Posts Tagged ‘lg3’
Setembro 23, 2009
Isabel Soto publica en «lg3» a súa crítica de Lúa do Senegal, a máis recente novela de Agustín Fernández Paz, ilustrada por Marina Seoane. A autora salienta que neste novela protagonizada por unha rapaza de dez anos que ten a lúa como confidente Fernández Paz «plasma unha vez máis a súa visión do mundo e faino creando unha voz narrativa intensa, madura e reflexiva». Pagaa pena recoller un dos parágrafos dun texto que convida a unha lectura en profundidade da novela:
En Lúa do Senegal atoparemos moitas das claves recorrentes do autor, coma tal, unha voz feminina, a utilización da primeira persoa narrativa, un personaxe con devoción polos libros e a lectura, intratextualidades ou, sobre todo e unha vez máis, unha historia «de fronteira» que abre as fiestras cara ao mundo, ás películas, aos poetas doutras latitudes. O libro aborda un problema actual, a inmigración, e faino elixindo como eixe central a carga emotiva que a rodea, a expresión íntima das dificultades, do desarraigo, da tristura, do rexeitamento, mais tamén integrando o optimismo, o respecto, a convivencia de linguas e culturas. Fernández Paz plasma unha vez máis a súa visión do mundo e faino creando unha voz narrativa intensa, madura e reflexiva: a de Khoedi, unha nena de once anos –que axiña nos trae á cabeza o mundo senegalés de Binta, do conmovedor filme de Javier Fesser, un dos referentes do autor no seu proceso de documentación– que atopa na Lúa a súa confidente, o único elemento común entre o mundo que coñece e o estraño que a rodea agora, dúas realidades tan distintas que a fan sentirse cos pés no aire, coma se non pertencese a ningures.
Etiquetas:fernández_paz, isabel_soto, lúa _do_senegal, lg3, novela
Publicado en Críticas, Infantil, Sopa de Libros, Xerais_nos_medios | Leave a Comment »
Xuño 29, 2009
Isabel Soto publica en “lg3” unha nova crítica sobre o poemario Makinaria de Carlos Negro.
Makinaria cheira a música a todo volume, a ritmo marcado e persistente, a letras de cancións, susceptibles de seren declamadas ou berradas, a makina e hip hop, a coches maqueados, a velocidade, a goma de pneumático queimada. Un libro de versos sen final feliz: porque a Morte converte a euforia en chatarra. Makinaria: nin difícil, nin aburrido. Accesible, breve, espido de concepcións idealizadas para tratar a dor, a angustia, o medo, a morte, o perigo de queimalo todo axiña.
Etiquetas:carlos_negro, isabel_soto, lg3, makinaria
Publicado en Críticas, Fóra de Xogo, Poesía, Xerais_nos_medios, Xuvenil | Leave a Comment »
Maio 5, 2009
Anxos García Fonte publica en lg3 unha crítica de Para seguir bailando, o libro de relatos de F.X. Fernández Naval. Un texto, do que recollemos o seu derradeiro parágrafo, que recibe ao libro con auténtico entusiasmo:
Para seguir bailando é un libro que se alimenta de temas moi presentes na actualidade do mundo que nos tocou vivir –a violencia machista, os abusos a menores, o abandono do mundo rural, a memoria histórica, a corrupción política, o fracaso dos movementos de liberación políticos nas sociedades posmodernas ou a internacionalización da cultura galega– no que o autor dá boa mostra da súa habilidade narrativa a través da multiplicidade de recursos utilizados e dunha pulcritude formal e lingüística digna de resaltar, precisamente por ser un aspecto frecuentemente descoidado en moitas edicións recentes. En definitiva, actualidade temática que convida á reflexión, habelencia narrativa e exquisito coidado da lingua literaria fan destes relatos unha proposta moi recomendábel para todos os públicos.
Etiquetas:anxos_garcía_fonte, francisco_fernandez_naval, lg3, para_seguir_bailando, relatos
Publicado en Críticas, Narrativa, Xerais_nos_medios | Leave a Comment »
Marzo 10, 2009
Montse Pena Presas publica no espazo de crítica de lg3 unha crítica sobre O Globo de Shakespeare a novela de Jaureguizar gañadora do Premio Terra de Melide 2008. Recollemos un dos parágrafos dun texto que consideramos moi interesante:
Se ben a primeira parte da novela se pode entender como unha grande e descritiva didascalia (o texto non é dramático, mais podería perfectamente selo), coa habitual presentación de localizacións e personaxes, unha segunda parte, moito mais breve, pero tamén máis intensa, presenta o drama e faino desencadear axilmente. E é aí, precisamente, onde reside a homenaxe/parodia a Shakespeare que realiza Jaureguizar: as pezas do quebracabezas van casando para que este O globo de Shakespeare se convirta nun Hamlet actualizado, esta vez en forma de novela, trasladado de novo a Galiza. Primeiro, porque todos os personaxes gardan un segredo, non só para os demais, senón tamén para eles mesmos, e este só se descobre cando se desencadea a grande traxedia final. Segundo, porque Ricardo é o novo Hamlet (e cando interpreta ao Príncipe de Dinamarca estase interpretando así mesmo), xa non namorado da nai, senón do pai. Terceiro, porque os acontecementos (acompañados das conseguintes confusións), ao igual que nas traxedias shakespirianas, acaban por rebasar aos caracteres, e con eles o elemento tráxico fundamental está servido. E cuarto, porque detrás deste escrito hai unha compoñente de realismo máxico, de personaxes intanxibles tocados por un alento de loucura, ou de maxia, se se quere, que non pode deixar de lembrar a un Cunqueiro que á vez que trasladaba os mitos á terra, enchía aos paisanos dese “aquel” que os singularizaba.
Etiquetas:jaureguizar, lg3, montserrat_pena_presas, novela, o_globo_de_shakespeare
Publicado en Críticas, Narrativa, Xerais_nos_medios | Leave a Comment »
Xaneiro 7, 2009
Lorena Domínguez Mallo comenta en «lg3» as virtudes d’ O xardín das pedras flotantes, a novela de Manuel Lourenzo González, gañadora do premio Xerais 2008. Recollemos un framento da crítica:
[…] a forza da novela é incuestionable e a cantidade de historias só bosquexadas nela é tal que o propio autor decidiu crear un blog para darlles continuidade, (http://batume.blogspot.com); un diario en rede no que el mesmo e os lectores seguen tecendo esas historias. Esa concesión á autoría múltiple non deixa de ser unha boa mostra de como as grandes historias son aquelas que a xente toma para si, para transformalas, continualas ou interpretalas de xeito que xoguen un papel nas súas vidas.
Etiquetas:lg3, lorena_domínguez_mallo, manuel_lourenzo_gonzález, novela, o_xardín_das_pedras_flotantes
Publicado en Críticas, Narrativa, Xerais_nos_medios | Leave a Comment »
Decembro 23, 2008
Isabel Soto publica no espazo de crítica de «lg3» un interesantísimo traballo sobre O libro das viaxes imaxinarias de Xabier P. DoCampo e Xosé Cobas. Esta obra foi gañadora do Premio Isaac Díaz Pardo 2008 ao mellor libro ilustrado do ano. Recollemos algúns parágrafos do texto de Isabel Soto:
Fronte á gran cantidade de títulos que se publican, hai libros –poucos– que invitan ao paseo demorado polas súas páxinas, a se recrear nas palabras e nas imaxes que nos achegan, a recorrer a eles moitas veces na procura dun respiro no camiño. Este é sen dúbida o caso do Libro das viaxes imaxinarias que nos propoñen Xavier P. Docampo e Xosé Cobas, un volume especial que salta á vista pola súa coidada edición e a fermosura de cada unha das páxinas, algunhas das cales nos convidan a desencartalas e a estender perante a nosa ollada o traballo extraordinariamente rico e en absoluto redundante do ilustrador, máis coautor ca nunca neste caso, pois ben se percibe que o libro xurdiu tras dun reflexivo proceso de intercambio de pareceres entre ambos os creadores.
[…]
O lector mergúllase así, canda o Viaxeiro, nunha viaxe por trinta lugares imaxinarios, na que o acompañamos nesa esculca dos espazos que percorre, reinos, cidades, camiños, vales e montañas, aceptando o seu convite a nos arredar por veces do itinerario dereito. Canda el tamén descubrimos a través dos seus ollos marabillas poeticamente descritas, detalles arquitectónicos ou paisaxísticos que absorben a súa atención e o retrato dos habitantes que poboan eses enclaves, os seus costumes, tristuras, miserias, preocupacións e alegrías, xentes coas que o Viaxeiro, e tamén nós, imos establecendo relación e polas que imos sendo acollidos.
[…]
Alén da viaxe, o volume constitúe un acto de amor polo libro, a palabra, a imaxe e a lectura. Un libro destas características semella reclamar de nós unha lectura pausada, calma, sen présas e mesmo funciona mellor, ao meu ver, non dende o convencional respecto á sucesión dos distintos capítulos, senón case abríndoo ao chou para deixarse levar polo azar, pola intensa emoción que xorde, como unha súpeta epifanía, ao contemplar con gozo a beleza, ao saborear palabras que gañan na lectura en voz alta e ao nos recrear nas súas suxestivas imaxes. Aí reside tamén o seu carácter de libro especial ou libro obxecto, que non deixará de ter vixencia por máis que pase o tempo, e ficará nos andeis, sempre accesible para cando o precisemos e desexemos gozar da súa beleza literaria e plástica.
Etiquetas:isabel_soto, lg3, o_libro_das_viaxes_imaxinarias, xabier_docampo, xosé_cobas
Publicado en Críticas, Fóra_de_colección, Narrativa, Xerais_nos_medios | Leave a Comment »
Decembro 21, 2008
Isabel Soto publica no espazo de crítica de lg3 un traballo sobre Xenaro e o misterio da mochila verde, a novela de Mar Guerra gañadora do premio Merlín 2008. Entrecollemos algúns parágrafo dun texto titulado «A chispa de Xenaro»:
Un dos principais acertos do relato é precisamente o deseño do personaxe que lle dá nome, pois tanto a súa voz en primeira persoa coma o ton que emprega e a súa maneira de interpretar o mundo espertan o sorriso.
En conxunto, Xenaro e o misterio da mochila verde recrea, con humor e desenfado, un universo cotián e doadamente recoñecible para os lectores e lectoras ao que vai destinado –escola, aula, relacións entre compañeiros, grupo de amigos, contexto familiar, afeccións persoais…–, mais non por iso exento de acontecementos que levan a descubertas inesperadas. A implicación dos lectores e lectoras que se acheguen a estas páxinas procúrase con constantes apelacións que, a miúdo, buscan a súa complicidade, con capítulos de curta extensión e cunha galería de personaxes que combinan trazos tópicos e outros xa non tanto, sempre dende a ollada amable do cronista da aventura, que ben podería repetir noutra entrega.
Etiquetas:isabel_soto, lg3, mar_guerra, novela, xenaro_e_o_misterio_da_mochila_verde
Publicado en Críticas, Infantil, Merlín, Premios_Xerais, Xerais_nos_medios | Leave a Comment »
Novembro 17, 2008
Gustavo Hervella publica hoxe unha crítica sobre o último libro de Carlos Taibo titulada “As faces do nacionalismo”. Recollemos un fragmento:
Carlos Taibo ofrece un valioso material desde o que repensar moitas das discusións que se interesan pola cuestión nacional e a súa relación coa globalización, coa esquerda e o Estado a principios do século XXI. O fío condutor é a explicación do fenómeno nacionalista en diferentes latitudes que teñen en común un fito: a poboación que habita eses territorios, en maior ou menor medida, atende a diversos postulados nacionalistas.
Etiquetas:carlos_taibo, culturagalega.org, fendas_abertas, lg3
Publicado en Críticas, Ensaio, Xerais_nos_medios | Leave a Comment »
Novembro 17, 2008
Isabel Soto ven de publicar no Lg3 de Culturagalega.org unha crítica de A Cabeza de Medusa de Marilar Aleixandre, premio Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil, 2008. Recollemos un fragmento:
Con esta obra galardoada co Premio Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil, a autora introdúcese nun tema pouco ou nada tratado na LIX galega cal é a violación. Un conflito extraído da realidade, enfocado dende a psicoloxía adolescente que ten ante si un universo de interrogantes, dúbidas e adversidades que acontecen no seu contorno. A construción formal da narración ofrece unha intelixente estrutura e a narración compleméntase coa introdución de elementos informativos, fundamentais para o desenvolvemento e os verdadeiros intereses da historia, que inciden na violación social que sucede á física, cun amplo retrato das diferentes presións ás que están sometidas as rapazas, obrigadas a mastigar o acontecido e a superar un complicado camiño de obstáculos.
Etiquetas:a_cabeza_de_medusa, isabel_soto, lg3, marilar_aleixandre, novela, premio_fundación_caixa_galicia
Publicado en Críticas, Fóra de Xogo, Xerais_nos_medios, Xuvenil | Leave a Comment »
Novembro 3, 2008
Montse Pena preséntanos no lg3 de Culturagalega unha estupenda crítica á novela de Sérgio Klein, Poderosa. Diario dunha rapaza que tiña o mundo na man. Recuperamos un fragmento do texto:
Sérgio Klein constrúe unha ficción que conta con dous alicerces fundamentais: a diversión que desprende, que a converte nunha obra con moito potencial para gañar numerosas lectoras e lectores; e a súa capacidade para rachar con todo tipo de estereotipos: a independencia e as ganas de loitar polos soños de Joana, fronte ao estado acomodaticio da súa nai (a pesar de contar cunha posición privilexiada) e en contraposición á vitalidade e á intelixencia dunha avoa intuitiva e intelixente como poucas. Mais como pano de fondo, existe unha compoñente fundamental: a verosimilitude, pois Klein consegue afondar, con habilidade, no universo interior dunha moza adolescente, sen que isto o incapacite para empregar, tamén con soltura, a fantasía. Nese equilibrio entre verdade real e verdade fantástica escora a historia de Joana.
Etiquetas:lg3, montse_pena, novela, poderosa, sergio_klein
Publicado en Críticas, Fóra de Xogo, Traducións, Xerais_nos_medios, Xuvenil | Leave a Comment »
Xuño 19, 2008
María Xesús Nogueira publica en lg3 unha crítica de Hordas de escritura, o último poemario de Chus Pato. Recollemos un fragmento:

O poemario ten como eixe central a propia linguaxe poética. A reflexión levada a cabo sobre o discurso anticípase xa nun título onde se combina o salvaxe e o primitivo (as hordas) co código (a escritura). Hai polo tanto unha importante dimensión autopoética neste libro que se pregunta «que sorte de tecnoloxía é o poema» no que «o eu é un innumerábel que multiplica e se descentra».
Etiquetas:chus_pato, hordas, lg3, maría_xesús_nogueira
Publicado en Críticas, Poesía | Leave a Comment »
Xuño 5, 2008
Isabel Soto publica en Lg3 a primeira crítica de Lía e as zapatillas de deporte, o libro escrito por María Reimóndez, ilustrado por Ivan Sende. O texto, titulado “literatura como vehículo de compromiso”, bai precedido deste parágrafo:
“Unha novela que convida a reflexionar aos nenos e nenas sobre a súa responsabilidade en colaborar para facer un mundo máis xusto. Unha historia con indubidable utilidade para a formar seres humanos que fagan un mundo mellor, malia que ese fin conséguese cun sacrificio da cualidade narrativa do texto literario.”
Etiquetas:isabel_soto, lg3, lia, reimóndez, sende
Publicado en Críticas, Infantil, Merlín, Xerais_nos_medios | Leave a Comment »
Maio 22, 2008
Comunícannos os amigos de Lg3 que na súa páxina xa saíra unha crítica, feita por Anxos García Fonte, de O profesor de vegliota de Manuel Veiga o pasado 28 de abril. Non coñeciamos tampouco as críticas aparecidas sobre A cultura do pan de Xosé Lois Ripalda, esta a cargo de Xurxo M. Ayán o 5 de maio. A cadaquén, o seu.
Aproveitamos esta rectificación para manifestar o noso agradecemento e admiración polo traballo desenvolvido por este grupo de persoas que, dende o Consello da Cultura Galega, fan este labor de promoción tan necesario.
Etiquetas:A_cultura_do_pan, lg3, o_profesor_de_vegliota, ripalda, veiga
Publicado en Críticas, Crónica, Narrativa, Xerais_nos_medios | Leave a Comment »
Maio 16, 2008
Isabel Soto pubica en Lg3 unha crítica da nova edición de Roseira do teu mencer, o poemario de Xosé María Álvarez Blázquez que publicamos na colección Merlín. Reproducimos un parágrafo do texto:
En 2008 –a ocasión ben o merece– Xerais actualiza a Roseira nunha nova edición, cos cambios lingüísticos pertinentes consonte á nova normativa e engadíndolle unha serie de materiais que explican tanto o percorrido biográfico de Álvarez Blázquez como a xénese e características do poemario. Por unha banda, o epílogo de Darío Xohán Cabana constitúe un acertado resumo, adaptado ao horizonte de expectativas do lectorado máis novo, da completa reconstrución elaborada en Xosé María Álvarez Blázquez. Vida e obra (Xerais, 2008). Outro breve texto, tamén da súa man, engádelle atractivo á figura do intelectual, pois deseña del un retrato máis persoal baseado na lembranza. Ademais, neste novo formato da Roseira reprodúcese o texto do fillo do poeta que xa aparecía na edición de 1992 e insírese unha “Cronoloxía” preparada por Manuel Bragado. Manuel Uhía volve ser o encargado de acompañar coa súa lectura en imaxes as composicións de Álvarez Blázquez, anovando a vida dos obxectos e personaxes evocados con ilustracións figurativas en cores vivas.
Etiquetas:álvarez_blázquez, cabana, isabel_soto, lg3, roseira
Publicado en Críticas, Infantil, Merlín, Reedicións, Xerais_nos_medios | Leave a Comment »