Posts Tagged ‘daniel_pennac’

«Mal de escola»

Marzo 29, 2009

Recollemos a anotación que sobre Mal de escola de Daniel Pennac publica Cesare no seu blo As túas balas.

xg001515011I

Os estudantes son agora moito peores ca antes –dime un profesor universitario de 31 anos–. O outro día púxenlles ao grupo B un exercicio que fago todos os anos: teñen que preparar unha noticia e locutala como se fose un telexornal, metendo a cabeza por unha tele de cartón. Este ano copiaron en cinco minutos unha nova de internet, e comezaron a lela tal cal. Eu cortei o exercicio de raíz e pasamos a outra cousa.

II
Calquera manual de pedagoxía podería sinalar os erros desa práctica: dende a definición dos obxectivos ata un modelo de aprendizaxe baseado na nota, pasando por construír situacións irreais que conducen a que criaturas, a miúdo batante máis achegadas á realidade cós seus profesores, bordeen ou eludan o absurdo. Se ademais este novo pero experimentado profesor lese Mal de escola, de Daniel Pennac, podería intuír que a culpa do fracaso do exercicio era en boa medida súa.
As renovacións pedagóxicas, as contrarrenovacións, os sindicatos, os políticos, as anpas e os medios de comunicación foron sinalando como causas do fracaso escolar o método, as reformas legais, as infraestruturas, as familias desestruturadas, as vacacións dos profes ou esa violencia da mocidade que tan precisamente describe Pennac. Pero o erro está na falta de amor, como di Pennac, e na falta de autocrítica, que é outra vertente da falta de amor.
Mal de escola é poliédrico, embarullado e marabilloso, anque Pennac é fondamente conservador: de aí a súa teima nos alicerces do ensino: a ortografía, a literatura dos séculos pasados (ás veces moi pasados) ou, ata un punto que asusta, a proposición subordinada adverbial concesiva, que a pequena Nathalie, con toda lóxica, non entende. A escola ten que revisar métodos e amores, si, pero tamén contidos, ese pequeno e obsesivo apósito que vai xunto á aprendizaxe de modelos, e sobre o que, estrañamente, avaliamos.

«Mal de Escola», crítica en «Nós»

Marzo 15, 2009

Martin Pawley publicou onte no suplemento «Nós» de Xornal de Galicia unha crítica de Mal de escola de Daniel Pennac. reproducimos o texto polo seu grande interese:

xg00151501Unha muller case centenaria contempla na televisión un documental sobre un escritor francés, ao cal amosa na vida cotiá, rodeado de libros na súa biblioteca, falando do oficio literario e do seu pasado como mestre. O escritor chámase Danniel Pennac e a muller é a súa anciá nai. Ela sabe que Daniel é unha figura respectada e está ao tanto do seu éxito profesional, mais dentro dela ficou para sempre o recordo da tristeza e a preocupación polo fillo que de mozo respondía ao prototipo de mal estudante.
Un mozo que cada anoitecer regresaba á casa ‘ perseguido pola escola’, angustiado polas súas dificultades aparentemente insalvábeis para memorizar as leccións e manexarse con algo de fortuna coa lingua e as matemáticas. Un adolescente ‘sen porvir’, un “problema” para calquera familia que antes ou despois acabará por preguntarse “que vai se do noso rapaz?” Por is, nun altura na que a cabeza da nai se move mellor polo pasado que polo presente, a inquietude polo fillo, obviamente xa innnecesaria, rexorde unha e outra vez en forma de pregunta: “Ti cres que chegará a algo?”.
A calculada contención emocional das primeiras páxinas de Mal de Escola, publicado hai pouco pola editorial Xerais, marca con precisión o ton do libro, que mestura de maneira eficacísima o recordo autobiográfico e o rexistro ensaístico para abordar cuestións referidas á pedagoxía e ás institucións educativas. Pennac explora a súa experiencia nos dous lados da fronte, como (mal) alumno primeiro e logo como profesor de instituto durante vintecinco anos, para compoñer un discurso esperanzado sobre o papel revolucionario da educación, entendida non como transmisión robotizada de coñecementos senón como ferramenta formadora e transformadora que actúa un a un sobre cada individuo para facer del un ser máis libre e independente. O autor repara nos malos estudantes desde a certeza de que son eles os que verdadeiramente xustifican a necesidade do profesor; achégase ao seu illamento, ao seu desexo de saber combinado coa “dor de non comprender”, sentimentos que el tamén viviu, e sobre todo á súa vontade de salvación, de ser rescatados por alguén que veña buscalos e os leve da man guiado pola paixón por comunicar e por algo que está por riba de toda sorte de métodos, teorías e prácticas docentes: o amor. Un termo subversivo “que non podes nin tan sequera pronunciar nunha escola, nun instituto, nunha facultade ou en calquera lugar semellante” e que ten dentro de si o potencial para cambiar o mundo.
O peor que lle podería pasar a este texto excepcional, editado por Xerais nunha espléndida versión de Xavier Senín e Isabel Soto —autores tamén da tradución d’A clase de François Begaudeau, obra tan diferente como complementaria desta, e que merecerá comentario á parte— é ficar sepultado baixo a etiqueta de manual de autoaxuda para ensinantes. Porque Mal de Escola deben lelo todos os profesores, claro, mais tamén todas as nais e pais, e todos os fillos; debería lelo todo o mundo, como corresponde aos grandes libros, os que nos fan mellores. Martin Pawley.

A segunda edición de Mal de escola poñerase á venda esta vindeira semana.

Experiencia de animación á lectura en Radio Tui

Marzo 5, 2009

fourseasons_logoDende o pasado mes de xaneiro alumnado do 3º ciclo de Educación Primaria do Colexio Público Pazos de Reis de Tui desenvolven durante as mañás dos martes un programa de animación á lectura na Radio Municipal de Tui. Os alumnos e alumnas analizan un libro, realizan unha pequena reseña do autor e recomendan a súa lectura.

Premendo en cada título podemos escoitar os programas dedicados a Cidades de Fran Alonso, A rebelión dos coellos máxicos de Ariel Dorfman, A lagoa das nenas mudas de Fina Casalderrey e Mal de escola de Daniel Pennac (programa no que participaron dous profesores do centro).

Os nosos parabéns ao alumnado participante e á comunidade educativa de Pazos de Reis por tan fermosa iniciativa.

«Mal de escola», prepárase a segunda edición

Febreiro 4, 2009

xg00151501Entrou no prelo a segunda edición de Mal de escola, o libro de Daniel Pennac traducido  por Xavier Senín e Isabel Soto. Esta edición de Mal de escola foi un dos títulos en galego mellor acollidos polos lectores durante o pasado Nadal. Esta obra de Pennac, o grande éxito editorial en Francia no ano 2007, situouse, segundo os datos do «Barómetro de lectura» da Federación de Gremios de Editores, entre os dez máis vendidos en España durante o pasado trimestre.

Os premios Xerais de novela hoxe en «Libro aberto»

Febreiro 1, 2009

libroaberto_pOs gañadores do premio Xerais de Novela 2008 visitan hoxe «Libro aberto», o programa de literatura da Televisión de Galicia. Na Biblioteca Nacional de Galicia da Cidade da Cultura, será entrevistado o escritor Manuel Lourenzo González, gañador do premio Xerais con O xardín das pedras flotantes.  Tamén será entrevistado Alberto Canal, finalista do premio Xerais coa novela Conexión Tubinga, unha intriga teolóxica que é a estrea literaria do ourensán.  Ademais, na sección de reportaxes falarase da lectura entre os adolescentes co escritor Xabier P. Docampo. Laura Caveiro, na sección de traducións, atenderá a un dos recentes éxitos editoriais, o libro Mal de escola, de Daniel Pennac.

«Mal de escola», crítica no «Faro da Cultura»

Decembro 24, 2008

Heitor Mera publica unha crítica no Faro da Cultura sobre Mal de escola, o libro de Daniel Pennac traducido para o galego por Xavier Senín e Isabel Soto.maldescolafaro

«Mal de escola», aconsellado por Ronsel

Novembro 17, 2008

No magnífico blog Trafegando ronseis aparece unha importante anotación arredor de Mal de escola, o libro de Daniel Pennac. Recollemos o parágrafo co que finaliza o texto:

xg00151501Como aconteceu con Como unha novela, creo que todo o profesorado debería ler este libro, do que podemos gozar en galego grazas á editorial Xerais. E xa me contaredes. Eu seguirei a cavilar.