Archive for the ‘Vídeos’ Category

Fran Alonso, entrevista Premios Xerais 2009

Xuño 15, 2009

Rexina Vega, entrevista Premios Xerais 2009

Xuño 15, 2009

Premios Xerais 2009, entrevistas a editores

Xuño 13, 2009

Agustín Fernández Paz, entrevista nos Premios Xerais 2009

Xuño 12, 2009

Vídeoentrevista a AgustínFernández Paz, tras a cerimonia dos Premios Xerais 2009, onde leu o discurso Oito doas para San Simón. Na entrevista, Agustín fala, ademais, de Lúa do Senegal, a súa máis recente novela, publicada na colección Sopa de Libros.

Luís Rei Núñez nos Premios Xerais 2009

Xuño 10, 2009

Luís Rei Núñez, autor de Monte Louro, obra gañadora do Premio Blanco Amor 2009, fala dos Premios Xerais, da súa última novela e das posibles semellanzas temáticas que esta puidese ter con Sol de Inverno, a obra de Rosa Aneiros gañadora deste Xerais 2009.

Xosé Manuel Beiras nos Premios Xerais 2009

Xuño 10, 2009

Tras a cerimonia dos Premios Xerais do sábado 6 de xuño de 2009, Xosé Manuel Beiras fala do sector editorial, do conflito sobre a lingua, sobre a literatura galega actual e o papel dos Premios Xerais, entre outros temas.

«Sobre rodas» nos Xerais 2009

Xuño 9, 2009

«Sobre rodas», o dúo de zanfonistas formado por Luís Correa «O Caruncho» e Carlos do Viso interpretan o «Alalá de Muxía» e a «Foliada de Baiona durante a cerimonia dos Premios Xerais 2009.

Premios Xerais 2009, falan Rosa Aneiros e Jacobo Fernández Serrano

Xuño 9, 2009

«Sobre rodas» nos Premios Xerais 2009

Xuño 8, 2009

O apartado musical dos Premios Xerais 2009 correu a cargo do dúo de Zanfonistas «Sobre rodas», formado por Luís Correa «O Caruncho» e Carlos do Viso. Na cerimonia de entrega tocaron catro pezas, primeiro o «Alalá de Muxía» e a «Foliada de Baiona», e, despois, «O home do sombreiro» e «As matas». Agradecemos a Curioso Impertinente as gravacións que fixo deste apartado musical, tanto na cerimonia como no regreso a porto.

Agustín Fernández Paz: «Oito doas para San Simón»

Xuño 8, 2009

Agustín Fernández Paz, como mantedor literario da XXVIª edición dos Premios Xerais, leu o discurso titulado Oito doas para san Simón (pode descargarse o arquivo pdf aquí)), no que fixo unha defensa do papel da creación literaria en lingua galega como forma de participar na cultura da humanidade. Nesta liña rematou a súa intervención con estas palabras:

Estamos afeitos a traballar en situacións adversas. Na historia da nosa literatura as liñas de resistencia activa veñen de lonxe. De Rosalía, rebelándose contra o feito de sentirse estranxeira na súa patria; de Curros, que denuncia a ameaza dos lobos e clama pola unión; de Cunqueiro pechado na súa bufarda de Mondoñedo a soñar as mil primaveras para a lingua estigmatizada; de Celso Emilio, falándolle como un irmau solidario a todos os desposuído do mundo… A nosa forma de participar na cultura da humanidade é desenvolvendo a cultura galega. Temos dentro de nós a materia que lle pode interesar a calquera persoa en calquera lugar do mundo, só precisamos plasmala a través do proceso de creación. Para conseguilo, cómpre chantar os pés na nosa realidade e, coas raíces na terra, abrirnos a todos os ventos culturais do mundo. Porque aquí están as fábricas da imaxinación das que fala Manuel Rivas, delas poden saír creacións que tamén se lean en toda a periferia mundial. Obras cargadas de vida, obras cunha luz tan forte que sexa imposible de agochar. Un dos trazos máis significativos da cultura galega, que tan ben souberon expresar os membros da Xeración Nós, é a súa vocación de ser célula de universalidade, a súa vontade de ser unha peza máis, en pé de igualdade, no mosaico mundial das culturas: a súa conciencia de que só se pode ser universal desde as propias raíces.

«Sol de Inverno» de Rosa Aneiros, premio Xerais 2009

Xuño 8, 2009

O xurado da 26ª edición do Premio Xerais de Novela dotado con 25.000 euros e formado Ana Bande Bande (bibliotecaria), César Lorenzo Gil (xornalista), Paz Raña Lama (profesora), Sonia Díaz (xornalista), Bieito Legaspi (profesor e membro de Espazo Lectura) e Fran Alonso, secretario do xurado en representación de Xerais, con voz e sen voto, entre as corenta e cinco obras participantes, declarou finalistas as presentadas baixo os seguintes lemas: «A soidade dos leóns», «Dinara», «Limiar da conciencia» e «O retorno das aves».

Despois da súa última deliberación, acordou por maioría declarar como gañadora a presentada baixo o lema “O retorno das aves”, presentada baixo o pseudónimo Píllara que, despois de aberta a plica, resultou ser de Rosa Aneiros e corresponde ao título Sol de Inverno.

Na novela gañadora do Premio Xerais 2009, desde a ventada e afastada aldea de Antes, unha voz narrativa en segunda persoa vai reconstruíndo unha vida e a dunha familia cun intenso pouso de lirismo que atravesa todo o relato. O xurado no texto de xustificación da súa decisión sinalou que “esta é unha longa novela que emociona, unha novela comprometida, densa, que se arrisca cun tema xa tratado e que sae indemne para debuxar o periplo vital dunha fascinante personaxe que, desde os trece anos que ten ao comezo, se move baixo o motor da paixón: Inverno. Inverno, que é a protagonista, habita, empuxada polos designios da historia, diversos escenarios que nos conducen desde a perdida aldea de Antes –nada máis que trinta lumes a comezos de 1936– a Barcelona, para relatarnos a crueldade da guerra; e logo ás circunstancias do exilio en Francia, ao emblemático Ipanema que viaxa con destino a México; ao longo exilio cubano –onde nos atopamos coa emigración e cos descendentes dos cimarróns–; á revolución castrista; e mesmo á viaxe a un París marcado polos estudantes do maio do 68. Sen dúbida, a narración responde ao pulso da historia, pero tamén á rebeldía dos seus personaxes na defensa dos ideais e da xustiza.”

_Rosa_02A novela, de profunda instrospección nos protagonistas e no deseño dos ambientes, constrúe un mundo simbólico, máxico, riquísimo en referentes, a través do que pululan seres entrañables, que nos conmoven, e tamén persoas reais, como Castelao, Carmen Muñoz ou Rafael Dieste. Deste xeito, apaña o fío da tradición literaria galega este longo relato de pulso vagoroso, meditado, que reborda nun río de historias que nunca nos deixan indiferentes. A memoria do exilio, as súas voces e as súas feridas, que Inverno ten que lamber unha e outra vez coma un pesadelo, é a que vai erguendo as sólidas paredes desta novela que, de seguro, engaiolará desde a primeira páxina, desde a dedicatoria inicial a Silvia Mistral.

Rosa Aneiros declarou, cando recibiu o premio Xerais, que “nesta novela quería contar a historia dunha nena, Inverno, a que lle roubaron a infancia, ese paraíso de Antes, e como ao longo de toda a súa vida pelexa por retronar e recuperar ese paraíso. Inverno tenta sempre regresar, especialmente cando vive en Cuba en contacto coa comunidade de emigrantes galegos, aí nese treito da narración, quixen recuperar a memoria da miña propia infancia”. Rematou Rosa Aneiros salientando que “Inverno é un personaxe completo que loita polos seus ideais, mais tamén polos ideais de outros, que sinte tan preto como os propios”.

«Ás de bolboreta» de Rosa Aneiros, premio Fundación Caixa Galicia 2009

Xuño 8, 2009

O xurado da 4ª edición do Premio Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil dotado con 10.000 euros, formado por: Verónica Rego (en representación da Fundación Caixagalicia), Mónica Góñez (profesora e escritora), Pilar Ponte Patiño (profesora), Alba González Méndez (estudante de 4ª da ESO, IES Os Rosais de Vigo), Amanda Bouzada Novoa (estudante de 4º da ESO do IES Os Rosais de Vigo) e Xosé Manuel Moó Pedrosa, secretario do xurado, en representación de Xerais, con voz e sen voto, entre as dezanove obras participantes, declarou finalistas as presentadas baixo os lemas: «Ás de bolboreta», «Dragal» e «Quiromántico».

Despois da súa última deliberación, acordou por unanimidade declarar como gañadora a presentada baixo o lema “Ás de bolboreta” que, despois de aberta a plica, resultou ser de Rosa Aneiros Díaz e corresponde ao título Ás de bolboreta. O xurado aconsella á editorial a publicación da novela presentada baixo o lema “Dragal”.

A novela gañadora do Premio Fundación Caixa Galicia 2009 desenvólvese no bar de Patricia, situado nunha encrucillada de rúas en Santiago de Compostela, o quilómetro cero onde conflúe cada un dos camiños que transitan os máis de quince personaxes. Nesta novela crúzanse historias humanas diferentes que, no seu conxunto, conforman unha radiografía da sociedade urbana actual: globalizada, interconectada e diversa.

_Rosa_01Unha das historias é a de Manuel, un neno de orixe africana, a quen lle morreu a súa nai adoptiva, que apenas pasa tempo co seu pai –un ocupado home de negocios– e que comparte varias horas do día no bar de Patricia co seu avó materno, con quen vai aprender a superar a morte da nai, a comprender a súa infancia e a recuperar o seu pai. Pola súa parte, Lola e Eusebio, un matrimonio de anciáns que viven sos, el enfermo e dependente, teñen que se enfrontar ás grandes decisións que esixen a vellez e a enfermidade: continuar vivindo na casa ou trasladarse á frialdade dunha residencia, ter que recorrer a descoñecidos para que os axuden, saber convivir coa presenza cada vez máis próxima da morte e convencerse de que hai soños que sempre pospuxeron pensando que aínda había tempo por diante para os cumprir.

Tamén está a historia de Iqbal, un mozo londiniense de pais paquistanís que decidiu marchar de Londres tras os atentados terroristas no metro en xullo de 2005 que condicionaron e marcaron a vida dos londinienses pertencentes á comunidade musulmá. E a de Aysel, unha kurda que manifesta de forma brutal a impotencia que sente pola total indiferenza con que a comunidade internacional acolle a represión exercida contra o seu pobo por parte do goberno turco; e a historia dos alpinistas do monte Gurugú, dous mozos nixerianos que tentan atravesar o valado da fronteira de Melilla para poder reunirse coa súa tía, que agarda todos os días, no bar de Patricia, unha chamada que confirme a chegada dos seus sobriños a Galicia. E tamén a historia de Paco e Adolfo, dous homes covardes que non aprenderon a considerar as súas mulleres como compañeiras de viaxe, e a da señora Filomena, e a de Ana, e a de Fiño…

O xurado na xustificación da súa decisión sinalou que “Ás de bolboreta de presenta unha estrutura non xerarquizada, dividada en breves capítulos onde calquera parte está conectada con todas as demais, un puzzle de pezas engarzado do mesmo xeito que se engarzan as vidas dos personaxes da novela. Tratando temas nada compracentes, como o terrorismo, a intolerancia, a soidade ou a violencia contra as mulleres, a novela flúe e conmove aos seus lectores e lectoras grazas á combinación de diálogos áxiles e frescos con pasaxes fondamente líricas. Mediante a conexión do cotián con outras historias que poden semellar máis afastadas conséguese unha intensidade narrativa reforzada polo acertado emprego dos rexistros que se van adecuando aos distintos personaxes que conforman a novela. Ás de bolboreta é tamén un conto triste e esperanzador ao mesmo tempo, fondamente humano, solidario e internacionalista.”

Rosa Aneiros declarou, no momento de recibir o premio Fundación Caixa Galicia, que “esta é unha novela de historias e personaxes que se cruzan, xa que quixen expresar que hoxe todos estamos interconectados e o bater de ás dunha bolboreta pode provocar efectos inagardados noutro lado do mundo”. Continuou Rosa Aneiros dicindo que “procurou para todos os personaxes atopar unha saída para a súa soidade, ao tempo que amosar a presenza dunha violencia moi sutil nas súas vidas”. Rematou a gañadora do premio Fundación Caixa Galicia 2009 recordando que “hai dez anos publiquei a miña primeira obra, a novela xuvenil Eu de maior quero ser, neste tempo aprendín da miña participación en encontros de moitos clubs de lectura e de moitos contactos con lectores novos e novas que teñen unha enorme capacidade para rematar eles as historias; con Ás de bolboreta teño a esperanza que eles rematen estas historias, narradas dende a maior naturalidade, procurando a simpleza e a ausencia de calquera tipo de prexuízos”.

«Mil cousas poden pasar.Libro I» de Jacobo Fernández Serrano, premio Merlín 2009

Xuño 8, 2009

O xurado da 24 ª edición do Premio Merlín de literatura infantil dotado con 10.000 euros formado por: Rosana Estévez Pereira (contacontos e membro de Espazo Lectura), Santiago Gutiérrez (ilustrador), Mercedes Pacheco (tradutora), Mª Xesús Pereiro (escritora infantil e profesora), Xan Guillén  Vázquez (profesor e coordinador do Premio Literario Frei Martín Sarmiento) e Helena Pérez Fernández, secretaria do xurado, en representación de Xerais, con voz e sen voto, entre as vinte e catro obras participantes, declarou finalistas as presentadas baixo os lemas: «Papude», «Secundario» e «Septempunctata».

Despois da súa última deliberación, acordou por maioría declarar como gañadora a presentada baixo o lema “Papude” que, despois de aberta a plica, resultou ser de Jacobo Fernández Serrano e corresponde ao título Mil cousas poden pasar. Libro I.


Os membros do xurado do Premio Merlín xustificaron a súa decisión salientando que en Mil cousas poden pasar. Libro I, “baixo a premisa da liberdade absoluta,  o autor propón ao lector un xogo no que se nos decidimos a entrar a ceibar sen límites a imaxinación, calquera cousa pode xa acontecer”. Coa escusa inicial da procura dun agasallo de aniversario para o submariño rei dos tritóns, a narración vainos levando ao encontro dunha serie de personaxes insólitos e á sucesión de situacións a cal máis imaxinativa e disparatada nunha cidade onde todo é posible, onde o excepcional é o cotián, onde o surrealismo é o normal e o absurdo convértese no lóxico. Para o xurado “as personaxes coas que nos cruzamos nesta deliciosa lectura, e que nun principio semellarían ser so actores secundarios dunha trama nada lineal, acaban revelándose ao cabo nos absolutos protagonistas desta ben orquestada peza coral”.

“Estas personaxes son tan únicas coma as situacións que experimentan: os ríos teñen vida propia, hai dous namorados que viven a súa historia cunha beleza e sensibilidade nas antígonas da ñoñería, e atopamos un enterrador que para si quixera Tim Burton. Montada sobre unha intelixente estrutura, construída coma unha cadea de dominó, onde unha ficha derruba á seguinte, Mil cousas poden pasar. Libro I vainos amosando unha serie de pezas que acaban conformando de maneira totalmente natural un mosaico fermoso e único, construíndo un imaxinario propio e un mundo fantástico orixinal e novidoso, sólido e sen fisuras. Grazas ás pequenas (ou grandes) historias das personaxes que habitan a cidade de Nil, descubrimos un universo que trascende os límites desta novela e que non recorre a tópicos anteriores da literatura infantil.”

“E sobre esta estrutura, e con estas pezas, cóntasenos unha historia sobre as consecuencias das accións, por sutís que estas parezan, nunha sorte de teoría sen fin das ás de bolboreta; e de vocacións, de como todos, dun xeito ou doutro, acaban desempeñando a función para a que se sinten inclinados. O emprego dun narrador, tamén moi particular, é outro dos logros técnicos desta obra: a omniscencia dos narradores convencionais en terceira persoa, é substituída aquí por un interlocutor que fala co lector, que recoñece as súas deficencias coma contador de historias, e que fai lúcidas reflexións vitais de colleita propia que achegan moito á comprensión subxectiva do mundo que nos está a describir. E que ademais, de cando en vez, nos premia citando de forma recurrente  a un felino trovador que ten unha rima para cada situación. “

“Quizais ese mixiño poeta sexa parente lonxano do gato evanescente que se lle aparecía á marabillosa Alicia… ou quizais o río Inrique deixara o seu leito para levarlle auga corrente ao Castelo Ambulante que imaxinara Miyazaki… e de seguro que Gulliver, cando deixa de visitar illas lonxanas e fai turismo de interior, ten unha casiña de verán na vila de Nil onde se sinte como na casa. Quizais a singular cidade de Nil, cae polos arredores de Mondoñedo, o Mondoñedo de Cunqueiro, onde se fraguaron outras tantas historias singulares.”

_Jacobo_01Rematou sinalando o xurado do Premio Merlín 2009 que as razóns polas que foi premiada esta obra foron “pola desbordande imaxinación da que fai gala o autor, polo novidoso do argumento, pola inédita e variada galería de personaxes, pola solidez do mundo que se constrúe ante nós con cada frase, polo orixinal da estutura,  polo arriscado de levar o absurdo ao extremo, pola beleza plástica dalgunhas descricións e figuras narrativas e polo metafórico de moitas das pasaxes argumentais”.

Jacobo Fernández Serrano declarou que “recibir un premio coma este, coa impresionante lista de escritores que o levaron antes ca min, é unha honra e unha ledicia inmensa. A novela comeza cos fillos do rei do mar que caen na conta de que se achega o aniversario do seu pai e aínda non teñen agasallo. Da procura dese agasallo desencadéanse as mil cousas do título da obra. Pois ben, coincidiu que hoxe 6 de xuño é o meu aniversario. Semella logo que esta noveliña da que son pai deu co agasallo ideal: O Merlín. Seica as veces as cousas na vida real cadran aínda mellor que na literatura”.

«O club da calceta», trailer da película

Abril 16, 2009

«O club da calceta», o trailer da película

Abril 7, 2009

cartel_73e4bd75d7e57d6bcf3b582ab95d35e71No portal Flocos pode verse o trailer da película O club da calceta, baseada na novela homónima de María Reimóndez, e dirixida por Antón Dobao.

Manuel Rivas presenta «O sombreiro Chichiriteiro» no Colexio Andaina

Abril 6, 2009

Manuel Rivas e Patricia Castelao presentaron o pasado venres O sombreiro Chichiriteiro diante do alumnado do primeiro ciclo de Educación Primaria do Colexio Andaina de Culleredo.

«O sombreiro Chichiriteiro»

Abril 5, 2009

Capa o sombreiro chichiriteiro .inddManuel Rivas e Patricia Castelao presentaron o pasado venres O sombreiro Chichiriteiro no Colexio Andaina de Culleredo. Pola tarde Rivas asinou exemplares do álbum na Libraría de El Corte Inglés da Coruña. Aquí pódese ver unha interesante entrevista en vídeo publicada na web de La Opinión da Coruña.

«Por arte de maxia», nova novela de Suso de Toro

Marzo 12, 2009

Suso de Toro anuncia no blog que acaba de abrir o que será o comezo da súa nova novela, Por arte de maxia. Aparecerá no catálogo da editorial na vindeira primavera.

«O derradeiro irmán», Appanah en galego

Febreiro 10, 2009

appanahXa está no prelo O derradeiro irmán, a novela da narradora de Illa Mauricio Nathacha Appanah. Esta conmovedora novela sobre a amizade, un fenómeno editorial, grazas ao apoio silencioso dos lectores e libreiros, obtivo durante o pasado ano tres dos premios literarios máis importantes de Francia: premio de novela FNAC 2007, premio dos lectores de L’Express 2008 e Premio Cultura e Bibliotecas para Todos 2008. Foi traducida para o galego por Emma Lázare. A novela estará nos andeis das librarías galegas na última semana deste mes de febreiro.

xg00151401Cando David se lle aparece en soños, Raj prende na memoria da súa infancia: os campos verdísimos da illa tropical onde naceu, o arrecendo e o sabor das froitas e das bágoas, o seu pai e a súa violencia tan previsible, a tenrura da súa nai, os dioivos destrutivos e aquel sol abrasador, os seus irmáns desaparecidos na enchente e a instalación da familia preto da cadea onde vivían uns misteriosos refuxiados. O 26 de decembro de 1940, o Atlantic atraca en Port-Louis, con 1.500 xudeus a bordo, rexeitados de Palestina e deportados á illa Mauricio, entón colonia británica. Daquela Raj non sabía moito sobre o mundo, nin tampouco sobre as traxedias que estaban acontecendo. Tiña dez anos. A curiosidade levouno xogar no bosque da cadea onde traballaba o seu pai e desde alí viu a David no patio da cadea. Sabía que deberían ser amigos. Unha novela conmovedora de Nathacha Appanah, que posúe a sonoridade dunha canción triste, onde cada frase pode chegar a emocionar.

O derradeiro irmán está sendo traducida a quince linguas. Ata o momento coñecemos a edición en éuscaro, portugués e italiano que aparecen no mercado nestes primeiros meses do inverno.

O que dixo a crítica francesa:

«Nathacha Appanah vai emocionar até o máis endurecido dos corazóns. Aparece un furacán literario.» L’ Express.

«Unha mestura marabillosa de dozura e simplicidade para narrar toda a miseria e violencia do mundo.» Le Magazine Littéraire

«A súa forza reside na simplicidade do seu estilo e no poder de evocar imaxes.» Le Nouvel Observateur

«Unha novela potente, inspirada nunha historia vergonzosa e pouco coñecida.” Livres Hebdo

Xelís de Toro presenta «Riofero»

Xaneiro 31, 2009

Xelís de Toro presenta dende Inglaterra, onde vive, Riofero, a novela que chega esta semana ás librarías galegas. Como xa sinalamos, Riofero conta cun espazo web, onde se poden escoitar sete musicais creados polo propio Xelís.

Faleceu Manuel Riveiro Loureiro

Xaneiro 15, 2009

A dirección e o cadro de persoal de Xerais expresa o seu pesar polo falecemento do escritor Manuel Riveiro Loureiro. Fecundo narrador, autor dramático e tradutor, publicou en Xerais a novela As cereixas (1988); as pezas teatrais O coronel ten a quen lle escribir (1989) e O prazo (1993), Premio Álvaro Cunqueiro de textos teatrais; ocupándose da tradución dende o ruso de Sete narradores soviéticos (1991) e de dous libros da colección «Xabarín», Un heroe do noso tempo de M.I. Liérmontof e O primeiro amor de Iván Turgiéñef.

«Lía e as zapatillas de deporte»

Decembro 27, 2008

María Reimóndez presentou en Espazo Lectura Lía e as zapatillas de deportes.

Jaureguizar fala d’ «O Globo de Shakespeare»

Decembro 11, 2008

Neste vídeo da serie Falemos dos libros, gravado en Cultur.gal 2008, Jaureguizar presenta O Globo de Shakespeare.

Le Clézio reeditado en galego

Decembro 11, 2008

Capa NARRATIVAA Nosa Terra e Vieiros fanse eco da noticia da aparición da reedición de Mondo e outras historias, o memos día que o autor francés recibía o Premio Nobel en Estocolmo.

«Historia de Ourense», presentación

Decembro 9, 2008

Tele Miño emitiu esta noticia sobre a presentación de Historia de Ourense e a homenaxe posterior a Marcos Valcárcel.

Fran Alonso fala de «Un país a medio facer»

Decembro 9, 2008

Fran Alonso presenta Un país a medio facer na xeira de entrevistas Falemos de libros emitidas en directo por internet dende o Cultur.gal pola AELG.

Manuel Rivas fala d’ «A corpo aberto»

Decembro 8, 2008

Manuel Rivas presenta A corpo aberto na xeira de entrevistas Falemos dos libros emitidas en directo por Internet dende o Cultur.gal pola AELG.

«Boas noites» en Espazo Lectura

Decembro 2, 2008

Paula Carballeira presentou Boas noites, a obra gañadora do Premio Manuel María de literatura dramática infantil 2006 nunha sesión do ciclo de lecturas compartidas «Lendo contigo», organizado en Gondomar por Espazo Lectura. Recollemos un dos vídeos gravados durante a sesión.

«Un país a medio facer», presentación en You Tube

Decembro 1, 2008

Fran Alonso presenta nun vídeo colgado no seu blog Un país a medio facer, a súa obra xornalística máis recente que será presentada en roda de prensa en Culturgal o vindeiro 4 de novembro ás 17 horas.

«Remoldiño vai á feira» en Espazo Lectura de Gondomar

Novembro 29, 2008

Continuando coa campaña «Voces á orella», organizada por Xerais e a Secretaría Xeral de Política Lingüística, o espectáculo Remoldiño vai á feira chegou a Gondomar xestionado por Espazo Lectura. Este espectáculo, baseado no libro homónimo de Xoán Cuba, ilustrado por Óscar Villán, interpretado polos actores Chus Álvarez e Antonio L. Rico, da compañía Casahamlet, chegou así as trinta representacións realizadas por todo o país. Os membros de Espazo Lectura gravaron estes magníficos vídeos.

«Mal de escola», a volta de Daniel Pennac en galego

Setembro 14, 2008

Nos primeiros días de outubro estará nas librarías galegas Mal de escola, a celebrada obra de Daniel Pennac, traducida para a nosa lingua por Xavier Senín Fernández. Mal de escol, Premio Renaudot 2007, constitúe unha magnífica mestura de memorias e de ensaio que aborda tanto os problemas actuais da educación, como as lembranzas do autor tras a súa experiencia como un mal alumno adolescente e como profesor de lingua nun instituto parisino durante vinte e cinco anos.

Daniel Pennac, nunha liña semellante á de Coma unha novela (Xerais 1993), aborda en Mal de escola a cuestión da escola e da educación dende o punto de vista dos malos alumnos. O autor, un dos máis celebrados das letras francesas contemporáneas,  un pésimo estudante adolescente, estuda esta figura do folclore popular outorgándolle a nobleza que se merece e restituíndolle a carga de angustia e dolor que a acompaña. Mal de escola mestura as testemuñas autobiográficas (como estudante e profesor que exerceu a docencia durante vinte e cinco anos nun instituto de París) con reflexións sobre a pedagoxía e as disfuncións da institución escolar, o papel dos pais e da familia co papel da televisión e dos medios de comunicación actuais, a sede de aprendizaxe coa dor de ser un mal estudante, o sentimento de exclusión do alumno e o amor á ensinanza do profesor. Mal de escola, Premio Renaudot 2007, é un fenómeno editorial en Francia capaz de reabrir un gran debate arredor das razóns do fracaso escolar e do estado e do futuro da educación pública.

Daniel Pennac lendo un anaco da obra orixinal na televisión francesa.

Agustín Fernández Paz, en culturagalega.org

Xullo 10, 2008

Culturagalega.org volve ofrecernos unha moi interesante entrevista en vídeo. Neste caso, Agustín Fernández Paz reflexiona sobre a situación actual da literatura infantil e xuvenil en Galicia, e sobre as claves para entender a súa consolidación no noso sistema literario. Ademais tamén nos fala da súa última obra, O único que queda é o amor, recentemente traducida ao portugués, e fainos algunhas recomendacións de lecturas para este verán.

Suso de Toro, entrevistado para a rede

Xullo 9, 2008

Aquí pode verse a entrevista con Suso de Toro emitida por ANT Televisión con motivo da presentación d’ Outra Galiza. En Vieiros pode visionarse estoutra entrevista.

“Festina lente”, os espazos da novela

Xuño 30, 2008

Culturagalega.org tivo a feliz idea de acompañar a Marcos Calveiro no percorrido dos espazos composteláns de Festina lente. Un vídeo que moito recomendamos.

“Decálogo do galego” por Xosé Manuel Pereiro

Xuño 25, 2008

Vodpod videos no longer available.

more about “O decálogo do galego por Xosé Manuel …“, posted with vodpod

“Decálogo do galego” por Manuel Rivas

Xuño 25, 2008

Vodpod videos no longer available.

more about “O decálogo do galego“, posted with vodpod

“Decálogo do galego”, presentación “Os Grouchos”

Xuño 25, 2008

Martín Pawley fixo unha interesantes gravacións en vídeo dos actos de presentación d’ Os Grouchos en Santa Comba. Un dos momentos máis interesantes foi a lectura do “Decálogo do galego” polo propio Manuel Rivas e polo presentador do libro, Xosé Manuel Pereiro.