Posts Tagged ‘paula_fernández’

Actos de Xerais na Feira do Libro de Vigo

Xuño 24, 2009

Adiantamos os actos organizados por Xerais na Feira do Libro de Vigo que terá lugar na Alameda dende o 10 ao 19 de xullo.

Día 10 venres, ás 19,00 horas:

Conferencia do profesor Xesús Alonso Montero arredor dos seus libros máis recentes: Cartas de republicanos Galegos condenados a morte (1936-1948) publicado por Xerais e Ramón Piñeiro ou a reinvención da Cultura Galega publicado por Galaxia Intervirán: Xesús Alonso Montero, Manuel Bragado e Carlos Lema.

Día 11 sábado, ás 20,30 horas:

Presentación do libro Sansón Troleyro de Enrique Vázquez Pita. Intervirán: Enrique Vázquez Pita e Manuel Bragado.

Día 13 luns, ás 20,30 horas:

Luís Rei Núñez asinará exemplares do seu libro Monte Louro (Premio Blanco Amor 2009).

Día 15 mércores, ás 20,30 horas:

Presentación do libro Lúa do Senegal de Agustín Fernández Paz. Intervirán: Paula Fernández, Manuel Bragado e Agustín Fernández Paz.

Día 16 mércores, ás 20,30 horas:

Presentación do libro Prostitución: Clientes e outros homes. Análise sociolóxica das ideoloxías sexuais masculinas en Galicia de Águeda Gómez Suárez e Silvia Pérez Freire. Intervirán: Manuel Bragado e as autoras.

“O sombreiro Chichiriteiro”, crítica no “Faro da Cultura”

Xuño 19, 2009

Paula Fernández publicou no Faro da Cultura de onte unha crítica d’ O sombreiro Chichiriteiro, o álbum escrito por Manuel Rivas e ilustrado por Patricia Castelao. Reproducimos o texto na súa totalidade.

Capa o sombreiro chichiriteiro .inddO sombreiro Chichiriteiro, a primeira obra infantil de Manuel Rivas, amosa o regreso do autor coruñés á literatura de ficción pois dende Os libros arden mal as súas publicacións centráranse no ensaio xornalístico. Pois ben, esta volta retorno resulta salientable ao atoparmos un conto infantil apaixonante cheo de fantasía e imaxinación no que ademais advertimos dous niveis de lectura moi diferenciados.

No primeiro destes niveis coñecemos a Simón, un rapaz un chisco apoucado que está a celebrar o día da festa na casa coa familia cando irrompe Chancho Colorao, un home fachendoso que viste un sombreiro con vida propia, o Sombreiro Chichiriteiro, que moi axiña sae da cabeza do seu dono para comezar unha viaxe na compaña do rapaz. Nesta viaxe ademais de comezar unha fermosa amizade, Simón descobre a excitante vida do sombreiro que agacha dentro de si o son da trompeta. Grazas a esta capacidade prodixiosa aprenderá Simón a tocar a trompeta imaxinaria e contaxiarase tamén el da felicidade que provoca en todo o mundo a compaña de tan singular sombreiro.

Mais paralelo a esta lectura máis superficial outro nivel, máis fondo e reflexivo, onde intuímos un cambio en Simón; quen ve medrar a súa autoestima, onde apreciamos defensa da lingua; nas palabras que queren cruzar o río se cadra procurando algo mellor igual ca as persoas que atravesan o estreito en pateras, e onde vemos tamén agromar unha amizade verdadeira entre seres moi diferentes. Unha dobre lectura que enche de significado o que en aparencia semellaría un conto infantil ao xeito usual, e á que quizais deberiamos engadir un terceiro nivel fóra do texto e do que este implica: un nivel plástico que, grazas á calidade de Patricia Castelao, unha das mellores ilustradoras galegas, ilustra a historia fomentando a parte máis máxica desta grazas á súa ensoñación provocadora, ao romanticismo do rostro de Simón e a un estilo moi característico e próximo á animación cinematográfica.

Un conto infantil onde se mesturan ingredientes imprescindibles que mostran o acertado deste achegamento de Manolo Rivas á literatura infantil, a verosimilitude do espazo e do personaxe de Simón á beira do extraordinario mais asombrosamente crible e real sombreiro e por suposto as aventuras da viaxe, que mergullan a quen le nun paseo axetreado e cheo de elementos marabillosos que non deixan indiferente a ninguén. Paula Fernández.

«O libro das viaxes imaxinarias», fantástico agasallo

Marzo 12, 2009

Paula Fernández publica no «Faro da Cultura» de hoxe unha crítica d’ O libro das viaxes imaxinarias escrito por Xabier P. DoCampo e ilustrado por Xosé Cobas. Reproducimos o texto:

librodasv1Fantástico agasallo

Como goza un lector cando atopa un agasallo tan delicioso como este traballado man a man entre Xabier P. DoCampo (Rábade, Lugo, 1946) e o ilustrador Xosé Cobas (Logrosa, Negreira, A Coruña, 1953), un tándem de autores xa coñecido por xenialidades como Bolboretas ou A casa da luz, pero que n’ O Libro das viaxes imaxinarias acada un nivel case que insuperable, que de feito lle valeu o recoñecemento inmediato ao ser considerado o mellor libro ilustrado do ano en 2008.

Son os cadernos dun Viaxeiro que chegan ás mans de quen o edita, quen respecta a literalidade do manuscrito atopado, e que reflicten unha viaxe vista como un regreso a Ítaca, entendida como regreso xa dende o comenzo mais tamén como un xeito de trasladarnos ao noso interior mentres percorremos cidades, camiños, montañas e ríos. Porque o libro recolle os dous cadernos de viaxe da autoría de X.B.R., o Viaxeiro, que se intercalan ordenadamente nas súas páxinas. Un deles describe os lugares visitados, empregando a lingua dunha maneira tan rigorosa que consegue recrear con todo detalle espazos fantásticos e marabillosos, e o outro contén os apuntamentos e debuxos realizados dende Arimoi e Aisia, lendas e pensamentos á beira das súas reflexións máis íntimas.

As cidades, todas coa letra A, e os seus habitantes representan medos, inseguridades,xeitos de pensar ou valores trasladables á sociedade actual malia estaren tinguidos dunha aureola misteriosa, en forma de fortificacións, sequedade ou seres insomnes. E por isto estas cidades son ao tempo espazo, motivo e protagonistas, cada unha coas súas características e acompañadas sempre dun ton melancólico, dun ritmo decadente que guía a quen le polas xornadas do personaxe.

Un agasallo fantástico, respectuoso coa lingua que mostra o amplo e verdadeiro coñecemento que desta ten quen escribe, do seu léxico, dos seus xiros, pero tamén unha obra cunha compoñente pictórica máis que notable, que enche con elementos mínimos máis de sesenta páxinas da obra, que homenaxea a Munch, pero que, sobre todo, visualiza todo o visto polo Viaxeiro sen perder a melancolía e o romanticismo que evocba o texto. Un texto que sen dúbida xa se converteu nun clásico e nun referente da literatura galega. Paula Fernández.

«A vida encaixa»: alegoría contra o totalitarismo

Outubro 30, 2008

Paula Fernández publica no Faro da Cultura unha crítica d’ A vida encaixa, a novela de Eugene, traducida por Emma Lázare e publicada en Sopa de libros.

«Veleno tinto»: relato de aventuras

Outubro 30, 2008

Paula Fernández publica no Faro da Cultura unha crítica de Veleno tinto, a novela de Ramón Carredano publicada en Fóra de Xogo.

«Game over», crítica en «Faro da Cultura»

Outubro 9, 2008

Paula Fernández publica no Faro da Cultura de hoxe unha crítica sobre Game over, a peza de Carlos Losada gañadora do IIº Premio Manuel María de literatura dramática infantil.

«Bertiño Rompetodo», primeira crítica

Setembro 18, 2008

Paula Fernández publica no Faro da Cultura a primeira crítica de Bertiño Rompetodo, o álbum escrito por Ramón Caride e ilustrado por Chus Ferrín, publicado na colección «Merliño».

“Bea”, primeira crítica

Xullo 10, 2008

Paula Fernández publica no Faro da Cultura a primeira crítica sobre Bea, o álbum escrito e ilustrado por Iván Sende publicado na serie “Merliño“.

“Palabras brancas”, crítica

Xuño 5, 2008

Paula Fernández publica na súa sección do Faro da Cultura, dedicada ao seguimento crítico da literatura infantil, un texto ben fermoso sobre Palabras brancas, o poemario de Elvira Riveiro.