«Mil cousas poden pasar.Libro I» de Jacobo Fernández Serrano, premio Merlín 2009

O xurado da 24 ª edición do Premio Merlín de literatura infantil dotado con 10.000 euros formado por: Rosana Estévez Pereira (contacontos e membro de Espazo Lectura), Santiago Gutiérrez (ilustrador), Mercedes Pacheco (tradutora), Mª Xesús Pereiro (escritora infantil e profesora), Xan Guillén  Vázquez (profesor e coordinador do Premio Literario Frei Martín Sarmiento) e Helena Pérez Fernández, secretaria do xurado, en representación de Xerais, con voz e sen voto, entre as vinte e catro obras participantes, declarou finalistas as presentadas baixo os lemas: «Papude», «Secundario» e «Septempunctata».

Despois da súa última deliberación, acordou por maioría declarar como gañadora a presentada baixo o lema “Papude” que, despois de aberta a plica, resultou ser de Jacobo Fernández Serrano e corresponde ao título Mil cousas poden pasar. Libro I.


Os membros do xurado do Premio Merlín xustificaron a súa decisión salientando que en Mil cousas poden pasar. Libro I, “baixo a premisa da liberdade absoluta,  o autor propón ao lector un xogo no que se nos decidimos a entrar a ceibar sen límites a imaxinación, calquera cousa pode xa acontecer”. Coa escusa inicial da procura dun agasallo de aniversario para o submariño rei dos tritóns, a narración vainos levando ao encontro dunha serie de personaxes insólitos e á sucesión de situacións a cal máis imaxinativa e disparatada nunha cidade onde todo é posible, onde o excepcional é o cotián, onde o surrealismo é o normal e o absurdo convértese no lóxico. Para o xurado “as personaxes coas que nos cruzamos nesta deliciosa lectura, e que nun principio semellarían ser so actores secundarios dunha trama nada lineal, acaban revelándose ao cabo nos absolutos protagonistas desta ben orquestada peza coral”.

“Estas personaxes son tan únicas coma as situacións que experimentan: os ríos teñen vida propia, hai dous namorados que viven a súa historia cunha beleza e sensibilidade nas antígonas da ñoñería, e atopamos un enterrador que para si quixera Tim Burton. Montada sobre unha intelixente estrutura, construída coma unha cadea de dominó, onde unha ficha derruba á seguinte, Mil cousas poden pasar. Libro I vainos amosando unha serie de pezas que acaban conformando de maneira totalmente natural un mosaico fermoso e único, construíndo un imaxinario propio e un mundo fantástico orixinal e novidoso, sólido e sen fisuras. Grazas ás pequenas (ou grandes) historias das personaxes que habitan a cidade de Nil, descubrimos un universo que trascende os límites desta novela e que non recorre a tópicos anteriores da literatura infantil.”

“E sobre esta estrutura, e con estas pezas, cóntasenos unha historia sobre as consecuencias das accións, por sutís que estas parezan, nunha sorte de teoría sen fin das ás de bolboreta; e de vocacións, de como todos, dun xeito ou doutro, acaban desempeñando a función para a que se sinten inclinados. O emprego dun narrador, tamén moi particular, é outro dos logros técnicos desta obra: a omniscencia dos narradores convencionais en terceira persoa, é substituída aquí por un interlocutor que fala co lector, que recoñece as súas deficencias coma contador de historias, e que fai lúcidas reflexións vitais de colleita propia que achegan moito á comprensión subxectiva do mundo que nos está a describir. E que ademais, de cando en vez, nos premia citando de forma recurrente  a un felino trovador que ten unha rima para cada situación. “

“Quizais ese mixiño poeta sexa parente lonxano do gato evanescente que se lle aparecía á marabillosa Alicia… ou quizais o río Inrique deixara o seu leito para levarlle auga corrente ao Castelo Ambulante que imaxinara Miyazaki… e de seguro que Gulliver, cando deixa de visitar illas lonxanas e fai turismo de interior, ten unha casiña de verán na vila de Nil onde se sinte como na casa. Quizais a singular cidade de Nil, cae polos arredores de Mondoñedo, o Mondoñedo de Cunqueiro, onde se fraguaron outras tantas historias singulares.”

_Jacobo_01Rematou sinalando o xurado do Premio Merlín 2009 que as razóns polas que foi premiada esta obra foron “pola desbordande imaxinación da que fai gala o autor, polo novidoso do argumento, pola inédita e variada galería de personaxes, pola solidez do mundo que se constrúe ante nós con cada frase, polo orixinal da estutura,  polo arriscado de levar o absurdo ao extremo, pola beleza plástica dalgunhas descricións e figuras narrativas e polo metafórico de moitas das pasaxes argumentais”.

Jacobo Fernández Serrano declarou que “recibir un premio coma este, coa impresionante lista de escritores que o levaron antes ca min, é unha honra e unha ledicia inmensa. A novela comeza cos fillos do rei do mar que caen na conta de que se achega o aniversario do seu pai e aínda non teñen agasallo. Da procura dese agasallo desencadéanse as mil cousas do título da obra. Pois ben, coincidiu que hoxe 6 de xuño é o meu aniversario. Semella logo que esta noveliña da que son pai deu co agasallo ideal: O Merlín. Seica as veces as cousas na vida real cadran aínda mellor que na literatura”.

Etiquetas: ,

5 Respostas to “«Mil cousas poden pasar.Libro I» de Jacobo Fernández Serrano, premio Merlín 2009”

  1. Jacobo Fernández Serrano, primeiras entrevistas « Xerais blog Says:

    […] By xerais Jacobo Fernández Serrano, gañador do Premio Merlín de Literatura Infantil 2009 por Mil cousas poden pasar.Libro I, realizou as primeiras entrevistas. Aquí recollemos as que fomos […]

  2. A illa da creatividade é a dos Premios Xerais Says:

    […] nomeáronse os premiados e léronse as actas dos xuris: Jacobo Fernández Serrano gañou o Premio Merlín e Rosa Aneiros, nunha fazaña difícil de repetir, vencía o Premio Fundación Caixa Galicia e o […]

  3. Brétemas » O serán de Agustín Says:

    […] incrible dobrete de Rosa Aneiros e as senllas intervencións para agradecer cada un dos premios, a atrevida novela infantil de Jacobo Serrano, as intervencións dos membros dos tres xurados, a elección do agasallo para os participantes, a […]

  4. ferradura en tránsito » de como cheguei á marabilliña Says:

    […] unha marabilliña. Terán máis noticias Comentarios […]

  5. «De como cheguei á marabilliña« por Xosé Manuel Eyré | Xerais Says:

    […] unha marabilliña. Terán máis noticias. Etiquetas: jacobo_fernández_serrano, mil_cousas_poden_pasar, […]

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s


A %d blogueros les gusta esto: