Posts Tagged ‘sol_de_inverno’

Chegan ás librarías as novelas premiadas de Rosa Aneiros

Setembro 17, 2009

Nestes días comezan a chegar ás librarías as dúas novelas premiadas de Rosa Aneiros: Sol de Inverno, Premio Xerais de novela 2009 e Ás de bolboreta, premio Fundación Caixa Galicia de literatura xuvenil 2009.

XG00166001Sol de Inverno, a obra coa que Rosa Aneiros gañou o Premio Xerais 2009, é unha novela comprometida, densa e cun pouso de lirismo que debuxa o periplo vital dunha personaxe: Inverno. A protagonista habita diversos escenarios que nos conducen desde a perdida aldea de Antes a Barcelona, para relatarnos a crueldade da guerra; e logo ás circunstancias da fuxida a Francia; ao emblemático barco Ipanema; ao longo exilio cubano; á revolución castrista; e mesmo á viaxe ao París do maio do 68. Será en Cuba onde atopamos o pouso da emigración e dos descendentes dos cimarróns, da memoria infinita da tata Luzdivina e do cheiro das follas de tabaco do bisavó Andrés, un escenario clave para entender a singradura dunha protagonista que turra por volver a Antes. Para o xurado do Premio Xerais 2009 «Sol de Inverno constrúe un mundo simbólico e máxico polo que deambulan seres entrañables para crear un relato de pulso vagoroso, que reborda nun potente río de historias. A memoria do exilio, as súas voces e as súas feridas, que Inverno debe lamber unha e outra vez, marcan o pulso desta novela que destaca pola rebeldía dos personaxes na defensa dos ideais e da xustiza.»

XG00155501Na “Luzada”, a cafetaría de Patricia, conflúen cada mañá os camiños que transitan os personaxes d’ As de bolboreta, a novela de Rosa Aneiros gañadora do Premio Fundación Caixa Galicia de literatura xuvenil 2009. O de Manuel, un neno de orixe africana, a quen lle morreu a súa nai adoptiva, que comparte varias horas do día co seu avó. O de Lola e Eusebio, un matrimonio de persoas maiores que viven soas e deben enfrontar as difíciles decisións que esixen a vellez e a aparición da enfermidade. O de Iqbal, un mozo de pais paquistanís que decidiu marchar de Londres tras os atentados terroristas no metro de 2005. O de Aysel, unha kurda que manifesta a impotencia que sente pola indiferenza con que a comunidade internacional acolle a represión exercida contra o seu pobo por parte do goberno turco. O dos alpinistas do monte Gurugú, dous mozos nixerianos que tentan atravesar o valado da fronteira de Melilla para poder reunirse coa súa tía, que agarda todos os días no bar unha chamada que confirme a chegada dos seus sobriños a Galicia. E tamén o de Paco e Adolfo, dous homes covardes que non aprenderon a considerar as súas mulleres como compañeiras de viaxe, e o da señora Filomena, e o de Ana, e o de Fiño…

O xurado do Premio Fundación Caixa Galicia 2009, que outorgou por unanimidade o galardón a esta novela de Rosa Aneiros, sinalou que “Ás de bolboreta presenta unha estrutura non xerarquizada, dividada en breves capítulos onde calquera parte está conectada con todas as demais, un puzzle de pezas engarzado do mesmo xeito que se engarzan as vidas dos personaxes da novela”; salientando, ademais, que “mediante a conexión do cotián con outras historias que poden semellar máis afastadas conséguese unha intensidade narrativa reforzada polo acertado emprego dos rexistros que se van adecuando aos distintos personaxes que conforman a novela”. Para concluír que “Ás de bolboreta é un relato triste e esperanzador ao mesmo tempo, fondamente humano, solidario e internacionalista.”

“Sol de Inverno”, Premio Xerais de novela 2009, avance dun capítulo

Xuño 19, 2009

Aquí pode descargarse en pdf un capítulo das primeiras probas de Sol de Inverno, a novela de Rosa Aneiros gañadora do Premio Xerais 2009. Boa lectura!

Fran Alonso, entrevista Premios Xerais 2009

Xuño 15, 2009

Rosa Aneiros, primeiras entrevistas

Xuño 8, 2009

Rosa Aneiros, a gañadora tanto do Premio Fundación Caixa Galicia de literatura Xuvenil 2009 por Ás de bolboreta como do Xerais de Novela 2009 por Sol de Inverno, realizou as primeiras entrevistas para os medios. Recollemos as que fomos localizando.

2009060819450238589

«Sol de Inverno» de Rosa Aneiros, premio Xerais 2009

Xuño 8, 2009

O xurado da 26ª edición do Premio Xerais de Novela dotado con 25.000 euros e formado Ana Bande Bande (bibliotecaria), César Lorenzo Gil (xornalista), Paz Raña Lama (profesora), Sonia Díaz (xornalista), Bieito Legaspi (profesor e membro de Espazo Lectura) e Fran Alonso, secretario do xurado en representación de Xerais, con voz e sen voto, entre as corenta e cinco obras participantes, declarou finalistas as presentadas baixo os seguintes lemas: «A soidade dos leóns», «Dinara», «Limiar da conciencia» e «O retorno das aves».

Despois da súa última deliberación, acordou por maioría declarar como gañadora a presentada baixo o lema “O retorno das aves”, presentada baixo o pseudónimo Píllara que, despois de aberta a plica, resultou ser de Rosa Aneiros e corresponde ao título Sol de Inverno.

Na novela gañadora do Premio Xerais 2009, desde a ventada e afastada aldea de Antes, unha voz narrativa en segunda persoa vai reconstruíndo unha vida e a dunha familia cun intenso pouso de lirismo que atravesa todo o relato. O xurado no texto de xustificación da súa decisión sinalou que “esta é unha longa novela que emociona, unha novela comprometida, densa, que se arrisca cun tema xa tratado e que sae indemne para debuxar o periplo vital dunha fascinante personaxe que, desde os trece anos que ten ao comezo, se move baixo o motor da paixón: Inverno. Inverno, que é a protagonista, habita, empuxada polos designios da historia, diversos escenarios que nos conducen desde a perdida aldea de Antes –nada máis que trinta lumes a comezos de 1936– a Barcelona, para relatarnos a crueldade da guerra; e logo ás circunstancias do exilio en Francia, ao emblemático Ipanema que viaxa con destino a México; ao longo exilio cubano –onde nos atopamos coa emigración e cos descendentes dos cimarróns–; á revolución castrista; e mesmo á viaxe a un París marcado polos estudantes do maio do 68. Sen dúbida, a narración responde ao pulso da historia, pero tamén á rebeldía dos seus personaxes na defensa dos ideais e da xustiza.”

_Rosa_02A novela, de profunda instrospección nos protagonistas e no deseño dos ambientes, constrúe un mundo simbólico, máxico, riquísimo en referentes, a través do que pululan seres entrañables, que nos conmoven, e tamén persoas reais, como Castelao, Carmen Muñoz ou Rafael Dieste. Deste xeito, apaña o fío da tradición literaria galega este longo relato de pulso vagoroso, meditado, que reborda nun río de historias que nunca nos deixan indiferentes. A memoria do exilio, as súas voces e as súas feridas, que Inverno ten que lamber unha e outra vez coma un pesadelo, é a que vai erguendo as sólidas paredes desta novela que, de seguro, engaiolará desde a primeira páxina, desde a dedicatoria inicial a Silvia Mistral.

Rosa Aneiros declarou, cando recibiu o premio Xerais, que “nesta novela quería contar a historia dunha nena, Inverno, a que lle roubaron a infancia, ese paraíso de Antes, e como ao longo de toda a súa vida pelexa por retronar e recuperar ese paraíso. Inverno tenta sempre regresar, especialmente cando vive en Cuba en contacto coa comunidade de emigrantes galegos, aí nese treito da narración, quixen recuperar a memoria da miña propia infancia”. Rematou Rosa Aneiros salientando que “Inverno é un personaxe completo que loita polos seus ideais, mais tamén polos ideais de outros, que sinte tan preto como os propios”.

Rosa Aneiros e Jacobo Fernández Serrano, Premios Xerais 2009

Xuño 6, 2009

_DSC0036Despois da súa última deliberación, o xurado da XXIVª edición do Premio Merlín de Literatura Infantil acordou por maioría declarar como gañadora a presentada baixo o lema “Papude” que, despois de aberta a plica, resultou ser de Jacobo Fernández Serrano e corresponde ao título Mil cousas poden pasar. Libro I.

Pola súa banda o xurado da IVª edición do Premio Fundación Caixa Galicia de Literatura xuvenil acordou por unanimidade declarar como gañadora a presentada baixo o lema “Ás de bolboreta” que, despois de aberta a plica, resultou ser de Rosa Aneiros Díaz e corresponde ao título Ás de bolboreta. O xurado aconsella á editorial a publicación da novela presentada baixo o lema “Dragal”.

Por último, o xurado da XXVIª edición do Premio Xerais de novela despois da súa última deliberación, acordou por maioría declarar como gañadora a presentada baixo o lema “O retorno das aves”, presentada baixo o pseudónimo Píllara que, despois de aberta a plica, resultou ser de Rosa Aneiros e corresponde ao título Sol de Inverno.

A cerimonia de entrega, na que participan máis de trescentas persoas, estase celebrando na illa de San Simón podendo ser seguida dende Blogaliza.tv.