Xelís de Toro presenta dende Inglaterra, onde vive, Riofero, a novela que chega esta semana ás librarías galegas. Como xa sinalamos, Riofero conta cun espazo web, onde se poden escoitar sete musicais creados polo propio Xelís.
Archive for Xaneiro 2009
Xelís de Toro presenta «Riofero»
Xaneiro 31, 2009«Conversas con Emilio Pérez Touriño», presentación en Compostela
Xaneiro 30, 2009O luns, 2 de febreiro, ás 18:00 horas no Auditorio do Museo do Pobo Galego, San Domingos de Bonaval s/nº de Santiago de Compostela, presentarase o libro Conversas con Emilio Pérez Touriño de Manuel Lombao. O acto contará coa participación de Manuel Bragado Rodríguez, Isaac Díaz Pardo, Emilio Pérez Touriño e o autor.
Emilio Pérez Touriño debulla nesta longa conversa con Manuel Lombao as claves do seu proxecto político para Galicia en asuntos tan decisivos como as infraestruturas, a ordenación territorial, a reforma estatutaria, a educación ou a lingua. E xunto ao político que dirixe o rumbo do país desde a presidencia da Xunta de Galicia, comparece tamén neste libro un Pérez Touriño apenas coñecido polo público, que nos fala das súas orixes familiares, da súa adolescencia, das súas experiencias militantes e da súa vida académica, así como das circunstancias e motivos que o levaron a renovar o socialismo galego e a liderar o proceso que conduciría á formación do primeiro goberno de esquerdas da historia de Galicia.
Entrevista a Manuel Bragado
Xaneiro 30, 2009Foto de Lalo Villar
Teresa Cuíñas entrevista a Manuel Bragado, director da editorial, nas páxinas de «Luces» da edición de hoxe de El País Galicia. A reflexión sobre os trinta anos de traballo da editorial e os problemas e os desafíos do libro galego centran a entrevista.
«A batalla do paraíso triste», crítica no «Cartafol»
Xaneiro 29, 2009Manuel Rodríguez Alonso publicou no «Cartafol de libros» a súa crítica d’ A batalla do paraíso triste de Xosé Ramón Pena. O crítico remata a crítica da novela do seguinte xeito: «boa novela e que debemos ler para coñecer mellor a historia recente de Portugal. Por outra banda, resulta entretida abondo e ben escrita.»
«O Globo de Shakespeare», adianto da crítica de Eyré
Xaneiro 29, 2009Eyré adianta hoxe no seu blog dous parágrafos da crítica que preparou para A Nosa Terra sobre O Globo de Shakespeare, a novela de Jaureguizar gañadora do Premio Terra de Melide:
Desde que Xosé Carlos Caneiro publicara Ébora (Xerais, 2000) poucas veces me divertín tanto lendo unha novela. Tentado estou de botar contas, polo menos dalgún título de Bieito Alonso, por iso da xustiza comparativa. Mais non o vou facer posto que a finalidade do aserto non é outra que comezar esta crónica letresca evidenciando a carcaterística máis notábel da última novela de Jaureguizar, e Premio Terras de Melide 2008, intitulada O globo de Shakespeare. O globo de Shakespeare posibelmente sexa, tamén, a novela máis completa deica o momento manifesta na imaxinativa e indómita escrita do autor nado en Bilbo. A única chata, esa redacción descoidada, descoidada e típica non só en Jaurgeuizar senón en máis, infortunadamente en máis autores. E que deixa como resultado segmentos como a seguir: “Alegara que a bolsa en Galicia que cobraba era breve” (175) ou “Celia Mandiás entrou na sala do pazo levando unha bandexa para a cea de Leandro sen darlle fala para non desconcentralo” ( 179). Que, de cando en vez, aquí ou acolá segundo o azar depare, incomodan o seu, sobre todo ao lector que ame e estime a literatura como a arte da palabra. Algunha vez o temos comentado, para Jaureguizar a novela ven sendo máis “o cinema da mente”. E un, a verdade, cada día que pasa entende menos a ausencia de esmero nese aspecto, tanta preguiza, dado que, a fin de contas, a calquera lector ou escritor un chisco experiente lle mancan os ollos e tolle as aspiracións de medre na consideración como obra literaria
………………….
Tal é a virtude de historias como esta que nos relata Jaureguizar, manexando con habilidade o fíos da trama, dosificando esta deica precipitala nun remate apoteósico, tal como merece e demanda. O esquema é simple, e xa se sabe que o simple adoita ser efectivo. Gáñanos, no inicio, ao regalarnos esa galería de personaxes curiosas, estrañas e fortemente empáticas, inclusive as féminas- hai que estudar o papel da muller na narrativa de Jaureguizar, sobre todo comparando tramas para adultos e tramas para non adultos. Personaxes do mundo de Shakespeare e personaxes do mundo actual, confundidas. Introduce a trama, complícaa mentres incrementa as doses de paranoia, de delirio, e reserva parte das personaxes para que catalicen e precipiten o grande show final. Así de simple e efectivo, un esquema que ten moito de cinematográfico, concepción do retrato e concepción da escena. Porén, se indicamos onde radicaba a virtude, sáibase tamén que na mesma virtude está o seu teito de cristal, a fronteira. Cal é a utilidade da farsa literaria se a vida xa é en si unha farsa e, como na novela de Jaureguízar, tamén remata en traxedia? Non é pura evasión, pero esta pregunta debe facer reflexionar.
«Riofero», espazo web e blog para a novela
Xaneiro 29, 2009Xelís de Toro con motivo da aparición de Riofero acaba de abrir un espazo web para a novela, onde se pode baixar o primeiro capítulo, escoitar sete temas musicais (gravados polo autor en colaboración con outros artistas como Narf, Johny Rabbs, e The Vitamin B12) ou deixar comentarios no blog. Os nosos parabéns a Xelís.
«Historia de Ourense», crítica no «Faro da Cultura»
Xaneiro 29, 2009Xosé Antonio López Teixeira publica no «Faro da Cultura» unha crítica sobre a Historia de Ourense de Marcos Valcárcel.
«Fendas abertas», crítica no «Faro da Cultura»
Xaneiro 29, 2009Alfredo Iglesias publica no «Faro da Cultura» unha crítica sobre Fendas abertas, o ensaio de Carlos Taibo.
«O Globo de Shakesperare», crítica no «Faro da Cultura»
Xaneiro 29, 2009Dolores Martínez Torres publica hoxe no «Faro da Cultura» unha crítica d’ O Globo de Shakespeare, a novela de Jaureguizar gañadora do premio Terra de Melide 2008.
Faleceu John Updike
Xaneiro 28, 2009Varios xornais do día fanse eco do falecemento de John Updike a causa dunha enfermidade pulmonar. Nado en Pensylvania en 1932, Updike é autor de máis dunha vintena de novelas e considérase un dos escritores máis relevantes da narrativa norteamericana contemporánea.
En Xerais editamos en 2007 a súa novela Terrorista, vertida ao galego por Lara Domínguez.
Entrevista a Alberto Canal en «Galicia Hoxe»
Xaneiro 28, 2009Hoxe aparece na sección «Maré» de Galicia Hoxe unha entrevista a Alberto Canal, autor da novela Conexión Tubinga, que foi finalista dos Premios Xerais de Novela 2008. Recollemos un fragmento:
Conexión Tubinga está escrita cunha linguaxe sinxela e directa. “Dicía Kundera que escribía novelas fáciles de ler pero difíciles de entender. Quixen utilizar unha linguaxe accesible a todo o mundo, porque penso que coa linguaxe debemos seducir e comunicar”, opina o autor.
“Na literatura galega fan falta historias que cheguen ó lector, que emocionen. Gustaríame que algún día, un camión depositase un palé de libros nunha librería porque houbese moitos pedidos dos lectores que tiñan moita ansia por ler unha obra. Fan falta escritores que chamen polos lectores cara á literatura galega”, explica Canal.
Novas reedicións na colección «Fóra de Xogo»
Xaneiro 27, 2009Debemos salientar a entrada de novas reedicións da colección «Fóra de Xogo», a exitosa colección xuvenil da editorial que nos seus trece anos de vida acadou os 116 títulos e unha s vendas superiores aos seiscentos mil exemplares.
Ademais das xa comentadas reedicións de Agustín Fernández Paz, xa están nas librarías a novena edición de Leonel de Antón Cortizas e a novena de Anxos en tempos de chuvia de Miguel Vázquez Freire. Parabéns para os autores.
Marina Mayoral, entrevista en «Galicia hoxe»
Xaneiro 26, 2009Manuel Vidal Villaverde publica nas páxinas de Galicia hoxe a conversa que mantivo con Marina Mayoral. A escritora mindoniense publicará no vindeiro mes de febreiro, dentro da colección Fóra de Xogo, a novela Quen matou a Inmaculada de Silva?
«Un país a medio facer», crítica de Lupe Gómez
Xaneiro 26, 2009«Un país raro», así define Galicia a escritora Lupe Gómez no Galicia Hoxe de onte, domingo, cando fala de Un país a medio facer, o máis recente libro de Fran Alonso. Reproducimos parte do seu artigo, publicado baixo o título «Hipopótamo amoroso» no suplemento «Lecer»:
O escritor galego Fran Alonso sempre nos sorprende coas súas achegas orixinais, coa súa escrita diferente. Agora agasállanos co seu libro de entrevistas Un país a medio facer, no que aparecen persoas como Manolo Rivas, Suso de Toro, Antón Reixa, Uxía Senlle, Ugía Pedreira… Un feixe de entrevistados que nos dan visións raras e interesantes de Galicia. Porque Galicia non é un país normal, senón que é un país raro, pequeniño e inmenso. Fran Alonso é un hipopótamo que sabe facer fotos cunha cámara dixital de alta definición. Cun punto de vista nidio, elegante.
Resultan interesantes e dinámicas as súas entrevistas. Facilitan e alegran a lectura porque non son conversas intelectuais e difíciles, senón que falan de todas as cousas con emoción e claridade. O país raro está cheo de fendas, interrogantes, claroscuros, dúbidas, enerxía, forza, medos.
A cultura galega está «aberta por reformas», como di o programa que Xurxo Souto ten na Radio Galega. É unha xanela aberta pola que poden entrar e saír moitas cousas, porque as potencialidades son amorosas.
[Na fotografía, Cid Cabido e Fran Alonso, a finais dos anos oitenta]
Homenaxe a X.L. Méndez Ferrín
Xaneiro 25, 2009O día 6 de febreiro celebrarase en Vigo o Acto de Homenaxe Nacional a X.L. Méndez Ferrín, con motivo do seu 70 aniversario e da presentación do libro A semente da nación soñada. Homenaxe a X.L. Méndez Ferrín, coeditado por Sotelo Blanco e Xerais. O acto, que se realizará no Auditorio do Centro Social Caixanova de Vigo (rúa de Policarpo Sanz, 26), comezará as 20:00 horas. Entrada libre.
Unha vez finalizado o acto de homenaxe, a partir das 22:00 horas celebrarase unha cea no Pazo Os Escudos, en Alcabre, Vigo. As persoas interesadas en participar na cea deberán ingresar 35€ (trinta e cinco euros) por cuberto na conta de Caixanova número 2080 0065 36 0000388555, antes do 30 de xaneiro de 2009. Para poder acceder á cea é imprescindible a presentación na porta do restaurante do xustificante de ingreso.
«O libro das viaxes imaxinarias», crítica de Tati Mancebo
Xaneiro 25, 2009Tati Macebo publica no blog «O levantador de minas» unha crítica sobre O libro das viaxes imaxinarias, a aclamada obra de Xabier P. DoCampo e Xosé Cobas. Recollemos o texto na súa totalidade:
Nun momento en que, polas circunstancias do mundo que ocupamos, debemos aspirar a soños moi altos, aparece O libro das viaxes imaxinarias de Xabier P. Docampo e Xosé Cobas.
Do mesmo modo que acertamos plenamente coas nosas previsións sobre O último que queda é o amor, augurámoslle a O libro das viaxes imaxinarias o destino que só pode ter un libro redondo, un libro que, como todos os grandes, crea un mundo e convida a habitalo.
Un dos seus maiores logros, e non será trasladábel a outras linguas mais ese é o noso privilexio, radica na mestría de DoCampo para levar o lector a unha regresión, a un estado de graza en que pode percibir como propio un mundo aparentemente tan alleo, inzado de mecanismos e seres marabillosos, a través da lingua: léxico, sintaxe, fraseoloxía, connotación… Todo soa tan absolutamente galego que podemos reconstruír ese mundo no noso pensamento coas nosas referencias máis profundas. As cidades imaxinarias está entre eses, entre eses grandes libros da nosa literatura, os que farán Historia, tendendo xentilmente a súa man ao acaso.
Longa vida ás Cidades imaxinarias.
Jaureguizar entrevistado por «Galicia hoxe»
Xaneiro 24, 2009Jaureguizar non para. Hoxe é entrevistado en Galicia hoxe con motivo da publicación d´O Globo de Shakespeare, a súa premiada novela que cada vez está recollendo maior interese por parte da crítica, dos medios e do lectorado. Recollemos algúns fragmentos da entrevista:
A obra foi recoñecida o xuño pasado co VIII Premio Terra de Melide. «As vendas van ben, as críticas son boas… din que é o meu mellor libro», comenta o autor, que xa está traballando noutras dúas novelas. De feito, onte atendeu este xornal por teléfono desde a cafetería na que estaba escribindo no seu ordenador. «O ano ten catro trimestres, que dan para escribir unhas tres novelas. O que fago é levantarme ás seis da mañá, ir correr e mentres ir pensando o que vou escribir, e despois escribo ata as oito. Soa un pouco espartano, pero é que máis tarde é moito máis difícil: tendo dous pícaros e co traballo…», di.
O Globo de Shakespeare é, segundo explica o seu autor, un «libro sobre os soños que temos todos: de poder, de amor, de éxito… Fala do espectáculo, e do fracaso, a través dun personaxe, Ricardo, un titiriteiro que ten un teatro nun paseo, e que lle ten envexa a un escritor de éxito. Chega un punto no que o seu fracaso é tal que só actúa para unha prostituta á que lle paga por velo actuar». A novela tamén aborda as relacións de poder en grupos pequenos, a partir dunha trama sobre a busca do manuscrito do Hamlet nun pazo de Ribadeo.
Jaureguizar en Vigo
Xaneiro 24, 2009Jaureguizar presentou onte a novela gañadora do Premio Terra de Melide O Globo de Shakespeare na libraría Librouro de Vigo. Faro de Vigo aproveitou para facerlle unha entrevista ao novelista de Ribadeo.
«Guía das plantas de Galicia»
Xaneiro 23, 2009Onte foi presentada en Gondomar, no marco do ciclo «Queremos tanto aos libros» do IEM, a Guía das plantas de Galicia de Xosé Ramón García. A obra foi presentada por Xilberte Manso, membro da xunta de goberno do IEM, do que recollemos as palabras finais da súa intervención:
Eu confeso, pecador, que teño sentido e vivido coa vista uns inmensos campos de trigo abagañados de mapoulas bermellas baixando da Serra de Ronda cara a Málaga, que me petaron nos ollos como o mellor cadro de Van Gogh, Matisse ou calquera outro impresionista. Dende aquil día, as mapoulas que eu tiña como plantas que nacen illadas, en pequenos grupos familiares, xa non son o mesmo e sempre están aí, nas miñas lembranzas cando vexo unha en calquera lugar.
O ouvido tamén ten os seus ecos vexetais. Lembro o son dos froitos das xestas estralando, cando o sol fende as testas na miña terra nai, aló en agosto, no Montealegre ourensán ao pé da Cruz onde nacín, un monte cargado de historia e de lembranzas da nenez. Tamén as piñas ao soltar os piñóns dos piñeiros mansos. Estea onde estea, as leguminosas no verán, ao estalar e ceibar as sementes, lévanme ao meu Montelaegre da infancia.
O tacto. Quen non se deixou acariñar pola herba das cóxegas, ou non pasou por riba do gramón descalzo, ou andou a rebolos cos ollos pechos por un lameiro abaixo, ou na beira dun río o corpo nu e a pel enriba das margaridas (tempos aquiles de reivindicación do nudismo).
O gusto. Cantas e cantas son as plantas que comemos. Todos temos algunha preferida. Pero eu lembraría as máis montesías, como as apóutegas que de nenos buscabamos ao pé das raíces das carrascas, ou o néctar da flor da borraxa, as acedeiras que percurabamos nos muros vellos e nas paredes e deixabamos que se fosen desfacendo entre a lingua e o padal sen mastigar.
E para rematar o olfato. As evocacións poden ser infinitas pois é un dos sentidos cos que máis xogan as nosas protagonistas. Dende os perfumes que dicimos teñen fragancia a… a que sexa. Ata os milleiros de arrecendos que cando paseamos por un lugar nos levan a ises recunchos íntimos que temos gardados na memoria dos afectos e os sentimentos. A herba despois da seitura é para min un dos máis evocadores; outro é o arrecendo do xazmín pola noite, que me leva a terras da xudería cordobesa nunha noite de san Xoán; ou o arrecendo a azahar do patio dos laranxos da Mezquita escoitando a Siniestro Total cantar Miña terra galega.
Todos temos aí algún olor, aroma ou fragancia que abre a billa da nosa emoción, para ben e para mal. Seguramente máis veces para ben, pois se algo ten o noso cerebro é a capacidade de seleccionar as lembranzas deixando que as boas ocupen máis espazo que as malas no noso disco duro.
Así que non quero aburrirvos con máis lerias, só pretendía explicar o moito que as plantas poden significar na vida dunha persoa e os grandes valores e importancia que teñen. De aí que o coñecelas axuda moito a protexelas e respectalas, e a obra de Xosé Ramón para min é unha compañeira moi apreciada pois, como dicía antes, axúdame a manter vivos tódolos sentidos e tódalas ansias para vivir en plenitude a grande riqueza que atesoura a nosa terra, e que nos vén dada moi xenerosamente.
Grazas pola labor de anos e o saber que compartes con todos nós. Grazas a Xerais por axudar a que chegue a tódolos recantos do país unha obra coma esta, que debería estar en tódolos fogares para ler e compartir camiñando polos campos en calquera época do ano, ou sentados á sombra dunha árbore pondo a proba os cinco sentidos. Co trebo de catro follas do x de Xerais que leva na portada o libro, toda a sorte para o libro e para o seu autor.
«Conversas con Emilio Pérez Touriño»
Xaneiro 23, 2009A vindeira semana chegará ao almacén Conversas con Emilio Pérez Touriño, libro da colección «Crónica» no que se recollen dúas longas entrevistas co actual Presidente da Xunta de Galicia realizadas polo xornalista lucense Manuel Lombao.
Emilio Pérez Touriño debulla nesta longa conversa con Manuel Lombao as claves do seu proxecto político para Galicia en asuntos tan decisivos como as infraestruturas, a ordenación territorial, a reforma estatutaria, a educación ou a lingua. E xunto ao político que dirixe o rumbo do país desde a presidencia da Xunta de Galicia, comparece tamén neste libro un Pérez Touriño apenas coñecido polo público, que nos fala das súas orixes familiares, da súa adolescencia, das súas experiencias militantes e da súa vida académica, así como das circunstancias e motivos que o levaron a renovar o socialismo galego e a liderar o proceso que conduciría á formación do primeiro goberno de esquerdas da historia de Galicia.
Manuel Lombao (Lugo 1943) é licenciado en Ciencias da Información e en Dereito pola Universidade Complutense de Madrid. Traballou na SER e na COPE, en Lugo e en Madrid, e en RTVE, durante 30 anos. Foi director de RNE e de TVE en Galicia, subdirector de Informe Semanal, director do programa Parlamento e director dos centros territoriais de TVE, así como vicepresidente de CIRCOM, organización de 300 televisións públicas rexionais europeas. Ten varios premios de radio e televisión. Profesor e escritor, é actualmente o director do Instituto Cervantes en Brasilia.
Conversas con Emilio Pérez Touriño será presentado en Santiago o luns 2 de febreiro.
Carlos G. Reigosa, novas reedicións
Xaneiro 23, 2009Nesta semana entraron no almacén dúas reedicións de senllas novelas de Carlos G. Reigosa: a décimo quinta de Crime en Compostela, gañadora do primeiro Premio Xerais, hai agora vinte e cinco anos, e a quinta de Pepa A Loba. Tras a recente publicación de Laxeiro por si mesmo, Reigosa agarda a publicación na primavera da novela pola que obtivo o Premio Torrente Ballester de narrativa 2008, A vida do outro. Os nosos parabéns ao autor da Corda por esta magnífica xeira.
«A clase», candidata aos Óscar
Xaneiro 23, 2009A película de Laurente Cantet Entre les murs (A clase), baseada na novela homónima de François Bégaudeau, foi declarada onte como unha das cinco candidatas ao Óscar á mellor película en fala non inglesa. A película, que xa obtivera a Palma de Ouro de Cannes 2008, foi estreada o pasado venres e pode verse en dúas salas galegas. A edición galega da novela, traducida por Xavier Senín e Isabel Soto, xa está tamén dispoñible nas librarías.
Entrevista a Xosé Ramón Pena
Xaneiro 23, 2009«Fervenzas literarias» publica unha longa entrevista con Xosé Ramón Pena con motivo da publicación da súa máis recente novela, A batalla do paraíso triste. Recollemos algúns parágrafos do texto:
Introduce no libro dúas voces narrativas que conxugan ficción e investigación. Por unha banda está Fernando Pena Freitas, unha voz que conta a historia desde a vivencia persoal e por outra a do historiador, que o fai desde o perspectivismo que ofrece a Historia.
Para min o fundamental á hora de comezar a escribir un novo libro é establecer o punto de vista. Isto é, como podo ou vou contar a historia, desde que perspectiva.
Daquela eu quixen escribir unha historia verosímil, e para poder contar determinados episodios tiña que botar man dun segundo narrador, xa que Freitas non podía asistir el mesmo a todo o que conta. A partires de aí é cando xurde a figura do narrador. Un narrador que, nunha primeira versión da novela, participaba minimamente. Nas seguintes foi adquirindo maior dimensión, foi pedíndome máis importancia na historia.
Eu necesitaba desa conxunción de voces para obter o resultado final do libro. Se nun comezo Freitas ocupaba o noventa por cento, na versión definitiva hai un certo equilibrio entre Freitas e o historiador. Esas dúas voces permitíronme introducir matices que creo que fornecen un segundo punto de vista e axuda a crear esa verosimilitude ao relato.
[…]
Situaba a xénese de A batalla do paraíso triste a comezos dos 80. Cómo foi o proceso e a culminación da novela?
Cómo comentaba anteriormente, tiña por unha banda a historia de Freitas con Catarina e por outra o meu interese por este período histórico e a intención de facer algunha cousa con ese material. Partindo desa base, esta foi a novela que máis rápido escribín, tardei só catro ou cinco meses cando con outras estiven traballando moito máis tempo. Para min foi unha sorpresa empregar tan pouco tempo cando normalmente dedico entre un ano e ano e medio. E iso que moitos dos diálogos tiven que refacelos xa que me saíron de primeiras en portugués.
«O Globo de Shakespeare», Jaureguizar en Vigo
Xaneiro 22, 2009Mañá, 23 de xaneiro, ás 20:00 horas presentarase na Libraría Librouro de Vigo O Globo de Shakespeare, a novela de Jaureguizar gañadora do Premio Terra de Melide 2008. No acto o autor conversará arredor da obra con Manuel Bragado, director da editorial.
«Amancio Amigo e o demo da botella», crítica en «Faro da Cultura»
Xaneiro 22, 2009María Navarro publica hoxe en «Faro da Cultura» unha crítica sobre Amancio Amigo e o demo da botella, a segunda das entregas da serie protagonizada polo mago creado por Xosé Miranda e ilustrada por Patricia Castelao.
«Conexión Tubinga», primeira crítica
Xaneiro 22, 2009Montse Pena Presas publica hoxe nas páxinas do «Faro da Cultura» o que é a primeira crítica de Conexión Tubinga, a novela de Alberto Canal, finalista do Premio Xerais 2008.
«O señor Lugrís e a negra sombra», 2ª edición
Xaneiro 21, 2009Está chegando as librarías a segunda edición d’ O señor Lugrís e a negra sombra, a novela máis recente de Luís Rei Núñez. A novela non só conseguiu o apoio dos lectores e lectoras, que supón esta segunda edición, se non que tamén recibiu dous dos máis importantes premios á obra xa editadas: o Premio da Crítica española 2008 e o Premio Irmandado do Libro ao mellor libro do ano 2007. Así mesmo, os críticos expresaron a súa admiración. Ramón Nicolás escribiu en La Voz de Galicia: «Luís Rei ofrece unha das novelas máis compactas e solventes entre as publicadas entre nós nos últimos tempos.» Pola súa banda, Armando Requeixo escribiu en Faro da Cultura: «… o libro é asemade un mergullo e pleno pulmón nas físgoas submarinas do complexo océano Lugrís.»
Novela ou realidade? A pregunta que moitos lectores deste libro se formularán é a mesma que sen dúbida se lle presentou milleiros de veces ó gran pintor e escritor Urbano Lugrís (A Coruña, 1908-Vigo, l973) mentres era arrastrado polo río dunha existencia sometida a toda clase de vaivéns. Outro caudal, de tinta e testemuños, é o que lle serviu de base a Luís Rei Núñez nesta viaxe arredor dunha figura desmesurada coa que, ademais, consegue trazar o fresco de toda unha época de penitencia e un moi veraz retrato de grupo; con mestres en gramática parda, señoritos taram-bainas, artistas dipsómanos, mulleres que fuman, bares de alterne, un ruso “branco” ou os cando-rosos aprendices de literato… en definitiva, a fauna que opta polo exilio da bohemia cando o única vía de escape, na inacabable invernía dun réxime inxusto, consiste en contar co talento innato de Pucho Boedo, fenómeno da canción, ou de Luís Suárez, grande astro do balompé muncial. En tempos de descrédito para as apostas de calado, Rei Núñez sorpréndenos construíndo unha obra que, sen deixar de ser rigorosamente contemporánea, é de clara estirpe cervantina. Novela, si; mais tamén realidade. Como a vida.
Entrevista a Xesús Alonso Montero
Xaneiro 21, 2009Jorge Lamas entrevista en La Voz de Galicia ao profesor Xesús Alonso Montero con motivo da chegada ás librarías de Letras Galegas, o máis recente dos seus títulos de ensaio publicados por Xerais.
«Limpeza de sangue», lectura dramatizada
Xaneiro 20, 2009O día 26 de xaneiro, luns, ás oito da tarde na sede da SGAE en Santiago, na rúa das Salvadas, realizarase unha lectura dramatizada de Limpeza de sangue, a obra de Rubén Ruibal gañadora do Premio Nacional de Literatura Dramática 2007. Dirixe Santi Prego e conta cos actores Sergio Zearreta, Josito Porto, Xavier G. Pan, Fernando Morán, Monica García, Mónica Camaño, Xavier Deive e Víctor Mosquera. Do ambiente sonoro encárgase Anxo Graña. E conta co apoio da Asociación de Actores e Actrices de Galicia.
«Riofero», novela de Xelís de Toro
Xaneiro 20, 2009Na última semana do mes de xaneiro chegará ás librarías Riofero, a máis recente novela de Xelís de Toro.
O río marca unha dirección e abre unha viaxe. As personaxes de Riofero, a última novela de Xelís de Toro, suben río arriba: fuxidas e búsquedas. Vidas fracasadas ou aventureiras, todo serve de alimento ao espírito voraz do río. Un Riofero de lendas e pantasmas. Un Riofero de humanos que tornan feras e vidas que esvaen ata converterse en sombras. Con Riofero, Xelís de Toro, lánzase na compaña dunha curiosa tropa de personaxes na búsqueda do crisol da literatura, a maxia, o secreto talismán, en palabras do autor «eu apuntar apuntei ao corazón da literatura, mais era de noite e a besta movíase, pero eu apuntar apuntei e disparar disparei, iso é o único que importa».
Pode consultarse o espazo na rede de Xelís de Toro.
«Guía das plantas de Galicia», presentación en Gondomar
Xaneiro 20, 2009O vindeiro xoves, 22 de xaneiro, presentarase en Gondomar a Guia das plantas de Galicia de Xosé Ramón García. O acto organizado polo Instituto de Estudos Miñoranos, encadrado no seu ciclo «Queremos tanto os libros», terá lugar ás 20:30 horas na sede do IEM (Avenida da Feira 10, baixo). A presentación do autor correrá a cargo de Xilberte Mando de la Torre.
A Guía das Plantas de Galicia, do prestixioso botánico Xosé Ramón García, é un instrumento imprescindible para o coñecemento básico da actual flora do noso país. A partir dunha terminoloxía sinxela, permítenos a determinación polo miúdo das especies que os estudosos e afeccionados poden atopar nas saídas ao campo ou nos paseos polo seu contorno.
O libro comeza cunha introdución xeral na que se trata da recolección, preparación e conservación das plantas, nomenclatura botánica, posibilidades de internet e xeoloxía de Galicia. Inclúese normativa legal sobre protección dos hábitats naturais, o Catálogo galego de especies ameazadas e o Rexistro de especies de interese galego. Logo, aborda a obra as claves dicotómicas que permiten a determinación ata o nivel de especie, para entrar nas fichas descritivas das familias e nas 1.386 especies (a maior parte das que aparecen en Galicia), indicándose o nome considerado correcto, sinónimos, nomes populares en galego e castelán, descrición –con especial atención ás características que teñen valor diferencial–, hábitats máis habituais e época de floración.
A Guía das Plantas de Galicia contén, ademais, máis de 1.000 fotografías que ilustran o aspecto xeral da planta ou aspectos relevantes para a súa identificación, así como debuxos nos casos en que se considera oportuno. Esta obra monumental remata cun vocabulario en que se glosan os termos empregados.
«Fervenzas Literarias», O mellor de 2008
Xaneiro 20, 2009«Fervenzas Literarias» acaba de dar a coñecer o resultado da enquisa entre os seus lectores para escoller O mellor de 2008.
Temos que agradecer que Xerais fose considerada como «Mellor editorial do ano», así como celebrar que Marcos Calveiro fose o «Mellor autor», Xosé Cobas «o mellor ilustrador» e a obtención dos premios nacionais de ensaio e literatura infantil por Justo Beramendi e Agustín Fernández Paz considerados como o «Mellor acontecido de 2008». Ademais, envarias modalidades resultaron gañadores títulos publicados pola editorial:
Mellor libro de narrativa adultos do ano: Festina lente de Marcos Calveiro.
Mellor libro de ensaio adultos do ano: Os Grouchos de Manuel O’Rivas.
Mellor libro xuvenil do ano: O libro das viaxes imaxinarias de Xabier P. DoCampo.
Mellor portada infantil/xuvenil do ano: O libro das viaxes imaxinarias.
«A lúa dos Everglades», crítica de Alfredo Ferreiro
Xaneiro 19, 2009Alfredo Ferreiro publica no blog «O levantador de minas» unha crítica sobre A lúa dos Everglades, a novela de Xosé Manuel Marcos, Premio de Narrativa Terra de Melide 2007. recollemos o derradeiro parágrafo do texto:
[…] Mais non foi así. N’ A lúa dos Everglades (Premio Terra de Melide 2007) é precisamente ese mundo da aldea mítica o que é transportado ás grandes urbes transatlánticas mercé a un recurso de cristalina verosimillanza: a inclusión no argumento do tema da emigración. Así, ademais da aldea que impera como lugar en que os caracteres desta novela tiñan agromado, desenvólvense as vidas ficcionadas tamén nos ambientes urbanos de Bos Aires, Miami e Madrid. Con esta cartografía, a referencia aos pasados aldeáns, inevitábeis até o punto de seren tratados como un estándar eficiente, adúbase con intrigas que tinxen o relato coas cores do asasinato e ilumínase ambiguamente coas penumbras do romance policial. O resultado foi unha narración áxil, imaxinativa, emotiva e amena, é dicir, unha novela recomendábel para un amplo abano de lectores.
«Reconquista. Vigo en armas»
Xaneiro 19, 2009Está a piques de entrar no almacén Reconquista. Vigo en armas de Eduardo Rolland. Este importante libro, editado con motivo do bicentenario da fundación da cidade de Vigo, que introduce ademais novidades historiográficas sobre a cuestión da Reconquista e da Guerra da Independencia en Galicia, estará nas librarías a finais deste mes.
A vila de Vigo vive unha época de prosperidade no amencer do século XIX. A pesca, a salgadura e o comercio incipiente foron a base do crecemento do vello burgo pechado nas súas murallas, que agora conta xa con dez mil habitantes e se vai transformando na verdadeira cabeceira da bisbarra, en clara competencia con Tui, a capital provincial. Pero está a piques de vivir as máis terribles penalidades da guerra que, a comezos de 1809, vai entrar en Galicia a sangue e lume. A plácida e próspera vila vai converterse en cidade. Mais haberá de facelo con indicibles sufrimentos. Reconquista: Vigo en armas de Eduardo Rolland relata, baseándose en sólidas fontes documentais auténticas, en boa parte inéditas, os acontecementos vividos en Vigo e Galicia durante 1809, deixando que falen os feitos e os seus protagonistas. Sen a intención de escribir nin odas nin haxiografías daqueles inimitables galegos, o autor retrata a vida de todos os heroes da Reconquista, algúns deles pouco recoñecidos, como Cachamuíña, o frade Villageliú, o abade do Couto, Juan Bautista Almeida ou o misterioso Villuendas, auténtico axente secreto que operaba intramuros durante a ocupación francesa. Un feito histórico riquísimo en acontecementos que agora, coincidindo co bicentenario da fundación da cidade, se presenta de forma desmitificadora neste libro de investigación fundamental sobre a Reconquista de Vigo.
As novidades de literatura dramática de 2008 por Rubén Ruibal
Xaneiro 18, 2009Na recollida de textos publicados polos medios, que vimos realizando no blog, quedounos atrás o magnífico traballo que Rubén Ruibal publicou o pasado 3 de xaneiro no suplemento «Nós» de Xornal de Galicia (non está publicado na rede). No longo artigo, que ocupa dúas páxinas, o autor fai un percorrido polas novidades de literatura dramática publicadas en 2008. Recollemos algúns dos parágrafos que fan referencia aos títulos editados por Xerais:
Tentando citar todo, emprezo pola literatura infantil. A publicación máis destacada do 2008 foi o Game over de Carlos Losada, gañador do premio Manuel María 2007. […] Levado á escena por Cachuzo, é posible que no 2009, se a lotería das programacións o contempla, teñamos de novo a oportunidade de velo nos escenarios galegos. Ó meu modo de ver, o espectáculo ten un gran problema: lonxe do habitual, non trata ós nenos coma parvos.
[…]
Falando de autores galegos que chegan ós escenarios, se cadra con menos fortuna do que merecen, Roberto Salgueiro publicou no 2008 dentro da Biblioteca Dramática Galega de Xerais o texto gañador do premio Álvaro Cunqueiro 2007, Historia da chuvia que cae tódolos días, no que un pai, un fillo e a moza deste viven, sofren e reflexionan en torno ás miserias da emigración e da permanencia na terra propia nun espazo fechado arredor do cal todo se afunde na auga da chuvia; un texto ben recomendable. Nesa colección publica Raúl Dans, Nachtmarhr, un exercicio de liberdade literaria que non deixa escapar ó lector dende a primeira á ultima liña e sorprende pola riqueza de imaxes escénicas que provoca. Unha das miñas pezas preferidas deste autor e, probablemente, do 2008. Xerais tamén sacou á rúa o libro-CD do IIº certame de Teatro radiofónico do «Diario Cultural» da Radio Galega, a oportunidade de ler teatro sen esforzo de pasar páxinas
sequera; non teñen excusa. Xerais agasallounos, tamén, xa para rematar, coa Obra Dramática de Francisco Taxes, un gran libro que merece, en calquera país teatralmente civilizado, algo mási que esta simple nota nunha sorte de resume anual. Un volume imprescindible. Rubén Ruibal
Amor e literatura
Xaneiro 17, 2009Pep Molist publicou o 8 de xaneiro no suplemento «Quadern» de El País de Cataluña unha crítica da edición catalana d’ O único que queda é o amor de Agustín Fernández Paz, publicada polos amigos de edicións Bromera.
Agustín Fernández Paz, novas reedicións
Xaneiro 16, 2009Ao longo deste mes de xaneiro entran no almacén novas reedicións de diversos títulos de Agustín Fernández Paz: a terceira d’ O único que queda é o amor, o libro de relatos gañador do Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil 2008; a vixésimo terceira de Cartas de inverno, un dos longseller da edición galega (acabou o pasado ano con 68.864 exemplares vendidos, dende a súa primeira edición na primavera de 1995); a décimo terceira de Aire Negro, que aparece revisada e con nova cuberta; a sétima de Corredores de sombra, novela editada hai apenas dous anos; e a sexta d’ A cidade dos desexos, o seu primeiro libro de creación, publicado hai agora vinte anos.
Agustín Fernández Paz agarda a aparición de tres novos libros que publicará Xerais ao longo deste ano 2009. A comezos da primavera, Lúa de Senegal, novela para lectores de 10 anos en diante na colección «Sopa de libros», e A dama da luz, álbum que preparou co ilustrador Jorge Magutis. Xa despois do verán aparecerá na colección «Merlín», Valados. Os nosos parabéns a Agustín por esta magnífica xeira.
«A clase», chega ás librarías
Xaneiro 15, 2009O venres 16 comeza a chegar as librarías galegas A clase, coincidindo coa estrea da película homónima de Laurent Cantet, protagonizada polo autor da novela, François Begaudeau. Tamén se coñeceu hoxe que A clase (Entre les murs) será unha das nove candidatas preseleccionadas que optarán ao quinteto do que sairá o Oscar a mellor película de fala non inglesa.
«Eu falaba para unha clase silenciosa e distraída, Gibran e Arthur dedicábanse a unha análise comparativa das súas calculadoras e rebentaban co riso por non sei que, Michael asentía movendo a cabeza aínda que pensaba noutra cousa e, mentres, os muros daban en inclinarse perigosamente e terminarían por caernos a todos enriba.»
Cunha escrita descontinua que vai captando diferentes escenas e conflitos co alumnado e cos seus colegas, case coma se fose unha cámara, François Bégaudeau constrúe en A clase unha crónica do seu labor como profesor, engadindo mesmo as súas propias dúbidas e poñendo de manifesto as dificultades que xorden nas aulas, nos claustros, entre os adolescentes e tamén entre os adultos. Este é o impactante relato da vida nunha clase multicultural da bisbarra parisina, con todas as tensións entre profesores e alumnos, que en certa maneira traducen o conflito entre ricos e pobres, entre aqueles que posúen o saber e aqueles que non o teñen. Unha adaptación desta novela foi levada ao cine por Laurent Cantet, e a película homónima obtivo a Palma de Ouro do Festival de Cannes 2008. A tradución galega foi preparada por Xavier Senín e Isabel Soto López.
Faleceu Manuel Riveiro Loureiro
Xaneiro 15, 2009A dirección e o cadro de persoal de Xerais expresa o seu pesar polo falecemento do escritor Manuel Riveiro Loureiro. Fecundo narrador, autor dramático e tradutor, publicou en Xerais a novela As cereixas (1988); as pezas teatrais O coronel ten a quen lle escribir (1989) e O prazo (1993), Premio Álvaro Cunqueiro de textos teatrais; ocupándose da tradución dende o ruso de Sete narradores soviéticos (1991) e de dous libros da colección «Xabarín», Un heroe do noso tempo de M.I. Liérmontof e O primeiro amor de Iván Turgiéñef.