Archive for the ‘Premios_Xerais’ Category

Xerais redeseña o seu catálogo web

Setembro 21, 2009

Dende hoxe pode visitarse o redeseño do catálogo web de Xerais. As maiores modificacións realizáronse na ficha de cada unha das obras nas que a partir de agora se poderán realizar comentarios e valoracións por parte dos usuarios, ademais de facilitar que os contidos se poidan compartir nas diversas redes sociais. A páxina inclúe un buscador para o catálogo vivo,  un catálogo educativo específico, e senllos buscadores para autores, ilustradores e tradutores. A páxina complétase cun espazo para as novidades do mes (presente, ademais, en carrusel), descargas gratuítas de materiais didácticos e de lectura, páxinas de cada un dos tres premios que convoca a editorial (novela, Merlín e Fundación Caixa Galicia). Completan a páxina os enlaces ao blog (que será renovado nas vindeiras semanas) e aos espazos en twitter e facebook que conforman a identidade dixital actual da editorial.

Chegan ás librarías as novelas premiadas de Rosa Aneiros

Setembro 17, 2009

Nestes días comezan a chegar ás librarías as dúas novelas premiadas de Rosa Aneiros: Sol de Inverno, Premio Xerais de novela 2009 e Ás de bolboreta, premio Fundación Caixa Galicia de literatura xuvenil 2009.

XG00166001Sol de Inverno, a obra coa que Rosa Aneiros gañou o Premio Xerais 2009, é unha novela comprometida, densa e cun pouso de lirismo que debuxa o periplo vital dunha personaxe: Inverno. A protagonista habita diversos escenarios que nos conducen desde a perdida aldea de Antes a Barcelona, para relatarnos a crueldade da guerra; e logo ás circunstancias da fuxida a Francia; ao emblemático barco Ipanema; ao longo exilio cubano; á revolución castrista; e mesmo á viaxe ao París do maio do 68. Será en Cuba onde atopamos o pouso da emigración e dos descendentes dos cimarróns, da memoria infinita da tata Luzdivina e do cheiro das follas de tabaco do bisavó Andrés, un escenario clave para entender a singradura dunha protagonista que turra por volver a Antes. Para o xurado do Premio Xerais 2009 «Sol de Inverno constrúe un mundo simbólico e máxico polo que deambulan seres entrañables para crear un relato de pulso vagoroso, que reborda nun potente río de historias. A memoria do exilio, as súas voces e as súas feridas, que Inverno debe lamber unha e outra vez, marcan o pulso desta novela que destaca pola rebeldía dos personaxes na defensa dos ideais e da xustiza.»

XG00155501Na “Luzada”, a cafetaría de Patricia, conflúen cada mañá os camiños que transitan os personaxes d’ As de bolboreta, a novela de Rosa Aneiros gañadora do Premio Fundación Caixa Galicia de literatura xuvenil 2009. O de Manuel, un neno de orixe africana, a quen lle morreu a súa nai adoptiva, que comparte varias horas do día co seu avó. O de Lola e Eusebio, un matrimonio de persoas maiores que viven soas e deben enfrontar as difíciles decisións que esixen a vellez e a aparición da enfermidade. O de Iqbal, un mozo de pais paquistanís que decidiu marchar de Londres tras os atentados terroristas no metro de 2005. O de Aysel, unha kurda que manifesta a impotencia que sente pola indiferenza con que a comunidade internacional acolle a represión exercida contra o seu pobo por parte do goberno turco. O dos alpinistas do monte Gurugú, dous mozos nixerianos que tentan atravesar o valado da fronteira de Melilla para poder reunirse coa súa tía, que agarda todos os días no bar unha chamada que confirme a chegada dos seus sobriños a Galicia. E tamén o de Paco e Adolfo, dous homes covardes que non aprenderon a considerar as súas mulleres como compañeiras de viaxe, e o da señora Filomena, e o de Ana, e o de Fiño…

O xurado do Premio Fundación Caixa Galicia 2009, que outorgou por unanimidade o galardón a esta novela de Rosa Aneiros, sinalou que “Ás de bolboreta presenta unha estrutura non xerarquizada, dividada en breves capítulos onde calquera parte está conectada con todas as demais, un puzzle de pezas engarzado do mesmo xeito que se engarzan as vidas dos personaxes da novela”; salientando, ademais, que “mediante a conexión do cotián con outras historias que poden semellar máis afastadas conséguese unha intensidade narrativa reforzada polo acertado emprego dos rexistros que se van adecuando aos distintos personaxes que conforman a novela”. Para concluír que “Ás de bolboreta é un relato triste e esperanzador ao mesmo tempo, fondamente humano, solidario e internacionalista.”

“Ás de bolboreta”, Premio Caixa Galicia 2009, un capítulo para descargar

Xuño 26, 2009

Descarga dende aquí un capítulo en pdf da novela de Rosa Aneiros, Ás de bolboreta, gañadora do Premio Fundación Caixa Galicia 2009. Boa lectura!

“Cita co Xerais”, comentario de Perozo

Xuño 22, 2009

Xosé Antonio Perozo publica n’ A Nosa Terra un comentario agarimeiro sobre os Premios Xerais.

foto_00141A débeda que a cultura galega ten con Edicións Xerais de Galicia queda compensada cando escoitamos a Manolo Bragado falar das cifras millonarias de libros editados e vendidos ó longo da historia da editorial. Xerais ten o privilexio de ser a primeira industria cultural do libro en galego, e de ser o proxecto que conseguiu sacar a literatura galega do gueto do voluntarismo elitista e do complexo de cultura de resistencia do pasado. Apareceu no momento histórico oportuno para facer historia e sementar futuro. O paso do tempo certificou o acertado da iniciativa e o que representa como motor para outras moitas empresas que se miran no seu espello. Teño dito que unha cultura sen industria cultural é unha cultura morta, porén, algo tan elemental custou que penetrase no tecido da Galicia que viña de sufrir a ditadura e o desprezo da lingua galega. Xerais foi a primeira pedra do edificio actual e hai que recoñecelo.

E así acontece cada ano na peregrinación que facemos á illa de San Simón na convocatoria dos Premios Xerais. Outra iniciativa pioneira consolidada, que xa é a cita máis senlleira do mes das letras galegas, por riba doutras que naceron e esmoreceron diante da falla de seriedade e dun proxecto cultural solvente. Os Xerais marcan cada ano tendencias na escrita da novela e da literatura infantil e xuvenil galegas, por riba dos intereses editoriais propios doutros premios. Da solvencia e independencia dos seus xurados tivemos este ano unha mostra contundente cando dous deles sorprendéronse premiando dúas obras de Rosa Aneiros. Unha excepción que confirma a solvencia da autora e dos Xerais.

“Sol de Inverno”, Premio Xerais de novela 2009, avance dun capítulo

Xuño 19, 2009

Aquí pode descargarse en pdf un capítulo das primeiras probas de Sol de Inverno, a novela de Rosa Aneiros gañadora do Premio Xerais 2009. Boa lectura!

As fotos dos Premios Xerais 2009 no Facebook

Xuño 17, 2009

As fotos dos Premios Xerais 2009 poden verse no perfil de Facebook de Xerais que xa superou os seus 500 seareiros e seareiras e mantén un nivel de participación e actualización constante.

Fran Alonso, entrevista Premios Xerais 2009

Xuño 15, 2009

Rexina Vega, entrevista Premios Xerais 2009

Xuño 15, 2009

Premios Xerais 2009, entrevistas a editores

Xuño 13, 2009

Amanda Bouzada, entrevista nos Premios Xerais 2009

Xuño 12, 2009

Vídeoentrevista a Amanda Bouzada, membro do xurado Premio Fundación Caixa Galicia que premiou á novela Ás de bolboreta de Rosa Aneiros.

Agustín Fernández Paz, entrevista nos Premios Xerais 2009

Xuño 12, 2009

Vídeoentrevista a AgustínFernández Paz, tras a cerimonia dos Premios Xerais 2009, onde leu o discurso Oito doas para San Simón. Na entrevista, Agustín fala, ademais, de Lúa do Senegal, a súa máis recente novela, publicada na colección Sopa de Libros.

Agustín Fernández Paz

Xuño 11, 2009

Miguel Anxo Fernán Vello publica en Galicia hoxe un artigo sobre o discurso que Agustín Fernández Paz leu na cerimonia dos Premios Xerais 2009.

Entre tanto ar viciado, mentiras e descaro político que vivimos e sufrimos -engadamos aquí tamén ousadía e procacidade-, brilla por si mesma a personalidade dun escritor que acaba de pronunciar un Discurso. O Discurso. En singular e con maiúscula inicial. Elegante e sumamente afábel, discreto e sempre construtivo no seu ser e no seu estar, Agustín Fernández Paz, o autor do Discurso, é, sen dúbida, un dos grandes autores literarios do noso país, ben aprezado polos seus lectores, que son numerosos, e moi recoñecido fóra de Galicia, con libros traducidos, por exemplo, ao árabe ou ao coreano e, por suposto, ao castelán ou francés, entre outros. Agustín Fernández Paz, que non hai moito tempo recibiu o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil, foi o encargado este ano de pronunciar o discurso que, con motivo da celebración do ditame dos Premios Xerais, centra os actos que teñen lugar de xeito solemne e literario arredor de ditos premios, “institucións” de alto valor que organiza a editora do mesmo nome. O profesor Fernández Paz titulou o seu discurso Oito doas para San Simón -a festa literaria tivo lugar na Illa do mesmo nome- e foi quen de construír unha “obra oratoria” que, neste ámbito ou rexistro, na miña opinión, pasará a formar parte dos grandes textos literarios do noso tempo. A “peza” literaria de Fernández Paz contén verdades profundas e certeiras sobre o noso idioma propio e sobre a creación literaria que del emana, mais o río oratorio creado polo autor destas Oito doas para San Simón posúe, ademais dunha linguaxe transparente e fluída, un ritmo verbal e unha “poética” definida que o converten nunha referencia estética, sen dúbida, e tamén nun relatorio conmovedor -provisto de “intelixencia sentinte”, como quería o filósofo- cunha ben establecida base ética na súa práctica discursiva e interpretativa. Nestes tempos ateigados de falsidade e demagoxias, o Discurso de Agustín Fernández Paz é un bálsamo e unha luz no medio dun posíbel novo “tempo de pedra” que comeza a se albiscar. Miguel Anxo Fernán Vello.

Luís Rei Núñez nos Premios Xerais 2009

Xuño 10, 2009

Luís Rei Núñez, autor de Monte Louro, obra gañadora do Premio Blanco Amor 2009, fala dos Premios Xerais, da súa última novela e das posibles semellanzas temáticas que esta puidese ter con Sol de Inverno, a obra de Rosa Aneiros gañadora deste Xerais 2009.

Xosé Manuel Beiras nos Premios Xerais 2009

Xuño 10, 2009

Tras a cerimonia dos Premios Xerais do sábado 6 de xuño de 2009, Xosé Manuel Beiras fala do sector editorial, do conflito sobre a lingua, sobre a literatura galega actual e o papel dos Premios Xerais, entre outros temas.

«Sobre rodas» nos Xerais 2009

Xuño 9, 2009

«Sobre rodas», o dúo de zanfonistas formado por Luís Correa «O Caruncho» e Carlos do Viso interpretan o «Alalá de Muxía» e a «Foliada de Baiona durante a cerimonia dos Premios Xerais 2009.

Premios Xerais 2009, falan Rosa Aneiros e Jacobo Fernández Serrano

Xuño 9, 2009

Premios Xerais 2009, álbums de fotos

Xuño 9, 2009

A cerimonia dos Xerais 2009 foi recollida en diversos álbums de foto na rede. No perfil de Facebook están recollidos diversos álbums. Nesta anotación iremos recollendo os  enlaces dispoñibles na rede:

    «Sobre rodas» nos Premios Xerais 2009

    Xuño 8, 2009

    O apartado musical dos Premios Xerais 2009 correu a cargo do dúo de Zanfonistas «Sobre rodas», formado por Luís Correa «O Caruncho» e Carlos do Viso. Na cerimonia de entrega tocaron catro pezas, primeiro o «Alalá de Muxía» e a «Foliada de Baiona», e, despois, «O home do sombreiro» e «As matas». Agradecemos a Curioso Impertinente as gravacións que fixo deste apartado musical, tanto na cerimonia como no regreso a porto.

    Jacobo Fernández Serrano, primeiras entrevistas

    Xuño 8, 2009

    Jacobo Fernández Serrano, gañador do Premio Merlín de Literatura Infantil 2009 por Mil cousas poden pasar.Libro I, realizou as primeiras entrevistas. Aquí recollemos as que fomos localizando:

    Rosa Aneiros, primeiras entrevistas

    Xuño 8, 2009

    Rosa Aneiros, a gañadora tanto do Premio Fundación Caixa Galicia de literatura Xuvenil 2009 por Ás de bolboreta como do Xerais de Novela 2009 por Sol de Inverno, realizou as primeiras entrevistas para os medios. Recollemos as que fomos localizando.

    2009060819450238589

    Os Premios Xerais 2009 nos medios

    Xuño 8, 2009

    Os medios acolleron con moito interese as noticias dos Premios Xerais 2009. O noso recoñecemento para este esforzo que moito agradecemos. Nesta anotación trataremos de enlazar toda a información que localizamos.

    g7p60f1[Fotografía de Gustavo Rivas]

    Os Premios Xerais 2009 nos blogs

    Xuño 8, 2009

    Son moi numerosas as crónicas, anotacións ou fotografías publicadas nos blogs e nos perfís de Facebook sobre o serán dos Premios Xerais 2009. A todos os blogueiros e blogueiras agradecemos o seu agarimo. Neste espazo actualizaremos todas as que vaiamos localizando na rede:

    Imagen052[Imaxe de Arume dos piñeiros]

    • Crónica de San Simón“, Ferradura en tránsito (Xosé Manuel Eyré): “En San Simón foi a Festa da Literatura Galega de Xerais. Un dos acontecementos do ano.”
    • Viaxe á illa“, Arume dos piñeiros (Manuel Candelas Colodrón): “peirao de san adrián de cobres, lámina gris sobre mar de vigo, estribor e vellos risos, magnolios e arcolitos, arrecendo a buxo húmido, ponte e fotos de amanda, lápidas non lidas do cemeterio, estampa de lique e algas, capela de sansimón senmáns, voces ao lonxe, zanfonas, cálido agustín, jacobo en aniversario, rosa duplicada, bragado celta e ebooks para findeano, zanfonas…”
    • O serán de Agustín“, Brétemas (Manuel Bragado): O de onte en San Simón foi un serán memorable. O incrible dobrete de Rosa Aneiros e as senllas intervencións para agradecer cada un dos premios, a atrevida novela infantil de Jacobo Serrano, as intervencións dos membros dos tres xurados, a elección do agasallo para os participantes, a merenda saborosa que nos preparou Fita, a presentación da velada e a organización perfecta de Celia, as zanfonas de Sobre rodas, a retransmisión por Blogaliza.tv, as travesías delicadas de Ángel, o agarimo dos trescentos amigos e amigas foron algunhas das cousas bonitas dun serán no que ata a chuvia nos deu unha tregua sobre a ría durante seis horas. Con todo, o de onte foi o serán de Agustín que arrollou cun discurso extraordinario. Un aplauso longo, longuísimo (nunca tal vira nun acto literario) de trescentas persoas en pé agradeceron esas palabras firmes e luminosas.
    • Oito doas para San Simón“, Días estranhos (Martin Pawley): Agustín Fernández Paz no seu discurso como mantedor literario dos Premios Xerais 2009. E claro, claro que ao escoitalo aplaudimos postos en pé. Se non nos poñemos en pé por Agustín, por quen o habemos de facer?
    • A illa dos premios“, O Furancho de Lavesedo: “Todo tivo a enerxía silente que a illa lles doa xenerosa cada ano aos premios. Foi bonito. Pero apesar de todo, quedoume un aquel de tristura. Vai ti saber por que.”
    • A illa da creatividade é a dos Premios Xerais“, O levantador de minas (Alfredo Ferreiro): “Tanto hai para que lles conte sobre os Premios Xerais 2009 que hoxe non souben por onde comezar. O día ameazaba con nunca titar a capa cincenta con que nos abrigaba e a tarde con non permitirnos entre estatuas, balaustradas e coidados xardíns. Aínda ben que a ría non admite ondas feroces, cheguei a pensar antes de subir á modesta embarcación que me transportaría á illa de San Simón. Mais a tarde deu para todo, sendo ese todo moito máis do que cabía esperar. Trescentas persoas embarcaron rumbo á illa para asistiren aos Premios Xerais nun barquiño xeneroso que houbo de facer tres viaxes até que todos arribaron a esa terra testemuña de amores, traballos, enfermidades, torturas e arte. Xa en terra, as faces en pedra de Mendinho, Joám de Cangas e Martim Códax auguraban un evento caracterizado polo compromiso incorruptíbel coa arte escrita.”
    • Xeniais Xerais!“, Ana Bande: “Encantado de coñecerte en persoa, vaia, Miriño, que Curioso e Impertinente, que gustazo vérmonos, teño pendiente entregarche un premio, si o disco de Abuña Jazz, bico neno, ola Montserrat, ten graza a cousa, levabamos unha chea de tempo coincidindo por aí, eu xa dicía, pero ¿porque cada vez que me paro con M., o meu home saúda sempre á sua compañeira?…”
    • Xentes,letras e músicas“, Curioso impertinente: Pola tarde collemos o barco ás seis menos cuarto para ir á illa de San Simón. Paseo pola illa, coa ponte de Rande ao fondo, e entrega dos premios Xerais 2009.
    • A min tamén me tocou o Xerais“, A profa (Pilar Ponte): “Non, non estou tola, este ano a min tamén me tocou o Xerais.
    • Agarimosa Xerais“, Serendipia: Grazas, Xerais, pola doce acollida.
    • Premios Xerais, defensa do idioma e Rosa Aneiros“, O enigma de Albixoi (Pablo Mato), inclúe vídeos: “A xeira do sábado 6 de xuño foi un día de grandes contrastes. Por un lado, un tempo case invernal puxo en perigo o que tería que ser unha festa. Por outro, as polémicas decisións que vén tomando o goberno popular contra o galego durante toda a lexislatura.”
    • Inesquecible Xerais“, Albademadrugada:”A Rosa, Rosiña como a nena do conto; o fermosísimo conto que tivemos a sorte de saborear antes que ninguén, a outra tarde n’Ocity.
    • Acumúlanse os posts que nunca escribirei“, Emerecindo: “As semanas de lecturas, o Limiar da Conciencia, as pombas e os morcegos, a media ducia cumprida de historias entretidas, as dúas tardes de intenso (e enriquecedor) debate, a volta á illa, os pinchos, o lercheo, os risos, as oito doas para San Simón, a sorpresa a emoción e a frustración de saberme perseguida por aquelas palabras roubadas a Rodari que apareceron no primeiro libro que metín no bolso despois das lecturas forzosas e que, vintecatro horas máis tarde, estalaron de novo diante de min con toda a forza do discurso de Agustín.”

    Agustín Fernández Paz: «Oito doas para San Simón»

    Xuño 8, 2009

    Agustín Fernández Paz, como mantedor literario da XXVIª edición dos Premios Xerais, leu o discurso titulado Oito doas para san Simón (pode descargarse o arquivo pdf aquí)), no que fixo unha defensa do papel da creación literaria en lingua galega como forma de participar na cultura da humanidade. Nesta liña rematou a súa intervención con estas palabras:

    Estamos afeitos a traballar en situacións adversas. Na historia da nosa literatura as liñas de resistencia activa veñen de lonxe. De Rosalía, rebelándose contra o feito de sentirse estranxeira na súa patria; de Curros, que denuncia a ameaza dos lobos e clama pola unión; de Cunqueiro pechado na súa bufarda de Mondoñedo a soñar as mil primaveras para a lingua estigmatizada; de Celso Emilio, falándolle como un irmau solidario a todos os desposuído do mundo… A nosa forma de participar na cultura da humanidade é desenvolvendo a cultura galega. Temos dentro de nós a materia que lle pode interesar a calquera persoa en calquera lugar do mundo, só precisamos plasmala a través do proceso de creación. Para conseguilo, cómpre chantar os pés na nosa realidade e, coas raíces na terra, abrirnos a todos os ventos culturais do mundo. Porque aquí están as fábricas da imaxinación das que fala Manuel Rivas, delas poden saír creacións que tamén se lean en toda a periferia mundial. Obras cargadas de vida, obras cunha luz tan forte que sexa imposible de agochar. Un dos trazos máis significativos da cultura galega, que tan ben souberon expresar os membros da Xeración Nós, é a súa vocación de ser célula de universalidade, a súa vontade de ser unha peza máis, en pé de igualdade, no mosaico mundial das culturas: a súa conciencia de que só se pode ser universal desde as propias raíces.

    «Sol de Inverno» de Rosa Aneiros, premio Xerais 2009

    Xuño 8, 2009

    O xurado da 26ª edición do Premio Xerais de Novela dotado con 25.000 euros e formado Ana Bande Bande (bibliotecaria), César Lorenzo Gil (xornalista), Paz Raña Lama (profesora), Sonia Díaz (xornalista), Bieito Legaspi (profesor e membro de Espazo Lectura) e Fran Alonso, secretario do xurado en representación de Xerais, con voz e sen voto, entre as corenta e cinco obras participantes, declarou finalistas as presentadas baixo os seguintes lemas: «A soidade dos leóns», «Dinara», «Limiar da conciencia» e «O retorno das aves».

    Despois da súa última deliberación, acordou por maioría declarar como gañadora a presentada baixo o lema “O retorno das aves”, presentada baixo o pseudónimo Píllara que, despois de aberta a plica, resultou ser de Rosa Aneiros e corresponde ao título Sol de Inverno.

    Na novela gañadora do Premio Xerais 2009, desde a ventada e afastada aldea de Antes, unha voz narrativa en segunda persoa vai reconstruíndo unha vida e a dunha familia cun intenso pouso de lirismo que atravesa todo o relato. O xurado no texto de xustificación da súa decisión sinalou que “esta é unha longa novela que emociona, unha novela comprometida, densa, que se arrisca cun tema xa tratado e que sae indemne para debuxar o periplo vital dunha fascinante personaxe que, desde os trece anos que ten ao comezo, se move baixo o motor da paixón: Inverno. Inverno, que é a protagonista, habita, empuxada polos designios da historia, diversos escenarios que nos conducen desde a perdida aldea de Antes –nada máis que trinta lumes a comezos de 1936– a Barcelona, para relatarnos a crueldade da guerra; e logo ás circunstancias do exilio en Francia, ao emblemático Ipanema que viaxa con destino a México; ao longo exilio cubano –onde nos atopamos coa emigración e cos descendentes dos cimarróns–; á revolución castrista; e mesmo á viaxe a un París marcado polos estudantes do maio do 68. Sen dúbida, a narración responde ao pulso da historia, pero tamén á rebeldía dos seus personaxes na defensa dos ideais e da xustiza.”

    _Rosa_02A novela, de profunda instrospección nos protagonistas e no deseño dos ambientes, constrúe un mundo simbólico, máxico, riquísimo en referentes, a través do que pululan seres entrañables, que nos conmoven, e tamén persoas reais, como Castelao, Carmen Muñoz ou Rafael Dieste. Deste xeito, apaña o fío da tradición literaria galega este longo relato de pulso vagoroso, meditado, que reborda nun río de historias que nunca nos deixan indiferentes. A memoria do exilio, as súas voces e as súas feridas, que Inverno ten que lamber unha e outra vez coma un pesadelo, é a que vai erguendo as sólidas paredes desta novela que, de seguro, engaiolará desde a primeira páxina, desde a dedicatoria inicial a Silvia Mistral.

    Rosa Aneiros declarou, cando recibiu o premio Xerais, que “nesta novela quería contar a historia dunha nena, Inverno, a que lle roubaron a infancia, ese paraíso de Antes, e como ao longo de toda a súa vida pelexa por retronar e recuperar ese paraíso. Inverno tenta sempre regresar, especialmente cando vive en Cuba en contacto coa comunidade de emigrantes galegos, aí nese treito da narración, quixen recuperar a memoria da miña propia infancia”. Rematou Rosa Aneiros salientando que “Inverno é un personaxe completo que loita polos seus ideais, mais tamén polos ideais de outros, que sinte tan preto como os propios”.

    «Ás de bolboreta» de Rosa Aneiros, premio Fundación Caixa Galicia 2009

    Xuño 8, 2009

    O xurado da 4ª edición do Premio Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil dotado con 10.000 euros, formado por: Verónica Rego (en representación da Fundación Caixagalicia), Mónica Góñez (profesora e escritora), Pilar Ponte Patiño (profesora), Alba González Méndez (estudante de 4ª da ESO, IES Os Rosais de Vigo), Amanda Bouzada Novoa (estudante de 4º da ESO do IES Os Rosais de Vigo) e Xosé Manuel Moó Pedrosa, secretario do xurado, en representación de Xerais, con voz e sen voto, entre as dezanove obras participantes, declarou finalistas as presentadas baixo os lemas: «Ás de bolboreta», «Dragal» e «Quiromántico».

    Despois da súa última deliberación, acordou por unanimidade declarar como gañadora a presentada baixo o lema “Ás de bolboreta” que, despois de aberta a plica, resultou ser de Rosa Aneiros Díaz e corresponde ao título Ás de bolboreta. O xurado aconsella á editorial a publicación da novela presentada baixo o lema “Dragal”.

    A novela gañadora do Premio Fundación Caixa Galicia 2009 desenvólvese no bar de Patricia, situado nunha encrucillada de rúas en Santiago de Compostela, o quilómetro cero onde conflúe cada un dos camiños que transitan os máis de quince personaxes. Nesta novela crúzanse historias humanas diferentes que, no seu conxunto, conforman unha radiografía da sociedade urbana actual: globalizada, interconectada e diversa.

    _Rosa_01Unha das historias é a de Manuel, un neno de orixe africana, a quen lle morreu a súa nai adoptiva, que apenas pasa tempo co seu pai –un ocupado home de negocios– e que comparte varias horas do día no bar de Patricia co seu avó materno, con quen vai aprender a superar a morte da nai, a comprender a súa infancia e a recuperar o seu pai. Pola súa parte, Lola e Eusebio, un matrimonio de anciáns que viven sos, el enfermo e dependente, teñen que se enfrontar ás grandes decisións que esixen a vellez e a enfermidade: continuar vivindo na casa ou trasladarse á frialdade dunha residencia, ter que recorrer a descoñecidos para que os axuden, saber convivir coa presenza cada vez máis próxima da morte e convencerse de que hai soños que sempre pospuxeron pensando que aínda había tempo por diante para os cumprir.

    Tamén está a historia de Iqbal, un mozo londiniense de pais paquistanís que decidiu marchar de Londres tras os atentados terroristas no metro en xullo de 2005 que condicionaron e marcaron a vida dos londinienses pertencentes á comunidade musulmá. E a de Aysel, unha kurda que manifesta de forma brutal a impotencia que sente pola total indiferenza con que a comunidade internacional acolle a represión exercida contra o seu pobo por parte do goberno turco; e a historia dos alpinistas do monte Gurugú, dous mozos nixerianos que tentan atravesar o valado da fronteira de Melilla para poder reunirse coa súa tía, que agarda todos os días, no bar de Patricia, unha chamada que confirme a chegada dos seus sobriños a Galicia. E tamén a historia de Paco e Adolfo, dous homes covardes que non aprenderon a considerar as súas mulleres como compañeiras de viaxe, e a da señora Filomena, e a de Ana, e a de Fiño…

    O xurado na xustificación da súa decisión sinalou que “Ás de bolboreta de presenta unha estrutura non xerarquizada, dividada en breves capítulos onde calquera parte está conectada con todas as demais, un puzzle de pezas engarzado do mesmo xeito que se engarzan as vidas dos personaxes da novela. Tratando temas nada compracentes, como o terrorismo, a intolerancia, a soidade ou a violencia contra as mulleres, a novela flúe e conmove aos seus lectores e lectoras grazas á combinación de diálogos áxiles e frescos con pasaxes fondamente líricas. Mediante a conexión do cotián con outras historias que poden semellar máis afastadas conséguese unha intensidade narrativa reforzada polo acertado emprego dos rexistros que se van adecuando aos distintos personaxes que conforman a novela. Ás de bolboreta é tamén un conto triste e esperanzador ao mesmo tempo, fondamente humano, solidario e internacionalista.”

    Rosa Aneiros declarou, no momento de recibir o premio Fundación Caixa Galicia, que “esta é unha novela de historias e personaxes que se cruzan, xa que quixen expresar que hoxe todos estamos interconectados e o bater de ás dunha bolboreta pode provocar efectos inagardados noutro lado do mundo”. Continuou Rosa Aneiros dicindo que “procurou para todos os personaxes atopar unha saída para a súa soidade, ao tempo que amosar a presenza dunha violencia moi sutil nas súas vidas”. Rematou a gañadora do premio Fundación Caixa Galicia 2009 recordando que “hai dez anos publiquei a miña primeira obra, a novela xuvenil Eu de maior quero ser, neste tempo aprendín da miña participación en encontros de moitos clubs de lectura e de moitos contactos con lectores novos e novas que teñen unha enorme capacidade para rematar eles as historias; con Ás de bolboreta teño a esperanza que eles rematen estas historias, narradas dende a maior naturalidade, procurando a simpleza e a ausencia de calquera tipo de prexuízos”.

    «Mil cousas poden pasar.Libro I» de Jacobo Fernández Serrano, premio Merlín 2009

    Xuño 8, 2009

    O xurado da 24 ª edición do Premio Merlín de literatura infantil dotado con 10.000 euros formado por: Rosana Estévez Pereira (contacontos e membro de Espazo Lectura), Santiago Gutiérrez (ilustrador), Mercedes Pacheco (tradutora), Mª Xesús Pereiro (escritora infantil e profesora), Xan Guillén  Vázquez (profesor e coordinador do Premio Literario Frei Martín Sarmiento) e Helena Pérez Fernández, secretaria do xurado, en representación de Xerais, con voz e sen voto, entre as vinte e catro obras participantes, declarou finalistas as presentadas baixo os lemas: «Papude», «Secundario» e «Septempunctata».

    Despois da súa última deliberación, acordou por maioría declarar como gañadora a presentada baixo o lema “Papude” que, despois de aberta a plica, resultou ser de Jacobo Fernández Serrano e corresponde ao título Mil cousas poden pasar. Libro I.


    Os membros do xurado do Premio Merlín xustificaron a súa decisión salientando que en Mil cousas poden pasar. Libro I, “baixo a premisa da liberdade absoluta,  o autor propón ao lector un xogo no que se nos decidimos a entrar a ceibar sen límites a imaxinación, calquera cousa pode xa acontecer”. Coa escusa inicial da procura dun agasallo de aniversario para o submariño rei dos tritóns, a narración vainos levando ao encontro dunha serie de personaxes insólitos e á sucesión de situacións a cal máis imaxinativa e disparatada nunha cidade onde todo é posible, onde o excepcional é o cotián, onde o surrealismo é o normal e o absurdo convértese no lóxico. Para o xurado “as personaxes coas que nos cruzamos nesta deliciosa lectura, e que nun principio semellarían ser so actores secundarios dunha trama nada lineal, acaban revelándose ao cabo nos absolutos protagonistas desta ben orquestada peza coral”.

    “Estas personaxes son tan únicas coma as situacións que experimentan: os ríos teñen vida propia, hai dous namorados que viven a súa historia cunha beleza e sensibilidade nas antígonas da ñoñería, e atopamos un enterrador que para si quixera Tim Burton. Montada sobre unha intelixente estrutura, construída coma unha cadea de dominó, onde unha ficha derruba á seguinte, Mil cousas poden pasar. Libro I vainos amosando unha serie de pezas que acaban conformando de maneira totalmente natural un mosaico fermoso e único, construíndo un imaxinario propio e un mundo fantástico orixinal e novidoso, sólido e sen fisuras. Grazas ás pequenas (ou grandes) historias das personaxes que habitan a cidade de Nil, descubrimos un universo que trascende os límites desta novela e que non recorre a tópicos anteriores da literatura infantil.”

    “E sobre esta estrutura, e con estas pezas, cóntasenos unha historia sobre as consecuencias das accións, por sutís que estas parezan, nunha sorte de teoría sen fin das ás de bolboreta; e de vocacións, de como todos, dun xeito ou doutro, acaban desempeñando a función para a que se sinten inclinados. O emprego dun narrador, tamén moi particular, é outro dos logros técnicos desta obra: a omniscencia dos narradores convencionais en terceira persoa, é substituída aquí por un interlocutor que fala co lector, que recoñece as súas deficencias coma contador de historias, e que fai lúcidas reflexións vitais de colleita propia que achegan moito á comprensión subxectiva do mundo que nos está a describir. E que ademais, de cando en vez, nos premia citando de forma recurrente  a un felino trovador que ten unha rima para cada situación. “

    “Quizais ese mixiño poeta sexa parente lonxano do gato evanescente que se lle aparecía á marabillosa Alicia… ou quizais o río Inrique deixara o seu leito para levarlle auga corrente ao Castelo Ambulante que imaxinara Miyazaki… e de seguro que Gulliver, cando deixa de visitar illas lonxanas e fai turismo de interior, ten unha casiña de verán na vila de Nil onde se sinte como na casa. Quizais a singular cidade de Nil, cae polos arredores de Mondoñedo, o Mondoñedo de Cunqueiro, onde se fraguaron outras tantas historias singulares.”

    _Jacobo_01Rematou sinalando o xurado do Premio Merlín 2009 que as razóns polas que foi premiada esta obra foron “pola desbordande imaxinación da que fai gala o autor, polo novidoso do argumento, pola inédita e variada galería de personaxes, pola solidez do mundo que se constrúe ante nós con cada frase, polo orixinal da estutura,  polo arriscado de levar o absurdo ao extremo, pola beleza plástica dalgunhas descricións e figuras narrativas e polo metafórico de moitas das pasaxes argumentais”.

    Jacobo Fernández Serrano declarou que “recibir un premio coma este, coa impresionante lista de escritores que o levaron antes ca min, é unha honra e unha ledicia inmensa. A novela comeza cos fillos do rei do mar que caen na conta de que se achega o aniversario do seu pai e aínda non teñen agasallo. Da procura dese agasallo desencadéanse as mil cousas do título da obra. Pois ben, coincidiu que hoxe 6 de xuño é o meu aniversario. Semella logo que esta noveliña da que son pai deu co agasallo ideal: O Merlín. Seica as veces as cousas na vida real cadran aínda mellor que na literatura”.

    Rosa Aneiros e Jacobo Fernández Serrano, Premios Xerais 2009

    Xuño 6, 2009

    _DSC0036Despois da súa última deliberación, o xurado da XXIVª edición do Premio Merlín de Literatura Infantil acordou por maioría declarar como gañadora a presentada baixo o lema “Papude” que, despois de aberta a plica, resultou ser de Jacobo Fernández Serrano e corresponde ao título Mil cousas poden pasar. Libro I.

    Pola súa banda o xurado da IVª edición do Premio Fundación Caixa Galicia de Literatura xuvenil acordou por unanimidade declarar como gañadora a presentada baixo o lema “Ás de bolboreta” que, despois de aberta a plica, resultou ser de Rosa Aneiros Díaz e corresponde ao título Ás de bolboreta. O xurado aconsella á editorial a publicación da novela presentada baixo o lema “Dragal”.

    Por último, o xurado da XXVIª edición do Premio Xerais de novela despois da súa última deliberación, acordou por maioría declarar como gañadora a presentada baixo o lema “O retorno das aves”, presentada baixo o pseudónimo Píllara que, despois de aberta a plica, resultou ser de Rosa Aneiros e corresponde ao título Sol de Inverno.

    A cerimonia de entrega, na que participan máis de trescentas persoas, estase celebrando na illa de San Simón podendo ser seguida dende Blogaliza.tv.

    Os Premios Xerais 2009 poderán ser seguidos por Internet

    Xuño 4, 2009

    A cerimonia de entrega dos Premios Xerais 2009, que se celebrará o vindeiro sábado 6 de xuño, a partir das 19:00 horas, na illa de San Simón poderá ser seguida en directo por Internet dende a páxina de Blogaliza tv. Xerais agradece a colaboración de Blogaliza para poñer en marcha por vez primeira nun acto literario galego unha iniciativa semellante.

    Para seguir a retransmisión Blogaliza dispuxo dunha páxina de axuda.

    A partir do domingo no blog de Xerais e no seu perfil de Facebook publicaranse unha selección das gravacións da cerimonia.

    Mar Guerra no CEIP Montemogos

    Xuño 2, 2009

    20090602125016-img-3147-rRecollemos a anotación publicado no blog do CEIP Montemogos sobre a presenza no centro da escritora Mar Guerra para presentar o seu Xenaro e o misterio da mochila verde, obra gañadora do Premio Merlín de literatura infantil 2008. Ao longo dos últimos meses Mar Guerra participou en moitos actos semellantes en diferentes centros escolares e bibliotecas.

    Finalistas dos Premios Xerais 2009

    Maio 29, 2009

    Reunido, hoxe 29 de maio, no castelo de Soutomaior, o xurado da XXVI edición do Premio Xerais de Novela, dotado con 25.000 euros e no que participaron corenta e cinco obras,  formado por Ana Bande Bande (bibliotecaria), César Lorenzo Gil (xornalista), Paz Raña Lama (profesora), Sonia Díaz (xornalista), Bieito Legaspi (profesor e membro de Espazo Lectura) e Fran Alonso, secretario do xurado en representación de Xerais, con voz e sen voto, acordou declarar finalistas as obras presentadas baixo os lemas «A soidade dos leóns», «Dinara», «Limiar da conciencia» e «O retorno das aves».

    Pola súa banda, o xurado da IV edición do Premio Fundación Caixa Galicia de literatura xuvenil, dotado con 10.000 euros e no que participan dezanove obras,  formado por Verónica Rego (en representación da Fundación Caixagalicia), Mónica Góñez (profesora e escritora), Pilar Ponte Patiño (profesora), Alba González Méndez (estudante de 4ª da ESO, IES Os Rosais de Vigo), Amanda Bouzada Novoa (estudante de 4º da ESO do IES Os Rosais de Vigo) e Xosé Manuel Moó Pedrosa, secretario do xurado, en representación de Xerais, con voz e sen voto, acordou declarar como finalistas as obras presentadas baixo os lemas: «Ás de bolboreta», «Dragal» e «Quiromántico».

    O xurado da XXIV edición do Premio Merlín de literatura infantil, dotado con 10.000 euros e no que participan vinte e catro obras, formado por Rosana Estévez (contacontos e membro de Espazo Lectura), Santiago Gutiérrez (ilustrador), Mercedes Pacheco (tradutora), Mª Xesús Pereiro (escritora infantil e profesora), Xan Guillén  Vázquez (profesor e coordinador do Premio Literario Frei Martín Sarmiento) e Helena Pérez Fernández, secretaria do xurado, en representación de Xerais, con voz e sen voto, acordou declarar como finalistas as obras presentadas baixo os lemas: «Papude», «Secundario» e «Septempunctata».

    O fallo de cada un dos premios darase a coñecer no serán do sábado, 6 de xuño, no acto literario que terá lugar na illa de San Simón.

    Composición dos Xurados dos Premios Xerais 2009

    Maio 21, 2009

    Trofeo recortado webO luns 1 de xuño daránse a coñecer as obras finalistas dos tres premios.

    Os xurados declararán as obras finalistas na súa primeira reunión, que se celebrará o venres, 29 de maio. Os premios serán fallados o sábado 6 de xuño na illa de San Simón.

    Edicións Xerais de Galicia, unha vez pechado o prazo de admisión de orixinais dos seus premios literarios 2009, nomeou aos membros dos tres xurados.

     O xurado da XXVI edición do Premio Xerais de Novela, dotado con 25.000 euros e no que concorren corenta e cinco obras, está formado por: Ana Bande Bande (bibliotecaria), César Lorenzo Gil (xornalista), Paz Raña Lama (profesora), Sonia Díaz (xornalista), Bieito Legaspi (profesor e membro de Espazo Lectura) e Fran Alonso (secretario do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto.

     O xurado da IV edición do Premio Fundación Caixa Galicia de literatura xuvenil, dotado con 10.000 euros e no que concorren dazanove obras, está formado por: Verónica Rego (en representación da Fundación Caixagalicia), Mónica Góñez (profesora e escritora), Pilar Ponte Patiño (profesora), Alba González Méndez (estudante de 4ª da ESO, IES Os Rosais de Vigo), Amanda Bouzada Novoa (estudante de 4º da ESO do IES Os Rosais de Vigo) e Xosé Manuel Moó Pedrosa (secretario do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto.

     O xurado da XXIV edición do Premio Merlín de literatura infantil, dotado con 10.000 euros e no que concorren vinte e catro obras, está formado por: Rosana Estévez (contacontos e membro de Espazo Lectura), Santiago Gutiérrez (ilustrador), Mercedes Pacheco (tradutora), Mª Xesús Pereiro (escritora infantil e profesora), Xan Guillén  Vázquez (profesor e coordinador do Premio Literario Frei Martín Sarmiento) e Helena Pérez Fernández (secretaria do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto.

    Pechada a admisión de orixinais dos Premios Xerais 2009

    Abril 17, 2009

    basesnovelaPechada a admisión de orixinais dos Premios Xerais 2009, o número de participantes en cada categoría foi:

    • 26º  Premio Xerais de novela: 45 orixinais.
    • 24º Premio Merlin de literatura infantil: 24 orixinais.
    • Premio Fundación Caixa Galicia de literatura xuvenil: 19 orixinais.

    As obras finalistas en cada unha das tres categorías daranse a coñecer tras a primeira reunión deliberatoria dos xurados que se celebrará no serán do 29 de maio. O fallo definitivo anunciarase o sábado 6 de xuño no seo da cerimonia que se celebrará na illa de San Simón.

    «A cabeza de Medusa», crítica en «Culturas»

    Marzo 30, 2009

    a-cabeza-de-medusa-culturas-28-3-09Ramón Nicolás publicou no suplemento «Culturas« de La Voz de Galicia do pasado sábado unha crítica d’ A cabeza de Medusa, a novela de Marilar Aleixandre, premio Fundación Caixa Galicia de literatura xuvenil.

    Os premios Xerais de novela hoxe en «Libro aberto»

    Febreiro 1, 2009

    libroaberto_pOs gañadores do premio Xerais de Novela 2008 visitan hoxe «Libro aberto», o programa de literatura da Televisión de Galicia. Na Biblioteca Nacional de Galicia da Cidade da Cultura, será entrevistado o escritor Manuel Lourenzo González, gañador do premio Xerais con O xardín das pedras flotantes.  Tamén será entrevistado Alberto Canal, finalista do premio Xerais coa novela Conexión Tubinga, unha intriga teolóxica que é a estrea literaria do ourensán.  Ademais, na sección de reportaxes falarase da lectura entre os adolescentes co escritor Xabier P. Docampo. Laura Caveiro, na sección de traducións, atenderá a un dos recentes éxitos editoriais, o libro Mal de escola, de Daniel Pennac.

    «Pel de lobo», undécima edición

    Febreiro 1, 2009

    xg00052801Acaban de chegar ás librarías os exemplares da úndécima edición de Pel de lobo, a novela de Xosé Miranda, gañadora do Premio Merlín 2002. Dende a súa aparición hai seis anos, Pel de lobo superou os vinte mil exemplares vendidos, dato  que, xunto os de  Morning star,  novela que acadou a ducia de edicións  e os vinte e dous mil exemplares vendidos, fan de Xosé Miranda un dos narradores galegos máis apoiados polos lectores e lectoras ao longo da última década. Os nosos maiores parabéns para el.

    Entrevista a Alberto Canal en «Galicia Hoxe»

    Xaneiro 28, 2009

    Hoxe aparece na sección «Maré» de Galicia Hoxe unha entrevista a Alberto Canal, autor da novela Conexión Tubinga, que foi finalista dos Premios Xerais de Novela 2008. Recollemos un fragmento:

    xg00159601Conexión Tubinga está escrita cunha linguaxe sinxela e directa. “Dicía Kundera que escribía novelas fáciles de ler pero difíciles de entender. Quixen utilizar unha linguaxe accesible a todo o mundo, porque penso que coa linguaxe debemos seducir e comunicar”, opina o autor.

    “Na literatura galega fan falta historias que cheguen ó lector, que emocionen. Gustaríame que algún día, un camión depositase un palé de libros nunha librería porque houbese moitos pedidos dos lectores que tiñan moita ansia por ler unha obra. Fan falta escritores que chamen polos lectores cara á literatura galega”, explica Canal.

    «Xenaro e o misterio da mochila verde» en «Culturas»

    Decembro 29, 2008

    mar-guerra-la-voz-13-12-20081Ramón Nicolás publicou o pasado 13 de decembro no suplemento «Culturas» de La Voz de Galicia unha crítica sobre Xenaro e o misterio da mochila verde, a novela de Mar Guerra, gañadora do Premio Merlín de literatura infantil 2008.

    Premios Xerais 2009

    Decembro 23, 2008

    basesnovelaXa se poden descargar as bases dos Premios Xerais de Novela 2009 (25.000 euros),  Merlín de Literatura Infantil 2009 (10.000 euros) e  Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil 2009 (10.000 euros). Para participar en calquera dos tres concursos, cómpre presentar de cada orixinal seis copias en papel, mecanografadas a dobre espazo, antes do día 13 abril de 2009 nos locais sociais de Edicións Xerais de Galicia, S.A., rúa Doutor Marañón, 12. 36211 Vigo. Os fallos dos premios daranse a coñecer na Cea Xerais que se celebrará o 6 de xuño de 2009.

    «O xardín das pedras flotantes», crítica de X.M. Eyré

    Decembro 22, 2008

    X. M. Eyré publica no seu blog o texto completo da crítica que remitiu A Nosa Terra d’ O xardín das pedras flotantes, a novela de Manuel Lourenzo González, gañadora do premio Xerais 2008. Recollemos algúns fragmentos:

    xg001393011O xardín das pedras flotantes responde á fórmula do best seller á moda. Mestura, habilmente, aspectos relacionados coa historia, coa psicoloxía, co filosofía ou metafísica, nunha trama con aspiración de totalidade, que quere mergullar ao lector para que o acompañe no proceso reflexivo ou simplemente para inducirlle ese efecto. E niso, na propositada atención á devandita fórmula, áchanse tanto as súas virtudes como as súas fraquezas, que tamén as ten. Mais non quero continuar sen deixar de sinalar o obvio, o valor que para a cultura galega representa contar con discurso destas características, un discurso que está destinado a ser lido por milleiros e milleiros de galegos de hoxe e de mañá, e dicímolo a sabendas de que é a puxanza económica determinará en boa parte a súa sorte como best-seller.

    Historia de amor moi ao estilo das de Tristán e Isolda ou Romeo e Xulieta. Historia de dous namorados, que son dous adolescentes, aos cales as súas familias (por diferentes motivos) lles prohiben verse. Contada desde a óptica de Simón, primeiro, e desde a de Anabel despois, para pechar o discurso un epílogo. Nela mestúranse a reflexión e indución á reflexión sobre conceptos chave: o destino e a o libe albedrío ( ata que punto somos capaces de decidir a nosa propia historia); o soño como vida e a vida como soño, a realidade como fantasía e a fantasía como realidade, e non se lles escape a implicatura simbolóxica do misterioso libro que está detrás de todo. Un libro e a maxia que pouco a pouco vai permeando na historia; presente desde o mesmo arrinque, non deixamos de tela presente no curso dunha trama que xoga a actualizala cada vez con máis intensidade á vez que reclama a nosa atención cara á faciana realista (digámolo así) do seu desenvolvemento.

    Alén da capacidade para trabar unha trama complexa que pegue o libro ás mans do lector, igual que nos abren os ollos os equilibrios do funambulista. Alén de que a novela esta escrita con elegancia, nunha lingua versátil, dúctil e próxima. Quero salientar a habilidade das transicións entre os diversos climas que no discurso alterna ( dramático, realista, esotérico, filosófico, humorístico ) un narrador que, case como un mago, desde a sensibilidade é quen de atravesar a calquera instancia que precise sen que o lector, falamos sempre dentro das marxes que concede o best-seller, se preocupe pola verosemellanza pois as diferentes ramificacións temáticas vano manter ben ocupado e a transcendencia final do texto, unida á empatía proporcionada polo longo percorrido da ma das dúas personaxes centrais (sendo, a de Anabel fondamente atraente e carismática), evitará que a consideración definitiva non sexa positiva. Mesmo moi positiva, tendo en conta o que comunmente ofrecen os best-sellers.

    Remataremos dicindo que, se ben a parentela de O xardín das pedras flotantes coa historia de Shakespeare, é moi clara e evidente, porén aínda lles aseguramos outro aínda máis interesante: pescudar ata que punto o inferno dantesco estivo presente

    «A Cabeza de Medusa», crítica no «Cartafol»

    Decembro 22, 2008

    Manuel Rodríguez Alonso publica unha crítica no Cartafol de libros da novela de Marilar Aleixandre A Cabeza de Medusa, gañadora do premio Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil.

    xg00140901A historia da violación das dúas rapazas aparece, como xa dixemos, desenvolvida ao xeito dunha reportaxe e ata con certo didactismo e ensinanza moral que desbota tópicos machistas, que seguen a estar presentes nun tema tan doloroso como é sempre unha violación. Neste sentido a autora deu no albo. Mesmo parece oportuno e non resulta postizo o didactismo. Son un acerto as citas que preceden cada capítulo e que inscriben a violación dentro dunha tradición cultural machista e cruel, sen excluír o noso impresentable Pondal, neste aspecto, por moi autor que fose do himno galego e fundador da escola formalista e non sei cantas cousas máis.

    O bo ton da novela mantense en partes, como é o caso da violación en si mesma ou o abandono das rapazas de noite en descampado. Así mesmo no referente á denuncia, rumores machistas, volta á clase despois da violación ou ás presións que os pais do violador exercen sobre Sofía e os seus pais para que retiren a denuncia. A reportaxe e mesmo o didactismo encaixan perfectamente dentro da trama. Son apropiadas tamén as dúbidas que ten Lupe e que a fan retirar a denuncia.