«Ás de bolboreta» de Rosa Aneiros, premio Fundación Caixa Galicia 2009

O xurado da 4ª edición do Premio Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil dotado con 10.000 euros, formado por: Verónica Rego (en representación da Fundación Caixagalicia), Mónica Góñez (profesora e escritora), Pilar Ponte Patiño (profesora), Alba González Méndez (estudante de 4ª da ESO, IES Os Rosais de Vigo), Amanda Bouzada Novoa (estudante de 4º da ESO do IES Os Rosais de Vigo) e Xosé Manuel Moó Pedrosa, secretario do xurado, en representación de Xerais, con voz e sen voto, entre as dezanove obras participantes, declarou finalistas as presentadas baixo os lemas: «Ás de bolboreta», «Dragal» e «Quiromántico».

Despois da súa última deliberación, acordou por unanimidade declarar como gañadora a presentada baixo o lema “Ás de bolboreta” que, despois de aberta a plica, resultou ser de Rosa Aneiros Díaz e corresponde ao título Ás de bolboreta. O xurado aconsella á editorial a publicación da novela presentada baixo o lema “Dragal”.

A novela gañadora do Premio Fundación Caixa Galicia 2009 desenvólvese no bar de Patricia, situado nunha encrucillada de rúas en Santiago de Compostela, o quilómetro cero onde conflúe cada un dos camiños que transitan os máis de quince personaxes. Nesta novela crúzanse historias humanas diferentes que, no seu conxunto, conforman unha radiografía da sociedade urbana actual: globalizada, interconectada e diversa.

_Rosa_01Unha das historias é a de Manuel, un neno de orixe africana, a quen lle morreu a súa nai adoptiva, que apenas pasa tempo co seu pai –un ocupado home de negocios– e que comparte varias horas do día no bar de Patricia co seu avó materno, con quen vai aprender a superar a morte da nai, a comprender a súa infancia e a recuperar o seu pai. Pola súa parte, Lola e Eusebio, un matrimonio de anciáns que viven sos, el enfermo e dependente, teñen que se enfrontar ás grandes decisións que esixen a vellez e a enfermidade: continuar vivindo na casa ou trasladarse á frialdade dunha residencia, ter que recorrer a descoñecidos para que os axuden, saber convivir coa presenza cada vez máis próxima da morte e convencerse de que hai soños que sempre pospuxeron pensando que aínda había tempo por diante para os cumprir.

Tamén está a historia de Iqbal, un mozo londiniense de pais paquistanís que decidiu marchar de Londres tras os atentados terroristas no metro en xullo de 2005 que condicionaron e marcaron a vida dos londinienses pertencentes á comunidade musulmá. E a de Aysel, unha kurda que manifesta de forma brutal a impotencia que sente pola total indiferenza con que a comunidade internacional acolle a represión exercida contra o seu pobo por parte do goberno turco; e a historia dos alpinistas do monte Gurugú, dous mozos nixerianos que tentan atravesar o valado da fronteira de Melilla para poder reunirse coa súa tía, que agarda todos os días, no bar de Patricia, unha chamada que confirme a chegada dos seus sobriños a Galicia. E tamén a historia de Paco e Adolfo, dous homes covardes que non aprenderon a considerar as súas mulleres como compañeiras de viaxe, e a da señora Filomena, e a de Ana, e a de Fiño…

O xurado na xustificación da súa decisión sinalou que “Ás de bolboreta de presenta unha estrutura non xerarquizada, dividada en breves capítulos onde calquera parte está conectada con todas as demais, un puzzle de pezas engarzado do mesmo xeito que se engarzan as vidas dos personaxes da novela. Tratando temas nada compracentes, como o terrorismo, a intolerancia, a soidade ou a violencia contra as mulleres, a novela flúe e conmove aos seus lectores e lectoras grazas á combinación de diálogos áxiles e frescos con pasaxes fondamente líricas. Mediante a conexión do cotián con outras historias que poden semellar máis afastadas conséguese unha intensidade narrativa reforzada polo acertado emprego dos rexistros que se van adecuando aos distintos personaxes que conforman a novela. Ás de bolboreta é tamén un conto triste e esperanzador ao mesmo tempo, fondamente humano, solidario e internacionalista.”

Rosa Aneiros declarou, no momento de recibir o premio Fundación Caixa Galicia, que “esta é unha novela de historias e personaxes que se cruzan, xa que quixen expresar que hoxe todos estamos interconectados e o bater de ás dunha bolboreta pode provocar efectos inagardados noutro lado do mundo”. Continuou Rosa Aneiros dicindo que “procurou para todos os personaxes atopar unha saída para a súa soidade, ao tempo que amosar a presenza dunha violencia moi sutil nas súas vidas”. Rematou a gañadora do premio Fundación Caixa Galicia 2009 recordando que “hai dez anos publiquei a miña primeira obra, a novela xuvenil Eu de maior quero ser, neste tempo aprendín da miña participación en encontros de moitos clubs de lectura e de moitos contactos con lectores novos e novas que teñen unha enorme capacidade para rematar eles as historias; con Ás de bolboreta teño a esperanza que eles rematen estas historias, narradas dende a maior naturalidade, procurando a simpleza e a ausencia de calquera tipo de prexuízos”.

Etiquetas: , ,

6 Respostas to “«Ás de bolboreta» de Rosa Aneiros, premio Fundación Caixa Galicia 2009”

  1. A illa da creatividade é a dos Premios Xerais Says:

    […] Serrano gañou o Premio Merlín e Rosa Aneiros, nunha fazaña difícil de repetir, vencía o Premio Fundación Caixa Galicia e o Xerais de […]

  2. “Sol de Inverno” de Rosa Aneiros, Premio Xerais 2009 Says:

    […] é a obra gañadora do Premio Xerais de Novela 2009. A súa autora, Rosa Aneiros, tamén se fixo co Premio Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil con “Ás de bolboreta”. Velaquí a entrevista que lle fixemos no Diario Cultura á […]

  3. Brétemas » O serán de Agustín Says:

    […] de onte en San Simón foi un serán memorable. O incrible dobrete de Rosa Aneiros e as senllas intervencións para agradecer cada un dos premios, a atrevida novela […]

  4. “Ás de bolboreta”, Premio Caixa Galicia 2009, un capítulo para descargar « Xerais blog Says:

    […] para descargar By xerais Descarga dende aquí un capítulo en pdf da novela de Rosa Aneiros, Ás de bolboreta, gañadora do Premio Fundación Caixa Galicia 2009. Boa […]

  5. Nelson de Matos Says:

    Muitos Parabéns a Rosa Aneiros e muito obrigado a Xerais por nos permitir esta antecipação da leitura da sua novela.

    NM

  6. sandy Says:

    que libro máis maravillosooo!!!!!!!!!!!O principio non mola moito pero despois o final….Que bonitooo!!!!Encantoume moito este libro e gracias a ti ,Rosa Aneiros.Moitos bicos e apertas para tíííí

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s


A %d blogueros les gusta esto: