Posts Tagged ‘xosé_manuel_beiras’

Xosé Manuel Beiras nos Premios Xerais 2009

Xuño 10, 2009

Tras a cerimonia dos Premios Xerais do sábado 6 de xuño de 2009, Xosé Manuel Beiras fala do sector editorial, do conflito sobre a lingua, sobre a literatura galega actual e o papel dos Premios Xerais, entre outros temas.

«O natural é político», presentación en Compostela

Decembro 15, 2008

Mañá, martes, 16 de deembro, ás 20:00 horas na Libraría Pedreira de Santiago, presentarase O natural é político, o máis recente ensaio de Teresa Moure. No acto acompañarán á autora Xosé Manuel Beiras e Manuel Bragado.

xg001532011Un dos tópicos máis arraigados recoñece Galiza como unha paisaxe: un país verde, de dondas montañas e mil ríos, onde a poboación vive da casa labrega ou do oficio mariñeiro, apegada ao territorio e ao seu. Hai varias décadas que ese modelo deixou de existir para ser aceleradamente substituído polo único vixente coa globalización neoliberal. O natural é político, o novo ensaio de Teresa Moure, non é un texto especializado. Un determinado modelo de desenvolvemento económico e os problemas globais do planeta (quecemento, cambio climático, contaminación) desatan unhas páxinas en que alterna o ensaio literario coas narracións, para provocar unha revolta contra o medioambientalismo eslamiado e o consumismo masivo. Velaquí un berro doente a prol da liberación animal, da desobediencia civil que practica segas de cultivos transxénicos, da toma de conciencia; de estarmos, en fin, a vivir un momento crucial na historia da humanidade. A pesar de a literatura ecolóxica ter sona de pesimista, o texto participa do entusiasmo liberador, do compromiso e a militancia, e propón o ecoloxismo como unha estratexia de liberación nacional, un modelo de existencia atento non só aos intereses económicos, senón tamén á conservación da vida, que poña os coñecementos técnicos e científicos ao servizo dos ecosistemas e desenvolva técnicas menos agresivas na liña dun movemento que xa se coñece como ecoloxía profunda.

«Fendas abertas», seis ensaios de Carlos Taibo sobre a cuestión nacional

Outubro 2, 2008

Outras das novidades da colección «Xerais Ensaio» deste mes de outubro é Fendas abertas. Seis ensaios sobre a cuestión nacional , libro de Carlos Taibo, prologado por Xosé Manuel Beiras.

Fendas abertas céntrase na idea da cuestión nacional, abordando a súa relación coa globalización, coa esquerda e o Estado; co papel asignado a Galiza no magma xeral da globalización capitalista; coa singularísima condición dun nacionalismo, o español, de sempre esquecido; e, en suma, a natureza da cuestión nacional na Unión Soviética e o acontecido na Europa central e oriental contemporánea, no que a aquela atinxe, nos dous últimos decenios.

O libro, escrito nunha linguaxe sempre comprensible, desenvolve perspectivas que non son, con claridade, as que defenden a maioría dos estamentos de poder no mundo contemporáneo; e configura un material polémico desde o que repensar moitas das discusións, a miúdo agres, que se interesan pola cuestión nacional a principios do século XXI.