Archive for the ‘Reedicións’ Category
Agosto 31, 2009
Xunto a Bartleby, o escribente aparece na renovada colección Xabaril unha nova edición d’ O bosque animado, a novela de Wenceslao Fernández Flórez traducida por Xela Arias.
O bosque animado é o grande libro da Fraga de Cecebre, situada no concello de Cambre, preto da Coruña. Nestas páxinas vibrantes, Fernández Flórez narra as historias pequenas dos habitantes da fraga: Fendetestas, Xeraldo, Hermelinda, Pilara, Marica etc… Mais tamén dos aparecidos ou fantasmas que pasean polo bosque: a alma en pena de Fiz Cotobelo e por suposto de Hu-Hu e as súas moscas, do clan dos gatos ceibes, ou das árbores que cren que un poste de telégrafos é unha compañeira delas.
Nesta novela fantástica latexa, algueirante e punxente, o buligar vital, polo común da xente, da multitude de animais e plantas que constitúen o mundo insospeitado da fraga de Cecebre, xunto coa tensa andaina humana duns seres conformados indubidablemente pola cultura galega. Esta tradución galega dunhas das novelas principais de Fernández Flórez, preparada por Xela Arias e agora completamente actulizada e revisada, constitúe unha invitación afervoada a descubrirmos o ricaz mundo de noso.
Etiquetas:novela, o_bosque_animado, wenceslao_fernández_flórez, xela_arias
Publicado en Noticias, Reedicións, Traducións, Xabaril | Leave a Comment »
Marzo 15, 2009
Martin Pawley publicou onte no suplemento «Nós» de Xornal de Galicia unha crítica de Mal de escola de Daniel Pennac. reproducimos o texto polo seu grande interese:
Unha muller case centenaria contempla na televisión un documental sobre un escritor francés, ao cal amosa na vida cotiá, rodeado de libros na súa biblioteca, falando do oficio literario e do seu pasado como mestre. O escritor chámase Danniel Pennac e a muller é a súa anciá nai. Ela sabe que Daniel é unha figura respectada e está ao tanto do seu éxito profesional, mais dentro dela ficou para sempre o recordo da tristeza e a preocupación polo fillo que de mozo respondía ao prototipo de mal estudante.
Un mozo que cada anoitecer regresaba á casa ‘ perseguido pola escola’, angustiado polas súas dificultades aparentemente insalvábeis para memorizar as leccións e manexarse con algo de fortuna coa lingua e as matemáticas. Un adolescente ‘sen porvir’, un “problema” para calquera familia que antes ou despois acabará por preguntarse “que vai se do noso rapaz?” Por is, nun altura na que a cabeza da nai se move mellor polo pasado que polo presente, a inquietude polo fillo, obviamente xa innnecesaria, rexorde unha e outra vez en forma de pregunta: “Ti cres que chegará a algo?”.
A calculada contención emocional das primeiras páxinas de Mal de Escola, publicado hai pouco pola editorial Xerais, marca con precisión o ton do libro, que mestura de maneira eficacísima o recordo autobiográfico e o rexistro ensaístico para abordar cuestións referidas á pedagoxía e ás institucións educativas. Pennac explora a súa experiencia nos dous lados da fronte, como (mal) alumno primeiro e logo como profesor de instituto durante vintecinco anos, para compoñer un discurso esperanzado sobre o papel revolucionario da educación, entendida non como transmisión robotizada de coñecementos senón como ferramenta formadora e transformadora que actúa un a un sobre cada individuo para facer del un ser máis libre e independente. O autor repara nos malos estudantes desde a certeza de que son eles os que verdadeiramente xustifican a necesidade do profesor; achégase ao seu illamento, ao seu desexo de saber combinado coa “dor de non comprender”, sentimentos que el tamén viviu, e sobre todo á súa vontade de salvación, de ser rescatados por alguén que veña buscalos e os leve da man guiado pola paixón por comunicar e por algo que está por riba de toda sorte de métodos, teorías e prácticas docentes: o amor. Un termo subversivo “que non podes nin tan sequera pronunciar nunha escola, nun instituto, nunha facultade ou en calquera lugar semellante” e que ten dentro de si o potencial para cambiar o mundo.
O peor que lle podería pasar a este texto excepcional, editado por Xerais nunha espléndida versión de Xavier Senín e Isabel Soto —autores tamén da tradución d’A clase de François Begaudeau, obra tan diferente como complementaria desta, e que merecerá comentario á parte— é ficar sepultado baixo a etiqueta de manual de autoaxuda para ensinantes. Porque Mal de Escola deben lelo todos os profesores, claro, mais tamén todas as nais e pais, e todos os fillos; debería lelo todo o mundo, como corresponde aos grandes libros, os que nos fan mellores. Martin Pawley.
A segunda edición de Mal de escola poñerase á venda esta vindeira semana.
Etiquetas:daniel_pennac, mal_de_escola, martin_pawley, nós, xornal_de_galicia
Publicado en Críticas, Narrativa, Reedicións, Traducións, Xerais_nos_medios | Leave a Comment »
Febreiro 27, 2009
Chega estes días ás librarías como novidade unha nova edición de Aire negro de Agustín Fernández Paz. Aire negro, unha das máis loadas novelas do actual premio nacional de literatura infantil, é unha intensa e desacougante historia de amor, narrada cun uso maxistral do suspense e da intriga, que mantén a tensión ata a liña derradeira. A presente edición, a décimo terceira, foi completamente revisada e actualizada polo autor, renovándose ademais coa nova portada preparada por Antonio Seijas.
Cando o doutor Moldes comeza a traballar nunha clínica psiquiátirca, ten como primeira paciente a Laura Novo, unha muller coa memoria borrada, que pasa o día enteiro escribindo de xeito compulsivo o seu nome, aferrada a el coma se fose o único resto dalgún ignorado naufraxio. O doutor conseguirá que Laura volva recordar todo o que lle sucedeu nos meses anteriores, cando unha escura sombra parecía ameazar a súa vida. Ningún dos dous podía adiviñar que, deste xeito, estábanlle abrindo a prta a unha realidade terrible que os deixaría marcados para sempre. Aire negro mestura os elementos dos xéneros fantástico e de terror para construír un thriller absorbente.
Etiquetas:novela, fernández_paz, aire_negro
Publicado en Fóra de Xogo, Narrativa, Noticias, Reedicións | 1 Comment »
Febreiro 4, 2009
Entrou no prelo a segunda edición de Mal de escola, o libro de Daniel Pennac traducido por Xavier Senín e Isabel Soto. Esta edición de Mal de escola foi un dos títulos en galego mellor acollidos polos lectores durante o pasado Nadal. Esta obra de Pennac, o grande éxito editorial en Francia no ano 2007, situouse, segundo os datos do «Barómetro de lectura» da Federación de Gremios de Editores, entre os dez máis vendidos en España durante o pasado trimestre.
Etiquetas:daniel_pennac, isabel_soto, mal_de_escola, xavier_senín
Publicado en Narrativa, Reedicións, Traducións | Leave a Comment »
Febreiro 1, 2009
Acaban de chegar ás librarías os exemplares da úndécima edición de Pel de lobo, a novela de Xosé Miranda, gañadora do Premio Merlín 2002. Dende a súa aparición hai seis anos, Pel de lobo superou os vinte mil exemplares vendidos, dato que, xunto os de Morning star, novela que acadou a ducia de edicións e os vinte e dous mil exemplares vendidos, fan de Xosé Miranda un dos narradores galegos máis apoiados polos lectores e lectoras ao longo da última década. Os nosos maiores parabéns para el.
Etiquetas:morning_star, pel_de_lobo, xosé_miranda
Publicado en Fóra de Xogo, Narrativa, Noticias, Premios_Xerais, Reedicións, Xuvenil | Leave a Comment »
Xaneiro 27, 2009
Debemos salientar a entrada de novas reedicións da colección «Fóra de Xogo», a exitosa colección xuvenil da editorial que nos seus trece anos de vida acadou os 116 títulos e unha s vendas superiores aos seiscentos mil exemplares.
Ademais das xa comentadas reedicións de Agustín Fernández Paz, xa están nas librarías a novena edición de Leonel de Antón Cortizas e a novena de Anxos en tempos de chuvia de Miguel Vázquez Freire. Parabéns para os autores.
Etiquetas:fernández_paz, leonel, antón_cortizas, anxos_en_tempos_de_chuvia, miguel_vázquez_freire
Publicado en Fóra de Xogo, Xuvenil, Noticias, Reedicións | Leave a Comment »
Xaneiro 23, 2009
Nesta semana entraron no almacén dúas reedicións de senllas novelas de Carlos G. Reigosa: a décimo quinta de Crime en Compostela, gañadora do primeiro Premio Xerais, hai agora vinte e cinco anos, e a quinta de Pepa A Loba. Tras a recente publicación de Laxeiro por si mesmo, Reigosa agarda a publicación na primavera da novela pola que obtivo o Premio Torrente Ballester de narrativa 2008, A vida do outro. Os nosos parabéns ao autor da Corda por esta magnífica xeira.
Etiquetas:a_vida_do_outro, carlos_reigosa, crime_en_compostela, laxeiro_por_si_mesmo, novela, pepa_a_loba
Publicado en Autores, Crónica, Narrativa, Noticias, Reedicións | Leave a Comment »
Xaneiro 21, 2009
Está chegando as librarías a segunda edición d’ O señor Lugrís e a negra sombra, a novela máis recente de Luís Rei Núñez. A novela non só conseguiu o apoio dos lectores e lectoras, que supón esta segunda edición, se non que tamén recibiu dous dos máis importantes premios á obra xa editadas: o Premio da Crítica española 2008 e o Premio Irmandado do Libro ao mellor libro do ano 2007. Así mesmo, os críticos expresaron a súa admiración. Ramón Nicolás escribiu en La Voz de Galicia: «Luís Rei ofrece unha das novelas máis compactas e solventes entre as publicadas entre nós nos últimos tempos.» Pola súa banda, Armando Requeixo escribiu en Faro da Cultura: «… o libro é asemade un mergullo e pleno pulmón nas físgoas submarinas do complexo océano Lugrís.»
Novela ou realidade? A pregunta que moitos lectores deste libro se formularán é a mesma que sen dúbida se lle presentou milleiros de veces ó gran pintor e escritor Urbano Lugrís (A Coruña, 1908-Vigo, l973) mentres era arrastrado polo río dunha existencia sometida a toda clase de vaivéns. Outro caudal, de tinta e testemuños, é o que lle serviu de base a Luís Rei Núñez nesta viaxe arredor dunha figura desmesurada coa que, ademais, consegue trazar o fresco de toda unha época de penitencia e un moi veraz retrato de grupo; con mestres en gramática parda, señoritos taram-bainas, artistas dipsómanos, mulleres que fuman, bares de alterne, un ruso “branco” ou os cando-rosos aprendices de literato… en definitiva, a fauna que opta polo exilio da bohemia cando o única vía de escape, na inacabable invernía dun réxime inxusto, consiste en contar co talento innato de Pucho Boedo, fenómeno da canción, ou de Luís Suárez, grande astro do balompé muncial. En tempos de descrédito para as apostas de calado, Rei Núñez sorpréndenos construíndo unha obra que, sen deixar de ser rigorosamente contemporánea, é de clara estirpe cervantina. Novela, si; mais tamén realidade. Como a vida.
Etiquetas:armando_requeixo, faro_da_cultura, la_voz_de_galicia, luís_rei_núñez, novela, o_señor_lugrís_e_a_negra_sombra, premio_crítica_española, premio_irmandade_do_libro, ramon_nicolás
Publicado en Narrativa, Noticias, Premios, Reedicións | Leave a Comment »
Xaneiro 16, 2009
Ao longo deste mes de xaneiro entran no almacén novas reedicións de diversos títulos de Agustín Fernández Paz: a terceira d’ O único que queda é o amor, o libro de relatos gañador do Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil 2008; a vixésimo terceira de Cartas de inverno, un dos longseller da edición galega (acabou o pasado ano con 68.864 exemplares vendidos, dende a súa primeira edición na primavera de 1995); a décimo terceira de Aire Negro, que aparece revisada e con nova cuberta; a sétima de Corredores de sombra, novela editada hai apenas dous anos; e a sexta d’ A cidade dos desexos, o seu primeiro libro de creación, publicado hai agora vinte anos.
Agustín Fernández Paz agarda a aparición de tres novos libros que publicará Xerais ao longo deste ano 2009. A comezos da primavera, Lúa de Senegal, novela para lectores de 10 anos en diante na colección «Sopa de libros», e A dama da luz, álbum que preparou co ilustrador Jorge Magutis. Xa despois do verán aparecerá na colección «Merlín», Valados. Os nosos parabéns a Agustín por esta magnífica xeira.
Etiquetas:novela, relatos, fernández_paz, o_único_que_queda_é_o_amor, lúa_de_senegal, cartas_de_inverno, aire_negro, corredores_de_sombra, a_cidade_dos_desexos, a_dama_da_luz, valados
Publicado en Narrativa, Xuvenil, Infantil, Noticias, Reedicións | 1 Comment »
Decembro 12, 2008
Apareceu nas librarías a reedición actualizada e revisada de En salvaxe compaña, a primeira novela longa de Manuel Rivas.
Os círculos agochados da realidade emerxen como espirais de fume, en inesquecibles imaxes poéticas, pero tamén en forma de refachos de vento e chuvia, de tormentas que desvelan perturbadores segredos e vidas conmovedoras.
A señora do pazo, Misia, relata como os trescentos corvos que debuxan a paisaxe do ceo son os poetas-guerreiros do último rei de Galicia. Un sacerdote, Don Xil, explícalle a unha moza campesiña, Rosa, que as pinturas das fermosísimas mulleres que se descobren nas paredes da igrexa son retratos de pecadoras. Un rato, Matacáns, cazador furtivo na súa primeira vida, é atrapado por un gato que non é outro que o gaiteiro e anarquista Arturo de Lousame. Un morcego, Gaspar, relátalle o seu suicidio a un lagarto que vai en peregrinación a San Andrés de Teixido…
Todo fala. Persoas, animais e paxaros recrean a identidade universal do sentimento. Viaxan do pasado ao presente e contra a adversidade. E as súas voces, feitas de humor e tenrura, tecen esta gran novela de Manuel Rivas, agora reeditada e revisada de forma definitiva polo autor.
Etiquetas:en_salvaxe_compaña, manuel_rivas, novela
Publicado en Narrativa, Noticias, Reedicións | Leave a Comment »
Decembro 10, 2008
Coincidindo coa entrega hoxe do Premio Nobel de Literatura a J.M.G. Le Clézio aparece a nova edición de Mondo e outras historias, desta volta publicado dentro da colección Xerais Narrativa.
En Mondo e outras historias, protagonistas de nomes exóticos (Mondo, Lullaby, Alia, Daniel Sindbad…), rapazas e rapaces que arelan experimentar toda caste de sensacións, descobren as súas propias fantasías grazas a viaxes que realizan a poder de imaxinación. Suxeridoras viaxes que nos levan a Barasali, Dahlar Kebir ou Hazaran, onde a luz, a cor, o sol, rexen as súas vidas que precisan saír ó mar, botárense ó mundo á procura dos seus soños. Son adolescentes, cos seus problemas, que procuran a natureza como elemento liberador. Segundo os seus tradutores galegos, Raquel Villanueva e Valentín Arias, os textos de Le Clézio posúen un «raro poder», o don poético de abolir as fronteiras, todas as fronteiras, as que separan ao home das cousas, as que separan as cousas entre si, e tamén as fronteiras do home dividido, separado en compartimentos estancos no seu propio existir. «Este escritor, tan nostálxico ás veces, representa a vida de hoxe, lamenta a destrución da natureza, a proliferación das cidades de cemento e a tiranía da civilización mecánica na que todos estamos inmersos.» Para concluír, «a lectura fácil de Le Clézio preséntase baixo un modelo de ciencia-ficción na que a procesión de visións nos deixa un camiño aberto para unha filosofía-ficción».
Portada: Fran Herbello.
Etiquetas:le_clézio, mondo_e_outras_historias, raquel_villanueva, relatos, valentín_arias
Publicado en Narrativa, Noticias, Premios, Reedicións | 1 Comment »
Setembro 1, 2008
Acaba de chegar do prelo a nova edición, actualizada á normativa RAG 2004, do Dicionario dos seres míticos galegos, obra de referencia do noso universo mítico preparada por Xosé Miranda, Xoán Cuba e Antonio Reigosa e ilustrada polo desaparecido Lázaro Enríquez. O dicionario, que estaba completamente agotado dende hai meses e do que existe edición en castelán, pode xa volver adquirirse nas librarías galegas.
Este Dicionario dos seres míticos galegos é unha viaxe a través da mitoloxía do país, asentada, na oralidade dos devanceiros e, daquela, un libro de consulta práctico, útil e fermoso ó tempo, pero tamén é unha viaxe que atravesa páxinas de forte contido narrativo, e lectura amena, entretida e divertida. Co rigor dun dicionario e o feitizo dunha novela apaixonante, este libro constitúe unha das máis importantes achegas ao patrimonio cultural galego nos últimos anos.
Nas 710 entradas das que consta o Dicionario dos seres míticos galegos pode o lector atoparse con xente cativa, xigantes, olláparos, ananos, xacias, sereas, xerpas, rabenos, encantos, lamias, lavandeiras; entrar no pazo dos mouros e conversar coa Mourindade; roubar o peite da moura; recoller carbóns que se convertan nun tesouro; sufrir con paciencia a trasnos, diaños e tardos; durmir con Pedro Chosco; ter medo da Estadea; fuxir con Brancaflor ou oír os contos de María Castaña.
O lector poderá visitar as tumbas de Orcavella e a Raíña Lupa; asaltará casas con Pepa a Loba; beberá na fonte de Ana Manana; voará con meigas, chuchonas e nubeiros; correrá sete parroquias cos lobishomes; verá como Deus crea demos e anxos; asombrarase con lobos, cobras, dragóns, basiliscos, cocas, unicornios; navegará no Bergantín Pantasma; andará os camiños coas ánimas da Compaña; tremerá na noite ó escoitar o Paxaro da Morte; enfrontarase co Can Negro, co Lobo Branco, coa Peregrina, coa Zarrulada, co urco e coa Pastoriña; visitará cidades asolagadas e enterradas, como Antioquía, Lucerna ou Valverde, Pozos Peagos e entradas do inferno, Camiños ó Alén e Cabos do mundo; coñecerá os cocos, tales como o home do saco, o sacaúntos, Maríamanta, a meiga dos dentes verdes, o zampón e o orco; lerá o Ciprianillo e desatoará decididamente o saco para pillar os biosbardos. Para atopalos, só hai que abrilo por calquera páxina.
Etiquetas:dicionario_dos_seres_míticos, lázaro_enríquez, xoán_cuba; antonio_reigosa, xosé_miranda
Publicado en Dicionarios, Noticias, Reedicións | Leave a Comment »
Maio 16, 2008
Isabel Soto pubica en Lg3 unha crítica da nova edición de Roseira do teu mencer, o poemario de Xosé María Álvarez Blázquez que publicamos na colección Merlín. Reproducimos un parágrafo do texto:
En 2008 –a ocasión ben o merece– Xerais actualiza a Roseira nunha nova edición, cos cambios lingüísticos pertinentes consonte á nova normativa e engadíndolle unha serie de materiais que explican tanto o percorrido biográfico de Álvarez Blázquez como a xénese e características do poemario. Por unha banda, o epílogo de Darío Xohán Cabana constitúe un acertado resumo, adaptado ao horizonte de expectativas do lectorado máis novo, da completa reconstrución elaborada en Xosé María Álvarez Blázquez. Vida e obra (Xerais, 2008). Outro breve texto, tamén da súa man, engádelle atractivo á figura do intelectual, pois deseña del un retrato máis persoal baseado na lembranza. Ademais, neste novo formato da Roseira reprodúcese o texto do fillo do poeta que xa aparecía na edición de 1992 e insírese unha “Cronoloxía” preparada por Manuel Bragado. Manuel Uhía volve ser o encargado de acompañar coa súa lectura en imaxes as composicións de Álvarez Blázquez, anovando a vida dos obxectos e personaxes evocados con ilustracións figurativas en cores vivas.
Etiquetas:álvarez_blázquez, cabana, isabel_soto, lg3, roseira
Publicado en Críticas, Infantil, Merlín, Reedicións, Xerais_nos_medios | Leave a Comment »
Maio 5, 2008
Chegou ás nosas máns os primeiros exemplares da reedición, na colección Sopa de Libros, do fermoso libro Os negocios do señor Gato de Gianni Rodari, traducido ao galego por Silvia Gaspar.
¿Pode haber algo máis suculento ca un rato en lata? É o que o serñor Gato pretende vender na súa flamante tenda de alimentación. Para iso conta cunha caixeira e mais un axudante moi eficaces: a publicidade funciona e a lista de encargas dos clientes medra por momentos… Un excelente negocio, segundo o seu dono. Pero, claro, os ratos non serán do mesmo parecer.
Etiquetas:gianni_rodari, sopa_de_libros
Publicado en Infantil, Reedicións, Sopa de Libros, Traducións | Leave a Comment »
Abril 15, 2008
A reedición de Matádeo mañá, o apaixonante libro memorialístico de Elixio Rodríguez, constituíu unha das obras máis demandadas na recente Feira do Libro de Santiago. Esta segunda edición foi revisada polo autor, pouco antes de falecer, engadíndolle un índice alfabético; ademais, o texto foi actualizado á nova ortografía, maquetado sobre o novo formato da colección, redeseñada a cuberta, ocupándose Aser Álvarez da preparación do adral.
Nestes meses, o departamento de edición da editorial prepara novas reedicións: Méndez Ferrín revisa as probas da edición definitiva de Percival e outras historias; Manuel Rivas as de En salvaxe compaña e Todo ben; e Agustín Fernández Paz as de Aire negro. Todas estas reedicións aparecerán antes do verán, con nova presentación de cuberta.
Matádeo mañá é un testemuño autobiográfico excepcional; a reconstrución do emocionante periplo vital deste aviador galeguista durante a Guerra Civil: un tempo ralentizado polo cárcere, o terror dos paseos, a súa fuxida cara ao bando republicano, os xuízos sumarísimos que sufriu e o seu traballo como secretario da Solidaridade Antifeixista Galega xunto con Castelao. Tamén é unha memoria lúcida do exilio galego en México, onde Elixio Rodríguez foi un dos promotores da emisión radiofónica A hora de Galicia e do Padroado da Cultura Galega e colaborador teimudo da revista Vieiros que dirixían Luís Soto e Carlos Velo, «xérmolo e vangarda política dun anovado nacionalismo galego», en palabras do historiador Elixio Villaverde, autor do limiar destas memorias apaixonantes. Este é un relato trepidante de feitos históricos, políticos, diplomáticos e bélicos, que constitúe unha grande achega á nosa memoria colectiva. Esta segunda edición destas memorias, consideradas como un dos cumes do xénero autobiográfico en lingua galega, foi revisada e corrixida polo autor antes do seu pasamento, á que se lle engadiu un índice onomástico e un adral de Aser Álvarez.
Etiquetas:elixio_rodríguez, fernández_paz, ferrín, rivas
Publicado en Crónica, Reedicións | Leave a Comment »