«Praza das Letras» publica unha longa entrevista que lle fixo a Fran Alonso con motivo da publicación d’ Un país a medio facer. A entrevista está centrada na evolución da cultura galega nos últimas dúas décadas e a súa proxección no futuro. Alonso comenta, ademais, o estado dos seus proxectos literarios: «En poesía teño un libro rematado hai un ano. Non o publiquei porque en Xerais temos moitos orixinais de poesía e está agardando vez. Titúlase Transición. Logo seguín escribindo e teño a metade doutro poemario. En narrativa teño varias cousas en distintos estados, o máis avanzado é un libro de relatos sobre as relacións humanas e a súa configuración.»
Posts Tagged ‘un_país_a_medio_facer’
Entrevista a Fran Alonso en «Praza das Letras»
Marzo 24, 2009«Un país a medio facer«, crítica no « Cartafol»
Marzo 3, 2009Manuel Rodríguez Alonso publica en Cartafol de libros unha crítica sobre Un país a medio facer, o libro de xornalismo de Fran Alonso.
«Un país a medio facer», crítica en «Culturas»
Marzo 2, 2009Ramón Nicolás publica no suplemento «Culturas» de La Voz de Galicia unha interesante crítica e entrevista a Fran Alonso con motivo da publicación d’ Un país a medio facer.
«Un país a medio facer», crítica en «Faro da Cultura»
Marzo 1, 2009Pilar Ponte publica en «Faro da Cultura» unha interesante crítica sobre Un país a medio facer, o máis recente libro de Fran Alonso.
«Un país a medio facer», crítica de Lupe Gómez
Xaneiro 26, 2009«Un país raro», así define Galicia a escritora Lupe Gómez no Galicia Hoxe de onte, domingo, cando fala de Un país a medio facer, o máis recente libro de Fran Alonso. Reproducimos parte do seu artigo, publicado baixo o título «Hipopótamo amoroso» no suplemento «Lecer»:
O escritor galego Fran Alonso sempre nos sorprende coas súas achegas orixinais, coa súa escrita diferente. Agora agasállanos co seu libro de entrevistas Un país a medio facer, no que aparecen persoas como Manolo Rivas, Suso de Toro, Antón Reixa, Uxía Senlle, Ugía Pedreira… Un feixe de entrevistados que nos dan visións raras e interesantes de Galicia. Porque Galicia non é un país normal, senón que é un país raro, pequeniño e inmenso. Fran Alonso é un hipopótamo que sabe facer fotos cunha cámara dixital de alta definición. Cun punto de vista nidio, elegante.
Resultan interesantes e dinámicas as súas entrevistas. Facilitan e alegran a lectura porque non son conversas intelectuais e difíciles, senón que falan de todas as cousas con emoción e claridade. O país raro está cheo de fendas, interrogantes, claroscuros, dúbidas, enerxía, forza, medos.
A cultura galega está «aberta por reformas», como di o programa que Xurxo Souto ten na Radio Galega. É unha xanela aberta pola que poden entrar e saír moitas cousas, porque as potencialidades son amorosas.
[Na fotografía, Cid Cabido e Fran Alonso, a finais dos anos oitenta]
«Un país a medio facer», crítica de Arturo Casas
Decembro 25, 2008Arturo Casas publica no seu blog un interesante comentario sobre Un país a medio facer o máis recente libro de Fran Alonso. Recollemos un dos fragmentos do texto:
Xulgo moi acertada esta lectura que Fran Alonso ofrece dos cambios habidos na vida cultural entre dous momentos profesionais seus separados por vinte anos no recentísimo Un país por facer (Xerais, 2008). O xornalista que segue a selo olla o pasado, cando entrevistaba para medios como Diario 16 de Galicia, e rotula “Nun país a medio facer” para trazar o retrato dun tempo ido en dezaoito perfís. Vénse logo ao presente e o titular varía a «O país que parece normal», con catro entrevistas/panoramas/semblanzas máis. Da indeterminación (un) á determinación (o). Excelente a escolla, o matiz que nela vai, a capa do libro, a idea motora, as vintedúas instantáneas que enfocaron o labor e as ideas de escritores, editores, xestores culturais, músicos e xente de teatro e televisión. Áxil e variado o oficio seu como entrevistador, deixando falar e mantendo un rumbo. Outras veces, escoitando aquí e alá para despois constituír un discurso de discursos.
Fran Alonso: entrevista en Vieiros
Decembro 16, 2008Con motivo da recente publicación do seu libro Un país a medio facer, onde analiza a evolución da cultura galega no últimos vinte anos, Vieiros realízalle unha interesante entrevista a Fran Alonso, da cal destacamos o seguinte fragmento:
Gañáronse moitas cousas nestes vinte anos. Perdeuse algo? Algo da rebeldía que se percibe nas entrevistas a Suso de Toro, Rivas ou Xelís de Toro?
Somos quizais un pouco máis politicamente correctos, vivimos nese tempo. Perdemos, quizais, esa capacidade para agredir. Pero eu creo que o máis importante que se perdeu foi a capacidade de crear un estado de conciencia en defensa da lingua galega, daquela, cando a sociedade estaba máis aberta a iso. Non é que non o estea agora, pero agora hai certos sectores moi agresivos en contra do galego. Son minoritarios e a sociedade non se identifica con eles, pero teñen nos medios un grande altofalante. Os medios de comunicación galegos viven de costas á realidade do país. E o tema da lingua, ademais, é axitado politicamente porque é rendíbel.Cal é o camiño para fortalecer a lingua galega?
O máis importante sería que houbese unha capacidade de liderado en defensa da lingua. E tamén eliminar esa idea de que a cultura galega é unha cultura subvencionada. Moito máis cando vemos sectores, como a automoción e a banca, que proporcionalmente reciben moitas máis axudas públicas cá cultura. Temos que acabar con esa visión e demostrar con calidade que a nosa cultura chega lonxe. Cómpre neutralizar o discurso de Galicia Bilingüe, e ese debería ser un cometido fundamental dos medios de comunicación públicos. Deberían explicar cal é a situación real da lingua, quen está realmente discriminado. Porque son un medio público e porque usan o soporte da lingua.
Fran Alonso fala de «Un país a medio facer»
Decembro 9, 2008Fran Alonso presenta Un país a medio facer na xeira de entrevistas Falemos de libros emitidas en directo por internet dende o Cultur.gal pola AELG.
Xerais no Culturgal, actos dos días 4 e 5 de decembro
Decembro 4, 2008Xerais está presente en Culturgal no estand nº 45. Durante o xoves, 4, e o venres 5 de decembro, organizamos as seguintes actividades:
- Xoves, 4 ás 17,00 horas no estand de Xerais:
Roda de prensa de Un país a medio facer de Fran Alonso.
- Venres, 5 ás 12,30 horas na sala de prensa do Cultur.gal:
Roda de prensa de A corpo aberto de Manuel Rivas.
- Venres, 5 ás 18,00 horas no espazo de presentacións:
Presentación de Novas Minimaladas de Pinto & Chinto.
Participan: Pinto & Chinto e Manuel Bragado.
- Venres, 5 ás 18,00 horas no e stand de Xerais:
Firma de exemplares de O libro das viaxes imaxinarias de Xabier P. DoCampo e Xosé Cobas.
- Venres, 5 ás 19,00 horas no espazo de presentacións:
Presentación de O natural é político de Teresa Moure.
Participarán: Pilar García Negro, Manuel Bragado e a autora.
«Un país a medio facer», presentación en You Tube
Decembro 1, 2008Fran Alonso presenta nun vídeo colgado no seu blog Un país a medio facer, a súa obra xornalística máis recente que será presentada en roda de prensa en Culturgal o vindeiro 4 de novembro ás 17 horas.
Xerais no Cultur.gal 2008
Novembro 26, 2008Nos vindeiros días, 4–5–6 e 7 de decembro, vai ter lugar en Palexco (Pazo de Congresos e Exposicións da Coruña o Cultur.gal 2008 Feira Galega das Industrias Culturais.
Esta feira está dirixida tanto ao público xeral como profesional, polo que durante estes catro días Xerais, que estará presente no Stand nº 45, programou unha serie de actividades aos que vostede está convidado/a:
- Xoves, 4 ás 17,00 horas no stand de Xerais:
Roda de prensa de Un país a medio facer de Fran Alonso.
- Venres, 5 ás 12,30 horas na sala de prensa do Cultur.gal:
Roda de prensa de A corpo aberto de Manuel Rivas.
- Venres, 5 ás 18,00 horas no espazo de presentacións:
Presentación de Novas Minimaladas de Pinto & Chinto.
Participan: Pinto & Chinto e Manuel Bragado.
- Venres, 5 ás 18,00 horas no stand de Xerais:
Firma de exemplares de O libro das viaxes imaxinarias de Xabier P. DoCampo e Xosé Cobas.
- Venres, 5 ás 19,00 horas no espazo de presentacións:
Presentación de O natural é político de Teresa Moure.
Participarán: Pilar García Negro, Manuel Bragado e a autora.
- Sábado, 6 ás 12,30 horas no espazo de presentacións:
Presentación de O Globo de Shakespeare de Jaureguizar
(Premio Terra de Melide, 2008)
Participarán: Óscar Sánchez, Jaureguizar e Manuel Bragado.
- Sábado, 6 ás 18,00 horas no stand de Xerais:
Firma de exemplares de O xardín das pedras flotantes de Manuel Lourenzo González (Premio Xerais de Novela, 2008), A Cabeza de Medusa de Marilar Aleixandre (Premio Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil, 2008) e Xenaro e o misterio da mochila verde de Mar Guerra (Premio Merlín de Literatura Infantil, 2008)
- Sábado, 6 ás 19,00 horas no stand de Xerais:
Firma de exemplares de A venus de cristal de Chelo Suárez
e As mellores intencións de Begoña Paz.
- Sábado, 6 ás 20,00 horas no espazo de presentacións:
Presentación de A corpo aberto de Manuel Rivas.
Participarán: Manuel Rivas e Manuel Bragado
- Domingo, 7 ás 18,00 horas no stand de Xerais:
Firma de exemplares de Guía dos camiños do Eume de Chano Eiroa, Festina lente de Marcos Calveiro e Limpeza de sangue de Rubén Ruibal, (Premio Nacional de Literatura Dramática, 2007).
«Un país a medio facer», libro de xornalismo de Fran Alonso
Novembro 17, 2008Un país a medio facer é o título do libro de xornalismo do noso compañeiro Fran Alonso que aparecerá nas librarías a comezos do mes de decembro.
Un país a medio facer de Fran Alonso busca as claves da evolución da cultura galega nos últimos vinte anos a través das voces dos protagonistas. Hai 20 anos, as casas de ladrillo sen recubrir constituían, na opinión de Manuel Rivas, unha boa metáfora de Galicia; un descoñecido Xurxo Souto teimaba en inventar Os Diplomáticos de Monte Alto mentres Reixa preparaba o programa Sitio Distinto para a TVG; Uxía comezaba a súa andaina musical en solitario e o teatro galego vivía días de polémica. Algunhas das entrevistas foron contestadas e, globalmente, reflicten a cultura dun país que buscaba obsesivamente a súa normalidade. Apenas pasaran algo máis dunha ducia de anos desde a fin da ditadura, remataban os 80 ou albiscábanse os desinhibidos 90. A través de entrevistas feitas naquela época, reconstrúese agora o pulso cultural dun tempo en que Galicia era un país a medio facer e vivía ese feito de xeito obsesivo. Logo, o libro salta no tempo e viaxa, vinte anos despois, a unha Galicia que parece normal. ¿É normal? ¿Que cambiou na cultura galega nestes vinte anos?