María Xosé Queizán protagoniza hoxe unha ampla reportaxe de Faro de Vigo na que Fernando Franco fai un interesantísimo percorrido pola súa traxectoria biográfica e literaria. Así mesmo, María Xosé Queizán publica esta semana n’ A Nosa Terra unha columna de opinión sobre Prostitución: clientes e outros homes, libro das sociólogas Águeda Gómez Suárez e Silvia Pérez Freire.
Archive for the ‘Universitaria’ Category
María Xosé Queizán
Xullo 28, 2009“Prostitución: clientes e outros homes”
Xullo 27, 2009Aquí pode escoitarse a conversa que os responsables do Diario Cultural da Radio Galega mantiveron coas sociólogas Águeda Gómez Suárez e Silvia Pérez Freire, autoras da investigación recollida no libro Prostitución: clientes e outros homes.
“Prostitución: clientes e outros homes”
Xullo 17, 2009Con motivo da presentación na Feira do Libro de Vigo de Prostitución: clientes e outros homes de Águeda Gómez Suárez e Silvia Pérez Freire, Faro de Vigo publica hoxe unha entrevista coa segunda das co-autoras desta investigación pioneira en España.
Actos de Xerais na Feira do Libro de Vigo
Xuño 24, 2009Adiantamos os actos organizados por Xerais na Feira do Libro de Vigo que terá lugar na Alameda dende o 10 ao 19 de xullo.
Día 10 venres, ás 19,00 horas:
Conferencia do profesor Xesús Alonso Montero arredor dos seus libros máis recentes: Cartas de republicanos Galegos condenados a morte (1936-1948) publicado por Xerais e Ramón Piñeiro ou a reinvención da Cultura Galega publicado por Galaxia Intervirán: Xesús Alonso Montero, Manuel Bragado e Carlos Lema.
Día 11 sábado, ás 20,30 horas:
Presentación do libro Sansón Troleyro de Enrique Vázquez Pita. Intervirán: Enrique Vázquez Pita e Manuel Bragado.
Día 13 luns, ás 20,30 horas:
Luís Rei Núñez asinará exemplares do seu libro Monte Louro (Premio Blanco Amor 2009).
Día 15 mércores, ás 20,30 horas:
Presentación do libro Lúa do Senegal de Agustín Fernández Paz. Intervirán: Paula Fernández, Manuel Bragado e Agustín Fernández Paz.
Día 16 mércores, ás 20,30 horas:
Presentación do libro Prostitución: Clientes e outros homes. Análise sociolóxica das ideoloxías sexuais masculinas en Galicia de Águeda Gómez Suárez e Silvia Pérez Freire. Intervirán: Manuel Bragado e as autoras.
“Prostitución: clientes e outros homes”
Xuño 16, 2009As sociólogas da Universidade de Vigo Águeda Gómez Suárez e Silvia Pérez Freire son as autoras de Prostitución: clientes e outros homes. Análise sociolóxica das ideoloxías sexuais masculinas en Galicia, estudo publicado dentro da colección XERAIS UNIVERSITARIA.
Con Prostitución: clientes e outros homes, as sociólogas da Universidade de Vigo Agueda Gómez e Silvia Pérez achegan outro enfoque a análise da industria sexual no noso país axustándose as experiencias dos homes e as mulleres implicados no fenómeno da prostitución en Galicia. O dramatismo con que as mulleres en prostitución viven a súa realidade e a frivolidade e ociosidade na que se recrean os clientes, mostra o controvertido e inquietante semblante desta cuestión. Hoxe, a prostitución na nosa sociedade, convértese no síntoma da “cultura sexual” dominante nas culturas patriarcais e capitalistas. Este libro conta coa inestimable colaboración de Enrique Gil Calvo, un dos sociólogos actuais máis representativos e relevantes das ciencias sociais no noso país, que traballou en diversos libros sobre a cuestión das “masculinidades”.
Xerais, novidades do mes de xuño
Xuño 5, 2009Xerais publicará catorce novidades ao longo deste mes de xuño.
Na colección Xerais Narrativa aparecerán as novelas A vida do outro de Carlos Reigosa, Premio Torrente Ballester 2008 da Deputación Provincial da Coruña; Monte Louro de Luís Rei Núñez, Premio Blanco Amor 2009; e Pirata de María Reimóndez. Títulos, ambos os tres, que estarán nas librarías durante a primeira quincena do mes.
Na colección Xerais Crónica publicarase Cartas de republicanos galegos condenados a morte (1936-1948) de Xesús Alonso Montero.
Na Biblioteca Dramática Galega, coeditada con AGADIC, publícase Pingueiras e tarteiras, peza de Teresa Gonzaléz Costa gañadora do IIIº Premio Manuel María Literatura Dramática Infantil, ilustrada por Rodrigo Chao.
Na colección Fóra de Xogo aparecerá a novela Sansón Troleyro de Enrique Vázquez Pita e o poemario Makinaria de Carlos Negro.
Na colección Sopa de Libros Andanzas de Xan Farrapeiro de Ramón Caride, ilustrado por Marisa Irimia, e Lúa do Senegal de Agustín Fernández Paz, ilsutrado por Marina Seoane.
Na colección Xerais Universitaria publicarase O po dos días. Introdución temática á poesía de Aquilino Iglesia Alvariño de Luciano Rodríguez Gómez, libro que aparecerá coincidindo co cen aniversario do nacemento do poeta de Seivane o 12 de xuño de 1909; e Prostitución. clientes e outros homes. Análise sociolóxica das ideoloxías masculinas en Galicia de Águeda Gómez Suárez e Silvia Pérez Freire.
Por último, publicarase o volume que recolle as obras gañadoras dos Premio 2008 de relato, poesía e tradución da Universidade de Vigo e os Cadernos do Profesorado de Primaria e Secundaria para o vindeiro curso 2009/2010.
«A clase» e «O valor do envoltorio»
Abril 8, 2009Hai varios días recollemos a anotación de Cesare sobre Mal de escola. Hai uns días publicou outras dúas anotacións de grande interese, a primeira sobre A clase e a segunda sobre O valor do envoltorio.
Se non me chegaba xa coa lectura de Mal de escola, vou a embiburgo pra ver o fantástico filme Entre as paredes, traducido aí embaixo como A clase, e publicado como novela tamén con ese estraño e, ao meu ver, distorsionador nome — editores, pronúnciense,
—. Porque nese espazo que construíu a escola moderna (republicana (!) chámanlle os franceses), nada funciona. O filme é devastador: o catálogo de malas prácticas pedagóxicas repásase de principio a fin, e a falta de respecto constante dos mestres cara aos alumnos vai medrando ata que remata da única maneira que pode facelo: o profe chámalles putas ás alumnas e un estudante é expulsado nunha escena tan dantesca que poderían asinar os irmáns Marx, se non fose porque o conto é triste.
Tiña boa razón un dos comentaristas deste blog: a escola é o último espazo moderno nun mundo postmoderno. Pouco mudou a escola dende o tempo que estudaron os nosos pais, agás polas zostregadas nas unllas e demais castigos físicos. E pouco mudará se seguimos a aparvar a perdiz: unha reforma urxente é necesaria, de currículo, de actitudes e de dinámicas, que sitúe os rapaces no centro, e non os profesores… ata de arquitectura dos centros debe mudar, pra axudar a romper ese espazo artificial e absurdo creado entre as paredes. Cesare.
«Ramón Piñeiro e a estratexia do galeguismo»
Abril 7, 2009Os compañeiros da editorial Galaxia fanse eco no seu blog da aparición de Ramón Piñeiro e a estratexia do galeguismo, o libro de Xosé Ramón Rodríguez Polo. Agradecemos tan magnífica deferencia.
«Ramón Piñeiro e a estratexia do galeguismo»
Abril 2, 2009Pilar Ponte publica no «Faro da Cultura» d ehoxe unha crítica de Ramón Piñeiro e a estratexia do galeguismo, o ensaio de Xosé Ramón Rodríguez Polo.
Entrevista a Ana Iglesias
Marzo 16, 2009A Nosa Terra publica esta semana unha entrevista a Ana Iglesias, a sociolingüista autora de Falar galego: “no veo por que” e coautora dos libros de Lingua e Literatura de 1º e 2º de Bacharelato de Xerais. Na conversa abórdanse algunhas cuestións de actualidade como a polémica arredor da iniciativa de derrogar o decreto de fomento do galego no sistema educativo.
«Os materiais curriculares en Galicia»
Febreiro 20, 2009Chega ás librarías durante estes días de entroido Os materiais curriculares en Galicia, a investigación de Xesús Rodríguez Rodríguez, profesor da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago.
Os materias curriculares en Galicia é froito dunha investigación do profesor Xesús Rodríguez Rodríguez que nos achega á percepción que o profesorado de Galicia manifesta sobre os libros de texto e materiais curriculares impresos que foron elaborados para empregar na súa práctica docente; é, ademais, un achegamento á opinión do profesorado para dar a coñecer as súas valoracións acerca dos recursos e materiais que foron pensados para o seu uso. Qué grao de coñecemento posúe o profesorado dos materiais que foron elaborados para axudalo na súa actividade docente?, Que funcionalidade presentan?, Qué tipo de materiais se empregan habitualmente?, Cales son as principais necesidades de recursos e de formación que sinala o profesorado?, Que opinión existe das características que presentan os materiais?, Que tipo de materiais elabora o propio profesorado na escola?
Este libro quere servir de guía e preocupación para reflexionar sobre estas e outras cuestións, tan importantes para o desenvolvemento dunha práctica educativa de calidade. As valoracións e os resultados que aparecen recollidos neste libro constitúen un apoio moi importante para os distintos colectivos que desexen coñecer o que acontece na práctica educativa cos materiais e tamén para as institucións e profesionais que teñen que tomar decisións sobre os mesmos. Este estudo tamén dá a coñecer en que estado se encontra a teoría que se formolou ao redor dos materiais nas Reformas Educativas e comprobar en que medida se reflicte e exerce influxo na práctica.
«Educación para a cidadanía e os profesores»
Febreiro 18, 2009Miguel Anxo Santos Rego e María do Mar Lorenzo Moledo, profesores ambos os dous da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago, acaban de publicar Educación para a cidadanía e os profesores. Visión e desafío. Este ensaio continúa a novidosa liña de ensaismo pedagóxico iniciada tan exitosamente por eles nas súas obras anteriores publicadas na mesma colección Inmigración e acción educativa en Galicia e Universidade e construción da sociedade civil en Galicia. Esta nova entrega de grande actualidade chegará ás librarías galegas na vindeira semana.
A cidadanía plena é o froito da democracia, do mesmo xeito que non hai democracia digna sen fornecer axeitadamente a aprendizaxe e o desenvolvemento cívico de todas as persoas, en especial das máis xóvenes. Aínda que non lle corresponda en exclusiva, a escola e o sistema educativo como un todo están chamados a realizar, co máximo coidado pedagóxico, tan importante cometido social e moral. A recente incorporación ao currículo do noso país dunha materia autónoma co nome de «Educación para a Cidadanía e os Dereitos Humanos» coloca no primeiro plano o importante papel do profesorado nesta dinámica, tamén instructiva, que precisa claridade, calidade e compromiso. Ben sabemos que ningún cambio é posible en educación sen os profesores. Razón de máis para que este libro dos profesores Miguel Anxo Santos Rego e María do Mar Lorenzo Moledo sitúe o seu epicentro na perspectiva coa que os docentes están asumindo un programa de acción educativa con grandes alicerces para os individuos e as comunidades.
«Letras Galegas», novo libro do profesor Xesús Alonso Montero
Xaneiro 8, 2009Chega ás librarías un novo libro do profesor Xesús Alonso Montero. Letras Galegas. Explicadas (de 1962 a 1980) en Triunfo e noutras revistas de fóra de Galicia recolle 38 traballos que publicou en revistas extragalegas, algunha tan importante e tan eficaz, para a concienciación democrática e progresista de España, como Triunfo (Madrid). Son quince os textos seus aparecidos no semanario que capitaneaba a mente lúcida de Eduardo Haro Tecglen, catro deles moi extensos. Boa parte dos traballos, nesta e noutras revistas, son anteriores á morte de Franco (novembro de 1975), o que quere dicir que foron escritos para seren publicados dentro das coordenadas censorias do franquismo, se ben do tardofranquismo. Outra parte son posteriores á morte de Franco. Deles, os publicados entre novembro de 1975 e abril de 1977 (legalización do Partido Comunista), aínda esixían do autor un autocontrol expresivo non pequeno. En palabras de Xesús Alonso Montero:
Téñase en conta que eu non escribía como un liberal de dereitas ou de centro; eu escribía desde postulados esquerdistas, ás veces decididamente marxistas, falase do problema da lingua, da socioloxía da literatura ou dos escritores rebeldes que nunca oíron a chamada da revolución. Os escritores galegos que eu explicaba ós ‘lletraferits’ de fóra de Galicia eran escritores que estaban coa causa da esquerda, entre eles, Viqueira, Celso Emilio Ferreiro, Luis Seoane, Lorenzo Varela e Neira Vilas. Explicándoos, promocionábaos fóra das nosas fronteiras, consciente sempre de que unha boa parte dos lectores extr-agalegos tiñan unha idea máis ou menos ‘idílica’ e ‘folclórica’ da nosa literatura. A esta causa, a de facer ver que existían nas Letras en galego importantes páxinas cuestionadoras, dediquei unha boa parte do meu traballo intelectual, sobre todo como conferenciante en Madrid, Barcelona, Salamanca, Paris (1967) e mais Buenos Aires e Montevideo (1969). Todo antes da morte de Franco.
«Xénero, parentesco e traballo»
Novembro 6, 2008Maruxa Gestoso publica hoxe en Faro da Cultura a primeira crítica tras a aparición d’ Xénero, parentesco e traballo, o libro no que o Enrique Alonso Población realiza un estudo antropolóxico sobre amuller no concello de Laxe.
«O valor do envoltorio», primeira crítica
Outubro 30, 2008Pilar Ponte publica no Faro da Cultura unha crítica sobre O valor do envoltorio. Un estudo da influencia das TIC nos centros educativos, libro do colectivo Stellae, aparecida nas librarías recentemente.
“O valor do envoltorio”, estudo sobre a influencia das TIC nos centros educativos
Setembro 8, 2008Esta semana aparece nas librarías O valor do envoltorio. Un estudo sobre a influencia das TIC nos centros educativos, preparado polo Grupo Stellae, formado por profesorado da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago e coordinado por Mª Lourdes Montero Mesa.
Este libro está dirixido a todas aquelas persoas que se preguntan como mellorar a educación coa mirada posta nas transformacións das TIC (ordenadores, equipos multimedia de CD-ROM, Internet, televisión dixital, tecnoloxía móbil…), tan omnipresentes en todos os ámbitos da nosa vida cotiá.
A escola enfróntase na actualidade de maneira irreversible, aos retos de incorporación e apropiación das TIC; un dos principais é, sen dúbida, atopar o seu lugar nese proceso en función dos seus propios intereses educativos. Facelo require dun modelo no que teñan acomodo os patróns culturais cos que se socializan a infancia e a mocidade, favorecendo competencias culturais para comprender e utilizar os recursos expresivos das TIC e interpretar os seus discursos en clave sociopolítica. En definitiva, un compromiso cos niveis máis altos para todos os cidadáns no acceso á sociedade do coñecemento.
Hoxe hai máis xente que accede á educación pero, ao tempo, aumenta a disparidade entre aqueles que gozan dunha cualificación suficiente para o mercado de traballo e os que quedan á marxe. O mundo en que vivimos ofrece máis e mellores opcións, pero tamén entraña maiores riscos e incertezas. O fundamental é a capacidade humana para xerar e utilizar o coñecemento de modo eficaz e intelixente sobre unha base en continua transformación. Nada mellor para iso que a educación e formación permanentes. Este libro quere ser así un canto ao valor da aprendizaxe como principio educativo e, de maneira especial, a quen o fai posible: as institucións educativas e o profesorado.
“A represión lingüística en Galicia”, crítica
Xuño 12, 2008Marga Romero publica no Faro da Cultura de hoxe unha crítica sobre A represión lingüística en Galicia, a investigación da profesora María Pilar Freitas Juvino.
Presentación “A represión lingüística en Galicia”
Maio 28, 2008Mañá xoves 29 de maio, ás 20,00 horas, no Paraninfo do IES Valle Inclán, rúa Montero Ríos, s/nº de Pontevedra, terá lugar o acto de presentación do libro A represión lingüística en Galiza no século XX de Pilar Freitas Juvino. O acto contará coa intervención de Andrés Vilán, Anxo Lorenzo, Fran Alonso e a autora.
Entrevista a Pilar Freitas
Maio 10, 2008Con motivo da aparición d’ A represión lingüística en Galicia, El País Galicia entrevista á autora da obra, María Pilar Freitas Juvino. A sociolingüista pontevedresa apunta na entrevista que os puntos de partida do seu traballo foron “os estudos xa clásicos de Xesús Alonso Montero e Pilar García Negro, entre outros. A bibliografía de autores galegos está na base, ao igual que os investigadores internacionais. Tamén pretendiamos facer unha nova cronoloxía da lingua e unha cousa vaite levando a outra. No tocante á lingua, a promulgación da Lei de Normalización Lingüística en 1983 marca un punto de inflexión e aí puiden deter a análise. Ao respeito da literatura, cheguei ata fins do século porque non hai unha data que faga de chave. Acumulei máis dun cento de citas de libros de creación!”.
“A represión lingüística en Galicia”
Abril 25, 2008Inmersos nun profundo debate sobre o futuro da lingua, acaba de chegarnos ao almacén A represión lingüística en Galiza no século XX (Aproximación cualitativa á situación sociolingüística de Galiza), o voluminoso libro (case 900 páxinas) profesora pontevedresa María Pilar Freitas Juvino. Cremos que estamos diante dunha contribución decisiva e moi clarificadora para abordar este debate fulcral para a sociedade galega. O libro da profesora Freitas estará nas librarías a comezos do mes de maio.
Nun momento en que desde algúns sectores minoritarios da sociedade se pide a derrogación da Lei de Normalización Lingüística, en en nome da liberdade, se pretende revogar o decreto polo que se regula o uso e promoción do galego no sistema educativo, ou mesmo se propón lexislar para protexer o castelán fronte á imposición das outras linguas españolas, este libro da profesora María Pilar Freitas Juvino, ven a demostrar que se houbo unha lingua reprimida e perseguida en Galicia esta foi o galego. A represión lingüística en Galiza no século XX sitúase no contexto do contacto, substitución e morte de linguas como resultado, na maioría dos casos, dun proceso de imperialismo lingüístico. Fronte a isto, deféndese o ecoloxismo das linguas como unha caracterización arrequecedora, inherente ao ser humano e necesaria para a súa supervivencia.
Neste libro realízase unha exhaustiva análise das innúmeras agresións sufridas pola lingua galega ao longo do século XX, desde a lexislación emanada polo poder para lograr a imposición do castelán en todo o territorio nacional, ata o desmantelamento de institucións culturais, a persecución dos galeguistas ou a desprezo e a burla sufrida polos galegofalantes. Ademais, analízase a actitude de institucións como a Real Acaemia Galega ou a Igrexa con respecto da lingua de Galicia. Finalmente, investígase acerca de como esta realidade sociolingüística se viu plasmada na literatura galega, pois a literatura funciona como un espello no que se reflicte, non só a persecución e o desprezo ao galego, senón o complexo de inferioridade que estas actitudes prexuizosas xeraron na sociedade.