Posts Tagged ‘ana_bande’

Ana Bande recomenda “A lúa dos Everglades”

Xuño 17, 2009

Ana Bande recomenda no seu blog A lúa dos Everglades, a novela de Xesús Manuel Marcos gañadora do Premio de narrativa Terra de Melide 2008. Recollemos o seu texto:

XG00138401Belgrano (Bos Aires), Miami, Madrid, Os irmáns Quintelos, Aurora, Manuel Eiras e Andrés Leiro, tres relatos de emigración que tecen un pano triste, escuro e esgazado polos furados da violencia, a dor e a miseria que é a marca da casa da nosa emigración. Custa ter que recoñecérmonos neses traballadores avarentos, aforradores, Luís, Dosinda e Antón, os gallegos, os irmáns Quintelo, xente con cartos, pero que aproveitaba a roupa ata o miolo, sempre coa leira ás costas, eles mesmos cultivaban nun terreo que tiñan nunha quinta o barrio de Alte Brown, xentes que xamais foran de vacacións a ningures, nin sequera ao veciño Parque Nacional do Tamá. Velaí a miseria. Lembroume moito a desolación que sentín cando visitei o Centro Galego de Newark hai uns dez anos ao comprobar o absoluto illamento destes galegos que malia vivir a media hora de Central Park no puxeran un pe na grande mazá na súa vida. Vivindo en Newark estaban tan lonxe de Nova Iorke como calquera galego de Betanzos ou Entrimo. Galegos que só saían puntualmente da casa de Primeira Xunta…para ir á igrexa, os domingos, escoitar a homilía de Alexandre Gwerder…galegos vellos que tiñan os cartos acochados nos zapatos, botes de cociña, en libros vellos e ata no cortello, galegos sen expedientes médicos, e herba luisa. Andrés Leiro e Manuel Eiras, galegos en Madrid, enfermos de morriña, non o podo evitar, dixo. Cada vez qeu vexo unha matrícula, ou, sentado nun banco do parque, escoito unha conversa, e Aurora, galega en Miami, unfa fuxida inútil dun mundo rural enchoupado nunha violencia cruelmente cotiá contra nenas e mulleres que hoxe chamariamos estructural, escuros tempos de silencio e brutalidade que convidan a alonxarse de tópicos e pantasmas que como moito só servirían para argallar tremendismos literarios insospeitadamente persistentes. Unha boa novela que me deixou con mal corpo, a insoportable levidade do ser galego….xa me entendedes!

Os Premios Xerais 2009 nos blogs

Xuño 8, 2009

Son moi numerosas as crónicas, anotacións ou fotografías publicadas nos blogs e nos perfís de Facebook sobre o serán dos Premios Xerais 2009. A todos os blogueiros e blogueiras agradecemos o seu agarimo. Neste espazo actualizaremos todas as que vaiamos localizando na rede:

Imagen052[Imaxe de Arume dos piñeiros]

  • Crónica de San Simón“, Ferradura en tránsito (Xosé Manuel Eyré): “En San Simón foi a Festa da Literatura Galega de Xerais. Un dos acontecementos do ano.”
  • Viaxe á illa“, Arume dos piñeiros (Manuel Candelas Colodrón): “peirao de san adrián de cobres, lámina gris sobre mar de vigo, estribor e vellos risos, magnolios e arcolitos, arrecendo a buxo húmido, ponte e fotos de amanda, lápidas non lidas do cemeterio, estampa de lique e algas, capela de sansimón senmáns, voces ao lonxe, zanfonas, cálido agustín, jacobo en aniversario, rosa duplicada, bragado celta e ebooks para findeano, zanfonas…”
  • O serán de Agustín“, Brétemas (Manuel Bragado): O de onte en San Simón foi un serán memorable. O incrible dobrete de Rosa Aneiros e as senllas intervencións para agradecer cada un dos premios, a atrevida novela infantil de Jacobo Serrano, as intervencións dos membros dos tres xurados, a elección do agasallo para os participantes, a merenda saborosa que nos preparou Fita, a presentación da velada e a organización perfecta de Celia, as zanfonas de Sobre rodas, a retransmisión por Blogaliza.tv, as travesías delicadas de Ángel, o agarimo dos trescentos amigos e amigas foron algunhas das cousas bonitas dun serán no que ata a chuvia nos deu unha tregua sobre a ría durante seis horas. Con todo, o de onte foi o serán de Agustín que arrollou cun discurso extraordinario. Un aplauso longo, longuísimo (nunca tal vira nun acto literario) de trescentas persoas en pé agradeceron esas palabras firmes e luminosas.
  • Oito doas para San Simón“, Días estranhos (Martin Pawley): Agustín Fernández Paz no seu discurso como mantedor literario dos Premios Xerais 2009. E claro, claro que ao escoitalo aplaudimos postos en pé. Se non nos poñemos en pé por Agustín, por quen o habemos de facer?
  • A illa dos premios“, O Furancho de Lavesedo: “Todo tivo a enerxía silente que a illa lles doa xenerosa cada ano aos premios. Foi bonito. Pero apesar de todo, quedoume un aquel de tristura. Vai ti saber por que.”
  • A illa da creatividade é a dos Premios Xerais“, O levantador de minas (Alfredo Ferreiro): “Tanto hai para que lles conte sobre os Premios Xerais 2009 que hoxe non souben por onde comezar. O día ameazaba con nunca titar a capa cincenta con que nos abrigaba e a tarde con non permitirnos entre estatuas, balaustradas e coidados xardíns. Aínda ben que a ría non admite ondas feroces, cheguei a pensar antes de subir á modesta embarcación que me transportaría á illa de San Simón. Mais a tarde deu para todo, sendo ese todo moito máis do que cabía esperar. Trescentas persoas embarcaron rumbo á illa para asistiren aos Premios Xerais nun barquiño xeneroso que houbo de facer tres viaxes até que todos arribaron a esa terra testemuña de amores, traballos, enfermidades, torturas e arte. Xa en terra, as faces en pedra de Mendinho, Joám de Cangas e Martim Códax auguraban un evento caracterizado polo compromiso incorruptíbel coa arte escrita.”
  • Xeniais Xerais!“, Ana Bande: “Encantado de coñecerte en persoa, vaia, Miriño, que Curioso e Impertinente, que gustazo vérmonos, teño pendiente entregarche un premio, si o disco de Abuña Jazz, bico neno, ola Montserrat, ten graza a cousa, levabamos unha chea de tempo coincidindo por aí, eu xa dicía, pero ¿porque cada vez que me paro con M., o meu home saúda sempre á sua compañeira?…”
  • Xentes,letras e músicas“, Curioso impertinente: Pola tarde collemos o barco ás seis menos cuarto para ir á illa de San Simón. Paseo pola illa, coa ponte de Rande ao fondo, e entrega dos premios Xerais 2009.
  • A min tamén me tocou o Xerais“, A profa (Pilar Ponte): “Non, non estou tola, este ano a min tamén me tocou o Xerais.
  • Agarimosa Xerais“, Serendipia: Grazas, Xerais, pola doce acollida.
  • Premios Xerais, defensa do idioma e Rosa Aneiros“, O enigma de Albixoi (Pablo Mato), inclúe vídeos: “A xeira do sábado 6 de xuño foi un día de grandes contrastes. Por un lado, un tempo case invernal puxo en perigo o que tería que ser unha festa. Por outro, as polémicas decisións que vén tomando o goberno popular contra o galego durante toda a lexislatura.”
  • Inesquecible Xerais“, Albademadrugada:”A Rosa, Rosiña como a nena do conto; o fermosísimo conto que tivemos a sorte de saborear antes que ninguén, a outra tarde n’Ocity.
  • Acumúlanse os posts que nunca escribirei“, Emerecindo: “As semanas de lecturas, o Limiar da Conciencia, as pombas e os morcegos, a media ducia cumprida de historias entretidas, as dúas tardes de intenso (e enriquecedor) debate, a volta á illa, os pinchos, o lercheo, os risos, as oito doas para San Simón, a sorpresa a emoción e a frustración de saberme perseguida por aquelas palabras roubadas a Rodari que apareceron no primeiro libro que metín no bolso despois das lecturas forzosas e que, vintecatro horas máis tarde, estalaron de novo diante de min con toda a forza do discurso de Agustín.”