Posts Tagged ‘pilar_freitas’

«A represión lingüística en Galiza no século XX»

Decembro 23, 2008

Manuel Rodríguez Alonso publica no Cartafol de Libros unha crítica sobre o libro de María Pilar Freitas A represión lingüística en Galiza no século XX. Recollemos o derradeiro parágrafo do texto:

xg00137501Libro que debe figurar na biblioteca de lingüística de todos os centros e profesores. Mágoa é que estas obras non teñan resonancia nas facultades de filoloxía do resto do Estado, especialmente nos núcleos do pensamento españolista puro e duro. Cando algúns vociferan por aí que nunca houbo leis e decretos que perseguisen o galego, cómpre que lean libros coma este. Tamén debe ser lectura obrigada para os de Galicia bilingüe e mesmo os políticos que queren derrogar as cativas medidas protectoras do galego e que non son quen de pedir que o coñecemento do galego sexa un deber e non só un dereito, como por certo pide o novo Estatuto de Autonomía de Cataluña, aínda que por iso (e outras cousas) estea recorrido perante o Constitucional… Por certo, parabéns para a portada deste libro.

“A represión lingüística en Galicia”, crítica

Xuño 12, 2008

Marga Romero publica no Faro da Cultura de hoxe unha crítica sobre A represión lingüística en Galicia, a investigación da profesora María Pilar Freitas Juvino.

Nova referencia a «A represión lingüística en Galiza no século XX»

Maio 30, 2008

Na sección “Maré” do xornal Galicia Hoxe recóllese unha nova noticia sobre A represión lingüística en Galiza no século XX, de Mª Pilar Freitas, a partir do acto de presentación da obra que se celebrou onte en Pontevedra e no que acompañaron á autora Andrés Vilán, director do IES Valle Inclán de Pontevedra, Anxo Lorenzo, director da súa tese de doutoramento, e Fran Alonso, subdirector para a edición xeral de Edicións Xerais.
A investigadora fixo un repaso polos factores que resultaron máis prexudiciais para o desenvolvemento e normalización da lingua galega durante o século XX, entre os que destacan a infravaloración, o menosprezo e a burla sufridos polos seus falantes.

Presentación “A represión lingüística en Galicia”

Maio 28, 2008

Mañá xoves 29 de maio, ás 20,00 horas, no Paraninfo do IES Valle Inclán, rúa Montero Ríos, s/nº de Pontevedra, terá lugar o acto de presentación do libro A represión lingüística en Galiza no século XX de Pilar Freitas Juvino. O acto contará coa intervención de Andrés Vilán, Anxo Lorenzo, Fran Alonso e a autora.

Entrevista a Pilar Freitas

Maio 10, 2008

Con motivo da aparición d’ A represión lingüística en Galicia, El País Galicia entrevista á autora da obra, María Pilar Freitas Juvino. A sociolingüista pontevedresa apunta na entrevista que os puntos de partida do seu traballo foron “os estudos xa clásicos de Xesús Alonso Montero e Pilar García Negro, entre outros. A bibliografía de autores galegos está na base, ao igual que os investigadores internacionais. Tamén pretendiamos facer unha nova cronoloxía da lingua e unha cousa vaite levando a outra. No tocante á lingua, a promulgación da Lei de Normalización Lingüística en 1983 marca un punto de inflexión e aí puiden deter a análise. Ao respeito da literatura, cheguei ata fins do século porque non hai unha data que faga de chave. Acumulei máis dun cento de citas de libros de creación!”.