlos G. Reigosa, que actuou como mantedor literario, déronse a coñecer os fallos dos xurados. A gañadora da XXIIIº edición do Premio Merlín de literatura infantil foi a xornalista madrileña Mar Guerra Cid pola súa novela Xenaro e o misterio da mochilota verde, presentada baixo o lema “… Cómpre botar unhas palabriñas máxicas”. Marilar Aleixandre foi a gañadora do IIIº Premio Fundación Caixa Galicia de literatura xuvenil pola súa novela A cabeza de Medusa, presentada baixo o lema “Eu son ti”. O XXVº Premio Xerais de novela foi para Manuel Lourenzo González pola novela O Xardín das Pedras Flotantes, presentada baixo o pseudónimo “Manalva” e o lema “Flora da xunqueira”.

Pechou o acto Manuel Bragado, director da editorial, que valorou a traxectoria dos premios ao longo as súas vinte e cinco edicións, o que considerou unha mostra da madurez do sistema literario galego e da novela como xénero privilexiado polas lectoras galegas. Por último agradeceu a axuda proporcionada pola Fundación Illa de San Simón, a Consellaría de Cultura e Deporte, a conellaría de Cultura do Concello de Redondela, a Fundación Caixa Galicia e Ámbito Cultural El Corte Inglés, entidades que apoiaron a celebración destes premios.

Recollemos as primeiras referencias sobre o fallo dos premios aparecidas hoxe domingo na prensa electrónica:

  • Faro de Vigo: “Xerais premia a Manuel Lourenzo, Marilar Aleixandre e Mar Guerra”.
  • La Voz de Galicia: “Manuel Lourenzo gaña o Xerais cunha novela de amor”.
  • La Opinión A Coruña: “Manuel Lourenzo obtiene el Xerais con ‘O Xardín das pedras flotantes'”.
  • El País Galicia: Lourenzo González gana el Xerais con una historia de amor adolescente”.
  • El Correo Gallego: “Manuel Lourenzo, premiado co Xerais de Novela”.
  • Galicia hoxe: “O talento recoñecido”.
  • El Progreso: “Manuel Lourenzo, Marilar Aleixandre e Mar Guerra, Premios Xerais”.
  • Europa Press: “Los escritores Manuel Lourenzo, Marilar Aleixandre y Mar Guerra reciben los premios Xerais de literatura 2008”.
  • Vieiros: “Manuel Lourenzo, Premio Xerais de Novela 2008”.
  • A Nosa Terra: “Manuel Lourenzo gaña o Xerais de Novela”.
  • Chuza: “Manuel Lourenzo gaña o Xerais de Novela 2008”.
  • Praza das letras: “Manuel Lourenzo González, Premio Xerais 08”
  • Gznación: “Manuel Lourenzo, Marilar Aleixandre e Mar Guerra fanse cos premios xerais 2008”.
  • Xornal.com: “Manuel Lourenzo gañou o Xerais con ‘O Xardín das Pedras Flotantes'”.
  • MundoGaliza: “Premio Xerais de Novela 2008”.

Carlos G. Reigosa, mantedor dos Premios Xerais

Xuño 3, 2008

Carlos G. Reigosa, gañador hai vinte e cinco anos do Iº Premio Xerais de Novela con Crime en Compostela será o mantedor literario dos Premios Xerais 2008. O escritor da Corda lerá un texto titulado “Que sería de nós sen Xerais?”, que na vindeira semana publicaremos neste blog.