Posts Tagged ‘miguel_anxo_fernán_vello’

Agustín Fernández Paz

Xuño 11, 2009

Miguel Anxo Fernán Vello publica en Galicia hoxe un artigo sobre o discurso que Agustín Fernández Paz leu na cerimonia dos Premios Xerais 2009.

Entre tanto ar viciado, mentiras e descaro político que vivimos e sufrimos -engadamos aquí tamén ousadía e procacidade-, brilla por si mesma a personalidade dun escritor que acaba de pronunciar un Discurso. O Discurso. En singular e con maiúscula inicial. Elegante e sumamente afábel, discreto e sempre construtivo no seu ser e no seu estar, Agustín Fernández Paz, o autor do Discurso, é, sen dúbida, un dos grandes autores literarios do noso país, ben aprezado polos seus lectores, que son numerosos, e moi recoñecido fóra de Galicia, con libros traducidos, por exemplo, ao árabe ou ao coreano e, por suposto, ao castelán ou francés, entre outros. Agustín Fernández Paz, que non hai moito tempo recibiu o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil, foi o encargado este ano de pronunciar o discurso que, con motivo da celebración do ditame dos Premios Xerais, centra os actos que teñen lugar de xeito solemne e literario arredor de ditos premios, “institucións” de alto valor que organiza a editora do mesmo nome. O profesor Fernández Paz titulou o seu discurso Oito doas para San Simón -a festa literaria tivo lugar na Illa do mesmo nome- e foi quen de construír unha “obra oratoria” que, neste ámbito ou rexistro, na miña opinión, pasará a formar parte dos grandes textos literarios do noso tempo. A “peza” literaria de Fernández Paz contén verdades profundas e certeiras sobre o noso idioma propio e sobre a creación literaria que del emana, mais o río oratorio creado polo autor destas Oito doas para San Simón posúe, ademais dunha linguaxe transparente e fluída, un ritmo verbal e unha “poética” definida que o converten nunha referencia estética, sen dúbida, e tamén nun relatorio conmovedor -provisto de “intelixencia sentinte”, como quería o filósofo- cunha ben establecida base ética na súa práctica discursiva e interpretativa. Nestes tempos ateigados de falsidade e demagoxias, o Discurso de Agustín Fernández Paz é un bálsamo e unha luz no medio dun posíbel novo “tempo de pedra” que comeza a se albiscar. Miguel Anxo Fernán Vello.

“Do orixinal ao libro”

Maio 18, 2009

Miguel Anxo Fernán Vello publica en Galicia hoxe unha reseña moi entusiasta sobre Do orixinal ao libro, o manual de edición técnica de Juan Blanco Valdés. O editor de Espiral Maior salienta que esta obra constitúe “un agasallo extraordinario” para todas as persoas vencelladas co mundo do libro en Galicia. Remata  o seu comentario conas seguintes palabras:

XG00164101Eu concibo a obra de Juan Luis Blanco Valdés, editor na Universidade de Santiago, como un produto destinado aos lectores, aos amantes do libro e da lectura en xeral. Coñecermos a estrutura física do libro, os tipos de cubertas e de lombos que existen, os elementos compoñentes da páxina, as series ou variedades tipográficas ou sabermos de que vai iso dos interliñados, interletrados ou dos espazados axuda, madia leva, a valorar a beleza dos libros en toda a súa extensión, a explorar máis fondamente as súas entrañas formais e a recoñecer mellor todo o universo que conforma esa marabilla aberta ao coñecemento e á emoción que son os libros.

«Nos camiños do entusiasmo», crítica de Fernán Vello

Marzo 9, 2009

O noso colega o editor e escritor Miguel Anxo Fernán Vello publica hoxe na súa columna «Caderno aberto» de Galicia hoxe unha crítica do ensaio de Goretti Sanmartín Nos camiños do entusiasmo. Reproducimos un texto moi interesante:

xg00079501Proposta de lectura

Estando como están as cousas –a res publica, entendámonos–, aquí, en Euskadi e en Madrid –mais sobretodo aquí, na grisalla Galiza de hoxe mesmo–, nunca está de máis obtermos certa paz creativa e intelixente, certo acougo construtivo e liberador, através da lectura. Si, mediante a lectura dun libro, dun bo libro. E non por ánimo de fuxida do mundanal ruído, nin por desexo ningún de afastamento da realidade punxente que nos ocupa. Máis ben porque a lectura –unha lectura particular e conscientemente decidida– non só é antídoto contra a mediocridade que reinou, que reina e que reinará –iso é indubidábel, a non ser que aconteza un milagre–, senón porque a lectura mesma, con todo o seu poder de iluminación, abre espazos por onde transitarmos coas únicas armas das que sempre gustamos e que nos permiten avanzar superándomos todo atranco: a razón e o coñecemento. E todo isto vén a conto porque chegou ás miñas mans un libro que permite expresar todo o anterior; unha obra que invadiu e invade, con gran pracer, as miñas horas actuais. Goretti Sanmartín Rei é a autora de Nos camiños do entusiasmo. Calidade da lingua e planificación, un ensaio publicado por Xerais que debe obter –e máis nos tempos que corren– a maior atención por parte dos lectores e que, na miña opinión, é unha obra moi oportuna e necesaria, un conxunto de reflexións que deben ser compartidas. A profesora Sanmartín, con gran rigor e metodoloxía dialéctica, leva a cabo na súa obra unha crítica sobre o tempo perdido no que atinxe á normalización do galego nos últimos anos, tanto dende a perspectiva política como dende a académica, e fai unha chamada a entendermos tamén a defensa do idioma galego como un proceso de mellora da calidade da lingua que empregamos, xa que así –di a autora, e nós partillamos a idea– «estamos a facer país». Nos camiños do entusiasmo. Calidade da lingua e planificación é unha obra que non deberan deixar de ler, en ningún caso, todos os políticos, todos, deste país, en materia lingüística case sempre ao pairo. Miguel Anxo Fernán Vello.