Posts Tagged ‘ramon_nicolás’

Celso Emilio Ferreiro, trinta aniversario do seu pasamento

Agosto 28, 2009

cartaz homenaxe celso emilio definitivoMañá sábado, organizado pola asociación Arraianos, celebraranse en Celanova unha serie de actos con motivo do trinta aniversario do pasamento do poeta Celso Emilio Ferreiro (31 de agosto de 1979).

Ás 12 da mañá, realízarase un acto no Alto do Furriolo (A Bola), onde hai anos se inaugurou un mural creado por Xosé Vizoso, para lembrar os represaliados pola ditadura franquista. Alí haberá un recital a cargo de Xosé Luis Méndez Ferrín, Anxo Angueira, Baldo Ramos e membros do colectivo Redes Escarlata.

Xa ás 18.30 horas, no cemiterio de San Breixo de Celanova, os actos da homenaxe popular comezarán cun recital poético con Manuel Vilanova e Victor Campio, así como unha lectura dramatizada dos seus artigos xornalísticos. A velada estará amenizada musicalmente e rematará cun diálogo poético de Ramón Nicolás, especialista en Celso Emilio (recentemente publicou Conversas con Celso Emilio Ferreiro).

“Monte Louro”, crítica de Ramón Nicolás

Xuño 22, 2009

Ramón Nicolás publicou o sábado, 20 de xuño, nas páxinas do suplemento “Culturas” de La Voz de Galicia unha crítica preciosa de Monte Louro, a novela de Luís Rei Núñez gañadora do Premio Blanco Amor 2009.

XG00167401

Espirais de memoria e almas derrotadas

Nabokov afirmou que Tolstói, aludido por certo nesta novela en moi diferentes ocasións, na derradeira etapa da súa vida só se amosaba interesado literariamente por dous únicos temas como eran a vida e a mais a morte. Moito disto, senón esencialmente, encerra este premio Blanco Amor 2009 a través do que se nos posibilita entrar ás veces nos escuros, recónditos e sempre complexos recantos da alma humana.

Monte Louro, así pois, articúlase como unha proposta densa e compacta dividida en catro partes ou compartimentos en absoluto estancos, pois os personaxes saen e entran deles con lixeireza, como así ocorre cos lugares referenciados nela: basicamente Muros, Barcelona e Bos Aires. Cómpre agradecerlle ao autor, así pois, que establecese a ligazón precisa para entrar nese intenso rodopío literario que non é, malia o que poida semellar, un exercicio ficcional de biografismo, nin tampouco, aínda que destaque pola prosa cromática que exhibe, de descritivismo magnetizante tanto nos sentimentos coma nas xeografías (resultan ben documentadas e case transparentes as pasaxes que nos emprazan na Barcelona da posguerra, nun barco que cruza o Atlántico ou no Buenos Aires dos cincuenta e anos posteriores e mesmo non son menos exactas nin orientativas as que nos sitúan nun contexto social ou político concreto), nin sequera por ese cruzamento recorrente de vidas que o sentimento provoca; antes ben, ou complementariamente, é esta unha novela que asenta os alicerces nese proceso polo cal a mente humana é quen, ou non, de volver atrás, conformando unha espiral pola que escoa a memoria; un exercicio que debe ser salvífico e que, por veces, non o é debido ao peso do desarraigo, do desacougo que provoca a separación ou o esgazamento do que se estima porque, non se esqueza, esta é ao tempo unha historia de desamparos, de cicatrices, de almas derrotadas ou doentes e de resistentes robinsonianos.

O libro, así pois, percorre boa parte do século XX desde que un neno se vai criar como un orfo no Muros da posguerra até os anos oitenta no que unha luz, seica, volverá alumear a súa vida. Polo medio vivencias e experiencias construirán o substrato dun ser que xa non é quen, ou non quere, lembrar. Talvez a esa ausencia, suposta, de memoria contribúa unha heteronimia disociativa que tamén é vital, pola cal do orixinario Delio pasará a Artemio, e deste a Iago, e aínda do último a Sombra ou mesmo a Kim…, mais no fondo o pouso da infancia, simbolizado no lugar do Salto, na nai e no pai desparecido, no Muros natal, á sombra do Monte Louro, permanecerá, quéirase ou non, inalterable tras exilios e fuxidas.

Capítulo á parte merece subliñar a plasticidade, transparencia e riqueza lingüística que exhibe este Monte Louro, dotada dun ritmo traballado con intensidade e na que se aprecia un baseamento lírico; alén dun xogo de perspectivas narrativas que, se ben na súa formulación inicial pode chegar a desorientar, suscita moitos interrogantes que logo se entenden como esixencia activa para que o lector vaia cadrando cada peza na súa cuadrícula até chegar a ser parte dun universo de ficción –insisto- sólido e ben erixido. Ramón Nicolás.

Ramón Nicolás entrevistado en “Faro da Cultura”

Maio 28, 2009

farodaculturaA publicación de Conversas con Celso Emilio Ferreiro está recibindo unha grande atención dos medios. Hoxe Natalia Álvarez publica en “Faro da Cultura”  unha entrevista dunha páxina co seu autor, o crítico Ramón Nicolás.

“O ‘Salto do Can”, primeira crítica en “Culturas”

Maio 25, 2009

Ramón Nicolás publicou o pasado sábado, 23 de maio, no suplemento “Culturas” de La Voz de Galicia a primeira crítica d’ O ‘ Salto do Can, a novela coa que debuta o ferrolán Jorge Llorca. Reproducimos  o texto polo seu interese:

XG00164201Anunciada como unha novela -ao tempo que podería clasificarse como unha presada  de relatos-, este O ‘ Salto do Can cómpre saudala como a obra prima dun autor na que se dirixe unha ollada descritiva -descoñezo en que medida a ficción aquí imita á realidade, ou talvez ao contrario-, sobre eses anos setenta, neste caso ben reais e verosímiles. Visión que se erixe desde unha paisaxe moi concreta: a dunha taberna ferrolá, desde a que se ve pasar a vida de siareiros e xentes de variada condición, as máis das veces marcados por peculiaridades que fan deles seres curiosos que van e veñen cos seus trazos intransferibles e que, á vez, serven para testemuñar un tempo e articular un exercicio, se cadra, a medio camiño entre a ficción e a memoria.

Mais supoñamos que, loxicamente, falamos de ficción: alén do intrínseco interese que o libro ofrece para alguén que queira ou poida esculcar nos límites reais da devandita fronteira, o certo é que o libro ofrece un monllo de historias, talvez más propiamente constituirían unha sorte de “semblanzas”, moitas delas gobernadas pola traxedia e a soidade, a través das que circulan Ponciano, o propietario do bar, e Zacarías, un siareiro cego que adiviña as corres…, personaxes que facilitan o acceso para coñecer historias e mundos de corte variado e singular: desde o que encerra Bibián, un curioso perruqueiro, pasando polo espello do escurantismo e miseria do réxime franquista retido en Mercería Dorita, até o denominado segredo de Lady Godiva -unha fidalga vida a menos, estrafalaria e a quen o pobo trata con certa crueldade…- ou mesmo os enigmas que representan o Mahía, un suposto confidente da policía, ou aquel que atesoura o impenetrable mariñeiro Perseus… Encamíñanos, todo isto, a unha conclusión, ao meu ver o mellor do volume, exposta no capítulo Fotografía artística, a través da que se presenta un fotógrafo que vai relatando as súas experiencias tanto persoais como as que se refire á práctica da súa profesión, mercé a un discurso confesional que resulta operativo pra revelar con transparencia un personaxe de carne e óso, con moito de psicólogo e que exerceu o seu oficio con orgullo e habelencia.

Sen dúbida, Llorca amosa soltura para construír un universo que se imbúe as máis das veces do arrecendo popular, contido nunha feliz expresión dun galego rico que foxe da asepsia, e retrata atmosferas con fidelidade e acerto. Malia certas tonalidades ou vernices humorísticos, non sempre conseguidos, e certa reiteración tanto na dinámica da presentación dos protagonistas de cada un dos capítulos como no tránsito por algunhas tramas xa destapadas, por estas páxinas latexan, indiscutiblemente, ganas de contar e facultades para facelo. O primeiro paso está dado e cómpre agardar con interese, abofé. outras entregas do autor. Ramón Nicolás.

Celanova, presentación de “Conversas con Celso Emilio Ferreiro”

Maio 22, 2009

o22c16F2A edición de Ourense de La Voz de Galicia informa hoxe da presentación de Conversas con Celso Emilio Ferreiro celebrada onte na Casa dos poetas de Celanova. No acto participaron Luís Ferreiro (director da Fundación Celso Emilio Ferreiro), Antonio Mouriño (alcalde de Celanova e presidente da Fundación Curros Enríquez), Ramón Nicolás (autor do libro) e Manuel Bragado.

“Conversas con Celso Emilio Ferreiro”

Maio 21, 2009

FV-2009/05/21Xosé Feixó publica no Faro da Cultura unha crítica de Conversas con Celso Emilio Ferreiro de Ramón Nicolás, obra que se presenta hoxe, ás 20:00 horas, na Fundación Curros Enríquez de Celanova.

“Conversas con Celso Emilio Ferreiro”, en Celanova

Maio 19, 2009

Capa_CronicaO xoves, 21 de maio, ás 20:00, na Casa das Poetas de Celanova (rúa dos Poetas 37),  realizarase unha presentación de Conversas con Celso Emilio Ferreiro de Ramón Nicolás. No acto acompañarán ao autor, Luis Ferreiro e Manuel Bragado.

“Conversas con Celso Emilio Ferreiro”, presentación en Vigo

Maio 14, 2009

Capa_CronicaMañá, venres 15 de maio, ás 20:00 horas, na Casa do Libro de Vigo presentarase o libro Conversas con Celso Emilio Ferreiro de Ramón Nicolás. O autor estará acompañado por Xesús Alonso Montero, Luis Ferreiro Loredo e Manuel Bragado.

“Peaxes”, crítica en “Culturas”

Maio 11, 2009

Ramón Nicolás publicou o pasado sábado, 9 de maio, no suplemento “Culturas” de La Voz de Galicia unha crítica de Peaxes, a novela de Santiago Lopo. Reproducimos o texto:

Capa_PeaxesDa man de Santiago Lopo, quen subscribira a novela Game Over, interesante texto co que debutara e fora galardoado co sexto Premio de Novela por Entregas La Voz de Galicia, chega esta nova entrega narrativa que, sen abandonar algún dos trazos que caracterizaron a anterior -gusto polo brevidade e o esencialismo; inclinación pola recreación de argumentos máis ou menos cotiáns- formula arestora unha proposta sinxela e non exenta de orixinalidade: un cobrador dunha cabina de peaxe da autoestrada debulla,  a xeito de diario e como certa liberación catárquica, experiencias e conxecturas que alimentan o que ve desde os vidros da cabina na que traballa. Así pois, sen tregua e aínda que fugazmente, permítesenos acceder a unha visión a un tempo global, mais tamén particular deses automobilistas que van e veñen e respecto dos que reconstrúe, con conxecturas que ás veces acertan e outras non, os seus percorridos vitais, logo de quebrar o illamento, tamén, metafórico, que supoñen tanto a cabina do cobrador como as xanelas dos coches. A novela, mercé  a súa atinada estrutura, tamén fotografa o noso momento contemporáneo, e non só por esa banda sonora continua que rodea cada vida e que caracteriza ou identifica a tantos deles -de Dylan a Louis Armstrong, de Verdi a B.B.King, de Narf a Belanova…-, facendo gala dunha salientable capacidade imaxinativa e esculcadora de actitudes e intereses, onde non se omite a presenza do humor e da ironía no deseño dos personaxes que finalmente, deixan de ser ficción pra converterse en seres de carfne e óso. Ramón Nicolás.

«Conversas con Celso Emilio Ferreiro»

Maio 7, 2009

020NOVicente Araguas publica en Diario de Ferrol unha crítica sobre Conversas con Celso Emilio Ferreiro de Ramón Nicolás.

[Premer sobre a imaxe para ler con maior facilidade.]

Ramón Nicolás, entrevistado por «A Nosa Terra»

Abril 20, 2009

Ramon Nicolás, autor de Conversas con Celso Emilio Ferreiro, é entrevistado por Lara Rozados para A Nosa Terra. Recollemos algúns fragmentos dun texto moi interesante:

72ec3c1a189a18fbccbaf692255b744dbce1597bQue evolución persoal e ideolóxica atopamos no Celso Emilio que responde a estas entrevistas?

Manexei sobre todo entrevistas dos 60 e dos 70. Había algunhas previas, pero notábaselles certa modulación das preguntas e mesmo certa autocensura. Percíbese unha evolución salientábel cando volve de Caracas, e non agocha a acedume. El sentiuse exiliado, o seu non foi unha migración: a situación en Vigo era imposíbel de manter. Os seus proxectos eran botados abaixo por presións policiais, pinchábanlle o teléfono… O seu foi exilio.

[…]

Descubrimos un Celso Emilio pouco abordado: o ensaísta, en concreto como biógrafo de Curros.

Totalmente, é unha faceta en que cumpría afondar máis. Amais de estudar a Curros, ten escritos de carácter político que darían para máis dun libro, dende a súa posición claramente arredista de preguerra até a clandestinidade, sobre todo en Venezuela, el foi un pensador e ideólogo que achegou, a través de pequenos artigos, reflexións moi claras. E tamén foi moi afeccionado aos libros de historia. Hai anos dei a coñecer unha serie de artigos publicados en Faro de Vigo, nun libriño editado en Xerais (Semblanzas, crónicas e artigos de Celso Emilio Ferreiro), e aínda queda bastante del por publicar, sobre todo de preguerra (cando escribía en Guieiro, das Mocidades Galeguistas).

Entrevista a Ramón Nicolás

Abril 16, 2009

Camilo Franco publica hoxe en La Voz de Galicia unha entrevista a Ramón Nicolás con motivo da aparición de Conversas con Celso Emilio Ferreiro. Recollemos algúns parágrafos dunha entrevista moi interesante:

20213913–Celso Emilio Ferreiro é un dos nomes máis coñecidos da literatura galega. ¿Que novidades achega este conxunto de entrevistas?

–Entendín sempre o meu traballo como complemento a anteriores achegas do mesmo carácter que viron a luz hai algúns anos, como as de Porteiro e Perozo ou Freixanes, pero das que aquí prescindo. Trátase de pór de actualidade a súa voz, camiño do seu trinta cabodano, rescatándoa das follas dos xornais e revistas e dispóndoa dun xeito máis efectivo, se se quere, redeseñando o seu perfil. Desde aquelas páxinas que se conservaron fálanos sobre un feixe de asuntos heteroxéneos: desvela datos pouco coñecidos do seu propio perfil biográfico, exprésase con sinceridade sobre o que entende como claves da súa obra ou revela puntos de vista ás veces sorprendentes –pola súa validez, actualidade ou, no seu caso, por seren talvez polémicos– sobre literatura, lingua, política ou Galicia.

[…]

–Como valora a recepción de obra do escritor dende a súa morte?

–Desde o punto de vista da súa obra poética, e tendo en conta que aínda hoxe é un xénero de minorías, entendo que é un poeta «clásico» dos máis lidos, e dos que máis gustan, talvez pola transparencia dos seus contidos, a universalidade dos asuntos tratados e polo ritmo interno que presentan. É evidente que a celebración do Día das Letras no 89 operou como un revulsivo para calibrar a relevancia da súa obra e da súa figura, mais con todo, creo que aínda se poden dar máis pasos para potenciar a súa presenza e valorar con xustiza o seu herdo literario e humano.

«A cabeza de Medusa», crítica en «Culturas»

Marzo 30, 2009

a-cabeza-de-medusa-culturas-28-3-09Ramón Nicolás publicou no suplemento «Culturas« de La Voz de Galicia do pasado sábado unha crítica d’ A cabeza de Medusa, a novela de Marilar Aleixandre, premio Fundación Caixa Galicia de literatura xuvenil.

«A batalla do paraíso triste», crítica en «Culturas»

Marzo 25, 2009

a-batalla-do-paraiso-triste-culturas-21-3-09

Ramón Nicolás publica no suplemento «Culturas» de La Voz de Galicia unha crítica d’ A batalla do paraíso triste, a novela de Xosé Ramón Pena.

«Conversas con Celso Emilio Ferreiro»

Marzo 18, 2009

Hoxe chegaron da imprenta os primeiros exemplares de Conversas con Celso Emilio Ferreiro de Ramón Nicolás. Este orixinalísimo título chegará ás librarías na primeira semana do mes de abril.

Capa_CronicaA través de Conversas con Celso Emilio Ferreiro mergullámonos na significativa persona-lidade dun dos grandes escritores da literatura galega. Da man de Ramón Nicolás, biógrafo e editor da súa obra literaria, rescátase a voz e a palabra do autor celanovés, cando se cumpren trinta anos do seu pasamento, para dar conta da súa opinión política e literaria e para introducirnos no «universo Celso Emilio», que en boa medida goza de plena actualidade e validez. Ramón Nicolás compilou e ordenou, temática e fragmentariamente, as máis das entrevistas que se lle realizaron a Celso Emilio en medios escritos durante a súa vida e, como nun xogo de espellos, recupera o seu criterio e a súa presenza. A súa propia obra literaria, a política, a militancia, as polémicas que protagonizou, a súa perspectiva sobre o ámbito da cultura, a súa opinión sobre cuestións como a lingua galega ou a nación latexan ao longo destas páxinas apaixonantes.

«Monbars o exterminador», crítica en «Culturas»

Marzo 10, 2009

recension-monbars-o-exterminador-rn-culturasRamón Nicolás publicou o pasado sábado no suplemento «Culturas» de La Voz de Galicia unha crítica de Monbars o exterminador, a novela de Hixinio Puentes que obtivo o último Premio Eixo Atlántico de novela galega e portuguesa.

«Letras galegas», crítica en «Culturas»

Marzo 5, 2009

alonso-monteroRamón Nicolás publicou o pasado 7 de febreiro no suplemento «Culturas» de La Voz de Galicia unha crítica sobre as dúas novidades máis recentes do profesor Xesús Alonso Montero, entre elas Letras galegas. Explicadas (de 1962 a 1980) en Triunfo e noutras revistas de fóra de Galicia.

«Un país a medio facer», crítica en «Culturas»

Marzo 2, 2009

fran_vozRamón Nicolás publica no suplemento «Culturas» de La Voz de Galicia unha interesante crítica e entrevista a Fran Alonso con motivo da publicación d’ Un país a medio facer.

Xerais, novidades de marzo

Febreiro 25, 2009

Capa NarrativaNo vindeiro mes de marzo Xerais publicara unha ducia de novidades.

No eido da edición literaria, na colección Xerais Narrativa aparecerán a novela Peaxes de Santiago Lopo e o libro de relatos Para seguir bailando de Francisco X. Fenrández Naval.

En Xerais Crónica publicaranse as Conversas con Celso Emilio Ferreiro preparadas por Ramón Nicolás Rodríguez.

Na serie Letras Galegas a novela de Daniel Ameixeiro Ramón Piñeiro. Os días ocultos.

En Xerais Manuais aparecerá Do orixinal ao libro. Manual de edición técnica de Juan Blanco Valdés.

Capa o sombreiro chichiriteiro .inddNesta entrada editorial da nova primavera particular importancia terá a edición infantil na que se publicará, dentro da colección Xerais Merlín  O sombreiro Chichiriteiro, o primeiro libro infantil de Manuel Rivas, ilustrado por Patricia Castelao.

Así mesmo, na renovada serie Merliño aparecerán catro novos títulos, encadernados en tapa dura: Pinga de chuvia de Ánxela Gracián, ilustrado por David Díaz Trigo; O arco da vella de Charo Pita, ilustrado por Xosé Tomás;  Dona Landra no río revolto de Alberto Varela Ferreiro e Baldrás, o xigante en Vilapedra, libro cedé de Iolanda Eiras, ilustrado por Francisco Bueno.

Por último, na serie de libros ilustrados publicarase Cabalos de vento, curros de pedra, froito da colaboración creativa entre o fotógrafo Xavier Teniente e o pintor Xosé Guillermo, recentemente falecido; e na de materiais didácticos Lingua e Literatura Galegas. probas de Selectividade 2009.

«O señor Lugrís e a negra sombra», 2ª edición

Xaneiro 21, 2009

Está chegando as librarías a segunda edición d’ O señor Lugrís e a negra sombra, a novela máis recente de Luís Rei Núñez. A novela non só conseguiu o apoio dos lectores e lectoras, que supón esta segunda edición, se non que tamén recibiu dous dos máis importantes premios á obra xa editadas: o Premio da Crítica española 2008 e o Premio Irmandado do Libro ao mellor libro do ano 2007. Así mesmo, os críticos expresaron a súa admiración. Ramón Nicolás escribiu en La Voz de Galicia: «Luís Rei ofrece unha das novelas máis compactas e solventes entre as publicadas entre nós nos últimos tempos.» Pola súa banda, Armando Requeixo escribiu en Faro da Cultura: «… o libro é asemade un mergullo e pleno pulmón nas físgoas submarinas do complexo océano Lugrís.»

xg00116001Novela ou realidade? A pregunta que moitos lectores deste libro se formularán é a mesma que sen dúbida se lle presentou milleiros de veces ó gran pintor e escritor Urbano Lugrís (A Coruña, 1908-Vigo, l973) mentres era arrastrado polo río dunha existencia sometida a toda clase de vaivéns. Outro caudal, de tinta e testemuños, é o que lle serviu de base a Luís Rei Núñez nesta viaxe arredor dunha figura desmesurada coa que, ademais, consegue trazar o fresco de toda unha época de penitencia e un moi veraz retrato de grupo; con mestres en gramática parda, señoritos taram-bainas, artistas dipsómanos, mulleres que fuman, bares de alterne, un ruso “branco” ou os cando-rosos aprendices de literato… en definitiva, a fauna que opta polo exilio da bohemia cando o única vía de escape, na inacabable invernía dun réxime inxusto, consiste en contar co talento innato de Pucho Boedo, fenómeno da canción, ou de Luís Suárez, grande astro do balompé muncial. En tempos de descrédito para as apostas de calado, Rei Núñez sorpréndenos construíndo unha obra que, sen deixar de ser rigorosamente contemporánea, é de clara estirpe cervantina. Novela, si; mais tamén realidade. Como a vida.

Xerais 2009: trinta aniversario, 3.000 títulos

Xaneiro 10, 2009

O plan editorial 2009 de Xerais estará marcado polo trinta aniversario de creación do noso proxecto e por superar, a inicios da vindeira primavera, os tres mil títulos editados. Prevemos publicar unhas cento vinte de novidades, cifra moi semellante a dos últimos anos, no abano diversificado das nosas coleccións que abranguen, entre outras, a literatura, a lexicografía, a edición infantil e xuvenil, a edición de libro de texto e materiais curriculares, as guías de viaxe e os libros de agasallo.
Dentro das novidades literarias atenderemos con especial dedicación as tres efemérides de 2009: o «Ano Cabanillas», con motivo do cincuenta aniversario do pasamento do poeta da raza (9 de novembro); o centenario do nacemento de Aquilino Iglesia Alvariño (10 de xuño), coa edición d’ O po dos días, un estudo de Luciano Rodríguez sobre a peripecia biográfica e a obra do poeta de Seivane; e o día das letras galegas dedicado a Ramón Piñeiro.
Na colección Narrativa, continuaremos coa nosa aposta por autores propios e por traducións da maior actualidade. Así, ademais da novela de François Bégaudeau,  A clase, ao longo deste mes de xaneiro aparecerán outras dúas: Riofero de Xelís de Toro e Monbars o Exterminador de Hixinio Puentes, último Premio de Narrativa galego portuguesa Eixo Atlántico. No mes de marzo publicaremos o libro de relatos Para seguir bailando de Francisco Fernández Naval, O ‘Salto do can, primeira novela do ferrolán Jorge Llorca e A vida do outro de Carlos G. Reigosa, a novela gañadora do Premio Torrente Ballester de Narrativa 2009. A seguinte entrega, xa avanzada a primavera, será o libro de relatos de Agustín Agra, O arrecendos das mimosas e as novelas de Santiago Lopo Peaxes e de Xosé Fernández Ferreiro Tempo de centeo.  Publicaremos, ademais, as novas novelas de Rosa Aneiros, María Reimóndez e Suso de Toro. Durante o segundo semestre, ademais da publicación do Premio Xerais de Novela 2009, que será fallado  o 6 de xuño, editaremos outras dúas traducións. Na colección de Poesía, as primeiras novidades serán TSC. Diario da noite de Alfonso Armada e o máis recente poemario de Estíbaliz Espinosa. Na Biblioteca Dramática Galega, que coeditamos con AGADIC, publicaremos Sempre quixen bailar un tango, Premio Álvaro Cunqueiro 2008 e Pingueiras e carteiras, Premio Manuel María de literatura dramática infantil 2008, as dúas pezas da autoría de Teresa González Costa. Na colección de Ensaio, comezaremos en xaneiro con Nos camiños do entusiasmo. Calidade da lingua e planificación de Goretti Sanmartín Rei, para continuar en marzo coa edición do segundo tomo d’ O segundo sexo de Simone de Beauvoir e do Tractatus Logico-Philosophicus de L. Wittgenstein. Xa no segundo semestre e tamén dentro desta colección publicarase a primeira das obras de Georges Steiner comprometidas, Georges Steiner no The New Yorker. Os dous primeiros títulos da colección Crónica serán Reconquista. Vigo en armas de Eduardo Rolland e Conversas con Celso Emilio Ferreiro de Ramón Nicolás.
A edición no mes de outubro do Gran Dicionario Xerais da Lingua, obra de cen mil entradas, será a novidade máis importante do ano, á que se engadirán dúas primicias na nosa lingua: un Dicionario de Arte e un Dicionario galego-francés / français-galicienne.
Na edición  infantil, no primeiro trimestre destacarán O sombreiro chichiriteiro, o primeiro libro para nenos de Manuel Rivas, ilustrado por Patricia Castelao; así como dous libros de Agustín Fernández Paz, recente premio Nacional de Literatura Infantil, a novela  Lúa de Senegal e o álbum A dama da luz, ilustrado por Pablo Magutis.
Na primeira metade do ano tamén aparecerán, fóra de colección,  tres importantes obras: Cabalos de vento, curros de pedra do fotógrafo Xavier Teniente e do pintor Xosé Guillermo, Pedras de Compostela de Aldonza das Pratarías e A semente da nación soñada, o libro de homenaxe a Xosé L. Méndez Ferrín, coeditado con Sotelo Blanco.

(*) Artigo de Manuel Bragado publicado no suplemento «Nós» do Xornal de Galicia do 10 de xaneiro de 2009, dedicado ás novidades do sector editorial galego para o ano 2009.

«O xardín das pedras flotantes», crítica en «Culturas»

Xaneiro 7, 2009

manuel-lourenzo-culturas-3-xaneiro-2009Ramón Nicolás publica no suplemento «Culturas» de La Voz de Galicia, dedicado aos mellores libros galegos de 2008, unha crítica d’ O xardín das pedras flotantes, a novela de Manuel Lourenzo González, gañadora do Premio Xerais 2008.

Foi ambicioso Manuel Lourenzo na concepción inicial desta novela, isto é, planificou –conxecturo- unha obra de longo alento que puidese acoller no seu seo un amplísimo abano de posibilidades técnicas no que á construción dunha novela se refire, de mans dadas cun argumento que vai máis alá do que podería ser unha historia amorosa.  O autor tripa estes camiños con habelencia, abofé, pois non en van a súa produción literaria vén xa de moi atrás e ten amosado longamente a súa pericia nestas lides. Asemade a novela planificada, por idénticas razóns, debería ser permeable ao feito de que nela se integrase, dun xeito natural, mesmo áxil, un feixe de recursos de filiación diversa que proceden dos máis amplos campos das humanidades. E velaquí o resultado.

Cos ollos postos na reflexión sobre o peso do destino e do máxico en todas as vidas, Lourenzo, como se dixo, constrúe unha historia de amor adolescente protagonizada por Simón e Anabel, unha historia que mergulla nun vasto océano que nace nos tempos medievais e que se estende até o presente tecendo unha arquitectura fortemente trabada e reconstruíndo as pezas dunha extensa panoplia cohesionada por múltiples recursos narrativos, que abalan entre o que se podería denominar a crónica dunha antiga “saga familiar” xunto co discurso memorialístico, para logo converxer nunha explicación solvente que ten que ver cunha concepción da escrita como solución terapéutica e liberadora, proxectando así cara a fóra unha historia que gaña en verosimilitude, sobre todo se se supera ese comezo que esixe, talvez, un esforzo engadido que, ao superarse, vai permitir conducirse polas páxinas restantes con outro alento.

Ao amentado xúntense aínda axeitadas doses da traxedia sempre presente, a carón dunha reiterada presenza do onírico ou de certas pasaxes de literatura de corte fantástico –singularizada nese libro misterioso de efectos máxicos que  focaliza tantas páxinas da novela-…, elementos fundidos, en moitas ocasións, con outras posibilidades como son os excursos históricos, filosóficos, mesmo psicolóxicos ou humorísticos que  outorgan  unha pátina de polifonía climática moi de agradecer.

Nunha obra deste calibre resulta difícil non caer na tentación de matizar historias xa deseñadas desde outra perspectiva, o que implica que, dalgún xeito, devale o interese que nela deposita o lector. Con todo, alén do feito de que nun plano contemporáneo o perfil dos protagonistas apareza vernizado cun idealismo que configura unha época presentada un pouco topicamente como unha arcadia feliz, a novela de Lourenzo é moi recomendable para lectores que gusten das propostas narrativas de peso, coidadas estrutural e lingüisticamente e posuidoras dunha grande intensidade emocional; ademais os seus lectores dispoñen na rede dun blogspot baixo o epígrafe de “batume” composto por historias que inspiradas ou derivadas da novela, agora a viviren fóra do libro, mais tamén operativas para seguir lendo nel. Ramón Nicolás

«O Globo de Shakespeare» en «Culturas»

Decembro 29, 2008

jaure-la-voz-20-12-2008Ramón Nicolás publicou o día 20 de decembro no suplemento «Culturas» de La Voz de Galicia unha crítica sobre O Globo de Shakespeare, a máis recente novela de Jaureguizar, gañadora do Premio Terra de Melide 2008.

«Xenaro e o misterio da mochila verde» en «Culturas»

Decembro 29, 2008

mar-guerra-la-voz-13-12-20081Ramón Nicolás publicou o pasado 13 de decembro no suplemento «Culturas» de La Voz de Galicia unha crítica sobre Xenaro e o misterio da mochila verde, a novela de Mar Guerra, gañadora do Premio Merlín de literatura infantil 2008.

«Mil cretinos» de Monzó en «Culturas»

Decembro 29, 2008

monzo-la-voz-6-12-2008Ramón Nicolás publicou o 6 de decembro no suplemento «Culturas» de La Voz de Galicia esta crítica de Mil cretinos, o libro de relatos de Quim Monzó traducido por Helena González.

«O Globo de Shakespeare», primeiras críticas

Decembro 21, 2008

xg00153001Esta semana apareceron as primeiras críticas sobre O Globo de Shakespeare, a novela de Jaureguizar gañadora do Premio Terra de Melide 2008.

Pedro Rielo, no seu artigo en Galicia hoxe, define a novela como «unha proposta atrevida, ben escrita, para todos os públicos e non alambicada. O escritor é un director de orquestra ou un meigo que vai sacando da chisteira coellos, cartas sorpresa a través de retallos dun espectáculo de papel». Para continuar engadindo:  «O aburrimento está desbotado e viaxamos cos protagonistas desde a costa lucense ata Londres para dar xeito a unha novela na que o seu argumento, as súas chiscadelas non deben ser reveladas porque estragarían un conxunto que é unha bomba de reloxería. Paga a pena non ter complexos, calquera situación é posible tanto aquí como en Burkina Faso. Non aforra nin un só cartucho.»

Ramón Nicolás, no suplemento «Culturas» de La Voz de Galicia, escribe que O Globo de Shakespeare é «unha novela sólida e efectiva, dosificada con acerto e gobernada, por un lado, a través da presenza do universo literario, mais tamén persoal, de William Shakespeare, e, por outro, sometida a realidade reflectida a unha vontade transgresora, pero que expón con ironía, por veces con abraiante e cru realismo, os grandes problemas da humamidade».

«Historia de Ourense» en «Culturas»

Decembro 3, 2008

historia-de-ourense-m-valcarcel-culturas-29-nov-2008

Ramón Nicolás publicou o pasado 29 de novembro nos suplemento «Culturas» de La Voz de Galicia, coincidindo coa homenaxe a Marcos Valcárcel esta crítica da súa Historia de Ourense.

«O libro das viaxes imaxinarias», crítica en «Culturas»

Novembro 26, 2008

img019

«O libro das viaxes imaxinarias», presentación

Novembro 7, 2008

3009459485_287dddf86e_o

«As mellores intencións», crítica en « Culturas»

Outubro 14, 2008

Ramón Nicolás publicou na edición do suplemento «Culturas» de La Voz de Galicia do pasado sábado 11 de outubro unha crítica sobre a novela de Begoña Paz As mellores intencións. Reproducimos o texto.

ABISMOS E OBSESIÓNS

A CORUÑESA BEGOÑA PAZ ACADA O PREMIO «CENTENARIO DA CIDADE DE RIVEIRA» CUNHA SUXESTIVA E INTENSA NOVELA DE XINEA BREVE

Begoña Paz (A Coruña, 1965), tras a súa anterior entrega narrativa para adultos -aquela compilación de relatos titulada A ferida (2004) e  que prefiguraba unha voz máis que prometedora-, dá agora os seus primeiros pasos no xénero novelesco con As mellores intencións, volume co que conseguiu, ademais, o premio de novela curta “Centenario de Cidade de Riveira”.
Se naquel seu primeiro libro despuntaban trazos como a vontade de espellar unha realidade, talvez a cara máis escura e dolorida desta, marcada pola traxedia e o fracaso, pola posible destrución ou autodestrución das vidas; arestora, nesta novela estruturada en trinta breves capítulos segue a afondar nalgúns dos elementos devanditos. Alén de se reafirmar, por outro lado, na habelencia e eficacia á hora do manexo das perspectivas narrativas, é quen de amosar un discurso sólido desde o que se posibilita acceder ao labirinto duns personaxes que se sitúan no gume das psicopatías e que procuran o seu sitio sen atopalo nunca, ou case nunca.
A autora alicerza o foco temático na atracción que Aldara, unha nena desvalida, maltratada e que sobrevive nun contexto familiar cada vez máis degradado, exerce en Gabriel, un home en primeira instancia pasivo e anódino que camiña, ou debería camiñar, cara a unha mudanza na súa vida mais que só aprende a ter talento para  a conspiración. Malia que o destino lle depara un despreocupado “oficio de sombra”, perfílase como alguén obsesionado por deseñar un futuro que tampouco está nas súas mans, véndose atrapado no devalar dunha relación pouco convencional e destrutiva. E, aínda que en esencia esta sexa a formulación da proposta, resulta rechamante como a novela ten o mérito de revisitar outras referencias temáticas que abalan na dicotomía entre a culpabilidade e a inocencia, para logo suxerirnos repensar asuntos como a violencia, a decepción ou o medo á morte co eco das vidas posibles nunca vividas.
As mellores intencións, ademais, escintila con intensidade o ronsel posible do amor e do desamor; espella actitudes e sentimentos como o desprezo e o rancor, mais tamén hai algún espazo para reflectir a tenrura; afonda na real existencia da infelicidade, no desexo e nos golpes que dá a vida, nas consecuencias dos perdedores…, e sempre desde a perspectiva dunha sorte de thriller psicolóxico alimentado polas obsesións e, sen dúbida, polos abismos que o ser humano encerra.

«O profesor de vegliota», crítica en «Culturas»

Setembro 23, 2008

Ramón Nicolás publicou o pasado 2 de agosto no suplemento Culturas de La Voz de Galicia unha crítica sobre O profesor de vegliota, a novela de Manuel Veiga publicada en Xerais Narrativa. reproducimos o texto:

METÁFORA DA DESTRUCIÓN. MANUEL VEIGA OFRECE UNHA PROPOSTA, A ABALAR ENTRE A NOVELA E O ENSAIO, QUE NOS ACHEGA A CONCEPTOS COMO  IDENTIDADE, RESISTENCIA OU  ASIMILACIÓN COA LINGUA COMO OBXECTO DE REFLEXIÓN

Manuel Veiga (Monforte de Lemos, 1960), tras dúas anteriores novelas publicadas hai pouco tempo –O exiliado e a primavera, novela coa que obtivo o Premio Xerais 2004 e  Lois e Helena buscándose un día de tormenta, premio Manuel García Barros  no 2006-, volve transitar polo xénero mais mestizado agora cun inconfundible arrecendo a novela de tese.

Incorporando unha homenaxe implícita a Reimundo Patiño a través da figura do falante de vegliota -dialecto dalmático extinguido en 1898 ao morrer o seu último falante- como se testemuña na ilustración da cuberta, Veiga opta polo recurso de construír un universo literario que se alicerza na viaxe en tren realizada polo protagonista, un profesor depurado e perseguido, posuidor de dous manuscritos de corte ensaístico sobre o vegliota que titula significativamente «Klemperer» e «Ferrer i Gironès»; unha viaxe, por certo, cargada tamén de intención, pois nada hai gratuíto nesta entrega, de xeito que se trata da derradeira que realiza ese tren chamado “arrancatravesas”, por aproveitar o seu percorrido para ir arrincando as trabes que conforman a vía pola que circula.

Esta estraña e simbólica viaxe permitirá que o profesor de vegliota vaia afondando nas personalidades e opinións dos seus acompañantes de vagón; mais tamén posibilitará que retrate a súa traxectoria vital ao tempo que describirá a paisaxe desolada e erma que atravesa devagar –doadamente identificable por outra parte-, de xeito que aos poucos vaian acrecentándose os elementos de filiación estritamente ensaística –talvez, por outro lado, os máis interesantes- e esmorecendo aqueloutros que alimentan a aparencia novelística da proposta: que fai o personaxe nese tren?, porque desconfía dos seus compañeiros?, por que o tren incorpora unha mercadoría estraña en forma de libros en vegliota, amarelecidos e poeirentos? Velaí  a faciana máis achegada ao ámbito do misterio que partilla con tintes de certa ficción científica.

O protagonista, a través tanto do soliloquio que mantén consigo mesmo como do exercicio da escrita, reflicte, alén da súa situación persoal extrema –o afastamento da súa muller Lhos e a preocupación polo futuro da súa filla Mra son dúas constantes-  os trazos que rodean esa viaxe, en certa maneira, cara a ningures, cara ao baleiro e á aniquilación individual, mais tamén colectiva ao incorporar, como auténtica personaxe central,  o presente do propio vegliota. É a bagaxe «intelectual» do profesor a que facilita que nos asomemos  aos seus argumentos vinculados con conceptos de resistencia, desarraigamento, rebelión, identidade, asimilación ou morte da lingua e das linguas, establecendo un rico e interesante diálogo con citacións ou socalcos biográficos dunha pléiade de autores que van de Dante a Proust, de Amos Oz a Sebald, de Monterroso a Shaw, de Magris a Bradbury, de Gombrowicz a Handke, de Bolaño ao poeta cigano Eslam Drudak entre moitos outros…, referencias que xorden ou se asocian ao discurso con naturalidade, ao fío dun aceno, dun dito, dunha lembranza…

Por fin, capítulos como o que aborda a infelicidade dos escritores, o dedicado á resaltar a relevancia da obra de «R.» –Rosalía-, ou as páxinas  que expoñen con realismo experiencias persoais que talvez haxa alguén que lle soen a ficción mais que abofé non o son, fan que esta sexa unha novela na que tamén paira moito de sentimento a dar forma a unha alegoría que tamén é un estarrecedor berro, berro que debería oírse e diante do que non é doado manterse incólume. Ramón Nicolás.

«Renacer», crítica en «Culturas»

Setembro 22, 2008

Ramón Nicolás publicou o pasado 26 de xullo no suplemento Culturas de La Voz de Galicia unha crítica sobre Renacer, a novela de Xabier Paz publicada en Xerais Narrativa. Reproducimos o texto:

O ARETINO E AS SÚAS CONTRADICIÓNS. XABIER PAZ OFRECE UNHA NOVELA INTENSA CO ESPÍRITO DO RENACEMENTO ITALIANO COMO PANO DE FONDO

Xabier Paz (A Coruña, 1949), alén de posuír unha xa longa traxectoria poética, sorprendera gratamente por volta de hai tres anos coa publicación de Follas de bacallau, un libro que ao meu ver ía moito máis alá de espellar a épica que constitúe a vida cotiá nos pesqueiros galegos de grande altura; naquel volume encerraba os dotes dun narrador experimentado, cousa que nos vén confirmar esta novela acabada de saír do prelo de Edicións Xerais: Renacer.

Novela de protagonistas, mais ao tempo coral, estrutúrase con sinxeleza a través dun dobre fío narrativo que, por un lado, vén da man do poeta, escritor e dramaturgo Pietro Aretino, alicerzándose en textos de moi diversa filiación e, polo outro, a través do discurso da súa filla Adria quen, ao longo dunha noite e xa falecido o seu pai, desexa destruír uns documentos que, ás portas da contrarreforma,  podían resultar ben comprometidos ou perigosos. Mercé ao emprego desa estratexia Adria é quen de trazar unha panorámica completa da biografía de seu pai, mais ao tempo tamén se retrata a si mesma ao iren agromando todos os capítulos do seu pasado, que tamén son os da súa propia vida.

Deste xeito Xabier Paz é quen de conducir ao lector, cunha visión abeirada ao narrativo e ao descritivo, por aqueles topos universais que sería difícil esquivar nunha novela deste xorne: a morte, a amizade, o sexo, os afectos, a hipocrisía social, a propia literatura, a filosofía e o pensamento, as artes, a beleza e o seu canon, a educación, o papel da muller naquel tempo ou aquelasn que se rescatan do esquezo como Isabella d´Este, Catherine de Medici, Vittoria Colonna ou Gaspara Stampa… E faino todo sen que se aprecien as suturas, exhibindo unha capacidade de síntese sorprendente para deseñar a que foi unha das épocas máis atractivas e efervescentes desde o punto de vista dos avances científicos e humanísticos. Velaí como, e alén dos ecos que suscitan na biografía do protagonista personaxes como Miguelangelo, Buonarotti, Tiziano, Leonardo, Rafael, Bembo, Petrarca, Bocaccio ou Pico della Mirandola, xorden asuntos que confiren a necesaria verosimilitude como son as recorrentes reflexións sobre a pintura, a querenza polo «volgare ilustre» e  a «questione della lingua», sen esquecer outros como a creación literaria, o estilo do autor, as paixóns amorosas, con chiscadelas dirixidas ao tempo presente, fóra da presenza de multitude de libros apócrifos ou apógrafos.

Non sei se a novela quixo ser fiel á contraditoria figura do Arentino, pero sen dúbida no que non quixo converterse foi nunha biografía novelada do escritor: á marxe da fidelidade ou non ao que hoxe se coñece do escritor de Arezzo, a novela pretende, ao meu ver, afondar nun tempo e nunhas vidas cheas de forza interior e de tensión co obxectivo de «rinascere», isto é, de sobreporse ás circunstancias e comezar de novo cando aínda é posible. As reflexións sobre sentimentos ou actitudes de carácter universal e atemporal fan desta novela non só unha reconstrución dun personaxe histórico concreto e da súa filla, senón un exemplo do que foi o humanismo máis puro, un humanismo liberal coas súas luces e coas súas sombras, articulando así unha ventá aberta ao pasado que se beneficia dun esforzo creativo ben relevante e que obtén un resultado máis que satisfactorio. Ramón Nicolás

«Os nomes do traidor», crítica en «Culturas»

Setembro 18, 2008

Ramón Nicolás publicou o pasado 23 de agosto no suplemento Culturas de La Voz de Galicia unha crítica sobre Os nomes do traidor, a novela de Xurxo Sierra Veloso. Reproducimos o texto:

SOBRE IDENTIDADES E TRAIZÓNS. XURXO SIERRA OFRECE UNHA INTENSA, MADURA E DESACOUGANTE NOVELA
Xurxo Sierra (Caracas, 1969), malia non ser un dos narradores galegos de maior presenza pública, si é un autor que xa posúe un corpus certamente a ter en conta constituído pola súa estrea –Os ollos do rei de copas (1994)-, á que seguiron Licor de abelá con xeo e Os mércores de Fra, ambas as dúas premiadas e publicadas en 2006, ata a presente Os nomes do traidor. Polo tanto catro novelas entre as que talvez se poida extraer, como un dos trazos máis peculiares da súa produción, a versatilidade temática que exhibe –nunca reescribe a mesma novela aínda que se ocupe con frecuencia de asuntos como a morte, o destino ou o amor- e mais o dominio das diferentes perspectivas e posibilidades técnicas desde as que abordar o exercicio de ficción.

Con todo, cómpre centrarse nesta proposta que afonda naquelas reviravoltas sufridas por un personaxe acollido a un programa de protección de testemuñas logo de declarar en contra dun narcotraficante. O asunto, que pode resultar máis ou menos atractivo, arróupase a través da mestizaxe, non sei se orixinal pero si moi efectiva, entre os xéneros da novela negra e da novela psicolóxica,  pairando así nas súas páxinas, e de xeito contundente e decisivo, tanto unha reflexión arredor do concepto da identidade persoal, do quen somos e cara a onde imos se seguimos sendo os mesmos ou se decidimos cambiar, como un proceso de esculca nas posibles consecuencias da práctica da traizón, que desde o singular deste caso ben se pode aplicar ao universal.

Sierra, así pois, opta por encaixar a súa historia nun molde fragmentario e alicerzado en múltiples perspectivas, estrutura que se alimenta desde un conxunto de voces e personaxes sólidos con acento propio que as fai doadamente recoñecibles polo lector a través dos diversos rexistros expresivos que outorgan a precisa verosimilitude e  facilitan a operación de singularizalos: velaí o máis común do protagonista Delanuit, pasando polo idiolecto culto de Sampaio ata aquel abeirado á xerga das fillas adolescentes do primeiro. Alén disto, é destacable a conxunción de planos espaciais mediante a que se nos traslada con axilidade dun a outro lugar e na que non falta, se cadra como marca de autor, un inexcusable sentido do humor espallado aquí e acolá, en ocasións entretecido cunha fina ironía cando esta se precisa.

As aparicións dunhas e doutras pezas deste friso, que nos conducen por sentimentos, actitudes e accións, por veces contradictorias pero sempre posibles, constrúen unha sorte de quebracabezas no que todo vai pouco a pouco atopando o seu lugar deixándonos transitar con liberdade ata darmos cun desenlace inesperado, de filiación moi cinematográfica ao meu ver. Unha novela áxil e fresca,  ben lonxe, así pois, de tonalidades por veces pretensiosas que matan o que podería ser unha boa historia. Ramón Nicolás

Grande éxito da presentación da obra dramática de Taxes

Setembro 17, 2008

Máis de cento cincuenta persoas ateigaron o salón de actos da Biblioteca Pública Miguel González Garcés da Coruña para asistir ao acto de presentación da Obra dramática de Francisco Taxes editada dentro da Biblioteca das Letras Galegas. No acto interviron Ramón Nicolás, Xurxo Taxes, Manuel Rivas e a conselleira de Cultura Ánxela Bugallo.

Presentación na Coruña da obra dramática de Francisco Taxes

Setembro 10, 2008

O vindeiro martes, 16 de setembro, ás 20:00 horas será presentada na Biblioteca Pública da Coruña Miguel González Garcés, a edición da Obra dramática de Francisco Taxes, publicada por Xerais na colección Biblioteca Dramática Galega. O acto contará coa participación de Ánxela Bugallo (conselleira de Cultura e Deporte), Xurxo Taxes (editor da obra), Ramón Nicolás (director da colección), Manuel Rivas (escritor) e Manuel Bragado (director da editorial).

”Escritor maldito nunha cultura tanto tempo maldita”, como o describiu Manuel Rivas en 1978, o escritor e guionista de cine Francisco Taxes Prego (A Coruña, 1940-2003) apostou nos seus textos por un teatro popular, comprometido e divertido, contribuíndo deste xeito a converter a arte de Talía nunha ferramenta fundamental na loita a prol da recuperación e a normalización da cultura e a lingua galegas. Este volume, que recolle a súa produción dramática ao completo, inclúe dúas obras inéditas, Caderno de bitácora –representada polo CDG en 1985– e a persoal e transgresora Elas (1997). Na introdución, preparada por Xurxo Taxes Díaz, dáse conta da andaina vital e artística dun dramaturgo que soubo, sen prescindir da defensa dun teatro de diálogos áxiles e aparencia sinxela e natural, afondar nos grandes temas da condición humana, como a morte, a violencia, o poder ou o sexo. Un libro clave para a recuperación dun dramaturgo clave no devir do teatro galego da segunda metade do século XX.

Novos narradores, reportaxe en “Culturas”

Xullo 22, 2008

Recomendamos a lectura da reportaxe aparecida no suplemento “Culturas” onde entrevistan a seis escritores galegos menores de 35 anos para unha conversa en torno aos novos trazos que caracterizan á literatura do país. A reportaxe complétase co artigo “Xa están aquí” de Ramón Nicolás.

“Incertos”, crítica

Xuño 16, 2008

Ramón Nicolás publica no suplemento Culturas de La Voz de Galicia unha crítica sobre Incertos de Antón Dobao.

Pode lerse o texto clicando sobre a imaxe.

“Festina lente”, a primeira crítica

Xuño 9, 2008

O sábado apareceu no suplemento Culturas de La Voz de Galicia a primeira crítica sobre Festina lente, a novela de Marcos S. Calveiro. Pode lerse o texto de Ramón Nicolás clicando sobre a imaxe.