Posts Tagged ‘letras_galegas’

«Letras galegas», crítica en «Culturas»

Marzo 5, 2009

alonso-monteroRamón Nicolás publicou o pasado 7 de febreiro no suplemento «Culturas» de La Voz de Galicia unha crítica sobre as dúas novidades máis recentes do profesor Xesús Alonso Montero, entre elas Letras galegas. Explicadas (de 1962 a 1980) en Triunfo e noutras revistas de fóra de Galicia.

Entrevista a Xesús Alonso Montero

Xaneiro 21, 2009

g19p30f1Jorge Lamas entrevista en La Voz de Galicia ao profesor Xesús Alonso Montero con motivo da chegada ás librarías de Letras Galegas, o máis recente dos seus títulos de ensaio publicados por Xerais.

«Letras Galegas», novo libro do profesor Xesús Alonso Montero

Xaneiro 8, 2009

Chega ás librarías un novo libro do profesor Xesús Alonso Montero. Letras Galegas. Explicadas (de 1962 a 1980)  en Triunfo e noutras revistas de fóra de Galicia recolle 38 traballos que publicou en revistas extragalegas, algunha tan importante e tan eficaz, para a concienciación democrática e progresista de España, como Triunfo (Madrid). Son quince os textos seus aparecidos no semanario que capitaneaba a mente lúcida de Eduardo Haro Tecglen, catro deles moi extensos. Boa parte dos traballos, nesta e noutras revistas, son anteriores á morte de Franco (novembro de 1975), o que quere dicir que foron escritos para seren publicados dentro das coordenadas censorias do franquismo, se ben do tardofranquismo. Outra parte son posteriores á morte de Franco. Deles, os publicados entre novembro de 1975 e abril de 1977 (legalización do Partido Comunista), aínda esixían do autor un autocontrol expresivo non pequeno. En palabras de Xesús Alonso Montero:

xg00159201Téñase en conta que eu non escribía como un liberal de dereitas ou de centro; eu escribía desde postulados esquerdistas, ás veces decididamente marxistas, falase do problema da lingua, da socioloxía da literatura ou dos escritores rebeldes que nunca oíron a chamada da revolución. Os escritores galegos que eu explicaba ós ‘lletraferits’ de fóra de Galicia eran escritores que estaban coa causa da esquerda, entre eles, Viqueira, Celso Emilio Ferreiro, Luis Seoane, Lorenzo Varela e Neira Vilas. Explicándoos, promocionábaos fóra das nosas fronteiras, consciente sempre de que unha boa parte dos lectores extr-agalegos tiñan unha idea máis ou menos ‘idílica’ e ‘folclórica’ da nosa literatura. A esta causa, a de facer ver que existían nas Letras en galego importantes páxinas cuestionadoras, dediquei unha boa parte do meu traballo intelectual, sobre todo como conferenciante en Madrid, Barcelona, Salamanca, Paris (1967) e mais Buenos Aires e Montevideo (1969). Todo antes da morte de Franco.